Situado no lateral dereito da fachada frontal segundo se chega ó Parador de Turismo de Ribadeo, sobre a parede de pedra vista, está este precioso escudo de armas español, timbrado cunha coroa de xénero descoñecido e sen clasificación.
É un escudo español clásico, cuadrilongo redondeado por abaixo. Está adornado con molduras independentes de recheo nos soportes, e outras continuas e simétricas que conforman unha segunda bordura de deseño moi elegante en forma de casulla como os escudos aristocráticos. Na punta está sostido por molduras miúdas que cerran un conxunto harmonizado e esteticamente ben distribuído.
Está cuarteado en catro, cun escusón no abismo.
Primeiro cuartel, aparece gravado en campo de azur dúas táboas en pau, bordura de prata con oito caldeiras de sable, son armas arbitrarias dos Taboada (Nota: as “armas arbitrarias” en Heráldica, son signos xeroglíficos que adoptan ser brasóns distintivos de familias pero que non o son propiamente). As armas dos Taboada son propiamente: en campo de azur tres táboas en pau (verticais) e bordura de oito caldeiras de sable (cor negro).
Segundo cuartel, armas da Casa de Zúñiga descendentes dos reis de Navarra, e dos duques de Béjar: en campo de prata unha barra de sable, e posta en orla unha cadea de oito eslavóns de ouro. A Casa de Zúñiga, está relacionada desde antigamente con Ribadeo, posto que, en 22 de decembro de 1431 o Condado de Ribadeo é concedido polo rei Xan II de Castela a D. Rodrigo de Villandrando que en primeiras nupcias cásase con Dª. Margarita de Borbón, que morreu moi nova, é volve a casar en segundas nupcias con Dª Beatriz de Zúñiga.
Terceiro cuartel, xaquelado de quince casiñas cadradas, oito entrantes de ouro e sete saíntes de gules, estas cargadas cada unha, de tres faixas de prata. Son armas dos Ulloa.
Cuarto cuartel, en campo de ouro cinco estrelas de oito puntas de gules postas en sotuer (postas en aspa). Son armas dos Fonseca.
No escusón do abismo, oito aspas rodean un segundo escusón cuarteado en catro, e cada cuartel cunha árbore igual. Non atopamos as liñaxes deste escusón, que son armas principais do escudo, pois cargan “sobre o todo do todo”. Posiblemente este escusón represente as armas do cabaleiro que Ribadeo tivo como mecenas para levar a cabo as obras do Parador e do Instituto Laboral.
No escudo están representados os matrimonios das familias que loitaron polos dereitos de Galiza, e perderon. Alonso de Fonseca xunto con Fernán Pérez de Andrade loitaron polo Dereito o Voto nos tempos de Carlos I. No ano 1520 estourou o Movemento Comuneiro contra da centralización do poder na capital do estado, coas perdas consecuentes para as cidades “provincianas”. Carlos I sabía da capacidade de manobra da nobreza galega e nomeou rexente de Galiza a un estraño ás necesidades do pobo galego, o Conde de Fuensalida. Estas manobras, mal intencionadas, obrigaron os fidalgos galegos a ir abandonando pouco a pouco Galiza, e fóronse a instalar a corte do rei, o que consolidou a autoridade real en Galiza, pero aquelas familias souberon, dalgunha forma, manter o poder e a influencia.
O Parador de Turismo e o
Instituto Laboral, inaugurados o mesmo día 30-Agosto-1958, foron dúas obras de amplísima proxección no tempo, para o porvir dos veciños de Ribadeo e a súa comarca, e quixéramos recordar aquí, un pouco daqueles históricos momentos.
A primeiros de Setembro de 1953, no Consello de Ministros, acórdase construír o Parador de Turismo de Ribadeo, e asínase o 11-Decembro-1953. O lugar elixido para a súa construción, foi o Cemiterio Vello (foto 2) pola beleza natural da paisaxe sobre a Ría de Ribadeo, e polas comodidades próximas dentro do núcleo urbano do pobo. No proxecto entraba a construción dun Parque de Festas, con servizos deportivos para o gran turismo, así como, un plan de modernización da estrada Ribadeo-Ferrol pasando por Viveiro e Sta. Marta de Ortigueira. Falábase tamén, de que no lateral do Parador habería unha ampla escalinata que permitiría seguir contemplando desde o pobo o paisaxe da Ría, e por onde se daría un rápido servizo de acceso o peirao de Mirasol, onde se supoñía que atracarían os iates de pequeno e gran porte dalgúns dos clientes. Estas obras colaterais non se fixeron, e no lugar da escalinata, edificouse a Residencia do Eo, a finais da década dos 60, quedando sen aquel rápido acceso o peirao de Figueirua ou Mirasol. Abriuse por xunto, a Avenida de Asturias que logo continuaría coa
Avenida de Galicia, ata o Instituto.
