Amosando publicacións coa etiqueta ciencia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ciencia. Amosar todas as publicacións

20241024

Visitando a Rosalía

     Deixo a ligazón á noticia de gCiencia. O cometa Tsuchinshan-ATLAS (C/2023 A3), que mantivo estes días pasados a actividade astronómica a nivel mundial, visto dende a praia de Baldaio ó anoitecer do 20 de outubro, pasou preto do fondo de estrelas onde se atopaba a estrela Rosalía de Castro, e foi fotografado en tal posición por Félix Sánchez-Tembleque.

    E unha captura de pantalla parcial da nova ligada:




20240930

Verbas na entrega dos Bíteres de Honra

     Conforme quedei na entrada 'Primeiros bíteres de honra', adxunto os textos que se escoitaron na entrega, por parte de Marta Macho, e o esquema (artellado como redacción por min) correspondente ás verbas de Manuel Rivero para o peche do acto:

-- 





    Verbas de Marta Macho-Stadler:

Moitas grazas, dende o fondo do meu corazón. Grazas por facerme parte da familia de Aurora Sampedro.

Imagino a Aurora fuerte, segura de sí misma, decidida, con las ideas y las metas claras. Supongo que viviría más de un momento de rechazo en esos ambientes tan masculinizados en los que le tocó estudiar y trabajar. Aunque también supongo que nunca lo contó, por orgullo, o por reivindicar sus capacidades y su espacio, o quizás para que el paternalismo de sus cercanos no la frenaran.

La imagino disfrutando con su trabajo, seria, minuciosa, ambiciosa, brillante.

La historiadora Gerda Lerner afirmaba que "La ignorancia de su propia historia de luchas y logros ha sido una de las principales formas de mantener a las mujeres subordinadas". Por ello, la historia de Aurora es nuestra historia, es mi historia. Mujeres como Aurora han abierto camino a las que sin tantas dificultades hemos conseguido estudiar y trabajar en aquello que nos gustaba.

Grazas ao esforzo de Manuel Rivero, Aurora nunca será esquecida. Moitas grazas.

--

    Resume das verbas de Manuel Rivero:

ENTREGA BÍTERES DE HONRA 2024

(Cerre do acto)

Hoxe é un día GRANDE. Cheo de gozo. De inmensa alegría. E motivo de múltiples agradecementos.

Temos tres palabras na nosa lingua, que cumpren esa función: Grazas, obrigado e BEIZÓN, agradecemento tan emotivo e tan emocional que brota do fondo da alma.

Así pois, BEIZÓN para todos vostedes, sempre acoden a chamada de Aurora.

Que privilexio e que orgullo:

Vostedes son os motores que nos dan esa forza, ese salario emocional, ese impulso e ilusión que nos ten en continuo movemento, buscando, innovando e creando.

Son os fan que emprendamos METAS, que semellan imposibles.

Os que proporcionan o impulso polo que somos capaces de converter os MEDOS en RETOS.

Os que fan que optimicemos os recursos e potenciemos o talento

Que creemos sinerxías e FLUAMOS, como corredores de fondo que superamos adversidades e chegamos ás metas en tempo en modo e en forma.

BEIZÓN a directiva do Canteiro, por esta acollida tan entrañable, que se repite en cada acto, traballo silencioso e agradecido. Toda a intendencia está a punto. Pepe e o seu equipo son dos imprescindibles do Universo Aurora. Grazas ao seu traballo desinteresado, o Universo Aurora medra, fortalécese e avanza.

BEIZÓN A Xunta de Galicia: co seu apoio económico, publicamos a primeira e a segunda edición do libro Universo Aurora Sampedro. E sempre fumos acompañados nos actos de Aurora. Beizón Valentín, beizón Manuel.

BEIZÓN a Ana Hermida, alcaldesa de Barreiros por acompañarnos neste acto.

BEIZÓN ás demais autoridades que nos acompañan hoxe

BEIZÓN asemade aos tres Centros Educativos de E. Medias de Ribadeo: Porta da Auga, onde demos unha conferencia o 8 de Abril; IES de Ribadeo Dionisio Gamallo, con conferencia o 19 abril, e o Colexio Sagrado Corazón, onde a conferencia foi o 10 de xuño. Ás súas profesoras. Eva, Ana, Susi e Begoña: Grazas a elas achegamos a figura da nosa científica, aos alumnos/as desta parte tan importante da Mariña.

BEIZÓN aos concellos de Ribadeo, Lobios, Muíños, Bande, Verea, Celanova, A Merca e do San Cibrao, por interesarse por obra da nosa científica, a que demos a coñecer nas conferencias e presentacións á que fomos invitados no segundo semestre do ano pasado.

BEIZÓN Á UNED. Universidade a que tanto quero e a que tanto lle debo. Alí impartín unha conferencia en directo e pola súa canle de internet o día 23 de febreiro.

BEIZÓN a Agrupación Albéniz da Coruña, que con tanto cariño nos acolleu nas súas instalacións en xullo. Que ben combina a música co legado de Aurora!

BEIZÓN ao coro Airiños do Mar. As agradables voces da mariña, a rima, o ritmo e son mariñeiro engadiron brillo e harmonía a este acto tan significativo e entrañable para a nosa terra e a nosa xente.

Todos eles xa forman parte do Universo Aurora

BEIZÓN a Marta, Marcos, Bernardo e Anxo Xosé, por agraciarnos coa súa presenza e recoller con tanta dignidade e grandeza os primeiros “BÍTERES DE HONRA AURORA SAMPEDRO”.

Os méritos dos premiados e premiadas, van incrementar o legado de Aurora, da súa historia de vida, da entrega a investigación e a ciencia. Grazas ao seu traballo, constancia, rigor, base científica e disciplina investigadora, marcaron un fito moi importante no campo das ciencias de materiais.

BEIZÓN, benquerida Aurora. Desde arriba, co sorriso pícaro, ledo e agradecido vas voando libre, segura e alegre para gozar do teu espazo, que por méritos te corresponde no escenario máxico do mundo da ciencia.

Nós desde abaixo en voz alta dicimos: Aurora, por ser como fuches, sempre terás a nosa admiración, gratitude e cariño.

BEIZÓN tamén á periodista María Cuadrado, que coa súa profesionalidade e mestría, conduciu o desenvolvemento do evento.

CUMPRIMOS UN SONO

Desanden comigo o tempo: visualicen os abarrotes do Canteiro. Primeiro, aquel acto inicial do 28 DE OUTUBRO DO 2023.

Deseguida veu o segundo o 12 de Xaneiro do 2024. A presentación da primeira edición do libro UNIVERSO: AURORA SAMPEDRO. Nin o mal tempo nin o partido de Fútbol Real Madrid-Barcelona, restaron asistencia.

O universo Aurora non ten límites, xa TEMOS A NOSA AURORA, nos medios e blogs especializados The Conversation y Mujeres con ciencia; isto grazas a Marta Macho-Stadler, con quen hoxe temos a fortuna de contar. Marta xa forma parte do Universo Aurora Sampedro

Aurora tamén ten o seu espazo, ben merecido, na prensa dixital. Nese mundo sen fronteiras, son tantos..., que xa non controlo. E na prensa en papel: La Voz de Galicia, El Progeso, La Región... En Bibliotecas, Universidades, Centros de investigación... Ata está presente en Bremen, na súa universidade e no Instituto Cervantes.

MIRANDO AO FUTURO

Así, o universo que estemaos desvelando, máis que futuro, é un presente continuo. Esemplos:

NO DÍA DA CIENCIA EN GALICIA

A primeiros do mes que ven, outubro, coñeceremos ao afortunado ou afortunada titular do próximo ano da Ciencia en Galicia. Agardamos ese nomeamento, con sosego e esperanza. Temos moitas posibilidades que sexa unha muller. A lembrar que o 23 de abril de 2008, a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) instituíu o día da científica e do científico galegos. Recoñecemento que se concede anualmente. Dos dezasete premiados, quince son homes e dúas son mulleres. A proporción: 89 % homes, 11 % mulleres. O desequilibrio é alto. Hai mulleres científicas, que debemos de dar a coñecer, que a pesar dos avances e da concienciación, seguen aí silenciadas. Nesa situación estaba Aurora Sampedro Piñero. muller de ciencia, adiantada ao seu tempo, Grazas ás últimas investigacións, Aurora está ocupando o espazo que lle corresponde nos diferentes escenarios científicos.

A historiadora da ciencia Gerda Lerner dixo:

"La ignorancia de su misma historia ha sido una de las principales formas de mantener a las mujeres subordinadas" ¡Cambiemos la historia!

Ese é un traballo de todos, a nosa misión é a de facer certa a expresión “talento e ingenio no tienen género”

A TERCEIRA EDICIÓN DO LIBRO UNIVERSO AURORA

Con nova información engadida, agardamos de novo a axuda da Xunta de Galicia e telo na rúa para o Natal. Haberá mellor agasallo que un novo libro do Universo Aurora?

A PRIMEIRA EDICIÓN DO LIBRO EN CASTELLANO

Está sendo moi demandada, e esperamos ter axuda da fundación Renfe.

A BIBLIOTECA PUBLICA DE BARREIROS

Imos propor o seu nome para a biblioteca. Teremos unha biblioteca personalizada co nome dunha grande entre as grandes, “Aurora Sampedro Piñeiro”. Gran honor para a terra, a ciencia e a nosa xente. 

