20200831

Negando, que é xerundio (pero iso do xerundio non importa)


O conto dos Marx, 'Estes son os meus principios. Se non lle gustan, teño outros', está camiño de converterse dunha parodia, a unha verdade universal. Os motivos desa conversión en cada quen xa caen na intranscendencia, o caso é conseguir os fins propostos, sexan cales sexan e no campo que sexa. 

Un exemplo: non se trata do 'América primeiro' de Trump, senón o 'eu primeiro'. Sería de onde derivaría o anterior, nese caso por extensión do paraugas de Trump, a todo o territorio dos EEUU. E, quen estea coa América que representa Trump estaría coberto, pero non por ser americano, senón por estar con Trump, por esa circunstancia que significa o apoio incondicional. Non é pois unha continuación na mesma liña daquelo de 'América para os (norte)americanos', senón algo ben diferente, 'o mundo para os trumpeños'... por tódolos medios posibles, dende a compra ou soborno ó acoso.

Nesa conversión á adaptación de 'principios', as redes sociais teñen facilitado diversas actitudes mentais que a facilitan. Dende o 'fala, que algo queda' a 'non hai preguntas difíciles se un pode inventarse as respostas', pasando naturalmente por 'pon o foco da conversa e non te preocupes do que se fale ou do que se poda dicir'.

O 'fala, que algo queda', vai na liña de 'quen dá primeiro, dá dúas veces', pero no mundo das ideas e opinións. E iso de dar primeiro, nas redes, coa velocidade de difusión que permiten, amplifica o seu resultado.

Sobre o de dirixir o foco dunha conversa, o ter o poder e ser capaz de crear o fío de discusión, implica meter o fluxo das ideas nunha canle determinada, da que despois custa saír: ponse o tema na axenda, e, se se pon ben, non só se pon a canle pola que se vai conducir, senón o sentido no que se vai recorrer dita canle. De novo, a maior velocidade de transmisión de internet, o inmediato 'retuit' de Twitter, o premer en 'compartir' de Facebook, facilitan que esa 'canle' sexa máis robusta, máis difícil de desbordar, poña máis 'orelleiras' de burro.

De calquera xeito, a auténtica revolución no cambio de principios coas redes sociais está relacionada con actitudes do tipo 'non hai preguntas difíciles se un pode inventarse as respostas'. Non é que non se teña podido facer sempre, pero o poderse rodear de acólitos virtuais nas redes dá un aura que empodera o argumento de autoridade. Aínda que non sexa máis que iso, unha falacia en base a unha suposta autoridade que pode provir de campos totalmente alleos a aquel no que se trata de exercer.

Actitudes como a tan difundida de Miguel Bosé sobre o relacionado co coronavirus son mostras de que 'as respostas baseadas en feitos, datos e probas son unha competencia desleal para quen vende afirmacións inventadas'. Son actitudes sobre as que nos chaman a atención, cando en economía ou en política hainas equivalentes que nos fan pasar totalmente desapercibidas. E non será porque non esteamos avisados: todas as frases entrecomilladas deste artigo (menos unha) teñen saído nos medios ou tido outro tipo de ampla difusión, entre outras moitas que ilustran feitos semellantes. E cada vez son máis verdade. E cada vez importa menos.

20200830

Presentación do libro de Ángel Alda Diario de un Confinado en Olavide + Confinado en Ribadeo

Como xa anunciara hai tempo no blog, vai ter lugar a presentación do libro de Ángel Alda 'Diario de un confinado en Olavide', xunto co complemento 'Confinado en Ribadeo'. Será na Casa das Letras o próximo venres 4 de setembro, como reza no cartel adxunto, e, atención! necesitarase confirmar asistencia na Casa das letras (pode ser tamén por correo_e, teléfono ou whatsapp)


 

 

20200825

Por detrás da realidade

 

Por detrás da realidade

   Imos por detrás da realidade. Quizais na nosa terra máis que noutras partes, mesmo nalgunha parcela moito máis que nalgunha outra. Pero é algo xeneralizado. Estámolo vendo reflectido máis ás claras que nunca coa pandemia, pero é algo moito máis xeneralizado, non correspondendo tampouco só coa pandemia.

    No caso máis actual, o coronavirus, téntase regular a vida para evitar a morte, despois de que esa morte vai presentando algún que outro trazo que a permite clasificar e estudar. Pero os estudos levan o seu tempo, e mentres, a indecisión ou a decisión sen datos claros abondo, no medio dun mar de noticias parciais, da resultados moi limitados. Sábese -mesmo estaba anunciado, como tantas outras cousas que ás veces se cumpren, pero non sempre en tempo e forma- das causas últimas desta pandemia. Causas relacionadas con outros males, coa destrución do noso propio mundo. Pero o que se trata é de poñer parches para mitigar os efectos, non solucionar as causas.

    É así. En xeral, no conxunto de amezas globais, estase a tentar regular algo no que as compañías privadas, intereses privados, o beneficio a curto prazo, van por diante das estruturas comunitarias, dos intereses comúns. Dende os patinetes eléctricos á privacidade, pasando polo espolio dos recursos naturais ou a contaminación atmosférica. O que se fai en tódolos casos, por sistema, non é tomar a iniciativa social, senón tentar regular unha actividade que naceu enfocada a un tipo de economía e se tenta limitar axustándose a ela, nunha especie de principio de mínima acción xunto coa consideración e valoración do que xa marca a propia iniciativa a regular. É dicir, reforzando e protexendo os intereses privados. Privados non como oposto a públicos, senón a comúns. E iso ten consecuencias para o futuro, inmediato ou non. Para o xeito de pensar e de actuar. E repercusións para todos neste pequeno mundo no que aínda que pareza que podemos illarnos -que alguén puidera-, interdependemos cos demais.

    Vémolo no caso do coronavirus, e non só coa forma de protección individual/colectiva, de resposta dos hospitais privados, da produción e comercialización de máscaras ou respiradores, ou a regulamentación económica paliativa. Pero, como podemos reaccionar como sociedade se alimentamos o encorsetamento nunha estrutura económica que cada vez máis se parece a unha cárcere da que non se pode saír? O da imaxinación ó poder é un vello berro que deu ímpeto a un inicio de revolución que se quedou niso, en inicio. Mais é a imaxinación e traballo na creación de novas relacións, novas institucións e novos xeitos de desempeño institucional ou a identificación e deseño de infraestruturas alternativas de subministro e uso de servizos, o que pode facilitar o acceso ós coñecementos prácticos e a un efecto transformador na sociedade. Un efecto que empodere á sociedade para enfrontarse ós desafíos.

    Mentres non se recoñezan na práctica -coñecidas son- cousas como que na actualidade o capital non é democrático, e polo tanto, a democracia non lle afecta, mentres a democracia se ve afectada polo capital, a sociedade estará suxeita ós cartos, e o ‘retorno da inversión’, calquera que sexa, seguirá como unha bóla de neve que no seu avance deixa o camiño despexado, un sendeiro que invita a seguir na mesma dirección, sen saírse.

