20230607

Un longo chío

    Remata de chegar a min o último exemplar de Chío, o Chío nº 21, correspondente a este verán. Nel, o mesmo que nos números inmediatamente anteriores, teño unha pequena contribución. Neste caso, a seguinte (a notar que queda mellor maquetado na revista!):

--

Un longo chío

    A revista Chío enfronta unha edición estendida, para un período de tres meses sen outro novo número. Logo este chío será longo e con nostalxia dunha frecuencia que o verán pide e logra atenuar. 

    Cando se teña publicado, teremos rematado de pasar unhas eleccións locais que de seguro terán deixado non só diferente sabor en distintas organizacións e partidos, senón tamén variable considerando diferentes pobos. E estaremos enfrontando un período, algo máis longo que o que se dará entre chíos, ata a chegada de outra convocatoria ás urnas. Desa outra volta, menos centrada no local e máis no estatal. Cabe lembrar, despois do dito, que as eleccións, ao menos en teoría, están capacitadas para un resultado que cambie o noso mundo. Así este longo chío pode asemade coincidir cun tempo de cambio en maior profundidade que outros semellantes, ollando, á espera e en previsión de posibles máis cambios no futuro próximo.

    Tempos movidos ós que lles ven ben un contraste de paz

    Agora, cando comezo a escribir isto, estou mirando o mar. Ós meus pés, a ría, os barcos amarrados, pero tamén algunha embarcación fóra do porto. Un pouco máis lonxe -ou máis preto dos cascos ó fondo- a ponte e sobre ela o tráfico que chega a min pola vista e o ouvido. Pola vista, sobrepoñéndose á liña do horizonte con vultos en movemento sobre a recta que marca a estrada. Polo ouvido, pasando ben por riba do murmurio das folla axitadas pola brisa e competindo cun par de cans xoguetóns sobre a herba á beira das súas parlanchinas donas, en inglés nunha terra que se supón galegofalante. Contrastes que encaixan sen desentoar


    O ceo algodoado deixa ver nalgures un fondo azul. Por certo, aínda hai pouco que me descubriron a semellanza das verbas que os romanos usaban para a cor e as que tiñan para a cúpula no alto dun día límpido. Ceo máis variado que chama a ollar arriba e atrae levantando o ánimo cara ás invisibles estrelas.

    Estrelas que non se ven e estelas visibles: vexo os trazos dos barcos na auga, curiosa superposición de ondas fabricadas polo vento, polos artiluxios mariñeiros e pola auga alborozada que deixa atrás o seu desprazamento. Estelas que cambian a natureza aleatoria da auga, deixando a sua marca escrita esvaecéndose en espera de interpretación.

    Da outra beira, día a día vese un pouco máis feito un novo barco que axudará a ter enerxía ó mundo. Á súa beira impoñente, as casas das Figueiras quedan reducidas a compañía visual. Bonita, pero compañía. Só as naves insulsas e o entramado das grúas por unha beira, e o restaurado pazo pola outra, compiten co vermello casco en acaparar a vista nesa dirección

    Nesta beira, do vello porto pesqueiro e dársena que acollía ós veleiros das rutas ó norte, suben ós meus pés as rúas que vertebraron o pasado mariñeiro e comerciante de Ribadeo. Límites almeados, que acompañan tamén algunha casa, fan de beira a pazos tranquilos, e a unha mancha verde, prado e horta, en pleno centro do pobo. Pisando a herba ós pés da capela, ata se deixan adiviñar os muros protectores dunha vila do pasado que deixa ver o seu potente presente

    Un faro ó fondo, disposto pero apagado á luz do día, fai de límite entre terra e mar, ría e océano. Máis achegado, o miradoiro aproveitado do que un día foi cargadoiro de mineral, entrañas da terra exportadas para servizo de artefactos construídos lonxe. Entre ambos, faro e cargadoiro, o indefenso forte que pretendía defender a ría.

    Detalles entre outros moitos que están á vista e completan esas sensacións que chegan ó corpo nalgúns lugares apreciados precisamente por iso, por poder desfrutalas.

    Estou na Atalaia, en Ribadeo.

Antonio Gregorio Montes

20230605

Un novo hectómetro no paseo dos Soños

    O pasado sábado fíxose a homenaxe ós irmáns Coira coa adicación do XVII Hectómetro Literario no Paseo dos soños de Vilalba. Con ese motivo comecei a argallar un artigo na Galipedia, do que, a falta dunha entrada adicada de xeito específico ó acto do sábado, recollo:

    O Paseo dos soños é unha zona do paseo fluvial de Vilalba, á beira do río Magdalena, na que se levan poñendo fitos conmemorativos da labor de chairegos destacados dende o ano 2006, a razón dun fito por ano. Cada fito vén denominado como 'Hectómetro literario'. A Irmandade Manuel María e a Asociación Xermolos, en colaboración co Concello de Vilalba, levan a cabo a organización.

