Amosando publicacións coa etiqueta Meteoroloxía. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Meteoroloxía. Amosar todas as publicacións

20240516

Letras no Campo 2024

    En baixo deixo a información sobre a nova edición da feira do libro de Ribadeo, Letras no campo 2024 (X edición): Cartel e díptico coas actividades (incluída presentación de 'A temperie ribadense no século XXI', o venres 24 ás 7 da tarde)





20230902

Na Veiga medran as inundacións

    1 de setembro de 2023. Coeficiente de marea: 111. Coincide antes da pleamar das sete da tarde unha pequena (podía ser abondo peor) tromba de auga na Veiga. E unha presión que se mantivo boa parte do día, incluído a marea baixa, por baixo dos 1009 hPa. Resultado: inundación.

    Non é novidade que chegue a auga ás rúas da Veiga. Non é novidade que o cambio climático, co aumento de temperatura, a máis de derreter glaciares que van parar ó mar aumentando o nivel mariño, tamén dilata a auga co aumento da temperatura media, o que sube o nivel, segundo estudos, a razón duns 3 mm por ano (e acelerando). Así, de non tomar medidas, as inundacións por mareas vivas vólvense máis frecuentes e agresivas.

    Unhas fotos que chegaron a min a través de Suso Fernández, Pancho Campos e Mati González. Primeiro, en Ribadeo, o peirao de Mirasol sitiado pola auga, que chega a sobrepasar a beira nalgúns lugares:


    E, o segundo, as inundacións da Veiga. Non moi grandes, pero un aviso máis de algo que pode suceder sen ir máis lonxe, o día 30, coa próxima marea viva cun coeficiente de 113, a falta de saber presión, chuvia e intensidade e dirección do vento para esas datas:






    Así que, na espera de que o 30 de setembro haxa un coeficiente de 113...

20230814

Incendio en Vilaselán

 

Foto de autor descoñecido

    Comezado sobre as dúas e media da tarde, queimou unha hectárea de árbores, herba e matorral perto da depuradora, do Castro Das Grobas e da desembocadura do río de Vilaselán. As altas temperaturas, a falta de auga, vento, e posiblemente, a mala intención, fixeron das súas.

20230813

A seca

A seca

    Ribadeo non ten polo momento restrición de uso da auga da traída, aínda que mira con atención os fortes problemas doutros concellos, como o veciño Barreiros, sobrepasado ano tras ano no verán por un urbanismo descontrolado e unha falta de previsión asociada tamén sen control. 

    Non, en Ribadeo non temos os mesmos problemas. Temos outros. É raro xa pasar un ano enteiro sen avarías na canalización dende o depósito de Vilarbetote, no concello de Trabada, a uns 17 km de canalización do depósito xeral para Ribadeo, nas aforas da vila, na ladeira de Santa Cruz.

     Hoxe fixen un paseo pola zona do encoro de Lexoso. Un lugar do que se colle auga para subministrar Ribadeo. Non o principal, pero alimenta a rede das parroquias do interior, aliviando a presión sobre a toma principal e evitando ter que bombear a máis altura a auga recollida do Eo en Vilarbetote. Vin que os regos que o enchen teñen só un fío de auga. Antes e despois do encoro. No encoro, o seu aspecto medio baleiro con nivel baixo, a máis de colmatado daba a impresión dunha pequena piscina descoidada. O descoido viría de que ó estar o seu vaso cheo de terra/area/lama, a súa capacidade máxima vese moi minguada. En calquera caso, o estanque reforza a súa imaxe co verde das árbores das súas beiras e pode inducir a pensar que aquí non fai falta auga. Ó fin, non estamos na terra dos mil ríos?

