Artigo publicado na Comarca del Eo de 30 de abril de 2022. A segunda foto que acompaña ten un texto sobre o que trata o artigo. A primeira, a vella placa, é citada no mesmo. Este artigo é continuación de outro de Carlos Álvarez Lebredo
OUTRO NOME CONTROVERTIDO: PRAZA DE FEDERICO OU DE VICENTE ÁLVAREZ MIRANDA?
Carlos Álvarez Lebredo
A semana pasada fixemos algunhas observacións nestas mesmas páxinas de ‘La Comarca del Eo’ sobre algúns dos rótulos informativos que acompañan os nomes de rúas e prazas nas artísticas placas de azulexos de Sargadelos que van festoneando o rueiro de Ribadeo. En varias delas só recolliamos algunhas dúbidas e preguntas que nos tiñan chegado ao respecto, desde hai anos, dos textos dalgunhas delas. Quen tivese a paciencia de ler aquel texto vería que as nosas propostas estaban baseadas exclusivamente na filoloxía, no rigor lingüístico e no desexo de que a información se ofreza coa maior claridade posible.
Para esta ocasión traemos unha cuestión semellante pero algo máis enrevesada. Está claro que hai outra placa manifestamente errada pero tampouco somos quen de esclarecer absolutamente todos os puntos que rodean o asunto. Trátase da placa, recentemente colocada, que sobre seis azulexos de Sargadelos pon “Praciña de Álvarez Miranda” e que na parte informativa engade: “Vicente Álvarez Miranda. Escritor. Político. Militar (Cruz Laureado de San Fernando)”. Nada hai que obxectar a esta lacónica aclaración que en só oito palabras perfila moi ben o citado personaxe. O problema é que esa praciña leva algo máis de setenta e cinco anos dedicada ao seu irmán Federico. Na parte alta da praciña aínda se conserva a placa primitiva, colocada en 1946. É un sinxelo mármore branco, con letras maiúsculas gravadas en baixorrelevo e adherido á fachada traseira da casa dos Díaz-Fierros. Literalmente pon: “Plazuela de F. Álvarez Miranda”. Ou sexa, que o personaxe epónimo da praza non é Vicente (como se explica na moderna placa de Sargadelos) senón o seu irmán Federico, a quen corresponde esa letra F.
Esta cuestión non admite dúbida. En 1946 o concello de Ribadeo quixo homenaxear a cinco distinguidas persoas da localidade poñendo o seu nome a varias rúas da vila: o Bispo Veres, J. Vicente Pérez Martínez, Pasarón y Lastra, Acevedo Rodríguez e Federico Álvarez Miranda. O acordo municipal é de 12 de xuño de 1946 e está recollido en portada polos dous semanarios ribadensese os días 15 e 16 dese mes. Inclúe unha pequena xustificación de méritos para cada un deles. Do último, Federico Álvarez Miranda, sublíñase que é un poeta lírico, de inspiración fina e delicada, autor de belas composicións, entre as que destaca “A una rosa”. Os dous semanarios locais fixéronse eco do citado acordo municipal e posteriormente dos actos de homenaxe e descubrimento das respectivas placas, que tiveron lugar o día 29 de xullo. No caso concreto de Federico Álvarez Miranda foi Dionisio Gamallo o encargado de eloxiar ‘in situ’ o escritor, ler un dos seus poemas e descubrir a placa.
Vicente Álvarez Miranda puido ter méritos para que unha rúa ribadense levase o seu nome. E incluso é probable que a tivese antes do seu irmán, pero non esa praciña: isto é só unha conxectura miña, que se podería resolver con paciencia, acudindo ao arquivo municipal ou revisando actas municipais anteriores ao verán de 1946. Insto a que os historiadores lle dediquen tempo. Para establecer esta conxectura baséome só na miña interpretación (subxectiva, arriscada) dunha nota de Dionisio Gamallo publicada xusto un mes antes do citado acordo municipal de darlle a Federico Á. Miranda o nome da praciña. En ‘La Comarca’ do día 12 de maio publicou Gamallo unha semblanza do seu irmán Vicente Álvarez Miranda. Entre outras cousas afirma que aos ribadenses tenlles que soar este nome “como consecuencia de existir, dentro del casco urbano de la villa, un callejón (por fortuna blanco y limpio) rotulado de este modo hábil y prometedor: ‘Travesía de Álvarez Miranda’”. Dá a entender, pois, Gamallo que o “callejón” xa levaba o nome de Vicente cando no concello lle poñen á praciña o nome de Federico. Eu non me atrevo a conxecturar máis. Pero o que si está claro é que, aínda no caso de que a Travesía fose de Vicente, a Praciña é inequivocamente de Federico.
Xa no seu momento Gamallo intentou aclarar vixentes confusións entre ambos irmáns, por exemplo nas datas de nacemento. E é que os dous tamén faleceron relativamente novos e ambos foron escritores. Vicente, máis apaixonado e de carácter vehemente, era capaz de asombrosas improvisacións métricas, á maneira dos regueifeiros tradicionais, pero en versificación culta. Pero respecto da súa calidade poética, o sempre fiable diagnóstico de Gamallo, incluído na citada semblanza de Vicente en ‘La Comarca’ do 12 de maio de 1946, é claro: refírese a “su hermano D. Federico, mil veces superior como poeta a Vicente, y digno de la cuidadosa exhumación a que lo someteremos”. Esta última alusión refírese, claro está, ao previsto acordo municipal do mes seguinte de darlle a Federico o nome da praciña.
En definitiva, non teño claro que á altura de xuño de 1946 Vicente Álvarez Miranda xa lle dese nome a unha calella (“callejón”) de Ribadeo. É probable. O que si está fóra de dúbidas é que o nome do seu irmán Federico deulle nome á praciña que se abre desde unha calella procedente de Amando Pérez e que desemboca, en lixeira costa abaixo, na parte alta da rúa Antonio Otero, case en fronte á Costiña Padre Sarmiento. En calquera caso, como a praciña leva o nome de Federico, non ten ningún sentido que na moderna placa de Sargadelos se lle atribúa o nome da praciña a Vicente nin que se aclare nela a biografía deste.
Para rematar: Vicente Álvarez Miranda naceu na casona de Guimarán o día 30 de maio de 1815 e faleceu en Veracruz (México) o 5 de abril de 1858. Federico Álvarez Miranda naceu na mesma casa o día 30 de abril de 1817 e faleceu en Ribadeo o 29 de novembro de 1841.