20140330

Amadores? Ben, grazas

Onte foi a asemblea de Amadores da Música. Extraordinaria, cun único punto na orde do día, a elección da nova directiva. Curta, cunha duración duns vinte minutos dende as nove da noite en que comezou en segunda convocatoria. Numerosa, máis de 40 socios, relativamente para unha sociedade que viña tendo uns vinte socios nas asembleas, como moito. Inesperada despois da última, na que apareceu unha Amadores agónica en procura da súa continuidade.
Foi sinxela, pois comezou co anuncio da existencia dunha candidatura, encabezada por José Luis Pulpeiro Grueso (músico da banda), con José Manuel Yáñez Dablanca ('Manel', profesor, concelleiro polo PP) como vicepresidente, Vanessa Fernández Rivas (música, foi aspirante á concelleira polo BNG) secretaria, José Ángel Bolaño Penelo (economista, foi aspirante a concelleiro polo PSOE) como tesoureiro, Aurora Fernández Peña (ex música) como encargada de material, Xosé Farruco Graña, vogal, Ramón Santiago Fernández Reinante, vogal, Mª Teresa Martínez Souto, vogal. Fago referenza a algunha característica dos cargos unipersoais só como motivo de identificación, non porque crea que, por exemplo, a súa pertenza a un determinado partido nun determinado momento vaia pasar por riba do interese xeral.
Despois o Presidente proposto desgranou os puntos salientables do seu programa. Entre eles, unha oferta de traballo conxunto coa escola, a potenciación do interese dos músicos mediante un sistema de recompensas ou o tomarse tempo para orientar o futuro da formación, se fora necesario.
A votación contou con seis votos delegados, totalizando 37 votos a favor e 11 abstencións, sen ningún voto en contra. E, visto en retrospectiva, penso que parte desas abstencións van na dúbida do comentario que fixen sobre as características dos cargos unipersoais.

Para min é ilusionante ter, tres meses despois dunha asemblea na que Amadores se deu un tempo para procurar a súa continuidade, unha nova directiva de xente entre a que algunhas persoas entendo que garanten un traballo contínuo, de miras amplas e coa adicación necesaria. Naturalmente, isto non garante o éxito, pero si unha procura encamiñada nun momento no que a sociedade e a banda necesitan algo máis que establecer un 'piloto automático'.

20140328

Mondoñedo, QEPD

Onte pola tarde Ribadeo tiña atractivos abondos. Un deles, a apertura de plicas para facerse co contrato da residencia de maiores, que me enterei unha hora antes de que era público (ter lido ben as bases!) e no que se puido ver que había dende algunha empresa local, poucas, ata multinacionais, pasando por UTEs, pero pouco máis de información real, e que rematou coa invitación á saída do público (tres persoas relacionadas con empresas e dúas coa plataforma pro residencia) para asignar a puntuación e o contrato, e do que aínda non sei o resultado.
Outro atractivo, a charla sobre a lei do solo, promovida por xente de AGE e na que participaban Margarida Prieto, coordinadora da loita contra a megaminería do SLG e Antón Sánchez, Deputado de AGE no Parlamento de Galicia, quizáis un pouco aburrida na exposición para o meu gusto, pero interesante pola información, que gravei e se saiu ben a gravación, colgarei.
Pero o que máis me chamou a atención onte foi unha nova que escoitei a traverso de terceiros, da apertura dunha confitería en Ribadeo, no local da antiga pastelería Eijo, no mesmo que leva aberto dende aquela unha cafetería guadiana baixo tres rexentes diferentes. Trataríase dunha pastelería con tradición en Mondoñedo, a Alianza, que viría reforzar a produción local e ofrecer un lugar para acompasar pasteis e café en Ribadeo, algo que escasea nestes momentos. De calquera xeito, a nova para min non sería tanto esa como algo que non puiden confirmar pero que só a súa suposición me levou a pensar sobre a caída relativa duns lugares en relación a outros, neste caso, Mondoñedo fronte a Ribadeo. Trataríase, segundo me chegou, dun  traslado, con peche en Mondoñedo e apertura en Ribadeo, e non dunha sucursal. E repito, o mero feito desa consideración me leva a pensar a caída en picado que está a ter Mondoñedo, coa puntilla do paso lonxe da autovía, unha volta desfeita a antiga industria que alí había. Para min trátase dunha especie de epitafio a unha vila que no seu momento foi unha cidade puxante dentro de Galicia: Mondoñedo, QEPD

