20130227

A Galipedia, 10 anos xa: actividade en Ribadeo


-->
Nota de prensa


A Galipedia, a versión galega da wikipedia, cumpre 10 anos o próximo 8 de marzo.
Despois de aparecer a wikipedia no 2001, o 8 de marzo de 2003 o usuario ILVI, lingüista norteamericano, creaba a primeira versión da portada da Galipedia e, cinco días despois, o primeiro artigo, dedicado á conxunción ou. Hoxe, a Galipedia está a menos de 900 artigos dos 100 000, aumentando ó tempo a súa calidade grazas ao traballo de miles de voluntarios e aos mecanismos comunitarios de revisión entre iguais, e vese acompañada de varios proxectos irmáns que a complementan, como Galicitas ou Galilibros.
Para celebrar ista historia de éxito do colectivo, o día 9 de marzo e en colaboración con Wikimedia españa, celebrarase un encontro central en Santiago, e arredor desa data, diversas actividades en varios lugares de Galicia, entre eles, Ribadeo, onde o 15 de marzo, na Casa da Xuventude, ás 20:00 horas terá lugar unha actividade que constará dunha parte expositiva de preseentación da Galipedia e unha parte prática, obradoiro de introdución ó seu manexo. Cada un dos apartados terá unha duración aproximada dunha hora, e será levada por A. Gregorio, que tamén participará no encontro central de Santiago.
Adxúntase o cartel anunciador e a páxina colaborativa para referir as actividades de celebración ó longo de Galicia: http://gl.wikipedia.org/wiki/Wikipedia:Participación_activa

--
Un complemento: A felicitación da Wikimedia Foundation recibida para felicitar o ano 2006.



20130226

AVV O Tesón: unha lembranza de 10 anos

Hai dez anos, o 26 de febreiro de 2003, mantíñase a primeira xuntanza, da que saiu a Acta Fundacional da AVV O Tesón. Foi no Cantón Bar, comezando ás 20:00 e participando Concepción Redondo Lastra, Pedro Monteserín Díaz, Gilberto Suárez Méndez, Antonio Gregorio Montes, Pedro Moreda Marful, Mª Aurelia Rodriguez Rey e Amadeo Arango Moreno. Nela quedaron claron os fins da asociación, dentro dos estatutos aprobados na mesma xuntanza:
a)contribuír á resolución dos problemas que xurdan e mellorar a convivencia dos veciós do concello
b)cantas outras actividades lícitas sexan da conveniencia dos intereses comúns do vecindario
c)A asociación non ten fins lucrativos nin está sometida a ningún réxime asociativo específico.
Asemade, foron designados de xeito provisional:
Presidente, Antonio Gregorio Montes
Secretario, Pedro Moreda Marful
Tesoureiro, Gilberto Suárez Méndez
Máis tarde, despois das xestións realizadas por Gilberto, o 8 de abril faríase a inscrición provisional no Rexistro Provincial de Asociacións co nº 2003/006278-1 (LU)

Lendo actas de plenos da corporación ribadense

Hoxe vin que estaba publicada xa a penúltima acta de pleno do concello, correspondente a xaneiro (curioso, cando aínda non o está a de xaneiro do ano pasado -a parte de non saber que estivera aprobada xa, sin ter un aviso en sentido de borrador-), e comecei a leea. Atópase na segunda páxina, punto primeiro da orde do día,a probación de actas anteriores, a queixa de M. Valín sobre as ausencias, nas que se especifica que as ausencias ás que se refire son as de Eduardo Gutiérrez Fernández, e tras outras peticións de variacións, apunta a que as actas sexan máis fieis pese a que sexan un resumo sucinto. Por alusións di Eduardo Gutiérrez que quere aclarar 'que el asiste ou non ao pleno cando quere, e non ten que dar conta a ninguén'.
Rematei de ler o punto, con máis intervencións e aclaracións, pero o pleno enteiro déixoo para algo máis adiante. Estas cousas hai que tomalas pouco a pouco.

20130225

Pasou o día de Rosalía

O día, entre tristeiro boa parte e sorrinte soleado entre as nubes, deixou choiva e melancolía.

En Ribadeo, rematou con algo inédito: foron moitas as persoas que se quedaron sen sitio no auditorio Hernán Naval e non puideron presentar 'Os vellos non deben namorarse', representada polo colectivo Ollomao. Fun un deles: pouco antes da hora estaban todas as entradas vendidas, e, segundo parece, non había sitio nin de pé.
Pola mañá, o recital de poesía de Cantares gallegos, no cine teatro, xuntou a música dalgúns (Ludmila Orlova, piano, e Montserrat Expósito, soprano) coa letura doutros (nove voluntarios coa introdución lida por Comba Campoy). Deixo unha gravación da segunda parte:

E, tamén repito un tema que xa puxen no blog, o libro Ribadeo ao norte, agasallado pola letura da mañá.

Ben, pasou o día. E agora? Como vaia a cousa como na primeira poesía dos cantares, na que a meniña non quere cantar aínda que quen a anima está en posición de agasallala ...

20130224

Rosalía, auga e Ribadeo

Hoxe, para celebrar o nacemento de Rosalía, chove a cántaros en Ribadeo. Cantou moitas veces cousas relacionadas coa auga, abondante na nosa terra. Onte lembreino ó pasar polo encoro do Lexoso, onde se xunta ó Noceda. Un sitio bonito abofé, pero que hai tempo que deixou de servir a Ribadeo como merece pola colmatación do seu leito, como se pode observar na foto do medio. Unha limpeza sería necesaria para que o encoro se poda seguir a chamar así e funcione como tal, e non como unha sinxela toma de auga.
O río, augas abaixo do encoro

O encoro, totalmente colmatado

A caída, en pleno funcionamento onte

Quizáis sirva para comezar a pensar nunha ruta que inclúa fontes e demais ...

20130221

Seguindo o debate dende Ribadeo

O estado da nación non necesita debates sobre o pasado máis que para aprender da historia. Evidentemente, non para escamotear o presente. Así, non é de extrañar que a audiencia do debate poida ser mellorable, ou que se fixera un oco nas novas a querella  contra Bárcenas por parte dunha asociación de dereitos humanos, enfocada a que se saen na investigación máis culpables, sexan tamén implicados. Ámbalasdúas cousas marcarían por unha beira o alonxamento dos políticos da cidadanía, e polo tanto, da realidade vista por nós, e pola outra, unha falta de transparencia que permite permite o mirar para otra beira, os abusos e a descoordinación entre o goberno e a cidadanía. En canto á primeira, o alonxamento políticos/cidadáns, pode ir aínda a máis, aínda que nos resulte dificil de crer. En canto á segunda, unha vez rota a espereranza de mellora coa nova lei de transparencia e a súa aplicación, pouco camiño lle queda para chegar a límites impensables. Entre ambas, a democracia queda en un algo ficticio, cunha división en clases cidadás segundo os contactos que se teña co poder, reservado ó estilo dictatorial para un entramado partidista a traverso de portas de entrada/saída coa cúpula económica, control xudicial a traverso de fiscalía e nomeamentos, control da opinión a traverso de mantemento económico, etc. E ise debate, a sobre democracia ficticia, non o houbo onte.

20130220

Que non ía suceder? Pois sucedeu! Nota de prensa da Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña

A XERENCIA DE ATENCIÓN PRIMARIA EN LUGO ANUNCIOU HOXE Á XUNTA DE PERSOAL DE PRIMARIA NA PROVINCIA QUE O DECRETO DE XESTIÓN INTEGRADA EMPEZARÁ A APLICARSE NA PROVINCIA NO PRAZO DUN MES.
A PLATAFORMA ACUSA AO PP DE MENTIR SOBRE O MANTEMENTO DA AUTONOMÍA DA MARIÑA E CHAMA Á POBOACIÓN A MOBILIZARSE PARA IMPEDIR O DESMANTELAMENTO DO SISTEMA PÚBLICO DE SAÚDE NA COMARCA.
A SITUACIÓN DE COLAPSO DO SERVIZO DE URXENCIAS DO HOSPITAL DA COSTA É INSOSTIBLE E SÚMASE A OUTRAS ÁREAS DO CENTRO HOSPITALARIO CON PACIENTES AGARDANDO A SER ATENDIDOS NOUTROS CENTROS QUE TAMÉN SUFREN O MESMO PROBLEMA.

A Mariña, 19 de febreiro de 2013. A Xerencia de Atención Primaria en Lugo comunicou hoxe á Xunta de persoal de Atención Primaria en Lugo que o Decreto de Xestión Integrada terá unha aplicación inmediata en Lugo e será de ámbito provincial co que a Mariña perderá a súa autonomía de xestión. Deste xeito vemos como o Partido Popular volve mentir aos cidadáns da comarca sobre o mantemento da autonomía da área Norte de Saúde que agrupa a 14 dos 15 concellos da comarca e atende a mais de 70.000 persoas. Para a Plataforma é necesario que a xente tome conciencia da grave situación que este feito vai provocar e fai un chamamento a mobilizarse para facerlle saber aos responsábeis do SERGAS que A Mariña non está disposta a perder o conseguido nos últimos anos.
A Plataforma fai un chamamento á poboación a mobilizarse para non perder o que temos
O anuncio da xerencia provincial de Atención Primaria de que no prazo dun mes daráselle aplicación ao Decreto de Xestión Integrada no ámbito provincial é a constatación do que a Plataforma xa viña dicindo nos últimos días “o PP mentiu á cidadanía mariñá sobre o mantemento da autonomía de xestión da Área Norte de Saúde xa que esta quedará diluída para depender dunha xerencia única en Lugo”. “Os efectos desta decisión non se van deixar esperar xa que provocará a mobilidade do persoal sanitario e o incremento no desmantelamento dos servizos, xa deteriorados, que hoxe se prestan no Hospital da Costa.” Neste sentido, dende a Plataforma que agrupa a colectivos cidadás, de doentes, sindicais e políticos, “fan un chamamento á poboación mariñá a mobilizarse para non perder o que temos”, non podemos permitir, insistiron, “que a prestación sanitaria pública dos e das marinás volva aos tempos das peregrinacións de doentes centos de quilómetros para recibir asistencia sanitaria adecuada”.
O colapso nas urxencias e noutras áreas do Hospital da Costa é insostible e non estamos falando dunha situación puntual senón da quebra do sistema.
O abandono e o desmantelamento total da asistencia primaria froito das políticas de recorte aplicadas polo Partido Popular non fai mais acrecentar os problemas de falta de espazo e persoal no Hospital da Costa. A saturación dos centros de saúde de primaria por sobrecarga de traballo nun persoal que fai o que pode, provoca listas de agarda e colapsos nas urxencias do Hospital da Costa que engade á falta de persoal a falta de espazo que seguirá sendo así despois de que o PP tombara onte no Parlamento as emendas da oposición para incrementar o gasto sanitario.
Para a Plataforma os recortes orzamentarios teñen un efecto multiplicador e en cadea e poñen o exemplo de pacientes ingresados no Hospital da Costa que agardan a implantación de marcapasos mentres non se desbloquea a saturación doutros centros hospitalarios preparados para aplicar estes tratamentos, a plataforma cualificou de inhumano que haxa xente conectada en Burela a marcapasos externos agardando a que se solucione a súa situación.

20130219

Os cambios de normas electorais e Ribadeo

Ribadeo hai pouco que pasou de 10 000 habitantes. En principio, segundo a normativa actual, pasaría de ter 13 concelleiros a 17 nas próximas eleccións. Agora, coa perspectiva dunha nova normativa, pode quedarse en 5.
Voltando sobre as eleccións 2011, cabe facer un pequeno cálculo de que pasaría en ambos casos, cos votos que tivo cada partido no seu momento, mesmo sen preocuparse polas porcentaxes de participación, porcentaxes de votos sobre o censo e creación do escano vacío correspondente, inadecuación entre porcentaxes de votos e de escanos, etc, que marcarían diferenzas que poderían ser maiores en algún sentido que as que pode dispor o cambio de normativa que se prantexa (e que non é pequeno, ademáis do que poño a continuación, como sae hoxe mesmo no xornal a conto do soldo dos alcaldes).
Abaixo quedan:
1. A distribución actual e o cálculo de concelleiros polo método D'Hondt (fondo amarelo as fraccións con representación, branco a primeira fracción sen representación de cada partido).
2. A distribución cos mesmos votos e 17 concellerios a elixir, poñendo en fondo máis escuro a distribución dos novos electos. Esta distribución remataría coa maioría absoluta do BNG.
3. A distribución cos mesmos votos e a proposta de 5 concelleiros, poñendo igualmente en fondo amarelo as fraccións que resultarían xeradoras de escano. Neste caso, quedarían sen cadeira UPRi e PSOE, e o reparto sería moi sinxelo: BNG 3, PP 2.
Máis abaixo a distribución gráfica que da as porcentaxes de escanos de cada partido en cada un dos tres casos.
Con iso, máis os datos de abstención, brancos e nulos, vese que o mapa electoral está configurado máis polas normas que polos votos ...

20130218

Contrastes

Luns pola mañá. Parece un día diferente por iso de vir despois da fin de semana. Moita xente sínteo como tal. Mirando cun pouco de obxectividade, non o parece. Poden saír novas ou comentarios como o de hai poucos días de Pablo Villapol no El Progreso,pois carnavaladas, nestes tempos, estamos a vivilas xa non a diario, senón que nos enteramos a cada hora.
Un par delas que fan contraste: a acción da fiscalía, ese corpo de loita xurídica relacionado coa estrutura política do estado que se supón debera estar (estado e fiscalía) ó servizo do cidadán, maniféstase neles nun caso non dando importancia ós feitos en base a que un informe institucional (da mesma institución da que depende a fiscalía) non atribúe consecuencias graves ós feitos, que polo demáis están probados e constitúen o pasarse a legalidade por certo sitio na beira asturiana da ría de Ribadeo. As consecuencias nese caso? 'Non é nada, pero tes que portarte mellor, eh?' [fotos de hai anos nas que se amosa o efecto da contaminación na ría no meu corpo]
Na otra, tamén estaban implicados ecoloxistas. O mal, despregar unha pancarta nunha fachada. Quizáis un agravante fora que o fixeron na sé dun banco, e xa se sabe, aínda que non fora o banco o ofendido, a gravidade dun insulto depende da impotancia de quen se insulta. O resultado neste caso? Petición de oito meses de cárcere.

20130215

De Ribadeo, o medio

O paso do 14 de febreiro, San Valentín, é tan bo como calquera outro para facer unha comparativa meteorolóxica do que vai de ano. Máis, se tamén, co mércores de cinza, rematou o básico do antroido e se remata de desprenderse un importante volume de rocha nas catedrais.
Así, no que levamos de ano, a temperatura media é a segunda máis baixa no século, como pode observarse tanto na táboa xusto embaixo como no gráfico a continuación (liña azul máis grosa). Cunha diferenza de máis de catro graos centígrados de media fronte ó 2002. É dicir, está a ser un comezo de ano frío.
Máis abaixo, a gráfica da choiva, da un volume de precipitación que é con diferenza, o maior en todo o século da parte de ano que levamos (liña azul que sobreae por enrriba ó comezo da gráfica), duplicando a media e sendo superado o ano pasado só á altura do mes de xuño: é dicir, no que levamos de ano choveu tanto como a metade do ano pasado (liña azul groso).


O medio non é só meteoroloxía, nin moito menos. Por iso se achegou onte por aquí Pía Bucella, Comisaria do Medio Ambiente da UE. A súa visita fixo que fora nova o derrumbe de rochas nas catedrais un par de días antes, pois foi chamada para potenciar a zona. E, segundo parece, foise contenta, e mesmo a última hora reaccionaron en Santiago e tras non vir representantes reais da Xunta á 'xornada' organizada, aló se foi a manter unha entrevista de xeito que non poidera ser capitalizada políticamente polo alcalde (xa sabemos como son de xuguetóns estes políticos ...)
Pero o derrumbe lémbranos que a Terra ten a súa propia evolución, aínda que nos pareza que é estática. Quereríamos conservar algunhas cousas tal cual, pero é imposible, porque a Terra segue a súa vida, e o que hoxe se pode ver como unha pequena desgraza (non nos convén que se caia unha parte mínima das rochas ante unha visita como a da comisaria), é sinxelamente un tempo máis de evolución. O que non quita para que non se protexa, pois tal como somos os humanos, somos capaces de acabar con todo en pouco tempo.
Logo, miremos a temperie sabendo que ten alteracións, e miremos a paisaxe sabendo que podemos intervir para conservalo, pero tamén que ten un proceso natural.

20130214

As rías (non a de Ribadeo) contaminadas. As catedrais, non

Coinciden no tempo dúas viaxes de representantes da Unión (Europea, iso que os medios seguen a chamar -non sen certo aquel de chamada cara ó vello 'mercado común'-, 'comunidade europea', e ós seus representantes, 'comunitarios') a Galicia. Un, de varios, polo mal estado das rías atlánticas, non nos toca a nós, a pesares da denuncia da contaminación da ría de Ribadeo efectuada hai non tanto en relación á parte asturiana. Outro, unipersoal, de Pia Bucella, a Ribadeo e ás Catedrais (aquí, unha foto de Pia Bucella na súa actividade parlamentaria).
O da visita a Ribadeo coido comezou hai nove meses (o 22 de xuño do ano pasado) cunha viaxe do alcalde a Bruxelas cun informe, e que está enmarcada na xornada que se celebra hoxe para analizar/valorizar As catedrais, cunha parte pública (esta mañá, coa asistencia difícil un día de diario), visita ó areal en marea baixa incluída, e outra institucional (como neste pais, institucional ás veces significa para as institucións, e outras é sinxelamente restrinxido ou mesmo privado, aclaro) con representantes provinciais. Así posto, diríase que máis ben se trata de facer compañía turística á representante unitaria que de facer unha auténtica xornada de estudo pola mañá e unha xuntanza política pola tarde. O que non quere dicir que, a pesares das apariencias, se favoreza a toma dunha decisión que vaia en ben de Ribadeo, sexa cal sexa, pois a política é unha cousa de sentementos, preparables pola mañá para facelos render pola tarde.
Por certo, quen quera participar de xeito extraoficial colaborando na visita de Pia Bucella, pode facelo en twitter, pero con certa dificultade, pois o seu último/único post foi por maio pasado, o días das letras galegas. Tamén en facebook, onde ten un pouco (só un pouco) máis de actividade...

20130213

Unha vitoria / n derrotas ... hai que seguir loitando

Ó fío da entrada anterior, deixo algo que faría rir, se non fora porque aumenta a indignación: O Tribunal de contas desaconsella que os partidos políticos entren na lei de transparencia. A resaltar que o Tribunal está controlado por PP e PSOE, logo alonxado dos cidadáns alomenos por listas cerradas e eleccións ó cargo propostas a dedo.

Unha vitoria/unha derrota

Que aquí teñamos que ver ó Presidente por pantalla mentres en Nova Iorque lle poden facer preguntas (en Spanish, please!) foi un adianto do antroido nestes lares.
Onte, en pleno antroido, unha vitoria: a iniciativa lexislativa popular sobre a dación en pago foi aceptada a tramitación, fronte ó aviso anterior do PP que ían rexeitala mentres que ían aprobar a correspondente á declaración das corridas como ben de interese cultural. A notar que os días anteriores foron catro os suicidios relacionados cos desfiucios, e que as sinaturas recollidas para a ILP case triplicaron as necesarias; mentres, a correspondente ás corridas acadou pouco máis das necesarias tras ampliar o prazo acolléndose a trasuntos legais que pouco tiñan que ver co tema. Ben, aínda que é previsible que se bote abaixo despois, a iniciativa segue o seu camiño e a cacerolada diante da sé do PP en Ribadeo que estaba prevista houbo de ser parada [en realidade, algunha xente achegouse sen enterarse e decidiu seguir adiante, pero só algunha]. Tamén é previsible que o tema das corridas atope menos atrancos para ser declaradas de interese cultural e recoller subvencións de todos para manter o que moitos vemos nestes momentos unha festa da matanza.
Así pois, unha vitoria da presión popular vs o Partido Popular que nos goberna.
Por contra, onte houbo unha derrota. Dulce, quizáis, pero derrota: Mario Draghi veu a España a falar de como ve o BCE as cousas económicas por estes lares. A intervención foi a porta cerrada. Alguén podería pensar que por petición de D. Mario, pero non, pois despois repetiu en foro máis aberto; foi unha cuestión interna, que chegou a facer uso dos inhibidores para que a intervención non fora twuiteada polas súas señorías. Ó final, en pouco tempo, estaba nos medios a intervención completa, quizáis porque o resume foi algo así como 'afondade nesa liña, que ides ben', constituíndo unha derrota democrática pola forma e unha derrota social pola idea. En canto á vitoria económica que tenta dulcificar o tema, será para algúns ...
Hoxe é mércores de cinza. Pasou o tempo de celebración festeira. Toca lembrar que pó somos e en pó nos hemos converter. Quizáis tamén que pó hemos morder, que pó hemos comer.

20130212

O pregón do antroido Ribadeo 2013

Ligo o pregón do antroido cargado polo pregoeiro, Suso López, Susín de Remourelle, con referencia ós cantares de cego, "
Xa está na rede o pregón que ofrecín no Entroido de Ribadeo 2013... Unha homenaxe ao cantar de cego e ao espírito satírico do Entroido... Imposíbel facelo sen a colaboración do Cuarteto Tradicional Illa Pancha... Obrigado!
":

O texto, en publicado en Ribadeo.

20130211

Un premio xa esquecido

Só unha foto e un detalle da mesma ...


Antroidadas

Despois do ano pasado, ó chegar esta época, sería de esperar que o esprito do antroido poidera levar á xente, en xeral, a amosarse como é. Así, por exemplo, levaría ós corruptos a amosar a súa corrupción  sen cortapisas. Mais, ó chegar, o que se ve é que a corrupción está xa tan á vista, que ás debiles barreiras que a apartan dos nosos ollos parecen unha disuasión para amosala máis claramente nun tempo de disfraces. É unha antroidada máis: os disfraces, en troques de facer amosar a cadaquén como o que é, fan que se apresente como outras cousas que podería ser. E, en relación á corrupción, iso é o que xa sucede ó longo do ano: unha antroidada permanente.

20130209

Entrevista na ORT sobre a asamblea de O Tesón

Unha entrevista sobre a AVV O Tesón neste ano e no pasado, a Pancho Campos e a min, antonte xoves pola noite.

20130208

Se o sal se volve soso, quen o salará? / Se o hospital enferma, quen o sanará?

O título é na súa primeira parte unha frase da biblia que se repite moitas veces en diversos actos eclesiásticos. Na segunda, unha referencia ó hospital de Burela que estes días estivo enfermo, e padece un mal abondo común: o stress de non dar feito por falta de mans, de espazo e de material.
O que si, non teño idea de como salar o sal se o mesmo sal se volve soso, pero sei que para o segundo problema, somos nós, os cidadáns, o primeiro eslabón da cadea para a sanación hospitalaria. Dende aquí fun recollendo diversas intervencións da AVV O Tesón en apoio do hospital. Quizáis non sempre se acertou nese apoio, pero coido que sempre foi necesario. A diminución de cartos prometidos pasou dende hai uns seis anos de seis millóns de euros para diversas ampliacións e material ata cartos para un par de contedores-barracóns, ó tempo que persoal médico era transferido a Lugo. E iso, despois de desmontar as comisións sanitarias, de curta duración, nas que participaban entre outros sectores, as avv. Se durante o seu curto funcionamento non se logrou moito máis aló de facer escoitar a voz, dende entón, nin a voz da xente é escoitada. E aí hai unha enfermidade social inducida. Así pois, se a sociedade se volve asocial, quen a volverá a si?

20130207

A Mariña está parada, pero non para

Non é contradición: o paro aumentou na comarca ata doble que hai cinco anos ou un 7,7% máis que o ano pasado, coa mesma tónica xeral que en España enteira. E, o mesmo día que sae a relocer este dato, indicios de novos medres desta cifra: nun alarde de amabilidade comunicativa, a empresa auxiliar de Alcoa CEGELEC (con varios empregados ribadenses) anuncia 17 despidos por burofax. Despedidos que, na súa primeira protesta, coincidiron na entrada de Alcoa cos alcaldes que ían a unha xuntanza para apoiar á empresa na súa petición de construción dun gasoduto para a fábrica.
Non para. As protestas así o amosan: onte a folga de ensino medio deixou ver a protesta dos estudantes con máis anos nas nosas vilas, cunha participación total en Ribadeo, e, ó que parece, semellante no resto dos IES. Mentras, os da ESO, que en xeral non poden saír dos centros en teñen moita menos información e menos poder de decisión, non se enteraron. Ambos están preparándose para protestar e tamén para exportarse: Na primeira nova ligada, pónse de manifesto algo que xa foi dito neste blog: o paro contabilizado diminúe pola emigración, como se nota pola diminución de parados entre os menores de 25 anos. En cánto estaría de non existir esa vía de último recurso que fai que outros lugares aproveiten os nosos recursos humanos? (e grazas!)
O non parar non é só protestar. Comeza o programa Ribadeo emprende, iniciativa que tenta promover o que agora se chama 'emprendemento' da xente nova. Que resultará de aí háse ver. E diriase que todo intento nese sentido é bo ...

20130206

Ribadeo do Conde

Coñezo dous títulos nobiliarios relacionados con Ribadeo: Marqués da ría de Ribadeo, e Conde de Ribadeo. Despois de testar Cayetana de Alba [atención: esta entrada estivo por erro un tempo dando por morta a Cayetana], o seu fillo reclama o título, e o alcalde dalle a benvida coa esperanza dunha mellor relación. Naturalmente, iso non implica que Ribadeo pase a chamarse 'Ribadeo do Conde', nin tan só que volte a haber outra exposición de traxes reais. Pode ser, iso si, un momento para plantexarse o por que da existencia de nobles e reis ...

Reproduxen o 21/7/2007 o seguinte da Comarca (pódese ampliar, pero non é de moi boa calidade; como alternativa, ir á Comarca dese día en papel ...); poño abaixo a súa transcrición:


Ribadeo, condado
Son muchos los ribadenses que no tenían constancia que Ribadeo era condado. ¿Por qué esa ignorancia? Pues por una cosa muy sencilla, que en las últimas décadas no le ha reportado ningún beneficio a la villa. Es mi opiniòn, y creo que la de la mayoría de los ribadenses ¿Será por mi influencia republicanista?Pero como ribadense soy conocedor de la historia del condado, que tiene sus inicios en 1369, cuando Enrique II nombró conde de Ribadeo al francés Pierre de Villaines, como premio por haber ayudado a desposeer del trono al legítimo rey de Castilla, Pedro I El Cruel.
Posteriormente. el condado lo ostentaron varios personajes: Ruy Lopez Dávalos, Rodrigo de Villandrando, su hijo Pedro de Villandrando (Alcalde de Marbella, 1496), Marina de Vlllandrando, Diego Pérez Sarmiento de Vlllandrando, Diego Gómez Sarmiento de Vllladrando, Rodrigo Sarmiento de Villandrando, Ana Sarmiento do Villandrando, Pedro de Silva Sarmiento de Villandrando, Marina Sarmiento de Villandrando y Rodrigo de Silva Sarmiento.
Desde 1957 el condado de Ribadeo lo ostenta Cayetana Fitz-James Stuart.
En 1445. con motivo de la Batalla da Olmedo, Rodrigo de Vlllandrando salvó la vida al rey Juan II de Castilla. A raíz de ello, le concedió que el y sus descendientes pudiesen comer con los reyes de Castilla el día de la Epifanía, además del privilegio de regalarles el vestido que los reyes se pusiesen ese día.
Creo que dichas concesiones; es decir, sentar en la misma mesa el día de Reyes a Don Juan Carlos y a la señora duquesa de Alba, y que el Rey le entregue el traje que lleva puesto, ya no tienen efecto. Es decir: eso es historia. ¿Cuántos ribadenses sabían de la existencia de los trajes? Creo que no muchos, ya que no es asunto que inquiete a los vecinos de la villa. Hace varios años hubo una iniciativa para crear el Museo de Ribadeo, que se pretendía ubicar en el antiguo colegio de las monjas, y una de las ideas que se barajaron para llenar el museo fue la de solicitar a la Casa de Alba la cesión de los trajes que, por cierto, en la colección no están todos. Pero aquel proyecto no se hizo realidad y no se solicitó la cesión de dichos trajes.
Ahora una iniciativa privada (que se creó con dinero público) nos expone las fotos de los trajes y nos trae para la inaguración al primogénito de la duquesa de Alba, Carlos James y Martínez de lrujo, quien será heredero del condado de Ribadeo (personaje bastante querido en los programas y revistas del corazón), y que por primera vez visita Ribadeo. Lo cierto es que tuvo que esperar bastantes años para que le realizaran una Invitación para conocer “su condado". Ello demuestra el interés que tenía en nuestra villa.
Yo me pregunto: ¿En los 50 años que lleva la duquesa ostentando el titulo, qué donaciones y visitas ha realizado a Ribadeo? ¿Podemos estar los ribadensos orgullosos de tener como condesa de Ribadeo a la duquesa de Alba? Por lo que yo sé, y puede que esté equivocado, el pueblo de Ribadeo no tiene por qué estar agradecido en nada a la duquesa. Hay ribadenses por el mundo entero que han hecho mucho más por Ribadeo y nunca se les ha agradecido públicamente. Pero claro, el afecto mediático no es el mismo. Yo soy de los que opino y pienso que la nobleza -me remito a la historia- está para servirse del pueblo y no para servir al pueblo. ¿Es Ribadeo una excepción?
¿Quién me iba decir a mi hace unos años que un alcalde nacionalista radical (Galiza Nazón), recibiría en el Concello a un noble, que representa todo lo contrario de la ideología de nuestro alcalde rural?
He leído estos días en la prensa reseñas sobre la visita del heredero de la Casa da Alba, en las cuales nos quieren hacer ver que su visita “revitaliza el ribadeísmo". El duque do Huéscar se fue encantado de la villa, y por ende es ahora el momento idóneo para que el Concello sollcite la donación de dichos trajes, y así los ribadenses no tendremos que verlos en fotos o ir al palacio de Liria, donde se encuentran.Y no olvidemos que por Ribadeo pasaron otros nobles, entre ellos Alfonso XII, Don Juan de Borbón o Don Juan Carlos I, y los ribadenses siempre supimos estar a la altura de las circustancias.
Tricolor

20130205

A cor dos cartos e a construción das frases

Onte estiven escoitando a radio e vendo a televisión dun xeito desproporcionado para min. E deume tempo para reflexionar sobre o diñeiro negro e contradicións na fala.
Sobre diñeiro negro porque parece que iso non existe, que os cartos só teén a cor dos billetes e o reflexo das moedas, e que poden ser mesmo invisibles ou transparentes, que negro só pode ser o diñeiro cando está manchado de petróleo, e daquela non é corrente no sentido de que ocorra de xeito cotián nin no de que poda correr dunha man a outra. Pode ser en todo caso, obscuro, cando anda pola sombra. Pero porque teña cor, porque non ande escondéndose, iso non quere dicir que a súa contabilidade sea xusta, ou legal, e da igual aínda que xa transcorrera o prazo para que poda ser castigada a ilegalidade: non deixa de ser curioso que haxa que gardar a contabilidade, facturas e demáis, anos despois de pasar a declaración da renda correspondente, mentras que a financianición dos partidos quede reducida á posibilidade de catro anos de revisión xudicial; a partir de aí, pode ser transparente. Así que, diñeiro negro? de que estamos a falar? que é iso?
En canto á construción das frases, é sabido que entre os políticos a vella tradición de discurso foise perdendo, non sei se coas entrevistas en xeral ou coa televisión en particular, chegando na actualidade a artimañas como retransmisión de discursos por televisión para evitar calquera tipo ou posibilidade de intervención posterior. A xustificación: o ter sido lexitimado polos votos no seu momento. Deixemos que os votos lexitiman para ocupar un lugar, non para facer despois a capa un saio, e centrémonos na construción das frases do discurso. Un discurso contraditorio non é discurso, é sinxelamente unha contradición e mesmo unha autoacusación. Se alguén afirma algo e días despois matiza a afirmación, cando menos está a contradicirse parcialmente. Cando a afirmación lle atinxe, cando menos está autoinculpándose parcialmente pero por partida doble: no propio tema da afirmación e na mentira. Se analizamos a frase 'todo lo que se refiere a mí y a los compañeros del partido no es cierto. Salvo alguna cosa que se ha publicado, todo es total y absolutamente falso' e sabemos que se dixo varios días despois de afirmar que todo era falso, sen matices, entón xa non é só unha autoinculpación doble, senón unha contradición en si, que, se estaba sendo dita para aclarar algo, polo contrario, embróllao aínda máis.
Deste xeito, ocórreseme que os cartos poden ser negros noutra circunstancia: cando están manchados en merda. E vivimos tempos nos que marea de merda sube e sube, debe de resultar difícil manter boas cantidades de cartos a salvo do ennegrecemento da merda.

20130204

Estatísticas nas que sae España relacionadas coa economía na UE

De The Economist, con unhas cantas posibilidades, que permite comparar o estado macroeconómico español cos dos socios da Unión Europea. Abaixo, da paso a unha serie completa doutros conxunto estatísticos.
Deixo unha táboa que non vira antes en ningures (refírome á parte dereita):
Ou sexa, que, segundo The Economist, en outubro, o segundo estado con probabilidade de saír do Euro sería España, cunha porcentaxe de respostas case dobre que Portugal.
Ah!, e no da esquerda, a única zona 'optimista' a maior parte do ano sobre o seu futuro comercial o ano pasado foi a do Medio Oeste e África...

Asamblea da AVV O Tesón de Ribadeo

Sábado foi a asamblea da AVV O Tesón de Ribadeo. Collo de http://o-teson.blogspot.com.es/2013/02/acta-provisional-sen-ter-sido-aprobada.html a maioría dos puntos fundamentais da orde do día, o 2 e o 3:
2.Presentación, e aprobación se procede, de contas e memoria de actividades
En resume: 849 € de saídas, 940 € de entradas, acumulando en caixa case 100 €

Apúntase que a Felicitación de Nadal foi feita como un resumo tanto da actividade recente como da próxima.
Seguimos sen ter regulamento de participación cidadá, nin polo momento está previsto para un tempo próximo, polo que movímonos e seguiremos movéndonos nese sentido.
Fíxose, dentro das nosas posibilidades, seguemento de diversas actividades do concello.
Apúntase que, debido ó soporífero dos plenos e o perfil das respostas, que se dan ó final (e non sempre), non se seguiu a preguntar de xeito continuado, se ben si se fixo preguntas nalgún pleno
Sobre a Residencia, informa José Mª dun xeito máis amplo.
Polo momento, non se reactivou a mesa de asociacións.
Representantes da asociación asistiron a diversos actos de varias entidades, como por exemplo, para facer o seguemento da área de saúde, do que da informe Pancho Campos.
Fálase da situación actual da loita por ter o Xulgado, así como das vidrieiras e do nome da ría, que deu lugar a diversas actuacións puntuais e a unha publicación que será comentada despois.
Seguimos sen sé, e por elo, por exemplo, non podemos atender de xeito corrente ós socios e contribúe a que suframos unha falta de contacto. Este tema podería ser amañado en breve.
En canto a actividades sociais, coméntase a viaxe a Mondoñedo, actuando José Mª como guía, resultou moi ben, levando este ano un bus por primeira vez neste tipo de viaxes da asociación.
Coméntase o éxito comedido do 2º ciclo de cineclub, que levou por título 'novelando a presión social'.
As memorias foron aprobadas por unanimidade.
3.Presentación de orzamento e programa de actividades










Entendendo que a retirada de fondos se refire a fondos de reserva, e esperando que as comisións bancarias podan estar por debaixo dos 100 euros presupostados.
No desenvolvemento da memoria xa se anunciaron diversos puntos que terán continuidade. En liñas xerais, preténdese continuar con actuacións que se veñen mantendo.
Farase un libro con cartas sobre a ría de Ribadeo, que será presentado o 16 de marzo, anuncio que se fai para non ter que enviar as cartas correspondentes ós socios, polo que sairá só nos medios. Na presentación falarase doutros temas relacionados, como unha carta da universidade de Oviedo. Asemade, axústase que podería ser seguido máis adiante por outras publicacións, como sobre as aves da ría ou sobre a rota do ferrocarril.
A viaxe social deste ano prantéxase ó Castro de Coaña, máis aínda está sen rematar de decidir, sendo outras opcións unha viaxe a Viveiro ou á zona de Caaveiro e Monfero, como apunta José Mª.
Asemade, estase a pensar para un paseo co bo tempo en facer a Ruta dos castros costeiros (Louselas, Grobas, Fornelos), e a ruta do ferrocarril. Ambas necesitan de algo máis de investigación para a súa proposta defoinitiva.
Xunto co anterior, e os temas aínda no tinteiro dende hai tempo, tentarase facer cargo dos novos temas que vaian xurdindo.
A programación foi aprobada por unanimidade.

20130202

A Ribadeo, pola patroa

Hoxe foi a xornada de avistamento de aves co gallo do día dos humedais.

Esta mañá, un autobús de Eocar ás ordes de Enrique Sampedro deu a volta á ría parando en sitios con posibilidades para ver aves. E vímolas. No fondo da Liñeira, na praia de Salías, no puntal de Castropol, e no mirador da zona de Galicia, despois de pasar por unha curta charla na Casa da ría de Ribadeo, que completou a entrega dun pequeno manual para o avistamento de aves na ría.
Os cinco puntos onde parou o autobús
As aves vistas foron moitas, incluídas a que deu pé ó título, a águia Panchiña ou a garza e as dúas garcetas que acompañan ás espátulas no pecio da foto de embaixo tomada na Liñeira.
Asistentes, vintetantas persoas. O visto, moito. O aprendido, máis, aínda que poda ser só, como se di nalgunha película, 'o comezo dunha grande amizade'. E, no aprendido, tamén algunha historia: a águia foi con anel a pasar o verán en Francia, e foi vista antes das festas ribadenses voltando cara acó na zona das Landas francesas. Chegou xustiña, o día da patroa. Sabe da festa en Ribadeo...

Un par de fotos máis, pois houbo variedade na ruta: un grupo de gaivotas de dous tipos en Salías, e unha vista da ponte dos Santos dende o Puntal de Castropol.
Dentro dun pouco, presentación dun libro sobre aves.

As bicicletas non son para cruzar a ría de Ribadeo: non teñen ás

Por decreto de Fomento.
Hai tempo que O Tesón preguntou polo tema do paso pola Ponte dos Santos (e apareceu varias veces no blog, aquí deixo unha só con planos da ponte). Despois viu o accidente e a protesta xeral, na que converxeu taméun unha protesta anterior do club ciclista.
E iso moveu ó alcalde, por fin, a que preguntara a Fomento. Agora, polos xornais (cousa rara, non por nota da alcaldía que apareza no blog do concello), enterámonos da resposta, que inclúe que é perigoso pasar polo arcén, e que é dos poucos que teñen paso de peóns á beira en España, cousas xa sabidas. Pero ... a xustificación, "El Puente de los Santos, que discurre sobre la desembocadura del río Eo, es soporte de la A-8, pero históricamente registró un tráfico básicamente peatonal entre la localidad asturiana de Figueras y la gallega de Ribadeo y como consecuencia, ya en su primera construcción del año 1989 disponía de aceras", básicamente imputa que había peóns que pasaban antes da ponte. Debían ser peóns alados. E claro, de todos é sabido, as bicicletas non teñen ás. Por outra parte, si hai tramos de autovía que permeten o paso ciclista. Son menos perigosos que iste?

20130201

Dalgunha cousa como o turismo cara a Ribadeo, por exemplo

Si, despois de ver aínda máis novas desastrosas ou sinxelamente confirmadoras dalgún por que do desastre, como os 'sobres' a Rajoy ou que a marea Urdangarín xa ten salpicado á 'casa real', coller folgos mirando tamén  algunha cousiñacon abondo menos importancia pode resultar sinxelamente medicinal.
Por iso, as tres fotos de hoxe, e algo máis. Dúas das tres fotos son dunha casa en San Roque. Preciosa, necesita coidados e parece que llos van dar, pois están a poñer unha valla para obras. As dúas fotos son unha testemuña de como está agora para comparar despois do amaño.

 A terceira foto corresponde a unha árbore no xardín. Pelada de follas, non o está de ramas como foron deixados moitos outros este inverno. Por iso, é aínda aproveitado polos paxaros , e mesmo sen a protección das follas, poden verse nove ou dez entre as ramas. Nos outros, nos pelados, claro, non pode verse ningún.
O outro tema no que me fixei para hoxe é sobre fitur. Non estiven alí, pero vin a foto publicada na Voz (xunto con outra que non aparece en internet), na que A Mariña ocupa un mostrador diría que de algo menos de metro e medio de longo nun linear de mostradores de diversas zonas de Galicia. O mostrador, ateigado de folletos, é atendido por unha muller de uniforme semellante ó das outras do linear, que comparte espazo de atrás da mesa unha columna plana cunha pantalla. Non fun nunca a Fitur, aínda que si teño visto unhas cantas feiras de diversos temas, tanto no mesmo lugar onde se está a celebrar Fitur como noutros lugares. Mesmo pola foto non se pode saber se a pantalla que acompaña é táctil, pero se o é, a súa situación detrás da mesa non facilita o manexo por parte dos visitantes, que de xeito obrigado se teñen que situar diante da mesa. E se non o é, que fan unha ristra de pantallas seguidas que na foto teñen unha apariencia semellante para anunciar diversos lugares?. O montón de folletos diríase que non din ren a menos que xa se teña pensado un destino particular e se vaia a tiro fixo: algo que se pode facer máis cómodamente dende internet. Non sei da profesionalidade da muller que está o cargo da información, pero a disposición de material que ten ó seu cargo non facilita precisamente a súa labor de difusión. Iso si, as mesas teñen gravado un mapa en baixorelevo dos límites de Galicia e a comarca corresponte, algo que por estar en calquera caso baixo dos 0,80 de altura da superficie da mesa, ten baixa visibilidade.
E segue, pero hai que facer outras cousas, e marcho!