Dende o cambio de ano o blog leva tendo lixeiros axustes. O último, para integra máis o blog no fediverso escapando da dependencia de Google/Alphabet, que notaría quen entre a través de ribadeando.com (ou ribadeando.blogspot.com, ó que vai referido), comezou hai cousa dunha semana, e consiste en pasar a publicar as novas entradas por defecto en ribadeando.gal (ou blogs.amarinha.gal/ribadeando, ó que vai redirixido), co que quen entre no 'vello' blog posiblemente notará unha falta de publicacións recentes. Publicacións ás que pode acceder por exemplo premendo en 'Algunha recomendación', na columna da beira dereita.
Seguirá habendo cambios, fixo. Tentando mellorar. Aínda que algunha vez (espero que cando asexa así, que sexa de xeito temporal) empeorando...
Non, non preguntes polos 7291 mortos das residencias madrileñas en
pandemia. Pregunta polo impacto da gastronomía galega na presidenta
madrileña.
Coido que o anterior podería tomarse como resume informal da
¿conferencia? que Díaz Ayuso quixo dar en Ribadeo en días pasados, nos
Foros de debate do Voar / Sargadelos. Foros polos que leva pasado dende
hai anos unha morea de xente, 45 persoas ben coñecidas dende Calvo
Sotelo a Isaac Díaz Pardo, e que polo de agora remata con Isabel Díaz
Ayuso. Con ela e con José Ángel Salvatierra Rico.
Salvatierra non estaba no cartel, non estaba na mesa, pero fixo a
intervención necesaria, a máis longa e contestada na quenda de
preguntas, e coido que o seu nome debe quedar asociado a esa charla do
14 de febreiro (San Valentín, patrón do amor e ben contraposto ó tema
debatido).
Vaiamos cara ó final da charla, que polo momento se pode ver en Youtube (“X FOROS DE DEBATE : Doña ISABEL DÍAZ AYUSO”).
A pregunta preparada polo presentador como remate da sesión era sesuda,
para deixar bo sabor de boca á presidenta e á concorrencia: ‘Que le gusta más a Isabel Díaz Ayuso, el lacón con grelos, el pulpo á feira, el marisco o la tortilla de Betanzos?’
A pregunta pódese escoitar aló polo 1:14:30 do vídeo, e hai que tomala
como un intento de remate distendido, intranscendente, dunha charla de
media hora e unha quenda de preguntas de tres cuartos, quizais alongada
un pouco máis para que non quedara mal sabor de boca pola pregunta do
protagonista da noite, Salvatierra.
E imos agora con el. No minuto 55:50 do vídeo comeza a súa pregunta.
Aconsello, de querer vela, facelo no vídeo completo e non en algún dos
cortes e montaxes que tentan aproveitar a pregunta de xeito combativo.
Aconsélloo por varias razóns. A primeira, porque nese vídeo non está
retocada, é unha ‘fonte primaria’ sen mediatizar, e polo tanto vese
mellor o que pasou. Aconsélloo tamén porque alí se ve o ambiente
seareiro que fixo que as cadeiras estiveran ocupadas ben antes do comezo
da sesión por afíns políticos da presidenta madrileña, pasando a ser
case unha falla organizativa que Salvatierra chegara a estar de pé ó
fondo da sala. Aconsélloo para ser conscientes da dificultade de facer
unha pregunta desenvolta dun xeito lóxico nesas circunstancias. Non, non
digo que sexa un modelo lóxico ou discursivo, por outra banda difícil
de manter no ambiente que se palpa, senón máis ben unha pregunta
cualificable de normal, iso si, documentada, e ó tempo, valente. A
pregunta, sobre os 7291 mortos nas residencias madrileñas, e a resposta,
sobre a ‘trufa de intencións políticas’ nunha charla con tema político,
sobre a mentira (a pesar de que esa cifra que non acepta, 7291, saíu do
gabinete que preside Ayuso) ou a descualificación (dunha persoa que só
coñece por unha única pregunta que fixo) como dixen, coido que é ben
escoitalas no vídeo máis que facer un resume, e por iso aquí paro.
Cunha excepción, porque para remate, gustaríame reproducir as últimas verbas de Salvatierra: ‘En recuerdo de los mayores y para que esto no vuelva a ocurrir’.