Amosando publicacións coa etiqueta tren. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta tren. Amosar todas as publicacións

20230521

Unha viaxe en tren

Unha viaxe en tren

    18:19, saída de Foz. En realidade, saída da estación de Foz, situada a 1,5 km ou 2 da casa do concello (segundo elixas máis ou menos seguridade peonil), a unha certa distancia do lugar máis preto onde esperar tomando un café. A hedra que cubre parte da estación vese compensada cunha impecable plataforma con bancos e marquesiña para esperar sentado. Non hai posibilidade de confusión: á esquecida estación súmaselle que a vía xusto por diante dela vese totalmente oxidada (a máis de cortada, como se pode apreciar na foto), o que non pasa coa que vai por diante do lugar preparado.

    Despois de estar un mes sen servizo (por obras na estrada á entrada de Burela, substituído o tren por un bus que non paraba onde as estacións, entre outras diferencias), e só na espera naquel lugar, ó observar un pequeno retardo despois de ter tido algunha sorpresa con FEVE, pregúntome se tería pasado algo na liña que non soubera. Chamo ó número que vexo indicado e comunícanme que non pasa nada máis que que o tren leva 12 minutos de retardo no seu camiño. Ben, se só son 12 minutos... E si, moi aproximadamente, 12 minutos foi a tardanza total dende a hora no listado de pasos.

    Un convoi de dous vagóns automotores con perfil moderno achegouse. Entro a nivel da plataforma a un interior cunha ocupación dun terzo ou un cuarto de lugares, mais abigarrada, onde se misturan xente cualificalbe como locales, como eu mesmo, outra xente de viaxe, turistas, estranxeiros afincados... xente que, ata chegar a Ribadeo, inrementarase con algunha diferenza máis.

     Xa en marcha, ó pouco abandoo a lectura. A paisaxe cautívame unha vez máis. As casas de Mourente ou sobre a ría de Foz, a placidez dunha tarde límpida na que se goza dunha boa temperatura e sen o forte vento de días atrás, o decorrer dos campos, camiños, veredas, montes, árbores e o mar ó fondo co ceo lixeiramente variante súmase ó avance en relativamente rápido pero calmo traqueteo. E así, a observación de beleza pasa a sentemento de sosego, inundando os tranquilos vagóns cun sentir prácido.

    O interior, agradable, invita a descansar e contemplar.

     A paisaxe vai deixándose sentir máis que pasando, os lugares habitados, con fogares aquí e aló transmiten unha calma habitada, máis vital, mentres as zonas sen poboación acollen a visita dos ollos de xeito completamente diferente.

    Gústame o tren. Pode que porque me gusta a terra que atravesa, esta terra nosa. Esta rasa cantábrica que festonea entre o mar e as montañas da Mariña que desemboca en Asturias, a Galicia máis próxima que teño.

    Chegamos a Ribadeo. Alédame que a estación, aínda que teña pasado por mellores tempos, non admita comparación co abondono que sufre a de Foz. Un remate adecuado a unha viaxe sentida.


20230411

Vía morta

Vía morta

    Un pequeno túnel para solucionar o paso do tren baixo a autovía. Soleado o exterior, a lóxica sombra interior, e, ó fondo, de novo a luz, que, pola distancia, xa non facilita tanto o recoñecemento dos obxectos daquela zona. Así, hai que observar moi ben se se quere ver un cartel pousado nas vías, dous cadros negros e dous brancos cruzados, apoiado nos raís.

    Todo un símbolo: o tren metido no tobo por mor dos coches que lle pasan por riba. Un transporte eficiente por baixo en moitos sentidos doutro que despercidicia dous terzos da enerxía que necesita para funcionar. Un transporte comunitario pisado polo transporte particular para quen poda. Un túnel pequeno sen servizo tres semanas, igual que o resto da vía. Non vale levar un tren ate o punto cortado e alí facer un trasvase de cen metros, non. Hai que empregar autobuses por estrada en toda a liña. Autobuses -ou taxis, coma noutras veces- que non pasararán por moitos dos apeadoiros, mesmo dalgunha estación, da liña, asestando outro golpe á continuidade e servizo do tren. Un golpe máis á confianza nese medio de transporte e o que representa en xeral e para a zona. Un golpe máis querendo rematar cun servizo.

20220703

Unha vía verde

Unha vía verde

    Un proxecto como o ferrocarril mineiro Ribadeo - Vilaoudriz significou, coa súa construción primeiro, pero sobre todo coa súa posta en marcha, un revulsivo para toda a comarca. Vía de case 35 km, desenvolta en só tres anos, a comezos do século XX nunha zona daquela con pésimas comunicacións, foi eixo de transportes e desenvolvemento. A súa luz chega ata hoxe tras unir o baixo Eo con Ribadeo, e de alí co mundo enteiro saíndo da ría de Ribadeo.

    Agora ('agora' neste caso é o mesmo que dicir dende hai ben máis dunha década) pretende recuperarse o seu trazado para o lecer, como 'vía verde', acadando outro tipo de dinamización comarcal e social. Non creando da nada, senón aproveitando unha estrutura dos nosos bisavós. Quizais máis modesta, pero non desprezable.

    Claro que o 'agora' é moi discontinuo. De feito, remátase de volver usar un proxecto de 2010 como base para a nova arremetida de peticións dende a comarca ó ministerio en Madrid. No medio, pode que o máis salientable sexa o impulso que decidiu dar un grupo de xente, encadrada nun taller de emprego, a modo de práctica de participación e construción dunha empresa. Corría o outono de 2016 cando se puxo en marcha unha exposición en Ribadeo, repetida despois en Abres, ou se organizou un recorrido do tramo de algo máis de 12 km recuperado no cambio de século entre Santiso de Abres e A Pontenova. Un impulso puntual ó que se sumaron daquela os concellos, que sen abandoar a idea non remataban de darlle adiante.

