Amosando publicacións coa etiqueta fotos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta fotos. Amosar todas as publicacións

20210307

Demasiadas reivindicacións?

   Onte en Ribadeo tiveron lugar a inauguración dunha estatua na praza oito de marzo e a concentración dos primeiros sábados de mes polas pensións. Non tería nada de raro senón porque houbo unha coincidencia de horas. A concentración polas pensións leva celebrándose varios anos os primeiros sábados de mes á mesma hora, as 12 da mañá. A inauguración da estatua, lóxicamente, é un evento único, que ademais, celébrase fóra do día 8 de marzo, central da celebración arredor da muller e no que hai convocada outra actividade a outra hora diferente das 12. Independentemente de cousas como as medidas anti Covid, que en Ribadeo non soe ser difícil cumprir pola pouca asistencia, o que houbera unha coincidencia horaria é unha falta de coordinación que expresa o que cada un vai polo seu lado, como se fora unha secuela do célebre 'en Ribadeo cada un paga o seu'. E é que está moi ben que se organicen actividades polo concello, pero o que non o está é que non se miren as actividades que fan outros colectivos. Sobre todo porque unha porcentaxe significativa de xente dunha reivindicación tamén podería estar na outra. Non, non son demasiadas reivindicacións. É invisivilidade das reivindicacións.

   Deixo unha foto da estatua na praza do 8M coa nota do concello a continuación, e de Suso da concentración sobre as pensións, e o documento lido nesta.

--

HABERÁ MAIS ACTIVIDADES DURANTE O MES DE MARZO

Homenaxe á muller

06/03/2021

A escultura "Son o poder dentro de min", en homenaxe á muller, foi inaugurada este mediodía na Praza 8 de Marzo. Deseñada pola artista Ana Vidal Suárez foi realizada polos Ferreiros de Mazonovo. Este é un dos actos organizados pola Concellaría de Igualdade para conmemorar o Día Internacional das Mulleres.

Profesores da Escola Municipal de Música e Danza interpretaron tres pezas no acto desta mañá no que Ana Vidal explicou a idea e o significado do deseño desta escultura e os Ferreiros de Mazonovo referíronse ao proceso de creación. A concelleira de Igualdade, Mariluz Álvarez Lastra, na súa intervención dixo que "é unha escultura en homenaxe a todas as mulleres do Concello, ás novas, ás adultas e ás maiores. Todas elas son dignas de ter unha figura que as represente. Porque como reza o titulo da escultura Son o poder dentro de min, as mulleres somos poderosas. Facemos sen ser conscientes do que somos capaces, dobre, triplas xornadas laborais, criamos solas ás veces, enfrontámonos a aqueles que nos queren limitar polo simple feito de sermos mulleres. Loitamos no día a día contra o patriarcado que se resiste a que formemos esa sociedade igualitaria".

A edil ribadense sinalou que "temos moito máis poder do que pensamos ou ás veces do que nós cremos, porque o noso poder a maioría das veces está invisibilizado e devaluado. Dende a Concellaría de igualdade levamos anos intentando poñelo en valor e damos un paso máis na feminización de espazos da vila, despois dos rueiros, de darlles nomes de mulleres a aulas dos Centros de Primaria e agora coa visibilización de figuras femininas ou de mulleres".

Álvarez Lastra tamén se referiu ao momento polo que atravesa a cultura e ás relacións entre Asturias e Galicia: "tamén queríamos amosar o noso apoio con este pequeno signo á cultura, un sector moi castigado nestes momentos e moi necesario para sobrevivir tanto como pobo como persoas.Se algo tiña claro desde o principio é que debía ser unha muller a que deseñara ou creara a obra. Non podía ser doutra maneira. Cando Ana me presentou o bocexo da obra e a idea de facela en ferro mesturando así as diferentes artes e poñendo en valor o tradicional non puiden resistirme. E ademais, queríamos rachar esas fronteiras que nunca existiron coas vilas limítrofes de Asturias, agás neste último ano coas que nos obriga a pandemia, porque queremos que en Ribadeo tamén haxa esa irmandade entre culturas como a que existe na realidade desta vila entre Galicia e Asturias".