Hectómetros literarios

Ata o momento, os Hectómetros literarios e a súa adicación son os seguintes:

I.- Paco Martín (Francisco Martín Iglesias) (2006)

II.- Manuel María Fernández Teixeiro (2007)

III.- Agustín Fernández Paz (2008)

IV.- Xabier P. DoCampo (Francisco Xavier Puente Docampo) (2009)

V.- Darío Xohán Cabana (2010)

VI.- Xosé Manuel Carballo Ferreiro (2011)

Paseo dos Soños. Hectómetro Margarita Ledo
Paseo dos Soños. Hectómetro Margarita Ledo

VII.- Margarita Ledo Andión (2012)

Paseo dos Soños. Hectómetro adicado a Helena Villar e Xesús Rábade
Paseo dos Soños. Hectómetro adicado a Helena Villar e Xesús Rábade

VIII.- Xesús Rábade Paredes e Helena Villar Janeiro (2013)

Paseo dos Soños. Hectómetro Xosé Chao
Paseo dos Soños. Hectómetro Xosé Chao

IX.- Xosé Chao Rego (2014)

Paseo dos Soños. Hectómetro Ramón Chao
Paseo dos Soños. Hectómetro Ramón Chao

X.- Ramón Luis Chao Rego (2015)

Paseo dos Soños. Hectómetro Xulio Xiz
Paseo dos Soños. Hectómetro Xulio Xiz

XI.- Xulio Xiz (Julio Modesto Giz Ramil) (2016)

Paseo dos Soños. Hectómetro adicado a Mini e Mero
Paseo dos Soños. Hectómetro adicado a Mini e Mero

XII.- Mini e Mero (2017)

XIII.- Alfonso Blanco Torrado (2019)

Paseo dos Soños. Hectómetro Fernán Vello
Paseo dos Soños. Hectómetro Fernán Vello

XIV.- Miguel Anxo Fernán-Vello (2020)

Paseo dos Soños. Hectómetro Sonia Villapol
Paseo dos Soños. Hectómetro Sonia Villapol
Paseo dos Soños. Hectómetro Victor Corral
Paseo dos Soños. Hectómetro Victor Corral

XV.- Víctor Corral (2021)

XVI.- Sonia Villapol Salgado (2022)

Paseo dos soños. Hectómetro irmáns Coira
Paseo dos soños. Hectómetro irmáns Coira

XVII.- Irmáns Coira (Pepe, Carlos e Jorge) (2023)

    A adicación de cada hectómetro levou consigo un pequeno encontro arredor da obra da persoa ou persoas homenaxeadas no Muíño do Rañego, paseo da comitiva acompañada de xeito musical ata o lugar do novo fito, e a adicación en si.

Cor salmón

Cor salmón

Collido de https://ecousera.blogspot.com

    Remato de follear un suplemento cor salmón nun xornal galego. Unha vez máis, fixeime en que toda a separata, de 24 páxinas, repito, cor salmón, característico da información sobre finanzas nos medios escritos, en calquera das noticias, as empresas e sociedades referidas desaparecían en canto á actividade económica máis aló dos cartos. Sen importar nin mencionar ó que se adican. Ben, algunha vez si o mencionan, mais é para indicar adquisicións ou competencia que mingua ou propicia cartos, non para indicar que eses cartos prodúcense máis ou menos por un ou outro avance industrial, de invención, de desenvolvemento... Se hai algunha excepción nesta prensa salmón é iso, unha excepción das que confirma a regra. Un contraste co relativo ó persoal, que si aparece como fonte de ganancias cando se está a tratar de despidos. Claro que as novas contratacións seguen tamén a regra anterior, non soen ser cuantificadas nin moi atendidas nas novas, máis aló dunha xenérica referencia á ampliación da actividade da compañía correspondente.

    Ven a cousa a conto de como se controlan hoxe os cartos: menos ca nunca importa de onde veñen, de onde saen ou do servizo ó que están asociados, quedando só como relevante o feito de telos ou conseguilos. Sen importar como. Ás veces, mesmo ocultando como. É unha imaxe, a do texto escrito sobre o papel salmón, do mundo actual. Imaxe que tende a ser máis nidia a medida que o capitalismo monta por riba da sociedade e humanidade. É dicir, do conxunto e de cada un dos individuos que nos chamamos persoas a nós mesmos.

    Trátese de política ou empresas, o filtro das finanzas está claro: cartos. E cantos máis, o baruto é máis largo: mesmo, en cantidade abonda, non fai falta nin peneirar, serve calquera fonte.

