20070131

Carnaza arredor de Ribadeo

Onte foi en Mondoñedo, coa declaración xudicial, e hoxe no mesmo parador ribadense, onde haberá unha presentación de candidatura (PsoE) ás 12 e media hora antes, rolda de prensa do aínda concellero de facenda. Mellor, cambiar de tema.
O que pasa é que o tema parece repetirse hoxe, coa rotura dun radar fixo en Cervo, vandalizado, ou o ataque contra o Cepesma en Luarca, destrozando as instalacións, ou o roubo de chalés en Ribadeo...
Mellor discutir se os actos culturais ribadenses perden ou non público, aínda que sexa outra metedura política contra unha actividade que máis ou menos se considera inocua, exceptuando que agora se di que tomou un 'xiro nazonalista', e de aí o ataque. Será nazonalista, pero a cultura está de capa caída (polo menos na asistencia de público) xa dende hai tempo, dende (alomenos) cando se comezou a promocionar en Ribadeo, que eu lembre.
Pero seguen as novas, e podemos cambiar a outro tema: un tractor coa súa carga ardendo (na realidade, parece que 'botaba fume', o que é diferente en canto á nova. En fin, que virá Fitur nos próximos días como nova, dalgún xeito ou outro: mirar ó exterior pode serás veces un respiro, porque parece que alí as actuacións se ven na distancia e polo tanto, cunha perspectiva mellor.

20070130

O Ribadeo que queremos, antes dos programas


Hai xa case un ano que propuxen nun artigo comezar a dicir o Ribadeo que queremos. O certo é que non tivo continuidade, pois pretendía que houbera unha confluencia de quereres expresados por escrito, pero non foi así. Dentro de pouco sairán os inflados programas electorais, onde serán os partidos políticos os que presenten as súas marabillas artificiais co ánimo de engatusar ó pobo máis que de pretender un Ribadeo posible. Agora, antes de que as candidaturas comecen a falar para convencer, sería o mellor momento de dicir o que se pensa, e pensar en Ribadeo en conxunto, por parte de todos. Hai pouco que a Mesa de asociacións enviou unha carta ós partidos cunha petición de participación veciñal: polo momento coido que non hai contestación, e falta saber se a incluirán, que é algo doado, e se a cumprirán, algo xa máis difícil.
Hoxe declaran como imputados despois de aprazamentos alcalde, secretario e arquitecto polo caso da piscifactoría de Meirengos. É algo previo, que xa veremos se segue ou non. Polo momento, coa lista do PSOE anunciada para mañá, discusións sobre o empantanamento deixado polo PP no polígono, rectificacións de críticas, as voltas co PXOM (nas que non se inclúe, por exemplo, se estará incluída a zona contaminada acústicamente que foi reclamada ou haberá que impugnalo, como algo moi suave do que non tratan), etc, parece que está cubríndose a nova para que non o sexa nos xornais. Por outra parte, é normal que o traten de facer así.
Mentras, no mundo, o foro de Davos pasou con algo de noticia, pero o foro social, este ano celebrado en África, deu pouca noticia, pois o continente segue a estar fóra de calquera circuíto mundial, aínda cando chama a atención. E aquí, como algo positivo nos xornais, a programación cultural, que co comentado tamén pasa sen pena nin groria.
A foto, a cetárea recuperada para o turismo en Rinlo

20070129

E, para compensar, máis rexas no porto de Ribadeo


...pois si. quen baixe polo porto atopará a terra despexada no vello recheo (só queda unha beira pequena daquela que había preto da lonxa) pero achegada á lonxa pola outra beira, 'gardando' unha entrada ó porto de mercadorías, alí atopará unha nova verxa. O peche do porto segue a completarse, tras o raíl para a porta corredoira na entrada dende o Campo.
...seguiremos informado.
Mentres, vai por bo camiño o tema do castro das Grobas: unha nova conferencia sobre os castros do litoral deu a coñecer un patrimonio máis esquecido que coñecido. Que mágoa da feitura do castro balbinense, unha oportunidade perdida de empregar mellor os cartos.
Á beira, un artigo na época de Fraga.

20070128

De volta

De volta, despois de outro sábado noite, atópome no xornal que pechan un pub en Viveiro (por sentencia, claro) por non ter 3,10m de altura. Ben, aquí tampouco eso se cumpre. Outra cousa máis (por certo, xa denunciada)

Unha nova xa vella e máis ou menos sabida: El turno de noche resta cinco años de vida por cada quince de actividad laboral


Pero non por eso deixa de ser difundible polo seu interese: o pasar noites en vela polo ruído é asimilable en certo xeito a traballar de noite en traballo forzado, e o facelo dende o 93 vai contando xa anos. Foi publicada o 2/10/2006 na p.52 da Voz de Galicia:

20070123

Civis Romanus sum

Adxunto unha tradución de parte dun artigo de Giampiero di Cristofaro en 'Scuol@Europa' (Dec. 2006) que coido convinte para a actual situación en Ribadeo, enfocando o tema non tanto dende a formación ou a diferenza, senón dende a participación social:
“Civis Romanus sum
Con esta afirmación, os antigos romanos declaraban con orgullo o seu sentimento cidadán. Este sentimento de pertenza á comunidade-estado, non sempre presente na sociedade dos países, aínda europeos, é substituído a miúdo dun sentido de pertenza exclusiva ó propio grupo (étnico, político, relixioso ou aínda só familiar)
Que hai común entre o intento dun grupo de xóvenes terroristas ingleses para realizar un atentado sobre avións de liña, os episodios de microcriminalidade que se rexistran de xeito cotidiano na realidade metropolitana (*) e a mala política de moitos administradores locais e nacionais? O común é a ausencia total de do principio de cidadanía activa. Tal concepto asóciase de sempre a un conxunto complexo de dereitos e deberes, sobre a base dunha pertenza a unha comunidade, recoñecida e compartida. É dicir, o ser cidadáns 'activos', en grao de poder esixir os propios dereitos, e tamén 'responsables', capaces de dar resposta consensuada ós problemas e ás cuestións relacionados coa vida dos individuos nas respectivas sociedades de pertenza. A educación á cidadanía, que pode ser contada, ten necesidade de ser practicada no interior da familia e da escola. (...) A educación para a cidadanía non atinxe só á escola e non pode ser confinada nas aulas.
A scola, por vocación primaria, é e debe ser 'mestra de cidadanía', mais serao de xeito eficaz só se é espello dunha sociedade capaz de poñer o tema da cidadanía como un paradigma e corolario da súa propia evolución.
Ser cidadán implica o sentirse integrado na sociedade de pertenza e coñecer e aceptar o outro, o diferente de ti”
(*) Está a falar de Nápoles, cun problema de criminalidade abondo acusado.
En fin, dando novas do blog, é posible que non teña novas contribucións ata a fin de semana. Ata entón logo.

20070121

Roteiros cambiantes en Ribadeo



Na proposta de dous paseos de tempada próximos a Ribadeo que fixen a semana pasada xa teño que introducir cambios: é o que ten a proposta sobre terreos cambiantes.
En relación ó da costa rinlega, de paso que se vai ata aló dende a vila de Ribadeo, pódese facer un pequeno desvío á altura da igrexa de Piñeira, por alí (un pouco pasada a igrexa, pola parte esquerda da estrada segundo se vai para Rinlo) achegado está un depósito de terra da autovía, que compensa o fondo da glorieta/entronque que están a facer perto da granxa de Eijo que citaba nuns dos post de onte.
Para a outra, o piso cambiante da sorpresas a cada volta que se pasea por alí, e pódense observar cousas omo que os novos gardabeiras son dos que xa se están a substituír noutros sitios debido ás protestas dos motoristas, tanto na autovía como na circunvalación. Eso, de paso que dende aló arriba (moitas veces pódese dicir que se vai alí arriba, literalmente) aprécianse cousas da xeografía que non se apreciaban antes. (aínda hai diferencia de altura coa foto de Miguel que poño hoxe, a mesma que puxen anunciando a primeira charla sobre o castro das Grobas pero mellor escaneada, cortesía de Gráficas Ribadeo)

20070120

Unha referencia externa a Ribadeo (II)


Un erro deixou sen poñer no post anterior ('Unha referencia externa a Ribadeo') a ligazón á cita sobre Pescanova no 'El País', a cargo de Suso de Toro, que agora deixo aquí.
En canto a concellos e responsabilidade, onte en El Progreso/A Mariña saiu unha entrevista ó presidente da APEC na Mariña, na que se facía responsables ós concellos polos fallos na tramitación. E é certo, teñen parte da responsabilidade alcaldes de demais, pero unha cousa é que teñan as persoas (dirixentes, funcionarios ou quen sexa) a responsabilidade e outra que sexan os concellos (é dicir, todos nós) os que teñen que pagar o pato pola súa actuación. É dicir, a responsabilidade e as súas consecuencias para quen a ostenta.
A foto, unha casa derruída na rúa de San Miguel, en foto tomada diante do garaxe no muro.

Unha referencia externa a Ribadeo

Con Pescanova topamos. Agora non ven ,e o alcalde, despois de analizalo e abondo despois de 'perder o cu' no asunto, chega a conclusión de que é un xeito de presionar ós políticos. Deixo aquí unha cita a ver e presento unha proposta tendente a solucionar algo do problema (neste caso hai máis cousas): que as plantas de cultivos mariños tomen a auga 'augas abaixo' (enténdese pola circulación das correntes mariñas) do verquido. Se o fan mal, estaranse perxudicando a elas mesmas, e veránse abocada a unha alta normativa de non contaminación ecolóxica.
Mentras segue a ser nova Santiago, esta volta 'pensando se dimite', non deixa de selo a responsabilidade dos concellos na construcción, que se os mariñanos deron licenza para 3000 vivendas mentras aumentaba a poboación en 3 persoas, agora dínlles (con algo de razón, baixo a miña opinión só con algo) dende a asocación de cosntrutores que é responsabilidade súa, que tomen a responsabilidade e que tiren adiante, que os que saen perdendo son os construtores. Falaremos máis sobre iso outro día, pero hoxe hai outro mjuro máis que se levanta en torno a Ribadeo: o paso habilitado para atravesar a estrada a peóns preto da granxa de Eijo xa non está practicable. Ata cando?
Seguiremos, ó mellor hoxe mesmo.

20070119

Titulares da Mariña adicados a Ribadeo


Onte, na portada dun xornal atopábase no titular adicado á Mariña algo así como: "Vacas controló las llamadas de Teléfono de Reinante". Abrindo por causalidade, o primiero que atopei foi unha sección co título "Carnaval na Mariña". Peguei unha gargallada, pero pensándoo ben, non é para rir. Hoxe o mesmo periódico fala de pesadilla para Pérez Vacas e relaciónao co pesarelo para Andina nas pasadas eleccións, en ambos casos, a mans do mesmo elemento, Reinante. Hai uns días, falando cun amigo, saíu que aquí estáse a facer público o privado, e privado o público. O primeiro, xera descontento ou antroido. O segundo é peor: fai dexerar o que temos, patrimonio común material e sobre todo, inmaterial.
Voltando ó tema dende otro punto de vista, coido que me equivoquei no tema da falta de contido do pleno do luns: posiblemente era unha cuestión política e non só ou de xeito primario educativa, pois é evidente que o voto de Santiago non está asegurado para nada, e o luns podía ter ido e votado contra o que se presentara.
Coido que a democracia en Ribadeo estaba secuestrada. Agora está aparcada, e case me aledo por ser unha situación que pode neste intre ser mellor que a anterior (desde logo, sen ser nin moito menos boa, nin para Ribadeo, nin para a democracia no concello)
A imaxe, o vello patrimonio industrial de Ribadeo no abandono: o astaleiro a Vila vella, que comentei sería un posble museo de arqueoloxía industrial, ou da ría de Ribadeo, ben ó pé dela en troques de en Santa cruz.

20070118

Poderase ribadear no futuro?


Seguro que si, aínda que ás veces dubídase: ésta semana xa está cerrada a ponte ós peóns, e segundo me dixeron hai un rato, xa non se pode atravesar ó porto tampouco (ver por exemplo, esto ou estoutro). Tamén vin que o garaxe está xa case concluído, despois de que O Tesón preguntara por el e non se lle contestara en novembro nin tampouco en xaneiro. así se fan as cousas en Ribadeo.
Adxunto unha nota de prensa de O Tesón, e afoto actual do estado de finalización do garaxe que segundo o alcalde, ía a ser muro.

O Tesón
Nota de prensa
A asociación de veciños O Tesón de Ribadeo anuncia que o próximo 26 de xaneiro de 2007, venres, ás 20:00 horas, no salón de actos da Casa do Mar de Ribadeo, terá lugar a conferencia 'Cultura castrexa na franxa litoral de Ribadeo', impartida por D. Luis Cordeiro Arias, contando coa colaboración da Fundación Comarcal da Mariña Oriental.
Dita conferencia inscríbese no ciclo de potenciación do Castro das Grobas que leva adiante O Tesón, e á misma, de entrada libre, están invitados tanto asociados como público interesado en xeral.

20070117

Asociacións de Ribadeo


Despois de onte e o comentario sobre o pleno, coa cuestión engadida do bipartito en minoría (non se chegou a votar nada sen unanimidade), ou a nova de que A Mariña medra ... 3 habitantes ó ano, ou aínda o runrun urbanístico que xa se fixo habitual, vai aí a nota de prensa resultante da xuntanza das asociacións de veciños, mantida o pasado sábado. Antes, dicir que para usar a ferramenta da foto tameń se necesitaba asociación e colaboración: a carpintería de ribeira tiña en Ribadeo un representante de peso no astaleiro da vila vella.

Mesa de Asociacións de Veciños do
Concello de Ribadeo
-
Nota de prensa
-
A Mesa de Asociacións constituída en Ribadeo comunica que tivo unha xuntanza o pasado sábado día 12. Na mesma, como punto principal, asinouse a carta que se presenta a continuación, dirixida a todos os candidatos á alcaldía nas próximas eleccións para o concello de Ribadeo. Tomouse a decisión, apoiada verbalmente aínda por asociacións que non asistiron a esta xuntanza en concreto, para formularlles unha soa petición, na seguridade de que, de ser atendida, axudará ó florecemento da participación cidadán na vida local.
“Conscientes das limitacións que a lexislación determina para que as Asociacións de Veciños podan ser escoitadas e podan colaborar na toma de decisións sobre temas de interese para o cidadán, e desexando contribuír coa súa aportación ó mellor benestar da sociedade no concello, pedimos
A inclusión no seu programa da determinación de aprobar e poñer en marcha un Regulamento de Participación Cidadá, como instrumento para o desenvolvemento dunha política de proximidade e participación. O obxecto é a regulación da participación ciudadá, tanto de particulares como de Asociacións, no goberno e na administración municipal, a traverso dos medios, formas e procedementos que se establezan, en acordo co previsto na Constitución e outras leis de menor rango.
Na seguridade de que a regulación dunha participación cidadá efectiva redundará nun mellor funcionamento e transparencia da xestión municipal e potenciará o dereito dos cidadáns a participar na vida política, económica, cultural e social do noso concello, saúdano atentamente.”

20070116

Un pleno moi vacío no concello de Ribadeo

Onte o pleno estivo vacío, pero non pola falta de público (3 persoas), nin pola falta de Santiago, esperada por moitos, nin pola do alcalde, senón pola ausencia de contido. Nun pleno ordinario, que ademais foi posposto unha semana, había tres puntos, entre eles, a aprobación da acta anterior, outro de trámite e rogos e preguntas... nos que o tenente de alcalde anunciou que cría que non debía responder pola falta do alcalde, nin a oposición nin ás asociacións de veciños (a dicir que O Tesón dirixira as súas preguntas ó portavoz socialista). Pouco houbo que dicir nun pleno que non durou máis de 5 minutos, incluídas as queixas da oposición, coa petición de trasmitirlle ó alcalde que 'deixe de tomar o pelo aprazando plenos sen motivo', ou a petición de que 'os plenos se enchan de contido'.

Sen máis comentarios.