O Centro Socio-Cultral leva o nome de Manuel Díaz Sampedro, alcalde gratamente lembrado. “Manolín foi o alcalde de todos, especialmente dos pobres, desfavorecidos e necesitados”. A súa tía Aurora é merecente, de tan digna distinción e de compartir ese espazo común.

E máis:

Estamos en contacto coa Universidade de Oviedo. Estamos en contacto. Aurora estivo moi vinculada ás terras asturianas: licenciatura e impartición de aulas. Hai esperanza de que se integre no Universo Aurora. 

En León, o tema vai máis avanzado, haberá boas noticias, tanto do Instituto Leonés de Cultura como do concello de Luyego de Somoza, co seu nomeamento de filla predilecta.

E vaian pensando nos Bíteres de Honra 2025, e facendo propostas.

Como di a escritora Marion Carré: “por cada científica que esquecemos, hai centenares que non nacen”.

QUE MEDRE O TALENTO E SE RECUPERE A MEMORIA DAS NOSAS CIENTÍFICAS!!!

20230208

Ceo con tren de estrelas móbiles

Ceo con tren de estrelas móbiles

    Mirar ó ceo en Galicia significa, moitas veces, ver unha masa nubosa sobre as nosas cabezas. Mais, moitas outras, mesmo nas longas noites de inverno, aparece un ceo estrelado que invita á tranquilidade e o desfrute do firmamento entre o frío reinante. Luns era unha desas, totalmente despexada nos seus comezos á beira do Cantábrico. Aínda se vían Venus e Xúpiter, e, no case no cénit, as Pléiades. Eran cousa das oito e cuarto da noite. Nun paseo, fíxome que unha 'estrela' se move. E penso nun avión. Pero inmediatamente vexo outra movéndose tras ela. Dous avións en formación! Mais pronto fíxome noutra, e outra, outra... e decátome: é un tren de satélites de Starlink movéndose sobre o fondo de estrelas. Aparecen pola veciñanza de Xúpiter e desaparecen por riba das Pléiades. Tiña visto algún satélite solto aparecer, pero ata luns, nunca oito ou dez xuntos, aparecendo máis por unha beira, cara á posta de Sol, mentres ían desaparecendo pola outra, unha vez que perdían a luz solar ó esconderse tras o planeta. E así, unha morea. Calculo que vin máis de cincuenta ata que se interrompeu o pase. Polo medio, algún oco parecía dar nota dun lanzamento que non chegou a bo fin. Só un caso deixaba oco para outros dous satélites que deberían estar alí.

    A visión do ceo despexado, a máis de fermosa, axudounos ó longo dos milenios a formar unha concepción do mundo no que vivimos, e polo tanto, do que somos. Un elemento estraño alí arriba pode ser bonito como novidade, e por suposto, sorprendente pola alteración que representa. Mais isa distorsión precisamente representa un cambio na nosa visión do entorno, que remata influíndo no sentimento do que somos, máis aló da facilidade que representa para as telecomunicacións e internet, uso dos satélites da 'Constelación Starlink', que así se lles chama, constelación, por mor do agrupamento de estrelas en figuras no ceo, as constelacións. 

    En certo xeito, tamén dificulta a comprensión científica e a exploración e uso do espazo, pois milleiros de satélites xirando e lucindo sobre as nosas cabezas rematan producindo moitos máis milleiros de residuos espaciais descontrolados, partes de satélites que son un perigo nos lanzamentos e circulación arredor da Terra. Un parafuso pequeno orbitando a varios quilómetros por segundo, velocidade orbital típica, atravesa parecedes, por non dicir traxes e testas de astronautas.

    Pero si, a sorpresa de velos a primeira vez, non ma quita ninguén.

    Por certo, despois de velos, probei e poden descubrirse en programas libres para ordenador ou móbil. Por exemplo, no Stellarium, do que tomei capturas de pantalla para poder explicalo mellor.


 


20221129

Resucitou, resucitou, aleluia!

Foto de Singapur tomada de Google Maps. amosa que Singapur está deshabitado...

Resucitou, resucitou, aleluia!

    Unha vella canción de igrexa veuseme á cabeza a conto dunha noticia. O titular dicía: resucitan moléculas de neandertais para loitar contra as superbacterias. O certo é que non foi o único pensamento que se me viu, en auténtico tropel xerado polo titular da nova. Tamén imaxinei unha estrutura molecular cunha espada nunha man e un escudo na outra, imaxe máis gráfica que portando unha ametralladora. A imaxinación dá para iso e para moito máis.

    A imaxinación, si, pero a realidade, aínda podendo ser inimaxinable, soe ser abondo máis limitada, ten que seguir unhas leis por moito de que por exemplo, algunhas poidan ser de predición estatística. Así que, tentando unir o titular e o real, entre as primeiras consideracións estaría o cavilar sobre a (escasa) cultura científica que se mantén na nosa sociedade.

