Amosando publicacións coa etiqueta ue. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ue. Amosar todas as publicacións

20170703

Nova sobre as novas (... que tamén afecta a este blog)

Dende hai un par de anos, os lectores asiduos do blog observarán que non poño ligazóns a xornais. A razón é unha lei, que se verá afectada por unha decisión que se tomará pronto a nivel comunitario, que implica un pago por cita, e que, co gallo que querer exprimir a Google para que pagara por as novas de Google News (o que levou a que cerrara o servicio en España), asfixiou outras moitas pequenas publicacións e obrigou a cambios noutras (como neste blog), rematando por ser perxudicial, ao menos a nivel influencia e difusión comentada inter pares de novas, tamén para a prensa e a liberdade de ideas (aínda que beneficie económicamente a algúns grandes grupos, algo que non está demostrado, aínda que si está demostrado que aumenta o seu poder).
Por certo, o de pago por cita é obrigatorio e irrenunciable, pero se quixera esixir o que me correspondería por ser copiado o blog polos medios (o que ten ocorrido abondas veces, mesmo sen citar) vou de lado, pois tería que asociarme ó equivalente á tristemente célebre SGAE e demostrar que me están citando, ó xerar demasiado pouco tráfico de datos como para que o teñan en conta, e seguramente aínda tería que pagar despois polos dereitos de adminsitración abondo máis do que me asignarían para pagarme... É dicir, para min sería obrigado pagar e imposible cobrar.
Agora, co motivo do tratamento legal na UE, International Communia Association remata de liberar un comentario, o seguinte:

Spain: Publishers pay themselves in desperate effort to show that giving them extra rights actually has an effect

... non sei se queda claro. A ligazón, aquí. Por se non queda claro que non só é a lei mordaza o que está a constreñir a sociedade en España, senon un conxunto de disposicións contra a liberdade que lle serven de compañía e axuda a dita lei.

20140218

Ceuta, como exemplo

Estamos vendo nas novas sobre Ceuta e a inmigración un exemplo da pauta xeral que se mantén dede hai xa tempo por parte do estado para case calqueira cousa. Case nos podemos preguntar se é por convencemento, necesidade estimada ou sinxelamente costume.
A cousa é que 'a morte' (así, estimada polos medios como tal, descartando o asasinato, qe soa moi feo) de 15 inmigrantes é tratada, en síntese do seguinte xeito.
Primeiro, negación. Negación de todo. Ata que cada negación concreta non se pode manter porque chega algunha cantrastación a ter unha ampla difusión. Entón, pásase a outra negación diferente, rebaixando o nivel, retrasando, como murallas de contención que foran caendo. Esta estratexia necesita dun complemento necesario: apagón de información, tentar cerrar toda posibilidade de que a xente coñeza a verdade nin por aproximación.
Despois (a orde pode variar, ou mesmo sobremontarse actuacións), pásase a minimizar o ocorrido. O mesmo subordinado que daquela apiou os 'hilillos de plastilina' do Prestige agora tenta pasar que por ser foráneos o que lles poda pasar non ten tanta importancia.
É nesta segunda fase cando toma máis importancia a 'colaboración' dos medios, pois xa se ve a necesidade de crear opinión favorable ós responsables do sucedido, despois de caer as primeiras barreiras da mentira. E así, atopámonos co Informe Semanal da tele pública (por iso de que é de titularidade pública) da fin de semana dicindo que, a partir da testemuña de xente que o presenciou, se vai montar no propio programa unha reconstrución. A xente que o presenciou era un garda civil. E por suposto, limitouse a falar, e non houbo ningún tipo de escenificación. Ou ca presentación de resultados dunha enquisa onte mesmo pola COPE: 54% 'a favor da GC', 46% 'en contra da GC', e dous exemplos de intervencións na enquisa, os dous 'a favor da GC'...
A enquisa da COPE introdúcenos de cheo na que sería a seguinte fase: a de distracción. Distracción externa, tanxencial e interna. Externa, procurando outra nova que salte á palestra e que tape e relegue a que nos ocupa a un plano secundario, de 'déjà vu', extemporáneo, de tempo pasado... Ou tanxencial, levando á palestra os dereitos dos inmigrantes ben tratados noutros casos (mira ti, en Melilla pasaron centos esta mesma semana e agora temos un problema, o alcalde pide axuda), ou botando balóns fóra: a culpa tena a UE (non era o estado español cando a 'traxedia' de Lampedusa o ano pasado o que dicía que algo así non podía pasar en España?), ou contrapoñendo a suposta groria da GC a quen lle quere achacar un fallo para atacala (no mellor dos casos destsa versión, quen non lembra aquelo da velocidade e o touciño?) Ou mesmo interna, a máis difícil, pois implica dalgún xeito, botarlle a culpa a alguén secundario ou que conveña no momento, abrindo unha brecha nas propias filas que sempre leva asociado un custe que haberá que asumir.
Por suposto, sempre haberá quen de esta mesma explicación moito mellor, con exemplos más apropiados, con moito máis detalle... e tamén esa interpretación será usada para dicir que non é valida por ter faltas, o mesmo que ocorrirá con calquera outra máis completa, que nunca será perfecta.

20131114

Desprestixio

Hai desprestixios inmediatos e hai outros ganados a pulso, durante tempo. Pertencen a categorías diferentes. Os ganados a pulso son a suma de accións que van aumentando o desprestixio, algo así como un desprestixio composto. Algo que se consolida no tempo e sobre o que logo é moi difícil que cambien as ideas, porque se constrúe toda unha estrutura de valores, causas e efectos arredor.
Dese tipo de desprestixio profundo é do que imos sentindo que vai tecendo a xudicatura en España, acompañando a outros poderes que se manifestan en rede en troques de facelo de xeito independente uns dos outros.
Dende hai tempo as películas norteamericanas presentan unha imaxe do poder xudicial nos EEUU independente pero submetido ós recursos dos que pode facer uso cada parte litigante. Si, é ficción, pero en toda ficción hai un poso de realidade.
Aquí, tampouco se trata de que a xudicatura (alomenos en conxunto) sexa impropia para a labor que desenvolve. Trátase, cada vez máis, do sometemento a traverso de normas, recursos dispoñibles, uso instrumental da fiscalía, nomeamentos con criterios partidarios, desenvolvemento legal, dificultade de uso da legalidade para quen ten menos recursos, ... cousas que alonxan a xudicatura da xente mentras a achegan a centros de poder. Cousas que se veñen incrementando e que fan que se escriba en pedra cada vez de xeito máis profundo que se te collen apañando un euro tes un problema, pero se te collen apañando dez millóns o problema téñeno os demáis. Mentras que hai unha longa cola xa de políticos exentos xudicialmente de pagar pola súa culpa (serán culpables, pero é 'peccata minuta', ou as probas serían determinantes noutro caso, pero non nise, ou estaba tan enriba que había outra xente no medio para culpar, ou os xestores políticos están exentos legalmente diso, ou ...) e estamos a vivir outra serie de casos que se vai vendo máis claramente que seguen camiño parello, dende políticos de a pé de diversos partidos ata xente relacionada coa casa real, onte sóubose o resultado da sentenza sobre o caso Prestige. E é doado de resumir: Todo o desastre ecolóxico derivado do estado do Prestige e da xestión da crise ata o afondemento e aínda despois, non ten autor que o asine. Así, todo o traballo de descontaminación vai ben pagado coa satisfacción do feito. Así, os 'hilillos de plastilina' non foron de plastilina, nin fíos, pero como se o foran. É dicir, o resultado é algo así como tranquilos, que quen non o fixo, non o pode repetir nunca máis.
Antes, xa tiñamos claro que leis sempre houbo, e que tiveron lugar modificacións legais sobre as características dos buques ou o alonxamento de terra en Finisterre, e, ó fin, como poñía hai poucos días un xornal, non hai problema, pois a crise diminuíu o tráfico en case vinte barcos diarios do corredor de Fisterra (esqueceu botar as contas o xornal de que aína queda o paso de máis de cen buques diarios ...)
E chegamos a hoxe, ó día despois. E que?

20130525

Praias do concello de Ribadeo. Grazas, OKFN-SP!

OKFN-SP é a sección hispana da Open knowledge foundation, organización adicada a facilitar a apertura e liberdade do coñecemento. Unha das cousas que fan é tentar poñer os datos das administracións públicas a disposición das persoas dun xeito que sexa doado facerse con eles e usalos. Unha mostra a continuación.
O primeiro arquivo, o que obtiven das praias de Ribadeo,
https://docs.google.com/spreadsheet/ccc?key=0AlfwpUTquuVmdHUzbVJ0b1pnTS1xT3kzaFRSNXFKN1E&usp=sharing e o segundo, o lugar de onde foi obtido: https://dl.dropboxusercontent.com/u/7679620/playas_refined_export.csv
Os datos, unha volta vistos, coido que constitúen fichas non demasiado confiables, pero xa que son datos compartidos a nivel europeo por institucións oficiais (outra cousa é que foran lexibles por calquera de non participar os voluntarios de OKFN) implican a parte da información unha referenza de imaxe de cada unha das praias cara ó exterior.
É algo que están a facer voluntarios por ben de todos... Vamos, a típica cousa na que paga a pena participar se sabes como axudar (sempre hai algún nicho no que se pode facer) e hai algo de tempo para facelo.

20120127

Falta de democracia

Hoxe non vai de Ribadeo, senón con Ribadeo como participante nunha sociedade moito máis ampla. Onte pola tarde saltou a nova en diversos blogs de que os representantes da grande maioría dos países da UE tiñan asinado o ACTA nunha xuntanza en Toquio. Coido que é un novo acordo que recorta os dereitos da xente en beneficio das grandes compañía e os seus propietarios, pero neste caso, de novo, o máis importante non é iso. É que se produxo específicamente evitando a participación popular, ocultando á xente de que se trataba e evitando que soubera nin a data da sinatura. En países e sistema teóricamente democráticos, máis que o noso (que tamén asinou), onde onte mesmo a nova alcaldesa de Madrid pedía voluntarios para facer traballos públicos porque a cidadanía tiña obriga de devolver todo o ben que lle ten feito á sociedade (ante la crisis los ciudadanos deben "hacer algo por la sociedad"), onde se atacan ós xuíces cando convén e se instrumentalizan cando queren, e que descargan a autores de chanchullos da súa carga legal.
Ou sexa, de novo somos sociedade para pagar os pratos rotos, pero non para exercer como cidadanos.
Por certo, alguén sabe algo do regulamento de participación cidadá de Ribadeo?

20110609

Feitos (ou en todos os lugares cocen fabas, moitas veces, as de outros)

Simplificando:
1.aparece unha infección de E.Coli en Alemaña.
2.a política de turno busca unha cabeza de turco.
3.os agricultores españois sofren as consecuencias sen comelo nin bebelo.
4.España di 'non é culpa nosa'.
5.a política alemana procura novos culpables.
6.os 'novos culpables' tampouco son culpables.
7.reunión na UE para procurar un arranxo.
8.os da UE ofrecen pagar 1/3 das perdas.
9.os damnificados din que non.
10.a UE aumenta a 1/2 das perdas (actuais)
... continuará, e podería ser más detallado. Pero:
a)A E.Coli é algo que temos todos; é unha variación xenética nova que non se sabe de onde sae, pero mírase cara ó desequilibrio medioambiental, cousa que se perde entre outras consideracións económicas e políticas.
b)A 'política de turno' remata desempeñando ela tamén un papel de 'cabeza de turco' dentro da política alemana, sen sofrer consecuencias: é apoiada polos seus superiores; ó fin, as consecuencias en Alemaña son limitadas, despois de sinalar co dedo e perxudicar a varios países de Europa sen probas.
c)Antes de amosar que os cogombros españois non tiñan a culpa, ninguén amosou que os controis que sofren os alimentos exportados en España son de alta calidade (como atenuante dunha posible culpa, por exemplo), nin tampouco ninguén amparou (diferente de defender) ós agricultores a nivel político.
d)O arranxo é a nivel económico entre a UE e os países perxudicados, non entre Alemaña e os perxudicados, por exemplo. Pero, quen é o país máis influínte na UE? A quen beneficia máis ista postura de consideración da UE e non dun país como culpable das acusacións infundadas?
e)De calquera xeito, a toma de decisións e as consecuencias dos representantes públicos rematamos pagándoas todos (mesmo os españois que seguiron comendo cogombros)
f)É certo que os beneficiarios deben ser resarcidos. Pero, a conta dos ciudadáns? Mesmo dos dos países que son produtores e están a sufrir as consecuencias? Non é outra vez máis (máis xustificada quizáis que noutros casos, pero outra vez máis) un trasvase de fondos do público ó privado por mediación dos políticos, dispara para defenderse eles mesmos?
g)As compensacións trátanse como un mercado, con criterios de potencia económica e política e non de culpabilidade ou xustiza. É xusto? Ético? Mesmo, é favorable en xeral para a economía da eurozona ese trato? E para a consideración que os cidadáns (en termos xenéricos) temos da poĺítica?
... tamén aquí podería continuar e profundizarse

20080226

Deixando por un momento a campaña






Onte vin parte da confrontacion televisiva entre os dous príncipes dos partidos maioritarios. Coido que Zapatero levoulle a ventaxa lixeiramente a Rajoy, se ben non andiveron finos ningún dos dous en moitos momentos, con meteduras de pata como a de Zapatero co canon ou as repeticións de Rajoy co terrorismo (que secundou en parte Zapatero). E entérome de que tamén vai haber mítin en Ribadeo de UPD; será o domingo ás 7 no cine teatro.
Pero hai que deixarse de atender a grandes cousas e mirar tamén ás pequenas: por elas se comeza. E aí están as cousas de Ribadeo, esperando ou solucionadas. As fotos dan mostra dalgunha delas:
O mirador á beira da aduana vella está refeito (non teño idea de cándo se fixo, e aínda non tiven tempo de ver como quedou, máis que o equivalente á foto)
As dúas fotos do porto cara ó fondo da ría de Ribadeo presentan outra vista do que xa expuxen o outro día, sobre a nave do porto. É un tema que coido que se se esquece, vai adiante. A única esperanza é que non se esqueza; nise sentido, tamén houbo algunha nota na Comarca desta semana, que escanearei e poñerei no blog.
Pero non é o único no porto. Que se está a facer nunha parte do porto onde se dixo que non ía haber nada? Pois non sei,pero un novo garito pequeno, como se pode ver na outra foto máis, tomada dende o paseo marítimo. Diso non se deu nova, que eu saiba,pero pode ser algo así como os rochos das fincas 'de labranza': comeza por un baúl para gardar aperos e remata como unha casa... de construcción ilegal, pero que unha volta feita, a ver quen a tira.
E por último nas fotos de hoxe, a obra de 'circunvalación' do peirao de Mirasol. Parada. Por? Non sei, pero leva xa algún tempo que mo parecía. Poderá ser polas eleccións? Por esta, sendo a nivel estatal, dubídoo. E non creo que o estado ou portos pretenda incumprir coas normas impostas polo EEUU... aínda que agora que din que a capacidade de Mirasol rebasarase este mesmo ano e que hai que facer máis obras, ó mellor pretenden botar máis para aló.

20070701

Comentarios pequenos

   Nun domingo con invasión como o reseñado na entrada anterior, non hai que esquecer outras 'pequenas cousas' como que a xunta concedeu as dúas posibilidades de piscifactoría en Ribadeo, pero... a de Acuinor, para comezar terá que recuar 200 m cando menos (é dicir, a 'piscina Cascos' que se pode ver aínda non poderá ser piscifactoría) e competir pola compra dos terreos con outras empresas, pois a xunta expropiará e venderá o terreo (logo xa non é aquelo de 1 €/m2), e a outra, que parece que a pesar dos dimes e diretes da empresa Pescanova segue adiante, debe tamén de ter algo de respecto nas beiras, coa zoa LIC e o castro de As Grobas (a ligazón é unha das moitas que se pode atopar no blog sobre o castro)
    Por outra parte, Segue o tema de que o alcalde non teña soldo polo momento. Hoxe novamente o ex (Balbino) sae na prensa con diversas afirmacións. Algunhas delas, chocantes, como o par seguinte: "A situación á que se chegou, ten un único responsable, que é o alcalde pola súa absoluta falta de diálogo e de capacidade para chegar ós acordos necesarios para evitar este tipo de situación" e "Non admito comparacións dese tipo". A ter en conta que as frases están descontextualizadas. Pódense atopar con outra disposición en "La Voz de Galicia"