20140327

Pleno vacío

Entendo que o nome de 'pleno' procede da idea de que 'está todo o mundo'. Evidentemente, debo estar equivocado, e referirse só a que 'está todo o mundo que importa', os elixidos. O resto seriamos só 'público', e todo o mundo sabe que o público está de capa caída, non importa. É iso o que debe manter a idea de que en Ribadeo os plenos, a maior parte das veces, teñan unha compoñente de secretismo, e os concelleiros teñan como compañía maioritaria os funcionarios que os asisten. Non, non son secretos, pero paréceno. Segundo a nota no mesmo blog do concello, o martes 25 houbo un pleno. E gustaríame saber cánta xente se enterou. Que medidas se puxeron para que a xente se enterase.
Parece que o método común será enterarse 'en diferido', a traverso da nota de prensa da alcaldía, que tamén pode dar pé ós medios para as súas crónicas.
O certo é que os plenos teñen tradición de tediosos, a máis de secretismo no anuncio e tamén secretismo nos temas: hai que ter unha certa información previa para poder seguir o que alí se di, información que tampouco está dispoñible e só se pode recolectar pouco a pouco.
E iso pasa no órgano comunitario máis próximo da entidade máis próxima ó cidadán.
Democracia din que é o sistema que temos. Coido que o nome variou de significado dende o que tiña hai tempo ata o que representa na actualidade.  'O povo é o que máis ordea' xa non é 'trending topic'.
Por certo, queda sen comentar o pleno: xa o fan a nota da alcaldía ou o conflito manifestado polo xornal.

20140326

Hoxe no xornal aparece unha nova normal: subrealismo real

Hoxe no xornal aparece unha nova normal: o concello descarta adquirir unha grúa para retirar coches dos vados. O razoamento do alcalde, impecable: non se pode ter un funcionario adicado a retirar coches nun concello como o de Ribadeo.
A nova especifica ademáis que xa hai abondos anos que o taller que se encargaba de retirar os coches obstructores deixou de facelo porque lle traía problemas con posibles clientes. É dicir, que dende hai anos, Ribadeo non ten un servizo de retirada.
A cousa parece non ser demasiado grave, incidindo puntualmente nas persoas ás que lle toque o abuso dos demáis, que o considerarán no seu momento coa gravidade relacionada coa présa / necesidade de uso do vehículo: non será o mesmo quen non pode sacar o coche para ir a traballar a outro lugar do pobo que quen ten unha urxencia para levar a un familiar ó hospital de madrugada.
Pero a cuestión entendo que non está en pararse en casos concretos e a súa urxencia, senón no fallo sen amañar dun servizo prometido e teóricamente establecido. Vaia por diante que o mesmo alcalde non só contempla de xeito impasible a 'historia' senón que especifica que o seguirá a facer, pois a reforma que incumbe ós poderes dos concellos desvía o poder de retirada de vehículos cara a outras institucións, e polo tanto, xa non lle tocará ó concello: será problema de outros.
Mentras, dispúxose unha norma, con multas incluídas, que se está a pasar polo forro. E que pasa? Nada. Unha norma máis que ten prima para quen non compre, que pode abusar e ten ventaxa sobre quen si o fai. Ademáis, nunha situación así, de non aplicación contundente, a resposta ante quen incompre pode ser matizada, interpretada, e polo tanto, desigual segundo quen se teña enfrente, introducindo unha desigualdade máis no sistema, que pasa a recorrer o camiño dende social a asocial, chegando a insocial.
Unha nimiedade, neste caso, que manifesta o que ocorre con outras leis. E que non se bote tampouco en saco roto o motivo polo que se botou atrás o amaño co taller para dispor de grúa: o poder de presión dos cartos fronte á prestación dun servizo.
En conxunto, algo pequeno que parece unha mostra resume do que está a suceder en gran escala a nivel estatal. Por certo, estou escoitando chover sobre mollado.

20140325

Volta 'o tempo', pasado o Sol por riba do ecuador

Si, está prevista hoxe de novo unha alerta. A temperie de Ribadeo incluirá hoxe nivel amarelo, vento forte, chuvia, e uns 7 ºC. É dicir, primavera astronómica con inverno meteorolóxico parello a iso que levamos catro meses coñecendo.
Mais o Sol xa se ve por riba do ecuador. Medímolo o pasado día 20 (equinoccio de primavera a media tarde, 16:57 UTC), como deixa patente a seguinte nota de prensa enviada xa hai uns días:
"
Medindo a Terra
 Onte, xoves 20 de marzo, foi o equinoccio de primavera. No IES de Ribadeo Dionisio Gamallo aproveitouse a soleada mañá para facer medicións. Tres grupos de alumnos voluntarios empregaron varias horas e os seus respectivos gnomon para obter o tamaño da sombra mínima a mediodía dun vástago vertical. A inclinación con se vio o Sol no momento de mínima sombra o día con igual duración da parte nouturna e diurna, como onte xoves, corresponde á nosa latitude. Así, a media dos resultados dos tres grupos de alumnos de 1º de bacharel apuntou a 43,28º, unha posición que na realidade está lixeiramente ó sur de Ribadeo. Na mesma medición tamén se comprobou o desfase entre a hora legal e a hora solar, correspondendo onte as 12 hora solar coa unha e media algo pasada en hora legal, o que levou a lembrar o desfase horario de Galicia co actual sistema de horario legal a nivel do estado.
O anterior non deixaría de ser máis ca unha curiosidade para mellorar os coñecementos dos alumnos se as medicións non foran confrontadas coas doutros catro centros, do case viciño IES Galileo Galilei de Navia ós de Manilva (Málaga), Villaviciosa de Córdoba e Oliva de la Frontera (Badaxoz). A confrontación de datos entre os IES permite calcular o radio da Terra ou a súa circunferencia, o que se está a facer, obtendo cos datos xa tratados (faltan aínda datos de tratar) unha pequena desviación en relación á medida aceptada de 6 370 km de radio. O método seguido, usado por primeira vez por Eratóstenes, estúdase na teoría de ciencias, pero raramente se comproba.
A experiencia, coordinada polo profesor extremeño Jesús M. Carballar, aglutinou a perto de cen alumnos do conxunto dos centros, e terá difusión, entre outros lugares, por parte da ‘Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología’ (FECYT).
Estaba previsto que se continuara coa medición o día 21, corroborando e mellorando os datos do día anterior, pero a temperie da zona norte peninsular impediu facer as correspondentes medidas.
"
Embaixo deixo duas fotos das medicións, xunto á fachada sur do novo edificio do IES.


20140324

Adolfo Suárez, 22 M

Si, xa sei, Suárez morreu o 23, non o 22M. E son cousas diferentes en momentos diferentes. Mais, como di Mario Penelo, este fin de semana podería ser, por varios motivos, considerado o fin do proceso chamado Transición. Poderémolo ver nos libros de historia dentro de dez anos.
Voltarei sobre o 22M, pero de pronto, copio e faigo meu o que Ángel Alda deixou sobre o óbito de Adolfo Suárez, coas luces que ilumina e as sombras que retira:
"
Ha muerto Adolfo Suárez.
Hoy me quedo con algunas imágenes de él. La del pleno de las cortes franquistas haciéndose el karakiri. Ese es un recuerdo que da fe de su inteligencia y astucia política y de ese momento se derivaron para AS los odios africanos que le derecha española le profesó durante tantos años y todavía le profesa. Hoy, sin embargo, esa misma derecha le reconocerá como uno de sus heroes.
La segunda imagen es la de AS aceptando la legalización del PCE en contra de todo el generalato y de los sectores mas recalcitrantes del viejo régimen. Aquello fue un golpe de audacia y, otra vez, de inteligencia. Esos generales nunca se lo perdonaron y por eso, incluso habiendo dimitido para evitar males mayores, le montaron un golpe rídiculo y criminal pocos años después
El tercer momento es precisamente el de AS aguantando de pie la balacera en el congreso de los diputados y rescatando al general Gutiérrez Mellado de las agresiones de esos militarotes de mierda. Gallardía y respeto por la democracia, algo que muchos otros, todos en realidad con la excepción del recientemente desaparecido Carrillo, no supieron sacar de si mismos avergonzando a un pueblo acobardado. Hoy esos mismos diputados que no supieron acompañar el gesto le rendiran honores. Los honores de su propio sonrojo.
Solo por esos momentos tengo para mi que AS fue el verdadero promotor del cambio del régimen franquista desde dentro del sistema. Supo hacer confluir ese propósito de regeneración con las ansias del pueblo y con unos sectores de la oposición muy débiles y escasamente asentados en la vida civil del pais. Luego las cosas vinieron como vinieron pero nadie puede hacer responsable de ello a Adolfo Suárez.
DESCANSE EN PAZ
"
Collido do Seu Facebook, non recollo tamén os comentarios que suscitou porque a bo seguro seguirá recolléndoos (e polo momento  non teñen desperdizo).

20140320

Rebatindo alegacións hoxe

Hoxe hai un pleno convocado con carácter de urxencia. Esta volta o alcalde xa deu unha ampla explicación sobre o que se vai tratar. En resume, os contratistas queren rebaixar as condicións que se lles esixen, algo que non se fará, sendo previsible o voto unánime. Tan só se modificará un aspecto da fianza, feita con cálculo de ive, algo modificado por lexislación de xeito recente.
A vida segue, as previsións para a residencia tamén.