    Por se non lembrara outros casos anteriores, ó día seguinte atopo no mesmo xornal outra frase, desta volta como pé de imaxe, por riba do titular: 'En Galicia, o 97 % do territorio é rural e unha proba é esta imaxe aérea na que se ve a aldea (...)'. A "proba do algodón": temos unha imaxe aérea dunha zona onde se ve só unha aldea e é proba (unha, pode haber máis!) de que o 97 % do territorio é rural.

    En tempos das fake news non nos asustamos de xeito doado das parvadas que podamos ler nos xornais ou obter doutros medios de difusión; sinxelamente, son demasiadas. Mais no caso das relacionadas coa ciencia, en termos xerais teñen unha característica común: son só iso, 'cousas' que se poñen pensando que máis ou menos corresponden coa realidade, sen malicia, sen segundas intencións tendenciosas para ocultar a realidade ou colgarlle o sambenito a alguén. É dicir, só son redaccións que xorden do descoñecemento das bases científicas da nova que se pretende transmitir. Pero o resultado é o que é: desinformación, transmisión de ideas falsas, inculturización.

    Volvamos ó comezo, ós dous casos. No primeiro, as moléculas, para resucitar, terían que ter estado vivas nalgún momento, e volver á vida. Mais a RAG é clara, algo está vivo se medra, se reproduce, etc. Só coa primeira condición, con que medre, o titular xa non parece posible: o mesmo dicionario di que as moléculas son "A máis pequena parte en que se pode dividir un corpo sen que este perda as súas propiedades." Evidentemente, se medran, xa non é a parte máis pequena, aínda no caso de que manteñan as súas propiedades (cousa difícil para todas, se aumenta o seu tamaño). No segundo, a frase vai contra do que é o método científico, a ciencia non funciona así. Unha foto pode dar fe da existencia dunha posibilidade, pero mil fotos ó chou non serven para confirmar unha porcentaxe elevada. Unha foto dunha área de Singapur (dunha extensión aínda maior que a referida na citada imaxe aérea dunha aldea galega) sen edificios non implica que Singapur esté deshabitada... Ou si?

20211116

Encerrados nesta Terra

   Non estamos pechados con chave, a Terra non ten chave que a peche, mais si estamos illados neste planeta, pasaxeiros temporais no universo. Despois dunha tempada na que sentíamos aumentar a esperanza de poder saír cara outros mundos, detrás dos nosos enxeños robotizados, ou mesmo detrás das novas diferenzas entre persoas, baseadas na posibilidade de poderse pagar unha viaxe ó 'espazo exterior', cada vez estamos máis illados no noso planeta. A humanidade máis atada no seu conxunto a esta terra que é a nosa Terra.

   Os últimos episodios que nos van facendo máis e máis patente a cura de humildade para convivir en e co noso planeta tiveron lugar a semana pasada. O novo fracaso da 26 Conferencia das partes, COP, o cumio climático auspiciado pola ONU en Glasgow, significa tamén unha nova renuncia a establecer a paz da humanidade co planeta. Pero non chegou só. Acompañouse dunha nova moito menos mediática, un novo desvío da órbita da Estación Espacial Internacional para evitar un lixo 'controlado', os restos dun satélite meteorolóxico chinés.

   Por unha beira, canto máis nos pelexemos coa Terra, menos conviviremos con ela, e iso significa que peor o faremos. Toda relación ten as súas tensións, mais se se exacerban, o estrés causado prexudica ás partes, chegando a destruír a relación. Iso nos pasa coa Terra, mais, pola súa natureza, se destruímos a relación, destruímos tamén a posibilidade de vivir aquí. E polo momento, non hai outro sitio. Tecnicamente, poderíase xa vivir na Lúa ou Marte, mais a vista de tal posibilidade para toda a humanidade é unha inxenuidade. E a fuxida do noso planeta, posible para unha exigua minoría, non levaría a ningures máis ca un novo e máis reducido illamento. E no futuro? Negándonos a nós mesmos a convivencia co planeta e esgotando os recursos á nosa man, estamos empuxando cara abaixo día a día con máis forza a liña de posibilidades de escape que a tecnoloxía, esa creación nosa, tenta empurrar cara arriba.

   A dificultade da nosa saída física ó exterior vese agravada tamén día a día na mera comunicación co exterior polos nosos propios refugallos. Non só é que esteamos a encher o planeta de luz, facendo máis difícil ver o ceo e sentírmonos parte do universo enteiro, estamos a inundar o planeta de refugallos, afogándonos neles, e tamén o estamos a facer no espazo que rodea á Terra. Milleiros e milleiros de restos descontrolados orbitan o noso planeta, sendo un perigo para as actividades que se manteñen en órbita. Iso que lle pasou a semana pasada á Estación Espacial Internacional, o ter que desviarse da órbita, é unha manobra cada vez máis común, realizada para evitar choques contra obxectos de órbitas coñecidas pero sobre as que non se ten control. Cada vez máis. O mesmo que cada vez hai máis obxectos con órbitas que non se controlan e que poden causar un accidente.

   Os dous feitos inflúen no mesmo: poñer barrotes arredor noso. E, ó tempo, significan algo oposto. Por unha beira, un sobreconsumo (entrada) cada vez maior e de cada vez maior parte da humanidade, e por outra, un emporcamento (saída) causado pola mesma humanidade. E iso aféctanos. Aínda que non teñamos intención de saír do noso planeta.

20211111

Pioneiras de Ciencias de Lugo. Presentación en Ribadeo

 

   Deixo adxunta a invitación á presentación do libro Pioneiras de Ciencias de Lugo, de M. Isabel Fernández García, que terá lugar este venres 12 no cine teatro auspiciada polo Colectivo Egeria.

20211016

As Feiras de Ciencia na Galiza, en Internet Archive

   Coa desaparición de Wikispaces, acubillo de wikis, desapareceu tamén 'As feiras de ciencia na Galiza'. Unha copia artellada pola BNE para protexer da desaparición (algunhas) webs en formato wiki en linguas faladas en España, preservou o legado, mais tamén quedou o intento de copia en feirasdeciencia.mywikis.net, aínda en reconstrución, e ata 46 veces na memoria de internet que é Internet Archive. Deixo aquí tamén este último enderezo para quen queira consultalo: https://web.archive.org/web/2019*/http://feirasdeciencia.wikispaces.com

20201112

Que pasaría sen a inmigración? Dous alemáns turcos contra o coronavirus

   Esta semana saltou a nova de que a multinacional Pfizer ten unha vacuna contra o COVID19 eficaz ó 90 % (é dicir, no 90 % dos casos). Ese era o titular. Pero a noticia ten varias derivacións. Unha delas, que Pfizer o que fixo foi máis ou menos, subcontratar a investigación, poñer cartos parfa que outra empresa, a alemana BioNTech, levara a cabo a investigación. E, á súa vez, isto ten outra derivación: está fundada por dous descendentes de emigrantes turcos (un dos fundadores mesmo naceu en Turquía) e un asutríaco.

   Recapitulemos: será unha multinacional con sede nos EEUU a que saque a maior parte do pastel, pero grazas a unha empresa punteira alemá que tamén se aproveitará (e, relativamente, máis que Pfizer). E esa empresa non podería existir sen a emigración. Resulta que os dous fundadores xa fundaron no seu momento outra empresa, Ganymede, que venderon antes de fundar esta nova. O nome de Ganymede parece ser que non ven no heroe mitolóxico, senón dunha expresión turca que ven a significar 'resultado do traballo duro'.

   O caso é que a Alemaña resultoulle a conta o acoller a uns alemáns que traballaron duro e inculcaron ese mesmo esprito ós seus fillos para saír adiante no país de acollida. Non só dan traballo dende o punto de vista capitalista a outros alemáns ou contribúen cos seus impostos, argumentos que dándolles a volta son usados contra a inmigración, senón que a inversión que alemaña realizou neles tamén pode salvar  vidas, moitas, a nivel mundial.

   Por certo, os seus nomes son Özlem Türeci e o seu marido, Uğur Şahin.

Şahin. Imaxe de Kuebi en en.wikipedia.org. Lic. CC BY-SA 4.0

 

20191028

O concello de Ribadeo, a escala

Collo un post de hoxe mesmo de fqribadeo e engádolle unha foto da ESA co concello de Ribadeo aproximadamente a escala para comparalo cun iceberg recén forneado na antártida:
Auga para Ribadeo para 300 000 anos
Auga para Ribadeo para 300 000 anos: ese é o resume do 'último polo momento' iceberg desprendido da Antártida: unha masa de xeo de 300 000 millóns de toneladas, cunha superficie duns 60 km x 30 km, unhas 18 veces o concello de Ribadeo, e un grosor superior a 200 m.
Se botamos as contas, cun consumo en Ribadeo duns 3 000 000 de litros diarios, saen cen millóns de días, ou sexa, uns trescentos mil anos.
O nome asignado ó iceberg é D28, e o seu 'nacemento', o o 20 de setembro, a partir da 'nai', a plataforma de xeo Amery. Na imaxe (modificada) da ESA:

20161021

Cunchas, insectos, fósiles: unha colección mundial en Ribadeo

David Antonio López Álvarez non é a primeira vez que aparece no blog. Dende moi pequeno ven recollendo bolboretas, e logo, outros insectos, moluscos... e fósiles. Primeiro, o que estaba ó seu alcance, en Ribadeo, comezando dende moi pequeno pola zona perto da súa casa de entón, o lugar abandoado próximo á antiga estación do tren mineiro. Logo, ó largo do mundo, un mundo que se lle fai pequeno debido á cantidade de relacións que ten establecidas e que aproveita para incrementar a súa colección de miles de moluscos (individuos, mais tamén miles de especies),  insectos e case a centea de fósiles.
Estes días está a expoñer parte da súa colección, varios centenares de pezas, na sala da oficina de turismo de Ribadeo. E onte fixo unha charla de aproximación á súa colección. Comezou a charla explicando a documentación, os permisos, e logo pasou ós exemplares, salpicando características ou detalles dos lugares de onde proveñen con historias complementarias que axudan a unha mellor comprensión da súa vida ou explicación de xeralidades, e, mesmo despois do groso da charla, con outros temas como a problemática de conservación da colección, en particular dos insectos:
A exposición estará aberta ata o día 3 de novembro, e paga a pena achegarse a ela, mesmo sendo de ben lonxe de Ribadeo: a colección merece un museo que a acolla, e o exposto non é máis ca unha pequena parte. Se se ten pequenos na casa, é probable que se acheguen co colexio e mesmo poden servir de introdutores das persoas maiores: encántalles.
 Bolboretas
 Camuflaxe
 Vista dunha zona da exposición
 David Antonio López Álvarez
 Escornabois
 A zona das bolboretas. En primeiro termo, o cazabolboretas
Fósil
--
Mais sobre o tema:
De cunchas e insectos (2010)
De algo que non foi e poido ser (2009)
David Antonio López Álvarez (2008)

20160721

Correntes mariñas vagueando


Arredor de 1 minuto e 20 segundos despois de comezar o vídeo é cando se ve máis claro o movemento do mar na costa de Ribadeo. Neste vídeo de 11 meses condensados en 2 minutos, 2,75 días pasan en 1 s, vese claro que as correntes de superficie (representadas por liñas brancas de lonxitude proporcional á velocidade) fronte a Ribadeo son predominantes de leste a oeste, mais hai días nos que flúen de oeste a leste, cambiando de pronto a razíz dos ventos. Algo que non é moi común en relación ó resto de correntes que se observan. Unha curiosidade para pensar cando vaiamos á praia.


20151204

O cumio de París, visto dende Ribadeo a traverso dunha factura

Comezou xa o cumio de París sobre o clima. Sabemos que nos afecta, e, ó tempo, sabemos que alí haberá diversas manobras relacionadas con intereses rexidos polos cartos. Porque tamén sabemos que o manexo dos cartos pode paliar ben por agora os efectos do clima (para quen teña os cartos, de paso que lle dan poder e outras posibilidades).
Por iso tamén sabemos (aínda que ás veces non sexamos conscientes) de que, como noutras moitas cousas, os máis afectados por non tomar medidas para estabilizar o clima somos os de a pé, aínda que neste caso, a nosa zona non sexa das que máis sofre, mentras que noutros lugares avanza o deserto ou as illas quedan mergulladas.
Tampouco nos decatamos a miúdo de que estamos contribuíndo ó cambio climático e actuando contra o medio ambiente a traverso de cousas nimias, como o acender a luz.
Mira a túa factura. Se vives en Ribadeo, atoparaste nas facturas recentes unha nota como a que adxunto. Aí podes ver que Viesgo, o novo nome de E-on na zona, que fora a empresa que mercou a Barras eléctricas Galaico -Asturianas e que ó longo da historia non ten o mellor expediente de opresión ó consumidor, ten unha categoría que acredita case a máxima emisión de dióxido de carbono -F- (co máximo de contaminación en G), e tamén en contaminación por refugallos radiactivos -F_ (asemade co máximo de refugallos en G), mentras que se comparamos as dúas rodas de arriba, ou a táboa que as acompaña, veremos que a proporción de renovables que emprega é a metade da media estatal. E, mentras non presionemos, seguirá así. Apostamos ou presionamos?

20151015

15 de outubro de 1915. Publicacións de Isidoro Asensio

Hoxe, hace 100 anos, nacía en Sevilla Isidoro Asensio Amor. Ese foi o motivo para que hai uns días lle pedira a Roberto Rodríguez o que publicou e republiquei como "NO CENTENARIO DE ISIDORO ASENSIO AMOR (artigo de Roberto R. Rodríguez)", ou para que editara e aumentara (pouco, polo momento) a entrada correspondente na Galipedia. O mesmo motivo fixo de impulso para a conferencia inaugural deste curso no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo.
Agora, volvo a subir a internet algunhas publicacións súas que no seu momento, collidas dende a versión papel na biblioteca 'Viejo Pancho' e con permiso do 21 de xullo de 2009, tiña colgadas nun lugar que me fixeron desaparecer. Aí vai esta nova memoria de artigos descargables (Nota: fai falla loguearse no sitio):
(collida da web do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo)
Sobre la formación artificial de una playa en la margen occidental de la ría del Eo (a lembrar que usaba esa denominación para a ría de Ribadeo)
Procesos litorales: las corrientes superficiales en la costa oriental de Lugo (España)
Evolución morfológica de "Tesos" o bancos de arenas en la ría del Eo
Contribución al estudio de sedimentos de la ría de Ribadeo
Formas topográficas en terrenos graníticos
Contribución al estudio de acciones periglaciares en el límite galaico-astur
Morfología del frente costero en el límite galaico-astur
Primer centenario de la muerte de Guillermo Schulz (1877-1977)
Morfología y sedimentología de la costa occidental asturiana
Notas sobre el estudio de las rocas asfálticas
Comparación de los diferentes métodos de análisis granulométricos de suelos
Boa lectura!

20151013

NO CENTENARIO DE ISIDORO ASENSIO AMOR (artigo de Roberto R. Rodríguez)

Pedín e Roberto Rodríguez pasoume este artigo publicado o sábado (20151010) na Comarca sobre Isidoro Asensio. Tomeime a liberdade de poñerlle algunha ligazón consecuente co seu uso en internet:
"O próximo 15 deste mes do outono cúmprense cen anos do nacemento do insigne xeólogo Isidoro Asensio Amor. Nacido segundo as súas propias palabras, “casualmente en Sevilla” porque sempre reivindicou a súa orixe galaica por parte da nai.
Será na década dos anos corenta cando visite Ribadeo acompañado precisamente pola súa nai e animado polo seu amigo Enrique Otero Aenlle. Era o principio da querencia de Asensio por estas terras e paisaxes, agrandada cando casou con Elena Nistal. A familia multiplicouse co nacemento dos fillos e Ribadeo pasou a se converter na meta ansiada ó remate de cada ano académico.
A nosa bisbarra engaiolaba un novo científico, doctor en Ciencias Matemáticas e Naturais (Xeoloxía) pola universidade holandesa de Leiden; doctor en Xeografía pola francesa de Estrasburgo e tamén en Farmacia pola Complutense de Madrid.
En palabras de Vidal Romaní, xeólogo da Universidade de Santiago de Compostela, a xeoloxía galega nace no bienio de 1834 e 1835, cando se remata en Ribadeo o Mapa petrográfico del Reyno de Galicia e a Descripción geognóstica del Reyno de Galicia, respectivamente, obras que debemos ó gran xeólogo e enxeñeiro de minas, o alemán Guillermo Schulz, nacido en Habichtwald (Deowerg, Prusia) en 1800.
Se na inxente obra de Schulz parece adiviñarse unha certa predilección por Galicia, a rexión que mellor coñeceu e estudou de toda España, non é menos certo que Asensio foi continuador da obra do propio Schulz, Barrois, Hernández Sampelayo… contando incluso coa colaboración do seu mestre Hernández Pacheco que visitou a comarca a finais dos cincuenta invitado por Isidoro Asensio.
Centos de traballos viron a luz en múltiples publicacións científicas, prensa nacional, rexional e local, desentrañando as caras ocultas ou pouco estudiadas da rasa cantábrica e principalmente da ría de Ribadeo. Foi o profesor Asensio Amor, sen dúbida, o gran xeólogo ribadense do século XX ao que, en palabras de Dionisio Gamallo “ tanto lle debemos os ribadenses”.
Asensio sempre se considerou a sí mesmo un ribadense de adopción e como tal, contribuiu en todo o que lle foi solicitado dendo tódolos ámbitos da vida local, mostrando especial debilidade polos semanarios locais, principalmente por La Comarca, hoxe La Comarca del Eo, para publicar os seus estudos.
Foi Académico Numerario da Real Academia de Doctores; correspondente da Real Academia de Farmacia e membro correspondente do Real Instituto de Estudios Asturianos. Entre outras distincións era Miembro Español del Comité de Medios Insulares, Miembro Correspondiente de España en el Comité Internacional de Geomorfología de Costas (Unión Geográfica Internacional), Miembro del Consejo Técnico Asesor del Patronato Alonso de Herrera (CSIC) e Medalla Santiago Ramón y Cajal del Consejo Superior de Investigaciones Científicas. Recibiu a Medalla de Prata do Excmo. Concello de Ribadeo e nomeado Director Honorario da Casa Municipal de Cultura de Vegadeo.
A súa fructífera carreira profesional desenvolveuse na Universidade Complutense desde 1944 ata 1984. Exercendo dende 1954 como profesor do curso monográfico de Doctorado Sedimentología y sedimentodinámica na facultade de Xeoloxía.
Realizou a súa actividade investigadora no Instituto de Edafología del Consejo Superior de Investigaciones Científicas de 1942 a 1949 e nos Institutos Mixtos de Geología “Lucas Mallada” e Geología Económica do CSIC de 1949 a 1984. Así mesmo traballou, entre outras, na Gloeilampen Fabrieken Philips de Eindhoven (Holanda) e nas universidades de La Sorbona, Estrasburgo, París, Burdeos, Aix-en-Provence, Marsella, Besancon, Brest, Ámsterdam, Leiden e Groningen.
Entre os seus traballos de asistencia técnica destacan os informes para a mellora de condicións de aproveitamento de recursos naturais; estudios de procesos que contribúen ó recheo de rías e esteiros; regularización hidráulica en cuncas artificiais e mellora de portos con maiores posibilidades de acceso e navegación.
O querido e admirado PROFESOR e AMIGO Isidoro Asensio Amor morreu en Madrid o 6 de maio do 2001 e por expreso desexo seu, dende o 7 de xullo dese ano reposa eternamente no regazo da Ría que tanto amou.
Tomamos prestados para finalizar esta homenaxe os inspirados e fermosos versos do Soneto –póstumo- a Ribadeo de Dionisio Gamallo:
“ … Perdona
que te pida
no me olvides. Te quise
sin medida.
Tú (me sepulto en Ti)
Mi Cementerio.
Aún disuelto en el fondo
de la Ría
-nota suelta de antigua sinfonía
que Porcillán oyó a la Villavieja-
mis átomos amantes
se reagrupan…”
"