    Apunto a diferencia entre economía e finanzas, cada vez máis embarullada a medida que as finanzas medran máis ca economía e se independizan da natureza e da sociedade. Do mesmo xeito que cabe lembrar que din que economía ven de ‘administrar a casa’ segundo o significado das súas raíces no grego clásico, a verba finanzas ven do francés, indicando a súa orixe sinxelamente chegar a un fin, conseguilo, finalizar algo. É dicir, sen considerar os medios. Por certo, facendo un paréntese, a súa verba orixe, ‘finer’ estaría tamén relacionada co noso fúnebre ‘finar’, que en moitas circunstancias ven como anel ó dedo para caracterizar ó resultado das finanzas. O significado das antigas verbas que serviron de base a estas, pode ir variando no tempo, mais correspóndese abondo co sentido actual de ambas: unha xestión das actividades que nos proporcionan os apoios para a vida contra un acadar certos fins elixidos de xeito particular sen ter en conta os medios.

    O resto é historia (e actualidade). Pero no noso caso, si, a ter en conta, como persoas e como sociedade.

20230604

Sábado 3 de xuño, concentración pensionista

    Emprego un recorte dunha foto de Suso Fernández para deixar constancia gráfica dunha nova concentración pensionista en Ribadeo este primeiro sábado de mes, onte 3 de xuño, e engado o texto lido por Enrique.

 

Bos Días

Fai mas de cinco anos nos xuntamos nas escaleiras do Concello un grupo para protestar pola suba do 0,25%,Cinco anos despois sinto una gran decepción, sintome enganado polo meo pobo, cinco anos perdidos.

Subíronnos as pensións un 8,5%, revalorizaronlas segundo o IPC, subiron o salario mínimo a 1080 € e nós votamos a quén quere facer o contrario, ás Municipais tiñan que ser iso, Municipais, ós azuis son os que trocaron as regras de xogo, pois dicirvos que o seu xogo e privatizar as pensións, baixar a suba outra vez o 0,25%, poñer o salario base a niveis dos 700 €, e nós damoslles a razón. Entón, que coño pintamos aquí?

Estiven con COVID, Podo dicir que o xoves da semana pasada fun ben atendido por parte de todos,. Médico de cabeceira, persoal de ambulancia e persoal de urxencias no hospital da costa, pPara comigo foi moi bo e paciente. Deume tan forte que estaba desorientado completamente, pois esa asistencia non me custou un peso. Parece que a moitos sóbranlles os cartos e queren pagala, pero moitos de nós non temos cartos e sería imposible de asumir. Queixámonos que sube a gasolina, e una leituga; esperade o que isto representará, empeñados de por vida por una operación.

Por iso penso que pensións, sanidade, educación, impórtanos un carallo a todos. Facemos como no fútbol, xogar a cabalo gañador sen importarnos ás consecuencias. Non digo que este Goberno o fixera ben, pero tivo grandes retos: PANDEMIA, FILOMENA, ERUPCIÓN VOLCANICA NA PALMA, A DANA, A GOTA FRÍA, INUNDACIÓNS.

Os azuis dedicáronse a dicir non e non, a todo. E con todo, tivemos aumento en gasto social. E nós miramos para outro lado. Xa non se lembran do YAK-42, van 20 anos diso. 75 mortos, sen imputados. Nin da ruina do Prestixe, 21 anos xa. Nin dos mortos da hepatite C, 8 anos, 4000 mortos e sen responsables. Nin os recentes mortos nas residencias, 34 500 e nin unha condea de todo iesto. Para eles non é endebedamento que nos baleiraran as arcas da Seguridade Social, nin os cartos destinados á igrexa, nin manter á familia real. Ti si podes morrer de fame e enfermidade por non ter coidados, pero estes parásitos non. E moitos de nós entramos no seu xogo, á vista dos resultados.

Se non temos que comer, prendemola tele e vemos que esa xente está ben, e xa comemos con iso. Vivimos do aire que outra xente respira, “eche o que hai”, é o que nos acostumaron, conque coma un, chega; os outros miramos.

Temos o que nos merecemos, a nosa ferramenta son ás rúas, que están para protestar. Ese é o noso recurso, é o que nos deixan, mentres non apliquen a lei mordaza, e nos importa un carallo quen goberne, simplemente que non nos tomen o pelo. Non digo que estes o fixeran ben nen moito menos, porque mentiría. Puideron facer moito máis por nós, e sobre todo ternos a nós un pouco mais en conta, recibirnos e escoitar as nosas propostas. A fénda de xénero é unha lacra que temos enriba porque non fai falla irnos a África para ver a miseria, témola a volta da esquina, por non dicir na porta do lado ou dentro das nosas casas, e falamos de familias tanto nacionais como estranxeiras.