20140318

Vidrieiras pouco transparentes

As vidrieiras soen usarse para deixar un espazo diáfano decorado. Para elo, necesitan transparencia ó tempo que cor.
En Ribadeo vai xa para catro anos que se detectou pola AVV O Tesón o caso dunhas vidrieiras, as da capela do cemiterio, que sendo patrimonio ribadense a cargo do concello (que non propiedade del) se tiraron e mesmo queimaron, con grande perxuízo. Fíxose dende a asociación o que se puido para tentar que as vidrieiras voltaran a unha presenza como nos mellores tempo, e na procura de responsabilidades. O concello respondeu demandando á compañía de seguros para conseguir algún carto para a reparación, que se cifrou en 14 000 €. Unha volta conseguidos os cartos, as vidrieiras reparáronse e remontáronse, esquecendo calquera outra cousa, como a transparencia de cara ó público. E así, sobre culpabilidade ou protocolo de actuación para evitar casos semellantes, nada se sabe. E as vidrieiras están postas, pero coa capela cerrada, e sen ter visto antes de preto as vidrieiras, tampouco se sabe como resultou a reparación. Por iso, o pasado 31 de xaneiro, na xuntanza de representantes da Mesa de Asociacións do Concello co Alcalde e o Concelleiro de Medio Ambiente, foi presentado o tema e porla parte oficial, quedouse en que a semana seguinte habería uns días de portas abertas na capela do cemiterio para observar alomenos dende embaixo e o interior como quedaron. Diso fai mes e mediolargo, e non se voltou saber máis desa mínima posibilidade xa non de control, senón de desfrute do patrimonio ribadense.
Por elo, despois de ter dado O Tesón entrada no concello o 10 de decembro, un mes longo antes da súa restitución, un escrito que incluía
"(...)Expón que
A sociedade ribadense ten como referenza as súas declaracións no sentido de que as vidrieiras estaban a piques de finalizar a súa restauración, o que suporía a súa rápida restitución
Polo que
Solicita a súa exposición previa en sá de exposicións para que as xentes de Ribadeo poidamos ver de preto as vidrieiras e a calidade da súa restauración(...)"
algo que quedou sen resposta, o 26 de febreiro lemboruselle ó alcalde o dito, cun escrito que incluía:
"(...) solicitamos de novo que sexa realizada a exposición das vidrieiras, facilitando os medios para que o pobo de ribadeo poda aprezar de preto os traballos realizados, as condicións da súa instalación e as diferenzas, de habelas, coas antigas vidrieiras, así como aportando datos para a súa mellor aprezación.
Asemade, reiteramos que polo momento non se ten observado ningún movemento para procurar responsabilidades nin para evitar no futuro por outro xeito actuacións semellantes, polo que advertimos que ambalasdúas cousas iran en perxuízo do pobo de Ribadeo".
... e todo segue igual, tres semanas máis despois. A historia voltará a repetirse, a máis de non saber cómo se solucionou desta.

20140317

O IES de Ribadeo xa ten nome novo

Con tardanza me entero de que o IES de Ribadeo, creado a comezos do curso pasado, xa ten oficialmente o novo nome: Instituto de Educación Secundaria de Ribadeo Dionisio Gamallo. Adxunto deixo a copia da resolución e a ligazón ao DOG do 7 de febreiro de 2014 onde sae publicada (e en Publicado en Ribadeo):
"
III. Outras disposicións
Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria
ORDE do 27 de xaneiro de 2014 pola que se autoriza o cambio de denominación do Instituto de Educación Secundaria de Ribadeo.
De conformidade co previsto no artigo 3.1 e 2 do Regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria, aprobado polo Decreto 324/1996, do 26 de xullo (DOG do 9 de agosto), por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos
DISPOÑO:
Autorizar o cambio de denominación específica do seguinte centro:
Provincia: Lugo.
Concello: Ribadeo.
Código: 27020902.
Denominación actual: Instituto de Educación Secundaria de Ribadeo.
Nova denominación: Instituto de Educación Secundaria de Ribadeo Dionisio Gamallo.
Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2014
Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria
"

20140314

Dignidade e difusión

Non é a primeira volta que sinalo que temos demasiada información. Que, de feito, nós mesmos a restrinximos para poder nadar sobre ela.
Pero unha cousa é que a restrinxamos nós, cos nosos criterios, e outra cousa é a censura externa da información que nos pode chegar (por suposto, a máis das informacións dirixidas, interesadas ou mera propaganda cada vez máis numerosas nos medios clásicos a medida que dependen de xeito máis evidente de poderes políticos ou económicos).
Coido que contra esa censura a actuación debe ser algo así como a posta en claro dalgunhas informacións que nos cheguen bordeando o corte informativo provocado.
Iso é o que me impulsa a poñer hoxe, a raíz dunha nota en im-pulso, a ligazón cunha web ad-hoc, http://marchasdeladignidad.org/, que xa están en camiño dende hai un par de semanas.
Pode que sexan, como case calquera movemento de protesta, moi minoritarias en relación ó conxunto da poboación (a lembrar que, en Ribadeo, a manifestación pro residencia, que marcou un fito de participación, saldouse cun total de arredor do 10% da poboación do concello, tratándose dun acto puntual e non de moitos días de marcha a distancia da propia casa). A súa propia concepción é así: non habería organización que aguantara que os 46M de españois se plantaran, nun recorrido de case un mes, en Madrid. É máis, e abondo posible que non participe nin un só ribadense.
En fin, se queres seguir (tampouco de xeito exhaustivo) as marchas, xa sabes a ligazón: non esperes que prensa, radio e televisión te teña ó corrente, teñen outras novas (tanto 'boas novas' como 'malas novas') que difundir.

20140313

Ribadeo e o libro

    Vexo hoxe a nova de que Ribadeo vai recuperar a feira do libro. Vinte anos teñen pasado dende que a organizara a A. C. Paco Lanza. No medio, un intento do concello, sen chegar a bo porto pola crise, segundo explicaron. Agora, ven de mans federais: da federación de libreiros galegos. Diría que algo terá que ver algunha librería ribadense, pero a estas horas da mañá a única nova que teño e a do xornal, e nada diso pon.
    Apuntan a que será polo verán. O momento que máis público pode acoller, e polo tanto, máis ventas, sumará outra actividade máis ás moitas que se celebran na vila durante esa época.
    Teño curiosidade por esta nova feira, que substitúe á vella que chegou a ser a máis antiga de Galicia, nun momento no que as ventas de libros están baixo mínimos segundo as estatísticas, e nos que as verbas escritas teñen novos modelos de propagación en efervescencia, de blogs a lectores electrónicos.
    Mentras chega a feira, e para axudar a difusión do libro en ausencia dunha ferramenta como a que Ángel Alda remata de reseñar en Madrid, aquí deixo un mapa cos 'centros de libros e adxuntos' de Ribadeo:

    Como lenda, en vermello, as bibliotecas de centros de ensino, en azul, a biblioteca pública Viejo Pancho, en verde, librerías, e en amarelo, quioscos. Existen ademáis outros lugares nos que se pode mercar a prensa. E a sección de bookcrossing na oficina de turismo.

20140312

Para a obra da residencia de maiores

Luns, no BOP, apareceu o anuncio de aprobación de proxecto e licitación de obra da residencia de maiores de Ribadeo. O texto correspondente déixoo embaixo, non se antes reseñar algunha nimiedade cun sorriso, como o acento no apelido segundo do alcalde no primeiro anuncio ou que teña que aparecer o correo electrónico dun funcionario en troques do correspondente á unidade administrativa, no segundo. E unha cousa que entendo que é linguaxe administrativa pero que nunha primeira mirada pode levar a engano: na cabeceira do anuncio de licitación, por una beira, especifícase que será "con varios criterios de adxudicación", mentras xusto antes dispónse que será "atendendo á oferta economicamente máis vantaxosa". Parece pois que se ben se mirarán outras cousas, a que prime será a oferta económica. Algo que aparece clarificado despois: "
d) Criterios de Adxudicación:
Menor precio ofertado: ata 10 puntos; melloras relacionadas có obxecto, especificadas e concretadas: ata 90 puntos. Ver prego de cláusulas."
Así  mesmo, tamén  aparece no anuncio de aprobación que o proxecto poderá ser examinado por calquera interesado. Coido que calquera ribadense está interesado. Son 20 días hábiles a partires do seguinte á publicación, feita o 10 de marzo. Por certo, abondo máis que o prazo para a presentación de ofertas, trece días naturais a partir do mesmo momento anterior.
"RIBADEO
Anuncio
APROBACION DE PROXECTO
Aprobado por acordo do Concello Pleno de data 26 de febreiro de 2014, o proxecto de obras de CONSTRUCCION DE CENTRO DE ATENCION A PERSOAS MAIORES –OBRA-, redactado polo Arquitecto Municipal Don Francisco M. Moreda Gil, cun orzamento de 1.866.154,91 euros mais 391.892,53 euros de IVE, que totalizan 2.258.047,44 euros, sométese a información pública polo prazo de VINTE días hábiles a contar desde o día seguinte ao de publicación do presente anuncio no Boletín Oficial da provincia de Lugo.
Durante ese prazo poderá ser examinado por calquera interesado nas dependencias municipais para que se formulen as alegacións que se estimen pertinentes.
En Ribadeo a 3 de marzo de 2014.-
O Alcalde, Fernando Suarez Bárcia.
R. 0855
Anuncio
LICITACION DE OBRA
De conformidade có acordo do Concello Pleno de 26 de febreiro de 2014 por medio do presente anuncio efectúase convocatoria do procedemento aberto, atendendo á oferta economicamente máis vantaxosa, tramitación urxente, con varios criterios de adxudicación, para a adxudicación do contrato de obras de PROXECTO DE CENTRO DE ATENCION A PERSOAS MAIORES –OBRA- conforme aos seguintes datos:
1. Entidade adxudicadora: Datos xerais e datos para a obtención da información:
a) Organismo: CONCELLO DE RIBADEO
b) Dependencia que tramita o expediente:CONTRATACION
c) Obtención de documentación e información:
1. Dependencia. CONTRATACION
2. Domicilio: Plaza de España, 1
3. Localidade e Código Postal. 27700 RIBADEO
4. Teléfono 982 120701
5. Telefax 982 130975
6. Correo electrónico fmaanon@ribadeo.org
7. Enderezo de internet do Perfil de Contratante.
www.ribadeo.org
8. Data límite de obtención de documentación e información
2. Obxecto do contrato.
a) Tipo: contrato de obra
b) Descrición do obxecto: obras de PROXECTO DE CENTRO DE ATENCION A PERSOAS MAIORES –OBRA
c) División por lotes e número de lotes/unidades:NON
d) Lugar de execución/entrega:Ribadeo
1. Domicilio: c/ Paco Lanza
2. Localidade e Código Postal Ribadeo 27700
e) Prazo de execución/entrega: 24 meses
f) Admisión de Prórroga:NON
g) CPV :42215212-6
3. Tramitación e procedemento.
a) Tramitación:Urxente
b) Procedemento:aberto
c) Poxa electrónica:non
d) Criterios de Adxudicación:
Menor precio ofertado: ata 10 puntos; melloras relacionadas có obxecto, especificadas e concretadas: ata 90 puntos. Ver prego de cláusulas.
4. Valor estimado do contrato: 1.866.154,91 euros
5. Orzamento base de licitación.
a) Importe Neto 1.866.154,91 euros. IVE 21% 391.892,53 Importe total 2.258.047,44 euros.
6 Garantía esixidas.
Provisional 67.741,32 euros.
Definitiva (%) 10%.
-Aval individualizado por importe das melloras ofertadas.-
7. Requisitos específicos do contratista:
a) Clasificación: Grupo “C”, Categoría “E”
8. Presentación de ofertas ou de solicitudes de participación:
a) Data límite de presentación.
b) Modalidade de presentación: TRECE (13) días naturais a partir da publicacion do anuncio no BOP de Lugo.
c) Lugar de presentación:
1. Dependencia. Rexistro Xeral
2. Domicilio.Plaza de España, nº 1
3. Localidade e Código Postal. RIBADEO 27700
4. Enderezo electrónico: ribadeo@ribadeo.org
d) Admisión de variante, se procede NON
f) Prazo durante o que o licitador estará obrigado a manter a súa oferta.
9 Apertura de ofertas:
a) Enderezo. Plaza de España, nº 1
b) Localidade e Código Postal. Ribadeo 28800
c) Data e hora. TERCEIRO día habil a partir do remate do prazo de presentación.
En Ribadeo a 5 de marzo de 2013.-
O Alcalde, Fernando Suarez Barcia
R. 0856"

20140310

dende Ribadeo, máis aló do Facebook

Segundo Facebook, Ribadeo xa está en Galicia (aínda que, se te pos a trastabillear, habería que matizalo). Érache boa! Como se porque o dixera o Facebook, Ribadeo deixara de estalo. Mais esa situación campou anos, cos perxuízos correspondentes, con difícil solución. Tan difícil solución que O Tesón non conseguiu o cambio, e o alcalde, por medios normais, tampouco. Houbo que recurrir a unha das familias influíntes de España para solucionalo como si tal cousa. O ter a razón fronte a unha equivocación pouco significaba nese mundo que ten o control. Tan pouco significaba que non só os veciños individuais ou as asociacións, tampouco os alcaldes á fronte de 10 000 veciños eran quen nin de poñerse en contacto cos responsables do cambio dun erro -en principio hai que cualificalo de erro, aínda que pola persistencia parecería máis un encono- nin moito menos, conseguir ese cambio.
Neste caso, ó igual que outros moitos, trátase dunha empresa que pasa por riba de nós e nin se decata, porque aínda que somos fundamentais como propia substancia de mercadeo, é a mesma empresa, amparada en leis favorecedoras, quen considera normal e lóxico estar por riba, sen ter que dar conta a eses usuarios necesarios que usa. E co intercambio de posicións das persoas (e das súas ideas) entre postos políticos e empresariais, algo parello se pode dicir da política. Así pois, dende a nosa perspectiva de cidadáns invisibles, grazas ó alcalde, que ó tempo, dá as grazas ó conseguidor, neste caso, Víctor Calvo-Sotelo, consagrando así polo uso unha xa moi vella cadea de favores á que estamos afeitos nesta terra. Feito conseguido, trasego de influenzas engrasado, continuamos adiante sendo irrelevantes. Facemos unhas eleccións?