    Dá gusto recorrer o tramo recuperado. Un paseo á beira do Eo no que van incluídos seis túneles e unha ponte. Camiño que despois do abandono do tráfico ferroviario viña exercendo de vía principal ou auxiliar a lugares dispersos, incluída unha central hidroeléctrica que se debe pechar por orde xudicial.

    A historia da liña Ribadeo – Vilaoudriz é accesible en moitos lugares, de libros e documentos en bibliotecas á Galipedia, pasando por diversas notas de prensa. E o novo camiño, a Ruta da antiga vía do ferrocarril Vilaoudriz – Ribadeo ten xa tamén a súa historia, de anos que leva en xestación. Abondos máis dos que levou a construción da vía orixinal. Pero iso é o pasado. E o futuro? Visto o presente e o seu transcurso, costa traballo ver o final da recuperación da vía como vía verde a pesar da beleza do tramo xa en uso -sen estar exenta de deficiencias- ou do recorrido de tramos practicables hoxe por hoxe, aínda sen a recuperación.

20220527

EN DEFENSA DUN FERROCARRIL PÚBLICO, SOCIAL, ECOLÓXICO, EFICIENTE E SOSTIBLE

    Copio e axusto dunha nota que colgou Iván Rodríguez Lombardero para unha actividade de apoio ó ferrocarril que en Ribadeo terá lugar este domingo:

EN DEFENSA DUN FERROCARRIL PÚBLICO, SOCIAL, ECOLÓXICO, EFICIENTE E SOSTIBLE

A vindeira semana (26/5 a 29/5) as plataformas de defensa do tren de Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi realizarán unha viaxe reivindicativa na FEVE, desde Bilbao a Ferrol, de xoves a domingo.

Concretamente a galega fará un a viaxe desde Coruña o propio domingo (29)  saíndo ás 6:45 da mañá cara a Ferrol, co obxecto de coller alí o tren das 8:20. Desde alí partirán a Ribadeo para coincidir aquí coa comitiva que vén desde Bilbao contra as 11:30.

Tras unha roda de prensa e paseo até a Plaza de España, xantarán e e voltarán cara a Ferrol no convoi das 15:00.

As persoas que queirades participar podedes facelo libremente subindo ó primeiro tren cara a Ribadeo, que pasa por Viveiro contra as 10:10 AM, para voltar con eles cara á vosa vila no das 15:00.

Tamén a xente de Ribadeo pode participar agardando ás 11:30 á chegada a estación das comitivas, acompañando nos actos e mesmo subindo ó tren de volta ás 15:00 para retornar nalgúns dos trens da tarde (mirade os horarios). Non é obrigado, aínda que pode ser convinte, contactar coa organización se vides desde Ferrol ou a Coruña.

20210604

Obras (anuncio) na antiga estación de Vilaoudriz

   Alédome de que por fin o concello comece a tomar cartas no asunto do aboandono da zona da vella estación de tren a Vilaoudriz, do abandono do edificio e outras construcións, do descoñecemento do antigo ferrocarril... Mágoa que polo momento só sexa pouco máis que a nova de que a estación xa é do concello e que haberá un desbroce como anuncio de intencións. Deixo a nota de prensa do concello, de onte mesmo, enteira, o edicto e unha toma complementaria do Google maps cun esquema, xusto aquí:


   A nota de prensa do concello:

Foto cedido

O CONCELLO DIALOGA COAS PERSOAS QUE VIVEN NA INFRAVIVENDA

Antiga estación do tren mineiro

03/06/2021

O Concello acondicionará o espazo que ocupa a antiga Estación do Tren Mineiro de Ribadeo-Vilaoudriz e as súas inmediacións para convertelo nun lugar de uso público no corazón do centro urbano da vila. O alcalde, Fernando Suárez, subliñou que o Concello comprométese a estudar as posibles fontes de financiamento público. E mentres procederase ao desbroce, limpeza e acondicionamento da zona, onde se habilitará un aparcamento público e gratuíto de vehículos.

O rexedor explicou que "desde o Concello de Ribadeo estamos iniciando actuacións importantes e decisivas nunha área do casco urbano que leva decenios nunha situación moi degradada e á que se lle quere dar unha solución. Para iso aplicaranse todas as posibilidades legais que estean a disposición do Concello. Neste grande espazo que comprende a antiga Estación do Tren Mineiro de Ribadeo-Vilaoudriz e as súas inmediacións estamos a levar dúas actuacións de índole xurídico-administrativa".

Estación do Tren Mineiro e a súa parcela

Suárez Barcia sinalou que "a primeira delas é que o Concello aceptou hai poucas semanas a cesión anticipada do edificio da antiga estación de tren xunto coa parcela que o comprende, logo de ter chegado ao acordo cos seus múltiples propietarios deste inmoble que está dentro dun polígono urbanístico de solo urbano non consolidado. Este complexo trámite iniciouse tempo atrás por mor da falta de cumprimento dos principios de seguridade, salubridade e ornato públicos que o Concello lle esixía aos seus propietarios". 

O alcalde indicou que "a actuación que o Concello asume de aquí en diante con esta cesión é o compromiso de manter e acondicionar esta área de 3500 m2. O Concello comprométese a estudar as posibles fontes de financiamento público para rehabilitar este espazo e lograr facer un lugar de uso público no corazón do centro urbano da vila. Entrementres, toda esa parcela será desbrozada, limpada e acondicionada, onde se fará un aparcamento público e gratuíto de vehículos, tal e como estivemos a facer noutros puntos da Vila”.

