Amosando publicacións coa etiqueta publicado en Ribadeo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta publicado en Ribadeo. Amosar todas as publicacións

20201109

As notas de prensa do concello de Ribadeo tamén sentiron o COVID

   As notas de prensa do concello tamén sentiron o COVID, non só pola temática, senón polo confinamento. Seguindo o camiño de veces anteriores (a anterior, 'Unha nota do concello de Ribadeo por cada día do ano', xa de 2016), continúo a acumular datos sobre elas. Así, deixo abaixo varias gráficas. E mentres, hai que pensar que as novas do concello poden dar información valiosa (e este ano, coa pandemia, houbo claros exemplos) ou sinxelamente facer de directrices para crear opinión, dirixir a mirada da xente a algures desviándoa doutros lugares, facer propaganda, etc.

   A primeira gráfica é unha comparativa, onde se destaca a liña correspondente a este ano, que finaliza horizonta ó non ter rematado o ano aínda e onde que se ve que houbo unha diminución relativa de novas a raíz da declaración de confinamento, voltándose animar co peche da Mariña e resultando polo demáis na liña do ano anterior, que batiu marcas en canto a cantidade de notas emitidas (343 ó longo do ano 2019 fronte a 328 o ano anterior, tamén marca no seu momento, ver gráfica final). De feito, de non ser pola diminución durante o confinamento, na actualidade estaríamos nun novo máximo.

   A segunda gráfica amosa a evbolución neste ano 2020, cunha curva de axuste que nos di que a pesares do confinamento lévanse emitido 9 novas cada 10 días naurais, isto é, a máis dunha diaria se consideramos os días laborais.

   A última gráfica é unha evolución do número anual dende que comezaron a emitirse. Unha vez afeitos, houbo pequenas irregularidades, pero o a tendencia é clara: o número non deixa de medrar ano tras ano.


20180731

Naufraxios en Ribadeo? Si, naufraxios

Só unhas poucas verbas para levar a un lugar con abondas máis. Trátase do blog 'Naufraxios en Ribadeo', con información sobre os últimos naufraxios nos arredores. Un proxecto académico que parece que non tivo un recorrido moi longo, mais que deixou o seu rastro. Un rastro a seguir, tras os pasos do Suárez Iriarte, Siempre Casina, Nuevo Amadorín...

20170504

Cortezón, Suso Peña e As Covas do Rei Cintolo

Unha publicación de Daniel Cortezón do ano 1956 publicada por Galaxia é republicada agora por Gráficas Lar Editora, acompañada do breve cómic de Suso Peña sobre o mesmo tema. A edición é facsímil, cedida por Galaxia, e o cómic de Suso Peña, como foi escrito, en castelán. Unha sorpresa editorial que sae a 10 € o conxunto, pero cun valor moito maior.
E, despois dunha ducia de anos do pasamento de Suso Peña e un menos da homenaxe, fáigome cunha foto que representa a súa presencia no lugar onde foron aventadas as súas cinzas, a illa Pancha, tomada hai xa tempo por Suso Fernández.








20170303

Unha entrada para Suso Peña

Suso Peña ten unha entrada na Galipedia. Por razón de licenza, eliminei (polo momento, de xeito provisional) unha imaxe que eu mesmo cargara hai tempo, co que a entrada quedou lixeiramente diminuída. Como sabía que ía quedar así, tomei pantallazos dela para que quedara constancia de como estaba, á espera de engadir máis contido.
Aí vai:




 Deixo tamén a imaxe que polo momento está borrada e que deu lugar ó cambio:
A imaxe, cargada en febreiro de 2006, tiña como aclaracións que fora para agradecer a súa labor ós voluntarios do Prestige (dec. 2002), e que pola súa vontade, tiña licenza libre, co que, sen modificacións nin uso lucrativo podíase distribuír por calquera medio. Interpretando a súa vontade, púxenlle no seu momento unha licenza CC Recoñecemento-Compartir igual que podería chocar co seu desexo, pois na Wikipedia dita licenza inclúe a posibilidade de uso lucrativo, como fun advertido por un compañeiro.
E con esa imaxe despídese o artigo de hoxe: Paz, Felicidad y eterno agradecimiento a la gente solidaria.

--

Nota posterior: aconsello ver o completo artigo do blog Banda de Galegos.

