Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta NASA. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes
Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta NASA. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes

20210902

Os ultraliberais dos EEUU lográrono: a Lúa está en venda

A Lúa. Imaxe de Gregory H. Revera (2010), lic. CC BY-SA 3.0, en https://en.wikipedia.org/wiki/Moon#/media/File:FullMoon2010.jpg

Os ultraliberais dos EEUU lográrono: a Lúa está en venda

   Non é un conto: nos EEUU comezouse a vender a Lúa.

   Ar, auga, mar, ceo... elementos básicos da nosa vida, mesmo absolutamente necesarios, foron considerados dende sempre patrimonio común. Foron, en pasado. Hai tempo xa que saltou á prensa a nova de que alguén se adicara a embotellar ar 'puro' e a vendelo para o seu desfrute. Entendo que aquelo, unha vez pasado o furor da curiosidade inicial, esqueceuse, pero a semente está lanzada.

   Outra cousa ben diferente é a auga, que nos venden embotellada dende hai tempo, competindo coa auga 'libre' da traída. A guerra entre comercialización e comunidade do prezado líquido non rematou nin moito menos; mentres que moitas cidades están retomando o control da distribución da auga nos seus núcleos urbanos, noutros lugares multinacionais cunha rama da empresa adicada a comercializar auga están secando acuíferos e privando a poboacións enteiras do prezado líquido, nunha auténtica guerra da auga que nos EEUU leva tempo producíndose. Por exemplo, hai moito tempo (1941) que a californiana cidade de Los Ángeles 'mercou' e desviou parte das aguas que chegaban a un lago, o lago Mono, situado a máis de 500 km de distancia, para o seu abastecemento, e o levou case á súa desaparición, impedindo de xeito parcial o aproveitamento das augas polos moradores da zona.

   Que dicir do mar, onde hai países que teñen privatizado o litoral (e outros que, aínda téndoo protexido, fan caso omiso de determinadas leis - véxase a ribadense illa Pancha -), ou conceden permisos para instalacións acuáticas diversas que perturban dende a pesca (acabamos de ver o caso dos eólicos nas nosas costas) á calidade das augas - e neste caso, os exemplos poden saír polas orellas -. Iso, sen lembrar a ampliación dos 'territorios mariños de soberanía' de 6 a 12, a ... e a 200 millas mariñas, ampliación realizada para poder conceder dereitos sobre esas augas e leitos mariños a compañías privadas.

   O do ceo pareceu sempre máis complicado para comercializar, pero dende as querelas iniciadas nos EEUU nos primeiros tempos da aviación por propietarios de terras por riba das que pasaban vós, ten habido diversas tentativas. A última, a que dá orixe a estas verbas, véxoa en Xataka co titular 'La fiebre del regolito: la NASA inicia la era de la minería lunar con un simbólico cheque de 10 centavos'. Hai tecnoloxía para traer minerais dos asteroides ou da Lúa camiño da Terra, e estase a tentar. Pero neste caso é unha tecnoloxía con empresa privada detrás, e unha simbólica achega da NASA á empresa ven ser como a certificación do recoñecemento das institucións públicas dos dereitos privados sobre o máis aló. Algo que sería para esbozar un sorriso se a NASA, na súa misión Apollo 11 (1969)  non tivera posta unha bandeira dos EEUU sobre o noso satélite, aínda que os rusos enviaran artefactos xa anos antes (dende 1959) de que aló chegara o primeiro aparello norteamericano, o Ranger 4.

   Hai tamén anos que espabilados mercadores teñen vendido o nomes de, ou estrelas enteiras, naturalmente sen ter ningún título de propiedade previo. E iso sería algo máis a mirar como exemplos de caraduras se non fose por ser un negocio máis que ao menos por un tempo prosperou - fun agasallado co nome dunha estrela, aínda anda por aí o título -, ser totalmente fraudulento e quedar impune. Esa é a desgraza do común: a súa defensa está encomendada ás institucións que moitas veces o 'venden' pasando a ser privado ou usado de xeito privado sen moralmente poder facelo - e normalmente, tampouco de xeito legal -. De novo, non fai falta chegar á Lúa para ter numerosos exemplos: na nosa terra, o asolagamento dos encoros e logo o seu baleirado de conveniencia mistúranse coas concesións estilo illa Pancha ou a cesión de solo veciñal para instalacións hostaleiras. En tódolos casos se procuran 'razóns'...

20150620

"rige un Estado de Derecho que es …piiiii "

Collo como título unha parte (polo tanto, sácoa de contexto) que me chamou a atención dunha frase do último post de im-pulso, sobre o xeito de comunicar as novas ós medios e a consideración destes, para repetir doutro xeito algo que leva aparecido no blog repetidas veces: a comunicación unilateral nunha sociedade na que a técnica permite a bilateralidade, para adoctrinar cun pensamento único. O fenómeno prodúcese a nivel mundial, ó que se ve polas novas, e tamén a nivel local. Non sempre, claro: ás veces, non é necesario porque o pensamento xa é maioritario de partida, outras veces non importa porque toca un tema secundario ou sobre o que se está a cambiar de posición, etc.
Sobre o tema da incidencia nos medios deste xeito de facer as cousas, fala Félix Soria mellor que o poda facer eu. Sobre a incidencia do pensamento único en casos tan diferentes como o das Torres xemelgas ou o das Catedrais, seguiremos a falar.
Imaxe da NASA dando información sobre a temperatura na península nunha ola de calor (10 de xullo de 2004). En Ribadeo non había tal ola de calor, como se pode ver, aínda que algo quentaba... (http://earthobservatory.nasa.gov/IOTD/view.php?id=4651)


20170821

Hoxe, eclipse de Sol

En norteamérica será a nova do día. Aquí, case nin nos enteraremos.
A eclipse terá lugar en Ribadeo a partir das 20:45 aproximadamente (hora legal), co máximo de visibilidade na posta de Sol.
Xeitos de velo? Eu sempre aconsello por reflexión, isto é, collendo un espello e proxectando a imaxe do Sol nunha superficie branca plana (un papel ou unha parece lonxe do espello, que sempre se pode un achegar a ela e vela mellor e máis grande), co que evitamos mirar direitamente ó sol, sempre unha mala idea.
De calquera xeito, aquí verase como máximo (isto é, á posta de Sol) un por baixo dun 12% de Sol tapado pola Lúa, o que na práctica, ó estal o sol tan baixo,non se vai notar e haberá que fixarse ben para poder ver algo.
A imaxe, tomada dunha páxina da NASA, amosa os datos para Ribadeo. O asterisco significa que xa sería despois de poñerse o Sol. UT, tempo universal, que en horario de verán corresponde coas 20:43 hora legal. A previsión é que estará despexado, pero un vento lixeiro do surleste significa que tenderá a haber bruma... co que non esperaría ver moito da eclipse.
Por certo, nestes últimos trinta anos lembro tres eclipses de Sol en Ribadeo, con mellor visibilidade que o que terá o de hoxe no mellor dos casos de temperie.
A seguinte eclipse de Sol visible dende Ribadeo será dentro de catro anos (10 de xuño de 2021), e poderá, se a temperie o permite, verse tapada unha parte do Sol dobre que a que se poderá ver hoxe.
--
Eclipses de Sol en Ribadeo:
http://ribadeando.blogspot.com.es/2015/03/pasou-eclipse.html
http://ribadeando.blogspot.com.es/2015/03/actividades-para-observacion-da-eclipse.html
http://fqribadeo.blogspot.com.es/2015/03/actividades-para-eclipse-de-sol-de-2015.html
http://fqribadeo.blogspot.com.es/2007/07/catro-traballos-xa-vellos-sobre.html
http://fqribadeo.blogspot.com.es/2007/07/catro-traballos-xa-vellos-sobre_22.html
http://fqribadeo.blogspot.com.es/2007/07/catro-traballos-xa-vellos-sobre_1337.html
http://fqribadeo.blogspot.com.es/2007/07/catro-traballos-xa-vellos-sobre_1835.html
http://fqribadeo.blogspot.com.es/2007/03/hoxe-eclipse-en-ribadeo.html

--
A eclipse, na ESA: http://links.govdelivery.com/track?type=click&enid=ZWFzPTEmbXNpZD0mYXVpZD0mbWFpbGluZ2lkPTIwMTcwODIxLjc3MTY2MTYxJm1lc3NhZ2VpZD1NREItUFJELUJVTC0yMDE3MDgyMS43NzE2NjE2MSZkYXRhYmFzZWlkPTEwMDEmc2VyaWFsPTE2OTE5ODcxJmVtYWlsaWQ9YWdyZW1vbjIwMDFAeWFob28uZXMmdXNlcmlkPWFncmVtb24yMDAxQHlhaG9vLmVzJnRhcmdldGlkPSZmbD0mZXh0cmE9TXVsdGl2YXJpYXRlSWQ9JiYm&&&100&&&http://www.esa.int/spaceinimages/Images/2017/08/The_Sun_21_August_2017
-
Esta información, en Física e química en Ribadeo: http://fqribadeo.blogspot.com.es/2017/08/hoxe-20170819-eclipse-de-sol.html

20190402

Grande América, pequena Terra


Non, aínda non nos enteramos: o que fai alguén neste pequeno planeta, repercute no resto.
Algo lóxico, pero que, por estar o efecto de cada acto difuminado entre todo o resto de actos e persoas, algo ó que non se lle presta moita atención. E algo que inclúe dende cousas moi pequenas, individuais, a outras moi grandes, como o Prestige.
Un novo verquido no mar ('nunca máis', lembras?), a uns centos de quilómetros de Ribadeo, nunha zona de tráfico marítimo importante, fai lembrar outros desastres que afectaron ás costas galegas e que cada vez tenden a ser máis importantes polo aumento de tamaño dos buques e a menor tolerancia das nosas costas ante a presión ambiental.
Agora trátase dun buqe con nome curioso: Grande América. Os detalles do seu afondamento foron subministrados polo seu armador, Grimaldi Lines, incluído o lugar: a pouquiño máis de 300 km de Ribadeo. Liña Hamburgo-Casablanca, 214 m de barco, contedores con materiais perigosos, 2200 toneladas de fuel pesado, construído en 1997, 26 tripulantes e un pasaxeiro, retido no 2010 por deficiencias no Reino Unido, antes de que outras deficiencias poran observadas en Hamburgo e Amberes, ... Estas últimas cousas non saían na nota de prensa de Grimaldi, do mesmo 12 de marzo, día do afondemento (ver foto do barco ardendo), senón en sitios como o Nouvel Observateur, subministrados por asociacións como Robin dos Bosques (aquí, un listado de materiais perigosos que levaba).
Tres semanas despois, aínda non se sabe se vai chegar contaminación á Mariña ou non. Depende das correntes, que na costa do Cantábrico poden ir de leste a oeste ou ó revés, de oeste a leste (como pode observarse neste vídeo da NASA). Pero está claro que 2200 toneladas de fuel (a máis doutros combustibles e a carga dos contedores) poden dar lugar a manchas da orde de un millón de km2. Algo que pode calcularse. Unha extensión superior á que abrangue o mapa...
Os accidentes son iso, accidentes. Pero a súa frecuencia pode diminuírse aínda sen cambiar o conxunto do sistema. Está demostrado que imos ter que cambiar o sistema xeral das nosas vidas en conxunto, como sociedade. Pero mentras o facemos ou non, podemos insitir en cousas como 'nunca máis'.

20230927

A guerra non quere quedarse soa. A paz non pode facelo.

Comparativa de imaxes na NASA no Dominio Público

 A guerra non quere quedarse soa. A paz non pode facelo.

    Na última (ata o de agora) asemblea pola paz celebrada entre xente do Occidente Astur e a Mariña Lucense lembrouse un tema sobre a descrición da guerra mundial continua. Coido que dá abondo que pensar, acéptese ou non o de 'mundial' e o singular (en varios sentidos) dunha guerra continua.

    Como anécdota, a asemblea tivo lugar diante do concello no que dous días despois se reuniron os Presidentes de Asturias e de Galicia. Pódese ler entre liñas o comunicado ou as entrevistas pertinentes, mais dubido que se poda atopar o tema da paz entre o tratado na xuntanza, aínda que a guerra teña influencia a través de múltiples recovecos.

    As concentracións e asembleas pola paz comezaron en Ribadeo coa invasión da Ucraína, mais dende o comezo mantívose o 'pola paz' primeiro, e por se non se entendera, o 'non á guerra'. Hai un rexeitamento á guerra, claro, pero coa conciencia de que é a paz o que hai que construír, o positivo, antes de poder rexeitar o negativo, a guerra. Antes, para evitar conflitos que den lugar á guerra. Mais tamén durante, para, se hai guerra, tentar parala. E despois, para reconstruír a normalidade. Por iso pódese dicir que a guerra non quere quedarse soa, mais a paz non pode facelo. A guerra non xurde de xeito espontáneo, senón seguindo unhas causas na que a humanidade vai perdendo importancia en favor doutras cousas como o poder ou os cartos. A guerra necesita esas causas, necesita non quedar soa. Polo contrario, a paz podería quedar soa no sentido de que a paz funciona. Pero ese 'quedar soa' implicaría tamén quedar desamparada, cos medios, os cartos ou os intereses de diversos tipos desequilibrando a balanza, desequilibrando a paz. E iso é o embrión da guerra.

    Non penses agora se os ucraínos teñen máis ou menos razóns que os rusos. Só con ler un par de soflamas de Putin e Zelenski chégase á conclusión de que eles non teñen razón, e os seus pobos (así, 'seus') teñen que posicionarse entre dúas posibilidades que só poden clasificar entre mala e peor. O mesmo pode dicirse do estado de Israel e a 'autoridade' palestina, e máis canto máis tempo pasa e por máis que a asimetría en danos inflixidos (á poboación, non tanto a 'estado' e á 'autoridade') sexa evidente. De xeito semellante para outros conflitos, guerras, sublevacións (= guerras internas), terrorismo (≈ guerra asimétrica), 'guerras de baixa intensidade', etc.

    Ó final, o mesmo que as guerras (a guerra, sexa nun ou outro lugar, nun ou outro tempo, entre unha ou outra xente) son provocadas por unhas causas dirixidas por uns intereses, e teñen unhas consecuencias en xeral afectando de xeito máis negativo a quen menos quere a guerra, tamén axudan a alimentar outros conflitos e emerxencias. As guerras fan dano a todos. Sexa un maior menoscabo na loita contra o cambio climático, a menor posibilidade de aproveitamento de recursos e o seu malgasto, o incremento de problemas medioambientais, ou o deixar os problemas sociais a unha beira para poder 'atender' máis á guerra, o dano transmítese. E iso, aínda que quen se lucra con elas, ou adquire mediante elas un poder máis absoluto, ou se beneficia doutras moitas formas, crea que 'para el' (ou ela) as guerras / a guerra son boas..

20210705

Canadá, 50 ºC. Ribadeo, frío.

Gráfica da NASA manifestando a anomalía de temperaturas en norteamérica estes días, en comparación coa media dos sete anos anteriores. Imaxe no dominio público.

 

   As novas dan fe: no Canadá están a sufrir temperaturas de case 50 ºC, en zonas onde o normal é que nesta época pouco máis teña feito que comezar o desxeo. Mentres, Ribadeo marcou o comezo de ano máis frío deste século.

   Está tolo o clima? Diría máis ben que quen está tolo somos nós, como especie, os humanos. O clima só responde ás leis físicas, aínda que ás veces sexan complicadas de entender, ou mesmo, aínda descoñecidas.

  E, mentres, está a estenderse de que hai que difundir os efectos extremos para amosar a gravidade da situación climática e propiciar unha mentalización rápida e a conseguinte actuación para enfrontarse ó cambio nocivo que estamos a experimentar. En contra, ese alarmismo é respondido dende filas opositoras, chamándoo como econazismo ou etiquetas semellantes.

   Na realidade, non fai falta poñer fincapé na difusión de catástrofes, nin provocadas polo clima, nin doutro tipo: pola súa propia natureza, eses efectos extremos son carne de noticia. E, en relación ó clima, cada vez son máis frecuentes e máis extremos. De xeito estatístico, eses efectos que soian darse de cento en vento, aumentan de xeito rápido a súa frecuencia con aparentemente pequenas variacións de temperaturas medias. Ó fin, que é un aumento de 1 ºC?

   Ese aumento de frecuencia non só é para aqueles fenómenos que asociaríamos con temperaturas altas, senón que nun aparente paradoxo (só aparente) tamén vemos aumentos doutros fenómenos que asociamos con temperaturas baixas. E así, hai non moito, a pasada primavera, mentres unha ampla zona de Europa centrada no Báltico, estaba a sufrir unha abafante vaga de calor 'mediterráneo', ó estilo do que se pode pasar nas costas cálidas dese mar no verán, a zona mediterránea estaba a sufrir unha vaga de frío 'polar'. Ambas vagas, anómalas, por máis que fora máis rara a calor báltica. E ambas, episodios puntuais que por si sós non significarían nada máis que unha flutuación típica, se ben pouco frecuente. Pero a suma de flutuacións dun e outro signo vese aumentar en cantidade e profundidade, e iso si, ese cambio de frecuencia e profundidade do conxunto, é efecto do cambio climático

   E é que un aumento da temperatura media supón que a atmosfera dispón de máis enerxía, e polo tanto, é máis inestable. Dicir algo como que 'en Galicia viranos ben que aumente algo a temperatura polo cambio climático' é afirmar o propio descoñecemento do tema, e non só no que a rexistros de temperatura poda afectar, pois unha cousa é pensar na temperatura media e outra que debido a ese aumento se podan rexistrar máis veces indesexables extremos da temperatura, sobre todo, altas. E, por suposto, desestimar outros efectos asociados como a seca e o descontrol de precipitacións ou a chegada de furacáns ás nosas costas. Non, por desgraza as novas non son alarmismo: son alarmantes aínda que haxa que comprendelas e matizalas.

20230225

“(RE)ALMENTE DIFERENTE”. Xosé Carlos Rodríguez Rañón

 

Illa de Ré, a vista de satélite da NASA. Imaxe en D.P.

“(RE)ALMENTE DIFERENTE”

Xosé Carlos Rodríguez Rañón

    A illa francesa de Ré é glamour, calma, morneza e elegancia. Con 30 km de longo e 5 de anchura, combina viñedos, xunqueiras, piñeirais e agrestes dunas. Está tan só a tres quilómetros da costa e a ela pódese chegar atravesando a ponte de peaxe que a une coa cidade de La Rochelle polo prezo de dez euros. Das súas dez vilas, dúas forman parte da asociación das localidades máis bonitas de Francia. Malia situarse na costa atlántica, o estilo dos seus chics “bistrós” é máis ben ibicenco. Tanto é así que as contras e persianas de todas as casas só se poden pintar de azul ou verde para non desentoar nin cos montes nin co mar. Por algo será o destino preferido dos máis adiñeirados parisinos, que fan que a súa poboación de 15 000 habitantes se multiplique por máis de dez durante a tempada estival. É coñecida tamén polas súas saborosas ostras (que compiten coas da mesmísima Arcachon, nas veciñas Landas), acompañadas sempre con pan negro de centeo, manteiga e xeado deste bivalvo (ou de pataca, outro dos produtos autóctonos) como sobremesa. Os mellores están na xeadería La Martinière, que os elabora artesanalmente desde 1970. Tamén os hai de “mojito”, mapoula, caviar, caramelo, coñac ou da flor do sal, outro dos elementos abondosos na illa debido ao grande número de salinas tanto naturais como artificiais.

    Visitantes asíduos do arquipélago son Juliette Binoche, Carolina de Mónaco, Johnny Depp ou Gérard Depardieu. As súas murallas (patrimonio da Unesco) teñen forma de estrela e extramuros atópase o faro das baleas desde o cal non é raro divisar estes cetáceos nas súas travesías polo Atlántico.

    Mais o animal totémico da illa por excelencia é o burro, case tan sagrado como as vacas na India. Tanto que mesmo os visten con pantalóns multicolores como se fosen mascotas. A orixe desta singular tradición está polo visto nun gandeiro de finais do século XIX que, dese xeito, intentou minimizar nos sufridos animais os efectos adversos das picaduras de moitos insectos. Figura icónica dos insulares, converteuse tamén en merchandising e publicidade adornando chaveiros, cuncas, camisolas ou bolsas.

20220208

Das Tanxugueiras a Alcoa, pasando por Galicia

Imaxe da NASA: zona do globo oposta a norteamérica.

Das Tanxugueiras a Alcoa, pasando por Galicia

    Gústame a música. Non vin as actuacións do festival de Benidorm en directo. Sí estiven ó tanto -máis ou menos– da polémica posterior. E si, estou posicionado. Pero coido que o ‘posicionamento particular de cada quen’ está moi atrás das circunstancias, e non só pola necesidade de participación conxunta.

    Lembrará o lector unha referencia ó imperio español no sentido de que ‘esteamos preparados para que a próxima vez que o Sol pase por riba das nosas testas, poidamos aproveitalo’? Eu lembro o sentido, pero non as verbas concretas, o que me impide atopar a cita exacta, por quen e cando foi feita. Ben, a idea da frase é que as sociedades e as súas manifestacións organizativas, como poden ser os estados, rematan tendo oportunidades sucesivas de éxito. Oportunidades que, estando preparados –poñendo traballo previo, procurando coñecemento, información, disciplina...- poden aproveitar para obter un bo rendemento. No caso do imperio, pois a nivel imperial, claro!

    Volvendo ás Tanxugueiras, parece que o tiñan ‘todo’ da súa parte, que estaban preparadas. Mais a cousa non resultou. Por? Non sei se de xeito inocente ou consciente, foron meterse na boca do lobo, alimentar entidades con ánimo de lucro que se lucraron con elas de paso que as aproveitaban doutros xeitos. Por exemplo, propaganda. Porque anda que non deu lugar a propaganda (para as Tanxugueiras, pero tamén para as contrincantes) que sacaran case vinte veces máis votos do público que a ganadora, mentres o xurado as deixaba nun recuncho. Do desenvolvemento da polémica, os chamamentos á calma, etc, esqueceríame: é algo así como as árbores que non deixan ver o bosque de Tagore. É o sistema o que levou á polémica, ó pago por voto ou á elección de Chanel. E non, para iso non estaban preparadas nin elas, nin os votantes, polo que agora queda o recurso ó pataleo contra unhas normas postas por entidades que non son controladas publicamente (non, tampouco o ‘chiringuito’ RTVE). Non digo que coa protesta posterior non se resolva nada, aínda que o dubido. Nin que sexa doado facer o control do sistema, pero onde non hai control, hai... descontrol. Descontrol dende o punto de vista de quen non exerce control, claro. Se hai alguén que controla, pon as normas, por moi arbitrarias ou pouco democráticas que sexan, e fai que se cumpran. Para ese alguén, hai control. Está claro?

    E Alcoa, que ten que ver con isto? Alcoa é o último nome de referencia da fábrica de Alúmina-Aluminio de S. Cibrao, na Mariña. O último nome, que corresponde a unha empresa multinacional privada con sede na outra beira do Atlántico. É dicir, algo sobre o que non temos control. E iso, despois de nacer pública, que debera ser equivalente a ‘de todos’ e polo tanto, ‘controlada por todos’. Repito, debera. O caso é que a traxectoria pasou dun relativo ‘control’ a través das institucións públicas que deben ser a cabeza e as mans da xente, a un total descontrol no que queda o pataleo, a ‘loita’, dende a situación da balsa de lodos e o seu futuro ó apagado das cubas e o futuro dos postos de traballo. Aquí tamén, a ‘votación popular’ tomou partido, pero o ‘gran xurado’ tomou a decisión. Non, non o mercado ou o prezo subvencionado da electricidade –aínda que todo conta-, que escusas é doado poñelas, mesmo aproveitando situacións conxunturais, para centrar o debate onde interesa a quen pon as normas, remachar cravos ou esquecer os intereses de todos. Non fai falta nin que sexan cribles, senón só que se estea en situación de poder poñelas. No medio, moitos anos de bonanza que puideron aproveitarse para facer que agora foran algo máis ca unha simple lembranza. Moitos anos nos que se puido diversificar, crear industria de desenvolvemento de produto, procurar solucións ás debilidades percibidas, ou lembrar tamén que, a máis de Alcoa, outros sectores estaban en peor situación e tamén había que apoialos, desenvolvelos...

    No medio do título, aínda que pareza desprazada, Galicia. A situación de Galicia ten abondos máis exemplos equiparables ós dous citados. E, co conxunto deles, problemas derivados ou relacionados: na rede de comunicacións ou no despoboamento rural ou na emigración da xente nova ou na perda de identidade e de lingua, ou noutros máis. Por certo, un inciso: parece que a identidade e a lingua non pintarían nada no medio do resto do discurso económico ou social, pero si contan. E moito. Non só por ser a lingua un activo intanxible, senón porque para poder prepararse ou facer cousas hai que ser alguén, e ata o de agora, a lingua é parte fundamental da nosa identidade, esa que constrúe o noso ‘alguén’. Volvamos ó tema. Unha imaxe: mentres poñamos apósitos en troques de curar a enfermidade e levar unha vida saudable para prever futuras recaídas, pouco máis poderemos facer que laiarnos e como moito, confiar en solucións caídas do ceo, a modo de agasallo. Confiar nos demais? Si. Chuparse o dedo, non.

    Mentres, seguiremos a ocuparnos do que pasa en Madrid, ou Barcelona, ou Benidorm. Do que pasa en Washington xa se ocupan en Madrid ou Bruxelas.

20160128

Ribadeo, máis internacional

A composición das diversas orixes na poboación de Ribadeo é cada vez máis patente, vai saíndo pouco a pouco en diversos detalles. Vese como vai medrando a diversidade da poboación, dos rasgos das caras, os acentos, a cor... e hai medicións que se poden usar para estudar esa diversidade que vai en aumento. Por exemplo, o dato que está aí dende comezos deste curso 2015-2016: o IES de Ribadeo Dionisio Gamallo ten alumnado nado en España, pero tamén en outros 14 estados diferentes, de Portugal ou Marrocos a Perú ou Brasil, pasando polos Países Baixos. E non se trata xa de fillos de emigrantes galegos nados na emigración, senón de fillos de emigrantes deses outros lugares que están acollidos en España. Por non falar da migración interna dentro das nosas fronteiras estatais, realizada non só dende a veciña Astrias, senón de Cataluña ou Madrid como puntos principais de aportación, pero tamén doutras comunidades.
Unha variación fornte ó pasado, un desafío fronte ó futuro. E non só nun centro educativo onde as referencias comúns xa non están tan claras como o estaban hai tempo, senón no conxunto social, onde pasa exactamente o mesmo.
E, mirando o que pasa, podemos preguntarnos se nos trae máis prexuízos ou beneficios. E a resposta depende de nós. Da nosa postura e mentalidade, non só dos migrantes acollidos. Non somos exactamente nós quen acolle 'ós outros', senón a Terra quen acolle a todos, aínda que nós controlemos mellor este espazo próximo porque o coñecemos mellor, estamos traballando neste recuncho máis próximo e estamos organizados.
É difícil beneficiarse da diversidade se non se quere ou non se ten presente. O primeiro punto é recoñecela en plan de igualdade: o coñecemento dos outros sen prexuízos abre un mundo de posibilidades na relación e na construción social, e renova a propia sociedade, facéndoa máis vital, máis forte, conmáis futuro. O evitar a diversidade só xera tensión social.
Mais está claro que unha cousa é 'a teoría' e outra, a toma de decisións e a aplicación de medidas levar á práctica esa posibilidade de beneficio mutuo. Nesas andamos.
A Terra, sen fronteiras, un único espazo de acollida para a humanidade. Imaxe da NASA

20070812

Perseidas

Esta noite, do 12 ó 13 de agosto, é especial, en Ribadeo e en xeral en todo o mundo. Para saber máis, ver os artigos de Física e Química en Ribadeo sobre as perseidas pola ESA e pola NASA.
Como adianto, cara ó mencer será o pico de visión de estrelas fugaces en todo o ano. Claro que para velas é necesario estar erguido ó amencer.

20090803

Algúns días pola mañá...

...alǵuns se despertan como se estiveran na lúa.

Nótase especialmente en días significados, onde as resacas abondan.
Un descobrir de novo a Terra, pero moi diferente, foi o que lle pasou ás misións Apolo.
Un día significado, o de Nadal de 1968 foi tomada a foto onde se ve unha Terra azul por riba da superficie luar por Bill Anders, astronauta da NASA.
A outra foto, pode que máis típica e reproducida, foi tomada na misión APOLO XVII un día de verán no que a nosa terra estaba no crepúsculo.

20240114

Demasiado grande para deixar de comernos

Composición de Marble Blue e Urinal Mouth, collidas ambas de Commons, D.P.-NASA e lic. CC BY 2.0, elsie esq.

Demasiado grande para deixar de comernos

     Despois das celebracións festivas de Nadal e fin de ano, algúns teremos comido de máis. E, fartos non só de comida, senón tamén música de propaganda navideña, ou de anuncios de colonias, ou de desexos, de felicitacións dadas e recibidas, pode que nos reconveñamos a nós mesmos na procura de xustificacións ou comparacións, tentado achar algunhas explicacións sexan de consumo ou de receitas de felicidade. Así, lembrando o comezo do parágrafo, 'o comer', podemos ligar encherolas a fame noutros lugares, ou, polo contrario, a outras enchentes maiores de diverso tipo. A un tipo destas últimas, metaforicamente falando, se refire o título destas verbas. A esas encherolas tan fabulosas que nin se lles chama así porque xa sobrepasa o significado da palabra, non hai palabras, hai que inventalas. A 'encherolas' nas que mesmo nós somos prato a engulir.

    Hai un dito na economía que nos venden que ven a expresar a idea de que hai empresas a un determinado nivel por exemplo, estatal, que son demasiado grandes, demasiado importantes, con demasiado peso na economía correspondente como para deixalas caer, deixalas quebrar, o que ven a traducirse en seguir deixando que nos traben e nos coman como queiran. Ía dicir, 'deixalas morrer', pero ese é un proceso longo, que dá tempo á substitución, ou mesmo ó esnaquizado en varias partes. Iso, aínda que todos eses procesos sexan compatibles co mantemento de axudas ou o parasitismo da sociedade que explotan. Non, estoume a referir a procesos case súbitos -de aí o de 'deixalas caer', con caída como un proceso rápido-, que se dan a coñecer practicamente de repente. E faise (fano) así, porque mentres, no período anterior á noticia, os directivos e contables correspondentes, ou os maiores propietarios, dun ou outro xeito gardaron silencio sobre o mal que ían as cousas, ou o descontrol que existía, ou o que sexa, eles seguiron beneficiándose da situación, mediante bonificacións ou protexendo o seu poder.

    Poden relacionarse esas situacións das que falo co típico 'privatizar beneficios, socializar perdas', co que están ligadas dun xeito evidente, pero nin é necesario. O caso é que ambas son ideas que beben e viven da mesma fonte. Mantén vivas esas ideas unha imaxe que sitúa o privado como mellor que o público; que o comunitario remata sendo malo, funcionando mal e o personalizado e privatizado, bo, cun funcionamento óptimo. E que por iso, os dereitos deben ser todos privados. O que ven sendo, privativos de quen pode impoñelos mentres outra xente se ve privada deles. Por certo, esa imaxe que presenta o público mal e o privado ben, ten exemplos e contraexemplos os que se queira, pois ó fin trátase de actividades levadas a cabo por humanos, mentres está claro a extensión ou concentración de beneficios nun ou outro caso, así como os intereses que hai detrás para que o privativo teña boa prensa.

    Como consecuencia, ó longo do tempo temos, a cousa indo do rescate bancario porque os bancos son bos e necesarios, 'e se hai unha debacle bancaria vai ser peor', ás alfombras vermellas a Alcoa para que siga contaminando mentres exporta beneficios e socializa perdas a través de tarifas eléctricas, ou tenta de achegar a lexislación para o seu propio beneficio. E sempre hai algún apoio, comprado ou convencido de diversos xeitos.

    Por certo, voltando ó comezo, quen moito come, tamén bota moita merda. E non só de xeito metafórico; isto inclúe non só ás persoas ou ós animais, senón ás grandes empresas e ás consecuencias das súas accións.

20220524

Crise da humanidade, crise de humanidade

Imaxe cortesía da NASA

 Crise da humanidade, crise de humanidade

    Estase a falar, e cada vez máis e de xeito máis incisivo, de crise. De crises. Crise de recursos, por escaseza sexa de petróleo ou de terras raras, desas que sabemos que usan nos móbiles pero non sabemos nin como se chaman, entre outras posibilidades. Crise de crecemento, tanto porque non se medra coa velocidade que se pretende como -sobre todo- pola imposibilidade de ter un medre ilimitado nun mundo finito. Crise climática, cun clima variando a partir dunha temperatura en ascenso e producindo unha temperie impredicible e extrema. Crise de contaminación, sexa de plásticos ou química, ou acústica e luminosa, producindo un desequilibrio nas condicións ambientais que non só inflúe na vida ó noso arredor, senón na nosa propia vida. Crise de desigualdade, con algunha persoa tendo máis -cada vez propiedades materiais, e, derivado, poder- posuíndo e dispoñendo máis que moitos millóns non xa de 'desherdados', senón de persoas que se ven cun certo nivel por riba desas outras 'desherdadas'. Crise sanitaria, derivada en parte das novas enfermidades que xorden a partir da presión sobre os ecosistemas, pero tamén da falta de apoio e resiliencia social afrontando os desafíos cun 'primeiro eu, e logo, xa se eso...' en troques da procura dunha acción conxunta e solidaria, moito máis efectiva a máis de igualitaria. Crise de orientación, con ideas transmitíndose en base a feitos falsos, as célebres fakes, cada vez máis difíciles de distinguir da realidade nas redes sociais. Crise de biodiversidade, extinguindo especies, dende as chamadas 'salvaxes' a esa outras que nos alimentan nos mares, e perdendo non só recursos alimentarios, senón tamén a posibilidade de reequilibrio global por substitución parcial e paulatina dunhas especies por outras. CRISE, así, con maiúsculas, suma de moitas outras (as mencionadas e algunha máis) que por separado xa representarían un desafío.

    E con tendencia a empeorar.

    Os desafíos esixen cambios. Os desafíos a escala humana esixen cambios a escala humana. Os desafíos a escala dunha sociedade, esixen cambios sociais. Unha reconstitución social, primeiro, na estrutura humana, unha nova organización para afrontar as crises. Adaptación social e persoal, demográfica e de xeito de vida... Non se trata de ter un 'gabinete de crise' que se poña ó traballo, senón de todos nós, pois todos estamos implicados. E é que, ó final, as crises da humanidade son -ao menos, tamén- crises de humanidade, afectan ó que de humanidade temos cada un de nós.

    Para superar as crises fálase de resiliencia. Pero iso, a nivel social, ven dado polas relacións que mantemos, relacións sociais humanas. E, se temos relacións trufadas de cousas como desigualdade, é o primeiro que temos que afrontar: construír relacións humanas para podernos permitir os seus beneficios.

    As fakes, a dinámica capitalista, a procura de poder, non axudan. E iso, sexa Ribadeo, Galicia ou o mundo mundial. E mesmo sendo prexudiciais os extremos. Así, por exemplo, a falta de difusión de ideas que se pode dar, propiciada por un sistema social determinado, cerrado, é equivalente en resultado ó predominio da difusión de ideas falseadas, 'inspiradas' e 'interesadas' que se está a dar nun sistema no que o uso da liberdade vén dado polo poder, non por limitacións legais.

    Por certo, nunha situación de crise, o tirarse dos cabelos non sirve de nada máis que de agravante. Fai falta tranquilidade para poder pensar, traballar e aplicar posibles solucións. Se as hai.

20210708

Antonio Rodríguez Darriba

   A través do Consello da Cultura Galega chego á biografía dun ilustre -pero abondo esquecido- ribadense, Antonio Rodríguez Darriba, feita ademáis por outro ribadense, Carlos Álvarez Lebredo

   Lembro que lle foi adicada unha rúa en Ribadeo, e como curiosidade que ós poucos anos de chegar eu a Ribadeo, me comentaron que non había moito tempo recibira unha carta da NASA para fichalo, sen dúbida por un erro de cálculo automático da idade ó nacer no século XIX. Pero, a falta de poder verificalo, deixémolo en contos. O que conta son os datos comprobables que achega Carlos Álvarez Lebredo.

   Despois de citar antes autoría e a continuación os créditos correspondentes (licenza copyleft), deixo unha copia da biografía no CCG:

"Álvarez Lebredo, Carlos ([2012], “Antonio Rodríguez Darriba”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 07/07/2021] [http://culturagalega.gal/albumdaciencia/detalle.php?id=326]) - de xeito equivalente, http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=3404"

Antonio Rodríguez Darriba

Unha brillante traxectoria investigadora paralizada polo franquismo


 

Datos biográficos:

  • Nacemento: Lugo 1899
  • Falecemento: Ribadeo (Lugo) 1995

 Estudou primaria en Ribadeo e comezou a secundaria no instituto de Lugo, pero no terceiro curso trasladouse a Ribadeo onde rematou o bacharelato. Licenciado en Medicina pola Universidade de Santiago (1918-1925), fixo prácticas como alumno de Nóvoa Santos e Gil Casares. Entre 1925 e 1928 realizou o doutoramento na Universidad Central de Madrid e simultaneamente levou adiante a súa investigación clínica en diferentes departamentos. En 1926-27 no Laboratorio de Histología e Anatomía Patológica da Escuela de Veterinaria, dirixido polo Dr. Abelardo Gallego; en 1927 na sección de Bacteriología do Instituto de Higiene Alfonso XIII co Dr. Antonio Ruiz-Falcó; en outono de 1927 fixo un curso de ampliación de estudos na Clínica de Enfermedades Infecciosas do Hospital del Rey baixo a dirección do Dr. Antonio G. Tapia; e no curso 1927-28 investigou sobre as formas de involución do tripanosoma gambiense no coelliño, no Laboratorio de Bacteriología e Serología que tiña como responsable ao tamén galego Paulino Suárez Suárez.

Especialmente decisiva na carreira investigadora de Darriba foi a súa entrada no equipo de colaboradores do Dr. Gustavo Pittaluga, concretamente no campo da Parasitoloxía, en decembro de 1927. Nese equipo coincide coa tamén colaboradora Jimena Fernández de la Vega y Lombán, coa que traba amizade a partir daquel momento. En Madrid simultaneou a investigación coa docencia, pois o Dr. Ruiz-Falcó lle encargou impartir unhas leccións dentro do Curso de Anatomía Patolóxica e Bacterioloxía da Facultade de Medicina.

A través do Dr. Ramón Rodríguez Somoza, colega seu e discípulo de Cajal, e do seu amigo Vicente Loriente, entrou en contacto coa Institución Libre de Enseñanza. Animado polo Dr. Juan López Suárez solicitou e conseguiu en 1927 unha pensión por tres anos da Junta para Ampliación de Estudios. Con esta axuda, entre 1928 e 1931 realizou investigacións clínicas no tema que lle indicou o Dr. Pittaluga: Hematoloxía e Patoloxía Exótica no Instituto para as Enfermidades Tropicais de Hamburgo, baixo a dirección do Dr. Ernst Georg Nauck. Alí investigou sobre filariose co Dr. Friedrich Fülleborn. Este centro alemán era naquel momento a referencia en Europa nas investigacións de enfermidades transmitidas por insectos. Tras os tres anos da pensión, regresou o Dr. Darriba de Alemaña co Diploma de Medicina Tropical e Parasitoloxía Médica.

Ao comezar o ano 1932 foi destinado en Madrid no Laboratorio de Investigaciones Clínicas da Facultade de Medicina da Universidade e no Laboratorio do Instituto Nacional de Higiene Alfonso XIII, de onde o reclamou o seu director, Dr. Jorge Francisco Tello Muñoz, para que comezara a aplicar alí os coñecementos adquiridos en Hamburgo. A estancia en Madrid permítelle continuar o labor investigador no Laboratorio de Parasitología da Facultade de Medicina baixo a dirección do Dr. Pittaluga, daquela catedrático de Parasitoloxía e Patoloxía Tropical e máxima autoridade neses campos, especialmente en paludismo. A súa afección ao traballo investigador sobre o terreo, e non só no laboratorio, decidiuno a pedir unha bolsa para estudar a anquilostomiase (parasitismo intestinal) na provincia de Murcia, onde tiña unha gran incidencia; conviviu Darriba durante meses coa poboación afectada, analizando as súas enfermidades e as condicións de vida, hixiene e saúde. Esta investigación serviríalle despois para conformar a súa tese de doutoramento.

Esta foi a época máis fecunda do Dr. Darriba en canto á divulgación das súas investigacións. Leu a tese doutoral o 6 de novembro de 1935 (publicada ao ano seguinte); formou parte do Comité de Redacción da revista Medicina de los Países Cálidos, dirixida por Pittaluga, na que colaborou con varios traballos ademais de encargarse da recensión das publicacións recibidas, especialmente dos orixinais procedentes de Alemaña; e publicou na colección “Publicaciones Oficiales de la Comisión Permanente de Investigaciones Sanitarias”, da Dirección General de Sanidad de Madrid. Salientar o seu labor como tradutor de moitos traballos alemáns de investigación médica para a súa publicación en revistas científicas españolas da época. Entre as súas traducións destaca a Breve introdución a la entomología médica, de Erich Martini, daquela xefe de Enfermidades Tropicais do Hospital de Hamburgo e considerado o fundador da entomoloxía en Alemaña. Xunto ao propio Dr. Pittaluga, en 1936 comezou a poñer ao día unha obra deste investigador, o tratado Enfermedades de los países cálidos, que fora publicado por Calpe en 1924. Por estes tamén volveu de novo á docencia: no curso académico 1933-34 encargouse na Escuela Nacional de Sanidad dos Cursos de Parasitoloxía e Medicina Tropical que versaban sobre os Anquilostomas e a Filariose.

Durante os anos 1932-1936, nos que basicamente viviu en Madrid, ampliou o seu labor investigador con estancias fóra de España. No verán de 1933 foi reclamado polo seu coñecido Instituto de Enfermidades Tropicais de Hamburgo para impartir docencia de Helmintoloxía aos médicos alemáns e estranxeiros que se especializaban anualmente nese centro hamburgués. Investigou na Estación Hidrobiolóxica da cidade alemá de Plön (Schleswig-Holstein), na que se dedicou ao estudo das larvas cercarias. E en 1934 levou a cabo investigacións no Instituto Tropical de Liverpool sobre as transmisións endémicas do kala-azar (enfermidade negra), tema no que xa fora iniciado por Pittaluga.

Neste período madrileño contactou cos mozos da Residencia de Estudiantes, na que o Dr. Darriba pasaba os meses de verán. Tamén se relacionou cun grupo de mozos e intelectuais galegos que residían nesa capital e que adoitaban xuntarse na casa dos ribadenses irmáns Suárez Couto: Bouza Brey, Rof Carballo, Otero Espasandín, Xesús Bal ou García Sabell, entre outros.

Na primavera do ano 1936 foi reclamado pola prestixiosa empresa alemá Bayer para continuar o seu traballo investigador no departamento de Esquistosomiase dos laboratorios centrais de Colonia pero, segundo el mesmo afirmou, inquieto e preocupado polas circunstancias socio-políticas de Alemaña naquel momento, preferiu non marchar.

Durante a guerra civil española foi nomeado Director do Centro Secundario de Higiene de Lorca (outubro de 1936). En xullo de 1937 foi encargado de organizar a asistencia á poboación civil e refuxiados afectados de paludismo na retagarda das frontes bélicas de Andalucía, sur do Tajo e Extremadura. En Los Navalucillos (Toledo) dirixiu o Centro Antipalúdico do Hospital Militar para infecciosos. En 1938, logo de ser mobilizada a súa quinta, concedéronlle o grao de capitán do exército da República. Por estas datas ingresou no Laboratorio de Análises Clínicas do Exército, instalado no Instituto de Higiene.

Tras a guerra civil todo o equipo investigador ao que pertencía quedou desartellado: o doutor Pittaluga marchara para Cuba e varios dos seus colaboradores para México. Nestas circunstancias o Dr. Darriba decidiu regresar á casa familiar de Ribadeo onde iniciou unha nova orientación profesional como pediatra e médico especialista en análises clínicas, unha vez que se colexiou oficialmente en xaneiro de 1941. Froito das súas investigacións anteriores e do prestixio adquirido puido publicar aínda algúns traballos científicos que foron citados no prestixioso Tratado de Patología y Clínica médicas, de Pedro-Pons. Un opúsculo seu sobre “Lucha contra las moscas” mereceu unha mención honorífica da Sociedad Española de Higiene en 1942. En 1958 foi convidado a participar como membro fundador na Asociación Española de Biopatología Clínica.

A traxectoria profesional de Rodríguez Darriba é a dun investigador e institucionista, froito dunha política científica e racional, que viu truncado o seu labor a partir de 1939. El considerábase, por idade, compromiso e actitude profesional, participante da Xeración do 27, no apartado dos homes de ciencia. Formou parte dese enorme número de españois aos que podemos denominar “cerebros non fugados”, que sufriron as sancións e as decisións político-administrativas que adoptou contra eles o réxime saído da guerra civil e que os obrigou a afastarse completamente da súa anterior carreira investigadora, desaproveitando deste modo o traballo que desenvolvían e no que sobresaían antes desa data.

Bibliografía:

Fontes documentais:

Arquivo da Residencia de Estudiantes de Madrid / Junta para Ampliación de Estudios. Expediente personal 125/203.

Fontes impresas:

RODRÍGUEZ DARRIBA, A. (1930): Contribución al estudio del gangulheterakis spumesa, Medicina de los Países Cálidos, Madrid.

RODRÍGUEZ DARRIBA, A. (1931): Esquistosomas. (Estado actual), Medicina de los Países Cálidos, Madrid.

RODRÍGUEZ DARRIBA, A. (1932): Sobre oxiuros, Madrid: Dirección General de Sanidad.

RODRÍGUEZ DARRIBA, A. (1933-1934): Sobre anquilostomiasis en la huerta de Murcia, 2 tomos, Madrid: Dirección General de Sanidad.

RODRÍGUEZ DARRIBA, A. (1935): Breve introducción a la Helmintología médica, Noticias médicas. Murcia.

RODRÍGUEZ DARRIBA, A. (1936): Parasitismo humano por protozoos intestinales en Murcia (capital) y su huerta, Tese de doutoramento, Madrid: Bolaños y Aguilar.

RODRÍGUEZ DARRIBA, A. (1936): Parasitismo humano por protozoos intestinales en Murcia, Madrid: Dirección General de Sanidad.

RODRÍGUEZ DARRIBA, A. (1942): Protozoosis intestinales humanas, Madrid: Ed. Morata.

Ademais deixou inéditos dous manuais: Entomología médica e Tratado de Paludismo.

Bibliografía secundaria:

PEDRO-PONS, A. (1950): Tratado de Patología y Clínica médica, Barcelona: Salvat. Tomo VI: “Enfermedades infecciosas. Intoxicaciones. Enfermedades profesionales y por agentes físicos”, capítulos dedicados a “Rickettsiosis humanas”, pp. 585 e ss., e a “Enfermedades producidas por protozoos”, pp. 678 e ss.

GURRIARÁN, R. (2006): Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940) , Santiago: Universidade.

--

Outras ligazóns que poden resultar interesantes para esta e outras biografías: 

https://gl.wikipedia.org/wiki/Categor%C3%ADa:Personalidades_de_Galicia

http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/index.php

http://galegos.galiciadigital.com/

20241117

20241117: pedindo a paz en Ribadeo

Nas vistas da Terra dende o espazo vese a realidade: compartimos un mundo, necesitamos a paz. (Imaxes da NASA)

    Hoxe houbo unha nova concentración pola paz en Ribadeo. Corenta persoas acodemos ó Cantón, fronte á Torre dos Moreno para facer ese exercicio que consideramos necesario: pedir a paz. En baixo quedan as verbas que se dixeron (salvo uns segundos ó comezo).


20150619

Este anoitecer, espectáculo

Disfruta, se a temperie deixa, dun espectáculo esta noite (e as próximas, diferente). A partires das 10 e media - 11 menos cuarto, se está despexado cara ó oeste (é dicir, dende Ribadeo, cara a Foz ou a Vilanova), o ceo irase escurecendo e aparecerá primeiro, unha luminaria que se fará cada vez máis brilante ata ser a máis brilante do ceo. Trátase do planeta Venus. Despois aparecerá preto dela outra, tamén brilante, pero menos: Xúpiter. Todo aderezado coa Lúa comezando a medrar por baixo deles. Espectáculo asegurado ó que se irán sumando estrelas, ata que Lúa, Venus e Xúpiter desaparezan baixo o horizonte un a un cousa dunha hora despois.
Se está despexado, unha noite idílica para ver dende calquera lugar. Por exemplo, dende a praia das Catedrais, que a esa hora non terá moita xente e estarase achegando á baixamar. Ou dende a Illa Pancha (ben, como estará o paso pechado, dende o templete mirador do alto en terra firme).
Imaxe do Sigpac da zona ínsua-Castro das Grobas (nótase os foxos)- enseada de Vilaselán- Illa Pancha- Ría de Ribadeo. A instalación embaixo á esquerda, a EDAR de Ribadeo. Máis centrada, Frigoríficos de Ribadeo, S.L.
A zona das catedrais, no Sigpac

Para máis información, http://ciencia.nasa.gov/ciencias-especiales/11jun_skyshow/

20060831

Máis historias, de Ribadeo ó Universo


Algunhas cidades anunciábanse (aínda se anuncian) con cousas como 'ver Madrid e morrer' ou 'de Barcelona ó ceo'. Con Ribadeo pode pasar o mesmo, pero cada vez máis polo que se lee nos periódicos e menos pola realidade.
O certo é que non sei por ónde comezar polo 'traballo' que teño acumulado. Por calquera sitio: onte, na procura de datos meteorolóxicos antigos da 'Pedro Murias', atópome con eles espallados de xeito salteado en diversas Comarcas entre o 53 e 57, non antes e pode que si algún despois, pero tamén me atopo con cousas como que na 'Riberas del Eo', o 6/1/1934 aparece o nome da ría non como ría de Ribadeo... claro, non é a única volta, e así é de esperar que a polémica rexurda de xeito periódico, e cada volta con menos pulo para Ribadeo, pois ó cabo, o río segue a estar presente e da as curiosidades xa sabidas de procura en internet, que agora mesmo arroxan o balance (en Google):
1)Ría + Ribadeo: 174.000 (as dúas verbas illadas nun documento)
2)"Ría de Ribadeo": 11.900 (o conxunto das tres verbas nesa orde)
3)Ría + Eo: 361.000
4)"Ría del Eo":17.800
5)"Ría do Eo": 1.260
... hai outras combinacións curiosas, como cando se pon ria (sen acento), pero está claro que mentras máis 'finos' somos na procura, mellor se atopa a ría de Ribadeo, e é que Ribadeo asociado en escritos con ría, ten moitas máis posibilidades que Ría de Ribadeo, e o mesmo sucede con 'Eo'. Esta mesma entrada contará varias voltas máis se se fai a procura dun xeito que se se fai de outro, e mentras que non contará máis que 1 volta se se procura do xeito 4 ou 5, se se fai do 3 contará un número de veces semellante a se se fai do 2, tendo como campeón indiscutible de veces de referencia a procura tipo 1, polas que sae no escrito a verba 'ría' e tamén 'Ribadeo'. Quen quera facer a proba, que deixe indexar o Google (que deixe pasar varios días) e que probe co título e as combinacións...
Ben, o caso é que a ría, fronte a Reme, na lama, está vendo aparecer cada volta máis verdín en maré baixa, nun proceso natural acelerado, co que ó cabo dunha década por alí teremos xa plantas extremófilas fixando o terreo e preparando as marismas. A marea baixa deixa ver tamén o perfil dos meandros ó sur da Veiga, moito máis acusado á forma típica de curvas de río no seu treito baixo que á de perfil de ría (é dicir, debuxo de arriba fronte a debuxo de abaixo) o que significa menos volume de auga e que a influencia mareal é abondo menor do que eu creía e o trafego de auga por marea, tamén (ver no debuxo a zona entre mareas con menor volume arriba), e a resistencia ó avance da auga, maior, co que o arrastre é menor e a colmatación cara ó fondo da ría, máis rápida... indicando un crecemento dos tesóns maior.
O da ría entronca coa exposición que xente reacionada coa Plataforma para a defensa da ría de Ribadeo organiza entre fin de mes e o día 10 na Casa da Cultura (planta alta da biblioteca) expoñendo cartas marinas, planos e documentos sobre a ría. a xente que se achegue, ademáis, terá o alicerce de ver a casa da xuventude aparentemente lista dende hai tempo e sen inaugurar posiblemente esperando as eleccións e cortando ás á xente nova de Ribadeo que podería aproveitala...
Outra exposición corresponde ó cartel, bonito e que deixei de ilustración da entrada de hoxe, para animar o 'de Ribadeo ó Universo'.
Pois en Ribadeo, mentres segue a relación acoso - cinismo na prensa, e se fan roldas de prensa en relación cun dos abondantes xuízos que merodean polo concello, segue a ser nova o rexeitamento do PXOM na Xunta. As reaccións, pintorescas. O alcalde, nun xornal, sae dicindo en titulares que o grave é o retraso en dar o informe, e noutro que non hai máis que o rexeitamento das urbanizacións. Se non fora o alcalde de Ribadeo, seguramente aconsellarían algo como que o vira un psicólogo, pois non é iso o que se deduce do documento de referencia (reseñado na entrada "O tratado non é Europa") nin das alegacións, sen contar con outras variacións que van ter que facer de xeito posterior. É dicir, van ter que redactar de novo o PXOM, e pregúntome cánto costará. Pero tampouco os outros partidos se libran. O Bloque está contento co rexeitamento das urbanizacións porque di que avala as súas teses, pero non logrou que fora sen elas. E o PP tan pronto critica o das urbanizacións como di que que vai facer a xente que ten apalabradas as fincas, e promete máis comentarios para seguir co tema en plena campaña pro municipais 07.
Ben, a consecuencia da procura dunha ruta de sendeirismo, decátome que Ribadeo, a pesares dos esforzos de Teresa Díaz, non ten unha soa ruta catalogada, e eso cando hai uns días se pretendía (teóricamente, porque non o creo) nunha xuntanza a nivel comarcal, voltar ó tren Ribadeo - Vilaoudriz como tren turístico, por riba xa da recuperación dos tramos que se poda da vía como iniciativa turística de camiños para camiñatas na natureza. Adeus plan de rutas turísticas a pé, en aras dun novo fume que se disipará pouco a pouco se non o está xa.
Para rir un pouco con cousas de fóra de Ribadeo, collo hoxe dúas novas científicas referidas pola prensa dun xeito dubidoso:
Unha, que a capa de ozono comezou a crecer, segundo un estudio da NASA e a Universidade de Xeorxia (EEUU). Se non lembro mal, o outro inverno foi o que a descoberta da capa de ozono na Antártida bateu récord de extensión... outra cousa moi diferente é que, pola tendencia, se esto segue así, o que comezou a verse desbaratar nos anos oitenta poda voltar á normalidade sobre o 2050, algo que non é novo que se diga, se ben agora parece que se fai con máis precisión. Por outra parte, éste é un tema netamente estatístico, co que, sensu stricto, habería que falar de outro xeito ó dar a nova...
A outra, que se ve unha supernova (unha estrela moi masiva estalando, vaia) por primeira vez en 'tempo real'... a 440 millóns de anos luz de distancia, o que significa que as imaxes se ven diferidas 'só' 440 millóns de anos... o que non deixa de ser un real tempo. Como se ve, coas novas na ciencia hai que ter aínda máis coidado que coas da política.