Por outra banda, a Concellaría de Igualdade desenvolverá ao longo deste mes diferentes iniciativas como talleres nos centros educativos de Secundaria e a creación do Espazo de autocoidados en tempos de pandemia, que ten como obxectivo fomentar o empoderamento e a autoestima das mulleres adultas. Será dinamizado pola psicóloga Marina López de Prado en sesións reducidas de 5 persoas. Levaranse a cabo 10 sesións dunha duración de 1 hora e 30 minutos. O prazo para inscribirse finaliza o vindeiro venres, 12 de marzo, e actividade comezará o 16 deste mes.

--



 A próxima xuntanza, o 3 de abril.

--

   A guinda. Non importa que se estean a aplicar as medidas anti Covid ou outra cousa, sempre haberá comentarios como o que escoitei camiño do Cantón, diante de Casa Arango. Algo así como 'Que será aquel grupo?'. 'Non sei. Pode que os xubilados'. 'Pois ben poucos son'. Sen importar, claro, os tres anos cos altibaixos de asistencia, as reivindicacións en si, que non son 'os xubilados', senón que son xente que tenta defender as condicións de traballo e de xubilación de todos, sen importarlles ós comentaristas (neste caso, ás comentaristas) que era o defendido, ou a outra concentración, a de mulleres, que tampouco ían para alí nin aparentemente, con présa para outro sitio determinado.

20200914

Fotografías en Commons

Hai tempo que as fotografías cargadas para Wikipedia e proxectos irmáns van a parar non a cada proxecto, senón case sempre a Commons. E sempre cunha licenza libre, do tipo Creative Commons recoñecemento compartir igual 4.0 internacional

Por unha casualidade, atopei un método sinxelo que permite o sistema Wikimedia para ver todas as fotos cargadas por min en Commons: https://commons.wikimedia.org/w/index.php?title=Special:ListFiles&dir=prev&user=Agremon&ilshowall

Que se complementas coas cargadas (en xeral, con anterioridade) na Galipedia: https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Especial:Lista_de_imaxes&dir=prev&user=Agremon&ilshowall=

A primeira, segundo parece (eu non o lembro), foi esta, tomada no 2003 e colgada no 2004:


Que vos aproveite!

20200520

Pasando sobre dalgunha medida de fase

   Corto e pego abaixo o que remato de ver no Facebook do alcalde de Ribadeo (non está aínda nas novas da web do concello), e deixo antes algún apunte que tomei días pasados. Non para ir contra do goberno, que penso que non o está facendo tan mal dentro das posibilidades que ten a tódolos niveis, senón sinxelamente porque hai cousas que non entendo. Déixoas sen máis axustes posteriores:
   - Causa sorpresa que non se poda facer deporte en bici noutros concellos viciños, polas estradas ou polo monte, pero si se poda ir a un bar. Non sei se a iso se lle chama potenciar a economía. Pode ser 'merma selectiva de liberdade'? Apoio dun sistema económico determinado? (non 'sector'!). Á hora de propagación e contaxio, cal é peor?
   - Sigo: que non se poda ir de Ribadeo á Veiga mercar aquelo que só atopo alí e non aquí, pero que poda ir ata Quiroga, a case 200 km a tomar un café. A vertebración territorial ten que coincidir coa provincia ou coa zona sanitaria?
   - Podo ir tomar café a calquera hora, pero non a pasear. Ten a economía monetaria privilexios fronte ó benestar e saúde particular e social?
   - Evidentemente, non hai forza pública abonda para vixiar de xeito rigoroso tódalas medidas. De aí que, segundo teño entendido, a aplicación das multas foi progresiva, subindo de contía de xeito efectivo pasados uns días. Por iso, ten sentido unha medida como a petición de cita para tódalas praias de Galicia? Cantas entradas ten a praia de Reinante?
   - Entre a necesidade de facer cambios frecuentes de consellos e normativas para adaptarse o mellor posible á actualidade da pandemia, mesmo antes de que se comprendan as medidas en vigor nun momento dado; a diversidade do territorio, de Remourelle á madrileña Chamberí; a casuística de necesidades de servizos (e polo tanto de traballos) que implica que alguén poda viaxar sen trabas para traballar, pero teña que quedarse encerrado entre catro paredes fora desas horas; a importancia relativa diferente que cada un asignamos a cousas diferentes (hai quen prefire 'arriscarse a morrer' antes que ... ); os intereses sectoriais facendo presión, etc, as medidas non van a ser nunca a gusto de todos. Por iso hai que tentar melloralas. Melloralas, non destruir cun 'quítate daí, que me poño eu'.
   E agora, o texto do alcalde, co documento e unha fermosa foto da ponte dos Santos