20140308

unha corrección sobre Ribadeo e Galicia

Copio e pego algo de Ribadeo.org, non sen antes lamentar que o alcalde, que foi o xestor da corrección, non lembrara que houbo asociacións que comezaron co tema.' De xeito separado, máis adiante, prometo unha pequena reflexión.
XA FOI SOLUCIONADO O ERRO NO FACEBOOK

Ribadeo está en Galicia

07/03/2014
Ribadeo xa está en Galicia no facebook. Esta rede situaba este concello na veciña Asturias, cuestión que orixinou moitas queixas dos usuarios de facebook. O Concello de Ribadeo púxose en contacto coa empresa e finalmente Ribadeo está onde ten que estar, que é en Galicia. O alcalde, Fernando Suárez, agradece a labor realizada por Víctor Calvo-Sotelo.
O rexedor lembrou que "moita xente de Ribadeo que está nas redes sociais, concretamente no facebook, dende hai moito tempo transmitíanos queixas de que Ribadeo sempre se situaba en Asturias e iso non é así porque está en Galicia. Por iso temos feito xestións durante un tempo e agora finalmente facebook accedeu, comunicáronse connosco para dicir que iso fora un erro e que estaba resolto".
Fernando Suárez explicou que "automaticamente se cambia para todos aqueles que tiñan Ribadeo (Asturias) e a partir de agora figura Ribadeo (Galicia). Polo tanto quero tamén valorar publicamente o xeito de facilitar o contacto que tivo Víctor Calvo-Sotelo, que é o secretario xeral de Telecomunicacións do Ministerio de Fomento, e como ribadense de adopción foi sensible a esta cuestión que lle formulamos e botounos unha man no sentido de mediar para que contactásemos nós directamente con facebook para que puideran resolver esta incidencia de tal maneira que Ribadeo está onde sempre estivo, que é en Galicia. E todos os veciños de Ribadeo poderán nas súas páxinas de facebook identificarse como tal".'

20140307

A sanidade cáese en anacos

Pode resultar un recurso doado de usar: que se caia un falso teito no hospital non é gran cousa. Ó fin, o teito era falso, un mero adorno para permitir usar o espazo entre el e o teito verdadeiro. Pero mirando en retrospectiva a media ducía de anos pasada sobre a sanidade pública, e máis en particular, sobre o seu desenvolvemento na Mariña e no Hospital da Costa, non pode un sentirse máis desacougado, empatizar cun hospital que a máis do recorte de recursos na sanidade pública e o desvío doutra parte á sanidade privada, non só ten locais para consultas provisionais adheridas dende hai tempo ou ve marcharse cara a outro hospital non só o poder de decisión, senón tamén persoal e recursos, senón que tamén se cae en anacos.
Lévase protestando pola situación todo ese tempo, pero como conflito de baixa intensidade, paseniño. E ó mesmo ritmo vaise desenvolvendo a desatención. Se se protestara de xeito violento, iríase tamén de xeito violento a atención?

20140306

Mércores de cinza

O antroido trouxo, como tódolos anos, outras posibilidades de vida mediante o cambio do disfraz. Queda o remate, pero nunha adaptación á realidade, tódolos anos é o mesmo: as máscaras son xa previsibles, de negro e chorosas. Onte foi xa mércores de cinza, e pasou a festa vital, rematada polo rito relixioso, marcada por el aínda que esteña en completo desuso.
Queda o comentario sobre charangas e disfraces, ben alentados este ano por Amelia e o seu grupo, e quizáis algúns perduren un pouco máis aló da fin de semana alentados por circunstancias externas. Aí está o pequeno enfrontamento previo debido á existencia dun grupo da Banda de Música cando en  anos pasados xa o había da Escola de Música. Pero en xeral, a válvula de escape que puido supoñer o antroido xa se cerrou, facilitando por uns días baixar a presión sobre algúns temas que constrinxen á sociedade e que voltarán a ser patentes. Mesmo parece que este ano o anticiclón coincidirá despois dun longo inverno co comezo da coresma, voltando así tamén no sentido climático a unha normalidade xa esquecida. Así que, estás preparado?