    Hai tempo que somos conscientes de que o coñecemento e a tecnoloxía, esa que tanto nos gusta porque parece que fai milagres, son ferramentas, e non se aplican a anticiparse ós problemas, a actuar sobre as causas, senón a tentar paliar os efectos, indo por detrás: non están a facer de chave das noces. Pero calquera sabe que nun xogo -si, iso que os nenos e os maiores fan para entreterse e entrenarse para a vida- quen vai por detrás, perde.

20200824

A Ponte de Arante: pintura mural do Naufraxio. Emilio Piñeiroa Lozano

A Ponte de Arante: pintura mural do Naufraxio

Por Emilio Piñeiroa Lozano

Hoxe A Ponte é lugar de importancia por ben fundadas razóns, amalgando Historia e tradición, devoción e Arte para ofrecer ao visitante innegables atractivos.

Dunha parte, A Ponte é un centro mariano de relevo, con moitos devotos e romeiros. Doutra, a Nosa Señora é tamén un templo de innegable interese artístico polas súas pinturas murais. A Ponte é un lugar sinalado no Camiño Norte de Santiago, onde existíu un hospital para pobres e peregrinos baixo a advocación de S. Andrés. Aínda máis, A Ponte é Historia. Aquí, en 1809, veciños de sete parroquias de Ribadeo e Trabada, capitaneadas polo fidalgo de Sante, don Melchor Díaz de la Rocha, venceron as tropas de Napoleón na Guerra da Independencia.

Neste artigo non vou escribir de todo elo, levaríame moitas páxinas; si da pintura mural do naufraxio.

Críticos de arte suliñan a importancia destas pinturas por ser “moi escasas” nesta época, pinturas murais con temas do mar, que só aparecían en táboas (cadros) ata chegar a afirmar que son únicas.

Un dato que nos da idea da importancia desta pintura é que o Consello da Cultura Galega organizou GALICIA CEN, exposición que recolle os cen obxectos curiosos da historia de Galicia, que percorreu Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo a finais de 2016 e primeiros de 2017, e entre os cen seleccionados estaba esta pintura da Ponte.

No muro sur: destacamos a pintura que fai alusión ao mar, un naufraxio, era un exvoto.

O termo exvoto procede da expresión latina “ex voto”, refírese a unha ofrenda feita a un ser divino para cumprir co prometido por conceder o que se pedira, é dicir, como resultado dunha promesa e dun favor recibido.
O exvoto ten as seguintes notas diferenciadoras:
- Publicidade: debe ser público, ou sexa, dar a coñecer o favor recibido. Debe ser exposto en altares, paredes de ermidas e santuarios, para que tódolos devotos poidan recoñecer as actuacións milagreiras.
- Relación; o exvoto ten unha relación coa persoa que recibíu o favor e o suceso que o motiva. Así, o exvoto describe o feito milagroso e os datos personais do beneficiario.
- Permanencia: é dicir, preténdese dar a coñecer de maneira perpetua o poder sobrenatural dunha determinada imaxe.
O exvoto píntase, unha vez que se cumplíu o favor, para expresar o agradecemento a entidade sagrada que se considera que intercedeu para resolver un problema e permitíu un final feliz, pero tamén para recordar o suceso.
Esta pintura mural pode ser entendida como un milagre. Trátase dunha pintura produto do agradecemento do capitán de infantería don Domingo de Carranza y Aguiar que milagrosamente se salvou nun naufraxio pola intercesión da Virxe. Na inscrición inferior das pinturas podemos ler:
”Domingo de Carranza e Aguiar, capitán de infantería española (...) estivo nesta igrexia de Nosa Señora das Virtudes no ano 1594. No mesmo ano embarcou para as Indias nunha nave (...) Catalina (...) por Capitán ao ano seguinte de 1595 en cavo de San Antón (...) e deulle unha tan recia tormenta de furacán e Norte que partíu as dúas árbores, o maior (...) e (trinquete) o (...) a nave coas belas bacías (...) caeu ao mar e vendose en tan grande peligro de norte encomendouse á Virxe Santa e despois milagrosamente estando afundidos veu (bo) tempo e o mar en bonanza e salía a nave días despois do trebón andivo máis de duascentas sesenta leguas asta (...) estimaba que era cousa imposible de poder (...) catro (...) que se non fose milagre tan (...) daquela cidade foi manifesto a todos e sairon en procesión co Santísimo Sacramento (...) Don Gonzalo de Amoeiro e Candia, chantre e Coengo (...) de Mondoñedo (...) a nao un vestido de carmesí, unha lámpara de prata e unha arroba de aceite a Nosa Señora (...) en loubanza e grería de deus e da sua Santísima Nai. Santa María das Virtudes. Ano Domini 1606.

Foto. Ano 2005

A pintura trátase do agradecemento do capitán de infantería Don Domingo de Carranza y Aguiar que milagrosamente se salvou nun naufraxio pola intervención da Virxe.
O capitán de infantería visitou o templo en 1594 antes de embarcar para as Indias, onde sufríu un naufraxio fronte ao cabo de S. Antonio ao ano seguinte.
Cando un furacán desarborou o seu navío e o afundíu, encomendouse á Virxe das Virtudes. O trebón deu paso á bonanza e, malia os estragos sufridos, a nave percorreu máis de duascentas sesenta leguas ata chegar á terra. Abraiados, os veciños do lugar fixeron unha procesión para manifestar a súa convicción do carácter milagreiro do salvamento.
De retorno a Arante, en agradecemento, o capitán fixo entrega ao santuario dun vestido de carmesí para a imaxe, una lámpada de prata e unha arroba de aceite para que iluminara a capela. O chantre de Mondoñedo, Gonzalo de Amoeiro e Candia, mandou pintar en 1606 a escena.
Segundo o amigo e historiador focense Xoán Ramón Fernández Pacios, no Arquivo Xeral de Indias hai un documento de 1605 referente a este capitán de infantería, que levaba servindo ao rei Filipe II dezaoito anos nos galeóns da Armada. Nos anos 1598 e 99 destaca na defensa do porto de Acajutla (O Salvador) contra os corsarios ingleses. Todo este valor e servicio será compensado co cargo de Alcalde Maior das Minas de Guautla (México) en 1605.
Analizamos a escena onde un gran exvoto relata o suceso do milagre da Virxe da Ponte. Dúas ciudades, unha fortificada e unha amurallada, fanse presentes nesta pintura, unha para despedir unha carabela e outra para recibir os seus despoxos.

A pintura recolle, na parte esquerda, o momento no que o barco, co estandarte de María nunha das velas, está sendo destrozada pola forte tempestade. Noutro lado a carabela – na que milagrosamente foron salvados – é conducida á cidade onde partiran, sendo recibidos por un grupo de persoas, onde un home axeonllado – o oferente – en primeira fila, acompáñase dun sacerdote que, cun libro aberto na súa man esquerda e bendecindo coa dereita; ten ao seu lado un neno que porta nas súas mans unha cruz. Detrás disponse toda una serie de persoaxes que celebran a chegada dos mariñeiros. Nunha segunda fila un grupo de mulleres e ao fondo a cidade, fálanos dunha composición con efectos de perspectiva.

Foto. Ano 2017. As pinturas víronse afectadas pola humidade e falta de ventilación.

Foto. Xuño de 2019. Comezan os traballos de restauración.

Estado actual das pinturas.

--

Máis sobre o tema de A Ponte, Arante en Ribadeando.

20200822

Un para todos, todos para un: Isaac

 

Un para todos, todos para un: Isaac


    Recibo nova de que mañá, 22 de agosto, é o centenario do nacemento de Isaac Diaz Pardo. E, como primeiro impulso, vou á Galipedia e comprobo, e, de paso, volto sobre a súa biografía. Estamos no verán, nun verán atípico, e desconectado das noticias que machacan o vivir diario, decátome de que estes días xa por un par de veces me tocou pasar preto dun televisor e ver a cara de Isaac. E pregúntome, que me perdín? Sigo a mirar as varias iniciativas de celebración e homenaxe a esta persoa emblemática e boto en falta unha, que por fin atopo. Non é que a estivera a procurar de xeito directo, polo nome por exemplo, senón dun xeito indirecto, pola idea, concepto, significado que a mantén. Pola idea de que fora o pobo, a xente, a comunidade, nós, quen tomara a iniciativa e facer presente neste caso o lema dos mosqueteiros: todos para un, un para todos. Pero nesa orde diferente á orixinal de Dumas, ‘Un para todos, todos para un’, pois podemos dicir que quen comezou foi el, Isaac, poñendo o ‘un para todos’. Unha colaboración creativa en torno á súa figura.
   Unha manda de pezas para Isaac (https://mandadepezasparaisaac.blogspot.com/) foi posta en marcha por un colectivo, Alento Esbravexo, que recolleu un froito abundante á súa iniciativa. E a bo seguro que tería recollido aínda máis de ter unha difusión inicial máis ampla. 
   Comezou a chamarme a atención por ser un colectivo, é dicir, non unha entidade estruturada externamente como unha institución, ou internamente como unha asociación, senón unha comunidade á marxe das normas de organización legal. Penso pois que abondo en consonancia coas cavilacións de Isaac cando non vía como absolutamente necesaria unha estruturación en papel para acadar os fins propostos. 
   Pero tamén outras características chamaron a miña atención: a chamada de colaboración foi totalmente aberta en varios sentidos, de tal xeito que o mesmo blog iniciado para facelo, alentoesbravexo, só ten unha entrada, a da petición onde se expón o proxecto, non prometendo nin publicación nin difusión máis aló das posibilidade que o grupo promotor teña en cada momento. E máis a colaboración posible pasa por un ‘todo é válido’ supeditado tan só a facelo ‘pensando no polifacético Isaac’. E aínda vense os titubeos cando tres días despois nace outro blog, o definitivo, onde xa a petición se entrelaza cos resultados. O resultado fai que entre os centos de achegas recibidas, en moitas delas o blog de difusión poda ser tan só un indicador de onde está a achega, ou en que consiste, non podendo materializala máis que pola imaxe e as verbas. Blog que por certo, a razón de entrada diaria, ten para renovarse ata máis aló do fin de ano, alongando a memoria por unha comunidade creativa. 
   Voltemos a Isaac. Os estragos feitos nunha estatua na Alameda de Santiago pouco despois de ser descuberta indican que non escapa das controversias. Ou sexa, non escapa da súa vida o mesmo que a súa vida non escapa do escrutinio do ollar xeral. Por algo será. Ao menos en parte, pode que porque a súa obra é grande e non se pode ocultar.

O que ten nome existe: toponimia da historia de Ribadeo

 

Dentro das Xornadas de Historia Local 2020 organizadas pola Asoc. Cultural Francisco Lanza de Ribadeo, o 21 de agosto no auditorio de Cabanela tivo lugar a charla O que ten nome existe: toponimia da historia de Ribadeo, impartida por Rocío Dourado Fernández e presentada por Farruco Graña.

Deixo en baixo a ligazón gravación que subín ó podcast ribadeando, que abrangue toda a charla a excepcións dos primeiros segundos da presentación e as intervencións finais.

https://www.podcasts.com/download/ribadeando-3a91407da/O-que-ten-nome-existe-toponimia-da-historia-de-Ribadeo-3b40

20200820

De temperaturas

Onte foi un día de calor. Non chegou, nin moito menos, á máxima rexistrada na estación meteorolóxica da Granxa Pedro Murias (35,4 ºC, 15 de outubro de 2017), pero chegounos. Ao menos a moitos, aínda que haberá a quen lle pareza unha temperatura normal.

De calquera xeito, polo momento, en Ribadeo non houbo ninǵun ano no que houbera máis de dous días con máxima de máis de 30 ºC. E onte superou esa cifra: 30,3ºC, logo non foi un día tan común. Nos próximos días, é posible que voltemos a superar algunha vez o 30º, e polo menos catro días, os 25 ºC. Iso levará consigo que as pendentes que poño a continuación na gráfica se inclinen un pouquichiño máis...

A liña azul indica o número de días, en cada ano, que se superaron nalgún momento os 25 ºC. A comezos do século, esperábase que se superara esa temperatura 9 días ó ano. Agora espéranse 13 días. Por outra banda, a liña vermella indica o número de días de cada ano nos que se superou a temperatura de 30 ºC. Na primeira década do século, só se superou en tres anos, un día en cada ano (2003, 2004 e 2010). Na segunda década, levamos só tres anos nos que non se superaron os 30º, e hai máis anos con dous días con esa temperatura superada que cun só día. E... este ano aínda pode subir.

Si, en Ribadeo o cambio climático xa é claro. E parece que o vai ser máis en anos sucesivos.

20200816

Novelle

 

Novelle

Pode que non o coñezas: non foi político, nin artista, nin celebridade mediática... mais a súa influencia a nivel Galicia non é desprezable.

Coñecín a Javier Novelle no ano 2000. Coñecímonos. Ou máis ben, deba dicir coñeceume: preparando el a 5ª edición do Día da Ciencia na Rúa, tivo noticia da Feira da Ciencia que mantíñamos no daquela IFP Porta da Auga e achegouse a Ribadeo para ollar a nosa VI edición e invitarnos a participar na Coruña. Dende aquela, non faltou a participación ribadense na festa científica coruñesa ata o día de hoxe: foi o comezo dunha amizade na que el, sorridor empedernido, desbordante de vida co seu ímpeto calmo, puxo o comezo, e agora, o final.

Morreu hai un par de días, xusto a piques do seu setenta cumpreanos, pero moitos anos despois de que a súa vitalidade quedara para min impresa na constatación da amizade. Era difícil non facerse amigo del a pouco trato que se tivera. Podías comezar relacionándote con el a nivel profesional, como foi o meu caso, mais, animado, xeneroso, activo, de seguida pasabas a ser cómplice da súa amizade.

A súa vida vese malamente compendiada na introdución do artigo que lle adica a Galipedia: “Francisco Javier Novelle Secades, nado en Teberga (Asturias) o 15 de agosto de 1950 e morto na Coruña o 14 de agosto de 2020, foi un activista difusor científico e profesor que desenvolveu a súa actividade en Galicia.” Malamente non porque non sexa reflexo da realidade, senón porque un relato referenciado como o que é necesario na Galipedia non é capaz de reflectir toda a vivez dunha vida na que a súa actividade cara á sociedade non pode separarse das vivencias internas, dos amigos, do desenvolver diario. Pode poñerse nun artigo enciclopédico o seu cariño pola terra natal, algo íntimo, lugar onde se sentía a gusto e retornaba unha e outra vez? Non. Todo o máis, pode poñerse algo como que gustaba de visitala. Hai unha diferencia grande que calquera que teña sentimentos parellos pode recoñecer.

Profesor no IES Calvo Sotelo de A Coruña, ós seus alumnos tíñaos presentes de continuo, pero será coñecido e recoñecido polo impulso que levou ó Día da Ciencia na Rúa ó que é na actualidade: un referente galego de difusión científica. Pode dicirse que, como instrumento, tiña a Asociación de Amigos da Casa das Ciencias, da que entrou a formar parte na súa primeira directiva aló polo 1993, rematando como presidente o día da súa morte. E, dentro da asociación, cousas como as visitas periódicas a diferentes lugares da xeografía galega, sexa para recoller cogomelos, empaparse da historia dun lugar, estudar a xeoloxía dunha zona, entender o funcionamento dun laboratorio, dar un paseo sentido por unha fraga... ou moitas outras, deron impulso a un núcleo non só de amizade, senón de coñecemento e transmisión de vitalidade ás persoas e ó entorno. E non foi a única asociación na que puxo o seu gran de area. Distinguindo ben os campos de actuación, tamén foi presidente e impulsor da Asociación de Ensinantes de Fabricación Mecánica.

O mesmo que un artigo enciclopédico ten uns límites estritos, unha pequena semblanza tamén ten limitacións: non pode traer á persoa con todas as súas luces e sombras, e menos aínda a riqueza dunha vida. En algún lugar hai que cortar, sabendo que non se chega amosar nin a punta do iceberg.

Javier, mentres a terra non cubra ós teus amigos, seguirás vivo. E despois, os efectos das túas obras han continuar relevantes aínda por moito tempo.

--

Lembranza no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo

20200814

Podemos, un partido atípico

   O abominable Tribunal de Orde Pública estreouse en 1963 condenando a 10 anos de cárcere a Timoteo Buendía. O seu crime, como o de media España, foi beber un pouco máis de viño na barra dun bar e gritar ao televisor "Me cago en Franco!". O xuíz aplicoulle a pena por inxurias ao Xefe do Estado. A partir de aí foron aplicadas 3797 sentenzas, algunhas a pena de morte, até a súa disolución en 1977. Os DEZASEIS xuíces que tiveron praza neste ilexítimo tribunal, abxuraron do seu xuramento aos principios fundamentais do movemento? A resposta é NON. Foron apartados da carreira xudicial por aplicar as normas franquistas? Quia! DEZ deles pasaron directamente á Audiencia Nacional e SEIS ao Tribunal Supremo, pero iso si, hai que recoñecerlles que foron ao seu novo destino sen cambiar de ideoloxía. Hoxe ditan sentenzas os seus fillos e netos. Hai máis endogamia na Xustiza Española que na Monarquía Borbónica.
   Este martes, o xuíz do Xulgado número 42 de Madrid, Juan José Escalonilla, imputou a Podemos como persoa xurídica na causa que investiga o financiamento do partido tras a denuncia presentada polo avogado despedido, por acoso sexual a unha compañeira, José Manuel Calvente. Non debería de estrañarnos esta iniciativa que toma o Xuíz senón fóra porque este mesmo señor arquivou un caso aberto por comentarios incitadores ao odio e ameazas de morte contra Manuela Carmena nun chat da Policía Municipal. No chat dicíanse cousas como que "Adolf Hitler facía as cousas ben", que a exalcaldesa era unha "filla da gran puta vermella de merda e mal parida" ou que "o que é terrible é que ela non estivese no despacho de Atocha o día que mataron os seus compañeiros". CCOO asegurou que o arquivo deste caso obedecía a unha ideoloxía política.
   É o mesmo xuíz que admitiu a VOX como acusación popular na causa montada contra Podemos, sen esixir ao partido de Abascal a fianza habitual que se fai para limitar o número de membros da acusación. Pero non acaba aquí a cousa, en lugar de deixar a investigación das presuntas irregularidades cometidas por Podemos en mans da UDEF ou doutra unidade similar -o habitual nestes casos-, recorre á Policía adscrita aos xulgados de instrución de Praza de Castela onde, que casualidade, está en calidade de inspector xefe Pedro Agudo, íntimo amigo de Ignacio Cosidó, director xeneral da policía entre os anos 2012 e 2016 durante os cales, está acreditado, Cosidó deu instrucións para crear unha estrutura policial con dúas funcións moi claras: obstaculizar a investigación dos escándalos de corrupción que afectaban o Partido Popular, e perseguir aos adversarios políticos, especialmente a Podemos, con falsos documentos policiais como o informe PISA
   A xustiza arquivou xa 14 (CATORCE) querellas contra Podemos e os seus dirixentes en só seis anos (esta será a 15). Ningún partido do arco parlamentario sufriu un acoso nin medianamente parecido. A dereita franquista e a prensa adscrita ao réxime  queren por todos os medios que se comporten como os demais, pero... que se lle vai a facer, ao final, estes vermellos de merda separatistas e bolivarianos, vai resultar que son honrados. Que putada.

Fdo.: Jorge Sampedro Reimúndez.


Confinado en Ribadeo

Onte púxose á venda en Ribadeo (Gráficas Santiago) o libro de Ángel Alda 'Diario de un confinado en Olavide', cun suplemento ribadense, 'Confinado en Ribadeo', do que embaixo deixo a portada. Os apuntes complementarios poden verse tanto como anexo como, dunha forma máis completa, unha continuación, interpretación con diferencias no só no espazo, senón tamén no tempo e os tempos, do pulso vital posterior ó primeiro envite da pandemia.

