20200711

Vota quen pode, non quen quere

   Lembrando un vello dito, 'non ofende quen quere, senón quen pode', construín o dito do título. Ven a representar que a estas alturas da democracia, pode votar quen pode, é dicir, quen é deixado, non quen quere facelo. Así péchase o círculo: pode votar quen é deixado e pode facelo dando o voto a quen lle deixan (listas cerradas).
   O tema do voto polo coronavirus non é sinxelo. ńaturalmente, non me estou a referir ó protocolo a seguir para o voto, senón á discusión sobre unhas eleccións nas que parte -pequena, pero parte- vese co voto retirado.
De calquera xeito, deixando esa disquisición para filosofía política e para a aplicación das leis, e obviando que por enfermidade, sen mandato 'de arriba' sempre hai xente que se ve impedida (diferente de que 'lle impidan') de votar, paréceme abondo máis grave outro feito relacionado.
   Vexamos. Hai uns anos quedei abraiado cunha práctica estadounidense, o gerrymandering. Como explicación sucinta, dicir que se trata de cambiar a forma do distrito electoral para que os votos a unha candidatura queden dispersos ou concentrados, segundo as circunstancias, e así non logren representación (ou ó revé, logren máis representación). Naturalmente, quen ten a potestade de cambiar a forma da circunscrición é quen manda... Co peche da Mariña, e posterior apertura total dos concellos máis envellecidos e maior presión de peche sobre os relativamente máis novos, a primeira impresión que tiven foi a de que estabamos ante un caso de novo tipo de gerrymandering. Posto ademáis en evidencia polo feito de que ese mesmo poder ten loitado contra o poder central coa acusación de abuso polo peche das comunidades nunha ou outra fase. Peche baseado nun estado de alarma votado en parlamento. Agora non se pasa polo parlamento para decidir o peche, non se lle chama 'fase', pero é semellante, e hai unhas eleccións por medio, e non hai 'contrapoder' equivalente ás comunidades autónomas fronte ó estado...
   Cousas nas que pensar nun día de reflexión.

Ningún comentario: