RAQUEANDO (1)
Pancho Campos Dorado
En La Comarca del Eo de 27-abril-2024 aparece unha entrevista co alcalde Castropol Sr. D. Quico Vinjoy, titulada, “Defendimos que Ría del Eo y Ría de Ribadeo tuviesen el mismo valor, que no se eliminase ningún nombre”. Sigue, por tanto, a senda da teimuda postura astur de querer equiparar o topónimo onomástico da Ría de Ribadeo, cun nome ridículo no ámbito marítimo, dado que un accidente xeográfico, como é o rio Eo, non ten nada que ver coa historia dos pobos que lle deron nome ó lugar. Esperpéntica actitude, que asume tamén o presidente “académico” do Instituto Xeográfico Nacional, un señor de Murcia, que equipara "Ría do Eo" coa denominación do Mar Menor. Menuda fachenda que ten o “elemento catedrático” ese. Por qué non fai a comparación coa a Albufeira de Valencia, que ten nome propio de lugar, ou coa Ría de Bilbao ou a de Vigo, ou todas as do ámbito nacional? Como é posible que este tipo de individuos cheguen a ser representantes relevantes da Administración do Estado? Realmente cuestión de vendidos, como se de república bananeira falásemos.
Don Quico, sigue a dicir que, “siempre estamos dispuestos a hablar, dialogar para impulsar proyectos que vayan en beneficio de ambos municipios”. Como dicimos os galegos, esta é unha mensaxe surrateira, pois a boas palabras non hai quen lles gañe, pero cando vemos as accións xa entendemos perfectamente que o que queren é, acaparar todo o que representa a forza motriz da historia e do porvir de Ribadeo.
Pero voulle dicir unha cousa por se non o sabe. Nunca, nunca será a ribeira dereita da Ría de Ribadeo relevante como a ribeira esquerda onde se sitúa o Porto milenario de Ribadeo, tanto en Mirasol como en Porcillán. E sabe por que, Señor Don? Porque por motivos que estableceu a Mamá Natureza, nunca terán calado suficiente para ser un porto de mar; se acaso, Castropol será equiparable a un porto fluvial de escasa relevancia, como Figueiras ou o da Veiga de Ribadeo, hoxe Vegadeo por aquelo manifestamente anti-galego de seguir borrando do mapa a denominación RIBADEO, tal como se leva agora, dicir que As Catedrais “están no Occidente de Asturias”, e non no Oriente do Reino de Galiza. Chorradas que a eito nos endosan sen azorarse.
Continúa falando da “boa relación” con Ribadeo, e que no único que atopamos diverxencia e co nome da Ría “que sempre estivo aí” e que tanto a denominación Ría de Ribadeo como Ría do Eo teñen que ser “equidistantes”. Por suposto, sempre estivo aí co topónimo “Ría de Ribadeo”, máis de 1000 mapas e cartas de navegación o acreditan, por NINGUN-HA de ría do Eo, polo tanto tal equidistancia nunca existiu.
Esa “boa relación” con Ribadeo, que si, vemos, é que esa “cooperación”, tradúcese en pegarse como unha lapa a Ribadeo, para sacar todo o proveito posible dunha ou doutra maneira, “legal” ou artimañeira, pois Ribadeo é quen ten a posibilidade de volver a ser a forza motriz da economía da zona. Agás o asteleiro de Gondán na ribeira dereita da Ría de Ribadeo, non hai nada mencionable de poder industrial, e polo porto de Mirasol saen máis de 700 000 Tm de mercancía tódolos anos, principalmente 540 000 Tm de pasta de papel de ENCE. Moi mal aproveitadas para a zona, tamén hai que dicilo.
De aí que ao Principado tamén lle interese en facer a Ribadeo o porto do occidente asturiano. Por suposto, xa se serviron del desde sempre, como é natural. Pero a ousadía de querer borrarlle agora o nome a Ría de Ribadeo, é para seguir coa expropiación que o Principado leva a cabo desde fai séculos, e poder continuar, se pode, neste ou no seguinte século, incluso borrando o propio nome de Ribadeo, pois xa chegaron desde fai anos as pancartas da denominación da Biosfera á rotonda dos Irmandiños, sen mencionar as Terras de Ribadeo por ningures.
Ribadeo, hoxe en día, tampouco ten nin unha sinxela industria que nos avale, e parece que ninguén se preocupa do asunto, pero verbenas e larpeiradas que non falten, o voto é o voto, e a pela é a pela. Tivemos a fábrica de Alginatos da Vilavella, os asteleiros de Floro, os aserradieros de Couso e Conde, talleres mecánicos no peirao de Figueirúa con máis de 25 mecánicos nos talleres de Seivane e Barcia, e outros tantos en outros pequenos talleres, como o de Jesús, de Severiano, Parga, etc. Había 350 mariñeiros rexistrados no Pósito de Pescadores, 54 postos fixos na Empresa Ribadeo de autobuses, a fábrica de gabardinas de Llaú que daba emprego a todas as costureiras de Ribadeo, que non eran poucas, había decenas de postos de traballo na hostelería, hoteles, ultramarinos familiares, ferreterías, panaderías, cines e Teatro, un tren de Vilaodriz-Ribadeo, arquitectura e albanelería, Institutos de Ensinanza e colexios, empresas de Gayol e de Manuel Lens de granxas de galiñas e de manufacturas de hormigón armado, as conserveiras de pescado de Pelaez, as Galerias Innovación de Andrés Tojal; o Rosa Lar de Manuel Lens e logo de Manolo, unha das mellores salas de Festas da contorna, etc.
En fin, Ribadeo tiña autonomía propia até que chegou a Ponte dos Santos.
Melloramos en calidade de vida o abrir a Ponte? Por suposto que si. Como todo o mundo que entrou na democracia na década de 1980 en diante e tiña posibilidade de medrar. Pero perdemos a autonomía. Agora temos moi poucas posibilidades de crecemento como porto comercial, pois a Ponte dos Santos cegou a entrada aos barcos de até 7000 TRB, que son os que fan o tráfico de cabotaxe internacional por Europa, con todo tipo de mercadorías. Unha ponte que se estivera situada naquela primeira e hipotética construción da Ponte dos Mortos, non se houbera pechado o tráfico da Ria de Ribadeo, e hoxe poderían atracar pequenos cruceiros e portacontenedores, que lle darían vida, non só a nosa zona, senón a toda a provincia de Lugo.
Estase a falar das malas condicións e pouco rendemento que teñen as vías férreas de FEVE. Se o porto de Ribadeo funcionara, como non funciona, isto estaría resolto, pois sería un ben urxente para a Administración local e provincial e pola conta que lles tiña, xa habería subvencións dabondo por parte do Estado para poñer un Tren da Costa con condicións de transporte comercial, ao menos como un TALGO.
Por outra banda, a desgraciada obra da escollera e espigóns engadidos seguen sendo un atranco para o tráfico polo canal, deberían ser cambiados de lugar para dar entrada franca aos barcos, que hoxe varan e encallan incluso en marea chea e en condición de lastre. Nunca tal cousa ocorrera en séculos de historia.
O Club Náutico debería pasar a estar na Vilavella alargando os atraques e pantaláns de amarre ao largo da costa das Aceas e Reme, e Ribadeo sería un gran porto comercial e un excelente Porto Náutico, un “Porto Banús do Cantábrico”. Melloraríase unha boa estrada Ribadeo-Porto, e abriríase outra ben habilitada entrando polas Aceas pasando por Ove e saíndo á estrada de Santa Cruz, así se estruturaría o municipio cun crecemento perfectamente asumible.
Pero iso non se fai. Hai que dragar a Ría de Riabdeo por parte de Portos de Galiza, sabendo que iso tiña que estar prohibido por Patrimonio, por ser a Ría un xacemento arqueolóxico subacuático de primeiro nivel europeo recoñecido pola UNESCO. Hai vestixios cerámicos do século IV a.C. Estaban 600 pezas gardadas na Casa da Ría e “desapaceron” pois a Casa da Ría ten a porta rebentada e está aberta todo o ano, pola desidia municipal de non coidala. Segundo “as malas linguas” as pezas de cerámica foron parar ó contedor do lixo, e outros din que foron para o Museo de Vigo, pero alí, parece ser, que nunca chegaron, e outras linguas din que as roubaron. O máis probable.
Por outra banda, na mesma entrevista dise que Ribadeo vive moito de Asturias, posto que a efectos comerciais naturalmente que Ribadeo ofrece variedade e diversidade que “nosotros no tenemos”. Efectivamente. Pero esta parte, enseguida a volve a amañar dicindo que temos o mesmo “ecosistema”, la “Ría nos vertebra”, e sigue cun discurso de obras de pantaláns para embarcacións deportivas, etc. que xa están a montar. Do cal, sinceramente, me alegro, pois teño amigos nese lado da ría, que están até as narices das malas condicións dos amarres.
O señor don Quico, fala de que Castropol e Ribadeo están no Inter-Eo, e na Reserva da Biosfera Oscos Eo (e Terras de Burón). Nomes sobre os que, xa no seu día, escribín cadanseus artigos neste tan apreciado semanario (01 e 12 -agosto de 2011), pois está falando das Terras de Ribadeo que foron borradas do mapa por simples privilexios diocesanos, entre o arcebispado de Mondoñedo, o de Oviedo e a usura do Conde de Ribadeo D. Diego Gómez de Sarmiento e Villandrando, que vendeu terras e servidumes no ano 1551 por 8500 ducados. Un tipo que en Ribadeo nunca estivo.
A entrevista é un discurso, un discurso non aceptable nin antes nin a estas alturas da película. Pois aquí non se trata simplemente do nome da Ría da Ribadeo, posto que xa nas propiedades territoriais do Condado de Ribadeo, a Pierre de Villaines no ano 1369, e en 22 de abril de 1435 a Rodrigo de Villandrando, está establecida a extensión das Terras de Ribadeo até a Pobra de Navia, cousa que como todo o mundo sabe, ou debería saber, chegan ata o río Frexulfe en Navia, polo que tamén iso das terras Eo-Navia é outra das tantas falcatruadas as que nos teñen acostumados.
Pero claro, válense da incompetencia e pasividade do actual goberno da Xunta de Galicia que leva cincuenta anos de democracia sen facer nada, máis 40 anos desaparecido na ditadura franquista, un século inactivo. Pasividade absoluta, que saben moi ben aproveitar desde o Principado para dividir a Ría de Ribadeo ó medio, con Franco en 1958, e agora levando tanto a aquel Sr. Touriño como ao “probe infeliz” do Sr. Rueda dun lado para outro inflándolles o ego con palabras ocas, grandilocuentes e aduladoras para que se sintan “grandes e relevantes”. Vaia forma de metelos no peto para que miren para outro lado e se siga perdendo o patrimonio de Ribadeo, e por suposto o patrimonio galego do Reino de Galicia.
Chega tamén ás miñas mans, un artigo de prensa do periódico El Comercio 19 de abril 2024, onde se da a noticia “El tesoro de la Ría del Eo ya está en el Museo Arqueológico”, de Oviedo, Asturias. “Un rollo de plomo, una roldana y un bolaño pertenecientes al buque hundido en la ensenada (de Arnao) en 1511”. Ë admirable a forma de darlle solemnidade a actos de piratería raquera, como vou a explicar, porque isto é de libro.
Primeiro e ante todo, en 1511 a enseada de Arnao era do Reino de Galicia, pois a venta das Terras de Ribadeo entre o Eo e o Navia, como xa dixemos, levouse a cabo en 1551. Segundo, a articulista de Castropol di: “las piezas de un barco halladas en 2007”, data na que estaba prohibida a inmersión en toda a Ría. Iso confirma o que levo dicindo desde 1991, queren roubar o nome da Ría de Ribadeo, para apropiarse do patrimonio da Galiza e levalo para os seus museos. Aí está. Feito. Pero por outro lado, como é que saben que o barco afundido é de 1511? Onde están os documentos da época que acrediten tal afundimento en Arnao? Atoparon os “Protocolos de Construción” do barco, ou estaba gravado o ano nunha táboa da estampa de popa? Isto parece de risa.
As pezas non son ningún tesouro. Una pasteca de bronce de 20-23 cm de diámetro pode ser perfectamente a pasteca de subir a cinza das caldeiras de carbón do Cabo Torres, polo pozo de cinzas e escorias, usada a cada relevo de garda polos fogoneros que limpaban os cinceiros, para deixalos baleiros para a seguinte garda. Non hai nos barcos veleiros de 1511 pastecas para nada, posto que a pasteca é un aparello que non ten redución de traballo, a potencia a exercer e exactamente igual que o peso que hai que levantar (P=T), e nos barcos había moito traballo de izado como para usar pastecas a pelo. Calquera que teña unha mínima noción de Física sabe isto. Incluso puidera ser a pasteca da escotera da botavara o unha guía de escota dun yate que fondeara alí o mes pasado, ou no ano 2007, jajaja.
Por outro lado o rollo de chumbo é un respeto (recambio) de mantemento e reparación mecánica, usado nas tubaxes que poden sufrir vibración, ben no servicio de vapor ou ben, no de aire comprimido, pois as abrazadeiras de suxeición van enzunchadas con zapatas de chumbo. Este artificio se podía ver nas tubaxes de aire comprimido nos barcos das décadas de 1970, 1980 1990, como eu mesmo as teño visto.
Tamén puidera dicirse que sería usado pola carpintería dun barco do século XVIII ou XIX para reforzar os batideiros das vergas (antes reforzados con envoltos de coiro) ou para as cuñas da fogonadura dun mástil, ou sen ir tan lonxe no tempo, para os batideiros dos velachos dun vapor do século XIX, tal como, o Cabo Torres, que está afundido no canal de Porcillán, polo que non sería nada estraño que de alí saíra o tal rollo de chumbo e o “levantaran” en Arnao, ou din que apraceu alí, e listo, exactamente igual que a “pasteca de bronce”. Raque puro e duro do pecio Cabo Torres o meu entender.
Con relación ao bolaño, ou bala redonda de pedra dun canon do século XVI, tamén pode ser “reliquia” do pecio San Francisco ou do Galgo de Andalucía, que no século XVIII defendían o Porto de Ribadeo, sito no Condado de Ribadeo do Reino de Galicia. Pero seguramente, é máis probable, que sexa do galeón Santiago, posto que como eu mesmo teño recollido datos, no taller do peirao de Mirasol do meu amigo e recordado Gelo, cando o arqueólogo Miguel San Claudio retirou as primeiras evidencias do achado do galeón, sacáronse como mostra bolaños de 80-85 mm de diámetro, de 110 mm, de 145 mm, de 220 mm e de 330 mm, entre outras pezas interesantes de madeira. Todo para saber da súa procedencia e construción. Quedaban no fondo decenas de bolaños máis, que seguramente a estas alturas non quede ningún de mostra, por aquelo de estar baixo a ameaza do raque e o furtivismo subacuático.
Ao mesmo tempo dicir que o Galeón Santiago está sito no canal de Cabanela, hoxe transformado en parte da explanada da maldita escollera e precisamente na zona de dragado do canal, que debera estar prohibido dragar por Patrimonio, se é que acaso esta rama da Administración Pública da Xunta existira como tal.
Pois ben. No Principado de Asturias danlle relevancia e solemnidades o “achado en Arnao” e chaman para a “cerimonia de entrega do tesouro” ao Museo Arqueolóxico de Oviedo, nada menos que a un Vicealmirante e a un Tenente de Navío, que están extasiados (véxase a fotografía que acompaña a reportaxe) diante de tres cazolos de plástico coas pezas arriba mencionadas. En menudas películas se mete esta xente da Armada.
Total, e o meu entender, as pezas non teñen ningunha importancia histórica, pois carecen de contesto e valor engadido, e solo teñen o valor de chatarra atopada nun fondeadoiro, exactamente igual que a chatarra que se pode atopar nas decenas de fondeadoiros de toda a cornixa cantábrica.
O que realmente son tesouros da Ría de Ribadeo, son as pezas de cerámica, ánforas e cachos de pezas partidas con sinais inequívocas da súa época. Como xa dixemos, aquelas 600 pezas depositadas na Casa da Ría de Santa Cruz, até fai poucos meses. Esas sí, esas sí tiñan valor histórico recoñecido e que foron expostas na Oficina de Información e Turismo de Ribadeo, onde todos as puidemos contemplar e, onde van? Cando fixeron limpeza da esquecida e cochambrosa Casa da Ría, será verdade que as tiraron no contedor do lixo?? Onde están as pezas arqueolóxicas da Ría de Ribadeo? Aparecerán dentro dun tempo tamén en Arnao?
Supoño que San Claudio e a Armada Española saberán que se está facendo co patrimonio da Ría de Ribadeo. Non é pequena nin efémera a cuestión pois afecta a Historia da Navegación en Europa, non só a historia local e nacional de Galicia.
Onde están as nosas Autoridades Autonómicas e as do Concello de Ribadeo para pedir contas sobre tanta falcatruada? Seguirase gastando o presuposto do Concello de Ribadeo, de 12 millóns de euros, 2000 millóns das antigas pesetas, en enchedoiras, chocolatadas, feiras, festas e mercados dos amiguetes con dereito o voto? Seguirase a facer política clientelar en vez de facer polas cousas que realmente importan?
A política é para servir, non para servirse, pero hai individuos ben traxados e engravatados que as matan calando, e que, á primeira de cambio... En fin.
1 Raquear: andar na procura de restos de naufraxios.↩