Ambas partes foron publicadas por capítulos diarios en ribadeando, pero non é o mesmo ler en papel que en pantalla. A máis de que un prólogo asinado por Manuela Carmena ou a introdución non tiñan sido publicados (e a ilustración de portada e a presentación do suplemento, da miña man).

Que o desfrutedes!

 

Observación astronómica... esperemos.

Resulta que o domingo 16 (non o 13 que indica o cartel, quedou posposto pola temperie) e o 24 hai actividade de astronomía. Charla e despois, observación. Serán levadas a cabo por Pedro Pablo Campo apoiado por Jorge Gómez.

 A nota do concello:

"

O Concello de Ribadeo colabora na organización dunha nova actividade de astronomía, como ven sendo xa habitual nos verán ribadenses. Este ano leva por título "Congreso público. A Astronomía nas Rutas Xacobeas". A primeira actividade estaba prevista para este xoves, pero muda de data por mor do mal tempo previsto para esa noite.

A primeira observación, que estaba prevista para o día 13, queda aprazada para o vindeiro domingo, 16 de agosto, "xa que a previsión meteorolóxica para o xoves é mala", segundo explican desde o Concello. 

Esta nova cita coa astronomía, aberta a todos os públicos, consistirá nunha charla no Cine Teatro e unha posterior observación na Praza de España os días 16 e 24 de agosto. O día 16 a charla terá lugar as 21:00 horas e a observación as 22:00 horas, mentres que o 24 de agosto a charla será as 20:30 horas e as 21:30 terá lugar a observación. 

Desde o Concello lembran que "por mor do covid o aforo estará limitado a 50 persoas cada día, polo que os interesados deberán de contactar coa Área de Medio Ambiente para apuntarse chamando ao teléfono 982 12 07 01. Ademais, será obrigatorio cumprir coas medidas sanitarias vixentes no momento da actividade". 

Congreso Público. A Astronomía nas Rutas Xacobeas está organizado pola USC, o Observatorio Astronómico Ramón María Aller, Turismo de Galicia, Xacobeo 21 e Concello de Ribadeo.

"

20200812

Mapa de Galicia por concellos

 Un mapa de Galicia por concellos, agrupados por comarcas, remata de ser posto a disposición en Commons (e polo tanto, na Galipedia) polo usuario Sobreira. O seu uso está permitido con licenza CC BY SA 4.0. Versión reducida:


Que define o éxito?

Que define o éxito?

    Máis dunha vez teño sentido que cousas que para min eran exitosas, para outra xente non o eran, e viceversa. Aí entran gustos, perspectivas, intereses... ó fin, diferentes criterios. Pero se a nivel particular podemos inferir todos eses flecos que fan diversa a resposta, podemos facelo asemade a nivel social? E con algo relacionado coa economía?

    Estamos xa afeitos ós rifirafes partidarios onde un grupo cualifica algo como éxito mentres que outro partido o cualifica de fracaso, mentres nos preguntamos se se están a referir ó mesmo, obviando que os criterios non teñen por que ser os mesmos -deberan, para aclarármonos-, e moito menos aínda, teñen por que ter o mesmo interese en dicir a verdade -cada vez máis, asúmese a mentira sen máis-. Aínda así, suponse que hai actuacións con resultados medibles, e no ámbito económico, parece que os resultados medibles serían un seguro contra esa posible, asegurada, dicotomía de pareceres. Ao menos, para limar diferenzas. Evidentemente, non ocorre así. Mesmo cando hai resultados numéricos, a interpretación pode ser radicalmente diferente por moitas razóns: sexa que os datos se comparan con outros conxuntos de datos que son diferentes para cada xuíz (poñamos, uns escollen para comparar datos moito mellores e outros moito peores), sexa que hai quen colle a media para dicir que todo vai máis ou menos ‘avanzando’ mentres outros collen a dispersión ou a mediana para dicir que ese avance só beneficia a unhas poucas persoas do conxunto social, sexa...

    Parece pois que todo éxito estaría sometido á relatividade. Aínda lembro unha campaña turística cun lema/hashtag, #Ribadeoxqsi, que nas procuras en internet tiña moitos menos resultados devoltos que o nome do alcalde ou que o meu, a máis de ser usado polo mesmo concello ás veces con i e ás veces con í. Foi cualificada de éxito, mesmo no seu lanzamento, aínda que nunca vin nada, nin daquela nin despois, que o xustificase. 

   Ven o anterior a conto da nova app da asociación do comercio ribadense, ACISA. Comezou sendo anunciada en prensa en febreiro para a súa disposición en marzo, e por fin foi presentada o 3 de agosto con participación institucional. Tres días despois, unha nota da asociación de comerciantes indicaba que fora descargada 400 veces e era coñecida por 20 000 persoas. Ou sexa, un éxito. Se non fose porque non teño nada claro como mediron o coñecemento por 20 000 persoas, e se a relación é de 400 descargas por 20 000 persoas, significa un 2 % de penetración na zona de maior influencia de Ribadeo, a que de xeito lóxico antes se apercibe, o que non parece moito éxito en si. A iniciativa, moi convinte dende hai tempo e practicamente imprescindible nos tempos que vivimos, chegoume, antes que pola nova de súa posta en marcha, polas críticas. Cousas como o rexistro obrigado con cesión de datos a terceiras partes, un aviso legal antes en inglés que en castelán e quizais interpretable de xeito lixeiramente diferente, ou non ter a axenda de eventos do concello, mellorables na próxima versión aínda que non sexa xa unha beta de proba, súmanse outras que poderiamos chamar estruturais. É dicir, outras cousas como que hai máis comercios que non están en ACISA pero si en Ribadeo, e cuxo movemento beneficia a todos, incluída a posible competencia en ACISA, ou a propia idea de saída, que se pode ler no cartel da presentación, app ‘da hostalería’ (primeiro) ‘e o comercio’ (separado, despois) de Ribadeo. Así as cousas, parece claro que pode ser un ‘éxito’, pero non abondar como tal éxito.

20200811

O MIRADOR DE COMADO. SANTIAGO DE REINANTE. Barreiros.(LUGO). Emilio Piñeiroa Lozano

O MIRADOR DE COMADO. SANTIAGO DE REINANTE. Barreiros.(LUGO) 

   COMO CHEGAR: Na estrada N-634, en S. Miguel de Reinante (c. km 565,8), cóllese a estrada de Remourelle; no km 3,4, desviación á esquerda por unha pista forestal sen asfaltar (2,2 km). Ruta sinalizada. 

   Atópase no monte Comado, a unha altitude de 471 m, excelente mirador da rasa Cantábrica, onde se pode observar dende Tapia de Casariego (Asturias) ata o cabo de Burela; en días claros vénse os Farallóns de S. Cibrao.
   Aos seus pés o Xacemento Arqueolóxico de A Roda, xacemento circular (crómlech) coñecido como o “Stonehenge galego“, do Bronce Medio (2000 a.C.) e a famosa praia de Augasantas, coñecida como “a praia das Catedrais

 

   A 650 m temos Penalonga, punto máis elevado do Concello de Barreiros con 516 m de altura. Podemos ver dende aquí parte dos concellos de Trabada, Mondoñedo, Valadouro (Serra do Xistral...), a Frouseira... e a escasa distancia o Mondigo (569 m) no concello de Ribadeo.