"Informando. Solicitude ao goberno en relación ás restricións de mobilidade derivadas da problemática de saúde pública ocasionada polo COVID-19 para os veciños do Occidente asturiano en relación con Ribadeo.

Ribadeo é unha vila que vive principalmente do sector terciario e é significativo o número de veciños e veciñas dos concellos próximos pertencentes tanto á Mariña Luguesa como en igual medida ao Occidente Asturiano, que se desprazaban a diario ata o noso municipio.

Temos que destacar que por sorte, dentro da gravidade desta situación, tanto a Provincia de Lugo como a Comunidade Autónoma Uniprovincial de Asturias non foron dos territorios estatais máis afectados polo COVID-19, atopándose ambos lugares dentro da mesma Fase 1 de desescalada, polo tanto cunha situación moi semellante a día de hoxe.

Solicitámoslle onte ao goberno do estado que, dentro da actuais restricións de movemento vixentes por mor do estado de alarma declarado en base á problemática de saúde pública ocasionada polo COVID-19, se permita o acceso ao municipio de Ribadeo á poboación do Occidente Asturiano que acuda a facer uso do comercio local como medida necesaria para a reactivación económica do Concello de Ribadeo.

Agardamos pois, que tomen de inmediato en consideración os argumentos que lles trasladamos, sabendo que ao propoñelos, estámolo a facer coa cabeza e co corazón, e co compromiso a partes iguais de protección contra a pandemia que sufrimos e de reactivación ponderada da nosa economía local e comarcal."




20200513

Normalizando? Día de mercado en Ribadeo



   Hoxe merquei no aparcadoiro, no lugar provisional do mercado semanal dos mércores en Ribadeo. Pouca xente (tamén era cedo), maioría de mascariñas, abrumadora entre os vendedores, pero non entre os clientes, sensación de aprendizaxe nunha situación que só se considera provisional a medias, e sentemento de que por algures hai que continuar cara a unha 'vida normal' -ó que se vaia achegando a ela-.
   A normalidade non é tal, pero a previsión de que o que veña en diante será en moitos sentidos diferente ó que deixamos atrás fai cambiar a mentalidade e considerar ó tempo como raro e asumido as colas con distancia ou as caixas limitando espazos de achegamento ós mostradores -que aínda se estaban a poñer-.
   Sí había interpretación de provisionalidade nalgún tema, como a distribución de espazos neste primeiro día no aparcadoiro ou o reparto de cartelería polo COVID19. 
   Polo demais, de retorno, a xente que ía cara o mercado parecía asumir que é un cambio de sitio e dalgunhas circunstancias, pero non de significación ou variación de costume de pasarse polo mercado dos mércores.
   Ribadeo. Día de mercado. Día que non é normal... só baixo os patróns ós que estábamos afeitos.

20200417

#omeumarfavorito? O mar. Un concurso aberto, non confinado.


Crónica 3 e o Grupo de Acción Local do sector Pesqueiro Mariña-Ortegal poñen en marcha o concurso #omeumarfavorito

   A Mariña, 16 de abril, 2020. Crónica 3 e o Grupo de Acción Local do sector Pesqueiro Mariña-Ortegal presentan o concurso fotográfico #omeumarfavorito. Con el queremos poñer en valor a importancia do mar nas nosas vidas. Por elo convidámoste a que subas unha foto túa do mar (contigo ou sen ti) cun breve texto no que expliques porqué non podes vivir sen el.
   Deberás facelo no twitter @redacCronica3 co cancelo #omeumarfavorito. Senón dispós de conta nesta rede social, podes envíalo por correo co texto e os teus datos a cronica3@gmail.com. As 2 imaxes que máis “gústame” reciban obterán senllos premios dun lote de produtos de Conservas Ares de 50 e 30€ respectivamente. O prazo remata o 15 de maio, sube xa a túa!