Serviría de algo a petición de que os plenos se encheran de xente? Seguramente si, se se dera o resultado de que a xente se presentara efectivamente...
Unha última nota: esta antrada vai etiquetada tamen como 'educación', pois considero que é unha falta dela o que orixinou un pleno como o de onte.

20070115

Ribadeo? Natural! Proposta de dous paseos de tempada




Esta tempada hai dous paseos que teñen un atractivo de estaren en sazón, en época apropiada para ser realizados en condicións que posiblemente non se repetirán.
O primeiro comezaría na pista de deportes de Rinlo. Collendo á beira do mar o paseo, percorreríamolo todo ata o seu final, entroncando coa estrada que pasa por diante da antiga cetárea e continúa ata que a degradación do camiño se fai evidente. Alí, podemos atopar lagoas deixadas ó seu albur en plena zona natural pola estupidez humana. Se na primeira parte do camiño podemos pensar na beleza natural e na incidencia nela de paseos costeiros, ás veces positiva e outras negativa, aquí estamos ante unha loita do home contra natura. O fondo da construción dunha piscifactoría lévanos na actualidade á súa paralización, á desfeita da vía común, á formación das lagoas nun lugar de interese natural e tamén á comparecencia que como imputados van ter o día 29 alcalde, secretario e arquitecto do concello de Ribadeo. Non teño idea sobre a súa culpabilidade, o xuíz dictaminará, pero foi o mesmo xuíz quen os imputou, e lembro o comezo da loita contra a piscifactoría en termos como a xente de ADEGA plantándose diante das máquinas ou a daquela recente negativa á recuperación dunha antiga cetárea, abondo máis natural e menos impactante no medio, cando veu Álvarez Castos a promover a piscifactoría e contra todo prognóstico vista a negativa anterior, foi 'positivado' no concello, o alcalde nunha manifestación á beira do promotor, etc. No medio, movemento social, promesas, ... historia de Meirengos, Rinlo e Ribadeo que pode estudarse no futuro nos libros de texto.
O segundo paseo tamén está en sazón: a circunvalación a Ribadeo. É abondo máis longo, pero ten a ventaxe de que ten varias saídas/entradas para poder facelo en veces. Comezariamos por exemplo en Porcillán, collendo o paseo marítimo e entrando no primeiro recheo no pouco espazo que deixa o valado que separa xa parte del para facelo privativo dunha empresa de reparación. Continuariamos á beira da ría e entrariamos en Mirasol polo novo recheo, saíndo polo sur deste porto, por un novo valado que separará esta zona, segregándoa do común ribadense. Ós poucos metros, baixada ó recheo máis vello dos tres, con praia incluída en total deixadez de edificacións, a praia dos bloques. Polo extremo, un carreiro anuncia que por alí pode ir a futura extensión do paseo marítimo. Atravesamos despois o asteleiro, instalación que podería ser recuperada como museo de arqueoloxía industrial. Entramos nel por unha cancela sempre aberta e saímos pola outra beira ben pola cancela, que se abre con facilidade, ben pola súa beira, pola que tamén pasa a xente. E seguimos uns metros ata cruzar a estrada, meténdonos nas obras de acondicionamento e logo na propia circunvalación. Este tramo será cerrado en pouco tempo ós peóns, pero agora pódese desfrutar dun longo paseo ata Vilaframil, coa posibilidade de saírmonos en medio, preto da estrada do monte por un cacho de verxa sen cerrar, máis ou menos por onde se reclama a saída que non se construirá para a carreteira do monte. Así poderemos estudar a xeoloxía nos taludes abertos, os regatos e aguas que corren polas cunetas, a formación das estradas, unha vista sobre Ribadeo preto do alto da 'estrada do monte', etc, chegando á N-634. Podemos seguir ata as obras da nova autovía. Torcendo á dereita nela, seguirémola ata as pistas de Vilaselán, que nos deixarán no cargadoiro, onde colleremos á dereita tendo que atravesar o desprendemento de hai máis dun ano coas vallas alí, sen saber que/como facer para amañalo e preguntándonos non só de quen é o tema, senón co como o farán. E rematar de novo baixando as escaleiras de San Miguel no porto de Porcillán. Este paseo, como digo, ten abondas saídas, e hai que facelo en festivo porque senón as obras de circunvalación e autovía non o fan posible. A dicir que este domingo había abondo movemento pola ruta, incluído algún vehículo, e que ten o atractivo de poder mirar a terra dende lugares fondos ou pola contra, as casas e lugares alí abaixo, dende o alto da vía, o que nos fará preguntármonos por exemplo sobre a interacción do home coa natureza. As fotos, deste último camiño, amosan unha beira, apta para estudar xeoloxía, unha vista parcial e un detalle dunha ponte, a do ferrocarril.

20070114

Novas de Ribadeo


Parece que se calmou xa o tema de conflito PSOE-conclleiro, con victoria neta para o alcalde, pois segundo as últimas declaracións, o concelleiro fará o orzamento (...hai quen di que sería o primeiro) e seguirá ata o final de concelleiro, pero non vai na candidatura, polo que a continuación tampouco será deputado provincial e abandoará a política. E mentras, esas cousas tan importantes que podía revelar non as coñece o pobo, e tampouco se toman represalias contra el ou se leva ó xulgado pola outra parte. Polo tanto, caso pechado (si, con chave, non sinxelamente cerrado)
Quedan pois as pequenas novas do pobo para comentar. As denuncias por caída nas rúas en obras (obras paradas e rúas en uso) nalgún caso despois de falar co alcalde, o mesmo que non lle importa non falar coas asociacóns e que pode que tería evitado o caso de facelo.
Denuncia o tema Duarte, concelleiro da oposición que ó tempo, é martelo do goberno e unha persoa que a base denunciar pequenas cousas, vai conseguindo que lle fagan caso, é dicir, en certo xeito, que o goberno vaia a remolque.
Sae tamén na prensa Fernando, o primeiro tenente de alcalde, anunciando un convenio con innovación para un programa de dinamización dixital nas aprroquias. Non sei como vai ser, e sei que xa hai en varias conexión a internet, do mesmo xeito que houbo en tempos teleclubes, e que realmente estanse a usar. O caso é que deu pé a que me lembrara de Mariano Grueiro, que antes de que comezara o actual mandato xa andaba na procura de apoios para un plan que polo que coñezo coido que houbera dado resultados para que calquera no rural poidera dispoñer de conexión inarámica na propia casa cun custe inferior ó que se leva empregado. En fin, que anos despois, a cousa vai indo adiante pouco a pouco...
A foto, a ausencia dunha placa que notei onte que faltaba á pé da ponte dos Santos. Queda a pedra e as marcas, igual que cando arrincan diverso 'mobiliario urbano' como o que impide aparcar na zona 'semipeonil' (coido que vou perder a conta das veces que arrincaron o mogote situado en pleno cruce Pasarón y Lastra-Viejo Pancho).

20070113

Ditadores sucesivos


Lembro hai anos ter lido a expresión 'polígamos sucesivos' en relación a un concepto que no seu momento eu vin como novo: o feito da existencia do divorcio pemite o emparellamento legal con máis dunha parella, se ben non ó tempo. A parte de que a expresión coido que non é afortunada por exemplo polo feito de que debería incluír a poliandria (ou sexa, o mesmo pero dende o punto de vista das mulleres), a idea quedoume crara. Por eso, a raíz de varias cousas sucedidas en Ribadeo e tamén fóra, coido que se podería cruñar o par 'ditadura sucesiva' para o uso no caso daquel xeito de gobernar que permite a aplicación dunha ditadura por un tempo limitado, que pode ser renovado ou polo contrario, cedido para outra ditadura sucesiva / sucesora da anterior. O sistema non ten por que ser perfecto no sentido político: pode suceder que se deixe unha ditadura e o sucesor non sexa ditador, pero o certo é que cando un sistema político comeza a funcionar dese xeito, tende a profundizar na ditadura en períodos sucesivos. Invertir os procesos políticos pode facerse, pero non é doado. de calquera xeito, despois de ler o blog Vida socio-política en Ribadeo, veume á mente un comentario que deixei noutro post anterior dese blog: "De homes é o poder facer realidade os soños." Pódese facer, pero a pregunta é, farase? Xa o veremos. Intentalo, témolo que facer.
A foto, unha especie de alegoría, na que a torre do Cantón parece como un icono movible por unha grúa. É Ribadeo móbil dun xeito tan sinxelo? Quen manexa os mandos da grúa en tal caso?

20070112

Foros en Ribadeo


Onte daba nota da xuntanza de municipios da España Verde, excelencia turística e demáis en Ribadeo. É unha mágoa que Ribadeo sexa punto de xuntanza da xente de fora e non sexa capaz de selo da súa propia xente. poñamos, Mesa de asociacións de veciños e alcalde. Queda a cousa, despois de diversas diatribas na prensa, en ver a contestación que fará o titular no pleno á pregunta o Tesón de por que di que a Mesa de Asociacións quere ser un goberno paralelo. A estas alturas, é moi probable que tente pasarse a pregunta por certo sitio, como xa ven sendo case tradicional ó non haber posibilidade de réplica in situ. Esperemos quenon sexa así, e conteste á que deixou a medio contestar a volta pasada, a esta e a do peche de Mirasol (si, ese que segundo o alcalde non existe e que se pode ver en fotos)
En fin, onte, dándolle unha volta ó tema das discusions internas no PSOE de Ribadeo cheguei á concljusión de que o alcalde non debe ser tan malo a nivel partido: parece que Santiago non se querella contra el e el tampouco contra Santiago por dicir que se dixera todo o que sabía, o alcalde non estaría no PSOE. É algo raro que non o diga, non debe ser tanta cousa, ou estaría pro riba disciplina de partido/intereses particulares e por abaixo ben públio.
'De agasallo' unha lectura xa vella sobre os foros mundiales, de dous tipos ben diferentes, publicada en A Mariña xa vai tempo.

20070111

Excelencia ou o que pode facer a propaganda

En tempos pasados, podíase dicir que a fe movía montañas. Hoxe o que move montañas é a propaganda. Dende que xente como Goebbles a puxera de moda de xeito tráxico no ámbito político, ten evolucionado moito e ten sido posta ó servicio de diversas causas. É certo que Ribadeo ten condicións naturais para ter turismo. Outra cousa é que as infraestruturas, servizos, limpeza, coidado do medio ambiente, etc. correspondan cunha excelencia turística en troques de que esa excelencia corresponda cun clube que se chama a si mesmo de excelente. Pois ben, parece que é o segundo o que prima, sexa ou non certo o primeiro, pois mentras Ribadeo ten deficiencias de diverso tipo, a excelencia vénlle dada por pertenza a un clube. Eso soa ó fin da antiga aristocracia, onde a excelencia persoal viña (coido que hai que dicir aínda 'ven') da cuna e non da persoa, ou como aquel suposto da mili sobre o valor, 'se le supone' pero aplicado só a parte da xente, cunha desigualdade de partida. Por certo, que segundo o qeu puxen onte no blog, o primeiro prazo dado para remate da circunvalación foi esquecido tamén polo PP.
Pode que por eso da excelencia, para segregala da vila, a ironía (esta volta a mans do PP, non miña) sobre os prazos de remate da autovía vaia netamente separada na web da prensa da nota da xuntanza en Ribadeo dos municipos con excelencia turística. Así non haberá contaminación entre ambas e a vida poderá seguir en ficción o seu camiño separado da realidade, o mesmo que sucede tan a miúdo na política.
Por certo, e falando de politica, pasa algo raro: o cuarto partido previsto e anunciado para as municipais non sae na prensa nin parece ter actividade. A este paso non se presenta ou será como se non se presente, pois deixará que sexan os partidos tradicionais os que ocupen todo o espazo, con razón ou sen ela. E tan pouco movemento teñen en xeral os partidos que o alcalde tenta turrar coas asociacións de veciños para saír nos medios.

20070110

Pessoa e o Ribadeo actual

Mentres en Ribadeo segue con sordina o caso Reinante no PSOE, alcalde, Secretario e arquitecto aparecen como imputados pola licencia a ACUINOR (piscifactoría de Meirengos), incrementando o circo municipal. Por casualidade, entre onte e antonte, en comarcas vellas (primavera 2005), vin cousas como que Gilberto Suárez, citando fontes con mando municipal databa o final da circunvalación para aquel agosto, aínda que tiña as súas dúbidas, ou que o alcalde dicía que o tráfico se regularía por semáforos... vamos, cousas que din os alcaldes por dicir.
Mentres, estiven lendo unha obriña moi curta de Fernando Pessoa recén traducida ó galego descargable en internet en Bivir que noutro momento non me chamaría a atención, pero que na situación de Ribadeo si que ma chamou: 'O banqueiro anarquista'. só 28 páxinas.

20070109

Declaracións do alcalde e vista dos veciños

A medida que se van sabendo cousas, váise fixando un máis. E así aparece claro que a valla posta á beira da nave feita na escollera/antigo recheo, ou a beira do mar pechada por outra verxa alí mismo, empregada para ter en terra embarcacións, eran só o principio. A parte, agora, á beira da lonxa está a facerse unha montaña de escombro, que ten unha superficie na actualidade de uns 5000m2 e unha altura duns 5m. pero é pouco en relación a outra montaña, a que pretende levantar o alcalde coas súas palabras en relación a Mirasol: "O porto non se pechará nin agora nin no futuro". Por eso axusta tamén na presa de hoxe que se está a facer xestións para facerse cos galpóns e facer unha carretera perimetral. Debe de creer que somos idiotas: estánse a construír verxas, pasos de vixiancia, etc, para non usalos... espero ter pronto outras novas en relación ó alcalde, porque o certo é que está a facerse propaganda dun xeito eficiente, non só con cousas como esta, senón co tema do enfrontamento con Santiago, facendo que nin o xefe da oposición nin o seu socio de goberno saian na prensa: ten el ocupados todos os titulares. Por certo, onte vin baixar a Santiago en coche cara o peirao... será para comprobar o dito polo Tesón? Non foi o único, polo que puiden ver, e neste caso, unha imaxe da verxa vale máis que mil palabras contraditorias do alcalde.

20070108

Prolongando a entrada do día de reis

1.'Os muros separan máis que protexen': non sei se de xeito histórico os muros comezaron sendo unha protección ou unha separación, porque a concepción de muro actual coido que non se corresponde coa dos habitantes dos castros, por exemplo, e ou moito me equivoco ou daquela estaban feitos para ganar tempo e previr un ataque (e polo tanto disuadir) máis que para realmente protexer. é certo que separación e protección moitas veces van da man, pero as implicacións para a vida son abondo diferentes. O muro en Mirasol viría (segundo teño entendido) da querencia de poder comerciar con terceiros países fora da UE, en liña coas imposicións USA a raíz do 11S. Logo, algo que ven da UE, e non sei ata que punto se pode evitar se se quere facer ese comercio. O caso é que o paseo continuado do que se falaba non hai moito na casa do concello polo momento queda en entredito, a parte da comunicaicón dunha boa zona de Ribadeo coa Veiga (un exemplo, para chegar da Veiga a Pasarón y Lastra, habería que dar a volta pola rúa Vilalba ou chegar ó parque e baixar ó peirao para voltar a subir, e esto no suposto que a cousa non siga adiante co Porcillán como ten comentado no post anterior José Mª). Non fago o balance de beneficiados e perxudicados, quédome coa perda de liberdade e privatización.
2.As barras: antes eran rexa, os tempos cambian e temos unha separación cunha estética máis cos tempos que corren, pero separación ó fin, que implica unha segregación, neste caso, de terreo e liberdade da xente de Ribadeo. Por certo, as verxas entendo que as pagamos todos para beneficio de algúns.
3.'A explotación non procede da presencia de capitalistas privados, senón en xeral da división (...) entre os que deciden todo e os que non fan máis que obedecer'. A palabra explotación é desas típicas que varía de significado dun xeito adaptativo: falamos de explotación de recursos naturais como proveito para humanidade e de explotación de man de obra cautiva (escravismo) con sentido moi diferente. Neste caso está clara a referencia á explotación do home polo home, logo algo contra os dereitos humanos, e tamén a causa da mesma: a división interesada do traballo, con xente que fai de decisor e outra que acepta o decidido. Non vou profundizar agora aquí sobre acracia e anarquismo, pero está claro que se aceptamos que todos nacemos libres e cos mesmos dereitos de aprtida, non os debemos deixar perder cando hai xente que nos ningunea, versión moderna da falta de dereitos dos escravos. Nembargantes, dende antigo, foi necesaria unha loita e unha presión contínua para facer valer a igualdade na liberdade, algo que algúns botamos de menos no día a día actual, e non só en Ribadeo. Teño dito máis dunha volta no blog que o que non se practica pérdese, e se non practicamos o decidir en conxunto sobre o noso futuro, xa sabemos que queda.
4.Algo que non puxen onte de xeito separado foi que o primar cousas como a privatización implica o primar ó individuo e polo tanto, tender a resquebraxar as redes sociais e a xustificar de calquera xeito os dereitos particulares por riba da lei. Entre outras cousas, eso implica máis dereito para quen o poda pagar, e menos para quen non poda facer valer o seu propio dereito.
En fin, catro puntos moi diferentes a pensar, a partir dunha soa liña conductora basada en que somos iguais e as diferencias son anecdóticas, pero as anécdotas aspiran a deixar de selo.

20070107

Privatizator, barras sen estrelas en Ribadeo




Privatizator (ler 'privatizéitor'): Neoloxismo. Individuo ou entidade adicada á privatización. Traducible ó galego e ó castelán por 'privatizador/privatizadora'.
Como ilustración, as fotos acompañadas dunha cita, 'Os muros separan máis que protexen' (Thierry Paquot, 'Los muros del miedo', Le Monde Diplomatique, ed. española,) e dun post anterior, 'Privatizando Ribadeo'
Ó fin, os reis magos si que parece que trouxeron algo: as barras. Faltan as estrelas para unha célebre bandeira, pero o telescopio segue baixo chave municipal, incumprindo convenio, polo que de momento non haberá estrelas acompañando ás barras que xa están: peche sen posibilidade de acadar o ceo.
As fotos amosan a división que se está a levantar en Mirasol, dende dentro, e mirando Castropol entre barrotes.
Remato con outra cita do mesmo medio: 'a explotación non procede da presencia de capitalistas privados, senón en xeral da división (...) entre os que deciden todo e os que non fan máis que obedecer'. Esta cita merece unha entrada a parte, e espero que a teña, pero estamos en Reis... vai de agasallo para pensar, por exemplo a relación entre privatización e explotación, ou se realmente non é privatización o que se está a facer en Mirasol, ou o caso que se fai por parte do alcalde á Mesa de asociacións... (xa dixen que necesitaría outro post máis)

20070106

Reis Magos en Ribadeo

Non se sabe moi ben se os Reis Magos pasaron por Ribadeo: os agasallos que aparecen hoxe na prensa, de desunión e trepa partidista/partidario, desprezo de opinións veciñais e máis sobre o urbanismo a nivel comarca parecen máis do diaño que de Reis Magos.

20070105

Un artigo de F.Campos sobre urbanismo e Ribadeo (2ª de hoxe)

Hoxe vin un artigo na prensa, pouco despois ó autor, e díxenlle de publicalo no blog... aquí está, publicado hoxe na Mariña,e visible clicando sobre el. Visto no propio ordenador, descargado, pódese poñer a un tamaño doble do orixinal sen perda. é diferente ó que soe aparecer polo blog.

Como aquí, nin en Viena / Aquí como en Viena



51 músicos máis o director, (5 frautas, 1 oboe, 13 clarinetes, 10 saxo, 1 bombardino, 3 trombóns de varas, 6 trompas, 3 trompetas, 2 tubas, 7 percusionistas; deles, 8 profesores da EMMeDHN e 5 apoios) oficiaron un concerto que comezou hai anos, como di o díptico adxunto. Houbo sitios libres no auditorio, o que actuando a banda paréceme incomprensible. No programa non aparece a Marcha Radetzky, que foi o final, nin por suposto o bis, (que non foi bis, senón agasallo) 'O derradeiro vals (the Last Waltz'. Tampouco aparece que houbo solos.
Teño que citar o desasosego polas súbitas columnas de auga en plan maremoto que sentín polo medio das suaves ondas do Danubio, todo o máis cortadas outras veces polas rompentes formadas no avance das gabarras polo río. Algo parello do que me pasou ó sentir, despois de dous valses, Pompa e circunstancia, para voltar á marcha Radetzky e outro vals. Respecto á execución, despois de terlle botado unha ollada a 'Contra a interpretación' ('Against interpretation', Susan Sontag), non me atrevo a facer máis que un comentario laudatorio xeral. Os nosos músicos seguen a facer a nosa cultura.

20070104

Toca tocar (... e aproveitar para escoitar)

Hoxe, ás 20:30, no Hernán Naval de Ribadeo toca a banda. Será unha oportunidade para comezar o ano cun vals mexicano. E aínda que parece que non se van materializar tódalas sorpresas que estaban preparadas, xa sona así só algo sorprendente: un agasallo de reis para o público ribadense.
Cambiando de tercio, a vivenda é un dereito, non un negocio. É uha frase que leín xa hai cousa dun mes nun periódico nacional, en relación ó tema da vivenda. Dereito que en España non se remata de materializar, negocio que por aquí se ve asomar en cada esquina. Respecto a este negocio, onte chegaron dúas informacións ben diferentes: a máis pŕoxima, dun pleno en Tapia sobre a edificación de unha macrourbanización, na que parece que se amosou máis cara que espalda por parte dalgúns que falaron, e que parece que leva camiño de non frearse, preto do campo de golf, claro. A segunda, abondo máis lonxe, da esperanza para o futuro aquí: en Francia preténdese que unha lei adicada ó tema de saída ó dereito á vivenda, que alí como aquí, é constitucional.
E unha cita, no que sería outro tercio diferente (se conservo a división antedita): 'Velaeiquí a situación dos centros de ensino públicos: canto máis lonxe esteñas da aula, maiores son as remuneracións económicas e profesionais.' Sae en "El profesor", de Frank McCourt, e eu estenderíao en xeral a todo o ensino, tamén o privado, e a nivel mundial, non só norteamericano...

20070103

Blu:sens

Onte entereime que blu:sens, a principal marca de mp3 de venta es España e coñecida por acalquera que vaia a comprar un aparello semellante na península, a primeira con diferencia por numero de unidades vendidas, é galega, non estranxeira. E está a sacar novos produtos antes que a competencia. É dicir, fabrica en China, pero xa non está soa a empresa de antenas parabólicas como alta tecnoloxía. Aí está este caso e outros menos visibles por cantidade de negocio, pero con desenvolvemento tecnolóxico maior, tentando saír do monomultivo da terra. Eso contrasta coa queima de zapatos españois en China, no que parece unha promoción china dos seus produtos no seu propio mercado: queimaron uns cantos pares de zapatos caros e retransmitíronno por televisión alegando 'falta de calidade'. Lembrarase alguén de que o mesmo ano pasado foron queimados almacéns de produtos chinos en España? O capitalismo, por desgraza, é así, por eso hai que tentar cambiar.
Tan así, e tan necesario é o cambio, como que son verdade as viaxes de promoción urbanística que se organizan dende Madrid para a venta de vivendas na nosa zona, nunha especie de pescadilla que se morde a cola: compra terreos, constrúe, vende, emprega os cartos en realimentación para ganar máis, ... E eso, despois do 'parón' que está a defender a Xunta a través dos PXOM (polo menos, nalgúns concellos).
Por eso, para protexer e con outra mentalidade, volteime a lembrar, agora a principios do ano, dunha proposta que fixera xa no blog aló por setembro: a celebración dun "día da ría de Ribadeo" para tentar promover o seu mantemento. Pois ben, una volta mirada a táboa de mareas, o día de marea máis viva en setembro sería o 28, e a fin de semana con mareas máis fortes no mes, o correspondente a sábado 29 e domingo 30. Pois agora 'só' faltaría impulsar actividades. Haberá que poñerse a elo, a ría o agradecerá.

20070102

Quen perde de a noite,perde o día





O dito non aclara que pasa coa xente á que lle fan perder a noite e a mañá seguinte. Polo sistema de proporcionalidade, non se recuperarían ata que pasaran dous días. E eso foi o que me pasou a min entre a noite e a mañá de onte, co que saldarei contas a finais do día de hoxe... outra xente fará o mesmo, ou aínda máis, pero por voluntade propia.
Hoxe van catro fotos de Ribadeo ben diferentes: a primeira, unha especie de curiosa contradición illa o cartel de 'refuxio de fauna' máis aló do valado, á beira do cacho desprendido que xa tivo o seu cabodano, con lixo preto e cunha ría cada volta máis agredida. O segundo, a parafernalia para por fin coidar do mirador do cargadoiro (última pintada xeral, cando se fixo...). As outras dúas son do mexadoiro público que parece haber en Pasarón y Lastra, onde se ve o regueiro de mexo que baixa e unha parte do mexaoidro co regueiro. Esta, sen máis comentario, que xa é abondo ilustrativa.

20070101

Calendario 2007


... Non serve só para Ribadeo, pero é un produto típido: o calendario da banda.

Dende Ribadeo, 2007

Coa pretensión inicial de poñer só unhas letras de comezos de ano, dou unha información pouco novedosa. Chove, pero a choiva intermitente non impide que establecementos que tiñan que estar pechados ás 3:30 sigan en plena efervescencia dúa horas despois (caso Alén ou Recuncho), o mesmo que os que tiñan que estar sen música ás 4:30 a teñan coas portas abertas de par en par (caso Pasillo) e así sucesivamente, a saber ata que hora. Ou sexa que, bo ano novo... Por certo, o fin de ano / ano novo é algo artifical: non só é un momento diferente en diferentes calendarios ou culturas, senón que sinxelamente non corresponde máis que a unha convención: a noite do ano máis próxima a unha certa posición estelar... que se define cun método inexacto en calquera calendario actual pola razón de que ese período anual non é divisible de xeito exacto en días (que ademáis están cambiando de tamaño e non duran o mesmo que a principios do século pasado...).
Ou sexa que, a comezos do novo ciclo / novo ano seguimos o mesmo que estabamos vintecatro horas antes: contemplando a foto da felicitación do alcalde (que puxen no post anterior) como algo que vai variar prontamente sen saber moi ben como, pero seguindo de xeito aproximado un plan que debe / debeu estar exposto no concello co fin de que todo ribadense o vira... ou se se quere, vendo avanzar a verxa que expropia o porto ós ribadenses. Feliz ano novo!