20200719

Por que se chama ‘La Comarca del Eo’?

Esquema collido de https://gl.wikipedia.org/wiki/Li%C3%B1a_Ribadeo_-_Vilaoudriz, licenza Creative Commons recoñecemento compartir igual 3.0

   O outro día, ó ensinarlle a alguén un artigo do último número de ‘La Comarca del Eo’, atopeime cunha pregunta súa, formulada máis ou menos: “E por que se chama ‘La Comarca del Eo’? Non se debería chamar mellor ‘A Mariña’”? Din unha resposta rápida, referíndome non á causa última de quen tivo a idea, que non sei, senón ó cambio das condicións no entorno entre a época na que naceu a Comarca e hoxe, o que explicaría a elección do nome. E logo, quedei pensando e decidín escribir este artigo.
   La Comarca del Eo, semanario ribadense, leva editados 5235 números, que a un por semana, cun par de excepcións, da máis de 100 anos, retrotraendo o primeiro número a 1919. Naquel momento, cando pouco se titulaba en galego, a elección do castelán era o predeterminado. E xusto despois da I Guerra Mundial (ou Gran Guerra Europea, se se ten outra mira) as comunicacións para transporte tiñan unha aparencia abondo diferente, estando marcadas na zona polo ferrocarril da empresa mineira que explotaba o ferro en Vilaoudriz. O ferrocarril a Vilaoudriz, ferramenta para o transporte mineiro e aproveitado para transporte de persoas, estaba en pleno apoxeo, vertebrando unha comarca que abranguía entre Ribadeo e a Pontenova, e a ambas beiras da ría de Ribadeo e do río Eo, das Figueiras ou Castropol a San Tirso ou máis aló da actual Pontenova. Mentres, os transportes por estrada facían ver moi lonxe lugares como Viveiro. É dicir, nunha época na que as viaxes eran máis longas en tempo, máis curtas en distancia e ben diferentes en condicións, estaba vertebrada unha comarca da costa ó interior por ese ferrocarril que se quixo prolongar, de xeito infrutuoso, ata Ponferrada. Por contra, tiña abondo menos sentido falar da existencia dunha vertebración de territorios costeiros, por moito que se tivera comunicación en base ó mar.
   O ferrocarril marcou o desenvolvemento de toda a zona ó tempo que intensificou as relacións entre as persoas, cando o transporte dependía dos carros máis ca dos camións e os coches eran un luxo que rara vez se vía pasar mentres a xente se desprazaba en transporte comunitario. Ese ferrocarril foi desatendido no seu mantemento, ata a desaparición final do servizo a raíz dun derrube nun túnel en Ove, a pouca distancia da vila de Ribadeo. Túnel cortado, á entrada do que se pode acceder aínda hoxe, chegando dende o pobo por rúas e estradas chas, vías de comunicación feitas aproveitando o antigo trazado da vía. Neses tempos, os 60 do pasado século, o tren, desatendido, lento e con servizo deficiente, non era competitivo para a empresa privada. A perda que supuxo chega ata o de hoxe, cando se quere recuperar o seu trazado para facer unha vía verde de máis de trinta quilómetros, ampliando o xa recuperado. Caeu o tren e hoxe, como amosa o exemplo que da título ó artigo, a ‘Comarca del Eo’ vese como un nome estraño, ó que hai que procurarlle o significado.
   Unha historia para lembrar hoxe, cando esa outra comarca que outro tren axuda a vertebrar, a Mariña e o ferrocarril de vía estreita Ferrol-Xixón (esta vez, de mans dunha compañía que se supón de servizo público), están en perigo.