20170103

Deslinde do concello de Ribadeo

Aló polo 1927 debían ter problemas de deslinde os concellos de Ribadeo e Barreiros, polo que encargaron a Jesús García Rodríguez, de A Devesa, o deslinde do concello de Ribadeo, por unha beira, e o deslinde do concello de Barreiros, pola outra. Traballos que executou e polos que parece que cobrou no seu momento algo máis de 300 pesetas do momento.
Unha copia mecanografiada de ambos traballos chegou ás miñas mans cedida por José Mª Rodríguez, e aquí a reproduzo. Pódese descargar aquí ou aquí ou ver a continuación (e descargar de xeito directo, en dúas plataformas diferentes, por se falla algunha delas)

Ou aquí:

 Obras de José Mª Rodríguez

20161230

Unha nova do concello de Ribadeo por cada día de diario

A falta dun día para que remate o ano, xa non poden variar moto algunha estatísticas. Unha delas, a de notas de prensa do concello de Ribadeo. A estas alturas do ciclo anual, van 313 notas dende o un de xaneiro. Case unha nota diaria, quitados só os domingos.
A táboa onde se van poñendo o número de notas en función do ano é clara: houbo un ano de proba (unha soa nota), outro de adaptación (comezaron a editarse notas a mediados de ano) e logo, funcionamento normal, fase na que tras unha época de máis entusiasmo, baixou o número de notas para logo ir subindo dun xeito irregular.
Unha primeira gráfica, dende o comezo, representa a columna da táboa en vermello:
 Unha segunda gráfica coa tendencia unha vez establecida a habitude de publicación de novas, coa liña de tendencia (e a ecuación correspondente na parte inferior esquerda) que indica que, de media, cada ano que transcorre, o concello publica tres novas máis que o anterior:
Certamente, non é unha subida moi grande, pero é abondo como para que se deixe notar na gráfica e (algo que non se pode ver nas gráficas) como para que os medios sexan cada vez máis dependentes desa fonte de novas.
Dentro de cada ano, vai sendo cada vez máis distribuído o número de novas ó longo de cada semana, variando de menos días con máis novas hai uns anos a máis día con algunha nova. este ano resultou:
É dicir, aínda que o grupo maior de días é o daqueles nos que non houbo publicación, xa lle segue moi de cerca o grupo de 1 nota, e hai un solitario día con 5 notas (con 4 non hai ningún). Asemade, vese que a distribución ó longo do ano é abondo regular, quizáis máis aínda que os anos pasados:
Isto vese mellor na gráfica seguinte, só referida a este ano 2016, comparando coa liña de axuste. A maior diferencia atópase nas semanas posteriores ás festas, onde houbo un relax nas comunicacións, sen o que estariamos preto de unha nova ó día (de diario ou non)
 Quedaría por ver posibles influencias de feitos como as diversas eleccións no número de notas, pero iso, xa é 'para nota'.
--
Actualización: Despois de todo, o mesmo día 30 de decembro de 2016, o concello emitiu dúas novas notas. Claro está, non están contempladas nas táboas e gráficas presentadas aquí.

20161114

Botellón en Ribadeo? Nada novo

Despois de comentar o pleno co do botellón, e visto que nas novas seguen co castigo ó botellón, revolvo a dar luz a un vello estudo realizado no daquela IES Porta da Auga. Mais parece que a guía, a pesar de terse difundido abondo en Ribadeo, non se leu...

Trátase da Guía-informe descritivo sobre consumo da xente nova. Feito no IES Porta da Auga en data tan lonxana como o curso 1999/2000, coido que segue a ter vixencia aínda a pesar de que dende aquela houbo cambios importantes na socialización da xente nova, e a que polo concello e institucións políticas diversas teñen pasado dende aquela representantes de todas as cores do espectro policio.
Está colgada na nube en dúas partes:
Parte 1
Parte 2
E coido que teño algún exemplar en papel que podo agasallar a algún político.
Por certo, na portada pode lerse 'Unha reflexión conxunta da comunidade educativa: pais, profesores e alumnos', algo que coido que nn se está a levar a cabo na actualidade, pois mais que reflexión hai discusión e ataque, máis que aunha comunidade hai francotiradores que tentan ganar, e fálase de pais e profesores, pero non tanto con eles, e moito menos aínda cos propios implicados.
Ah! A guía foi o resultado dun proxecto premiado por o Instituto galego de Consumo.
--
Sobre diversos aspectos do botellón, no blog, hai (entre outros moitos):
Pro... non é festa?
Informes sobre ruido a nivel Galicia
O botellón non ten quen o defenda
Sobre ruido? Non, sobre botellón
Reciclaxe = propaganda
Explosión? si, pero suave, de peticións
Achégase o macrobotellón
Como tentar dar a volta a unha nova

