20131031

MST

Hoxe, a última charla sobre a crise da AVV O Tesón, na Casa do Mar. E mañá, Amarante, no lavadoiro dos Fornos, co Movemento dos Sem Terra do Brasil, organiza un encontro cos colectivos sociais de Ribadeo:

Desde Amarante, como membro do comité de apoio galego ao Movemento dos
Sem Terra de Brasil, estamos organizando estes días a visita de Kelli,
unha compañeira do MST, que se encontra de xira europea para reunirse
con diferentes colectivos, de cara á mobilización para o VI Congreso
Nacional do MST que terá lugar en febreiro de 2014 e que levará por lema
"Lutar, construir reforma agraria popular!".
Para esta compañeira, é importante ter a oportunidade de darnos a
coñecer cal é a visión da coxuntura actual por parte do MST, poder
coñecer que estamos a facer aquí na Galiza desde os diferentes
colectivos e movementos sociais e ver de que maneira podemos colaborar.
Con estes obxectivos estamos organizando un encontro para o día 1 de
novembro en Ribadeo ás 18 da tarde, no Lavadoiro (rúa dos Fornos).
É un encontro especialmente relevante porque en outubro de 2014 vai ter
lugar en Ribadeo o Encontro europeo de comités de apoio do MST.

20131030

Caos

Vaise producindo pouco a pouco no tecido social. As manifestacións do mesmo van engrosando sen case sentilo. Pero de pronto, decátaste: isto é un caos! E o afectado polo caos és ti, e outros moitos coma ti, que quedan ó pairo social, nun estado exclusión non tanto deles da sociedade, senón do anaco de sociedade en que viven en relación á superestrutura social, á 'metasociedade'.
Que facer cando unha gran empresa (grande por tamaño, non por eficiencia ou servizo) comeza literalmente a xogar contigo coas súas propias regras? Que sentir cando cun accidente no que grosso modo se identifican un condutor, seis arrollados, un organizador, unha sociedade de organizacións e un garante público (caso do accidente no ralli de de Viveiro) resulta que tan pronto se querella o condutor coa organización e o garante público como o grarante público coa sociedade de organizacións, e cada quen ofrece unha versión diferente? Ou a nivel maior, que apego institucional ou á estrutura estatal, cando resulta que se descubre unha espionaxe que máis ou menos se intuía e o que pasa máis ben é que pasa a ser de dominio público, e que implica un país estranxeiro, e a resposta dise país é que alomenos en parte os datos dos cidadáns e empresas espiados foron entregados polos mesmos espías propios a dito país estranxeiro?
Son tres casos a diferentes niveis que se deron no último par de días. Os temas, as implicacións, evidentemente diferentes. O pagano, en solitario e por conxunto, a sociedade. E, si, trátase de anarquía, pero anarquía servida en bandexa por unha liberdade para quen pode, non para todos.
Si, saiume unha entrada caótica...

20131029

10 000 persoas afectadas polos cortes de luz en Ribadeo

Vamos, todos os ribadenses. Resulta que somos afectados de xeito directo. Os 10 000. Fastídianse aparellos mentras sube a luz. A idea, lóxica como un primeiro paso: manifestación.
ACISA convoca. O Tesón apoia. Primeira sorpresa (aparte de que haxa cortes de luz cuasi sistemáticos nunha vila como Ribadeo no século XXI): polo menos en medios públicos, non hai máis apoios, salvo unhas declaracións do alcalde.
Chega o momento da manifestación. Collo a foto de Fernando Suárez Barcia:
Conto: 42 persoas na foto. [Nota posterior: na edición papel da Voz puiden contar ata 62]
Quizáis aí se debera rematar a historia, co dato en bruto. Pero coido que se debe facer algunha reflexión, a máis de, polo menos, citar o comunicado lido ó final.
Pode que o total de asistentes sexa algún máis: polo menoso que está a sacra a foto ... En calquera caso, aínda poñendo 50, sumando mesmo os que non puidemos ir por algunha razón, sería o 0,5% dos afectados. Alumados e polo tanto gastando mentras tanto coa mesma compañía que consideramos non xestiona adecuadamente a luz, deixando a Ribadeo a obscuras. É dicir, que forza ten detrás paras eguir a protestar e esixir os propios dereitos? Pois a forza da razón, que non do número.
Por desgraza, xa teño experimentado que coa razón soa non chega contra a senrazón con poder. E agora, que? Paso seguinte? Coido que tal como estaba prantexado, o primeiro é esperar e ver. Ver... se hai luz! E logo? Logo, 'veremos'. Pero, como dicía a nota do Tesón, sabendo que de calquera xeito isto non pode parar ata que se amañe.

20131028

Relativismo mental. Are you ready?

    Onte, lendo o xornal, pasáronseme varios clichés pola testa. E ocorrúseme que ó fin, facía falta un cambio de mentalidade, unha preparación persoal, para o cambio social. O malo é que esa preparación coido que estase a facer en sentido inverso ó que me gustaría. Deixo un par de parágrafos para ver se me explico...
    Din que xa se ve a luz ó fin do túnel... coidado co tren!
    En materia económica levamos sendo enganados xa moitos anos. Non é novidade que o capitalismo deixou as formas suaves que mantiña en Europa nada máis cair o telón de aceiro. O proceso xa tiña comezado anos antes, pero a pendente había que preparala e iso foi realizado a traverso dun acoso semántico que variou o significado de moitas verbas ata chegar á actual mentira indisimulada na que se interpreta unha verba polo que pode significar para unha pequena minoría da poboación. Luz á fin do túnel? Hai xente que non chegou a entrar 'no túnel', pero ós que si nos meteron, dános medo porque sabemos que o tren segue a circular e pode facernos moito dano, mesmo avisando antes cun pitido que non nos beneficiará en nada; é máis, que nos dará máis medo antes da catástrofe. Non obstante, o aviso de que hai unha luz cara ó fin do túnel, implica dúas cousas para que nolas creamos. Unha, que quen fai o aviso sabe onde está a fin do túnel, que ten controlada a situación. Dúas, que vaiamos cara onde nos indican coa confianza posta nel. Avanzamos pois ou retrocedemos? (polo túnel). Diríase que avanzamos, que imos adiante. Pero, se ven o tren e nós imos cara el, diminuímos a distancia mutua, retrocedemos.
    Quero coñecerme mellor. Por favor, NSA, podes dicirme como son?
    Non sei se a NSA me ten espiado ou non. Se non o fixo foi sinxelamente porque non me considerou acreedor de tal honra. Por datos que puido recoller, pode coñecerme abondo mellor que eu mesmo, e podería aproveitar os datos que me subministrara para asumir mellor o mandato clásico 'coñecete a ti mesmo'. Hoxe por hoxe, na era post Snowden, co revuelo armado e a baixada de pantalóns -ou faldas- dos gobernos do mundo enteiro (que por outra parte diría fan máis ou menos o mesmo cada un segundo as súas posibilidades) estase a valorar máis a intimidade porque se sabe que é un ben escaso, pero ó tempo, e entre tanto escándalo, seguimos a deixar os nosos datos na rede cada vez en maior cantidade e desprotección. E sobre todo, con maior abandono propio, con maior naturalidade e sabendo e asumindos as consecuencias da extensión daquel vello dito: 'un é dono do que cala. Do que fala, xa non é dono'. É un avance ou un retroceso? Calquera lle diría ó Orwell de 1984 o desenvolvemento que estamos a ver da situación entre as posibilidades de ser espiados e a adaptación da mentalidade ante tal espionaxe.
    Ben, son só dúas frases, correspondentes a entornos diferentes, pero a unha mesma situación de relatividade do avance/retroceso dunha mentalidade na que temos capacidade de maior coñecemento e consciencia de menores posibilidades. Unha situación na que os propios integrantes da sociedade estamos perdendo capacidade de xestionar a sociedade na que estamos inmersos. Unha situación que lembra á organización social dalgúns tipos de insectos: alguén reina, hai un exército, e o resto, traballa (máis ben, algo como 'fai o que naceu para facer')

20131025

A educación non está en cuestión

A educación non está en cuestión: é necesaria. O que si está en cuestión é a xestión que tratan de impor, despoxando a educación pública da calidade e cualidades que debe ter.
Onte houbo folga. Segundo a nova de prensa, o 80% de estudantado de secundaria da Mariña e o 65% do profesorado. En Ribadeo, no IES de Ribadeo, o paro entre o profesorado foi de 40%, e entre o alumnado, máis difícil de precisar, dende un paro abrumador no bacharelato ata cousa do 50% nos primeiros cursos da ESO, cunha media que coido viría a coincidir de xeito aproximado co 80% anunciado para a Mariña.
En Ribadeo, pequena concentración diante do IES. Na capital de provincia, igual que en Burela, fálase de manifestacións con éxito. As fotos de Lugo así o testemuñan. E, para fotos, as de Madrid dan fe de que será dificil ningunear unha manifestación  tal como fixo o Ministro de Educación referíndose ó óbito recente de Manolo Escobar sen unha verba relativa á manifestación. Nese sentido, as redes sociais dan unha información abondo ampla. Reproduzco por exemplo a foto que tomei de facebook a traverso de Ángel Alda sobre a manifestación de Madrid:
Algunhas referencias no 'el diario', aínda que poden (e deben) compararse co transmitido por outros medios ou pola rede:
http://www.eldiario.es/galicia/Aulas-personas-calles-Galicia-LOMCE_0_189331706.html
http://www.eldiario.es/sociedad/marea_verde/puntos-clave-conflicto-educativo_0_189331076.html
http://www.eldiario.es/zonacritica/frases-Wert-invitan-huelga_6_189041106.html
http://www.eldiario.es/zonacritica/estrategia-desacreditar-huelguistas_6_189391078.html
Fotos de diversas cidades (collidas asemade por ligazón de A. Alda).

20131023

Con educación. En Folga

24 de outubro de 2013
En folga
A educación pide unha aposta pola calidade,
por ti.
Por todos. 
Non polos recortes,
tampouco pola privatización.

Estratexias. Inimigo: os cortes de luz

Luns ás oito hai convocada unha protesta contra os cortes de luz en Ribadeo. Será no mercado, e está chamado todo o mundo, a iniciativa de ACISA.
Estimo que a iniciativa é boa, pero non sei nin a xente que haberá nin os efectos que terá. De cortes de luz, en Ribadeo, sabemos abondo. De microcortes a macrocortes. A calquera hora, día e noite. Sufrimos dende hai moito. Estropean o traballo que temos entre mans, esnaquizan aparellos, interrompen a actividade...
Do que non sabemos, nin aquí nin noutros lugares, é de protestas. Usamos das concentracións ou das manifestacións para visualizar a protesta ante poderes que se van facendo máis cegos e mudos. A eficiencia está baixando ante os poderes políticos, ó fin dependentes de quenes protestan e ante os que aínda manteñen un certo medo pola posibilidade de variar o voto. fronte a compañías en situación de cuasi monopolio, que veñen abusando de suba tras suba de tarifa, que controlan o poder político que fai as normas á súa medida, coido que a única influenza é económica. Fálase de protestar nun marco no que están afeitas a que a normativa a medida lles de a razón, pero non de deixar de usar os seus servizos e impactar a súa base económica... Que teñen mala prensa? E que, se os usuarios están cautivos? Que teñen razón? E que, se non teñen normas que os favorezan e permiten actuar ás que hai? Que queren que a empresa sufra para que saiba que os está perxudicando? E que, se non dan artellado unha estratexia que o consiga?
As perspectivas de resposta cidadá, na actualidade, son tales que posiblemente a resposta da empresa non vaia máis aló dun 'atenderemos, veremos que pasa e diremos.  Comportámonos con respecto á normativa, pero se podemos mellorar, melloramos'. e a continuación, o arquivo do caso.
O luns protesta. Pero tendo claro que se non se está disposto a ir máis aló dalgún xeito, o rendemento será nulo. E iso hai que facerllo comprender á empresa e a quen proteste. Ou viceversa, primeiro a quen proteste para que a empresa o comprenda.
--
Engadido posterior:

-->
AVV O Tesón
Nota de prensa

Comunicado de solidariedade con ACISA na protesta contra os cortes de luz

Ribadeo, 20131023

A AVV O Tesón manifesta a solidaridade coa protesta organizada por ACISA ante os contínuos cortes de luz en Ribadeo. A asociación propón ós seus asociados unirse ó próximo luns 28 de outubro ás oito da noite na praza do mercado para que todo Ribadeo chame a atención de xeito solidario contra os cortes de luz e o sistema que os permite de xeito impune ó tempo que facilita a suba do recibo de electricidade e ningunea ós usuarios.

Creemos que a unión nunha protesta así é fundamental para que nos faigan caso e conseguir o objectivo dun servizo de calidade, como Ribadeo merece.

20131022

Última charla do ciclo Crise, economía e falsos dogmas

AVV O Tesón
Nota de prensa

Ciclo de charlas
Crise, economía e falsos dogmas”
4ª (e última) charla

Ribadeo, 20131022

Despois das tres primeiras charlas sobre Crise, economía e falsos dogmas, a cargo de José Mª Martínez Fernández, José Ángel Bolaño Penelo, e Mª Jesús Fernández Álvarez, o próximo xoves 31, de novo no Salón de Actos da Casa do Mar de Ribadeo e ás 20:30, terá lugar cuarta e última, que manterá Anxo Martínez Pérez, sobre a mesma referenza do 'Manifesto de economistas aterrados'.

O ciclo veu a encher unha necesidade de información / formación e debate / contraposición de ideas que se ten manifestado con boa acollida polos participantes.

Como as pasadas semanas, terá lugar primeiro a charla e de xeito posterior un coloquio, co público como elemento fundamental, e coa presenza dos catro ponentes, sobre a temática da charla e sobre a crise en xeral.

Lembramos que o ciclo vai dirixido a persoas que teñan interese en saber máis e compartir coñecementos, sen importar que ó inicio das mesmas o nivel de coñecementos socioeconómicos sexa máis alto ou máis baixo: un dos obxectivos das charlas é igualar os niveis por enriba os niveis de coñecemento explicando os conceptos necesarios.

Adxúntase o cartel correspondente á cuarta charla.


20131021

Sobre a residencia: un resume

Entérome pola Voz dalgunha cousa sobre a residencia de anciáns que se prevé para Ribadeo. As dúas vistas de fachada que aparecen, por exemplo:
O solar, 2 314 m, e a construción, 650 m de planta. Iso deixa libre 1 664 m de zona exterior. O certo é que ó medir o solar no sigpac, non me saen ben as contas, pero iso queda para outro día. O caso é que si hai sitio para ter un xardín. Que a residencia teña, como aparece, 3 niveis de uso por anciáns e un máis de servizo non parece o máis adecuado, pero hai moitas outras construídas de xeito semellante.
Que apareza nun xornal a fachada prevista non me parece mal, pero quizáis tivera máis pulo se se publica o estudo enteiro, como está agora, na web do concello. Sei que custa algo facelo, pero o rédito é abondo maior, estimo, que o custe.
Financiación? Actualmente, custe: 2,3 M€
Deputación: 1,15 M€ apalabrados (50%; que eu saiba, non está asinado)
Xunta: Pedíaselle o 40%. Na actualidade, 0,5 M€ (22%; idem). Pídenselle 0,3 M€ máis (é dicir, chegaría a algo máis do 30%). É a que ten competencias no tema. As outras administracións poden ser freadas por ela en diversos puntos.
Concello: Prevía 0,23 M€ (10%). Dende a última petición á Xunta, estaría disposto a afrontar 0,45 M€ (perto do 20%)

20131020

Lembrando unha charla sobre a crise: José Mª Martínez no ciclo de O Tesón

Embaixo aparece, por orde, as diapositivas usadas na charla do ciclo sobre crise, economía e falsos dogmas organizada pola AVV O Tesón e impartida por José Mª Martínez Fernández, seguidas dos audios, tamén en orde, e os apuntes usados.








Apuntes
Un resume da charla
Aviso da charla

Reseña da terceira charla do ciclo Crise, economía e falsos dogmas, a cargo de Mª Jesús Fernanández Álvarez


AVV O Tesón
Nota de prensa

Ciclo de charlas
Crise, economía e falsos dogmas”

Ribadeo, 20131020

Antonte venres tivo lugar a terceira das catro charlas sobre Crise, economía e falsos dogmas organizadas pola AVV O Tesón. Foi a cargo de Mª Jesús Fernández Álvarez, quen despois de marcar cales ían ser os pasos durante a súa intervención, abordou abordou a temática da crise.

A charla, desenvolta no Salón de actos da Casa do Mar de Ribadeo e seguida por diverso público, desembocou nunha construtiva discusión final.

Ó Igual que as charlas anteriores, foi grande a extensión da temática tratada, comezando pola política social e a mercantilización da mesma, sobrepasando nesa dirección as reivindicacións dos colectivos, de feministas a ecoloxistas, por poñer dous exemplos significativos. Asemade, foron tratadas e contrapostas as garantías sociais contempladas no norte de Europa co benestar social sustentado na rede familiar do sur, ou posta de manifesto a creación de desigualdades sociais a nivel internacional.

Pasouse despois á intervención do desfase no ciclo económico entre diferentes países de Europa e a súa incidencia ó entrar no euro, así como as dificultades de mobilidade de man de obra propiciadas pola mentalidade nestes pagos, ou a inexistencia dun auténtico banco central para poder manexar a crise dun xeito eficiente.

Foron contrapostas no período anterior á crise as medidas estuturais como a baixada de impostos coas coxunturais, como o incremento de recadación polo desmesurado auxe da construción. E logo, analizado o seu efecto.

No que respecta ó balance de ingresos e gastos públicos, púxose de manifesto que se baixaron os ingresos por sociedades, patrimonio ou grandes fortunas, e non os que teñen relación co traballo, irpf ou ive; mentras, o groso da reducción de gastos foi en sanidade, educación ou servizos sociais, precisamente temas que afectan máis ós traballadores.

Entre as moitas cousas máis que se trataron, saltou nidia nas intervencións no debate a idea de que todos participamos na corrupción, e que temos que corrompernos para participar e ó tempo, con elo, destruír toda resistencia a este cambio que vai contra nós, e enmascarar e xustificar a corrupción que está atenazando á sociedade.

A próxima charla, e última da serie organizada este outono, será retrasada ó xoves 31 de outubro, no mesmo lugar e hora, a cargo de Anxo Martínez Pérez

Asemade, para quen non teña podido asistir e esteña interesado, xa se están comezando a cargar os audios das charlas e outro material O primeiro paquete, correspondente á charla dada por José Mª Martínez, pode obterse en http://ribadeando.blogspot.com.es/2013/10/lembrando-unha-charla-sobre-crise-jose.html

20131018

Alemaña 1 - Europa 0, e Rajoy na feira

Levo varios días esperando, pero hoxe vai:
A imaxe chamoume a atención o outro día. Resulto que houbo un grupo de alumnos alemáns de intercambio no IES de Ribadeo, alonxados en familias, e en correspondencia con outros de Ribadeo que irán aló. En correspondencia coa visita, luciu a bandeira alemá na fachada do IES, xunto coa española e a galega. É dicir, desapareceu a normativa bandeira europea para deixar lugar a alemá. Algo que se me antoxou como todo un símbolo do que está a ocorrer en Europa. A máis, a bandeira de cumprido non foi retirada coa marcha dos alemáns, senón que seguiu varios días máis: Alemaña 1 - Europa 0
Se o anterior é un símbolo, Rajoy deu onte un exemplo dun dito galego moi popular: "Cada un fala da feira segundo lle vai nela".Non se pode chegar a outra conclusión cando escoita a frase, afirmación de Rajoy, de que España está saíndo adiante da crise, aínda coa evidencia de que a xente non sabe de recuperacións porque non a sinte. Algún día chegará, si, é posible. Pero dicir que xa está aquí significa só que xa está aquí para algúns pertencentes á minoría que ostenta o poder (e que en realidade, para algunha xente a bonanza non se foi), mentras o resto seguirá aínda con máis restriccións, anunciadas prácticamente en paralelo a esa milagrosa recuperación 'española'. "Exigimos sacrificios pero repartimos las cargas de forma justa" é outra frase que non se pode comprender sen o dito e a afirmación de que a Rajoy váille ben nista feira. (A outros, como a Botín, non digamos...)

20131017

Edda Ferd e Stril Luna en Asteleiros Gondán

Onte a entrada era sobre o estaleiro que significa a principal industria da ría de Ribadeo. Hoxe, as fotos dos barcos que ten aínda nestes momentos, en porto e en rampa. [Nota posterior: a saída do barco en porto foi arredor das dúas da tarde, con marea xa non tan baixa].


A botadura do Edda Ferd: E tamén un regueiro branco que parecía ter algo graxo viña baixando coa marea dende a zona do Edda Ferd e que non souben identificar:


20131016

Cal é a industria máis grande da ría de Ribadeo?

Corresponde a unha filial de Astilleros Gondán, nas Figueiras, a que foi cabeza do grupo actual, que está diversificado con factorías na Veiga ou Navia.
É esta empresa a que está a piques de botar o novo barco que ten nas gradas, despois de que saia das súas instalacións o que na actualidade está finalizado en porto, o Edda Ferd. Iste é un pouco maior que outro de características moi semellantes, que se pode chamar xemelgo, construído para os mesmos asteleiros noruegueses, Østensjø Rederi A.S., o Edda Frende (aquí, un pdf con máis información e planos xerais, e na mesma páxina, con visionado 360º de diversos puntos). Para a mesma empresa ten construído antes outro barco semellante, o Edda Fram. (aquí, info ampliada e visionado 360º)
Ben, o Edda Ferd sairá mañá da ría. En relación, a ponte dos Santos ás veces vese como limitadora... Algún día haberá que falar diso.

20131015

De gatos, cactus, sombras, ...

Onte, ó pouco de enterarme dunha nova compra de Paisajes de Asturias , -relacionada polo que parece co grupo Capio, á súa volta, relacionado con abondas adxudicacións hospitalarias en Madrid e con cabeza visible en Victor Madera Núñez- en Ribadeo (a do Cine Colón), volvín pasando polo frente doutra das súas propiedades, a Casa dos Perecitos, e atopeime, xunto coas obras, un gato ocupa./// Nota (2016): Grupo Capio = IDC Sanidad = Clínicas Quirón ///
Paisajes de Asturias xa mereceu a atención do blog algunha vez. Agora sinalo na foto aérea as súas propiedades ribadenses (superior esquerda, casa dos Perecitos; embaixo, Torre dos Moreno; parte centro dereita, cine), cunha aclaración: os límites das propiedades nas hortas traseiras non os coñezo, aínda que teña razóns para pensar que son os marcados.
Seguindo a pasear por Ribadeo, pódense atopar outras cousas, como un cactus en Vilaselán que hai un par de anos daba por morto, despois de acadar un desenvolvemento grande. Agora, voltou a rexurdir.

O Cactus está situado no punto vermello...
Por último, unha sombra á luz da mañá.

20131014

Crise, economía e falsos dogmas, III parte / Nota de prensa de O Tesón


AVV O Tesón
Nota de prensa

Ciclo de charlas
Crise, economía e falsos dogmas”
3ª charla

Ribadeo, 20131011

Despois das dúas primeiras charlas sobre Crise, economía e falsos dogmas, a cargo de José Mª Martínez Fernández e José Ángel Bolaño Penelo, o próximo venres 18, de novo no Salón de Actos da Casa do Mar de Ribadeo e ás 20:30, terá lugar a terceira, que manterá Mª Jesús Fernández Álvarez, e que continuará tendo como referenza para análise os segintes capítulos do libriño 'Manifesto de economistas aterrados'.

O ciclo de charlas está valorizándose por si mesmo, en base ás opinións dos asistentes, que recollemos a idea de que está a pasar en termos económicos e a súa tradución en termos sociais. Feito e tradución, en calquera caso, que son expostas non como dogma senón como elección, contrapoñéndolles outras posibilidades.

Como as pasadas semanas, terá lugar primeiro a charla e de xeito posterior un coloquio, co público como elemento fundamental, e coa presenza dos catro ponentes, sobre a temática da charla e sobre a crise en xeral.

Lembramos que o ciclo vai dirixido a persoas que teñan interese en saber máis e compartir coñecementos, sen importar que ó inicio das mesmas o nivel de coñecementos socioeconómicos sexa máis alto ou máis baixo: un dos obxectivos das charlas é igualar os niveis por enriba os niveis de coñecemento explicando os conceptos necesarios.

Adxúntase o cartel correspondente á terceira charla.

20131013

Dionisio Fierros. Os comenzos de un artista

Remato de colgar unha publicación de Celia Castro referente a Dionisio Fierros, publicada no último número de Rudesindus: Dionisio Fierros. Os comenzos de un artista.
Con el, temos unha nova referenza para completar a vida e obra deste pintor tan relacionado con Ribadeo.

Un premio para o ascensor


    Ribadeo 'espertou' o pasado día 7 de outubro coa concesión dun premio 'ó ascensor'. Con esa idea foi recollido nas novas e polo alcalde, segundo elas. Así foi recollido cun certo retraso.
    Collo a parte da nominación do Ri.U.So que atinxe ó ascensor: "gli spagnoli Elisabeth Abalo e Gonzalo Alonso hanno vinto nella sezione "Architetti e Ingegneri" (premio 4mila euro) per la realizzazione di una torretta che andrà a caratterizzare il porto turistico di Ribadeo, in Galizia, ricucendo il percorso che congiunge il litorale al centro storico." . É dicir: os españois Elisabeth Abalo e Gonzalo Alonso venceron na sección 'Arquitectos e enxeñeiros' (premio de catro mil euros) pola realización dunha torreta que chegará a caracterizar o porto turístico de Ribadeo, na Galiza, reducindo o recorrido que une o litoral e o centro histórico.
    Hoxe facía vento na Atalaia. Non eran acolledores os bancos. No prado hai 3. Dous xuntos, fronte ó ascensor, nos que, se un está sentado, recolle ista vista:
    Mentras, o outro, que cadra xusto fronte ó único espazo sen copas das árbores enfronte da saída da ría, ofrece ista:
    E a vista de Castropol, embaixo, queda sen bancos, nin nese nivel nin na baixada dende a capela ó ascensor:
    Se se baixa alí, pódese observar un evidente descuido no seu mantemento, como houbo quen me comentou hoxe mesmo. E outras vistas, menos efectivas por ser de curta duración a traverso de vidros non tan transparentes a estas alturas.
    O premio foi para os arquitectos, non para Ribadeo (entrou na categoría de arquitectos, non de administracións públicas). Por certo, un comentario do alcalde: 'mantenerlo, dice, no supone problema para el Concello, porque el gasto es asumible'.
    Así pois, o premio Ri.u.so pode estar ben dado conforme ás bases: é certo que foi unha rexeración (non o ascensor, senón o resto da obra), é certo que é nunha urbe, é certo que é mantible segundo o alcalde. Tamén é certo que o premio non é para a súa beleza e encadre na paisaxe dende a atalaia, ou pola súa posibilidade de embelecer o entorno, por poñer dous exemplos. Coido tamén que o xurado non paseou pola zona, tomando máis ben as desisións sobre papel.
    Ben, e, de xeito independente, dicir que o acordoamento dunha zona da atalaia leva xa moito tempo, sen amañar o motivo dela. O dito: as cousas, a parte de logralas, hai que mantelas.
    -- No blog hai abondas entradas sobre o ascensor. Por exemplo: http://ribadeando.blogspot.com.es/2007/05/pagus-ascensor-na-atalaia-de-ribadeo.html (presentación da obra, antes de facela)
A inauguración: http://ribadeando.blogspot.com/2010/07/desoberto-o-pastel-do-ascensor.html
Sobre o desenvolvemento das obras: http://ribadeando.blogspot.com/2009/10/o-ascensor-da-atalaia-onte.html
Comezo efectivo do uso: http://ribadeando.blogspot.com/2010/08/50-s-ou-ascensor-habemus.html
Artigo externo (J.E.Amor): http://ribadeando.blogspot.com/2009/07/xa-algo-vello-pero-de-actualidade.html
O ascensor, tiroteado: http://ribadeando.blogspot.com/2010/03/o-ascensor-da-atalaia-primeiro.html
Subindo no ascensor: http://ribadeando.blogspot.com/2010/03/o-ascensor-da-atalaia-primeiro.html
21 m de desnivel (non 35 que din): http://ribadeando.blogspot.com/2010/07/47-m.html
Sobre o mantemento: http://ribadeando.blogspot.com/2011/09/20110919-pleno-i.html
En fin, hai máis ...

20131011

O consello sectorial da muller, hoxe

Ben, non hoxe, senón na última xuntanza, de venres 20131010.
Como noutras ocasións anteriores, tras aprobar a acta pasada e dar conta do finanzamento, pasouse revista ó desenvolvemento de actividades neste ano, numerosas por certo, así como, en xeral, satisfactorias. Iclúen o Photocall pola igualdade en marzo pasado, co lema 'igualámonos', e boa acollida na rede, os actos do día internacional das mulleres, coa inauguración de rúas e o folleto acompañante 'Ribadeo nos camiños da igualdade', así como as actuacións musicais en cada inauguración e o concerto de Irimia cantareiras.
A inauguración da rúa adicada a Sor Pilar
Na presentación de 'Rachando inercias' en Santiago xogouse fóra da casa, con boa acollida. Houbo obradoiros diversos nas parroquias e no pobo, con acollida asemade diversa, e charlas -quizáis as actividades máis minoritarias, e nese sentido, desaproveitadas polas persoas ás que ían dirixidas-. E as andainas: aínda este domingo haberá unha, representando unha nova situación de intercambio de pareceres, afianzamento de amizade ou sinxelamente, deporte nun medio natural.
As actividades de formación, sobre a violencia de xénero, emprendemento e educación infantil, deixaron bo sabor de boca, e en concreto, o curso sobre educación infantil, ganas para abrilo ó colectivo de pais. As correspondentes a participación de pequenos, contacontos e radiando igualdade, significaron non só un divertimento para as e os participantes, senón tamén unha formación para os mesmos, ó tempo que a boa acollida propiciou a petición de repetilas
Máis aló das actividades anteditas, tiveron lugar a avaliación do I plan de igualdade (o segundo está en fase de deseño), e as xuntanzas da mesa interinstitucional de violencia de xénero. Boa parte das actividades tiveron un reflexo no blog 'Ribadeo muller'.
Despois pasouse lista ás actividades previstas ata fin de ano, entre as que se atopan xa en desenvolvemento as centradas no ámbito educativo. Nas centradas en termos cidadáns máis amplos, destacan a campaña de promoción do deporte feminino, con actuacións a varios niveis e a desenvolver en tres fases, ou a proxección da película 'a cicatriz branca', á que non lle viría mal un coloquio sobre a feminización da pobreza.
Outras actividades previstas son a continuación dos bonos-axuda en ludoteca, a elaboración do II Plan de igualdade, a celebración do 25N (día internacional da violencia contra as mulleres), os domingos a pé (iste ...) e eventualmente unha proposta de tertulia ou café literario.
De cara ó futuro, pídese colaboración e ideas (xa hai algunhas: desenvolver a escola de pais, bricolaje, ... )
Abondo. E o aproveitamento social? Intentarase.

Unha reseña dunha charla interesante: Economía, crise, sociedade ...




AVV O Tesón
Nota de prensa

Ciclo de charlas
Crise, economía e falsos dogmas”

Ribadeo, 20131011

Onte tivo lugar a segunda das charlas sobre Crise, economía e falsos dogmas organizadas pola AVV O Tesón. Foi a cargo de José Ángel Bolaño Penelo, quen despois de marcar cales ían ser os pasos durante a súa intervención, abordou abordou a crise referíndose ós capítulos correspondentes do libriño 'Manifesto de economistas aterrados'.

Na charla, desenvolta no Salón de actos da Casa do Mar de Ribadeo e seguida por trinta persoas, produxéronse ademáis interesantes intervencións do público, motivadas pola nídia disección da crise feita polo conferenciante.

Tras comezar coa pregunta 'medidas de austeridade: baseadas en evidencias ou en dogmas?', respondeu á mesma abordando a resposta a traverso dunha liña histórica, outra comparada e outra teórica, e incidindo na sociedade actual e os efectos que sofre. A ligazón de datos como que no 2009 1/8 da poboación residente de xeito legal en España fora de orixe emigrante e a súa aportación en 1/3 ó aumento do PIB -algo demostrado polos números- ou o travase de débeda privada a débeda pública e o conseguinte aumento dista debido ó mesmo xunto coa inversión en mecanismos automáticos de equilibrio -acompañados dunha diminución de ingresos por rebaixas fiscais- foi abordada como integrante da primeira parte da crise. De xeito parello, na segunda parte, foi destacada a incidencia da asuteridade en magnitudes económicas como o desemprego ou o desequilibrio fiscal, así como outros feitos como os 'brotes verdes' citados no 2011 e a súa realidade. O remate foi posto despois dunha cita que sinala que non é que gastáramos por riba das nosas posibilidades, senón que ganábamos por baixo das nosas necesidades despois de anos de baixadas do que significa as rendas no conxunto de rendas, sen medrar os salarios reais nin en època de bonanza.

No debate posterior, ó tempo que se reafirmaban afirmacións da charla como a relación desequilibrio de gasto público e axudas á banca, xurdiron outros temas como a organización do poder do capital fronte á desorganización social, ou que as 'posibilidades' (en relación á frase 'gastar por riba das nosas posibilidades') poden ser postas, e sóno, de xeito externo. Asemade, lembrouse que en cada punto/capítulo do manifesto que se emprega como fío condutor aparecen alternativas ó que se está a facer na actualidade, habendo polo tanto, alternativas aínda que se insista dende hai tempo en que non as hai.

Adxúntanse dúas fotos.

A próxima charla da serie será o venres 18 de outubro, no mesmo lugar e hora, a cargo de María Jesús Fernández Fernández



20131010

Sabendo máis do noso (sexa Ribadeo ou outro concello)

Onte, a traverso de dúas vías diferentes, eldiario.es e es.okfn.org, cheguei a http://transparenciadecuentaspublicas.es, un interesante sitio para aumenat a transparencia da administración cara á nós, as persoas.
Ahí cheguei por exemplo ós impostos directos que recada Ribadeo: 232 €/hab., ou, o que é o mesmo, 2 333 249 € en total, 1061 habitantes contabilizados, ano 2012. A 'débeda viva' (segundo a mesma web, non inclúe a débeda comercial, senón financieira con entidades financieiras), é 278 €/hab., 2 800 000 € correspondentes a todo o concello. Cousas ambas, ó xeito das moitas outras de que dispón, que se poden comparar de xeito gráfico co grupo de concellos de poboación semellante ou da mesma provincia. Tamén son accesibles os datos a partir de mapas provinciais e a nivel estatal.
Reflicte tamén cousas como o superávit de 187 €/hab. mantido nas contas últimas ou os 329 €/hab. en persoal do concello, 3 307 735 € en total, ou gastos por intereses financieiros, 101 369 €. A esta última magnitude, gastos en intereses financieiros do concello de Ribadeo, corresponden os datos e gráfico seguintes, tomados da pantalla do ordenador hai un momento, "
Intereses y otros gastos financieros de los préstamos contratados por la administración.
".
Polo momento, non ten demasiados indicadores, aínda que si abondos: 31 indicadores de ingresos, gastos e balance son xa datos para traballar con eles, e aínda que falte o acceso a outros moitos, organizacións sen ánimo de lucro, veciñais ó cabo, seguen traballando por facer que teñamos máis control sobre os poderes ós que estamos sometidos.

20131009

Kafka na Mariña (e máis aló)

Nun  mundo interconectado, onde as posibilidades de transparencia son múltiples, amplas, a realidade convírtese nun coto cerrado de caza á especie 'cidadán común' que non pode escapar do seu interior.
Múltiples son as sinais e os efectos delas. A última polo momento no noso entorno próximo, a sinatura ante unha cantidade en branco do paso do gasoduto polas fincas afectadas. A cousa é como segue: por utilidade pública, a empresa logrou que os terreos sexan expropiados. O proceso inclúe básicamente dúas partes, unha, que poderiamos chamar de aceptación, e outra de oficialización. Na primeira, preséntase un documento para comunicar que a finca vai ser afectada. Na segunda, a Xunta, como entidade pública, oficializa a expropiación dun ben particular para beneficiar á comunidade (ise é o motivo teórico de calquera expropiación particular, así como de calquera privatización pública) e dicta a cantidade compensatoria desa expropiación.
Que implica? Pois que na primeira parte acéptase quedar sen un ben propio a expensas do que digan na segunda. E se alguén non asina na primeira parte? En realidade, é un trámite, e a maquinaria segue sen cambio apreciable.
Pouco importan cousas como que a beneficiaria dineraria desa cesión do privao ó público sexa unha concesionaria privada (pertencente a outra xente diferente de quen cede as terras, claro, e polo tanto implicando unha transferencia de algo privado a outra privacidade a traverso do público), ou que o lóxico nunha obra de magnitude sexa o primeiro calcular os custes, e polo tanto, sexa doado especificar xa unha estimacón para chegar a un trato. O que parece preponderar é o uso do 'público' para favorecer o desenvolvemento de concesionarias privadas en función do espolio do particular, sexa en posesións ou dereitos, que non nos imos meter en minucias.
E así, a vida segue, facendo (ás veces) amago de defensa de determinados intereses particulares cando a atacada é toda a sociedade (por turnos, iso si) a mans dunha minoría que controla o ataque, os recursos, medios e posibilidades, e que aínda que pareza tamén sociedade, está illada dentro da mesma en redutos que poderiamos chamar 'sociedades'. Na Mariña e máis aló; máis ben, cada vez, máis aló.

20131008

900 000 €!

Si, iso, 900 000 € é o destino proposto polo 'Goberno Central' a abrir unha ruta/camiño natural entre Ribadeo e O Vicedo. 133 km, din. É dicir, algo máis de 6 000 €/km, ou 6 €/m. Ruta recorrible mesmo a cabalo, din.
A proposta podería parecer realista a calquera que tivera que amañar unha pista estreita para peóns nunha propiedade súa, facendo el mismo os traballos. Tratándose dunha obra pública na que se pretende un certo ancho, barreiras laterais en abondos punto, etc, ("A anchura proxectada para esta rota varía entre os 1,50 m e os 4,50 m con terminación do firme en zahorra artificial, madeira, terra e acerados") e coa experiencia de que se chegou a presupostar hai xa anos unha boa partida para a rota do ferrocarril entre San Tirso e Ribadeo, unha obra máis curta e aparentemente máis doada, continuación de algo que xa hai, e mesmo a facer as xestións para a licitación de obra, e segue sen comezar nin gastar un céntimo, ... que se pode esperar neste caso?
Quizáis o que se poda esperar é o que aparece na viñeta de Vergara, aínda que sexa aplicable non só á 'xente do PP', á que vai dirixida polas circunstancias actuais.
Nota: Por certo, ía poñer unha etiqueta á entrada. Vai sen etiqueta, négome a poñer unha categoría de etiquetas que sexa algo parello a 'mentiras' ou a 'enganos'. enténdase, non é unha cuestión de principios, senón de evitar unha deriva de sobreuso da etiqueta.

20131006

Crise, economía e falsos dogmas, tamén esta semana, que hai moita crise e moitos falsos dogmas

Quen foi á charla pasada, xa sabe que o ciclo paga a pena. Máis, nestos tempos nos que a desvalorización diriamos que 'vai por barrios', pois non afecta por igual a todo o que se pode desvalorizar, e polo tanto, tampouco a todas as persoas por igual.
Crise asimétrica e cambiante, sobre todo, nas condicións ás que se ve condenada a poboación, que necesita asimilar, comprender e actuar como sociedade para sobrevivir como tal.

20131005

Crise, Economía, e falsos dogmas

Onte tivo lugar a primeira das charlas sobre Crise, economía e falsos dogmas organizadas pola AVV O Tesón. Foi a cargo de José Mª Martínez Fernández, quen despois dunha introducción xeral de conceptos abordou a crise tendo como referenza os primeiros capítulos do libriño 'Manifesto de economistas indignados'.
Na charla, desenvolta no Salón de actos da Casa do Mar de Ribadeo, seguida por máis de trinta persoas e con posterior intervención do público, poidéronse entender cousas como a diferenza entre os mecanismos de equilibrio automático na economía e os de tipo discrecional, e a incidencia desa diferenza na crise actual en Europa en relación con outros países, como os EEUU.
Nas preguntas e debate posterior fíxose incidencia particular nalgún dos temas tratados, por exemplo, os diferentes factores que agravan a crise segundo para quen, como a diferenza de tipos de irpf segundo a procendencia dos ingresos, ben por salarios, ben por capital, ou a preparación liberal disa situación asimétrica actual, coa baixa do imposto de sociedades dende os oitenta á actualidade.
A xeración dese debate é precisamente un dos obxectivos previstos das charlas, despois de ter recibida na parte de conferencia a formación básica para que o debate sexa informado.
Adxúntanse dúas fotos correspondentes nunha, ó momento no que se estaba a tratar a incidencia do aumento da influenza dos mercados financieiros na economía, e na outra, ó tratamento da relación da imposición sobre o déficit da UE, a súa influenza no devir dos mercados financieiros e o seu efecto en forma de recortes na actualidade en España, procurando solucións e deixando patente a desculpa neoliberal para desmontar o chamado estado do benestar.
A próxima charla da serie será o xoves 10 de outubro, no mesmo lugar e hora, a cargo de José Ángel Bolaño Penelo.


20131003

Horario

O de levantarse cedo é o que ten: se non se durme ben, está un arrastrado todo o rato. Así pois, é doado imaxinar o que pasaría de levantarse unha hora máis tarde. A luz eléctrica estaría unha hora menos funcionando na casa, ó mediodía a posición do Sol estaría máis centrada no ceo ...
Isa é a proposta que hai varios anos se fixo dende o BNG para Galiza e foi rexeitada tildándoo de calquera cousa menos de sensatez, e a proposta que remata de ser repetida hai pouco para toda España de xeito formal e acollida de forma considerada, cando os máis afectados pola mellora seriamos a xente do noroeste peninsular.
A máis, dicir que a proposta implica voltar a un horario que tiñamos antes de que a Franco se lle metese na cabeza que era mellor que tiveramos o mesmo horario que Hitler en troques de telo como Churchill (quizáis o telo como os alemáns ou como os ingleses como pobo era menos importante)
Iso si, non sería a panacea, pois necesitando sono, as horas hai que adaptalas, e se nos deitamos unha hora de reloxo oficial máis tarde, iso tamén implica cambios na luz eléctrica que usamos pola noite.
En calquera caso, o cambio horario que terá lugar entre horario de verán e horario oficial de inverno o próximo 27 (medida que non deixa de ser controvertida por ser cíclica, afectando ó organismo) pode darnos unha idea dos cambios que terían lugar no xeito de vivir e en nós mesmos.
Terá lugar ise atraso? De novo, sen decisión sobre as nosas propias vidas, esperaremos a decisión doutros dun xeito despreocupado: a nós, o que nos boten...
Mentres esperamos, podemos ver o horario en calquera lugar do mundo.

20131002

Comparativa de Ribadeo e o occidente astur. Nota de prensa de O Tesón


O pasado sábado 28 de setembro, dentro das actividades da AVV O Tesón, tivo lugar unha visita dun grupo de ribadenses a varios lugares do occidente astur.

En primeiro lugar, o grupo recalou no Castro de Coaña. Alí tivemos a oportunidade de coñecer cun certo detalle a vida castrexa, e asemade de facer unha pequena difusión dun dos nosos castros, o Castro das Grobas, en situación ben diferente ó de Coaña, e do que se lembrou que a día de hoxe, anos despois das catas e promesa da difusión do informe correspondente, está de novo a monte.

Despois tivemos unha xuntanza coa xente da Casa Azul, asociación naviega que procura e promove actividades nun amplo abano, entre culturais, veciñais, de concienciación ecolóxica ou social, etc. Como resultado deste encontro, espérase cooperar en diversas actuacións no futuro.

Máis tarde visitouse o mirador da praia naviega, observando a máis da paisaxe diversas diferenzas entre a ría de Ribadeo e a ría de Navia, o seu desenvolvemento e coidado.

Pola tarde, os viaxeiros retornamos despois da visita ó Museo Etnográfico 'Juan Pérez Villamil' de Puerto de Vega. No museo poidemos observar diferentes aspectos relacionados coa xente, o mar, a terra e a actividade da zona, e de novo comparar a existencia deste museo coa falta dun lugar parello en Ribadeo. Falta que segue habendo a pesar das varias veces que se ten pedido e mesmo ofertado material, ou habilitado espazos que, de partida, podían ter dado acubillo a numeorsas pezas que forman parte do noso patrimonio, historia e mesmo futuro.

En resume, un ano máis, unha viaxe aproveitada non só para desfrute, senón tamén para poder mirar a Ribadeo con miras máis amplas.

20131001

As Grobas, de novo

Hoxe ou mañá teño un que facer un pequeno traballo pendente: o relato da viaxe social de O Tesón. Non me vai quedar máis que comparar nalgún momento o Castro de Coaña, coidado e visitado dende hai tempo, co castro das Grobas, en Vilaselán, rozado, catado, esquecido e a monte de novo, como se pode ver nas fotos.
Ben, algunha comparación será daquela, pero, mentres, considerando as Grobas sen comparación con algo que é xa moi diferente, lembro que na cata realizada, prometeuse información, e non se deu. Anunciouse material en cantidade, e nin idea de onde está. Non cumpriu a empresa? Pode ser, pero polo momento, non cumpriu a administración. Cal? Na maraña de administracións que se presenta cando se trata de asumir responsabilidades (outra cousa é cando se trata de anuncios positivos) entendo que ó concello tocaríalle unha parte modesta, pero importante: reclamar a información para, por defecto de actuación das outras administracións, presentar a súa xestión para conseguir algo que a Ribadeo atinxe. Ó fin, o anuncio de visita ás escavacións e outros semellantes, si foi feito polo concello.
Polo momento, non é así. E o tempo pasa.
 Unha cata, abandoada e con maleza.
Outra cata, irrecoñecible máis que polo valado.
Un dos foxos defensivos ...
algúns artigos dos aparecidos no blog sobre as Grobas, entre 2006 e a actualidade (sen ordear por data):
Aviso de paseo ás Grobas
Limparanse as Grobas?
Desbrozando de novo
As Grobas: información
Dinamizando As Grobas
A posta en valor do Castro das Grobas
Para localizar o Castro das Grobas
Nota de prensa de O Tesón sobre As Grobas
Nota de prensa sobre o paseo ás Grobas
Un ano despois da cata nas Grobas
Conferencia sobre a excavación das Grobas organizada polo Tesón
As Grobas e a piscifactoría
Sobre a catalogación das Grobas
As Grobas cumpriu
Lembrando os 300 restos arqueolóxicos e a promesa do informe
As Grobas comeza a reexistir
As Grobas, en potencia