20190430

Día do libro: saber que queren facer. Por Pablo Mosquera

**Recibido o día do libro, publicado despois das eleccións, cos resultados na man**
   O segundo debate si logrou a colisión entre proxectos, condutas, estilos e verdades ou mentiras. O formato do debate e a habilidade dos xornalistas do medio déronnos uns espazos nos que non tivemos tempo para aburrirnos e os aspirantes non puideron escaparse vivos. Todos houberon de arriscar. Todos tiveron que aclarar actuacións contradictorias. Todos foron vulnerables.
    Esta vez a televisión privada gañoulle a partida á pública. É coma se esta a usaran para evitar un debate no que o aínda presidente do goberno sufrise acoso e derribo. Para iso nada mellor que un debate anunciado, con preguntas generalistas e tempos moi limitados. E así desaparece a espontaneidade, a sorpresa, a perda por momentos dos papeis e a necesaria alianza para manter un modelo de esquerdas, que visto o visto, non vai necesitar de alianzas con partidos secesionistas. E aquí fago a miña primeira previsión. Gobernará Sánchez en solitario, cos apoios precisos e coyunturales en cada momento e segundo os asuntos que se poñan a lexislación das novas Cortes.
    Foi moi espectacular. O nerviosismo de Rivera. O apromo presidencial de Sánchez, que non lle impediu facer uso de sal groso en determinados asuntos, como o ataque, pelín sucio, contra Casado, co asunto da violencia de xénero. A actitude conciliadora, case episcopal, de Igrexas, convertido no mellor escudero do cabaleiro alto, guapo, e crecido, xa que fixo unha traxectoria case impensable, desde aquela reyerta na sé de Ferraz, cando lle botaron da secretaría xeral do PSOE a gorrazos para chegar a estar na cabeza da táboa.
    Esta vez habemos ter claro que hai dous bloques con aspiracións para gobernar España. As dereitas e as esquerdas. Poida que ata sen que os nacionalistas pinten nada ou moi pouco, cos seus escanos. Só nos asalta unha dúbida. Tendo en conta a presenza de VOX que enchía unha praza de touros en Madrid, cantos escanos pode adxudicarse o vindeiro domingo?.
    Hoxe si que todos abandonaron o debate convencidos de que o gañaron. Como dicía un imbécil que chegou a ser Conselleiro de Interior, en Euskadi: que tal dei?. E é que algúns viven a política máis preocupados da imaxe que das ideas.
¡Ah!. O meu segundo vaticinio. O resultado en escanos de PODEMOS será tan malo que obrigará a Pablo Igrexas a deixar a política. E é que os seus asesores lograron que o voto útil das esquerdas concéntrese outra vez no PSOE.
Como galego sentinme ausente nas referencias ás Comunidades do Estado. E é que nosa Galicia necesita voz propia e superar o tradicional sucursalismo. 
   Polo menos fóronse co agasallo dun libro. Poderán ler ao último premio Planeta.

Historia electoral de Ribadeo (eleccións xerais)

Coido que tres gráficos chegan para facer unha primeira interpretación das eleccións xerais en Ribadeo, sen prexuízo de que o comentario se alongue e se recaben máis datos despois.
O primeiro é a porcentaxe de votos en relación ó censo. Certo que estas eleccións subiu en relación ás pasadas, pero queda nidiamente por baixo das porcentaxes de comezos dos 2000, co que o efecto chamada dos partidos chegou 'ata onde chegou'.

 En canto a votos emitidos, resulta que despois de estar subindo o número de electores por décadas, agora recuou lixeiramente, o que leva a que o número de votos total non sexa moito maior que nas de 2016:

 A decantación de votos a un ou outro partido complícase pola existencia de novas formacións, divisións, etc. Está claro que os partidos máis tradicionais seguen a manter máis votos nas eleccións xerais, pero é unha apreciación que hai que matizar, pois aí tremos o caso do BNG, que aínda que subiu en votos queda por baixo da nova marca de Podemos, que discontinúo das pasadas eleccións ó presentarse en coalición diferenciada (arrancando dende 0 por unha cuestión técnica de representación). Na gráfica a continuación aparecen os partidos que algunha vez tiveron máis de 50 votos, arrancando Unidas Podemos e Vox dende 0 nas pasadas polo xa dito)