20161005

Unha tradición recente a aproveitar en Ribadeo

Dende hai tres cursos, o IES de Ribadeo Dionisio Gamallo ten unha tradición: as conferencias inaugurais ao inicio de curso. Cun engadido que permite a tecnoloxía actual: quedan rexistradas de diferentes xeitos na páxina do centro educativo, estando a disposición de quen queira na rede. Esta entrada é só unha lembranza da súa existencia (non é a primeira vez que me refiro a elas -por exemplo, aquí-) e a relación das que leva habido polo momento:
Curso 2014/2015. Antonio Deaño Gamallo falou sobre Dionisio Gamallo Fierros.
Curso 2015/2016. Francisco Díaz-Fierros Viqueira falou sobre Xeoloxía e paisaxe. Na memoria de Isidoro Asensio Amor. Vídeo en Vimeo. Presentación en pdf
Curso 2016/2017. Xavier Rodríguez Baixeras falou sobre Algúns aspectos da poesía de Luz Pozo. Vídeo en Vimeo.
Captura de imaxe do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo no Google Street View correspondente a unha toma de abril deste ano

Nota posterior:infórmanme de que hai preto de 40 anos, no Instituto Laboral, José Benito deu un discurso inaugural.

20160908

Publicado en Ribadeo: festas do Carme 2016

O libro dunha festas é, sobre todo, anuncios que permiten sobrevivir á festa. Este non é diferente, e máis aínda se se mira que das moitas páxinas a cor, hai só unha que non teña exclusivamente anuncios: a portada. 104 páxinas  (mais portadas) con un, dous, tres ou catro anuncios, a cor ou sen el, configuran o corpo desta publicación que, sen anuncios, queda reducida a un máximo de 19, incluíndo o programa de festas. agora que xa cumpriu a súa misión, pode pasar ó arquivo.

O libro, só cos anuncios acompañados:

20160820

PRO PP A MARIÑA REMATA NO MASMA. Artigo de José Mª Rodríguez

A lectura da prensa dispénsanos a diario unha reata de noticias e opinións cada vez máis sorprendentes. Noticias, manifestacións e opinións, unhas veces amenas, interesantes outras e con frecuencia sorprendentes polo seu cinismo, sobre todo as que se producen en períodos electorais, como é no presente caso en Galicia coas súas vindeiras eleccións ó goberno da Xunta. É neste tempo no tentan captar ós votantes coas súas teimosas e falsas promesas.
Liamos estes días pasados, e non é a primeira vez que o facemos, unha sorprendente manifestación da cúpula do PP da Mariña lucense manifestando que a lexislatura actual do Sr. Feijoo foi “moi proveitosa para a Mariña lucense”. Unha manifestación que os seus autores apoiaban con varios exemplos dos grandes investimentos feitos polo seu goberno nesta comarca.
Valorar esta afirmación do grupo dirixente do PP como falsa sería unha temeridade pola miña banda, se excluímos a Ribadeo do seu concepto territorial sobre A Mariña. Incluír neste paquete a Ribadeo, como o PP pretende, non é máis que unha auténtica felonía e cinismo, propio do período electoral galego no que nos atopamos.
Saben dabondo os ribadenses a nula colaboración económica do goberno do PP do Sr. Feijoo co concello de Ribadeo ó que só lle adicou portazos e desprezos. Exemplo paradigmático desta realidade é a colaboración económica da Xunta de Galicia no ambicioso e necesario proxecto da nova residencia de Ribadeo. Unha actitude ofensiva para un goberno que ten asumidas as responsabilidades da atención á terceira idade, é dicir, do coidado dos anciáns e que abandonou a Ribadeo e ós seus vellos a súa sorte.
A propaganda electoral non debería dar cabida ás mentiras, ós enganos e ás falsidades. Os ribadenses, excluídos da súa pertenza á Mariña polo grupo dirixente do PP mariñán, saberán preguntarse, unha vez máis, que lle deben ao PP da Xunta e obrar en consecuencia cando veñan pedirlles o voto para o Sr. Feijoo.
Como escribín fai máis dun ano, nun artigo titulado “Remata Galicia no Masma?”, dirixido ós ribadenses: “mans que non dades, que esperades”.
-

 Obras de José Mª Rodríguez

20160819

Historias do romanticismo

A ribadense Celia Castro publicou na primavera un novo artigo sobre arte: 'Historias del romanticismo. Una elección'. Adxunto o deixo para a súa lectura. A imaxe pode ampliarse e o pdf pode ser descargado.

Máis obras de Celia Castro.

20160714

Publicado en Ribadeo: dous artigos de José Ramón Rodríguez-Sabugo Fernández

Seguindo a liña de publicar escritos de autores relacionados con Ribadeo, hoxe ligo dous artigos de J.R. Sabugo, secretario do concello durante tantos anos, sobre a 'cuestión catalana':
https://issuu.com/agremon/docs/sabugo._catalu__a_no_es_una_naci__n
https://issuu.com/agremon/docs/sabugo._la_suspensi__n_de_una_auton
a notar que faigo a publicación con gusto, mais non teño por que estar de acordo cos seus presupostos.

20160417

Hai vinte anos, os nomes das rúas de Ribadeo

Coñeces os nomes das rúas de Ribadeo? Non se trata só de que asocies o nome cun determinado lugar, senón de que asocies o lugar co significado do nome...
Hai vinte anos, da man de Suso Fernández Acevedo, e coa colaboración doutros profesores, un grupo de alumnos do IB de Ribadeo colaborou para facer unha obra que deixa gravada unha parta da historia da vila a través das súas rúas.
Cambiaron algúns nomes, abríronse e nomeáronse novas rúas, pero a maioría e a maioría de significado segue a ser o mesmo, aínda que haxa máis nomes de mulleres integrados no rueiro (de 36 nomes considerados no 1996, só dous eran de mulleres: Rosalía de Castro e Concepción Arenal), agora teñan sido cambiadas placas por modelo Sargadelos con algunha explicación de quen era ou que era o que levaba o nome no seu momento.
No libro, cunha foto acompañando a cada nome a máis da explicación pertinente, representa tamén unha lembranza visual do Ribadeo de 1996.
Quizais algún día se faiga unha edición actualizada. Dispoñer de ambas sería unha ledicia. Á espera, tentarei sacar de cando en vez algunha 'actualización particular' no blog.
Portada da obra
 O interior:

Contraportada
E agora, a desfrutar desta obra 'reeditada'.

20160416

Unha publicación desapercibida sobre a Torre dos Moreno

'A Torre dos Moreno en Ribadeo, Lugo. Exemplo singular de casa indiana en Galicia', de Diego Rodríguez Paz, é unha publicación que corresponde ás actas dun congreso en Portugal ('Casa nóbre, un patrimonio para o futuro') que tivo lugar no outono de 2013, e que se involucra nunha descriciòn de diversas facetas do edificio insignia de Ribadeo. Hai que 'entrar' para poder ler ou baixar a contribución de Diego Rodríguez, mais coido que paga a pena. No momento da súa publicación non lembro que se tivera falado dela.
portada do libro de actas

25 anos de antroido ribadense

Unha publicación que tiña cargada hai xa tempo, con permiso de Gilberto e Pepe, pero borrouse.  Agora vai cargada de novo, 25 anos de antroido ribadense:

20151002

Cultura feita en Ribadeo

O IES de Ribadeo Dionisio Gamallo comezou a usar ese nome hai dous cursos. Iso, o poñerlle un nome foi quizáis o detonante para que o curso pasado se comezara co que pode ser unha longa tradición no futuro, as charlas de comezo de curso. Así, na primeira charla, curso 2014/2015, Toni Deaño, ex-profesor que exerceu a súa labor no mesmo edificio, falou sobre a figura do seu tio, Dionisio Gamallo, ilustrando o coñecemento dos alumnos coa figura de quen toma o nome o IES, nun acto que ademais se inscribiu na celebración do centenario do seu nacemento. Este curso, Francisco Díaz-Fierros Viqueira, entre outras moitas cousas, Vicepresidente do Consello da Cultura Galega, falou sobre outro home relacionado con Ribadeo, Isidoro Asensio Amor, e, a raíz da súa vinculación (de ambos) con Ribadeo, da paisaxe ribadense. Coido que é cousa de difundir ambas charlas, e iso pretende entra entrada no blog.
Charla do 1º Ano, Antonio Deaño falando sobre Dionisio Gamallo (texto). Comentario e fotos, aquí.
...
Charla do 2º Ano, Díaz-Fierros falando sobre "Xeoloxía e paisaxe. Na memoria de Isidoro Asensio Amor" (audio) e diapositivas. Comentarios e fotos, aquí.
... e como por cousas de configuración pode que non apareza a icona para escoitar, pódese facer nesta ligazón: http://www.goear.com/listen/72c5787/charla-inauguracion-curso-2015-ies-ribadeo-dionisio-gamallo-francisco-diaz-fierros-viqueira

O ceo dende a costa do Cantábrico ó atardecer.
Dúas fotos collidas dende a web do IES de Ribadeo, referentes ás dúas charlas: