Nota de Prensa
AVV O Tesón
Xuntanza de representantes da Mesa de Asociacións do Concello de Ribadeo co alcalde
Venres, 31de xaneiro de 2014
Diversos representantes de asociacións do concello reuníronse o pasado venres 31 á noite co alcalde e co concelleiro de Medio Ambiente no Salón de Plenos. A xuntanza foi preparada cunha previa mantida cun grupo máis amplo de representantes asociativos que responderon á convocatoria de O Tesón, que se encargou asemade da coordinación para a xuntanza coa alcaldía.
Co alcalde foron considerados temas diversos, incluíndo en primeiro lugar o parón que sofre dende hai xa varios anos o regulamento de participación cidadá. En relación a isto, o alcalde prometeu que retomaría o desenvolvemento, tendo mesmo en conta algún documento complementario que lle foi entregado, se ben non adiantou datas para levalo a cabo.
Foi tratado o tema da residencia, pero só a mero nivel de comentario das últimas informacións dispoñibles, e no marco da falta de competencias actual do concello.
Foi tratado despois a oferta de apoio das asociacións ó mantemento de servizos sanitarios na Mariña, se ben coñecendo ambas partes que o concello non ten competencias no tema e polo tanto non pode recoller a oferta como tal.
Pasouse despois a outros temas. Así, e relacionados co funcionamento da participación cidadá, presentouse a queixa sobre a falta de contestación por parte do concello a moitos escritos enviados, e o que estimamos unha falta de comunicación adecuada de xuntas e plenos que favoreza a participación cidadá.
Tratouse asemade a proposta de exposición das vidrieiras da capela do cemiterio, xa instaladas. E, se ben non é igual de aproveitable de cara ó coñecemento e difusión da importancia das vidrieiras, quedouse en remedar en parte a falta de exposición previa con unhas xornadas de portas abertas da capela.
En canto ó pobo, falouse do problema das cagadas caninas e do uso dos aparcamentos, problemas ambos que se espera ir erradicando paulatinamente. De igual xeito, tratáronse outros temas xerais como a inexistencia dunha ordenanza de ruídos ou o depósito de fianzas para amaño dos destrozos causados nos camiños pola extracción de madeira ou obras.
A segunda parte da xuntanza recaeu en revisión de diversas obras en todo o concello, dende o finalizado das rúas peonís no pobo, con charcos patentes dende o primeiro momento, ó rebacheo de diversas pistas ou invasión de terreo público no rural.
Fíxose fincapé de xeito especial nalgúns puntos, como as roturas frecuentes da tubería de traída de augas, realizada en materiais con mala vellez e que serán cada vez máis notorias. Respecto a isto, a solución pasaría pola renovación integral da traída, algo inasumible nestes momentos.
De mellor solución se estimou a o evitar que queden estrados vasos de plástico nas festas das diversas parroquias, que se estima que a curto prazo estará solucionado.
De xeito parello, foron tratados outros moitos puntos que se fai difícil tratar nun resume.
A xuntanza, que durou perto de tres horas, puxo de manifesto que é convinte unha maior relación entre alcaldía e asociacións. Na procura dunha relación fluída entre a alcaldía e a mesa de asociacións, acordouse que a próxima xuntanza sería o día un de agosto.