20190429

Para que votamos ó Senado? Información, desinformación, formación:

Ó parecer, para enterarnos de se pode ou non bloquear o que diga o congreso. Porque esa é a noticia: que vai poder facer, se pode facer algo.Polo sistema de votación e reconto, o normal é que o resultado do Senado potencie o do Partido máis votado ó Congreso, dificultado a actuación no caso de coalicións que se fagan coa maioría da 'cámara baixa'.
Neste caso, onte, o resultado non defraudou, pois seguiu a mesma liña. O partido máis votado ó Congreso fíxose coa maioría absoluta no Senado.
Hoxe, mellor que unha análise de ganancia e perdas, coido que está mellor lembrar algo que tiña para martes pasado pero que por circunstancias non publiquei. O por que está mellor, despois de ler, a ver se estás de acordo comigo. Titulábao "Información, desinformación, formación" e vai a continuación:
"
Onte non vin o debate electoral. E hoxe xa falei cunhas cantas persoas tentando picalas en relación ó debate. De xeito invariable, aquelo de que cada un fala da feira segundo lle vai nela, é aplicable a este tema. E é que está demostrado que cando alguén se pon a mirar un debate, a tendencia principal é que a idea preconfigurada tende a reforzarse, desbotando outras que tenden a competir con ela.
Claro, se todo fora tan sinxelo, os debates non existirían. E existen. Porque neles preténdese aproveitar as marxes de dúbida. Por outra banda o rendemento obtido (para os telespectadores, que o rendemento para os partidos é outra cousa) depende de moitos factores,como a información previa, que permite axustar a atención a aquelo que de xeito previo se considera máis interesante, ou con máis dúbidas. A información previa tamén inclúe a desinformación, con toda a cantidade de feitos dos que se reciben novas e ós que non se lles pode procurar ou sinxelamente non se lles procura a súa validación, pois hai moitas cousas ás que mirar e pouco tempo para facelo (si, somos consumistas de todo, incluídas noticias e tempo). Esa información previa tamén inclúe a formación, que nos permite ter algunha posibilidade de manexo das trolas que nos meten, de casar o que nos din coa ideoloxía de quen nolo di ou de apartar coñas, insultos e faltosidades para centrarnos en feitos, ideas e posibilidades de cumprimento.
Así as cousas, poderíase dicir que o insulto implica recoñecemento de existencia ó insultado, pero máis ben é un reproche de dita existencia e unha autoxustificación da propia: algo así como un acto de ditadura. Dende logo, non é un recoñecemento do dereito á existencia do outro, nin un intento de comprensión doutra postura, nin moito menos unha comparación que permita mellorar o que se pensa e o que se podería facer, cousas que implican un traballo extra sobre algo xa feito de xeito previo.
Ah, unha cousa amodo de reflexión previa ó final: alguén cre que os representantes dos partidos nos debates (sobre iso de 'representar' a un partido tamén se podería falar) falan do que nos interesa a nós en troques do que lles interesa a eles mesmos? Ou que cando falan de algo que te interesa non é porque lles interesa a eles que saibas que falaron diso?
E o final: unha intervención mínima como estas liñas coido que podería facer pensar máis de xeito teórico e/ou práctico que o debate, que si é capaz de xerar incomparablemente moitos máis comentarios. E que pretende ademáis, algo que isto non vai ter: votos. Non, non se trata de arrogarse méritos, senón de sinxelo recoñecemento do que é a política aquí e hoxe.
"

20190419

Semana Santa?

   A Semana Santa é un patrimonio relixioso. Si? Coido que era. O nome, o empaque de actuación, segue séndoo, pero hoxe por hoxe, quen se atreve a afirmar que a superficie -ou o fondo- das actuacións que teñen lugar por toda España esta semana son de tipo relixioso? Só as persoas que confundan (pódese cambiar a palabra se alguén se sinte ofendido por 'asimile' ou outras semellantes) relixión con actuación.
    A molestia dos pasos á beira das terrazas é só medio tolerada pola xente que as ocupa como o motivo que desaloxa o tempo para poder estar nelas. Os chiringuitos nas rúas fan menos contraste que as procesións, toléranse moito mellor, a non ser que as procesións sexan desas que 'hai que ver e fotografar' como actuación e arte... e en Ribadeo non hai moito diso.
    Nestas datas sinaladas, os gobernantes xa non van baixo palio, senón a deixarse ver nun espazo público que fai máis visible a súa cara, e iso xa sabemos que é fundamental na suma de votos: unha cara coñecida e recoñecida como tal. Que lles pode quitar votos por significar unha relación igrexa-estado (ou administración)? Na mercadotecnia electoral xa saben que o peso dun valor e o outro non é o mesmo, e compensa.
    Mentres, os pícaros teñen festa para eles no parque, que para iso están de visita (ben, si, tamén poden sumarse os do pobo, claro!) e xa se poden ir habituando ó sistema festeiro da Semana Santa, entre 70 e 95 dB ó recorrer o parque o mércores, cheo de cativos concentrados xogando monitoreados baixo a música 'ambiental'. Por certo, intensidade sonora equivalente á dunha moto ou un coche acelerando polo outro carril da estrada... cos nenos sorprendentemente pouco alborotadores.
O gráfico de son ó recorrer o parque, achegándose ós 100 dB nalgún punto.
    Vixiantes do tempo, as procesións necesitan de bó tempo, que se chove, 'os santos' móllanse, e a xente, tamén, e iso estropea a actuación. Claro que, se non estaban previstas polas previsións meteorolóxicas que se fan públicas, en certa medida pode ser benerficioso para o consumo, que a xente ten que meterse nalgures.
    E cando remate? A valoración será se houbo moitas prazas hostaleiras cheas, se se vendeu moito... na Semana Santa, que hai que poñer con maiúsculas, porque ten nome propio. Por certo, este ano, coa previsión de cheo, é de prever que a valoración será positiva.

20190417

Pro eleccións: estás preparado ou preparada?

As eleccións son unha oportunidade. Por estes lares, co nivel de participación social que se tenta acadar de xeito desinteresado -nulo-, case unha anomalía. Anomalía que hai que aproveitar como resquicio nesa falta de participación, como oportunidade dunha mínima de toma de control sobre unha parte moi importante da vida de cada un.
Por iso non ven de máis botar unha ollada a ver se se recibiu a tarxeta censual, algo así como a ficha que indica que os teus datos están en orde para que podas proceder á votación. Neste caso pon 'eleccións 28 de abril', é dicir, para as eleccións xerais, pero aclara en letra pequena que, de non haber variacións, tamén servirá para as eleccións de maio: que se ti non dis nada en contra, os datos usados serán os mesmos.
Estás preparado ou preparada?


20190416

As Catedrais, de xeito periódico: esquizofrenia catedralicia

   Co valor ambiental e económico, e o movemento ligado ó ciclo anual, xa temos de novo nos medios a ración asegurada de Catedrais. A máis, nesta primavera, hai novidades. Despois da morte dunha visitante por impacto ó desprenderse unha rocha do teito dunha cova, a prohibición de recorrer o alto do cantil, o alucinante dos carteis cravados nas rochas que teñen que protexer, o horario limitado dos vixiantes que permite facer visitas fóra do mesmo, os anuncios nas redes lembrando que hai xeito de evitar a limitación de número de visitantes, a marea que non coincide cando quixera a xente que ven (ou sinxelamente, que non lles cadra que exista), a pretensión de C's de lembrar a España que Lugo ten mar (debe ser que aínda non visitaron as catedrais...) etc, hai que cobrar alento para procurar algún sentido a todo o conxunto.
   Resulta que o plan de especial protección das catedrais está en marcha, despois de liortas varias que aínda saen a relocer coleando de tanto en tanto. E que especifica diversas cousas, esteñamos ou non de acordo, e estase máis ou menos a aplicar (por fases, iso si...) Pero, no medio, a vida continúa, o que ocorre e o que se fai ten consecuencias, e pode crear monstruíños, como aquel clásico goyesco do soño da razón.
   Sobre a morte da visitante, o xulgado zanxou o tema a nivel legal polo momento, pero esas cousas poden volver xurdir en calquera momento, sexa pola apelación do fallo ou pola procura dunha oportunidade política lembrado cousas pasadas. Ou acaso non saía onte mesmo un partido político, a conta da pesca, para lembrarlle 'a toda España' que Lugo ten mar? Apunto o de 'a conto da pesca' porque podería parecer unha base válida, sobre outro tema, pero se mal non lembro, as cotas de pesca seguen un principio de reparto basado en autonomías, e a estrada, citada a raíz da pesca, soporta toda a actividade económica, sendo a pesca, con toda a súa importancia, unha máis das actividades soportadas pola estrada...
   En canto á limitación de prazas de acceso diario, se a xente se informa un mínimo sobre a praia a visitar, chega á limitación. E a pouco máis que indague, chega a como saltarse dita limitación. Sexa de xeito legalizado, por estancia en hotel ou transporte de aluguer ou billete, sexa por horario, de xeito alegal (que non ilegal). Por exemplo, hoxe mesmo 16/04/2019, antes de que o persoal estivera por alí, debeuse poder entrar na praia en marea baixa. De xeito máis oportuno que con pase e a media tarde, sen ese pequeno detalle da marea adversa, e sen a compensación de camiñar polo cantil, a esas horas tamén vixiado. Claro que hai unha semana, nin vixiantes por baixo nin por arriba, para saltar entre as rochas ou por riba dos arcos...
   Polo que parece, o principal inconvinte para visitar as Catedrais estes días non vai ser outro que unha causa natural: a marea. Na España interior iso da marea pode non comprenderse moi ben, a pesar de estudarse na ESO, porque a xente maior non ten por que ter feito a ESO, e quen a fixo puido non ter o rendemento adecuado. E á xente do Mediterráneo, afeita a mareas duns poucos centímetros, tampouco deixa de sorprendelles. Vamos, como case todo nas Catedrais, comezando polos carteis de benvida en plan provisional coa ristra de normas e consellos. Ía poñer cutre en troques de provisional, mais sempre queda a esperanza de que rematarán facéndoo mellor, con máis tempo que supoño que non terían dende a aprobación do plan hai xa anos, en plural. E ós estranxeiros? Pode darse tamén o caso, claro, pero diría que os estranxeiros que se achegan ó monumento natural teñen as cousas máis claras porque prepararon máis a visita.
   Volvendo ó comezo, as Catedrais volverán ser noticia co comezo do verán, por calquera incidente ou trifulca política en calquera momento, pola realización dalgunha película ou serie alí (sen carteis visibles, claro... ou non) máis ben en tempo de poucos turistas, pola reportaxe dalgunha revista ou televisión ou clasificación nalgún lugar competitivo... ou polo impacto económico que está a mover normativa e noticias. Ás veces, será cun comentario acaído, informado, lóxico, e outras, podendo ser tamén informado, serao ó tempo por algo non tan lóxico, nun tempo en que conectar lóxica e noticia non ten por que ser moeda de cambio.

20190415

15 de abril

Esperanza Pérez Camba, recitando unha poesía propia no acto da República en S. Cibrao.

Onte foi a comida anual de Os Aventados. Como é tradicional, celebrouse unha entrega de premios, que logo referirei. Pero, antes, houbo unha homenaxe á xente que defendeu a República. Porque onte, 14 de abril, foi o aniversario da proclamación da II República Española.
A ese acto, a entrega de flores ó mar en San Cibrao co Himno de Riego (que foi acompañada por algún particular co afundir simbólicamente un real, 25 céntimos das antigas pesetas, no mar) non foi o único celebrado na contorna, nin moito menos. Por exemplo, en Ribadeo, consuminuse a noite do día 13 unha cea con abondos anos de tradición co mesmo motivo.
Isto, no 2019, en espera paciente de que a monarquía volva deixar de selo oficialmente neste estado no que vivimos no que desprestixiada, xa está. Isto, na fin de semana na que comeza a campaña para as eleccións xerais do Reino de España no medio dun desprestixio da política no que tentan cazar as ultradereitas ultramontanas. E isto nun día no que contrasta coa festividade relixiosa, Domingo de Ramos, que da comezo á Semana Santa, hoxe centrada nos movementos económicos e non espirituais. E é que parece que neste tempo nada é o que é.
Por iso, como alternativa social a unha política que pasou por mellores tempos (pero que teremos que reconstruír entre todos se queremos ter futuro) remato cuns premios humildes, os entregados na comida dos Aventados.
En positivo,
Árdelle o eixo:
Tripulantes do Pesca II e tripulante da lancha de salvamento marítimo
Labor social:
Asociación de Axuda ó Enfermo Mental da Mariña
Toda unha vida:
Andrés Díaz Ferro, práctico e capitán da Marina Mercante
Labor social:
Vicente Míguez Salgueiro, profesor e activista social
Baleeiro de San Cibrao:
Andrés Díaz Ferro
Aventado de Honra:
Román Ventoso ,torreiro do Faro de Puntra Atalaia
Premios á Calidade:
Mesón La Ría de Viveiro
Ceferino Expósito Rodríguez (Pub Brunos - S. Cibrao)
O Burelo Foz S.L.
En negativo,
Árdelle o carro:
Augas de Galicia (que quedou en mans da asociación ó non pasar recollelo)

20190414

Dos datos da enfermidade de Steve Jobs ás guías para difusión de incidentes da US Navy: Wikileaks

Atribución-Compartir igual 3.0 Sen adaptar (CC BY-SA 3.0) collido de https://gl.wikipedia.org/wiki/Ficheiro:Wikileaks_logo.svg

A transparencia internacional sinteuse atacada unha vez máis ó permitir Ecuador que Assange fora capturado. A resposta de Wikileaks, a liberación dunha morea de documentos de moitos países e entidades privadas, un novo exercicio de transparencia nun mundo no que moitos somos cada vez máis transparentes tanto para obter datos de nós como para non ser vistos na toma de decisións, mentres se concentra o poder en bunkers opacos e inaccesibles que estenden as súas redes no común e deciden por todos nós.
Botarlle unha ollada a algúns deses documentos é sentir que hai lugares para respirar liberdade.

Goberne quen goberne, as pensións deféndense. Tamén na campaña electoral


Ribadeo, 13 de abril de 2019. Un ano de concentracións. E medrando. Pouco a pouco, pero medrando mesmo no comezo da campaña electoral: primeiro día da campaña das xerais. Se poedir o voto para ninguén, pero pedindo que non se vote a quen está a atacar o sistema de pensións para convertelo en privado a traverso de diversos mecanismos botando ó lixo o que tanto tempo levou conseguir.
Onte, en Ribadeo, xuntouse xente para concienciar e difundir información sobre outros problemas sociais: os pensionistas non son un guetto illado do mundo, senón que defenden a estrutura social para mellorala. Saben que a sanidade pública é necesaria e debe ser boa, e deféndena. Saben que un salario digno é necesario. E deféndeno... Un grupo que se está a convertir na conciencia dun país abondo máis aló de consignas deportivas ou políticas, de pasatempos visualizados e pasivos.
E o calendario de mobilizacións segue. E chámase á xente que se sitúa no parque a 'ver' porque tamén lles afecta a eles. E déixanse fotografar ó tempo por xente que fai o camiño porque as mobilizacións xa forman parte da paisaxe, xa son unha icona... E non importa que no tempo das fake news a prensa en parte recurra á noticia dunha ou outra como o Guadiana, para encher ocos, pois teñen idade abondo para saber o que perdura e o valor dunha gota caendo sobre unha rocha...

20190411

A praia das Catedrais, atacada por quen tiña que protexela

Case mellor que un  novo escrito, unifico forzas e reproduzo a nota de prensa da Sociedade Galega de Historia Natural que se pode ver na súa web:

Segundo as novas e fotografías publicadas nos medios de comunicación, a Xunta de Galicia está a colocar sinais de perigo de desprendimentos directamente sobre as rochas nos cantís e covas da Praia das Catedrais, espazo declarado Monumento Natural e Zona de Especial Conservación.
A colocación de calquera tipo de cartel ou sinal directamente sobre o elemento que se trata de protexer – sexa éste unha rocha nunha zona de valor xeolóxico ou paisaxístico, un petróglifo, unha mámoa ou unha árbore senlleira – constitúe unha degradación e atentado do elemento do patrimonio natural ou cultural, así como un pésimo exemplo para a cidadanía por parte, precisamente, dun organismo oficial encargado da súa protección.
A acción de taladrar as rochas dos cantís para colocar os carteis constitúe “un deterioro das formacións xeolóxicas”. Polo tanto é unha actividade prohibida polo Artigo 8.2.a. do Plan de conservación do M.N. Praia das Catedrais (Decreto 80/2015):
“A destrución e deterioro das formacións xeolóxicas presentes no espazo, incluíndo a realización de pintadas ou gravados sobre as paredes dos acantilados e a substracción de materiais”.
Polo devandito, SGHN ven de solicitar á DX do Patrimonio Natural que se proceda de inmediato á retirada dos carteis instalados directamente sobre as rochas e cantís e á súa substitución por outros que respecten a normativa vixente no espazo natural

Inverosímil, alucinante ou esquizofrénico? Por Nuestro Faro


Por fin, despois dos interminabeis trámites que xa temos comunicado, a semana pasada puidemos consultar os dous tomos do expediente sobre a licencia de apertura dos apartamentos da Illa Pancha no concello de Ribadeo.
 O que alí nos atopamos despexa tódalas dúbidas sobre os motivos do Sr. Alcalde para non respostar ás nosas preguntas dende o 10 de setembro de 2018. A realidade é que, según os informes técnicos que obran no concello de Ribadeo a Illa Pancha está aberta ao acceso libre do público en xeral, dende o día 1 de decembro de 2017. Concretamente figuran no expediente mais de 15 documentos oficiais onde consta que a illa debe estar aberta ao público e consecuentemente concédese a licencia de actividade definitiva. Pódese cualificar de inverosimil, alucinante ou esquizofrénico pero esto é así e alí está para que comprobe quen esteña interesado.
Reproducimos de seguido dous textos abondo representativos.
6/11/17 Documento 5681 do expediente. Informe da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao: “ Las concesiones demaniales se configuran como un contrato por el que la administración titular de un bien de dominio público otorga a una persona física o jurídica el derecho a realizar un uso privativo, exclusivo y excluyente de una parte del mismo.”….”una isla con acceso único a los viales públicos a través de un puente, el mismo no puede ser objeto de concesión o autorización”…
7/09/17. Documento 5647 do expediente: “ quedando garantizado o libre acceso público ata a porta do establecemento a través do paso existente pola ponte que conduce á Illa”…
Sin embargo, como todo o mundo sabe, os documentos oficiais poden decir o que queiran pero a porta sigue pechada e o concello non sabe/non contesta.
Anque non é necesario, porque está á vista de calquera, imos aportar duas testemuñas que acreditan que a porta segue pechada aos veciños e visitantes.
O día 29/1/19 un medio amplamente coñecido publicaba un artigo sobre as illas galegas do cal recollemos o seguinte: “La exclusividad de contar con una isla para uso propio es lo que vende el Hotel Faro Isla Pancha. Solo pueden acceder mediante clave los huéspedes de sus dos apartamentos… 'Los turistas se quedan solos, tienen total privacidad y un faro de 1857 a su disposición' comenta la encargada del establecimiento”.
O día 23/1/19 LipChain Illa Pancha Challenge publicaba esta nota en Facebook: “No tenemos palabras para agradecer a los cientos de personas que os habeis acercado hoy….. Lo mismo para el dueño del Faro Hotel Illa Pancha, que ha abierto las puertas para que lo vivierais en primer persona…”
Entre as moitas contradiccións deste asunto non deixaremos de suliñar que a empresa concesionaria dispón, ao seu criterio, da chave dunha porta ubicada nun espazo público e o concello, se denfendese os intereses xerais dos ribadenses, debera ser o primeiro interesado en crarexar esta incomprensible situación.
Pola nosa banda esixiremos explicacións e aforraremos comentarios. So lembrar que a disculpa universal ao longo de catro anos foron os informes técnicos, pero agora xa non valen fronte ás decisións políticas do Sr. Alcalde. Os informes técnicos, mesmo os da Administración Portuaria, esixen que a Illa esteña aberta ao público pero a realidade é que permanece pechada, quen sabe porqué, poñendo nun ridículo espantoso ao concello e ao pobo de Ribadeo.

20190410

Ribadeo: explosión de ciencia

Ben. A conto do título, un apunte: non se trata dunha explosión destrutiva, nin moito menos, senón unha explosión no mesmo sentido que a explosión de flores nos campos na primavera. Da vida que medra, se organiza e aprende a vivir.
Chegan estas datas, e un evento esperado ano tras ano polos estudantes de medias de Ribadeo volve facerse realidade. Que unha das cousas que se preguntan a comezos de curso sexa 'cando é a feira?' indica que os estudantes contan da feira, como di o refrán, segundo lles vai nela: ben.
Este ano, a 25 Feira da Ciencia de Ribadeo ten lugar entre mércores 10, e venres 12 de abril, polas mañás, no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo. E alí se atopan os alumnos, libres para aprender e para ensinar. Para participar e facer partícipes á demais xente de anaquiños de ciencia misturada coa súa propia vida, que manifestan a cada explicación que dan. Explicacións que son recibidas ás veces -poucas- con indiferencia, pero tamén ás veces -moitas- con auténtico asombro. Como un exemplo deste ano, ver reconstruído un esquelete dunha musaraña (entre outros) a partir de egagrópilas (que non sabes o que é unha egagrópila? vai por alí e apréndeo, moito mellor que en Google!) deixa asombrada a toda canta persoa pasa por diante e ve. Podo certificalo porque aínda adiquei un cachiño a ver a expresión da xente mentres os alumnos de Susi Besteiro explicaban o proceso. Xente á que moitas veces lle costa crer que outra xente, de 4º ESO, sexa capaz de facer unha reconstrución así.
De calquera xeito, moitas veces o primeiro que se pulsa (e antes que ninguén, os alumnos) é a ilusión do equipo de profesores que liderados por Susi participan na edición. Este ano, a María del Monte, Bea ou Mario nótaselles á primeira ollada. Tamén o perciben e comentan moitos outros compañeiros, mesmo de paso casual polas aulas do IES, que quedan coas ganas de participar para outro ano que volten coincidir. Xente que queda estimulada ó observar unha labor que deixa pegada.
E os alumnos? Que se é un alicerce que deixen a aula unhas horas para expoñer algo do que se sinten en xeral orgullosos de que saíra de si? Pois claro! As clases normais non poden competir en atractivo, aínda que de feito, as horas adicadas a 'facer' os traballos sexan máis que as adicadas a explicalos, é dicir, aínda que traballen máis con este sistema (algúns, moito máis). Aprendizaxe en acción, facendo e explicando, integrando as cousas, relacionándose cos demais e pensando en como facer que entendan, coas súas propias verbas. Esa aprendizaxe inclúe, ás veces, erros que non son corrixidos no momento, pero que máis tarde pasan á memoria de como se foi aprendendo.
E o ambiente? Ir para ver.
Pódense dar explicacións do que sucede con teorías didácticas, mais coido que a máis sinxela é a máis axeitada: ós alumnos pode gustarlles facer ciencia. Facela así.

20190404

Éxito da Pancha


    A Pancha xa conseguiu a gloria. Se se van poñer en circulación 40 000 euros, iso implica unha subvención de 10 000, máis os gastos de posta en marcha, pois os anuncios que aparece na prensa teñen un custe.
    Enténdese que se fai unha promoción é para obter un rendemento, aínda que non ten por que ser inmediato. Neste caso, o rendemento viría a través dun maior gasto nos comercios de Ribadeo (naqueles adheridos entre os que teñen a posibilidade segundo o plan). A subvención ven do concello, e aínda que non se aclara na nota de prensa se como parte do convenio interanual con ACISA ou de xeito extra, polo tratado no último pleno, parece que extra. O fin declarado é 'inxectar diñeiro público na economía local' co fin de que 'se multiplique e xere consumo local' para loitar contra as novas canles de venda (internet)
    Parece que o meollo da cuestión é que durante o mes de abril (a campaña vai de 5 de abril a 5 de maio) vai haber 40 000 euros movéndose en Ribadeo, ou sexa catro euros por persoa do censo, dos que un é subvencionado polo concello, é dicir, polo cidadán, esa mesma persoa. Fago este apunte polo destaque que aparece nas bases, e que enfatiza que o consumo local de 5 euros á semana supón máis de 2 500 000 euros ó longo do ano. Supoñendo 5 €/per capita á semana, aínda que sexa de 1 ano, e parecendo que ese consumo implica que os dous millóns e medio de euros quedan en Ribadeo, e poñendo en relación unha subvención dun mes cun aumento dun consumo de período anual, etc.
    Agora ben, coido que ese non é o caso. E que, se a xente de fóra vai ter que vir a Ribadeo, a Abanca, na procura da Pancha, farao pola semna, que é cando ven menos, e non na fin de semana que teñen más tempo para vir... E, se non se 'descambian', só cambiará quen teña unha seguridade de que as vai aproveitar en compras non moi pequenas, pois non se devolve cambio. O que por certo, pode dar lugar á situación de que se pague con cinco Panchas algo de 4 € (e aínda se seguen a aforrar uns céntimos por parte do comprador, pero o vendedor pode presentar un ticket por esas Panchas e saír ganando igual...
    Vista a teoría de creación dos cartos e a facilidade con que se moven os cartos entre os bancos (sobre todo se son nosos), podería non ser mala idea... ou? Ó fin, a propaganda, que se fale da Pancha, xa está asegurada. Ou non?
    As bases da Pancha
    Impreso de adhesión do comercio

20190402

Grande América, pequena Terra


Non, aínda non nos enteramos: o que fai alguén neste pequeno planeta, repercute no resto.
Algo lóxico, pero que, por estar o efecto de cada acto difuminado entre todo o resto de actos e persoas, algo ó que non se lle presta moita atención. E algo que inclúe dende cousas moi pequenas, individuais, a outras moi grandes, como o Prestige.
Un novo verquido no mar ('nunca máis', lembras?), a uns centos de quilómetros de Ribadeo, nunha zona de tráfico marítimo importante, fai lembrar outros desastres que afectaron ás costas galegas e que cada vez tenden a ser máis importantes polo aumento de tamaño dos buques e a menor tolerancia das nosas costas ante a presión ambiental.
Agora trátase dun buqe con nome curioso: Grande América. Os detalles do seu afondamento foron subministrados polo seu armador, Grimaldi Lines, incluído o lugar: a pouquiño máis de 300 km de Ribadeo. Liña Hamburgo-Casablanca, 214 m de barco, contedores con materiais perigosos, 2200 toneladas de fuel pesado, construído en 1997, 26 tripulantes e un pasaxeiro, retido no 2010 por deficiencias no Reino Unido, antes de que outras deficiencias poran observadas en Hamburgo e Amberes, ... Estas últimas cousas non saían na nota de prensa de Grimaldi, do mesmo 12 de marzo, día do afondemento (ver foto do barco ardendo), senón en sitios como o Nouvel Observateur, subministrados por asociacións como Robin dos Bosques (aquí, un listado de materiais perigosos que levaba).
Tres semanas despois, aínda non se sabe se vai chegar contaminación á Mariña ou non. Depende das correntes, que na costa do Cantábrico poden ir de leste a oeste ou ó revés, de oeste a leste (como pode observarse neste vídeo da NASA). Pero está claro que 2200 toneladas de fuel (a máis doutros combustibles e a carga dos contedores) poden dar lugar a manchas da orde de un millón de km2. Algo que pode calcularse. Unha extensión superior á que abrangue o mapa...
Os accidentes son iso, accidentes. Pero a súa frecuencia pode diminuírse aínda sen cambiar o conxunto do sistema. Está demostrado que imos ter que cambiar o sistema xeral das nosas vidas en conxunto, como sociedade. Pero mentras o facemos ou non, podemos insitir en cousas como 'nunca máis'.