20211018

Non a (esa) volta a (esa) normalidade

Non a (esa) volta a (esa) normalidade

   Piden a volta á normalidade. Pero non é a mesma normalidade para todos. A presión é para unha volta determinada, para unha volta 'á súa' normalidade. Ou quizais deberamos dicir 'volta á anormalidade'.

   Porque o anormal é que puidéramos chegar á situación da pandemia. É dicir, o anormal é o 'antes' que tiñamos, que propiciou a aparición da enfermidade e a súa extensión  a todo o mundo, que deixou á meirande parte da xente desatentida, 'soa ante o perigo'. Ou sexa, é anormal non (só) pola aparición dun virus, senón polas circunstancias que o propiciaron, e propiciaron tamén que se convertira en pandemia.

   Non, non quero esa normalidade que é unha dinámica de baixar o listón en saúde, educación... si, como 'grandes temas', pero tampouco a 'normalidade' de ruído excesivo nas noites de certos lugares ou de emisión de noticias falsas ás que se lles dá máis difusión que ás verdadeiras. Normalidade?

   É normalidade que teña que haber un movemento feminista por necesidade, ou un anticapitalismo xa máis aló de ideoloxías, só por exceso da mesma concentración de capital?

   Dicía un columnista coñecido meu esta mesma semana na que estou a escribir que xa estamos tan afeitos a protestar que non discriminamos, non somos capaces de ver polo que paga a pena protestar e facer forza do que non. É dicir, que protestamos por sistema. Admitindo que en máis dun caso pode ser certo, tamén hai que dicir que nin moito menos é aplicable a tódolos casos: protéstase por forza maior, por necesidade. Quizais o que estea mal identificado sexa o problema. Coido que o problema é o sistema, o propio sistema sociopolíticoeconómico, que é moito para cambiar dunha soa volta, e por iso se vai a pequenas partes do mesmo que se perciben como con posibilidades de cambio. Pero iso lévanos á inflación de protestas, e de aí á antiprotesta, 'protesta da protesta'... e volvendo ó título, tampouco quero regresar a 'esa' (a)normalidade...

Ningún comentario: