Amosando publicacións coa etiqueta Xosé Carlos Rodríguez Rañón. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Xosé Carlos Rodríguez Rañón. Amosar todas as publicacións

20250223

A MENOS “LIKES”, MENOS EUROS. Xosé Carlos Rodríguez Rañón

 


A MENOS “LIKES”, MENOS EUROS

Xosé Carlos Rodríguez Rañón

    E tamén menos ego(s). Segundo varios estudos, o 80% dos usuarios de aplicacións de citas como Tinder (as axencias matrimoniais do século XXI) están decepcionados e aburridos delas, o que implica máis caídas en bolsa, máis perdas, menos ingresos, menos beneficios, menos publicidade, menos patrocinadores e menos clientela.

    As expectativas ás veces non se cumpren e chegan despois as frustracións, tanto se se procura sexo só como acompañado de amor. Asemade, a mocidade non está disposta a pagar por andar a facer as beiras polas redes sociais. Xa o fan de balde en Instagram.

    Polo visto, o público masculino interésase máis polas relacións sexuais e o feminino polos aspectos afectivos. Nada moi diferente da vida real, probabelmente. Tamén hai algúns incautos que andan á procura de amizades especiais e, como moito, atopan persoas coas que compartir unha copa e pouco máis. Aínda así, non convén desmoralizar porque sen soños, sen anceios o ser humano sería aínda máis mortal.

    A novidade e o efecto sorpresa logo desaparecen, os patróns de conduta repítense en bucle, a orixinalidade escasea e o algoritmo non dá unha ao xeito porque o que quere non é que un atope a súa media laranxa ou medio limón, mais que fique enganchado aos “likes” tanto como ás súas paixóns. Esa é a cara B deste tipo de tentacións.

    As citas rematan por se converteren nun casting ou nunha voráxine de candidatos á darwiniana selección natural das especies, esperando sempre atopar alguén mellor que sexa digno do noso merecemento e da nosa valoración, mais a realidade é teimuda e, moitas veces, un remata por aceptar un simple premio de consolación.

    E aparece finalmente o sentimento de cousificación nun mundo interconectado e, pola contra, tamén hiperillado no que nunca tantos solteiros houbo por kilómetro cadrado.

20250209

A CASA DO SOL.Xosé Carlos Rodríguez Rañón

 

A Casa do Sol como dispensario antituberculoso. Foto no D.P. collida de Commons

A CASA DO SOL

Xosé Carlos Rodríguez Rañón

    Así se chamou, desde a súa inauguración, a actual Oficina de Turismo da Coruña que vén de cumprir 118 anos ao pé do Orzán. Comezou funcionando como dispensario para os doentes de tuberculose en 1906, o mesmo ano no que na cidade nacía a Real Academia Galega, o Deportivo e Estrella Galicia. O seu autor foi Pedro Mariño, o mesmo arquitecto que deseñou o pazo municipal de María Pita só cinco anos antes.

    Aínda que de reducidas dimensións (contaba só con nove cuartos), foi de grande utilidade ante o andazo tuberculoso que sufría a cidade, xa que a atención sanitaria que nela se daba era de balde para a cidadanía con menos recursos. A súa construción foi posíbel grazas á contribución altruista da veciñanza, exemplo que se reproduciu despois noutras localidades como en Vigo, no antigo sanatorio de Oza-Cesuras (recentemente rehabilitado) ou en Ferrol. Se non lembro mal, desde hai xa uns anos, mesmo creo que está pintada coas mesmas cores (branca, azul e tella) que a Casa da Cultura de Foz.

    Gardo na memoria unha vivencia persoal, non precisamente memorábel, acontecida a carón dese lugar. Era unha tarde dominical solleira e outoniza típica desa época do ano na Galiza. Saía dun moderno restaurante que había soamente a uns cantos pasos. A praia do Orzán estaba baleira, silandeira e en calma chicha. Quen me acompañaba ollaba de fronte o mar un chisco abaneante como unha ondulante e lixeira seda e eu, de costas aos dous, observaba o máis que discutíbel, esteticamente falando, “sky-line” da cidade. Sempre me interesaron máis as obras humanas que as da natureza. Cada un de nós os dous falou do que estaba a ver. Se dúas persoas non miran xuntas unha mesma cousa na mesma dirección, malo. Foi precisamente esa posición daquel día toda unha declaración de intencións do que nos acontecería só algúns meses despois.

20250126

ANXIÑOS BEBÉS. Xosé Carlos Rodríguez Rañón

 


ANXIÑOS BEBÉS

Xosé Carlos Rodríguez Rañón

    Aínda que a tradución literal de Sonny Angels sería a de “Filliños anxos”, coido que a palabra bebé lles é máis acaída. Están causando furor entre a rapazada e xa comeza a escasear a oferta polo exceso de demanda. Os bazares chineses e as plataformas on line véndenos a prezos reducidos (entre 3 e 4 euros) e a esgalla, sendo bastante parecidos, por certo, aos orixinais, cuxo valor é duns 15 euros como mínimo.

    Trátase de bonequiños espidos con diminutas ás de anxo e toucados de animais, froitas ou verduras a xeito de gorros. Son adhesivos e pódense pegar nos móbiles, nos ordenadores, nas tabletas, nunha estantería, no espello retrovisor do coche ou onde a un lle pete. O factor sorpresa é importante porque non se sabe que modelo vai tocar antes de proceder a abrir a caixa que os contén. De feito, en Tik Tok e en Instagram arrasa o seu desempaquetado para ver, ao final, cal é o tipo de boneco que vén no seu interior. De aí que moitos adolescentes se lancen ansiosos á súa procura como hai uns anos ían cazando desesperados Pokemons polas rúas, como se se tratase do primeiro día das rebaixas ou como se se producira a saída ao mercado do último modelo de teléfono móbil. Mesmo moitos famosos foron seducidos por eles, como é o caso da cantante Rosalía ou de Victoria Beckham, quen os amosan nas súas redes sociais a milleiros de seareiros desexosos de as poder imitar e pregando por que lles toquen en sorte os mesmos bonequiños en cuestión que a elas. Así é como se crea agora tendencia.

    A min unha alumna agasalloume (non sei aínda moi ben o porqué) con un deles. Eu descoñecía a súa existencia e, cando mo entregou, non sabía moi ben que facer con el nin onde colocalo. Tocoume o que leva na cabeza unha berenxena e decidín pegalo a unha maceta como se estivese a axexar entre as follas da planta no medio da selva.

20250112

BEMPOSTA MOZA. Xosé Carlos Rodríguez Rañón

 

Captura de pantalla en OpensStreetMap da zona de Bemposta, Ourense

BEMPOSTA MOZA

Xosé Carlos Rodríguez Rañón

    Vén de se estrear hai unhas semanas unha docuserie de cinco episodios con entrevistas inéditas sobre “La ciudad de los muchachos”, guionizada polo lugués Pepe Coira e dirixida por Elías León Siminiani, documentalista e gañador dun premio Goya. Como a realidade sempre supera a ficción (irmá pequena de aquela), con certeza que do maxín de Coira non podería ter xurdido unha historia tan rocambolesca como esta.

    O proxecto educativo para rapaces problemáticos, sen recursos ou con situacións familiares difíciles, ubicado en Bemposta (moi perto de Ourense) desde 1956 foi idea dun crego dos que daquela denominaban progre ou “roxo”, o Padre Silva (Jesús Silva), quen se baseou nunha iniciativa hindú parecida nos Estados Unidos. O devandito proxecto consistía nunha comunidade autoxestionada democraticamente pola propia rapazada e mesmo con moeda, pasaporte e alfándega de seu, como se fose “A república independente da miña casa”, lema dunha coñecida multinacional do moble. Como actividade complementaria de integración, tamén creou “El circo de los muchachos” que actuou por todo o mundo e tivo a Picasso, Dalí ou Alain Delon entre o seu público.

    Unha serie de leas internas e externas, así como unha espiral autodestrutiva de acontecementos non completamente esclarexados provocaron o devalo desta especie de comuna cristiá que, trece anos despois do pasamento do seu fundador, aínda sobrevive agónica e testemuñalmente para un reducido número de antigos “muchachos” xa case agora anciáns xubilados. O achado casual de certo material fílmico da década de 1970 (que ficou abraiante e misteriosamente agochado até hoxe) é outra das novidades máis rechamantes e desacougantes deste traballo cinematográfico. Se cadra, trátase dunha milagre do propio Padre Silva xa finado. De aí a facéreno beato só hai un paso.

20250105

VITORIAS. Xosé Carlos Rodríguez Rañón

 

Fotografía extraída do libro "Historia Argentina" (1971). No Dominio público

VITORIAS

Xosé Carlos Rodríguez Rañón

    Victoria Ocampo herdou tres fortunas e con elas obtivo tres vitorias: a monetaria, a da beleza e a da súa intelixencia. Con talento púxoas ao servizo dos demais e das letras, converténdose nunha activista de todas as causas gañadas ou perdidas. Puido ter unha vida tranquila gozando do seu diñeiro e do seu don de xentes, mais decidiu vivir doutro xeito diferente máis arriquecedor para ela e comprometerse.

    Autora dunha extensa obra literaria propia (os seus textos autobiográficos son todo un fito na literatura memorialística), destacou tamén como mecenas. Só polo feito de ter fundado a revista Sur (a máis importante en lingua castelá de Hispanoamérica) xa merecería un posto no Olimpo da alta cultura.

    A súa irmá Silvina era a esposa do escritor Bioy Casares e pola súa mediación coñeceu a Borges, a quen promocionou tras descubrir nel un talento literario sobrecolledor. Foi tamén protectora e impulsora de Tagore, Virginia Woolf, Igor Stravinski ou André Malraux. Feminista convencida, sempre quixo ser unha muller independente e adicou boa parte dos seus cartos a mercar esa radical independencia.

    Foi coñecida e recoñecida pola súa defensa dos dereitos civís (non só das minorías), do sufraxio feminino e do amor libre. Moderna antes da modernidade, politicamente sempre foi antiperonista e artisticamente sempre estivo a carón de todas as vangardas. Sobre o oficio de escribir dicía que “un texto muy trabajado muere” e que “el pudor es el principal enemigo de la literatura (y de la mujer)”, máximas que puxo en práctica na súa escrita autobiográfica na que “no tuvo pelos en la lengua ni en la pluma”.

    Como xornalista, foi a única hispanoamericana presente nos xuízos de Nuremberg contra os crimes de lesa humanidade do nazismo despois da II guerra mundial. No eido sentimental, practicou o amor libre e libertino (que hoxe denominaríamos poliamor) e tivo infinidade de amantes, entre eles o escritor francés Pierre Drieu de la Rochelle. Quen lle fixo as beiras sen moito éxito parece ser que foi Ortega y Gasset. Resentido chamouna “india con flechas”. Vese que non eran precisamente as de Cupido.

20241222

.GAL Xosé Carlos Rodríguez Rañón

 

Poñendo música ó .gal. Foto de wikimedia commons, lic. CC BY SA 3.0 por Antón López Bazarra

.GAL

Xosé Carlos Rodríguez Rañón

    O enderezo de correo electrónico .gal vén de cumprir unha década con xa máis de sete mil dominios asociados. Aínda que principiou en 2006, non botou a andar de xeito oficial até 2014. Aínda lembro canta ilusión me fixo, hai uns anos, a primeira vez que o puiden empregar no meu correo corporativo laboral! O “punto gal” puxo á Galiza no vasto mapa das redes sociais e amosou un sentimento de pertenza nos negocios que é unha das mellores maneiras de facer país ademais de, lexitimamente, tamén cartos. Disque o capital non ten patria. Eu creo que vaia se a ten, abofé! Que llelo digan ás grandes corporacións multinacionais. O que non ten é, en todo caso, fronteiras.

    Na idea primixenia traballaron arreo, e de forma altruista, moitas persoas a título individual e un bo feixe de diversos colectivos sociais. A tarefa non foi doada, mais pagou a pena. Houbo que competir con outros dominios na internet máis consolidados e antigos (.org .com .es), mais as institucións públicas galegas e, despois, diferentes particulares e empresas foron dándolle o seu pulo. Fundamental foi tamén a implicación do mundo cultural, como no caso do apoio a esta xeira da Real Academia Galega, das universidades, do Museo do Pobo Galego e dun longo e ventureiro etcétera.

    Para os seus creadores, promotores e divulgadores, o seguinte obxectivo estratéxico para os vindeiros anos é continuar medrando sen descanso no tecido empresarial de todos os tamaños e na administración local, xa que aínda hai uns cen concellos que non usan o .gal no seu mail oficial. Polo de agora, e para celebrar o seu décimo aniversario, mudarase a imaxe da marca e o seu logotipo. Asemade, a poeta, trobadora e xograresa Lucía Aldao pónlle música e versos á efemérides en Pontevedra dentro das actividades do Culturgal, o meirande festival da cultura galega actual.

20241124

Crepitantes. Xosé Carlos Rodríguez Rañón

 

“CREPITANTES”

Xosé Carlos Rodríguez Rañón

    Este benintencionado proxecto experimental principiou hai xa sete anos por iniciativa da polifacética artista viguesa Elisa González García cando contaba con só 26 anos. A súa intención era plasmar plasticamente as súas experiencias persoais (para lembrar ou esquecer, que de todo houbo) coa fibrose quística, unha doenza dexenerativa e incurábel que afecta especialmente os pulmóns e que sofre desde que era ben cativa.

    Hoxe, grazas a internet e ás redes sociais e nomeadamente ao seu perfil en Instagram @crepitantes, milleiros de persoas do mundo enteiro comparten os seus medos e as súas esperanzas, os seus bos momentos e as súas desgrazas. O nome escolleito ten que ver co característico ruido que fan os pulmóns lesionados, semellante ao crepitar do lume, ao despegar un velcro, ao de inxerir un grolo ou ao de remexer o xeo.

    Así, a incómoda mucosidade típica da súa sintomatoloxía rematou convertida nunha graciosa ilustración colorista dunha tenra criatura de ficción con vida propia chea de amabilidade e de sentido do humor para humanizar a xeito de (auto)terapia a evolución das súas diferentes fases, moitas veces difíciles de aturar e narrar. Esta idea estivo baseada na doutros doentes doutras graves patoloxías que tamén quixeron facer partícipes os demais do que lles acontecía como foi o caso de Pepe Espaliu e Félix González Torres coa sida ou de Josune Urrutia e Miguel Gallardo co cancro.

    En 2021, a propia Elisa explicou no Congreso dos Deputados as urxentes e custosas necesidades sanitarias dos afectados, moitas veces orfos de coidados polo desleixo do sistema de saúde ou polo desmoralizante procedemento burocrático. Recentemente, todo este seu inxente e singular traballo foi premiado pola fundación María José Jove como exemplo de compromiso, loita, resiliencia e valentía dos implicados.

20241110

OS VIEIROS DE ASOREY. Xosé Carlos Rodríguez Rañón

 

Francisco Asorey no 1914 (imaxe no D.P., collida de Wikimedia Commons)

“OS VIEIROS DE ASOREY

Xosé Carlos Rodríguez Rañón

    Así se chama a exposición ao aire libre (formada por paneis de grande formato con textos de Felipe Senén e fotos de Xurxo Lobato) que desde hai unhas semanas está en Compostela (ou Compospétrea, como a denominou a ribadense Alba López nun poema), ao pé do xigantesco monumento a San Francisco que el mesmo realizou en 1930. Outro dos seus traballos na cidade (que neste caso pasa máis desapercibido) é o espectacular chamador de bronce na porta do pazo de Vaamonde da rúa do Vilar.

    Asorey naceu na nobre parroquia cambadesa de Fefiñáns en 1889 e finou na propia cidade de Santiago en 1961. Formouse na escola de artes e oficios de Barcelona e logo resisidiu en Bilbao e en Madrid, onde compartiu vivenda co pintor andaluz Julio Romero de Torres. En 1918 afincouse na capital da Galiza ao gañar a praza de escultor de anatomía na faculdade de medicina, instalando o seu obradoiro particular na Caramoniña, perto de San Domingos de Bonaval. En 1940 ingresaría na Academia das Belas Artes de San Fernando. Só no país, dise que hai un milleiro de obras do artista.

    Se eu tivera que destacar algunhas, serían as tallas en madeira da Santiña e da Naiciña, que nunca podo observar sen sentir un arrepío entre estético, nostálxico e case divino.

    A casualidade quixo que tamén haxa unha mostra sobre o magnífico fotógrafo compostelán Ksado na Casa do Cabido. De feito, Asorey inspirouse en varias das súas instantáneas para a creación de diferentes esculturas. Esa é a grandeza dos creadores e das artes: saber o que poden dar de si cando se mesturan.

20241029

SUPER MAN. Xosé Carlos Rodríguez Rañón

 

C. Reeve (lic. CCBYSA 3.0)

SUPER MAN

Xosé Carlos Rodríguez Rañón

    Así se titula (escrito separado) o documental recén estreado sobre a vida de Christopher Reeve, o actor que primeiro interpretou na grande pantalla a este superheroe, nado como banda deseñada en 1938. O seu punto de inflexión produciuse en 1995 cando unha caída de cabalo o deixou tetrapléxico. Estivo a un só centímetro ou de conservar a mobilidade ou da morte. O que é ter mala sorte! Cousas do azar, aprendera a cabalgar na rodaxe dunha adaptación televisiva de Anna Karenina e no seu último filme antes da caída interpretara a un policía paralítico. Pola contra, o seu estado físico non lle impediu dirixir dúas longametraxes. Finou en 2004, pouco meses antes de que o fixera a súa segunda esposa de cancro.

    A súa filla Alexandra lembra (xunto con amigos da profesión como Robin Williams, Glen Close ou Susan Sarandon) a dura vida privada e profesional do seu pai, marcada polo divorcio dos seus proxenitores cando el era un rapaz e, xa de adulto, pola separación da súa primeira dona.

    Antes da fama, interpretaba pequenas obras teatrais en Broadway. Crítico con certa superficialidade do mundo do cinema, dicía que “a fama era un tren que pasaba unha soa vez na vida, mais por enriba dun” e que Hollywood padecía de “seculite”, o andazo das secuelas. Activista ecoloxista e dos dereitos humanos, creou unha fundación adicada tamén ao coidado de doentes no seu mesmo estado.

20240929

EMOJIS MUTANTES. Xosé Carlos Rodríguez Rañón

Composición a partir dunha captura de pantalla de www.emojitranslate.com

 

EMOJIS MUTANTES

Xosé Carlos Rodríguez Rañón

    O día 17 de xullo celébrase o día mundial do emoji, agora que hai días mundiais para todo. A súa orixe é xaponesa e nela “e” significa debuxo e “moji” signo, carácter ou personalidade. O termo emoji foi escolleito palabra do ano no 2019 por facilitar a comunicación non verbal para matizala, completala, suavizala ou enfatizala. Os seus antecesores na década de 1980 foron as emoticonas, creadas a partir dos signos de puntuación. Así, un sorriso representábase :), a tristura :(, unha chiscadela de ollo cómplice ;-) etc. Na década seguinte fixeron a súa aparición os emojis propiamente ditos para definir obxectos cotiáns (en sentido real ou figurado, como é o caso das froitas asociadas a significados sexuais) e sobre todo sensacións e emocións. O máis empregado de todos eles é sen dúbida a cara con bágoas de escachar a rir.

    Houbo varias campañas de usuarios a prol de engadir outros novos e para que os xa existentes foran máis polisémicos, inclusivos e adaptábeis ás características de cada país ou cultura. Ás veces algún deles leva a confusións ou a interpretacións erradas. Para iso mesmo existe unha web de consulta (www.emojitranslate.com), un verdadeiro dicionario de dúbidas desta linguaxe gráfica tan universal como os sinais de tráfico ou os códigos marítimos. A actualidade tamén exerce os seus condicionamentos sobre eles como sobre calquera outro sistema de comunicación. Así, a pandemia da Covid-19 deulle protagonismo ao pictograma da xeringa como símbolo da recén descuberta vacina.

    A auxe dos memes (elementos satíricos estáticos) e dos stickers (elementos satíricos en movemento, é dicir, animados) entre os membros da xeración Z (alcumados tamén centennials) obrigou á actualización dos emojis, dado que xa os ven un chisco anticuados e típicos de xeracións anteriores como a Y (ou milennial) e a X (ou da crise do petróleo de 1973, aproximadamente). A actual xeración, a Alfa, naceu con eles. Tanto é así que, por exemplo, a filla de 5 anos dunha amiga miña xa mos manda por whatsapp perfectamente combinados (como un xeroglífico exipcio) para que eu poida interpretar perfectamente o seu significado.

20240908

ESTILO MONDRA. Xosé Carlos Rodríguez Rañón

 

Captura da ficha de Mondra no seu artigo de Galipedia. Lic. CC BY SA 4.0

ESTILO MONDRA

Xosé Carlos Rodríguez Rañón

    O teense nado co século XXI Martín Mondragón (de alcume artístico Mondra) xa ten un estilo de seu dentro da actual música electrónica, categoría na que gañou non hai moito o premio que casualmente leva o seu nome (e tamén o dun troveiro medieval e o dun viño branco albariño): o Martín Códax. Malia a súa sona, o cantante non se esquece do seu Teo natal, ao que constantemente honra. Declarou que o lugar preferido do seu concello é o Monte da Agrela, espazo para el feiticeiro polo que o escolleu como localización do seu recente videoclip “Punhetas”.

    Define a súa música e as súas composicións como modernas mais artesanais (tanto nas melodías como nas letras), na liña das Tanxugueiras, das Fillas de Cassandra, de Berto (o seu actual produtor) ou do mariñán Ortiga, música de raíz en galego cun aquel de acústica contemporánea nunha mestura que xa iniciou hai uns anos o polifacético Rodrigo Cuevas en lingua asturiana con incursións na galega.

    O seu primeiro disco foi o ano pasado e con el xa puido vivir exclusivamente da música, algo inaudito no panorama musical español cantando nunha lingua que non sexa o castelán. Abofé que ten un futuro artístico do máis prometedor o bo do rapaz!

20240728

“LA COCINA SENTIMENTAL”. Xosé Carlos Rodríguez Rañón

 

“LA COCINA SENTIMENTAL”

Caixa de datos na súa entrada na Galipedia

Xosé Carlos Rodríguez Rañón

Así se titula a obra inédita de María Victoria Fernández España (que asinaba como Victoria Armesto, collendo o apelido do seu marido), política e xornalista galega que fundou, xunto co seu esposo, a granxa Casa Grande de Xanceda, e que sae agora do prelo aos 25 anos do seu pasamento, segundo informa unha das súas netas.

O volumen está composto por tres cadernos ou partes ben diferenciadas: uns apuntamentos persoais saídos do seu arquivo depositado na fundación Barrié de la Maza, unha serie de receitas culinarias e un feixe de artigos relacionados coas sensacións que produce a cociña. A miúdo, os alimentos asócianse a vivencias propias, como os amores mozos cun luso degustando un bacallau á portuguesa.

O libro foi escrito en varias épocas, tanto en España como cando residiu en Alemaña. Moitos destes breves artigos estaban escritos en tickets ou en panos de mesa de papel. A idea inspirou ao restaurante Eclectic da coruñesa e céntrica rúa de Santo André para preparar pratos e menús baseados nos que María Victoria deixou por escrito, un fermoso e saboroso xeito de homenaxeala, tanto a ela como á cociña galega.

20240707

INTELIXENCIA ARTIFICIAL HUMANIZADA. Xosé Carlos Rodríguez Rañón

Imaxe no D. P.
 

INTELIXENCIA ARTIFICIAL HUMANIZADA

Xosé Carlos Rodríguez Rañón

    A intelixencia artificial xa soluciona máis ben que mal moitos problemas da nosa vida cotiá. Podería chegar a resolver tamén os estritamente persoais? Se cadra, co tempo si, e esta intelixencia logre expresar algún tipo de “sentimento”, semellante ao que manifestan moitas especies animais, por non falar das mascotas, ás veces humanizadas de máis. Para que pase por humano, quizais algúns xa non o vexamos. Este sentir, en principio, non sería nin bo nin malo. Depende do tipo de sentimento, como nos propios seres humanos. Outro tema é o da súa autonomía, independente da vontade humana que, por agora, a controla ou os seus usos, que terán que estar regulados dalgún xeito legalmente, non vaia ser que leve por diante toda a Humanidade sen necesidade dunha terceira guerra mundial.

    Tamén hai quen di que pode mediar en conflitos interpersoais, como fan xa moitos psicólogos ou avogados, intentando comprender o outro, empatizando co seu punto de vista aínda non compartíndoo e prestándolle atención activamente para atopar unha solución de consenso. O problema é que, ao contarlle o caso á IA, o fagamos de tal xeito que esta nos resposte co que nós queremos escoitar.

    Outro dos seus usos sería o de facer compaña a tantas persoas ás que lles (fai) falta e que saben que a soidade, paseniñamente, mata.

20240616

A orixe da música disco. Xosé Carlos Rodríguez Rañón

De Sarah from Brizzzzzle, UK - Disco ball in blueUploaded by TheCuriousGnome, CC BY 2.0, https://commons.wikimedia.org/w/index.php?curid=9559025
 

A ORIXE DA MÚSICA DISCO

Xosé Carlos Rodríguez Rañón

    Adóitase atribuír ao filme “Febre do sábado noite” de 1977. Era un estilo musical subterráneo, nacido no barrio marxinal neoiorquino do Bronx e que fuxía da contracultura hippy da década anterior. Non procuraba o compromiso social nin a protesta. Só lle interesaba a simple diversión máis intensa.

    Axiña engaiolou á mocidade das clases medias acomodadas, que vivía modosiñamente de luns a venres e desfasaba as fins de semana. Co paso dos anos, rematou evoluíndo ao funk psicodélico e despois ao superfluo éxito comercial de masas grazas aos programas de radio musicais e a certas divas internacionais.

    Nos seus inicios foi considerada unha música para negros, latinos e homosexuais, relacionada co “rhythm and blues”, allea aos testosterónicos estilos “country” e rock. Mesmo houbo un locutor deportivo que ofreceu entradas de balde para un partido de béisbol entre os equipos de Chicago e Detroit en 1979 a quen trouxese un disco deste estilo e o esnaquizase no terreo de xogo. Houbo que suspender a competición polo lamentábel estado no que ficou o estadio.

    O seu primeiro escaparate mundial foi a discoteca Studio 54, coas súas icónicas bólas de cristal xiratorias, cando as melodías disco xa saíran das súas toupeiras para entrar nos glamurosos locais de moda.

20240526

O BOSQUE ANIMADO DE VARI CARAMÉS. Xosé Carlos Rodríguez Rañón

Estudo de Vari Caramés nA Coruña. Por Estevoaei en Commons, lic. CC BY SA 4.0

 O BOSQUE ANIMADO DE VARI CARAMÉS

Xosé Carlos Rodríguez Rañón

    O fotógrafo ferrolán asentado desde xa hai tempo na Coruña, Vari Caramés, mantivo entre os meses de febreiro e marzo na galería Trinta compostelá a súa última exposición polo de agora, titulada “O bosque animado” en homenaxe ao escritor galego en lingua castelá e un dos pais do que logo sería o realismo máxico hispanoamericano Wenceslao Fernández Flórez.

    Nela mestura unha ducia de instantáneas súas cunha decena de acuarelas de Ángeles Sales, quen fora a súa dona, compañeira de vida e musa. A idea foi propiamente súa xa que ela non cría tan seriamente no proxecto como el, malia a orixinalidade das acuarelas de Sales, frotadas ás cortizas das árbores na mítica Fraga de Cecebre antes de seren coloreadas, fraga que o propio autor tamén fotografou mesmo coa súa muller trafegando entre o mesto e autóctono arboredo.

    Na exposición tamén hai unha serie de fotos en branco e negro adicada exclusivamente á cidade de Santiago, coa que Caramés ten unha relación especial desde hai xa moitos anos. Ultimamente, estase tamén a interesar, como el mesmo confesou, pola edición do seu material en formato libro, algo que cre que está a pasar, na actualidade especialmente, por un momento estelar.

20240512

104 anos Pintando. Xosé Carlos Rodríguez Rañón

Escola de Artes de Vigo, onde trballou Luis Torras. Lic. CCBYSA 3.0, obra de HombreDHojalata en Commons.
 

104 ANOS PINTANDO

Xosé Carlos Rodríguez Rañón

    O pasado 15 de xaneiro finaba en Vigo o pintor máis lonxevo do mundo en activo. Tiña 111 anos e comezara cos pinceis aos 7. Uns meses antes morrera tamén, xusto centenaria, a súa dona e musa. Luis Torras tiña o costume de conceder unha entrevista todos os 29 de decembro (data do seu nacemento) ao xornal da cidade, do que era o subscritor máis antigo.

    Gozou sempre dunha saúde excelente. A chamada gripe española de 1918 colleuno sendo neno, na guerra civil ficou xordo dun ouvido e, até hai só uns meses, non deixou de pintar até notar que comezaba a perder mobilidade, xa que vivía só aínda que perto da súa familia. Nin tan sequera o Covid 19 o amolou. Polo seu propio desexo, non haberá ningún tipo de homenaxe pública.

    Home enxoito, austero e de hábitos férreos apagouse o mesmo día que a cidade olívica desconectaba as súas, xa máis que famosas, luces de nadal, que mesmo representou nun dos seus cadros. Pintou, sempre figurativamente, naturezas mortas, paisaxes das súas localidades preferidas (o barrio vigués do Berbés, A Guarda ou Combarro), escenas náuticas, un Cristo de grande formato e retratos de familiares até producir unhas 500 obras, saídas do seu obradoiro na casa da súa nai da rúa Emilia Pardo Bazán. Algunhas destruiunas e só ficou coas que considerou aceptábeis. A Casa das Artes (na que foi mestre de pintura moitos anos) conserva a súa colección persoal permanente. Tamén o concello de Vigo conta cuns 50 dos seus lenzos, todos eles dunha elegancia harmoniosa de cores frías e neutras. Na derradeira obra (que deixou inacabada) un tiovivo era o único que figuraba.

20240427

Museo da auto(e)moción. Xosé Carlos Rodríguez Rañón

 

Coches antigos no centro da Coruña (Foto no D.P.)

MUSEO DA AUTO(E)MOCIÓN

Xosé Carlos Rodríguez Rañón

    O pasado 16 de decembro de 2023 inaugurouse no polígono coruñés de Sabón o Museo da Automoción, no que se conta a historia mecánica do automóbil relacionada tamén coa súa época, a música, a literatura, a pintura ou o cinema. A colección duns 300 vehículos pertence a Ángel Jove.

    As diferentes salas terán decoración temática con todo tipo de accesorios como traxes, vestidos, chapeus, máquinas de escribir, teléfonos antigos, xornais do periodo histórico en cuestión e mesmo gramófonos coas melodías do momento. Unha delas estará adicada ás marcas Hispano-Suiza e Pegaso. Haberá tamén espazos adicados ao campo con antiga maquinaria agraria, ao parque móbil histórico do corpo de bombeiros e asemade a coches militares, policiais ou sanitarios. Tamén contará cunha ampla sección de fotografías automobilísticas de diversas etapas históricas e de varios modelos de catro rodas, así como cartelería publicitaria desde finais do século XIX.

    Noutras salas haberá proxectores e cámaras de varios estilos e tempos tanto industriais como domésticos nas que se relacionará o mundo do motor co eido deportivo e cos vehículos de competición en carreiras en circuíto. Tamén destaca a súa ampla biblioteca temática. Dez euros custa a entrada e cen as visitas guiadas cunha clara finalidade pedagóxica. Pouco me parece para tanta historia!

20240406

LITERATURA CONFINADA A OITO MANS. Xosé Carlos Rodríguez Rañón

Portada de Caramomia

LITERATURA CONFINADA A OITO MANS

Xosé Carlos Rodríguez Rañón

    A novela gráfica “Caramomia” naceu nos vermús virtuais on line entre catro escritores galegos: Ledicia Costas, o seu home Miguel López, alcumado “El Hematocrítico” e finado repentinamente hai só unhas semanas, María Lado e Daniel Landesa. Trátase dunha obra de aventuras e misterio xurdida entre cafés telemáticos. Como plan casual de traballo, comezaron cun guión previo e co deseño dos catro protagonistas (Brando, Roque, Mabel e Mafalda), un por escritor. Tiñan xuntanzas semanais para se marcar prazos por capítulos, que principiaron subindo a Instagram. Foi para eles como unha especie de novela virtual por entregas. Non era a primeira vez que colaboraban xuntos e axiña se percataron de que comezaban a ser seguidos por moitos colexios. As ilustracións pertencen a Martín Romero e despois do confinamento ocorréuselles publicala en formato tradicional de libro na editorial Xerais.

    Segundo declaran, non foi difícil facer cadrar os estilos literarios de cada quen, xa que antes de comezar a redactar o que lles correspondía, lían o que xa fixeran os demais. Cada un escribía un capítulo alterno e centrábase nunha das personaxes, aínda que as liñas argumentais eran pactadas entre todos. Recoñecen que o proceso foi duro porque, ás veces, hai que saber ceder as ideas propias ante suxestións alleas.

    Cando xa se puideron desconfinar e saír pasear con máscara e mantendo a distancia de seguranza por aínda desconfiar, foron argallando sobre a marcha e ao ritmo do seu andar os últimos detalles do manual.

20240317

“AMADO MUCHACHO”. Xosé Carlos Rodríguez Rañón

 

Sinatura de H. James. Imaxe no D.P. collida de Wikimedia Commons.

“AMADO MUCHACHO”

Xosé Carlos Rodríguez Rañón

    Así se titulan as cartas recentemente publicadas de Henry James dirixidas ao noviño Hendrik C. Andersen, escultor noruegués. Con forte carga sexual, contrapóñense á súa novelística onde esta estaba clamorosamente ausente. Henry James (Nova York, 1843-Londres, 1916) era nisto tamén un disciplinado e puritano victoriano, como bo estadounidense de clase acomodada que viviu a meirande parte da súa vida na Grande Bretaña. Nunca tivo relacións con mulleres (malia as súas excelentes descricións literarias sobre a alma e o corpo femininos), foi un solteirón teimudo e, segundo se asegura, de rapaz cravouse accidentalmente unha panca, intentando apagar un lume, que o deixou ou ben estéril ou impotente.

    Home solitario e circunspecto até o paroxismo, foi descrito ironicamente por H. G. Wells na súa novela en clave “Boon”, publicada en 1915, só un ano despois do pasamento do criticado.

    A prosa escura e mesta de James (xunto coa complexidade psicolóxica das súas personaxes) fai que os desexos destes sempre fiquen agochados nun segundo plano, o que dificulta desenmascaralos.

    Logo da súa morte, a propia familia eliminou da súa obra (correspondencia persoal incluída) toda referencia homoerótica por moi subtil que esta fora. As cartas agora publicadas foran xa descubertas no ano 2000 na universidade de Harvard. Nelas vese como Hendrik C. Andersen se atopa co maduro escritor só 7 veces ao longo de 16 anos. Das 81 misivas conservadas, unicamente 4 están redactadas polo escultor.

20240218

"LOS PAPELES DE AMUNDSEN". Xosé Carlos Rodríguez Rañón

 

Sinatura de Amundsen. No D.P.; collido da Galipedia.

“LOS PAPELES DE AMUNDSEN”

Xosé Carlos Rodríguez Rañón

    Así se titula a novela póstuma (recentemente atopada) de Vázquez Montalbán, finado hai xusto agora vinte anos de xeito fulminante no aeroporto de Bangkok. Cronista da vida clandestina da España franquista, crese que Montalbán a escribiu cando só tiña 25 anos. O achado foi posíbel grazas a José Colmeiro, filólogo na universidade de Auckland (Nova Celandia), quen atopou o manuscrito antes da pandemia entre os papeis do escritor que a familia depositara na Biblioteca Nacional de Catalunya.

    O volume (de 450 páxinas e ambientado na cidade holandesa de Leiden, simple trasunto da súa Barcelona) é un retrato da vida cotiá na ditadura durante a década de 1960. O seu protagonista é tamén un escritor (alter ego do autor?) que vén de saír da cadea e que, depurado, remata por traballar nunha axencia publicitaria. O propio Montalbán (tras abandonar o cárcere, onde aprendeu italiano e compuxo un bo feixe de poemas e relatos) chegara a escribir mesmo en revistas de mobles co seudónimo de “Jack el decorador”.

    O título do libro é unha homenaxe (Montalbán foi un viaxeiro incansábel) ao explorador noruegués Roald Amundsen, expedicionario na Antártida e descubridor do Polo Sur a comezos do século XX, case coincidindo coa independencia do seu país a respecto do reino de Suecia.

    Crese que este é o derradeiro inédito do novelista, tras a desaparición fortuita en 1974 dun poemario seu nunha praia grega paradisíaca.