Estiven un pouco documentándome e comparando publicacións da situación real sobre a pobreza en España: case a metade dos españois, o 44,9 %, chega con dificultade a fin de mes. É dicir, moitos viven moi preto do límite das súas posibilidades, e 1 de cada 5, (o 21 % mais ou menos), xa está instalado nesa situación. Datos dos anos comprendidos entre 2019 e 2022, fogares que acaban o mes con moita dificultade.

No ano 2021, había un total de 13,1 millóns de persoas é dicir, o 27,8 % da poboación española, que estaban en risco de pobreza e/ou exclusión social. En España, case 2,2 millóns de nenos viven na pobreza relativa. Somos lideres en Europa. Por primeira vez na historia deste país, os nenos convertéronse no colectivo máis afectado pola crise económica, Estremadura, Andalucía e Ceuta, están á cabeza. En Galicia temos un 25,2 %. O 30% das familias só teñen para gastos esenciais: "antes mercaban chuleta ibérica e agora pito". O 20% das familias está ao límite, e non poden recortar máis. A demanda de produtos frescos, como pescado e carne, caeu un 7% con respecto ao ano pasado, tiramos de marcas brancas cada vez mais. Grazas a que ás grandes economistas témolas na casa. E fan milagres.

O umbral da pobreza no ano 2023 sitúase nos 841€ ao mes. Algúns dos que estámos aquí estamos nese limite. Para mais foder, unha nova de última hora di que os traballadores poderán cobrar un 20% máis de pensión se demoran 10 anos a súa xubilación. Resulta que os nosos xóvenes entran no mercado laboral entre os 25 e 30 anos, e que se a iso se lle suma que tes que ter cotizado 39 anos para xubilarte, ás probabilidades son poucas. Por iso teñan a moral polos pés. Non me sstrana que pensen que xamais se xubilarán, non deixan moito marxe para un paro. A nosa xuventude non nos apoia é nós non podemos facer moito máis sen o apoio da nosa xuventude. E mentres o corpo nos aguante, seguiremos nas nosas reivindicacións porque queremos deixarlles un bo futuro:

1. pensión mínima de 1.080 euros.

2. eliminación da fenda de xénero.

3. restablecer o cómputo de 15 anos para o cálculo das pensións.

4. auditoría das contas da seguridade social.

5. voltar a xubilación aos 65 anos.

6. actualización de pensións e salarios segundo o ipc real, e unha paga compensatoria pola perda do poder adquisitivo das pensións a fin de ano.

7. derrogación das reformas de 2011, 2013 e 2023.

8. non aos plans de pensións privados de empresa, e non á xestión privada das pensións públicas.

9. xubilación anticipada sen penalización a partir dos 40 anos cotizados.

10. non as privatizacións, queremos seguir sendo do sistema público.

11. derogacion da lei mordaza.

¡¡¡ Goberne quen goberne as pensións e servizos públicos deféndense!!!

20230603

Resultados electorais municipais Vilalba 2023 (IV)

    Para rematar coa serie de resultados electorais deste 28 de maio en Vilalba, deixo catro gráficos e unha táboa.

    Un par de avisos previos:

    - onde collín os datos non é unha fonte oficial, e hai unha pequena diferencia de votos coas cifras totais oficiais que non invalida o resultado nin é perceptible nas gráficas (20 votos no PP e 15 no BNG)

    - as seccións censais / colexios electorais teñen unha referencia aproximada do territorio que abranguen. 

    Comezo polos dous gráficos que teñen máis barullo á vista. No primeiro, as porcentaxes obtidas por cada partido en cada unha das zonas. Como cada sección censal ten diferente número de votantes asignado, esta gráfica dá información sobre a predominancia de cada partido na zona correspondente, pero non da importancia acumulada.

    A segunda gráfica dá información do número de votos por sección censal, co que é máis doado ver a acumulación de votos e a importancia relativa de cada zona.

    Desglosando só entre as seccións do casco urbano e das parroquias, en porcentaxe, temos un gráfico que nos indica que o PP ten claramente máis pulo no rural, en detrimento de VA e sobre todo, do BNG, mentres o PSOE conserva a porcentaxe de votos en ambas zonas.