Estaba de Alcalde, por aquel entonces, D.
Francisco Maseda García (Pancho Maseda) que se desviviu en esforzos para conseguir aqueles ansiados proxectos, pois sabía da gran mellora que ía representar para o benestar de Ribadeo, xa que institucións industriais ou de calquera outra clase proporcionaban vida, traballo e prosperidade, cimentos estables da vida cotián dos pobos.
As escrituras de compravenda dos terreos do Cemiterio Vello e sitios laterais ata a estrada de Mirasol, foron asinadas a finais de Decembro de 1954, ante o Notario desta vila D. Francisco Vigil de Quiñones y Villalva, polo Delegado Provincial D. Jesús Pedrosas Latas, polo Alcalde de Ribadeo D. Francisco Maseda, e polos propietarios dos terreos Dª Elisa González Monteavaro e seu marido D. José Meira Amoroso, por D. Jesús Rodríguez Brasa e seus fillos D. Jesús e D.Hector Rodríguez Freijo, e por D. Antonio González Miró. Os terreos pasaron a ser propiedade do Ministerio de Información e Turismo (La Comarca 2-Xaneiro-1955).
Nese mesmo ano, B.O.E. de 9 de Novembro de 1954, tamén se aceptan polo Patronato Nacional de Ensinanza Media e Profesional, 8 800 m
2 de terreos ofrecidos polo Concello de Ribadeo, no Xardín e na Faxarda para construír o Instituto Laboral de modalidade Agrícola-Gandeira, que levou o nome de Carlos Mª Rodríguez de Valcarcel, daquela Director Xeral do Instituto Nacional de Emigración. As costas das tramitacións notariais, fiscais e rexistros para formalizar o acordo, correron a conta do Concello. As obras foron proxecto do Arquitecto Xefe de Construcións do Ministerio de Educación Nacional, D. Francisco Navarro Borrás.
As clases de Bacharelato Laboral comezaron provisionalmente no curso 1955-1956 na Casa do Óptico, e o novo edificio foi inaugurado polo Xefe do Estado D. Francisco Franco o mesmo día que tamén se inaugura o Parador de Turismo, o día 30 de Agosto de 1958.
Tratamos de atopar quen sería o “padriño” de Ribadeo, que está expresado no escusón do abismo do escudo do Parador, revisando o nome das múltiples Autoridades que acompañaban o día da inauguración o Xefe do Estado e a súa dona Dª Carmen Polo, e atopamos, o Almirante Nieto Antunez, o Gobernador Civil D. Enrique Otero Aenlle (que como veciño de Ribadeo seguramente tivo moito que ver coa culminación do proxecto apoiando o traballo metódico e ordenado do Alcalde), o Xefe da Casa Civil Conde de Loja, Ministro da Gobernación, Xeneral Alonso Vega, Ministro de Información e Turismo, Sr. Arias Salgado; Ministro de Educación Nacional, Sr. Rubio; Director Xeral de Ensinanza Laboral, D. Guillermo de Reyna; Secretario do Ministro de Educación, Sr. Tena Artigas; Delegado Nacional de Asociacións, D. Manuel Fraga Iribarne; Capitán Xeneral da 8ª Rexión Sr. Gutiérrez de Soto; Capitán Xeneral do Departamento Marítimo Sr. Fernández Martín; Xeneral da División Aérea Sr. Fernández Longoria; Rector da Universidade de Santiago Sr. Legaz Lacambra; Bispo de Mondoñedo Doctor Argaya; Bispo Auxiliar de Lugo Doctor Ona de Echave; Xefe da Casa Militar Teniente Xeneral Sr. Asensio e Segundo Xefe da Casa Civil D. Fernando Fuentes Villavicencio.
Ningún apelido destas autoridades, ten que ver coas liñaxes do escudo. ¿Foi o escudo de armas un simple trámite de decoración, con “armas arbitrarias”...? ¡Quizais sí...ou quizais non, pois hai cousas que se fan “daquela maneira”, isto é, sen explicación se non estás “no allo” do asunto! ¿Bon ou mal sistema...? Non o sei, pero o Parador de Turismo e o Instituto Laboral fixéronlle a Ribadeo “mil bienes” e debera de cundir o exemplo para seguir a facer obra pública e conseguir Institucións con futuro, tales como, a Residencia de Anciáns ou o Xulgado de Primeira Instancia e Instrución, entre outras.