Inicio do trámite de inmatriculación doutra parcela adxacente

O rexedor dixo que "xusto ao pé desta parcela existe outra grande superficie que non figura a nome de ninguén no Catastro de Inmobles. As pescudas que se estiveron a facer por parte dos técnicos municipais nos rexistros públicos e noutras investigacións, non botan luz sobre a efectiva titularidade deste espazo no que tamén existen naves e antigos almacéns da extinta Sociedade Mineira de Ribadeo-Vilaoudriz. Tamén nesta parcela  está establecida unha chabola onde vive unha familia desde hai moitos anos".

Fernando Suárez asegurou que "para despexar esta complexa situación, no día de hoxe foi publicado un Edicto municipal onde se abre un prazo dun mes para que todos aqueles que entendan que son propietarios destoutra importante parcela duns 3364 m2 o manifesten formalmente perante o Concello de Ribadeo. Se pasado este prazo, non aparecen o seu titular ou titulares, o Concello procederá de xeito semellante a como xa o ten feito noutros casos, isto é, á inmatriculación desta parcela e inscrición posterior no Rexistro da Propiedade a nome do Concello de Ribadeo".

Diálogo coas persoas que viven na infravivenda para atopar unha solución definitiva

O alcalde engadiu que "desde hai moito tempo desde o Concello de Ribadeo lévase tentando buscar unha solución habitacional cun matrimonio que alí reside, sendo ata o momento infrutuosa a posibilidade de lograr a desaparición desta última infravivenda que temos en Ribadeo. No día de hoxe, mantívose, pola concelleira de Benestar Social, o traballador social e mais o alcalde, unha xuntanza cordial con este matrimonio para avanzar na busca dunha solución definitiva e co apoio do Concello de Ribadeo en buscarlles un aluguer dunha vivenda, chegando desde o Concello a propoñer unha axuda para o pago dun aluguer durante un período de tempo limitado así como para tramitarlle novamente as axudas sociais ás que teñan dereito diante da Comunidade Autónoma ou o Estado. Desde o Concello mantemos un fío de comunicación sincero, cordial e aberto con estas persoas para resolver definitivamente está situación que non se pode aceptar en pleno século XXI ao morar nunha infravivenda".

   O edicto:





   Non sei se quedou claro: algo móvese, pero polo momento, é máis o que queda igual. Agora ben, xa só falar do tema xa é un paso adiante.

20210411

Ai, Mariña!

Imaxe derivada de https://gl.wikipedia.org/wiki/Ficheiro:Mari%C3%B1a-mapa.png, por José Ramón García Ares, con lic. CCBYSA3.0

   Adico o título á Mariña (non a Mariña), pero podería facelo a unha entidade máis ampla... ou ó revés, deixalo reducido a outra máis pequena, como un pobo, ou mesmo unha aldea: podes elixir ti o lugar concreto.

   Hai algún tempo, pouco despois de que Biden fose investido, saía unha pregunta como titular do New York Times: "America Has Long Favored Cars Over Trains and Buses. Can Biden Change That?" Algo que remachaba no subtítulo: "The president’s infrastructure plan tries to break from the past by shifting spending away from new roads and toward public transit. It won’t be easy."

   Ou sexa, "Os EEUU teñen favorecido por longo tempo os coches sobre os trens e autobuses. Pode cambialo Biden?" e "O plan de infraestruturas do presidente tenta rachar co pasado cortando o gasto de novas estradas e dirixíndoo cara ó transporte público. Non vai ser doado." Cave especificar algunhas cousas: en pleno século XXI, os estadounidenses vense a eles como 'América', algo derivado da 'doutrina Monroe' de hai xa dous séculos atrás e que, parafraseando outra célebre frase do Rei Sol, os EEUU interpretan como 'América son eu'.

   Os EEUU favoreceron os coches? Si, claro. Na práctica, o seu desenvolvemento industrial coincidiu no tempo co desenvolvemento da súa industria automobilística. Un tempo no que a longa rede ferroviaria do país, e  viu decair a súa importancia relativa, aínda sendo a espiña dorsal que facilitou o desenvolvemento, ata chegar á actualidade. Unha rede que no seu momento vertebrou e supuxo un aumento da cantidade e velocidade do transporte conxugadas cunha mellora no prezo, ó tempo que permitía a relación nun país inmenso e a competivividade da súa industria. E ben, poderá Biden cambialo? Aquí, novos factores a considerar: as liñas de tren ou autobús, ou avión, así como os coches individuais (individuais como en ningún outro país, aproximándose a unha persoa, un coche) e os fabricantes correspondentes, son privadas. Cambiar a tendencia en pouco tempo e mantendo a liña mental económica supón destinar -dar- recursos públicos a redes privadas, fágase no sentido que se faga. Pero lugares onde a estación do tren foi dende o seu comezo o punto central do pobo, onde naceu, ou ven o seu mantemento ou o propio afogamento da poboación e os poboadores...

   Volvendo á Mariña, o desenvolvemento da rede de estradas non está mal. Entre outras cousas, porque na actualidade, onde o tren non pode chegar, tes que usar algún tipo de transporte por estrada. Pero o lento desmantelamento en curso da liña de ferrocarril que vertebra a Mariña e a une á zona atlántica de Galicia e ó centro asturiano, aínda cun montón de problemas a solucionar, de velocidade a seguridade, pasando por situación das estacións ou conexión desa liña con outras cara ó interior, arroxa problemas parellos ós que agora Biden tenta atallar nos EEUU: falta de competitividade, falta de relación, falta de servizo. Falta de futuro.

   Haberá aquí voluntade presidencial (túa, como propio presidente de ti mesmo ou mesma, local, comarcal, provincial, autonómica, estatal...) para facer posible ese futuro?

20200719

Por que se chama ‘La Comarca del Eo’?

Esquema collido de https://gl.wikipedia.org/wiki/Li%C3%B1a_Ribadeo_-_Vilaoudriz, licenza Creative Commons recoñecemento compartir igual 3.0

   O outro día, ó ensinarlle a alguén un artigo do último número de ‘La Comarca del Eo’, atopeime cunha pregunta súa, formulada máis ou menos: “E por que se chama ‘La Comarca del Eo’? Non se debería chamar mellor ‘A Mariña’”? Din unha resposta rápida, referíndome non á causa última de quen tivo a idea, que non sei, senón ó cambio das condicións no entorno entre a época na que naceu a Comarca e hoxe, o que explicaría a elección do nome. E logo, quedei pensando e decidín escribir este artigo.
   La Comarca del Eo, semanario ribadense, leva editados 5235 números, que a un por semana, cun par de excepcións, da máis de 100 anos, retrotraendo o primeiro número a 1919. Naquel momento, cando pouco se titulaba en galego, a elección do castelán era o predeterminado. E xusto despois da I Guerra Mundial (ou Gran Guerra Europea, se se ten outra mira) as comunicacións para transporte tiñan unha aparencia abondo diferente, estando marcadas na zona polo ferrocarril da empresa mineira que explotaba o ferro en Vilaoudriz. O ferrocarril a Vilaoudriz, ferramenta para o transporte mineiro e aproveitado para transporte de persoas, estaba en pleno apoxeo, vertebrando unha comarca que abranguía entre Ribadeo e a Pontenova, e a ambas beiras da ría de Ribadeo e do río Eo, das Figueiras ou Castropol a San Tirso ou máis aló da actual Pontenova. Mentres, os transportes por estrada facían ver moi lonxe lugares como Viveiro. É dicir, nunha época na que as viaxes eran máis longas en tempo, máis curtas en distancia e ben diferentes en condicións, estaba vertebrada unha comarca da costa ó interior por ese ferrocarril que se quixo prolongar, de xeito infrutuoso, ata Ponferrada. Por contra, tiña abondo menos sentido falar da existencia dunha vertebración de territorios costeiros, por moito que se tivera comunicación en base ó mar.
   O ferrocarril marcou o desenvolvemento de toda a zona ó tempo que intensificou as relacións entre as persoas, cando o transporte dependía dos carros máis ca dos camións e os coches eran un luxo que rara vez se vía pasar mentres a xente se desprazaba en transporte comunitario. Ese ferrocarril foi desatendido no seu mantemento, ata a desaparición final do servizo a raíz dun derrube nun túnel en Ove, a pouca distancia da vila de Ribadeo. Túnel cortado, á entrada do que se pode acceder aínda hoxe, chegando dende o pobo por rúas e estradas chas, vías de comunicación feitas aproveitando o antigo trazado da vía. Neses tempos, os 60 do pasado século, o tren, desatendido, lento e con servizo deficiente, non era competitivo para a empresa privada. A perda que supuxo chega ata o de hoxe, cando se quere recuperar o seu trazado para facer unha vía verde de máis de trinta quilómetros, ampliando o xa recuperado. Caeu o tren e hoxe, como amosa o exemplo que da título ó artigo, a ‘Comarca del Eo’ vese como un nome estraño, ó que hai que procurarlle o significado.
   Unha historia para lembrar hoxe, cando esa outra comarca que outro tren axuda a vertebrar, a Mariña e o ferrocarril de vía estreita Ferrol-Xixón (esta vez, de mans dunha compañía que se supón de servizo público), están en perigo.

20200630

“300 € por 8,70. Historia dunha viaxe en FEVE”, continuación


No outono, antes da chegada do coronavirus, publiquei unha entrada na que narraba as peripecias dunha viaxe que ía ser en tren cun custe para min de 8,70 €, e que rematou sendo en taxis (así, en plural), cun retardo considerable na chegada e por un importe -a cargo de RENFE- moi superior. Foi a causa dun feito puntual, o que non desculpa que feitos puntuais dese tipo se teñan sucedido de xeito alarmante, cunha solución tan descoordenada como a referida. O que pretendía era poñer de manifesto a desorganización organizada dun tren que presta un servizo esencial á Mariña luguesa, ligándoa a Ferrolterra e a Asturias e vertebrándoa internamente. Desorganización que redundaba a máis de nun mal servizo, nun machaque continuo da infraestrutura e clientela serviciada tendente á desaparición do propio servizo.

Dende aquela, o coronavirus e Alcoa incidiron no tema dun xeito brutal. A empresa, ó anunciar a redución na planta de aluminio, a máis do mal causado de xeito directo, no que se refire a este tema, levaría consigo a desaparición do transporte de aluminio por vía férrea, incidindo nas contas da liña e na posible presión para o mantemento da liña.

En canto ó coronavirus, o illamento e as diferentes fases de volta á normalidade propiciaron un descenso do número de viaxeiros. Mais o caso é que, con esa desculpa, o número de conexións foi reducido, quedando a día de hoxe nunha conexión de ida e outra de volta. Un feito que, hai que recalcalo cando xa estamos no que se pretente normalidade condicionada, non corresponde coa actual situación de fase tras a desescalada. É evidente que se hai unha conexión de ida e outra de volta, salvo quizais para o extremo da liña preto do punto de saída, o tren non pode ser unha solución de desprazamento, tendo que complementar o seu uso con outros medios, para a ida ou para a volta. E iso, nun horario moi reducido, o que ven a engadirse ós males estruturais da FEVE Ferrol - Oviedo/Xixón, de situación das estacións, reviravoltas polas rías, tempo de viaxe, falta de mantemento da vía, ... Males todos eles que non suprimen a necesidade dun xeito de comunicación que non dubido en cualificar de esencial como parte de calquera transporte público na zona á que serve, a máis de -demostrado está- representar un método abondo máis sostible que o predominante por estrada.

20191118

Este billete vale máis de 300 €. Historia dunha viaxe en FeVE

Xoves 14 de novembro de 2019. Mal tempo, unha viaxe de Ribadeo a Viveiro e unha decisión: vou en tren.
Na estación, pido billete e comunícanme que o conseguirei no tren. Quedo pensando por que se desaproveita a oficina da estación e o persoal destinado alí, pero tamén que non entendo do tema e pode haber motivos que se me escapan.
Paso ó andén e atópome cunha parella nova con cans e un trebello de rodas que queren meter no tren. Non cabe por unha porta normal, ten que pasar por unha dos extremos. Pero chegan condutor e revisora e din que non poden abrila, que está atascada. A parella déixalles unha ferramenta para tentar abrir. Despois dun intre, a porta segue negándose. Resultado: a parella non sube. O xefe de estación dá a saída e, ó pouco a revisora pasa e lévome un billete de ida e volta Ribadeo/Viveiro por 8,70 €.
A viaxe a Viveiro, co mar encrespado á vista boa parte do recorrido e o ceo cambiante de pingues e escuros a luminosos craros da outra beira dos vidros, precioso, tranquilo, cómodo, agradable.
Á volta, volvo ó apeadoiro con tempo e póñome a esperar entre trombas de auga nas tebras da fría noite debilmente iluminada polas farolas próximas. Pasan as 21:07 previstas e, uns cinco minutos despois, comezo ler os poucos carteis que hai no apeadoiro. Un informa dun número de teléfono para chamar se o tren tarda máis de 10 minutos en pasar despois da hora prevista. Chamo e chamo sen conseguir que me collan. E fíxome noutro teléfono noutro cartel que podería servir. Aí si me collen, e despois de falar cun contestador automático e elixir varias opcións, un interlocutor humano dime que non, que alí non é o que estou a procurar, pero que me pasa con outro número. Aínda estaría esperando a resposta dese outro número, se non fose porque despois dun tempo a comunicación cortouse, sen máis. Volvo chamar ó primeiro número, e, desta, á segunda vez, collen. Explico que estou esperando o tren (daquela xa o rettraso se achegaba á media hora) e sen deixarme rematar cando lle digo onde me atopo, dinme que por esa liña non está a circular ningún tren. Antes de que saíra do meu asombro, engade que me vai vir buscar un taxi e colga. Eficiente.
O taxi non tardou. Saúdo, subo e pregúntolle á taxista se lle entrego a ela o billete. Dime que a ela non, que en todo caso, cando cheguemos a Burela, a quen esté alí. Entre Viveiro e Burela da tempo a desenvolver unha conversa, e entérome de que a rapaza nova que vai diante ven dende o Vicedo con destino Xove, de que ó tren no que eu fixera o recorrido ata Viveiro caeulle un tronco derriba no seu camiño cara a Ferrol, e de que a situación non estaba solucionada, polo que non circulaban trens e facíase o servizo en taxi. Polo que parece, situacións semellantes son frecuentes, cousa de unha cada dúa semanas. O caso é que tamén me di a taxista que o taxi no que vai a revisora tería recibido ordes de ir para Burela, sen especificar, polo que pasou de largo os apeadoiros do camiño e logo houbo a necesidade de axustor outro, no que ía eu, para recoller a xente deixada da man de FeVE.
Polo camiño, mentres -agora si- imos recorrendo os apeadoiros, vexo que o taxímetro xa pasa de 60 € e comezo a pensar de que ademáis de chegar tarde nesta noite de cans, da incertidume do teléfono e o pequeno sobrecusto das chamadas, a FeVE váille saír o meu billete e o da xente que está nunha situación parella a min por un ollo da cara.
Chegamos a Burela, e vexo que se baixa unha rapaza que coñezo do taxi que está esperando: tiña falado coa súa casa e van ir buscala dende Ribadeo, porque non sabían canto tardaría o noso taxi. Como xa están en camiño, e nós 'temos présa' segundo a revisora que estaba esperando, para cumprir o horario, ela queda no andén da estación de Burela e seguimos viaxe, o taxista, a revisora e dous pasaxeiros camiño de Ribadeo. Pregúntame  revisora se teño billete, e ó dicirlle que merquei un de ida e volta e facer movementos para sacalo da carteira dime que vale, que entón non fai falta que llo amose.
Seguimos pasando revisión ós apeadoiros, ata pasar a ría de Foz, pero logo tiramos pola autovía. E, de novo, conversa. Falamos, pregunto e a revisora di que espera que a situación mellore: cara ó 2025 está prevista a entrega de novos trens, logo non é previsible que se cerre a liña... mentres, polo camiño, o segundo taxi xa marcaba máis de 280 €. E lémbrome dos 75 €/día para taxi que no seu momento entereime estaban programados para o 2017.

20190728

Reflexionando sobre o transporte na Mariña


Hai un par de días tomei o tren de s. Cibrao a Ribadeo. Puntualidade (de 13:10 a 13:53 sen moita variación), duración equiparable á viaxe en turismo, comodidade, revisor e garda de seguridade no tren, posibilidade de levar a bicicleta, importe (3,60 €) non excesivo en relación a outros custes... algo que non se parecía moito a algunha outra vez que fixen algún traxecto pola Mariña. A ocupación do tren, a mediodía, non era alta: de media no traxecto, fomos no tren unhas 8 persoas.
Noutro lugar teño comentado a mellora do transporte en autobús na franxa costeira da Mariña, e a diferencia grande co que ocorre ó querer tomar un transporte público cara ó interior da Mariña ou a outro punto de Galicia ou de España.
Un par de semanas de aparcamento de coche nun aeroporto poden supoñer máis custe que unha viaxe en avión a centroeuropa, ou un valor semellante ó custe agregado (combustible, gasto de coche, impostos, etc) da ida e volta en coche ó aeroporto de Santiago, o que parece desproporcionado. Se comparamos por outra parte o custe dunha viaxe en autobús a Lugo (nunha das poucas liñas que hai cando hai algunha), 8,80 € (ou 11 €, segundo a liña), é dicir, de cousa de 0,10 €/km, sae algo máis caro, pero semellante ó transporte en tren dende S. Cibrao ou Viveiro (ver imaxe, cun tique dende Viveiro, a un custe de 4,70 €, 60 km de vía). Mais na mesma imaxe sobremontei outro custe: Porto (Portugal) - Santiago, uns 230 km, por menos de 7 €. É dicir, cousa de 0,03 €/km. É certo que é un billete de prezo variable, que pode saír a un custe por km semellante ós que estamos 'afeitos' no transporte público da zona. Pero non deixa de ser curiosa a variación, as oportunidades, comodidade de horarios...
O desenvolvemento de xeito asimétrico do transporte nas concentracións urbanas en relación ó medio rural, que é o noso, é cada vez máis preocupante. Novas oportunidades de transporte de todo tipo xurden como fungos nas cidades, mesmo antes de que dea tempo á súa regulación. No noso entorno, hai medio século había máis posibilidades de transporte público que na actualidade. E a tendencia, con excepcións puntuais, non é mellorar: nin en horarios, nin en tempos, nin en custe. As nosas xentes na aldeaestán moitas veces incomunicados na práctica, dependentes de familiares ou outros particulares para o seu movemento. E só xurde de cando en vez algunha voz por algo en particular. así, seguiremos a perde mentres non nos organicemos, pidamos con forza e aportemos o noso gran á organización comunal.

20190121

1935: o ferrocarril do Bierzo

O 24 de marzo de 1935 publicábase na portada da Comarca, daquela 'semanario popular independiente', o seguinte artigo, en primeira páxina e copia dun publicado no 'Galicia' de Madrid. Si, a historia podía ter sido diferente (tendo en conta ademáis que daquela xa se tiña afondado con anterioridade no mesmo tema abondos anos):



20181216

Nota de prensa do concello. BARCIA PENSA QUE É UN TREITO DA TRANSILVANIA DO SÉCULO XIX

Nunha semana o blog ten acollido dúas entradas que recollen de xeito directo a situación do transporte na zona, tendo o tren como principal vector. Por iso coido que debo recoller tamén íntegra a nota publicada polo concello o pasado día 12:

BARCIA PENSA QUE É UN TREITO DA TRANSILVANIA DO SÉCULO XIX
 Xuntanza polo tren
12/12/2018
O alcalde, Fernando Suárez, asistiu hoxe a unha reunión en Ferrol para abordar a situación da liña de tren que atravesa Ribadeo e o litoral da comarca da Mariña ata a cidade departamental. O rexedor explicou que non asistiu ningún alcalde do PP e que Adif anuncia o inicio dos trámites en xaneiro para renovar as máquinas. Suárez Barcia considera que a xente non utiliza este servizo de transporte público porque ten unha grande falta de credibilidade.
O alcalde declarou que "tivemos unha xuntanza en Ferrol, que foi convocada por responsables de Adif, é dicir do Ministerio de Fomento do goberno do Estado, e tamén da Xunta de Galicia, para tratar de dar unha explicación a esta situación terrible e lamentable que vivimos na Mariña por mor da liña do tren de Feve, concretamente o tramo de Ribadeo a Ferrol. É un treito que máis parece sacado da Transilvania do século XIX, que no lugar onde nos toca vivir a todos e a todas".
Fernando Suárez contou que "debo dicir que, entre os alcaldes que fomos, non había ningún do PP e iso tamén chama a atención, porque penso que a liña de Feve pasa por todos os concellos, independentemente de quen goberne en cada un, pero alí había do Bloque, do PSOE, de En Marea, etc…, pero non había ningún alcalde do PP. Tamén quero dicir que asistimos con moita prudencia ás boas intencións que parece que agora Adif vai ter con esta liña, no senso de iniciar os trámites para renovar as máquinas, aínda sendo conscientes de que se isto vai a un consello de ministros de xaneiro, os procesos de compra e de adxudicación demoraranse, segundo as súas verbas, entre tres e catro anos".
O rexedor relatou que "tamén nos explicaron que están en proceso de reparación de toda esta maquinaria rodante, que ten máis de corenta anos en moitos casos, e que o que está provocando en toda a cidadanía, non soamente en Ribadeo senón en toda A Mariña e en toda a cornixa cantábrica, polo menos no que ten que ver con Galicia, unha situación de descrédito desta liña absolutamente, e de falta de confianza de que a xente non usa este medio de comunicación público, ecolóxico e ao mesmo tempo bo, porque non cre nel, porque sabe que vai pero igual non pode volver, porque se estraga, porque vai no tren e ten que acabar collendo un taxi ou volvendo en autobús, é dicir, unha falta de fiabilidade e de credibilidade inédita para vivir no ano 2018".
Suárez Barcia subliñou que "tamén chama a atención que o representante da Xunta que, durante todos estes anos non exerceu o liderado en todo isto, agora tamén se anime a reivindicar. Parécenos moi ben que se animen agora, pero durante moitos anos que o PP gobernou no Estado non se lle vían esas ansias. En todo caso sexan benvidas e a ver se entre todos podemos volver a dar un crédito e unha confianza a este medio de comunicación que podería vertebrar perfectamente A Mariña, pero que non a vertebra en absoluto porque a xente e a cidadanía non confía".
O alcalde agarda que "se leven adiante estas talas de árbores, que nos dixeron, para a limpeza da vía e das súas inmediacións, que se liciten uns proxectos de estabilización das trincheiras, é dicir, que dalgunha maneira se lle preste atención a un servizo de comunicación público merecedor de tal cualificativo. Esperemos que estas verbas vaian tornándose en feitos, porque o certo é que estamos acabando un mandato exactamente igual que cando se empezou con estas reivindicacións dende moitos Concellos para poñer en valor isto, xa hai anos. En todo este tempo non se fixo nada e as liñas cada vez están máis abandonadas, a falta de revisores, a falta de persoal, os trens, os vagóns e as locomotoras practicamente están para ir á chatarra, e isto non pode seguir así".

20181212

Onde conduce?

Coido que a foto é abondo explicativa. A vía recta cara adiante, sen ninguén que a transite e con lixo descoidado á beira. Unha alegoría do tren na comarca na actualidade (e no pasado), e por extensión, dos transportes en xeral. Podería ser unha vía ó futuro, mais polo momento, parece unha vía ó pasado de atraso e incomunicación. Algo que se pode contaxiar da sociedade ó individuo.

20181207

O difícil futuro da mobilidade na zona de Ribadeo


Hai non moitos días o goberno de España lanzou un plan para rematar co transporte a base de combustible convencional. Xa daquela tiñan lugar as protestas dos chalecos amarelos en Francia pola suba de combustible, que afecta de xeito desproporcionado a unhas zonas periurbanas con conexión deficiente nas que o uso do coche particular é obrigado. E moito antes, o tren na nosa zona ten diminuído a calidade do transporte, despois de perder hai máis de medio século outra liña de tren á zona interior, e ver como as liñas de autobús van caendo. Unha restruturación das concesións de liñas xunto do transporte escolar o ano pasado mellorou en teoría o transporte pola cosa, con baixa calidade de funcionamento, pero fixo pouco polo interior, abocado a poder baixar ó pobo dende primeira hora da mañá ata primeira hora da tarde, e impedindo que a xente do pobo poda subir,
Logo, que? Non subir o prezo do combustible e eliminar a lei que trata de dar a puntilla a un desastroso e contaminante consumo de recursos naturais? Non, coido que a cousa non vai por aí. É mais, ven demasiado tarde con prazos demasiado grandes. Pero mover un armatroste de 1400 kg para que unha persoa de 70 kg se poda desprazar significa empregar vinte veces máis enerxía da debida. E se, ademais, facer un recorrido de 15 km supón emitir ó ambiente 3 kg de dióxido de carbono, uns 1500 L, podemos ver que non só non é mantible pola falta de recursos (esgotamento do petróleo), que se manifesta na suba de prezos, ou pola contaminación que supón o método de extracción de novos recursos en boga hoxe, o fracking, senón tamén pola degradación do aire que respiramos contaminado por miles de millóns de coches, ou a degradación que supón o aumento de temperaturas pole efecto invernadoiro.
Pero necesitamos unha resposta a un problema. E si, hai que racionalizar os desprazamentos de cada quen a nivel particular, pero tamén artellar que os desprazamentos particulares podan ter un encaixe nun transporte colectivo. Nas cidades poden ter máis problema de aparcamento, pero a densidade de poboación permite establecer liñas de autobuses, tren, metro, que achegan abondo ó destino. Na soidade do campo galego, a cousa varía abondo. Pero é necesario darlle unha solución. e só é unha aproximación ó primeiro paso a defensa dun tren que se cae a pedazos  por falta de atención.
Complemento medioambiental, de antonte mesmo:
O secretario xeral das Nacións Unidas, António Guterres, dixo: "Estamos en apuros. Estamos en profundos problemas co cambio climático. O cambio climático está indo máis rápido que nós e debemos poñernos mans á obra máis cedo que tarde, antes de que sexa demasiado tarde ".

20181127

Mirando á pasta

Pasta como sinónimo dos cartos ou pasta de papel? Ambas.
A semana pasada apareceu unha nova nos xornais resaltando non unha nova auténtica, senón o recoñecemento de algo que era vox pópuli: que Ence leva xogando cos políticos para conseguir subvencións cando está ganando cartos. E que para iso, usa Mirasol, o tren e o que faga falta. Algo moi común entre as empresas, sangrar ó sector público como complemento ou suplemento dos réditos comerciais. Aí está a mesma semana pasada o recoñecemento doutro segredo a voces, o agasallo ós bancos de 50 000 000 000 € (euro arriba, euro abaixo, que máis da, máis de mil euros por cada un de nós) despois de vendelo á opinión pública dicindo que era un préstamo con intereses para salvar ós cidadáns..
O caso é que unha vez logrado que Portos de Galicia rebaixase o custo de uso das instalacións portuarias de Mirasol, ENCE xa perdeu o interese na liña férrea. Polo medio, politiqueos de todo tipo con pouca ou nula base real, manobras como a intención da construción dunha macronave, e de xeito sorprendente para min, pouca ou ningunha referencia a que o tren é un transporte máis respectuoso co medio ambiente ou  ó estudo da posibilidade do ramal de ferrocarril a Mirasol. Ó fin, non ían por aí os tiros, como se está a ver. Pero, mentres, Portos de Galicia segue a recibir unhas cantidades moito menores polos dereitos de embarque das que percibía antes do tira-afrouxa co Musel, e o coidado do porto de Mirasol recibe menos atención da que debera, despois de ser segregado do pobo polo valado (realizado coa desculpa de tráfico con países terceiros de fóra da Unión Europea...)
De Navia a Ribadeo
Coido que o que leva pasado a conto do traslado de mercadoría de Ence ó Musel é de libro e debera servir como caso exemplificador para algunhas outras actuacións empresariais de todo tipo na nosa contorna ou máis aló. Que así se faga ou non implicará consecuencias no futuro...

20181115

Ribadeo e o tren: 1933

Cinco anos pasaran dende que en plena ditadura de Primo de Rivera un consello de Ministros decidira que Ribadeo tería tren xa... Na República, tamén, como se ve nesta nova de  La Comarca de 23 de outubro de 1933:
O proxecto xa camiñaba, claro, mais visto dende agora, estaba claro que camiñaba a ningures. Dende o 33 ó 72 que foi inaugurado pasarían case 40 anos, a maioría absoluta de ditadura, para que o proxecto se convertira en realidade. Pouco máis de 40 anos máis tarde aínda, non fan falta consellos de ministros para quedármonos sen tren...

20181114

Ribadeo e o tren: 1928

Agora que hai máis de medio século que Ribadeo perdeu a liña de tren a Vilaoudriz, agora que o ferrocarril da costa ven sufrindo desdeixamento e ataque tras ataque  ata deixalo anémico, coido que pode axudar a tomar conciencia do problema os prazos para conseguir a liña Ferrol-Xixón. Hai máis de 90 anos, o 11 de xaneiro de 1928, 'La Comarca' traía a seguinte nota:
Algunha lembranza:
O ferrocarril da liña Ribadeo - Vilaoudriz funcionou dende 1903 ó 24 de agosto de 1964. (por certo, data próxima o desmantelamento do xulgado)
A Liña de ferrocarril de vía estreita Ferrol-Xixón foi inaugurada o 6 de setembro de 1972.
As locomotoras da liña Vilaoudriz-Ribadeo (... ou viceversa), en dúas entradas: 1 e 2,
E abondo máis na etiqueta 'tren' de ribadeando (entre outras, a nova de 25 de marzo de 1918 que anunciaba a subasta da ampliación da liña de Vilaoudriz até Ponferrada...), ou na 'ferrocarril', na que se pode atopar o presuposto para taxi da actual liña Ferrol-Xixón... para os viaxeiros, non para os directivos!

20180425

25 de abril e unha pequena reflexión máis preto

25 de abril. O día que un povo se rebelou en paz. Unha lembranza para todos...
Lembranza de que hai que actuar para cambiar. De que a vida 'é loita'. E de que temos loitas cotiás, que temos que actuar.
Unha? Hai un par de días a sección de lug dun diario titulaba a súa portada a páxina enteira, así: 'A estación de Lugo gana un 38% de usuarios en só dous anos'. Mentres, hai poucos días, outr sección, esta para a Mariña, anunciaba a caída de viaxeiros no FeVe mariñán a menos da metade en pouco máis tempo. Claro que nesa cifra non podían estar incluídos aqueles que nin lles cobraron por non haber revisor, entre outras casuísticas, e difícil tamén ver neses números aqueles afectados pola supresión de viaxes. E mentres, a moitos daqueles que non usan normalmente o tren parécelles que non lles afecta, cando afecta a toda a sociedade, incluídas aquelas persoas que non colleron ese tren na vida. E é que o común aféctanos a todos. Aínda que ás veces esteñamos cegos e non vexamos a evidencia.

20180405

Centenarios (II)

En relación á entrada anterior (Centenarios) na que deixaba unha páxina do xornal 'El Norte de Galicia' de 19180325, na que se refería á contratación para a liña Vilaodriz-Villafranca do Bierzo, adxunto agora a nova enteira, obtida de 'Galiciana'

20180222

Sanidade, tren, estrada... que máis?

De xeito contínuo na prensa nos bombardea con novas de todo tipo. entre elas, están as novas da zona, que máis aló de incidencias concretas, ofrecen unha visón local de fenómenos a maior escala. Hoxe mesmo pódese ver a referencia á perda de autonomía e servizos, xunto con listas de espera longas e truculentas no hospital / na sanidade da zona, o abandono evidente e crecente do ferrocarril ou a desidia do trato da estrada da costa, N-642, con baches que medran e medran.
Máis? Deterioro do público en dous sentidos literais: do que é público e dos que somos público,algo que non soe saír nos papeis pero que está detrás unha falta de loita tamén en aumento pau tras pau recibido na defensa do que é de todos e ás veces se esquece que é así.
Se se protesta non é porque estan mal as cousas, senón porque hai un dereito previo ó ser as cousas comúns, de todos, e 'público' significar que 'iso', o de todos, está xestionado por entidades que deben render contas a todos. Coido que é algo do que temos conciencia adormilada e que ás veces, quen protesta non o ten interiorizado, senón que quere conseguir o obxectivo marcado como 'seu', non de todos, e quen ve dende a barreira non considera, senón que achaca a petición a un mal entendemento de cada un dos peticionarios do que é 'o del'.
Mentres, así seguiremos. Na Mariña, como noutros lugares da xeografía española. Máis na periferia, por ser menos vista e con menos influencia dende o centro, pero tamén 'no centro', onde por ter máis recursos individuais o público visibilízase menos.
A concentración pola sanidade de onte, no centro de saúde ribadense.