    A acumulación de votos en rural /zona urbana dá a importancia relativa do peso electoral de cada zona:
    E a táboa que mantén os gráficos anteriores, que repito, contén nḿeros que non son oficiais e hai que tomar como aproximados:

 

Anteriores da serie:

Resultados Vilalba (I)

Resultados Vilalba (II)

Resultados Vilalba (III)

 


20230602

3 de xuño, concentración pensionista en Ribadeo

    Un mes mais, goberne quen goberne, haxa eleccións ou non, os pensionistas seguen pensando no futuro de todos. Concentración este sábado en Ribadeo polas pensións, pola equidade, polo traballo xusto, pola igualdade, polos servizos públicos....


20230601

Resultados electorais municipais Vilalba 2023 (III)

    Deixo a relación de concelleiros electos nestas eleccións de 28 de maio de 2023 en Vilalba, en orde de obtención da cadeira segundo o método d'Hondt que rixe os procesos electorais en España, poñendo en cada liña o número de orde, partido, nome e número de d'Hondt:

1. PP SANDRA VAZQUEZ DOMINGUEZ 3810 

2. PSOE MARÍA ELBA VELEIRO FERNÁNDEZ 2159 

3. PP ALVARO FRAGA CASTRO 1905 

4. VA MODESTO RENDA SANTISO 1599 

5. PP PAULA GESTO DIAZ 1270 

6. PSOE MARTA MARÍA ROUCO SEOANE 1080 

7. PP DANIEL OROSA PICO 953 

8. VA MARIA XOSE FERNANDEZ PARDO 800 

9. PP SANDRA LOPEZ RODIGUEZ 762 

10. PSOE EDUARDO VIDAL BAAMONDE 720 

11. BNG CONSTANTINO ALVITE MUINELO 657 

12. PP JOSE MARIA GARCIA- LEIRA BOADO 635 

13. PP PATRICIA TEIJEIRO ALVAREZ 544 

14. PSOE PAULA VIGO LAMAS 540 

15. VA TAMARA RODRIGUEZ LOPEZ 533 

16. PP JOSE FRANCO CRIADO 476 

17. PSOE LUIS FERNÁNDEZ ÁLVAREZ 432 

    Pode que o sistema d'Hondt non sexa o mellor, pero é o vixente... 

Anteriores:

Resultados Vilalba (I)

Resultados Vilalba (II)

Comezo das listas de candidatos, no boletín oficial

Ninguén morreu. Que é o importante?

Ninguén morreu. Que é o importante?

    Como se de Saramago e as súas 'intermitencias da morte' se tratase, unha famosa política (pola política que fai, ocorrencias que ten, e votos obtidos, sen presupoñer por iso que as súas políticas sexan boas ou as súas condutas éticas) remata de afirmar (antes das eleccións) que 'ninguén morreu' pola contaminación. 30 000 mortes só en España nos últimos ans non deben ser 'ninguén'.

    O feito é só un episodio máis do que xa é unha política normal ou normativa nesta España na que vivimos, isto é, axustada á norma e asimilada día a día dese xeito. Xa está asumido considerar mortos nas residencias como cousas que pasan, como un atropelo casual por prte dalguén que vai ata as cellas doutro alguén que pasaba por alí. O mesmo que considerar boa a desigualdade, como se fose unha diversidade máis que hai que preservar porque favorece ó ecosistema, unha necesidade de manter mesmo depredadores carnívoros para poder dar boa conta dos herbívoros (que seríamos nós) e que non se descontrolen. Ou protexer o tráfico baseado en combustibles porque fardar de coche potente da status e 'se España non pode, ti podes', e iso dá glamour ó país. E sen contradicir que se favoreza a compra de vehículos eléctricos caros por parte de quen poda mercalos! Ou...

    En troques do anterior, non é que ninguén morrera, morra ou morrerá, pois todos morremos. Pero hai quen morre antes por culpa de respirar a diario un aire contaminado na gran cidade e non poder ir pasar o descanso nun confortable chalet ás aforas de aire límpido. Ou por non poder procurarse unha asistencia médica decente pola indiferenza ante o ateigamento e falta de medios dos centros médicos públicos despois dunha rebaixa de impostos. Ou... por outras moitas cousas, que excederían a lonxitude adecuada deste artigo.

    Pero eses feitos e moitas outros non parecen importar nin en campaña electoral (aínda recente ou próxima futura), nin antes, nin despois, ao menos en importancia relativa e atención requirida fronte a diversas mentiras espalladas para facer impacto antes dos comicios, mais tamén nalgunha circunstancia na que se quere influír en certas decisións. É dicir, desas mentiras que están xa á orde do día e das que case non podemos liberarnos polo esforzo que esixe ir detectando todas elas.