    A máis do aviso de hai xa moitos anos de que moitas fontes por Galicia adiante estaban contaminadas, das perdas de auga en canalizacións vellas, ou do consumo rampante sen consciencia de que a auga é un ben escaso (a terra dos mil ríos, lembramos) e que necesitamos compartir coa natureza, súmase o cambio climático: o aumento de temperaturas e a moitas veces desapercibida evaporación, e a diminución da chuvia en moitos lugares, xunto co aumento da irregularidade na caída. Contaminación que tende a aumentar pola presión humana. Perdas de auga que non diminúen se non hai un plan de mantemento inexistente en moitos lugares. Aumento do consumo que só se ve limitado ou de xeito cosmético ou pola falta cada vez máis evidente. E cambio climático planetario que está acelerarse xunto coas súas consecuencias, sexan diminución de chuvia ou variación de réxime de pluviosidade.

    Hoxe a seca non é só un ocasional dito dos labregos para os que non chovía a gusto de todos e enfrontados ó falar dos cidadáns e veraneantes que escapaban da choiva vivificante. É unha realidade que tende a quedarse un ano si e outro tamén, coa que hai que aprender a convivir pero tamén e ó tempo que se dan os pasos para tentar evitala no futuro. O noso impacto sobre o planeta está a sobrepasarnos, e dun planeta salvaxe, tras estragalo, non nos queda outra que coidalo como un xardín: o único salvaxe que queda sobre o planeta somos nós.

Vista do encoro de Lexoso, hoxe.

Baixada ó encoro, dende a LU 133
--

Engado un comentario de Evaristo Lombardero:
Tamén podemos suliñar que dende o comezo da democracia nunca houbo un debate público e aberto sobre o servizo de augas en Ribadeo, as decisións sempre se tomaron no segredo ou semisegredo dos despachos, con mínimos anuncios á veciñanza. No mil novecentos noventa e oito, baixo o goberno do PP aprobouse a privatización do servizo ca oposición de PSOE e BNG. A concesión foi por vinte anos. Xa no 2006 ampliouse por seis anos mais co voto favorable dos tres partidos devanditos. E en febreiro do dous mil vintetrés aprobouse un novo proxecto de privatización por outros vinte anos nos que o concello pagará vintecatro millons de euros á empresa concesionaria, pendente de trámites. Os tres grupos volveron a votar a favor.
Tamén se podería lembrar un traballo que presentamos nas eleccións de dous mil dezanove para reducir o consumo rebaixando o mínimo que agora está en vinte m3, e algúns concellos téñeno en seis. Obviamente está medida podería ser un estímulo para que a xente consumise menos. As familias que chamamos "monoparentais" raramente chegamos aos vinte, senón mirade as vosas facturas.

20230125

Meteoroloxía en Ribadeo en 1919/1920

 Meteoroloxía en Ribadeo en 1919/1920

    A raíz da publicación da biografía de Enrique Suárez Couto en Ribadeando, estiven na procura de algunha imaxe para ilustrar o traballo de Lourenzo Fernández Prieto, atopando algo que descoñecía.

    Polos cadernos mensuais que se gardan na biblioteca da Pedro Murias e os (poucos) rexistros derivados deles que se gardan na AEMET, todo parecía indicar que o establecemento da estación mereorolóxica que se montou como aliada da investigación e transmisión de coñecementos que alí se facía, databa do último terzo dos anos vinte do século pasado. Mais, nas 'Riberas del Eo', nos poucos exemplares que se conservan na Biblioteca Pública Municipal de Ribadeo do tempo no que foi director Enrique Suárez Couto, aparecen insercións semanais de datos meteorolóxicos recollidos nas instalacións. Insercións que, en épocas posteriores ó seu pasamento, desaparecen do semanario e da escea de documentos a disposición ata o primeiro caderno mensual de toma de datos que se conserva na Pedro Murias, correspondente a novembro de 1927. Hai que lembrar que Suárez Couto foi o primeiro director, ata o seu pasamento, sendo explicable a toma de datos meteorolóxicos polo seu interese no progreso gandeiro e agrícola da nosa terra.

    Aquí quedan as imaxes dos datos que atopei nas 'Riberas'. Os primeiros, nun exemplar solto do sábado 9 de agosto de 1919, con datos tomados de sábado a venres anterior (o mesmo que nos outros casos):


 





    As táboas de ventos, correspondentes a anemómetro e veleta, que aparecen nas primeiras táboas, desaparecen nas últimas, indicando unha vontade de incluílos que desapareceu máis adiante por motivo descoñecido.

    Deixo a continuación unha comparativa dos datos anteriores de temperaturas máximas e mínimas, coa temperatura media dos períodos correspondentes dentro do ano, do século XXI. Non debe estrañar que en case tódolos días, a temperatura media correspondente ó século XXI sexa inferior á mínima observada no período 1919/20: A máis de estar comparando só uns poucos datos puntuais, dunha beira, cunha media doutro período totalmente diferente, da outra, a precisión dos instrumentos, o método de recollida, etc, fan que non sexan comparables de xeito científico sen un estudo previo que non teño posibilidade de facer

:

    A ter en conta que as semanas con datos son unha en agosto do 1919, a de cambio de ano, unha en maio do 1920, outra en agosto do 1920 e dúas en novembro do 1920. En todas se ve, no caso de 1919/20 que a T Máx e maior que a T min, como corresponde, e cando consideramos tamén a media do s. XXI, en todos os casos, exceptuando 5 días dos 42 con datos, a T media correspondente a este e menor que a T mínima do 1919/1920 (o que non cadraría co aumento de temperaturas, de non ter en conta o xa dito no parágrafo anterior).

20210705

Canadá, 50 ºC. Ribadeo, frío.

Gráfica da NASA manifestando a anomalía de temperaturas en norteamérica estes días, en comparación coa media dos sete anos anteriores. Imaxe no dominio público.

 

   As novas dan fe: no Canadá están a sufrir temperaturas de case 50 ºC, en zonas onde o normal é que nesta época pouco máis teña feito que comezar o desxeo. Mentres, Ribadeo marcou o comezo de ano máis frío deste século.

   Está tolo o clima? Diría máis ben que quen está tolo somos nós, como especie, os humanos. O clima só responde ás leis físicas, aínda que ás veces sexan complicadas de entender, ou mesmo, aínda descoñecidas.

  E, mentres, está a estenderse de que hai que difundir os efectos extremos para amosar a gravidade da situación climática e propiciar unha mentalización rápida e a conseguinte actuación para enfrontarse ó cambio nocivo que estamos a experimentar. En contra, ese alarmismo é respondido dende filas opositoras, chamándoo como econazismo ou etiquetas semellantes.

   Na realidade, non fai falta poñer fincapé na difusión de catástrofes, nin provocadas polo clima, nin doutro tipo: pola súa propia natureza, eses efectos extremos son carne de noticia. E, en relación ó clima, cada vez son máis frecuentes e máis extremos. De xeito estatístico, eses efectos que soian darse de cento en vento, aumentan de xeito rápido a súa frecuencia con aparentemente pequenas variacións de temperaturas medias. Ó fin, que é un aumento de 1 ºC?

   Ese aumento de frecuencia non só é para aqueles fenómenos que asociaríamos con temperaturas altas, senón que nun aparente paradoxo (só aparente) tamén vemos aumentos doutros fenómenos que asociamos con temperaturas baixas. E así, hai non moito, a pasada primavera, mentres unha ampla zona de Europa centrada no Báltico, estaba a sufrir unha abafante vaga de calor 'mediterráneo', ó estilo do que se pode pasar nas costas cálidas dese mar no verán, a zona mediterránea estaba a sufrir unha vaga de frío 'polar'. Ambas vagas, anómalas, por máis que fora máis rara a calor báltica. E ambas, episodios puntuais que por si sós non significarían nada máis que unha flutuación típica, se ben pouco frecuente. Pero a suma de flutuacións dun e outro signo vese aumentar en cantidade e profundidade, e iso si, ese cambio de frecuencia e profundidade do conxunto, é efecto do cambio climático

   E é que un aumento da temperatura media supón que a atmosfera dispón de máis enerxía, e polo tanto, é máis inestable. Dicir algo como que 'en Galicia viranos ben que aumente algo a temperatura polo cambio climático' é afirmar o propio descoñecemento do tema, e non só no que a rexistros de temperatura poda afectar, pois unha cousa é pensar na temperatura media e outra que debido a ese aumento se podan rexistrar máis veces indesexables extremos da temperatura, sobre todo, altas. E, por suposto, desestimar outros efectos asociados como a seca e o descontrol de precipitacións ou a chegada de furacáns ás nosas costas. Non, por desgraza as novas non son alarmismo: son alarmantes aínda que haxa que comprendelas e matizalas.

20201213

A temperie ribadense: un avance

   Quedan aínda 17 días para rematar o ano, mais raro sería que 2020 non volvera a batir unha marca de temperatura media dende que hai rexistros. De feito, a gráfica leva case todo o ano por riba das dos outros anos. Preséntase baixo estas liñas a evolución da temperatura media ó longo de cada ano deste século en Ribadeo, destacando en trazo máis groso a de 2020, e vese que dende mediados de febreiro (sobre o día 45 do ano), a temperatura media es te ano foi sempre superior á do resto dos anos (a excepción duns días en abril). O tramo final desta liña é unha recta horizontal, esperando as temperaturas que se podan medir nos últimos días do ano, que é moi posible que remate cunha media de 14,9 ºC, día e noite, verán e inverno.



20201107

Tormenta eléctrica sobre Ribadeo

Xa anoitecido, onte houbo unha tormenta eléctrica que, cando a vin, estendíase dende a zona de Trabada a Reinante. Aquí queda algunha captura de relampos coa ponte dos Santos e Ribadeo en primeiro plano. Naturalmente, as imaxes do vídeo non dan fe da grandiosidade observada a ollo nu dende a outra beira da ría. Os relampos debuxan o perfil das montañas e as nubes sobre elas:



20200820

De temperaturas

Onte foi un día de calor. Non chegou, nin moito menos, á máxima rexistrada na estación meteorolóxica da Granxa Pedro Murias (35,4 ºC, 15 de outubro de 2017), pero chegounos. Ao menos a moitos, aínda que haberá a quen lle pareza unha temperatura normal.

De calquera xeito, polo momento, en Ribadeo non houbo ninǵun ano no que houbera máis de dous días con máxima de máis de 30 ºC. E onte superou esa cifra: 30,3ºC, logo non foi un día tan común. Nos próximos días, é posible que voltemos a superar algunha vez o 30º, e polo menos catro días, os 25 ºC. Iso levará consigo que as pendentes que poño a continuación na gráfica se inclinen un pouquichiño máis...

A liña azul indica o número de días, en cada ano, que se superaron nalgún momento os 25 ºC. A comezos do século, esperábase que se superara esa temperatura 9 días ó ano. Agora espéranse 13 días. Por outra banda, a liña vermella indica o número de días de cada ano nos que se superou a temperatura de 30 ºC. Na primeira década do século, só se superou en tres anos, un día en cada ano (2003, 2004 e 2010). Na segunda década, levamos só tres anos nos que non se superaron os 30º, e hai máis anos con dous días con esa temperatura superada que cun só día. E... este ano aínda pode subir.

Si, en Ribadeo o cambio climático xa é claro. E parece que o vai ser máis en anos sucesivos.

20200430

Previsión do tempo para o pre fin de confinamento

Polo que parece, o sábado 2 de maio será o primeiro día no que se permita facer algunha actividade que comece a marcar o fin do confinamento, como o exercicio ó ár libre. En Ribadeo contarase co apoio da temperie: ata 25 graos, soleado e con vento.

20191028

O concello de Ribadeo, a escala

Collo un post de hoxe mesmo de fqribadeo e engádolle unha foto da ESA co concello de Ribadeo aproximadamente a escala para comparalo cun iceberg recén forneado na antártida:
Auga para Ribadeo para 300 000 anos
Auga para Ribadeo para 300 000 anos: ese é o resume do 'último polo momento' iceberg desprendido da Antártida: unha masa de xeo de 300 000 millóns de toneladas, cunha superficie duns 60 km x 30 km, unhas 18 veces o concello de Ribadeo, e un grosor superior a 200 m.
Se botamos as contas, cun consumo en Ribadeo duns 3 000 000 de litros diarios, saen cen millóns de días, ou sexa, uns trescentos mil anos.
O nome asignado ó iceberg é D28, e o seu 'nacemento', o o 20 de setembro, a partir da 'nai', a plataforma de xeo Amery. Na imaxe (modificada) da ESA:

20190818

O cambio climático que afecta a Ribadeo

Onte foi un día caloroso en Ribadeo. A Pedro Murias marcou 31,7 ºC. Unha temperatura que ata outubro de 2017 tería suposto unha nova marca das temperaturas no século no noso pobo. A mediados de outubro dese ano, o día 15, a marca pasou a estar en 35,4 ºC, deixando moito máis alto o listón. A mediados de outubro! E pensar que entre 2001 e 2002 non se chegou ningún día a 27,5 ºC...
A recompilación de datos non deixa lugar a dúbidas: en todo o primeiro decenio do século, 2001-2010, só en tres días se superou a temperatura de 30 ºC en Ribadeo (un deles, no último ano, 2010). No decenio seguinte, no que estamos e ó que lle falta case ano e medio para rematar, o número de días con máis de 30 ºC, foron 10 ata o momento. Máis do triplo, e aínda queda.
Unha soa poboación e poucos anos de medidas contínuas (18) fai que o conxunto sexa só unha anécdota para consumo local. Unha anécdota que cadra co conxunto de tódalas demáis anécdotas que se están a suceder ó longo do mundo e que se chama cambio climático polo momento, se ben estáse a comezar a chamar emerxencia climática.

20190105

E os reis veñen traendo... frío!


Este comezo de ano ven marcado polo frío. Se no 2017 tivemos o comezo de ano máis frío do século, este pode volver batir a marca, a pesar de que as temperaturas medias ó longo do ano seguen en aumento (de feito, no 2017 bateuse dúas veces a marca de temperatura máis alta acadada na Pedro Murias)
Na gráfica vese a temperatura, tomada a 1,5 m de altura, cada 10 minutos dende as 0 horas UTC do día 30 de decembro ata as 13 horas de hoxe, 5 de decembro (14 horas, hora legal), e aprézase que exceptuada a noite entre o 1 e o 2, que foi suave,e por un pelo, a noite de fin de ano, cada unha das outras foi máis fría que a anterior, acadándose as mínimas antes do amencer e as máximas arredor das tres da tarde, hora legal.
Estamos tendo temperaturas tan baixas como na costa en escandinavia, e isto tamén é cambio climático relacionado co aumento global de temperaturas, aínda que pareza contraditorio. A explicación queda para outro día.

20180319

Lembrando o inverno

Paso por Meteogalicia unha vez máis para recoller datos, e constato de que, a piques de entrar na primavera (este ano, o día 20), as previsións de frío para eta semana non chegan nin de lonxe ós números baixo cero que chegou a haber hai pouco menos dun mes (día 23 de febreiro, gráfica abaixo), polo que aproveito para liberar un vídeo e algunha foto lembrando a neve que durante unha mañá (día 28) chegou a tinguir de branco as zonas verdes de Ribadeo.







Gráfico tomado de MeteoGalicia

20180106

Agasallo de reis: a temperie ribadense no 2017

Remato de rematalo, remato de colgalo:
A ligazón está aquí.
O mesmo, en fqribadeo.

--
Aquí, o que dicía da temperatura os anos anteriores:
En 2017
En 2016
En 2015
En 2014

20180105

Sensacionalismo meteorolóxico

Hoxe, cinco de xaneiro, o día no que desfilarán os magos, todo engano por unha causa que comezou sendo boa pero transmutouse ata chegar ó consumismo (que non ó comunismo) vía inflación, téntame sentirme tamén contaxiado de algo parello. Probo coa inflación nas novas, en algo que non é a primeira vez que aparece no blog, a temperie. Pero tamén, mantendo o esprito inicial, o atinguirme á verdade. Ben, aí vai:
Este ano xa se asegurou como o de entrada máis cálida no que levamos de século en Ribadeo. Como amosa a gráfica abaixo, por segundo día consecutivo a temperatura media no ano é a máxima secular, sobrepasando en case dous graos á máxima seguinte, 2003, que mantivo o seu trono os dous primeiros días, e que levaba xa 14 anos ostentándoo...

20171103

Temperies e interpretacións

O 15 do mes pasado foi o día de temperatura máis alta no que levamos de século en Ribadeo. O Cambio climático non só e medido, senón que é sentido a traverso da nosa pel e tamén polos fenómenos que produce. Os datos acumúlanse.
Este ano está resultando seco, aínda que hai un un par de anos que teñen sido ata o momento máis secos que este no século. Tamén está sendo un ano caloroso, se ben tampouco é ata o momento o máis caloroso do século, como se ve no gráfico inferior:
As tendencias locais do clima sofren variacións máis aleatorias que as xerais e disponse de menos datos para referilas, por iso hai que tomalas con máis precaución. No caso de Ribadeo, ademáis, hai que ter en conta factores como o seu lugar a carón do mar, que suaviza o cambio.
Por iso, que onte mesmo un xornal presentara un titular con "Galicia necesita 500 litros de lluvia durante varios meses para recobrar la normalidad", necesita cando menos unha explicación. Trátase de que caia chuvia ós poucos (cousa que explica máis ou menos no interior da nova) para que non se produza arrastre do chan queimado, queima que se superpón á seca. E trátase de litros caídos en cada metro cadrado, naturalmente, non en toda Galicia. Pero non que poidan ser, poñamos, 10 meses, para eses 500 litros por metro cadrado, pois iso significaría que continuaría a seca precisamente nos meses máis chuviosos do ano...
Asemade, hai poucos días, outra nova apuntaba a unha alza notoria da temperatura do Cantábrico. Molesteime en recoller as temperaturas do mar recollidas máis próximas/semellantes ó Cantábrico na zona. Velaí os gráficos:

O primeiro é a representación das medias dos 12 meses anteriores dende o 2004. Contando o tempo que non estivo operativo, indica... un descenso de temperatura media! Moi suave, pero descenso. E é que o cambio de correntes no Cantábrico pode dar moitas sorpresas, traendo ou afastando auga máis cálida da corrente do Golfo, por exemplo. A lembrar que as augas desta zona son máis cálidas que as das rías baixas, onde afloran augas profundas.
En cambio, o segundo, que colle as medias mensuais, como comeza as series nun marzo, a interrrupción de medidas prodúcese precisamente dende que comezaba a baixar a temperatura nos meses de outono ata un mes, xa no verán, no que a temperatura estaba alta de novo. E ademáis, aínda estamos en meses con temperatura por riba da media, resulta que, neste caso, a tendencia é que a temperatura suba preto de cinco centésimas de grao ó ano de media... dun xeito ficticio.
Si, o cambio climático está xa aquí. Pero é serio, non para tomalo de calquera xeito.

20171017

Aire ulindo a eucalipto queimado

Estou oíndo chover antes de amencer. Que non chova torrencialmente para evitar que a terra queimada vaia parar ós ríos é a pregaria de hoxe. A de antonte era para evitar as mortes e o terreo queimado. Pero onte non había pregaria, senón noite a mediodía, luces acesas nas casas e nos coches para poder ver sabendo que o Sol estaba no máis alto do ceo, nubes cargadas de cinza que facían o efecto dunha eclipse, dunha luz fantasmal que sabía a eucalipto queimado mentras as novas seguían achegando que os incendios estaban controlados, pero non extintos. O frío non era intenso, só un entretempo que non obstante contrastaba co agobio de temperatura do día anterior, propio doutros lugares, non de Ribadeo. Un entretempo apagado que metía o medo no corpo, o medo ó futuro.
Si, hoxe a situación xa está normalizada. A auga apaga o lume. A temperatura é de outono. Galicia non é unha encendida Galifornia. Tal parece que nos podamos esquecer xa das mortes, dos eucaliptus, do cambio climático, dos incendiarios, da falta de medios ordenada, da erosión do terreo, das cidades ardendo, do cheire a eucalipto na penumbra. Xa non fai falta que poñamos medios, que cambiemos a ordenación do noso terreo, que tentemos un decrecemento ordeado evitando contaminación e efecto invernadoiro, que... Non, hoxe voltará Cataluña, coas súas empresas marchando cara ó poder central, esquecendo que de aquí levan marchando moito tempo. Ou Venezuela, que alí hai moita perda de liberdade da oposición, como se aquí o título de lei mordaza fora un conto. Ou a emigración perversa, tratándose de inmigración pero variando a palabra porque xa estamos afeitos a ver como marchan os nosos na procura dun futuro mellor.
Mentres, podemos quedar parados, voltar a facer vida normal, o cambio climático non vai connosco, a política para os políticos, que máis nos da o que faigan nos montes se nós non temos monte (ben, si, unha leira pequena que non vale para nada), cada quen que se apañe.
E resulta que nós temos dificultades para apañarnos, e sabemos que aqueles veciños poden apañarse ben, pero aqueles outros non teñen recursos para apañarse, nin ben nin mal, pero podemos seguir a discutir de calquera cousa, mentres poidamos poñernos de perfil.
Comezaba hoxe falando de pregarias. É cousa de lembrarse do refraneiro: a deus rogando, e co mazo dando.
Onte tomáronse e publicáronse moitas fotos da negrura  a mediodía, a media tarde. As que veñen a continuación só son unha testemuña máis dun ceo que ás veces deixaba ver o espectro da luz apagada a unha beira e as tebras a outra. As tres fotos seguintes están tomadas entre as catro e media e as cinco e media da tarde dun día de comezo de outono, onte.


A seguinte só foi un belo aviso, ceo vermello o día anterior, de que o Sol comezaba a ser filtrado:
Un par de artigos para saber de lume:
http://lapoesiadelconocimiento.blogspot.com.es/2017/10/tienes-fuego.html
'Fuego, mentiras y plantaciones de eucalipto' en ctxt

20171016

O día de temperatura máis alta no século

Onte foi o día de temperatura máis alta do século en Ribadeo. A estación meteorolóxiaca Pedro Murias chegou a medir 35,44 ºC ás dúas menos dez da tarde UTC (catro menos dez hora legal). A máxima anterior fora acadada o 12 de xullo, con 31,4 ºC, abondo máis xunto ó día de hoxe que anterior marca acadada, 31,1 ºC o 22 de agosto de 2003.
Chama a atención non só que o batir a marca fóra tan rápido, senón que se producira por tanta diferencia de temperatura e que estivera seis horas por riba da marca anterior, así como o aumento brusco producido na noite entre o 14 sábado e o 15 domingo.
Alta temperatura, algo ou moito vento, sequedade no ambiente (non é só que a terra esteña seca, senón que o aire está seco) son propicios para os incendios como os que se están a producir estes días. Algo que non ten que ver con que o eucalipto sexa unha especie que arde ben e que despraza a outras especies que poderían conter mellor os incendios, ou que non existan medios porque foron vendidos e arrendados para diminuír custes, como os helicópteros, ou... pero iso é outra historia (triste) que nos afecta.
Horario UTC