   Durante anos Comado foi unha zona de referencia do parapente de Galicia, chegando a celebrarse probas das primeiras ligas de parapente galegas, recentemente recuperadas. Comado figura entre as mellores zonas para voar de Galicia. Xullo Villarino, presidente do Club Parapente de Ferrol, afirma que "A Mariña é unha das das mellores zonas de Galicia para voar, ten despegues moi bos, de auténtico privilexo, sobre todo Comado en Barreiros". Na actualidade (outubre 2017) a zona de Comado ten o mellor récord global de “Máxima Altura” (media 1119 m)


   Dende 2013 celébrase no mes de outubro a subida ao Monte Comado. Un sábado dispútase a media km vertical con saída da Praia de Arealonga e o trail infantil na cima do monte. E o domingo, dous trails, un de 26 km e outro de 13 km.

 

 O ALTO DE COMADO

Ó par da brisa temprana
entre salgueiros subía
paxariños, verde prado,
paso tras paso chegaba
aló o Alto de Comado.
Nunca ollos humanos viron
o que dalí se divisa,
A Mariña case enteira
nubes de color de rosa
músicas e máis cantares
nunca sentidos na vida.
Decateime que había un banco,
¡¡ senteime !!
máis sen apartar a vista,
desta estampa mariñana
digna de calquer artista.
As casiñas fomegando
os xardíns todos floridos
e polo medio do mar
os barquiños navegando.
Xa empeza a caer a noite
o ceo cheo de estrelas
eu alí agardando a lúa
para escribir os poemas.

MARICARMEN SANTAMARINA

20200810

Sobre a traída de augas a Ribadeo

   Envíame Xosé Isidro Fernández Vilalba o seu último traballo, publicado en Terra e Tempo. O título, "De como se dotou de auga corrente á Ribadeo. Ribadeo, ano 1861, traida de augas da vila e construcción de varias fontes", entronca moito tempo antes na historia cunha pequena serie de artigos sobre o subministro de auga potable a Ribadeo que teño publicado no blog.

   En varias partes, a primeira trata do momento no que se plasma a idea da primeira traída de augas a Ribadeo, dende as Fontes do Lobo polo regato / canalización / tubería coincidente de xeito aproximado na entrada da vila coa saída da actual estrada da Deputación (é dicir, da rúa Deputación cara á vía de Feve) ata a zona do Cantón, non sei se incluíndo o lavadoiro do Pipelo nos seus desaugadoiros ou non, pero si 'varias fontes da vila'.

   Recomendo lelo a quen teña un mínimo interese polo subministro de auga a Ribadeo (que sofre no verán máis cada ano e produce enfrontamentos políticos con certa frecuencia) ou sinxelamente, pola historia do Ribadeo moderno (ben interesante e clave para comprender o sentido das cousas na actualidade).

   Deixo un plano que da unha idea da entrada de auga na vila polo rego de Vilaselán, dende a baixada da Fontes do Lobo ata as inmediacións da rúa Deputación:


20200809

Enfermidade social. Pablo Mosquera

Placa de raios X do toras dun paciente con pneumonía derivada do COVID-19. Autor:Hellerhoff. Obtida de https://commons.wikimedia.org/wiki/File:COVID-19_Pneumonie_-_82m_Roe_Thorax_ap_-_001.jpg Creative Commons recoñecemento compartir igual 3.0 Unported.
 Placa de raios X do toras dun paciente con pneumonía derivada do COVID-19. Autor:Hellerhoff. Obtida de https://commons.wikimedia.org/wiki/File:COVID-19_Pneumonie_-_82m_Roe_Thorax_ap_-_001.jpg Creative Commons recoñecemento compartir igual 3.0 Unported.

   Ata unha infección comunitaria pode converterse nunha enfermidade social. O mesmo que por profesión, durante moitos anos, explicaba na UPV, as Cadeas de contaxio -epidemiolóxicas- das enfermidades víricas, tamén tivemos que explicar que cando unha enfermidade ten as súas causas na sociedade, afecta á sociedade, hai que tratala no conxunto da sociedade e erradicase ou controla con medidas preventivas de educación social.

   O baile de cifras que comprenden infectados, enfermos ingresados, coidados máximos e defuncións, falan de como a segunda oleada polo COVID-19 chegou antes do esperado e esténdese como mancha de aceite dende comunidades que tradicionalmente contratan temporeiros para o campo, cara a núcleos urbanos onde as aglomeracións polo lecer nocturno e festivo vacacional, propician o aumento da carga vírica compartida.

    Da primeira oleada a sociedade debería asumir: que o axente causal trasládase entre portadores sans, enfermos e profesionais. Estes últimos foron xunto aos residentes nos equipamientos sociais, as principais vítimas da pandemia. Pero hai unhas preguntas que debemos facernos. Poderá o sistema asistencial responder á segunda oleada de afectados? Sería lóxico pensar que esas Comunidades Autónomas coa sanidade transferida previron en cantidade e calidade de medios, a segunda oleada. Un illamento -confinamiento total- para evitar o aumento da contagiosidad é compatible coa economía produtiva do noso país? Tamén é de supoñer que os economistas reflexionen sobre o modelo económico que en tres meses case crebou, deixando secuelas malditas en parados e pobreza.

    E a terceira, pero fundamental. Os cidadáns deste país percibiron, asumiron e modificaron, aquelas actividades que favorecen a extensión da pandemia? É aquí onde a educación para a saúde triunfa ou fracasa. Cada cal debería predicar co seu exemplo e iniciativa, máis aló das máscaras. Custa tanto renunciar ás concentracións sociais, festas, lecer común, verbenas, manifestacións e celebracións compartindo carga viral? Ríamonos dos chineses e xaponeses, pola súa disciplina, polas medidas coercitivas que lles impuxeron as autoridades, pero está visto que esta pandemia compórtase como unha enfermidade social e debe ser a sociedade o principal instrumento para previla e atallala. Hai unha razón máis para que a mocidade o tome en serio. Tal como me informan os meus compañeiros dos hospitais máis grandes do país, agora non só ingresan por cadros graves as xentes talludas, tamén o grupo de poboación que vive o lecer, os deportes, a vida social e o consumo vacacional. Poida que o virus, como outras veces, mute. Tal mutación debería corresponderse con tres feitos indiscutibles. A actuación integral fronte á pandemia, non corresponde aos políticos, debe corresponder aos expertos sanitarios, aos que se debe dotar dos medios necesarios e permitir a adquisición de material e instrumental preciso, deixando claro que, agora máis que nunca, investir en saúde é produtivo.

    Non deben facerse trampas coas cifras de afectados nas súas distintas fases. Por decencia, por dereito cidadán á verdade e por ser tales cifras un instrumento moi útil para evitar condutas irresponsables e egoístas.

    Un determinado sector económico, non pode presionar e poñer de xeonllos ás autoridades: nacionais, comunitarias e municipais. Síntoo polas orquestras. Síntoo polos bares, discotecas e locais de lecer nocturno, pero o que nos xogamos é a saúde comunitaria e a vida. Si son profesionais debería serlles doado de entender, se son simples "chigreiros" haberá que facerllo entender.

    Non só debemos modificar o fráxil modelo económico laboral que temos instalado; é urxente e imprescindible reeducar á poboación nas súas condutas.

20200808

Lembrando unha publicación de Primi Nécega

Corría o ano 1997 cando saíu á rúa un libro de poesía de Primi Nécega, 'Despertar', nunha primeira edición, autoeditado, 'editado en Ribadeo el 15 de julio de 1997, cincuenta aniversario de la fundación del colegio del Pilar de Foz', ISBN 84-605-6575-0. Saíu unha segunda edición no ano 2000 editado por Xesdo, ISBN 84-607-1077-7. En ambas levaba un prólogo meu.

Hoxe, vintetrés anos despois da primeira edición, recupero o prólogo, a modo de homenaxe en vida a Primi. O libro estaba escrito en castelán, por iso o prólogo tamén o está:

   ¿A quien se le ocurre hacer un libro?. ¿Qué libros se hacen hoy?. El que tienes en tus manos, su autora, seguramente no encajan en tus ideas sobre el tema. Esto es diferente.

   Si te pones a callejear por Ribadeo, en algunas calles con edificios altos encontrarás también casitas. Recogidas, bajas, muchas con huerta o jardín, contrastan frente a los bloques de pisos. Se diferencian y llaman la atención no tanto por su estampa o su vitalidad cuanto por estar hechas a escala humana. Así es la suya, la casa de la autora, un estilo de vida representado: el que lleva quien la habita.

   También este libro lo es. Como esas casitas, se mantiene un dicho extendido: aquello de plantar un árbol, tener un hijo, escribir un libro. Primi hizo las tres cosas, con cariño y dedicación. Pero estas páginas que tienes entre manos no son algo buscado para completar una existencia, como se pretende muchas veces con esa fórmula. Más bien, al contrario, es el resumen de la persona entrañable que es su autora lo que encuentra una forma de expresión a su través.

   ¿Te gusta la música?. A Primi, si. Si en el paseo de que hablábamos antes te encuentras con su casa, puedes oír un piano sonando. Otra metáfora que te indicará un carácter acompasado que busca la forma de expresarse, y, en esa expresión, de comunicarse y darse a los demás.

   Pero no es sólo ella. Este libro es un nuevo despertar a la vida.

   Despertar. Queda patente en su primer poema, primero en el libro y también primero en su inspiración.

   Nuevo, porque nos tiene acostumbrados a sus colaboraciones en "La Comarca del Eo" o "A Mariña", y estas páginas son lo último que nos llega de ella por el momento.

   Vida: tiene el sabor de los años pasados, años en los que nació esta poesía. En sus páginas se extiende un ciclo vital desde su florecer en una alegre, bella y juvenil mañana que va rematando con reflexiones otoñales, recuerdos, adiós...

   Sí, es cierto. Ese abanico que se nos presenta comprende no sólo a la autora, sino también a las circunstancias, suyas (no sólo suyas), de vida, de lugar, de sentimientos, de aspiraciones... Traspasando nuestro yo, siempre hay un más allá: estos poemas, en su música y pintura, nos lo muestran.

   Puede decirse mucho más. Debe decirse. Pero eres tú quien debe hacerlo. Por eso, te invito a pasar de esta tarea de leer un mero prólogo a otra más profunda, que estás esperando y que rinde más: empaparte con las palabras. Tuyas son, por obra de Primi.

Antonio Gregorio Montes

20200806

Aviso CAMPAÑA DOAZON SANGUE RIBADEO AGOSTO 2020


Da normalidade

 Baixar a pegarse un chapuzón na ría, no verán, entra dentro do normal. Neste verán diferente, non por temperaturas altas -que as está habendo- senón a consecuencias do inimigo invisible chamado Covid-19, seguen existinfo, desenvolvéndose a diario, cousas e feitos que eran antenormais, que pertencían á normalidade anterior dista que polo momento, pasa por normalidade pero é interpretada como anormalidade.
 E así, en feitos como o chapuzón veraniego, escóndense partes históricas e partes novedosas. Históricas como o sentir a auga -nunca cálida abondo, sempre misericordiosamente a temperatura asumible- suavemente a traverso da pel. Novedosas como o mirar ó ceo e ver só unhas poucas trazas de avións no ceo, como se fosen restos das numerosas que se podían observar a calquera momento o ano pasado. E é que a anormalidade vai sendo normal incorporando pequenos detalles á nosa percepción e desenvolvemento. Levamos prácticamente cinco meses de restricións en base a normas ditadas rápido, variadas, revariadas, tentando a adaptación máis indolora a unha realidade que sempre pode producir dor, pero máis se non se coñece abondo, e máis aínda se se fai como se non existira.
E todo detalle conta.

20200805

Tempos de desinformación

Jonathan Swift

Tempos de desinformación

    Nestes tempos tense acentuado un feito que ven de lonxe: custa moito menos desinformar que informar. De sempre foi así: para informar fai falta ser capaces de coller un feito, comprendelo e dalo a coñecer de xeito fiable. Para desinformar só fai falta dicir. O que sexa. Tanto é así que ás veces, algo que é verdade é desinformación sinxelamente por estar metido entre outras cousas que non o son, co que a verdade que poda representar pasa a non ser nada máis que un xeito de adornar a mentira para facela máis crible.
    Xa se leva repetido ata a saciedade, de multitude de xeitos, o tema das mentiras relacionadas coa política. De feito, xa hai varios centos de anos que Jonathan Swift ten escrito de xeito directo sobre a arte da mentira política, moito tempo despois de que Maquiavelo a usara na súa arte. De tal forma que hoxe por hoxe xa se supón que todo político minte tanto como fala. E aínda que de cando en vez ‘ese político’ poda dicir algunha verdade, estará encadrada dentro do conxunto das mentiras e como tal se tomará: sen darlle importancia. Aínda máis, polo que parece, os mesmos xuíces admiten prácticas dentro da política que non admiten noutros ámbitos, librando ós políticos de máis dun embrollo mentireiro. E, se nun ámbito hai unha costume, pode estenderse ó resto da sociedade... Chegamos así a que o dito de que ‘non hai verdade nin mentira, todo é da cor do cristal co que se mira’ tivo no seu momento unha base de pensamento, mais hoxe non se trata de aplicar esa base, senón da dilución das verdades no mar das mentiras.
   A máis de ser máis doado desinformar que informar, unha desinformación ó chou soe ser abondo máis atractiva para difundir, máis impactante, que a verdade, polo que recibe por termo medio unha maior difusión por parte de quen non se preocupa de contrastar, ou non ten tempo nin ganas de facelo, pero si ten tempo de pulsar unha tecla, tan a man elas, máis doado aínda que transmitir a suposta información por vía oral. E por suposto, o pulsar alguén unha tecla, e alguén outro outra, é tamén moito máis doado que pensar e contrastar se unha información concreta é verdade, corresponde a un feito...
  Chegamos ata o caso que na Wikipedia podemos atopar páxinas co título de “Desinformación sobre la pandemia de enfermedad por coronavirus de 2019-2020” (en máis de 30 linguas), que neste momento no que escribo, ten máis de 4000 palabras, referencias aparte (en castelán, en https://es.wikipedia.org/wiki/Desinformaci%C3%B3n_sobre_la_pandemia_de_enfermedad_por_coronavirus_de_2019-2020). A páxina aporta algunha curiosidade, como a contribución de medios estatais dalgúns países á desinformación no caso concreto do coronavirus, ou a posibilidade de clasificación da desinformación segundo tipos ou categorías.
   Seguiremos informando.

