20220415

Aire no futuro de Ribadeo

Ribadeo no Sigpac

 

Aire no futuro de Ribadeo

    O venres 15 de abril, o día seguinte a que se celebrase o aire novo que representou o advenemento da II República, apareceu na portada da Comarca del Eo (datada o sábado 16) un artigo co título 'El futuro de Ribadeo ya no está en el aire', sen asinar. En tempos pos-covid, cun entorno completamente cambiante, resulta raro un título así. Foi o que pensei ó velo e sigo pensando tras lelo. Por iso quero deixar aquí algún comentario a dito artigo.

    Evidente: Ribadeo afronta cambios. Fíxoo sempre, seguirá a facelo, e non diminuíu a taxa de cambio no comezo da pos-pandemia. Pero, nun mundo interconectado de múltiples xeitos, por influenzas máis externas que internas, dependendo o futuro do turismo ou a inflación (por non falar directamente de cambio climático ou estrutura enerxética), máis que doutras circunstancias máis locais. E máis aínda, se a palabra 'estruturais', que aparece no artigo aplicada ós cambios, lle ven demasiado grande.

    Din (di o artigo) que chega a revolución industrial porque baixan os prezos das parcelas no polígono (supostamente) industrial. Deixando aparte a xa longa historia da revolución industrial, celebro unha baixa de prezos que non comprendo, pois, se levan os prezos das parcelas altos máis dunha década (o polígono é de 2010), a baixada ven con retardo. E, o seu efecto a futuro, despois de chegar atrasado e perder a competencia con Barres (que ten unha extensión dobre e está abondo máis poboado) e outros polígonos (unha poboación semellante, Vilalba, ten un polígono catro veces máis extenso e ocupado), está aínda por ver. Sen ir máis lonxe, non sei que se fixera ningún estudo que apoie a afirmación da próxima 'revolución industrial ribadense'. Evidente, mal non lle ven, pero o polígono, polo momento, sinxelamente deixará de estar no aire para pasar a estar no vento.

    Din que o centro de saúde lambe as súas feridas, e que o solar que deixará o vello ó trasladarse 1 km máis aló será ouro puro. Coido que para a sanidade ribadense a ferida principal neste momento, a necesidade máis perentoria, é a falta de persoal médico, e que o mero feito do cambio de lugar non vai suplilo. Nese sentido, terá que seguir a lamber as feridas en troques de curalas de xeito efectivo máis que coa saliva. O cambio de situación, se ben vai supoñer a mellora de acceso para algúns, para a maioría da poboación vai ser o contrario: xeografía e servizos cantan claro. Non sei o que custaría poñer o centro de saúde ó día, pero dubido que sexa máis do que custará un novo. E, non dá que pensar que o lugar do vello sexa cualificado de 'ouro puro'? Se ten tan boa situación, para que facer que se marche de aí?

    Din 'cambio de urbanismo' cando coido debera dicir 'máis do mesmo'. Ou as últimas aprobacións urbanísticas cambiaron o futuro do que xa hai? Saltaron por riba e estableceron liñas diferentes en relación ó PXOM?

    Un casco histórico e unha torre dos Moreno que xa non asuste? Ribadeo, por sorte, leva máis dunha década rehabilitando o seu casco vello. Pode verse como estaba hai algo máis de quince anos no documento 'Ribadeo Falls. Presentación sobre as casas caíntes en Ribadeo'. Pode apreciarse a diferencia. E nun paseo, pode verse o que lle falta. Seguirá a mellorar. A torre tamén, esperemos.Pero polo momento, desde que chegou Paisajes de Asturias, os amaños vense compensados co desgaste, e non creo doado dicir se o balance é positivo ou negativo. De feito, o mesmo artigo citado, entre outras cousas, ten escrito 'hace ya tiempo que su nueva propietaria mayoritaria, Paisajes de Asturias, tendría que tener listo su proyecto de rehabilitación del edificio'. Ou sexa, foi polo vento, veu polo aire...

    Remata con algo no que estamos, máis ou menos, de acordo: garantirase un 'pulmón verde' entre o formigón. O proxecto inclúe pistas, que farán que o verde se vexa sobrepasado por outras cores. Benvida á nova dotación. Fai falta unha zona de calistenia (ver a nota de prensa do concello) aínda que na parcela veciña, rúa Daniel Cortezón por medio, haxa elementos de ximnasia que non se potenciaron. Iso si, o proxecto non mellora as traseiras dos edificios nin a súa beleza.

    Benvidos os cambios? Parte deles, si. Pero, mentres vexo voar as gaivotas sobre a ría, lémbrome do vello son 'Pousa, pousa': fun polo vento, vin polo aire...

1 comentario:

Agremon dixo...

Unha semana despois de ver publicado na Comarca o artigo que cito, vexo no El Progreso un artigo idéntico na práctica, con outro título e asinado.