20200414

Mirando á auga dende a casa

Deixo as fotos anteriores, ampliables moito premendo sobre elas, como unha manifestación máis dos cambios pola pandemia. As fotos, da ESA, son da lagoa de Venecia. Na de abaixo, do ano pasado, vese multitudes de estelas de barcos na auga, en particular no Gran Canal que serpentea pola cidade e pola canle da Giudecca, que separa a illa máis ó sur, abaixo na foto. Na deste ano, arriba, as estelas case desaparecen por completo. Din que ata os peixes voltaron...
Referencia para quen queira mirar máis: o mar Adriático aparece na parte inferior dereita de cada foto, separado da lagoa polo Lido. O continente, na parte superior esquerda de cada foto.

20200410

Lembrando festa: libro das festas patronais de Ribadeo 2007



Nestes días nos que sentimos a necesidade de orden de xeito diferente ó habitual, tpeime co libro doas festas patronais de Ribadeo de 2007. A primeira reacción foir ler (índa non o fixera), e logo, facer posible de xeito doado a lembranza a outra xente. A solución foi escanear. Iso si, suprimín as follas que só teñen anuncios -a maioría- deixando só as de información da festa -exactamente 2-, a portada, unha páxina de fotos e os textos de colaboración, incluíndo o saúda do alcalde. O contido é:
* Imaxes para a lembranza (2 fotos do século pasado)
* Saúda do alcalde
* Colasín dos paus (Víctor Moro)
* Ribadeo tivo un río (Francisco Díaz-Fierros Viqueira)
* Recordos (Miguel Gutiérrez)
* Placer para los sentidos (Gilberto Suárez)
* Fotos da Raíña e Damas de honra: Ana Fernández, Arabela Otero e Denisse Martínez
* Mudanzas heráldicas (Eduardo Gutiérrez)
* Programa das festas
* Cuestión de fósforo (Roberto R. Rodríguez)
* Octopografía ribadense (Carlos Álvarez Lebredo)
* De festas e botellón (Antonio Díaz Amor)
* Tracadonove (Suso Ventura)
* A torre (Eva Moreda R.)
* Poesías (Eli García-Bouso Martínez)
* O precursor percusionista (Jorge Deaño)
Velaeiquí:



O contido está disponible tamén en https://issuu.com/agremon/docs/libro_festas_patronais_ribadeo_2007

20200101

Ribadeo: vista parcial da mañá de ano novo

As rúas non estaba baleiras, pero menos aínda cheas, mentres o sol ía desterrando o frío do novo ano...












20190611

Na Ponte de Arante, romaría das Cruces

Este luns 10 de xuño foi a romaría das Virtudes na Ponte de Arante. Xuntouse moita xente, a pesar de ser día laborable e de que houbo festa tamén o día anterior (mesmo con representación do combate cos franceses), domingo.
Había unha razón para que acudira máis xente que outros anos? Pode dicirse que si. Por unha banda, este ano a romaxe das Cruces recibiu o título de declarada de interese turístico de Galicia. Isto implica unha promoción, que máis aló de constituír unha nova de prensa en varias ocasións, se manifestou pola presencia de enviados da Xunta para destapar un cadro cunha placa, que é de esperar que quede permanente nalgures. Como apoio a esta promoción, ou máis ben como promoción alternativa, o concello sacou da manga este ano o título que abre esta entrada, unha 'crecencial do peregrino ribadense' (ás Cruces) que foi acompañada da posibilidade de baixar nun autobús pagado polo concello, a máis das participación da xente de dous obradoiros de emprego desenvoltos no concello na peregrinación.
Foi curioso observar o que se podería chamar protocolo, coa diferenciación clara de intervención entre xente da Xunta e do Concello. Tamén resultou chocante que na intervención da 'xente da Xunta' dando nota de que se concedera o interese turístico para a romaría, non se tivera en conta a outra placa xa situada na parede que indica a batalla que tivo lugar alí no 1809 e que deu lugar á representación das cruces, acto central da romaría. Tampouco se falou do estado das humidades e dunha solución duradeira para o problema.
As compoñentes que deron lugar ó que hoxe coñecemos como 'romaría das cruces' teñen unha parte relixiosa, pero tamén outra de mitoloxía histórica. Coido que habería que coidar ambas para que a festa non quede desvirtuada como unha compoñente máis do 'panem e circenses' moi típico na sociedade actual.
En fin, aparentemente, a festa seguirá a medrar a partir da potenciación que se está a facer dela. Este ano na romaría había peregrinos valencianos que gastaron un día do seu camiño a Santiago uníndose á romaría, a máis doutros que pasaban e participaban por un ratiño.
A máis de moitas outras fotos doutras entradas anteriores sobre as Virtudes/as Cruces, e a entrada correspondente na Galipedia, deixo algunha tomada onte:
Chegada dos pendóns da zona de Arante
Acto para difundir a declaración de interese turístico
Cabeza da procesión: Pendóns e cruces, e virxe
Santiago Matamoros, unha das tallas antigas do santuario.
Virxe das Virtudes
Placa conmemorativa do combate contra os franceses.
Detalle dun dos contrafortes: cruces gravadas.


20190218

Paseando sobre a ría de Ribadeo

Fin de semana. Temperie agradable. Nun entorno como o de Ribadeo, un paseo preto do pobo está á man. Mágoa dun espectáculo como o da foto, tomada nos bloques, cunha luminaria destrozada e un cubo de lixo destrozado e estrado o seu contido. Febre do sábado noite? O carallo! febre de imbecilidade animal.
 Lémbrame a imaxe anterior a outra, esta tomada no Comado, nun lugar que podería albergar a un dos famosos bancos 'máis bonito do mundo'. De feito, puxeron un para admirar a vista. E a imaxe amosa como está na actualidade. E iso que subir ata alí require como mínimo, tempo de vehículo se vas motorizado.
Volvamos a Ribadeo. Un paseo pode levar a un a ver as exportacións que saen polo porto, como os montóns de madeira (de pino a maioría, neste caso) que se apilan en Mirasol. Miles de toneladas dispostas a ser cargadas.
Un paseo mañaneiro permite ver como se levanta o Sol polo fondo da Liñeira.
Pero aínda que non sexa tan cedo, dende o parque do mineral pode aprezarse o fondo da ría, a salvo cun límite do campo con cordas que leva sufrido xa agresións e pola traxectoria, seguirá a sufrilas.
 E, voltando ó sitio de inicio, como conxugará quen fai os destrozos o lixo estrado coas novas duchas (que xa facían falta...)
En fin, Ribadeo ten recunchos para un paseo. E para moitos.

20181012

Ribadeo en Windows 10 spotlight images

Remato de recibir a nova. Un blog, Windows 10 spotlight images, que acumula as imaxes decargadas dende Microsoft para o fondo de windows 10, ten como primeira imaxe a que presento abaixo, tomada dende o cargadoiro ó interior da ría de Ribadeo na que se ve a ponte dos Santos, o peirao deportivo de Porcillán e Castropol ó fondo. Só unhas verbas de explicación no blog permiten aclarar que calquera cousa que vaia mal, que se lle reclame a Microsoft...
datos adxuntos á foto: "

Coast of Ribadeo with highway bridge between Galicia and Asturia, Spain

size: 940494
sha1: 3636d7e71ad46ad14c6a7e38b56759236b8fd39f
sha256: 1f59fc7d6cd457f25b30978e1801c7f443b33e132b05a2596cf224e02100693b
"

20180502

Pola recuperación de dereitos

Onte houbo manifestación en Ribadeo. 1º de maio. Collo algunha das fotos de Suso Fernández para lembrar no blog a manifestación. Xente loitando polos nosos dereitos. Algunha xente loitando polos dereitos de todos. Ós que máis se ve son ós das pancartas, pero sen os de atrás, nada se faría.