20200804

UN TELÓN QUE SE CIERRA Y UNA CLAQUE SIN DIRECCIÓN. Diario de un confinado en Olavide. Ángel Alda

Estandarte Real de Juan Carlos I. Creative Commons recoñecemento compartir igual 3.0 Unported, de https://gl.wikipedia.org/wiki/Ficheiro:Estandarte_Real_de_Juan_Carlos_I.svg


UN TELÓN QUE SE CIERRA Y UNA CLAQUE SIN DIRECCIÓN.

Algunos amigos me animan a escribir sobre la marcha de Juan Carlos al extranjero. Entre paréntesis, me niego a llamarlo exilio. Exiliados eran Machado o Azaña entre tantos miles de españoles liberales y republicanos que pretendían saliendo de España salvar su vida y su conciencia.

La jugada es de libro. Juan Carlos se inmola por el bien de la dinastía. Recibe un mensaje de agradecimiento por los servicios prestados y si te he visto no me acuerdo. Es así de brutal. Otra cosa es que funcione. Tengo serías dudas al respecto.

Creo que ha tenido que ser la decisión más meditada de los tiempos monárquicos. Una especie de mal menor que pueda servir para restablecer la confianza en la institución y serenar los ánimos de una población estupefacta pero que también puede acelerar el deterioro de la Corona. El hecho de la huida es la mejor evidencia, la prueba diabólica si queréis, de que algo hay. El reconocimiento de los hechos. De los que vamos conociendo y de los que previsiblemente emergerán al conocimiento público en los próximos meses. No ha habido ganas ni fuerza para tratar de contener la marea ni aguantar la ola del posible, del seguro desencanto popular. Siendo previsible que todo el enredo no tenga consecuencias penales la deducción es que lo que se trata de evitar es la explotación política antimonárquica de los hechos ¿servirá para eso?

No creo que Juan Carlos haya estado por la labor. Si alguien sabe de símbolos es él. Salir por piernas del país nos retrotrae a todos a memorias históricas vergonzosas de la dinastía real española. Asumir el gesto de la huida tiene que ser un trago tan duro para el Emérito superior, incluso, al harakiri que algún patán de la derecha le recomendaba recientemente. Ha tenido que resistirse denodadamente a esta alternativa. Y con razones políticas sólidas. Cuántas veces no habrá invocado ante los suyos su inocencia y su criterio basado en la experiencia política que atesora sobre la inutilidad del gesto. Alegar que este movimiento va a ser un acelerador de la crisis monárquica entra en lo previsible. Extraer de ello la consecuencia de que lo mejor sería resistir la ola no es un cálculo interesado. Es un pronóstico y un proceder realista.

Ahora no serán pocos los que castiguen la imagen del hijo que ha abandonado al padre en tristes circunstancias. La imagen de un Fernando VII, el rey Felón, entregando a su padre a Napoleón para conservar la corona y ser engañado a su vez por el francés. Otros venderán la triste y lastimera imagen de un rey que después de traer la democracia está recibiendo un trato inhumano. La consecuencia natural de esa idea no puede ser otra que proyectar sobre Felipe la responsabilidad de la maniobra. No es Pablo Iglesias el que está expulsando al viejo rey. De hecho en una reacción rápida e inteligente, y también muy cabrona ¿por qué no decirlo?, Iglesias ha dicho que la huida le parece fatal. Que lo preferible sería que diese la cara. Imposible evitar la responsabilidad directa de Felipe en la gestión de los acontecimientos.

No hay cinturón de seguridad. Han decidido, con mucho tiempo de incubación, pues esta crisis ya lleva rondando como mínimo desde los tiempos de la abdicación, han preferido, iba diciendo, echar al rey anciano a los leones para salvar el reinado del rey joven. Y al final puede que la maniobra no sea útil. Como le dijo don Luis a don Juan Tenorio «Yo la amaba. Sí. Mas con lo que habéis osado, imposible la hais dejado para vos y para mí»

Creo que seguimos con las espadas en alto. Y que van a pasar más cosas y no todas nos van a gustar. Un tiempo desaparece y el que le sustituya no tiene el rostro claro.

Hoy hemos visto como el telón se cierra y el público no se quiere ir del teatro. El patio de butacas quiere construir un nuevo final. No le ha convencido el escrito para la función. Y en el gallinero siguen los gritos. La claque está fuera de la sala pidiendo explicaciones al jefe.

No es hoy el mejor día que vayamos a vivir.

A mi me da pena y me entra un respeto imponente como decían del Piyayo. Para mi Juan Carlos en este momento me merece un respeto imponente. A lo mejor ustedes no me entienden. Pero a mis años el sentimentalismo es una de las mejores herramientas para sobrevivir.

Abrazos

20200803

Xira 2020

O pasado fin de semana, primeiro de agosto, ten un signficado en Ribadeo: Xira.
Máis ben tiña, e posiblemente, terá. Porque este 2020 as cousas cambiaron pola pandemia e non se podía observar nada en Santa Cruz diferente dun domingo normal -pouco concorrido- do mes de agosto. Chegaban os dedos dunha man para contar as mesas ocupadas en hora punta de comida na zona principal. Había algunha máis no recén reaberto mesón de Sta. Cruz, e alí, á hora do café, había bó nivel de ocupación. Pero sitio, o que se quixera. Para comparación, deixo dúas fotos tomadas cun par de horas de diferencia, unha en sta. Cruz (a eso das catrro e media da tarde) e outra sobre os bloques (un par de horas despois), nun día no que o sol fíxose o remolón, cunha temperatura agradable que propiciou que houber xentea bañarse, pero non moita: