20150715
visitando a web do concello
Quizais pareza lento, pero o certo é que, tal como vai a páxina do concello, e máis aínda, en relación ós outros concellos en xeral, a páxina foi renovada de xeito veloz.
De calquera xeito, iso estará aí o mandato enteiro, co que ó final, seguramente a declaración de bens patrimoniais non se axustará ó que agora se poña, pois tendo 17 persoas en catro anos, seguro que algúns patrimonios cambiarán. E para iso está a declaración, entre outras cousas: para poder comparar de xeito público os patrimonios antes (pola declaración) e despois (pola visualización) de ocupar o cargo. A efectividade? Non sei. Pero, certamente, hai cousas nas que o concello de Ribadeo vai no grupo de cabeza.
20150701
Novas dende o Pazo de Ibáñez
Os tres son ampliables (botón dereito do rato para abrir nunha nova lapela, e logo, ó pasar o rato sobre o documento, aparece unha lupa con un + para poder ampliar) e consultables na web (convocatoria, delegacións, dedicacións exclusivas e parciais). O primeiro, a convocatoria. O segundo, as dedicacións exclusivas propostas. O terceiro, as delegacións.
Coido que é material abondo como para necesitar máis explicación.
A nova na web do concello: Este 1 de xullo haberá pleno extraordinario no Concello para aprobar o réxime de sesións dos plenos e da xunta de goberno local, a creación e composición das comisións informativas, a creación da xunta de portavoces, a determinación do cadro de persoal eventual do Concello, a dotación económica aos grupos municipais, a delegación de competencias do pleno na xunta de goberno local, as dedicacións exclusivas, as indemnizacións ou compensación por desprazamentos dos membros da Corporación derviados do exercicio do cargo, as indemnizacións por asistencia a plenos e a designación de representantes do Concello noutros organismos.
![]() |
Convocatoria do pleno. As imaxes son ampliables co rato. |
20150531
Nota de prensa de Ribadeo en Común
20150530
Pasou unha semana
En toda a semana levo visto os mesmos carteis, cada vez máis roídos e algúns medio arrincados. Só o que agora se pode chamar 'pequeno grupo' de ReC cumpriu a mesma noite electoral cos poucos carteis que puxo.
E así, o corazón que incluía un cartel na noite de comezo electoral quedaba así:
É de supoñer que se irán sacando ó longo desta semana...
20150527
20150526
Post resaca electoral. Voltando á normalidade
Algo así pasa coas eleccións. Despois dunha fartura, luns pasa rápido e aínda sobrevoando os resultados. É máis tarde, a partir do martes, cando se baixa á terra e se vai un pouco máis pausado.
No caso de Ribadeo, o martes comezou guerreiro. Agora mesmo hai 20 horas -boa parte, noite- que se creou unha comunidade en facebook: "Illa Pancha non se toca. O noso Faro non é un resort." 20 horas, 1357 'gústame'. Xa sei que os 'gústame' en Facebook son relativos, que non custan nada, pero 1357 en 20 horas en algo relacionado con Ribadeo, 10 000 habitantes, é cousa de 1 cada minuto e algo nada desprezable para a conversión do faro en hotel. Xusto despois dunha eleccións que deron a maioría absoluta longa a un partido que estando no goberno municipal, tivo algo que ver co tema, alomenos a traverso dun preceptivo informe do concello que, segundo a axencia de novas EFE, foi emitido. E, a falta de resposta pública por parte do concello fronte á concesión da Illa Pancha, a suposición (o que nos queda fronte á desinformación) é que non foi desfavorable. [máis sobre o tema da conversión do faro en hotel, con ligazóns]
![]() |
Foto do perfil da comunidade en Facebook: a Illa Pancha non é accesible ó público |
Información que polo contrario, si sorprende o que se prodiga noutros casos. Como cando hoxe aparece nos xornais, e tamén na web do concello, unha nota institucional (do concello) de agradecemento polas eleccións. Agradecemento que vai asinado polo BNG como maioritario e beneficiado desas eleccións. A primeira cita do alcalde na nota comeza: "quero expresar a miña satisfacción e a do meu grupo de goberno, dos homes e mulleres do BNG que nos presentamos a estas eleccións". A nota tamén foi emitida onte, pero os resultados, como no caso anterior, vense hoxe. A identificación entre partido e goberno a nivel institucional sei que é unha práctica común nestes lares. Que se contaxiara o BNG en Ribadeo, pode ser común, pero non é bo. E aquí, si que houbo comunicación e non desinformación. Polo demais, esperemos que a maioría absoluta sexa para ben... de todo Ribadeo.