    E a cousa tende a ir a máis: cada vez hai máis posibilidade de interacción directa, de impacto xusto no punto debido, pois imos deixando rastro de datos que empresas sen moito escrúpulo, de xeito legal ou ilegal, van recollendo e vendendo, para poder facernos un cadaleito a medida se se conta con cartos abondo. Un cadaleito de mortos en vida, vendidas as nosas posibilidades, eleccións, anceios ou esperanzas. E uns cartos -normalmente, alleos, concentrados en pouca xente-que tenden a aumentar ó tempo que diminúen os nosos, pois unha vez no cadaleito, tamén estamos indefensos para defender os nosos cartos. Aínda que nos teñan convencidas de que nun cadaleito a medida estase moi ben! Ó fin e ó cabo, que é o importante? Que o cadaleito sexa cómodo, claro!

20230529

Resultados electorais municipais Ribadeo 2023 (III)

     Desglose dos votos deste 28 de maio de 2023 en Ribadeo. A táboa, provisional, feita con  datos subministrados polo BNG, está dividida por mesas (agrupadas nos colexios electorais de Turismo, Teatro, Monxas e parroquias), e logo a gráfica, por colexio electoral. Vese de xeito claro que o PP, obtendo o primeiro posto en todos os colexios, ten máis tirón nas parroquias, mentres o BNG o ten na vila.

    Nota a ter en conta: os diferentes colexios electorais teñen moi diferente censo.



Resultados electorais municipais Ribadeo 2023 (II)

     A distribución de concelleiros electos nestas municipais 2023 en Ribadeo queda, en orde de obtención de cadeira (poño á súa beira o número que sae no método d'Hondt, e deixo en baixo a táboa):

1.- PP Daniel Vega Pérez                  2633

2.- BNG Pablo Vizoso Galdo             2150

3.- PP Begoña Sanjurjo Santar        1317

4.- BNG Mónica Freire Rancaño     1075

5.- PP Marta María Saiz García        878

6.- BNG Vicente castro Reigosa        717

7.- PP Montserrat Seijo Díaz             658

8.- PSOE Marta García Rey               584

9.- BNG Jorge Díaz Freije                  538

10.- PP Diego Dos Santos Rodríguez 527

11.- PP María Elena Sierra Pulpeiro 439

12.- BNG María Pilar Otero Cabarcos 430

13.- PP Francisco José Silvent Villalba 376

    O seguinte en entrar, de haber unha cadeira máis, sería, con 358 de puuntuación d'Hondt, do BNG, Marcos A. Villamil. Tamén, de ter obtido o BNG 106 votos máis, entre outras posibilidades que non se deron.



 

Resultados electorais Vilalba Municipais 2023 (II)

     Os resultados das últimas eleccións municipais:

    Táboa de número de votos:

    Gráfica de número de votos:
Gráfica de concelleiros:

 

20230528

Resultados electorais municipais Ribadeo 2023 (I)

    Deixo as primeiras gráficas e táboas correspondentes ós resultados das eleccións de hoxe en Ribadeo, presentando a evolución do concello na democracia. Irei ampliando con máis detalles en próximos días.

1.Cálculo de concelleiros nestas eleccións. O último conseguido sería o 7º do PP, e o primeiro non conseguido, o 6º do BNG


2.Histórico de votos no século (táboa)

3. Histórico de votos na democracia (municipais, gráfico)
4. Histórico de número de concelleiros na democracia.

 

Resultados electorais municipais Vilalba 2023

Adxunto os resultados estras eleccións municipais en Vilalba en catro imaxes:

    Táboa de votos. Os votos están na primeira columna. As outras son o resultado de dividir para o cálculo de cadeiras plo método d'Hondt. A cifra en negro sen remarcar corresponde ó caculo do que sería o primeiro concelleiro sen cadeira dese partido, que primeiro obtería o PP (423), e logo , VA. Por outra banda, o último concellal electofoi o 5º do PSOE, o que aparece con menor número en vermello. Así, denon cambiar os votos ós últimos partidos, e sempre que os amosados sexan os datos definitivos, o PP obtería un 9º concelleiro con máis de 432 x 9 = 3888 votos (en realidade, 3887, polo redondeo), é dicir, con menos de 80 votos máis dos que logrou. A última columna é o número de concelleiros.

    Distribución dos votos válidos (a partidos)
    Distribución xeral de votos
    Cadeiras obtidas


Unha curiosidade no día das eleccións

    Decátome de que as papeletas que temos recibido na casa nestas eleccións municipais 2023 non son exactamente iguais que as que se poden recoller nas propias mesas electorais. Aí van a 7 (dúas por partido, menos as do PG, que non recibín por correo) para comparar os mínimos cambios, que non as invalidan para votar [Non están recollidas as do tipo de PSdeG-PSOE que incluían unha lista de 'Monforte' e que, loxicamente, non son válidas]. Á esquerda, as enviadas por correo. Á dereita, as recollidas nas mesas:








 

20230525

Herbicidas perigosos en cantidade

    Deixo aquí a nota de prensa do Sindicato Labrego Galego sobre o uso de veleno para o mantemento do gasoduto de Nedgia, axustando que tamén presentaron alegacions a Comunidade de Montes de Piñeira, a de Obe e antigos membros da Plataforma de Afectados polo Gasoduto de Barreiros e Cervo. Da actuación dos concellos non se sabe nada.

A pretensión de verter inxentes cantidades de herbicidas perigosos está a ser contestada pola veciñanza da Mariña.

No día de hoxe, procedeuse a presentar no Concello de Ribadeo un bon número de manifestacións de disconformidade con esta pretensión.

A empresa NEDGIA GALICIA SA, do grupo Naturgy, ten solicitado do Concello de Ribadeo a exposición pública de anuncio dos traballos de control da vexetación na traza polo que descorre o gasoduto da Mariña entre o lugar de Porto de Arriba, no Concello de Ribadeo até Celeiro en Viveiro. Estes traballos inclúen a aplicación do herbicida sistémico TORDON™ Star da empresa Corteva Agriscience

O produto TORDON™ Star que a empresa pretende aplicar en grande parte do trazado é un herbicida mui tóxico, nomeadamente para organismos acuáticos; e causante de reaccións alérxicas na pel e danos nos ril. Sobre un dos seus componentes, o Plicoran ou derivados do mesmo, existen estudos que o catalogan como altamente canceríxeno.

Só por este motivo, resulta absurdo a aplicación dun produto desas características para o obxectivo que se persigue de controlar a vexetación espontánea na traza do gasoduto, cando se pode optar por prácticas máis seguras e respetuosas co medio e coa saúde da veciñanza como pode ser mesmamente a roza mecánica.

Por outra banda, a documentación exposta non aclara aspectos mui relevantes: método de aplicación, dose, superficie a tratar, etc. Asimesmo, os mapas a escala 1:10.000 non permiten determinar con exactitude as zonas nas que se pretende aplicar o herbicida. Isto é de singular gravidade xa que a zona a tratar atravesa terreos incluídos en espazos protexidos ligados ó medio acuático (Ría de Ribadeo, esteiro do Masma, río Ouro, etc) sobre os que precisamente este produto ten un impacto crítico segundo a ficha de seguridade do mesmo, e masas de auga superficial que a mesma ficha di que deben deixarse distancias de 5 metros, que non poden apreciarse na cartografía exposta.

As alegacións presentadas fan fincapé na necesidade de que non se conceda o permiso á actuación proposta mentres non se clarexen as dúbidas expostas sobre superficie total afectada e o tratamento proposto, así como unha cartografía co detalle necesario para localizalas.

Piden asimesmo que se reconsideren os traballos propostos e se desbote a aplicación de herbicida, optando polo tratamento mecánico da broza.

Faise tamén un chamado aos concellos polos que descorre a infraestrutura para que informen á veciñanza das pretensións desta empresa e se lle notifique de xeito individualizado a todas as persoas propietarias dos predios afectados e dos colindantes a realización dos traballos.

Acta do pleno urxente do concello de Ribadeo de 23 de maio

    Os plenos sucédense ó longo do ano de xeito periódico máis ou menos, os ordinarios, e de xeito aleatorio os extraordinarios. O do pasado martes foi obrigado por cuestións menores (substitutos nas mesas electorais e petición de continuación para dous obradoiros para os que remataba o prazo), pero foi.

ACTA DO PLENO 2023-0007 [ACTA SESION EXTRAORDINARIA URXENTE. 23.05.2023]

Actas e relacións doutros plenos 

20230524

Por Nuestro Faro fala con Greenpeace

 Por Nuestro Faro fala con Greenpeace

A asociación Por Nuestro Faro contactou con Greenpeace para pedirlle que interveña na situación irregular da illa Pancha.

Lembremos que Ecoloxistas en Acción xa ten dado en 2022 a bandeira negra á illa Pancha pola carencia de garantías de protección medioambientais, no marco dun proceso irregular, pero neste caso temos decidido ir máis aló e, tras varios contactos telefónicos, temos enviado un escrito a Greenpeace para expoñer a situación.

No texto de dito escrito falámoslles das irregularidades e ocultismo na tramitación dos expedientes a partir do mesmo momento no que se produce a adxudicación dese espazo de forma directa sen concurso público, pero centrándonos sobre todo en «la falta de Estudio de Impacto Ambiental del proyecto que estaba ubicado en la Ría de Ribadeo, incluída en Red Natura 2000 por su declaración como zona ZEPA (art 7.2 de la ley 21/2013 de 9 de diciembre)». Na nosa comunicación explicamos as autorizacións sucesivas (licenzas de obra, de apertura, etc. …) expedidas polo Concello de Ribadeo ós proxectos alí autorizados sen ter esigido en ningún momento o estudo de impacto medioambiental obrigatorio por lei.

Para argumentar a nosa petición, apoiámonos nos informes do Defensor del Pueblo emitidos en 16/02/2017 e 10/02/2023 con motivo das nosas queixas, e que foron remitidos no seu momento por «la Oficina del Defensor al Ayuntamiento de Ribadeo y a la Autoridad Portuaria sin que estos organismos adoptasen ningún tipo de medidas para que se realizase la evaluación de impacto preceptiva».

«En resumen, nuestra comunicación con Geenpeace pretende resaltar el incumplimiento flagrante y sostenido por parte del Ayuntamiento de Ribadeo y la Autoridad Portuaria de la norma española y europea que exige estudios de impacto para realizar determinados proyectos en zonas afectadas por la Red Natura 2000, como es este caso.» 

Ante o inmovilismo persistente de ditas administracións, a nosa petición central a Greenpeace é que estuden o caso para denuncialas ante a Comisión Europea «por su incumplimiento sistemático de las normas mencionadas».

Por Nuestro Faro segurá informando ó pobo de Ribadeo da evolución da nosa petición e das nosas comunicacións con Greenpeace.


AVV Por Nuestro Faro


Sobre Lourenzo Fernández Prieto

    Tito, Colaborador do Blog e da AVV O Tesón, entre outras cousas máis relevantes, será investido o día 3 como Académcio de Número da RAG. Deixo a continuación a nota de prensa da Academia:

O historiador Lourenzo Fernández Prieto ingresa o 3 de xuño na RAG como membro de número

Lourenzo Fernández Prieto (A Devesa-Ribadeo, 1961) ingresará o sábado 3 de xuño na Real Academia Galega como membro de número. A sesión extraordinaria pública terá lugar no teatro Jofre de Ferrol, a cidade onde medrou, a partir das 12:00 horas. O catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela dará lectura ao discurso titulado A memoria, a historia e a política. A esquecida polémica Cela versus Paz-Andrade sobre a lexitimidade democrática, a memoria republicana e a Autonomía de Galicia en xullo de 1977, ao que lle dará resposta en nome da institución o coordinador da Sección de Historia, Ramón Villares. Lourenzo Fernández Prieto ocupará a vacante producida no ano 2020 polo pasamento da poeta Luz Pozo Garza.

A sesión de ingreso é de entrada libre ata completar a capacidade do teatro e poderá seguir tamén en directo dende academia.gal. O acto organízase co apoio económico da Deputación da Coruña.

Lourenzo Fernández Prieto centra a súa investigación en dúas grandes liñas: a historia agraria contemporánea e o estudo da guerra civil e do franquismo. Na primeira destaca pola perspectiva innovadora que aplicou no estudo das sociedades rurais e do cambio tecnolóxico agrario, que se ocupa das relacións entre a agricultura e a ciencia agronómica e, de forma complementaria, da análise da historia do mundo agrario e a sociedade rural cun enfoque ambientalista. É coordinador do Grupo de historia agraria e política do mundo rural Histagra, e dirixiu tamén a Cátedra universitaria Juana de Vega de Estudos Agrarios.

En 2006 iniciou unha nova liña de traballo centrada no golpe de 1936, a guerra e a ditadura de Franco que afonda na memoria das persecucións, das vítimas e dos vitimarios. A través do proxecto interuniversitario Nomes e Voces, abriu unha serie de estudos que son unha referencia no campo da historiografía española e internacional do século XX.

Ao longo da súa carreira foi investigador principal de máis de vinte proxectos de investigación competitivos e outros tantos convenios relacionados cos seus campos de investigación. A relación con grupos e centros de investigación de institucións españolas, europeas e americanas é outra constante do labor de Lourenzo Fernández Prieto, membro de redes internacionais e profesor convidado das universidades de Princeton (Oates Fellow, Council of Humanities), Cidade de Nova York (Graduate Center) ou Cork (Department of Geography).

O académico electo é ademais vicepresidente da Sociedad de Estudios de Historia Agraria (SEHA) e foi director do Departamento de Historia da USC, onde se licenciou e doutorou con premio extraordinario. Como historiador, tamén colabora adoito en medios de comunicación, e publica semanalmente un artigo en La Voz de Galicia.

Como divulgador é ademais autor, entre outros traballos, do estudo introdutorio do Diario da guerra de Francisco Fernández del Riego, editado este mesmo ano co gallo do Día das Letras Galegas dedicado ao intelectual de Lourenzá.