Amosando publicacións coa etiqueta banda. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta banda. Amosar todas as publicacións

20230109

Choupín. Víctor Manuel Sanjurjo Láncara

Anaco dun folleto dunha actuación da banda no ano 1993

Choupín. Víctor Manuel Sanjurjo Láncara

    O sábado á unha do mediodía iniciou a súa última viaxe. Coido que calquera dos que tivemos trato con el na banda municipal podería ampliar con gusto e gratitude a escueta nova da súa defunción, aínda que só fora engadindo anécdotas diversas das viaxes da banda fóra de Ribadeo, unha parte de Choupín visible só para os que participábamos neles.

    Quen coincidimos como destinatarios con el na ruta asignada de carteiro por Ribadeo adiante podemos ter na cabeza outras particularidades dunha persoa que, se multifacética como tantas outras, érao nun sentido que só a el caracterizaba. Dese xeito foi como comecei a coñecer ó Choupo, antes de imaxinar que íamos pasar tantas horas preto nos ensaios da banda.

    E é que Choupín traballaba para vivir, claro, mais sendo consciente de que a súa vida era, sobre todo, outras cousas. O amor pola diversión entroncaba co amor pola música. 'Un home implicado con Ribadeo' vin como comentario á noticia nas redes sociais. Si, certo, cun detalle: a implicación tiña un fío condutor, que era a música. A rondalla foi, pode, un certo comezo: unha agrupación que el impulsou, xa despois de ter participado na coral polifónica, e o impulsou a el para ir máis aló. Non deixa de ser unha agrupación máis das que artellou no ámbito musical, por suposto sen chegar a ter o movemento de Amadores da Música, e sen desmerecer outras que poderíamos chamar 'aportacións a Ribadeo', máis aló de ser Xuíz de Paz nos anos 2010 (primeiro suplente, logo, titular), que van dende a contribución ó mantemento do Belén da Orden Terceira, como en 2008, ó 'Coro Miserere' ou, fóra da vila, a atender unha coral infantil en Castropol.

    Indo a cousas moi concretas, non creo que ninguén poda dubidar que sen Choupín moi probablemente non habería nada semellante a Amadores da Música en Ribadeo, a pesar da traxectoria musical do pobo e algún desencontro, mesmo comigo. Ó fin, foi el quen se puxo en contacto con Evaristo e logo ambos continuaron estendendo a rede ata consolidar primeiro a xestora, á que fumos chamados un pequeno grupo, e logo a sociedade, participando na directiva inicial e durante os 90.

    Hai case dez anos aparecía a súa imaxe nunha nova que informaba de que Choupín era o último Láncara de Galicia. Hoxe mesmo remato de consultar a web 'Cartografía dos apelidos de Galicia'. Non aparece xa ningún Láncara.

--

    Recordatorio do pasamento de Choupín:



20210517

Hernán Naval, referente de tanto, de tant@s. Suso López

 

Hernán Naval, referente de tanto, de tant@s.

    Hai toda unha xeración de ribadenses nados entre finais dos 70 e comezos dos 80 que nos criamos orfos e orfas de referentes do ámbito público e de carácter local que complementasen o noso proceso de desenvolvemento persoal máis aló do entorno familiar. Atrévome a dicir, incluso, que Ribadeo é, cando menos no remate do século XX e comezos do XXI, unha vila onde sempre escasearon os espellos do eido social ou político capaces de marcar o devir dun grupo amplo de mozas e mozos. Coma moito atopabamos na escola ou no instituto unha figura-guía que nos acompañaba no complexo e sempre arriscado tránsito da infancia á adolescencia e desta atè a idade adulta. Permítame, quen le, que aproveite estas liñas para agradecer, por tanto, a Mercedes de Esteiro, a Amparito, Encarnita Machado, Carlos Cid, Flor Núñez, Dolores ou Manolo (profe de Lingua e Literatura Castelà) que dende os primeiros anos da primaria e atè o bacharelato foron piares que axudaron a dar forma a quen hoxe escribe no persoal mais tamén no político se é que, como nos ensina a cotío o feminismo, hai diferenza entre un e outro espazo.