--
Nota: os datos deste artigo deron lugar á publicación no xornal El Progreso-A Mariña, ó día seguinte, dunha nova sobre o tema do farohotel.
20150525
Resultados Ribadeo. Eleccións locais 2015 (IV Rematando cos datos)
Coido que o anterior é abondo ilustrativo: O BNG aumentou as porcentaxes de votos tanto na vila como no campo, de xeito semellante, mantendo a avantaxe as porcentaxes do campo. O PP, en cambio, que controlaba máis a Vila, perdendo porcentaxes en ambos lugares, ten xa máis votos relativamente no campo. O PSOE diminúe en votos de xeito proporcional en ambas, e ReC e sobre todo, ReC, son fenómenos urbanos.
A seguinte táboa desgrana os mesmos datos por mesas electorais. Saeu un pouco máis complicada a súa interpretación, pero vese claramente onde están os principais viveiros de votos dos partidos. O BNG chega a preto do 70% en Covelas no 2015, aumentando un pouco o dato anterior, e aproxímase tamén en Vilaframil, onde sube máis. O PP, segundo partido en votos, é máis regular no 2015, minimizando á baixa as diferencias de 2011.
--
Resultados eleccións municipais
Lista de concelleiros
Histórico
Rematando cos datos
Resultados Ribadeo. Eleccións locais 2015 (III Histórico)
Obsérvase as pulsións entre os tres partidos tradicionais dende as segundas eleccións en democracia.
Creo que os seguintes dous gráficos son abondo explícitos por si mesmos, coa maioría absoluta actual do BNG non só en cadeiras, senón en votos a grupos.
Coido que pode ser máis gráfico presentar os resultados en termos relativos:
.. continuará.
Resultados eleccións municipais
Lista de concelleiros
Histórico
Rematando cos datos
Eleccións municipais 2015
Resultados Ribadeo. Eleccións locais 2015 (II Lista de concelleiros)
Resultados Ribadeo. Eleccións locais 2015
O BNG ten maioría absoluta e aínda lle sobra un concelleiro.
Despois, os datos:
Así, pódese ver que o posto costou 285 votos ó PSOE, 289 ó BNG, 300 ó PP e 407 a Ciudadanos.
Tamén se pode ver que ReC quedou a 15 votos de obter escano, que lle restaría ó PSOE, unha vez sobrepasado o límite do 5% de votantes, establecido en 276.
Deixando a parte o caso de ReC, que sería por votos quen obtería o escano nº 18 de ter chegado ó límite de 276 votos, o escano 18 sería acadado polo BNG, e, de ter 16 postos o concello, quen perdería un posto sería o PSOE.
Por outra banda, o PP baixa a un resultado que se libra de ser o peor en escanos da súa historia por ter aumentado o número de cadeiras a 17. E o PSOE, aínda que xa non é o grupo menos votado, segue perdendo votantes.
Pódense comparar estes resultados cos de 2011 en Ribadeando. E irase aumentando os comentarios aquí. Mentres...
O reparto de decisións dos votantes está claro: BNG+PP, 50%; abstención, 1/3.
O reparte de cadeiras, tamén:
Desmenuzando un pouco os resultados, por parroquias (depurados, hai unha mínima diferencia):
Haberá tempo de máis interpretacións, pero, que houbera pasado se Ribadeo se mantivera con 13 cadeiras en troques de 17? Pois o seguinte:
É dicir, unha maioría aínda máis abrumadora do BNG no pazo de Ibáñez.
-
Outros:
Resultados eleccións municipais
Lista de concelleiros
Histórico
Rematando cos datos
Eleccións municipais 2015
20150524
Transcurso electoral
![]() |
http://locales2015.mir.es/web/locales2015 |
Non comprendo algunhas normas sobre propaganda nos colexios electorais, pero non é momento de facer unha análise. Si me chama a atención a cantidade de xente que ven con sobre da casa, unha porcentaxe que diría está entre 1/3 e a metade. Iso indica algo sobre o nivel de decisión na democracia en España. Diría asemade polo movemento que en Ribadeo haberá abonda participación, máis que as pasadas eleccións.
Número de electores: 8 198. A maioría absoluta está en 4 100, aínda que sabemos que chegarán abondos menos para lograr a maioría absoluta de votos (sobre os 3 000 votos), e menos aínda para lograr a maioría de postos no consistorio (depende da correlación de forzas; hai catro anos o BNG logrouna con 2 696).
Outro número a considerar: superar o 5% de 8 198, 410 votos, que será o prezo máximo dun posto no consistorio, ó que ó mellor se ten que enfrontar algunha forza política. A partir de aí, rebaixas de custe. É seguro que a algún partido cada cadeira lle costará menos de 300 votos.
Segue o vento. Agora non hai Sol. Nunhas horas, veremos.
20150522
E fin. Si? E por que non en comezando?
Aínda seguen a traer os xornais os rifirrafes dos políticos en diversos lugares, ó tempo que seguen achegando ideas e programas que parecen moitas veces máis sacados da chistera dun mago que de observar as necesidade da xente, e a maioría delas, provocadoras dun sorriso posterior a un pensamento que pode ir dende o 'de que van?' ata o 'outra mentira preelectoral'.
O único antídoto coñecido contra tal estupidez non se vende en farmacias, e parece escaso por estas terras despois dunha ditadura e un cada vez máis férreo control da vontade polo mercado, controlado á súa vez por intereses financieiros.
Collendo unha cita dunha revista sobre municipalismo editada por El Diario, "Quenes son os idiotas? Segundo Pericles, os que non participan no goberno da súa vila e permiten que lles rouben."
![]() |
Anaco de portada da revista citada. Nela, os grupos de xente van cada un para o seu lado, dun xeito ordenado, pero non dirixido. |
E participar non significa votar, ao menos, non só votar... E non fai falta revisar moito a historia para saber que Pericles sabía de que falaba.
Por certo que o título principal da revista é 'que cidade queremos', que me lembra aquel 'o Ribadeo que queremos', do que se poden producir versións sucesivas, como xa ten saído no blog e seguirán a saír. Lembro neste senso que se presenta ás municipais en Ribadeo unha agrupación que fai bandeira dun programa aberto no tempo, en contacto coa cidadanía, algo diametralmente oposto á falta de programa que significa un folleto inchado con todo tipo de promesas propostas.
Despois do cuarto quilo de propaganda electoral que recibimos na casa, collo ó azar algún apartado dalgún dos partidos:
"Construiremos un campo de fútbol de herba artificial (...)
Actividades de lecer para mozos
Crearemos pistas de atletismo e campo a través
Potenciaremos e apoiaremos a:
-Escolas deportivas
-Equipos deportivos de Ribadeo
Crearemos foros deportivos."
Si? alqueń pode traducir en 'realidades o que di ese anaco de programa? Que promete, en concreto, este partido neste apartado?
Podería seguir con outros apartados do mesmo programa, ou dos outros. Uns explican con máis acerto, outros teñen medidas máis concretas, outros, máis factibles... pero, o desenvolvemento electoral actual fai que como moito, a cousa remate coa célebre sentencia do rei Sol: 'todo para o pobo, pero sen o o pobo'.
Para cambiar, participar. Por certo, o mesmo partido do apartado comentado non ten nada sobre impulsar a participación cidadá. E o único partido dos que teño propaganda do programa electoral que menciona a participación cidadá, adícalle o título dun apartado, que non o contido e afirma de xeito implícito que xa a hai (cando leva negando a súa estrutura xa moitos anos).
Xa vai abondo escrito, non me vou meter por hoxe no 'actúa localmente, pensa globalmente', que aínda hai pouco teño escrito sobre o absurdo do lixo electoral.
--
Anteriores sobre as eleccións do 24 de maio.
20150520
O que pesa a campaña electoral
O que é, é difícil que calquera veciño se aproxime ás cifras reais. Parecería, pero de calquera xeito, poden facerse algunhas aproximacións. Non pretendo pesar os grandes carteis plásticos que penden das farolas, ou os pendóns da rotonda do instituto, nin tampouco os múltiples carteis murais pegados cada un coa súa cola. Non, só chamar a atención sobre todo iso a partires dunha soa parte: a propaganda que nos chega ás casas, polo correo ou a traverso de persoas que a reparten. Aínda así, abonda para facerse unha idea, polo baixo, do que estamos a falar.
Sei que aínda non rematou a campaña, co que pode haber aumentos nas cifras que dou (de feito xa vin propaganda que aínda non me chegou; procurarei manter as cifras ó día se vai chegando), ou variacións de propaganda dunha casa a outra por diversos temas. Así, ós sobres que veñen individualizados, con nome e apelidos, sobrepóñense os buzoneos indiscriminados de folletos ou 'impresos postais sen enderezo', co que as contas xerais, aínda cinguíndose á propaganda que chega ás casas, só son aproximadas.
Por partes, tomemos primeiro a masa en gramos de cada partida de propaganda electoral:
Sobre con voto (de calquera partido):
5,2
Sobre grande BNG:
10,0
Programa BNG:
23,1
Parladoiro BNG (foi botado antes de comezo da campaña, pero é claramente con intención de campaña):
29,7
Programa Ciudadanos:
12,3
Folleto sinxelo Ciudadanos:
4,8
Sobre propaganda individualizado PP:
14,8
Boletín formativo PP:
16,7
Folleto propaganda PP:
18,5
Sobre propaganda individualizado PSOE:
15,0
Co que temos os totais, por orden alfabético de siglas:
BNG:
29,7 + 23,1 + 3*5,2 = 68,4 g
C's:
4*5,2 + 2*12,3 + 4,8 = 45,0 g
PP:
3*14,8 + 16,7 + 2·5,2 + 18,5 = 90,0 g
PSOE:
3*15,0 = 45,0 g
ReC:
0,0 g
Total: 248,4 g
Botando contas a nivel Ribadeo, a razón de preto de 250 g por casa ou 80 g por persoa, segundo como se fagan as contas, saen en calquera caso máis de 3 000 kg de material distribuído polas vivendas de Ribadeo.
Repito que habería que sumarlle a cartelería exterior pegada ou colgada, abondo menor en cantidades, pero abondo maior en peso individual, e sobre a que se me ocorre que podería tamén mirar se o fin de semana seguinte ás eleccións está retirada ou non, como primeiro índice da actuación posterior ás eleccións de cada grupo, mantendo Ribadeo máis limpo. Lembro aínda un cartel electoral que se mantivo longo tempo á entrada de Ribadeo, xa descolorido e que tivo que causar roxez de cara no candidato correspondente que non fora retirado polo seu grupo. Espero polo menos que, despois dese cartel que cito e avisos coma este, a propaganda se retirará de xeito conveniente, sen ter que intervir o servizo de limpeza do concello.
20150519
Se queren algo, que se presenten ás eleccións, por José Mª Rodríguez Díaz
Algo semellante, a conto doutro tema, escoitei eu hai poucos días, por parte de alguén do outro extremo do espectro político...
“SI QUIEREN ALGO, QUE SE PRESENTEN A LAS ELECCIONES”
Memorable e de triste recordo o desta frase, dirixida por un sobresaínte membro da nosa clase política, neste caso do PP, a un numeroso colectivo de veciños co gallo dunha manifestación en demanda dunha residencia de anciáns para a súa vila, Ribadeo. Unha expresión que nos da a xusta medida do que entenden por democracia os políticos do noso país. O seu autor, un alto cargo político do PP, naquel intre Xefe Territorial da Xunta de Galicia, e de cuxo nome non quero acordarme. Traducida á nosa lingua galega, a lectura desta frase ven a ser esta: Pedímosvos o voto, e en canto nos elixides mendámosvos a tomar polo cu. Esta é a burbulla na que os así chamados representantes do pobo viven pechados cunha ideoloxía na que só existe o partido.
E nós, ¡inxenuos!, que críamos que cando iamos a votar ás urnas estabamos elixindo ós nosos representantes, a aqueles que nos tiñan que escoltar e atender cando lles presentáramos as nosas carencias para darnos as solucións axeitadas. Eso era o que eles nos pregoaban. E saen agora dicindo que “se queremos algo que nos presentemos ás eleccións”. ¿Pra que fomos, entón, a votalos, nos preguntamos?
A ideología que se agacha detrás desta frase encarna unha actitude que subverte un dos principais piares nos que se debe basear a democracia. Unha expresión que manifesta e resume a ideoloxía antidemocrática que subxace no subconsciente dos nosos políticos: que eles non se senten representantes nosos, senón do seu partido. Eso é o que con esta frase dixo o citado político.
E foi a través desta frase que os veciños desta pequena vila decatáronse de que para este e outros moitos políticos a chamada representatividade política dos cidadáns non existe. O triste é que o autor desta frase, e moitos outros coma el, foron os que nos tiveron gobernando ó longo de anos, e aínda nos seguen a gobernar moitos deles, non como representantes nosos, senón suplantando a nosa persoa e tomando, din que no noso nome, acordos e decisións que só interesan ó seu partido. So miran pros cidadáns cando se achegan as eleccións.
E este é, de feito, o comportamento do PP de Ribadeo. Sae agora coa nova nos seus mitins de que eles sempre estiveron a favor da residencia de Ribadeo, e dicir, a favor do pobo de Ribadeo. Unha vez mais están a enganar a xente desta vila. Pois, apoiando a postura do seu partido no goberno, sempre se situaron en contra desta demanda dos veciños, agás algúns concelleiros do PP, encabezados por Manuel Valín, que sempre apoiaron as xustas demandas do pobo fronte a postura negativa do seu partido. Postura que a este concelleiro lle trouxo moitos problemas co seu partido. Mais agora, chegadas de novo as eleccións, o PP local cambia de pel, como o camaleón, dicíndolles ós cidadáns que sempre estiveron o seu lado en demanda da residencia. O fin, París ben vale unha misa. ¡Vaia cara!
Pode que este breve comentario deixe en nós unha sensación negativa de impotencia fronte ó exercicio da política. Porque, fronte ó poder trasladado pola Constitución desde os cidadáns ós partidos, os cidadáns atopámonos sen esperanza, illados, marxinados, desarmados e sen posibilidade de poder recuperar o poder para exercelo e tomar decisións a través da nosa presencia directa nos órganos de decisión. Mais ou menos, como estaba no século XVIII o pobo francés. Pro, “tantas veces vai o cántaro a fonte que ó final rompe”, como di o refrán. Rompeuse na revolución francesa tomando o pobo o poder, e parece que pode romper, tamén, en España tres séculos despois. Aínda que en España non hai revolución sanguenta, hai movementos esperanzadores que invitan ó pobo a espertar do seu sono e a loitar pola recuperación do poder que lle foi roubado por unha mala Constitución, feita para a protección dos partidos fronte ós indefensos cidadáns e ideada para saquear España e desvalixar sistematicamente ós seus cidadáns, mediante o control do Poder Xudicial e aforamentos e amnistías. Estamos nun ano de eleccións. ¡Hai esperanza!
(primeiro publicado en http://cargadoiro.blogcindario.com/2015/05/00423-si-quieren-algo-que-se-presenten-a-las-elecciones.html)
20150518
Ribadeo, vistas a cinco días de campaña
Non se trata de mirar coa mente chea coas ideas preconcebidas, senón dun xeito aberto.
A primeira foto está tomada dende a Garganta, sábado, cun aparello con pouca definición, si, pero tamén entre néboa, e encadra Ribadeo ó fondo, máis ou menos centrado. Vese? Hai que tomar referencias. Así pasa na realidade: como non contemplemos ós nosos veciños, 'non somos nada'...
A segunda foto é máis prosaica. Contedores nunha rúa recén 'humanizada'. Os contedores flotan con sitio de máis no lugar construído para eles. Non está dimensionado. As cousas feitas moi grandes, ou moi pequenas, non só se desaproveitan e rematan costando máis, senón que se esnaquizan antes e se traballa peor con elas. Necesitamos pensar dúas veces as cousas antes de actuar. Pensar e actuar, entre todos.
Unha rúa renovada. Ramón González. Aínda está sen estrear, pero xa está apra as eleccións. Obra realizada con urxencia electoral. Como tantas outras veces por gobernos anteriores. Téñenme dito que non leva piso adecuado porque vai o cemento case (ou sen case) sobre terra. Non son técnico, veremos. Pero o que veremos antes será unha nova rúa xusto antes das eleccións. Aínda que só sexa nova en parte, o resto do tramo xa estaba feito.
E unha alegoría, usando os carteis colgados por un partido político: só é posible co teu voto, din, a pares, co nome do partido relocendo e movéndose ó vento. E, que hai detrás? Me refiro, a máis dun peso en cartelería, un traballo realizado para colgalo e a clara idea de que un partido sen votos non sería posible.
20150517
O(s) debate entre candidatos á alcaldía de Ribadeo
Tamén o de ORT: Só unha lembranza: http://ribadeando.blogspot.com.es/2015/05/cara-cara.html
20150515
Cara a cara? (E un xamon!)
Sorrín para min ó comprobar o que puxen no primeiro parágrafo, para poder explicarme dun xeito correcto. E é que as verbas xa están adaptadas a unha realidade que todos din querer cambiar (eu tamén) pero, se pretendes cambiala, tes unha das primeiras barreiras (e hai moitas) na mesma lingua.
![]() |
Xamón no parque. Tomada hai algún tempo dun xamón abandoado alí. |
Así, se pretendes que haxa participación, tes que comezar por procurala na mesma agrupación coa que te presentas. E, se te presentas de número un, xa és 'o candidato' (ou candidata), como se o resto da lista non foran tamén candidatos. Dirase: ben é que son 'os candidatos á alcaldía'. Resposta: unha volta no concello, un grupo non pode presentar á alcaldía alguén diferente do cabez de lista? Non é técnicamente posible? Que pasaría pois se un grupo presentase os seus 17 candidatos en orde de apelidos? Logo, 'candidato número un', non sinxelamente 'candidato', aínda que comecen a entrar no consistorio polo 'número 1'.
Listas electorais de cada formación. Ben, podería ser substituído, ó ser listas cerradas, polo nome da formación, ou mesmo, despois do dito antes, polo nome do cabeza de lista. Para que gastar tanto papel? Que se saiba, só houbo primarias en ReC, aceptando pois o principio de que o cabeza de lista vese como candidato á alcaldía. Pero, despois diso, con lista cerrada obrigada, e entrando por orde de lista, chegaba cunha papeleta que puxera ReC, ou Ribadeo en Común, co logotipo elixido. É dicir, por imperativo legal, semellante ós demais partidos. E paso logo ó tema de 'cada formación'.
![]() |
O pobo, pedindo a residencia diante da Casa do Concello |
Co anterior, case non me queda tempo para o 'cara a cara' desta tarde. Cara a cara con quen? Pois 'entre os candidatos', claro! Como diría o outro, 'como non pode ser doutro xeito'... Non cara a cara coa cidadanía, con cada un de nós. Sería moi farragoso? Home, ó fin, é unha mellora patente fronte ós tradicionais mítins que non son máis que arengas desprovistas de sentido máis aló de exacerbar algúns sentimentos. Deixémolo aí, que o tempo pasa, e non quero privar a ninguén de tempo para achegarse esta tarde ó cine teatro a ver e escoitar (a iso quedará limitado) 'ós candidatos'.
... por certo, as fotos xa síron con anterioridade en ribadeando, e é que Ribadeo ten facetas que ás veces se esquecen, como que o pobo pode participar, mesmo impulsar...
20150512
Presentación curiosa: Apuntes sobre Ribadeo
Cortopego e comento embaixo unha nota da sección de novas da web do concello [Para quen non queira esperar, as primeiras páxinas de Apuntes sobre Ribadeo de Méndez San Julián (e as segundas) en versión fotocopiada de man en man, e polo tanto, baixa calidade]:
"A PRIMEIRA EDICIÓN DATA DE 1884
Apuntes sobre Ribadeo
11/05/2015
O salón de plenos acolleu esta tarde a presentación da edición facsimilar do libro "Apuntes sobre Ribadeo", unha compilación de actas do Concello dos séculos XVI ao XIX, que realizou o que fora alcalde, Fernando Méndez San Julián. O servizo de publicacións da Deputación de Lugo foi o encargado de reeditar este libro, do que se porán á venda 500 exemplares, que recollen un anaco da historia de Ribadeo. Ao acto asistiron o alcalde, Fernando Suárez; a concelleira de Cultura, Mariluz Álvarez Lastra; o vicepresidente da Deputación de Lugo, Antonio Veiga; e os voceiros municipais.
Na súa intervención Suárez Barcia sinalou que "desde hai un tempo levabamos pedíndolle á Deputación de Lugo, para que a través do seu servizo de publicacións, puidera axudarnos a non perder esta historia, porque Ribadeo é un concello con moita historia, non se creou como outros de cerca no século XVIII ou no XIX. E este era un cachiño da historia que estaba en moi poucas mans e queríamos socializalo”. E lembrou que “nos últimos tempos estivemos a colocar novas placas das rúas con pequenos datos históricos, para que a xente que nos visita e os que somos de aquí saibamos exactamente o que agochan eses nomes e a historia dos anos. O vicepresidente da Deputación prestouse e traballou activamente para que puideramos ter esta edición facsimilar de Apuntes sobre Ribadeo".
O rexedor engadiu que "como é algo institucional e histórico quixemos que estivesen aquí os voceiros da Corporación Municipal actual para que asistan á presentación deste anaquiño da historia local".
Antonio Veiga, vicepresidente da Deputación de Lugo, dixo que "este libro permite ter un compendio de datos interesantes para os estudosos e investigadores que queiran coñecer a historia de Ribadeo ou que queiran trasladar isto ás xeracións vindeiras". E tivo palabras de agradecemento para o xefe de publicacións da institución, Xan Ramiro Cuba, "porque se volcou moito para que a día de hoxe este libro estivese listo. Sobre Ribadeo non é o primeiro libro que publicamos, porque fixemos moitos máis nestes catro anos". E manifestou que vai ler este libro "porque me gusta furgar na historia".
Por último, Eduardo Gutiérrez, voceiro do PSOE, como coñecedor da historia de Ribadeo e da figura do alcalde Fernando Méndez San Julián, indicou que "é unha persoa curiosa. Naceu en 1835, foi profesor da Escola de Náutica de Ribadeo en 1872 con 37 anos. Nesa época xa estaba aquí, estudou leis en Oviedo, etc. En 1873 foi presidente do Círculo de Recreo, o famoso Casino, situado no que foi logo o colexio das monxas, na rúa Trinidade. Era unha das sociedades máis poderosas da época en toda a provincia. En 1877 con 42 anos foi alcalde, non foi o rexedor máis novo, a el gañeille eu e a min Fernando Suárez Barcia. No ano 1878 dimite porque foi nomeado promotor fiscal, unha especie de axudante do fiscal. É un termo que hoxe non se emprega".
Gutiérrez subliñou que "era unha persoa moi preparada, moi culta e moi ilustrada. En 1879 hai unha serie de artigos publicados na Ilustración Gallega y Asturiana, dirixida por Murguía. No 1880 asina o seu testamento con 45 anos, no 83 asina o prólogo dos Apuntes sobre Ribadeo e no 84 edítase o libro. E falece en 1902 aos 67 anos. Está enterrado no cemiterio municipal de Ribadeo".
Hai que lembrar que en xaneiro de 2014 o alcalde ribadense, Fernando Suárez, recolleu no Arquivo do Reino de Galicia uns 40 libros que o Concello lles enviara había trinta anos para a súa restauración. Neses libros había actas municipais, exemplares relacionados co porto comercial e diversas documentación histórica de Ribadeo. "
Saúdo a edición dun libro histórico para Ribadeo, que marca un resumo de actas equivalente a tres séculos longos da vida do pobo. Chama a atención a presentación en petit comité, moi democrático a nivel pleno municipal actual, que se podería considerar de perfil baixo cara ás próximas eleccións. A cousa cambia cando se ve que o único dos presentes non pertencentes ó BNG e que se volve presentar ás eleccións non é mencionado na nova, o que acompaña a que o alcalde actual é citado máis veces que Fernando Méndez San Julián, ou que, para querer ser mantido de perfil baixo, é das novas máis longas da web.
Como apuntei ó comezo, o libro levaba xa tempo sendo fotocopiado dunhas a outras mans por Ribadeo adiante, chegando a estar en parte incluído no xa inexistente 'Publicado en Ribadeo' mercede a unha copia que conseguín, dunha calidade que me aconsellou non seguir escaneándoo a partires dunha determinada páxina. Ese é o motivo de que o teña colgado xa.
20150511
Equilibrio ecolóxico en Ribadeo
En Ribadeo estamos aínda no comezo da visión do equilibrio ecoloxista cando nos referimos á ecoloxía animal ou vexetal (a invasión de especies alóctonas, por exemplo), pero estamos tamén afrontando, teñamos conciencia deles ou non, cambios en diferentes nichos ecolóxicos referidos ós humanos e ás sociedades humanas.
Nestes días, por exemplo, coa campaña electoral, fálase do impacto que terá a implantación dun novo partido/substitución dun partido local por outro de tipo estatal. Ó tempo, irrompe unha agrupación que pode considerarse relacionada coas asembleas que ten vivido Ribadeo a partires do 15 M e que se daba por desaparecido por moita xente, mentres que perviviu e se desenvolveu en lugares como o Formigueiro ou asociacións como As Grelas, o mesmo que noutros lugares e no propio interior das persoas, como xa se ten posto de manifesto.
Na procura dun novo equilibrio, é necesaria a variación dos partidos asentados en anteriores convocatorias. Necesaria non no sentido de que se pida (esa petición é patente, pero é outro tipo de interpretación da necesidade), senón para a súa adaptación a un medio que está a cambiar e que presenta unha situación nova. Unha agrupación de electores non é un partido, e representa un movemento a asumir máis que a combater. Algo que chegou con intención de quedarse e pouco a pouco, e ir deixando pegada tamé no longo prazo. Un movemento que se sumo, no eido político, ó conxunto de movementos sociais que está constatado que van deixando pegada e cambiando a mentalidade de moita xente. Suave, pero medrando en cantidade de xente ou en riqueza de visión. Un movemento que tenta non ameazar a ninguén, pero tamén a cambiar moitas cousas: o actual equilibro na ecoloxía político-social.
![]() |
Imaxe obtida de http://mapas.xunta.es/visores/conservaciondanatureza/. Outro día tocará falar desta ligazón.. |
20150508
Pegada de carteis, unha experiencia (visión persoal)
Onte (esta noite, a partir das 12) foi o inicio de campaña. Polo que parece, soe facerse 'oficial' coa pegada de carteis. Onte participei. E como participante, teño unha visión que a moitos lles parecerá sesgada, seguro. Por iso aviso.
Chegar máis tarde como novatos no tema, non como desprezo dos mellores lugares onde pegar a cartelería, senón como tranquilidade de facelo despois de ver que fixeron as outras forzas... e ver que claro, o que consideraban mellores lugares estaban collidos, e, nalgún caso, sería cousa de dar un toque pola ocupación de espazo.
Nada máis chegar ó primeiro lugar de colocación de carteis, as comparacións: ReC, cartel pequeno, sen cara, con disposición chamativa de logotipo. Vaites, se tamén neso é diferente! En todo o resto, cartelería grande, e foto do candidato á alcaldía. Propaganda personalista. Ribadeo en común ten o seu cartel co logo só acompañado do lema elixido en asemblea: a túa chave de goberno. Ou sexa: o candidato és ti, somos todos. Ribadeo é en común ou é algo particular?
Algunha discusión sobre o espazo, sen a sangue chegar ó río. Algún aviso sobre outro espazo que remata en camaradería e préstamo de material. A despedida, desexando sorte á outra formación. As novatadas páganase, pero entre todos sáese delas sen menoscabo.
Cartel pequeno? Métese por tódolos resquicios, e ata as veces parece que os doutras formacións quedan sitiados. Xogos de posición e de ideas. De xeito de ver as cousas e de facelas.
Non da para moito a pegada. É ilusionante, cun esprito a manter. Algunha foto suelta, máis para a posteridade que para o anuncio, aínda que algunha se cole despois en twitter ou facebook.
De volta xa, cruzámonos e saudamos de paso ó alcalde e máis xente que veñen en grupo. Parece que tamén veñen sorrindo. Resultaríalles a experiencia tan ilusionante?