20140304

Espectáculo en Rinlo (e perigo)

Onte Rinlo era un espectáculo. O Cantábrico en xeral. As ondas despellexaban a terra, voltaba a auga marrón ó mar despois de terse levantado moitos metros e golpeado, arrincando o substrato por riba da rocha e mesmo abrindo de desprazando a mesma rocha. Imaxes da auga chegando ó campo de fútbol en Tapia ou o descabezamento e inclinación do faro en Burela tiveron a súa correspondencia noutros lugares con ondas que estaban previstas ata de dez metros.
Algún vídeo e fotos:
Neste, quizáis a mellor esteña pouco despois do minuto 4...


Non captei nin os mellores momentos nin as mellores ondas nin coa mellor cámara, pero aínda así, coido que poden impresionar (o álbum, accesible aquí):






20140301

Técnico de Medio Ambiente. Varios gráficos e un posto.

A raíz do comentario na rede sobre a resolución (do apartado de test) da convocatoria para unha praza de Técnico de Medio Ambiente do Concello de Ribadeo, paseime pola páxina da web do concello onde hai diversos documentos relacionados (con ficheiros descargables e descargados) e atopei as actas "DE SELECCIÓN DE PERSOAL LABORAL CONTRATADO TEMPORAL" correspondentes ó "Posto de traballo: Técnico Medio Ambiente", realizadas polo Tribunal avaliador, persoal prestando servicio na actualidade no concello.
Cos datos correspondentes, e sen critirar máis das condicións ou o programa de exame, realicei unha nova táboa acompañada dunha gráfica e tres outras gráficas coa mesma táboa do documento (unha delas, en dous formatos).
Comezo con visualizar a relación entre acertos e puntuación, segundo a convocatoria.
Nela vése que o sistema non é exactamente linear.
A táboa relaciona a puntuación e o número de persoas (todas licenciadas universitarias, segundo as bases da convocatoria) que a obtiveron.
O primeiro que me chama a atención é o número de persoas que non obteñen máis que un 0. A segunda, a distancia en puntuación entre a primeira e a segunda persoa puntuadas.
Collendo os datos da táboa de puntuacións que aparece no pdf na páxina do concello:
É unha representación da relación entre acertos e puntuación. Asumo que hai un erro, dunha persoa que se lle asignou 0 con 6 acertos, mentras a outras 4, co mesmo número de acertos, teñen un 1. Aparte do erro anterior, entre esta e a seguinte gráfica (en realidade, a mesma con outro formato) segue quedando clara a diferenza de puntuación.
Collendo os mesmo datos doutro xeito, temos a puntuación ordeada, é dicir, os 22 primeiros ordeados por puntuación obtiveron un cero, entre o 23 e 26 (4 persoas), un 1, e así sucesivamente:
A anterior gráfica hai que contrastala coa de acertos, onde o perfil é abondo diferente:

Lembro que son resultados de universitarios con título que teóricamente se prepararon para unha proba, máis dun con experienca no posto. A partir de aquí, que cadaquén interprete.

Pavillón: fotos e retrospectiva

Onte, 28 de febreiro de 2014, foi a inauguración do 'novo' pavillón, antes de que a charanga Aturuxo fixera de pregoeira antroideira. O das comiñas, porque se ben é enteiramente novo de construción, no seu lugar había xa un pavillón que ata ó final, funcionou (aínda que necesitara un bo amaño), e do que, como botón de mostra, queda unha baldosa de parqué na que se ve que as táboas ían verticais en troques de horizontais (xusto baixo un tubo saínte cun remate deficiente):

O caso é que onte houbo invitación repetida para todo o pobo, e certamente, cousa dun 5% da poboación do concello estaba alí. Houbo música, primeiro o Himno galego e logo We are the champions, e discursos. Por certo, ante un auditorio en boa parte infantil, non pecaron de curtos de máis nunhas condicións acústicas típicas dun pavillón: imposible escoitar pola reverberación un pouco máis aló do altofalante.
Onde si se podía escoitar moi ben, porque hai altofalantes tamén, era nos pasillos correspondentes ás oficinas e sás do primeiro piso. No baixo, vestiarios e unha sá para artes marciais. E na zona de entrada xeral, baños para o público e cousas desas.
Pedinlle ó meu amigo J.A. Salvatierra fotos que sabía que tiña da evolución das obras, do detalle, para facer unha evolución histórica das obras e de curiosidades puntuais nelas, e completei coas que poño aquí, tomadas onte. Todas, unha evolución histórica ata o día de hoxe que aínda pode ser completada con fotos no futuro, están aquí: fotos do pavillón polideportivo de Ribadeo novo
Mentras, que queden estas:
Planos nunha das oficinas abertas ó público:
 A zona de xogo e gradas a traverso do portal principal de entrada ó terreo de xogo, na entrada principal:
 A nave principal:

Un vídeo sobre a construción, polo alcalde.
Unha nova