    É neste contexto onde a figura de Hernán Naval Parapar (Viveiro, 1962 – Ribadeo, 17 de maio de 2001) cobra plenitude pois foi quen de erixirse en mestre e referente persoal (o que ben sendo amigo), musical e político dunha ampla e diversa xeración de mozas e mozos (e outros que xa non o eran tanto) de Ribadeo e da contorna. Poucas batutas marcaron un compás vital tan determinante coma o que Hernán foi quen de marcar, nos pouco máis de dez anos que desenvoleu a súa actividade en Ribadeo, dende os atrís da Banda Municipal de Ribadeo (BMR) que reviviu, á fronte da Escola de Música que pariu e consolidou ou dende os foros e espazos diversos (tamén as páxinas deste diario-[El Progreso, onde foi iniciamente publicado este artigo]) dende os que predicou, no sentido laico do vocablo, sobre cultura, lingua e país, as máis das veces, contra vento do nordés e mareas vivas.

    Militante da “música entendida coma un ben social”, como o definiu o xornalista Félix Soria, Hernán anticipábase ao que a pedagoga Ester Bonal sinala como obxetivo central da educación a través das artes: “reconstruír unha cidadanía capaz de traballar na deconstrucción de moitas das estructuras que contribúen á miseria deste mundo global, ao tempo que coida e fai medrar as súas grandezas”. Un repaso a esa década ampla na que Hernán estivo á fronte da Escola Municipal de Música e máis da Banda en Ribadeo evidencian o seu carácter de persoa avanzada ao seu tempo tanto no fondo (a ousadía, daquela, de impulsar unha banda de música de marcado carácter contemporáneo ou a posta en marcha dunha centro educativo musical pioneiro no país son exemplos) coma na forma (os programas de man dos concertos da Banda constitúen unha lección de historia, cultura musical ou coñecemento da realidade social do país de primeiro nivel).

    No mencer do dia das Letras Galegas de 2001, ao saber do seu pasamento, un sentimento de tristura e orfandade asolou a toda esa familia extensa que Hernán foi acubillando ao seu carón. “Resulta difícil enfiar unhas verbas neste día amargo, pór-lle palabras á tristura de todos cando un non é quen de atopá-las para se confortar a si mesmo”, expresaba Eduardo Gutiérrez (Lalo), exalcalde de Ribadeo e amigo de Hernán, poñendo palabras ao que tantas e tantos sentiamos.

    Vinte anos despois do seu pasamento, e coa dor da ausencia que non marcha, dá gusto ver como a Banda segue actuando ou como a Escola bate récords de matrícula ano tras ano exercendo un papel de institución educativa clave na vila. A este seu legado cómpre engadir o sentimento de orgullo, atrévome a dicir que unánime, de todas e todos cantos estivemos nalgún momento baixo a batuta de Hernán. Orgullo de ter formado parte da Banda ou da Escola, de ter coñecido a Hernán pero, por riba de todo, de aprender e medrar canda el. E aí, nesa lembranza aparece sempre o seu admirado Mario Benedetti quen, despedíndose do poeta salvadoreño Roque Dalton, escribiu: "Ahora recorro tramo a tramo nuestros muchos acuerdos y también nuestros pocos desacuerdos y siento que nos quedan diálogos inconclusos, recíprocas preguntas nunca dichas, malentendidos y bienentendidos que no podremos barajar de nuevo. Pero todo vuelve a adquirir su sentido si recuerdo tus ojos de muchacho que eran casi un abrazo, casi un dogma”.

Suso López Fernández foi membro da Banda e alumno da Escola entre 1993 e 2009

 

Ligazóns ó listado de entradas sobre Hernán (ata o momento):  

Hernán Naval, escritos e prensa VII

Hernán Naval, escritos e prensa VI  

Hernán Naval, escritos e prensa V  

Hernán Naval, escritos e prensa IV  

Hernán Naval, escritos e prensa III  

Hernán Naval, escritos e prensa II  

Hernán Naval, escritos e prensa I

Breve guía de referencia cronolóxica nos anos ribadenses

 

20201227

Aínda non rematou o concerto

   Póñome a escribir entre dúas obras. Paro: comeza o Danubio Azul.

   Concerto Covid no Hernán Naval a cargo da Banda Municipal de Música de Ribadeo. Case hora e media de transmisión que queda en https://www.facebook.com/287827837895905/videos/1480789548788259, onde algo máis de media centea de telespectadores a están a seguir, a máis dos presentes no reducido aforo do auditorio. Actuación repetida, en dous días, como estaba anunciada, que pode verse en Facebook cando se queira.

   Non digo máis. Unha actuación emotiva como esta paga a pena aforrar comentarios e desfrutar o máis en directo posible. E o concerto, 'aínda non rematou', segue vivo en internet...

20200905

¿SABÉIS POR QUÉ TOCA TANTO LA BANDA MUNICIPAL? Diario de un confinado en Olavide. Ángel Alda


 

¿SABÉIS POR QUÉ TOCA TANTO LA BANDA MUNICIPAL?

Pues ¡porque tiene que tocar!
Eso decía la letrilla popular que acompañaba la interpretación del Himno de Riego en los escasos años del siglo XIX en los que los liberales tenían algo que tocar.

Ayer la Banda Municipal de Ribadeo daba un concierto en homenaje a la patrona del pueblo, Santa María del Campo, en el campo de fútbol. Y a este cronista de pandemias no se le ocurre otra cosa que presentar su libro sin música en la Casa das Letras del mismo pueblo.

Música festiva versus brasa literaria. Campo de fútbol versus salón librero.

El concierto era el primero después del parón sinfónico debido a la pandemia. El libro se puede leer cualquier otro día del año y además la presentación aparecerá en podcast. Resultado del partido: a la presentación acudieron: Paloma, Goyi, Marcela, Rosa, Ramón, Pancho. Y Andrés, el anfitrión, Antonio, el presentador y el autor, Ángel. Me he tenido que incluir en la lista para hacer número.

Estábamos en familia. Antonio Gregorio hizo la presentación (como la tiene escrita la pondré en texto) y yo pegué la chapa que quedó grabada para la posteridad (también la grabó Antonio sin avisar). Cuando la cuelgue en su blog enlazo.

El programa de la Banda no se cuál fue. Ni siquiera conozco el número de asistentes.

Yo estaba encantado. Expliqué la teoría de que las pandemias anuncian nuevos mundos. El Renacimiento, el Capitalismo industrial y el Estado del Bienestar fueron fruto, entre otras cosas, de enormes pandemias. Y que el precio es tremendo.

Poco más. Sigo empeñado al límite de la incomprensión de que lo importante en estos momentos es conservar la esperanza y no hacer hueco al desánimo y al ruido de las gradas públicas.

Y escuchar a la Banda Municipal.

Seguiremos

Un beso entre tanto

Ángel

20200418

Un vello programa: BMMR 2007

No seu momento, a premura deu lugar a un escaneo defectuoso. Hoxe, volvo con elo: Programa do Concerto do Día da Patria Galega 2007

20191229

Aquí como en Viena 2019

Ribadeo, 28 de decembro de 2019. Non é unha inocentada. É o concerto da Banda Municipal de Música de Ribadeo, da nosa banda. Con algunha inocentada polo medio, si, como cando a presentadora sae a dicir -despois dun estrondo no interior- que o concerto se suspendía por unha caída do director nas escaleiras do interior do escenario.
Unha cita clásica en Ribadeo, tradición de Nadal e base social, cun auditorio Hernán Naval a tope e ó tempo, un ambiente entrañable, familiar, con risas no entramado como corresponde ó 28 de decembro, mais tamén con ballet como representación viva nalgunhas pezas, e a ledicia da música, en todas.
O concerto, con dúas partes, como xa é clásico. Unha primeira, innovadora, e unha segunda, tradicional. Máis un extra, neste caso, No belo Danubio Azul, e un remate, como mandan as edicións pasadas de Aquí como en Viena dende o primeiro así chamado o 26 de decembro de 1993, a Marcha Radetzky.
As obras da primeira parte, todas en primeira interpretación pola banda, estiveron dominadas pola mistura de épocas e lugares. Así, sucede por exemplo, no Bolero de Noël, mistura o Bolero de Ravel co típico canto de Nadal, con resultados sorprendentes, o mesmo que ocorre coas outras pezas.
Pero para min, a segunda parte, clásica, tivo un significado especial a causa da Marcha militr nº 1, opus 51 de Franz Schubert. E é que o 31 de xaneiro de 1992, o día da presentación da banda, na igrexa parroquial de Ribadeo, era a obra que abría o programa. É dicir, a primeira obra que interpretou a formación en concerto. Supoño que non sería o único en emocionarme. Non só porque había no auditorio máis dun músico participante naquela primeira actuación, senón pola interpretación escoitada.


Vídeo do Amencer de Así falou Zarathustra:



Vídeo de O segundo Vals:

20190605

Unha lembranza de hai 22 anos: celebración do 5º aniversario da banda de música

O 25 de xaneiro de 1997 a Banda Municipal de Música de Ribadeo cumpría 5 anos do seu esteno. A invitación, en principio para socios de Amadores da Música, fíxose extensiva a toda persoa que quixera participar.

20181206

O primeiro CD da banda de Ribadeo, en Youtube

Atopeino hoxe de casualidade. E coido que merece unha difusión maior da que presentan o número de visitas que hai nestes momentos en cada un dos temas. Está gravado pola banda baixo a dirección de Hernán polo Servicio de Producción da Radio Galega os días 12 e 13 de agosto de 1997 no auditório da Escola de Capacitación Agraria Pedro Murias, de Ribadeo, agás as obras "Andante Spianato e Gran Polonesa", "Sinfonia do Novo Mundo" e "Piensa en mí", que foron rexistradas en directo no concerto ofrecido pola Banda Municipal na Igrexa Parroquial de Ribadeo o 1 de agosto de 1997.
Obra:Andante Spianato e Gran Polonesa en Mi bemol Maior Op.22.
Autor: F.Chopin.
Transcrición: Hernán Naval.
 Obra: Sinfonía do Novo Mundo (fragmento)
Autor: A.Dvorak
Arranxo: Michael Sweeney.
 Obra: Finlandia.
Autor: J.Sibelius.
Transcrición: Frank Winterbottom.
Obra: O Segundo Vals, da Jazz Suite nº2.
Autor: D.Shostakovich
Arranxo: A.Waignein.
 Obra:Pavane in Blue.
Autor:T.Huggens
 Obra: Portbou-Saraxevo.
Autor: Hernán Naval
Obra:( Everything I Do) I Do It For You, BSO de Robin Hood.
Autor: Bryan Adams.
Arranxo: Ron Sebregts.
Obra: Lonxe do Mar (Habanera).
Autor: Hernán Naval.
Obra: Piensa en mí (Bolero).
Autor: Agustín Lara.
Arranxo: Hernán Naval.

20180321

Dous anos, unha nova directiva para Amadores sen difusión

O sábado 30 de abril de 2016 Amadores da Música, a sociedade casa da Banda de Música de Ribadeo, tiña unha nova directiva. O sábado 10 de marzo de 2018, Amadores renovou a súa directiva.
De xeito sorprendente sendo dende hai anos unha das sociedades maiores de Ribadeo, non vin nada na prensa. Tampouco na súa web, onde aínda aparece a directiva anterior como actual. Un amigo pasoume a composición da nova directiva, que poño en comparación coa anterior, esperando non se me pasara ningún erro:


2017 2018
*Presidente: *Presidente:
Chema Suárez García Elisa Álvarez Amor
*Vicepresidente: *Vicepresidente:
Diego Vizoso Castro Chema Suárez García
*Tesoureiro: *Tesoureiro:
José Ángel Bolaño Penelo José Ángel Bolaño Penelo
*Secretario: *Secretario:
Javier Abellán Torralba Javier Abellán Torralba
*Responsable de Material: *Responsable de Material:
Alberte Chao Penabad Alberte Chao Penabad
*Departamento técnico: *Departamento técnico:
David Ballester Martínez David Ballester Martínez
*Vocais: *Vocais:
Lucía Expósito Martínez Laura Izquierdo Rodriguez
Laura Izquierdo Rodriguez Alberto Clemente Avilés
Alberto Clemente Avilés Diego Vizoso Castro
Elisa Álvarez Amor
María Teresa Martínez Souto
Antonio Andina Penabad

Duración do mandato: dous anos.
Cartel primeiro da banda.

20180125

A estas horas, o concerto xa tiña rematado

Unha nova banda, a Banda de Música de Ribadeo, dera xa o primeiro concerto aló polo 1992. Un video lembrábao polo 20 aniversario.

20180115

Asemblea de Amadores da Música

O venres tivo lugar a asemblea da Asociación Amadores da Música, sociedade titular da Banda de Música Municipal de Ribadeo.
A xuntanza corresponde á dación de contas do ano 2017, e a súa convocatoria non ofreceu novidades, como corresponde a unha xuntanza ordinaria.
O desenvolvemento tamén foi tranquilo, coa exposición de cada un dos puntos entre o total de 18 socios asistentes, que levou ó comezo á segunda convocatoria. Comezou coa letura e aprobación da acta anterior e seguiu desenvolvendo un estado de contas saneado, no que aínda falta por dar entrada a unha subvención comprometida e outra posible, correspondentes ambas ás actividades do ano 2016 e que elevarían en cousa doutros 5000 euros o estado das contas da asociación.
No desenvolvemento de actividades fíxose fincapé na celebración do 25 aniversario (1992-2017) coa exposición realizada, o concerto de 25 aniversario en Cabanela coa participación de antigos músicos e o churrasco posterior.
Houbo algunhas preguntas, como a petición de información sobre se tivera ou non lugar a xuntanza co concello proposta o ano pasado, que si tiveron lugar dúas, e segundo parece amañouse o desacordo manifestado naquela xutnanza.
No apartado musical, en cambio, quedou patente que aínda queda por facer para a reposición de músicos, pois en todo o ano pasado incorporouse un, e este ano espérase que se incorporen dous en dous concertos diferentes. Como saídas, este ano espérase devolver a visita das bandas que viñeron ó festival o pasado ano, incrementando así as saídas do ano pasado.
A asemblea comezou en hora e rematou despois dunha hora, non sen antes quedar emprazados os socios para unha asemblea extraordinaria por marzo para renovación da directiva, que xa anunciou o presidente que continuaba, aínda que podía haber algún cambio na composición por motivos laborais ou persoais.

20180103

Lembranzas do concerto de Nadal en Ribadeo (Aquí como en Viena 2017)

Un pase, o díptico e unha foto como lembranza visual. O dous últimos temas como lembranza auditiva.








20171227

Música para a festa

Hai xa moitos anos, 25, que baixo a batuta de Hernán Naval comezou a serie de concertos de Nadal/ano novo/como aquí, nin en Viena/aquí, como en Viena. Neste 2017, a cousa preséntase así:
E, atención: hai que ir procurar as entradas antes!
Un par de complementos:
Comezando a historia da Banda Municipal de Ribadeo
A banda naceu… Non, hai que comezar antes: a banda municipal de Ribadeo tivo un caldo de cultivo e uns coidados previos. En Ribadeo había tradición musical, e ó longo do século XX diversas iniciativas foron relevándose de xeito que a finais dos oitenta quedaba unha agrupación xa daquela de longa tradición, a Coral Polifónica, mentres se sucedían grupos musicais diversos. Foi ese o caldo de cultivo no que se comezou a pensar nunha banda de música para Ribadeo, algo do que a vila carecía dende uns trinta anos antes. O impulso que marcou o comezo do camiño foi o xuntar forzas de Víctor Manuel Sanjurjo (Choupín), e Evaristo Lombardero, no 1988, que atraeron outras persoas, Ana María Rodríguez (Ani), José Loredo (Pepe da Caixa), Toni Deaño, Carlos Díaz e eu mesmo para facer unha xestora. A xestora sacou adiante uns estatutos, e, ó tempo, fóronse inscribindo un xerme de socios. O torrente desbordante do Choupo, un proxecto consistente e unha ilusión contaxiosa facían medrar, día a día, a idea.
Botou a andar a sociedade de Amadores da Música, e o primeiro foi procurar unha persoa que puidera levar adiante a formación musical, que se considerou básica para chegar a bo porto, e logo dirixir a banda. Así se chegou a unha persoa que tiña un proxecto persoal que ía como anel o dedo ó proxecto nacente. Hernán Naval chegou a Ribadeo e o primeiro que fixo foi clarificar, o proxecto común na súa parte musical: a banda, finalidade de Amadores da Música pero ó tempo con vida propia. Era o ano 1989. Tres anos foi a cifra básica marcada nun primeiro momento para formar a agrupación e comezar as actuacións. E, co comezo do curso académico 1989-90, deu comezo a formación musical. O pequeno grupo de xente que se apuntou á academia de musica destacaba por ilusión, por ganas, por traballo, pero sobre todo polo ambiente que se formou.
O 9 de xullo de 1991, Amadores, en asemblea, puxo data para o nacemento da banda, programando con tempo, de xeito natural. Así, o 25 de xaneiro de 1992, con antelación ó previsto, a banda tivo o seu concerto inaugural abríndose ó mundo cos compases da Marcha Militar nº 1, Op. 51 de F. Schubert. A segunda obra, Airiños, aires!, foi xa unha alegoría para os músicos, que despois do Coro de peregrinos do Tannhäuser encamiñaron o fin do concerto sentíndose participantes da historia musical de Ribadeo.
Dende aquela, as diversas actuacións (xa 100 en Melide o 19 de agosto do 1995) foron deixando o seu aporte na historia da agrupación, das persoas que a teñen integrado, da sociedade que a apoia e do público que as goza.
A día de hoxe, a banda xa hai longo tempo que cumpriu a súa maioría de idade… e segue a facer historia.
 Folleto de 'Aquí como en Viena' do ano 1993:


20170821

Exposición dos 25 anos da Banda de Música Municipal de Ribadeo

Esta tarde tiven a oportunidade de ir por alí...
Mírao mellor en pantalla grande, ocupando todo o espazo visible.

20170819

Gravación do concerto de 25 aniversario da Banda Municipal de Ribadeo (20170819)

Vídeo 1: polo momento, non se pode reproducir por cuestión de dereitos.

Vídeo 2:

Mural:

Foto de Suso Fernández:

Foto de Suso Fernández cos compoñentes da banda (en algún momento da súa historia) presentes:

concerto 25 aniversario da banda

Por se facía falla... tamén churrascada

20170125

A banda cumpre anos: 25!

25 anos da presentación da Banda de música de Ribadeo, o 25 de xaneiro de 1992 na igrexa de Santa María do Campo... e un longo recorrido dende aquela na historia da música en Ribadeo, e de moitos ribadenses!
O cartel e o libriño da presentación, ó grande, como a ilusión que levábamos!

Para ver e descargar.

20170121

Asemblea de Amadores da música

Hoxe sábado, en segunda convocatoria, ás 20:30 no salón de actos da Casa do Mar tivo lugar a Asemblea de Amadores da Música que incluía, a máis da aprobación da acta anterior e rogos e preguntas, o estado de contas, informe de actividades desenvolvidas e o informe do director. 6 persoas na mesa e outras 17 nas butacas fumos a representación dos algo máis de 600 socios polos que debe andar a asociación.
Comezou o acto co agradecemento do Presidente, Chema Suárez, a concello e máis xente pola colaboración, e desculpando algún fallo como primerizo e asumindo a culpabilidade correspondente.
José Ángel Bolaño, o tesoureiro da asociaciación, desgranou as contas, que redondeando, se non tomei mal nota, céntranse nun superávit de 14 240 € a fin de ano, despois duns ingresos de 2000 € do concello, correspondentes a anos anteriores, uns 8000 € de cotas de socios e 7200 € por concertos. Pola beira dos gastos, 5000 € de incentivos, 1600 € de reparacións, 1550 da realización da páxina web e 4900 € de colaboracións con músicos. Total, 2000 € de superavit, e tendo que cobrar aínda diversas axudas, co que se pon o monto total de dispoñibilidade a estas datas nuns 24 000 €.
O informe do director, David Ballester, incluíu unha relación de diversas actuacións, citou novas incorporacións (2 + 4 en total no período) e lembrou que en poucos días é o 25 aniversario da presetnación da banda, co que este ano hai prevista unha exposición conmemorativa, un concerto ó que se invitará a participar a tódolos músicos que pasaron pola banda, e ensinou un logo que lucirá a cartelería en este ano conmemorativo, feito por Álvaro e consistente nun palco da música cun pentagrama sobreimpreso. A máis, deu conta da petición de colaboración por parte do FMCR para este 2017.
Xa en rogos e preguntas, Mari Luz Álvarez preguntou sobre unha entrevista que saiu na prensa, feita ó presidente de Amadores, e na que se falaba de falta de colaboración entre banda e escola. Comezou entón unha serie de intervencións de Mari Luz, concelleira encargada da Escola de Música, e Chema Suárez, na que interviron tamén outras persoas, principalemtne David Ballester. As declaracións foron tildadas de pouco afortunadas por Mari Luz, expúxose que foran revisadas polo director da escola, Hugo García (ausente da asemblea), xunto con Chema Suárez, lembrouse unha e outra vez a falta de xente para algún instrumento (non se citou, pero aí está o gasto citado de colaboracións musicais), saiu a relocer a separación actual (pero non a comezos de século) entre a dirección de banda e de escola, a existencia dun subdirector da banda (Rubén Solloso), que a pasada xunta directiva foi casa por casa dos nenos que podían entrar na banda para tentar de que así fora, que o RRI foi renovado en 2015, que a plantilla está en precario cara a este ano, que hai que poñer proxectos sobre a mesa e diversas variacións, que se leva traballado arreo para tentar superar a situación de falta de músicos, etc, incluído, nalgún momento, derivacións diversas. Entre outras persoas que falaron, eu propuxen unha xuntanza entre concelleira, presidente e os dous directores de banda e escola, con 3 propostas escritas, dentro de 15 días para ver os inconvintes, dificultades... Cousa da que se tomou nota e máis ou menos serviu para cambiar de tema.
Por último foi proposto por outro dos asistentes a realización de actividades extraescolares relacionadas coa músca nos colexios. Falouse brevemente da proposta, atopando falta de dispoñibilidade horaria nun primeiro momento, pero estimándoa.
Rematouse algo antes das dez da noite, coido que coa idea de todos os asistentes de que hai que tentar enfocar dun novo xeito algúns aspectos da actividade de Amadores, tentando artellar maior e mellor colaboración cara ós desafíos que ten a banda fronte a si.