20150408

XXI Feiras de ciencia en Ribadeo

cartel XXI Feira
Hoxe comezará un pequeno evento a cargo de pequenos que se forman para o seu futuro. Como todos os anos dende o 1995, abrirá de novo as súas portas a Feira da Ciencia de Ribadeo. Unha feira de, por e para pícaros, con pequenos estudos en ciencia, algunha demostración, recuperación de aparellos antigos, coleccións de follas, unha visita á véspera asiática... e moita ilusión, sendo conscientes do traballo feito.
As nenas e os nenos que presentan os seus traballos serán profesores para os visitantes, e falarán de cousas que coñecen porque as fixeron a toda persoa que se achegue. Para eles, o futuro está en marcha. E, se o está para eles, estao para todos.

Noutros lugares: https://tentandoeducar.wordpress.com/2015/03/27/anunciando-a-feira-xxi-feira-da-ciencia-de-ribadeo/ ... http://feirasdeciencia.wikispaces.com/XXI+Feira+da+Ciencia+de+Ribadeo
-- Nota: a anterior é unha ligazón vella. A nova é: https://feirasdeciencia.mywikis.wiki/wiki/XXI_Feira_da_Ciencia_de_Ribadeo)

E, se queres mergullarte un pouco nos carteis propostos por eles mesmos: https://tentandoeducar.wordpress.com/2015/03/22/un-pouco-de-colorido/

20150320

Pasou a eclipse

En Ribadeo pasou a eclipse 'sen pena nin gloria'.Nin unha nin outra,porque non se viu. Os estratos de nubes sobre a vila, movidos por un zumbón vento nordés, só permitiron observar pouca luz: unha diminución lixeira ó comezo, pois o Sol aínda estaba baixo, e unha claridade máis aprezable despois, xa co Sol máis alto e coa mesma nubosidade.
A próxima eclipse de Sol en Ribadeo? En agosto de 2017, veremos unha minieclipse onde o Sol quedará reducido só un 12%.
As de Lúa, máis frecuentes, terémolas tamén máis preto: o 4 de abril haberá unha, pero non será visible dende as nosas casas. A que si será é a da madrugada do 28 de setembro, en seis meses. Total, como moitas das eclipses de Lúa. Unha animación dende https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/7/78/Animation_September_28_2015_lunar_eclipse_appearance.gif
Anterior: Preparación para esta eclipse de Sol
A eclipse de Sol de 2005
--
Posterior: http://www.gciencia.com/apod-galego/unha-eclipse-dobre-de-sol/ :

20150314

Actividades para a observación da eclipse de Sol en Ribadeo



Nota de prensa
20150314


Actividades para a observación da eclipse de Sol en Ribadeo


O próximo mércores 18 de marzo a AVV O Tesón ten previsto usar o salón de presentacións da Casa das Letras para realizar unha charla sobre a observación da Eclipse de Sol do 20 de marzo. A charla será a partir das 20:00 horas.

Falarase do que é unha eclipse, as características da eclipse en Ribadeo e os métodos de observación, habida conta que mirar ó Sol, con ou sen eclipse, sempre é un perigo para a vista.

A charla será a preparación para a observación da eclipse, e será impartida por Antonio Gregorio Montes.

Como adianto, dicir que o comezo da eclipse será ás 9 e 7 minutos , e a fin, ás 11 e 20 minutos, despedíndose a eclipse de Galicia. O máximo será ás 10 e 11 minutos, momento no que as tres cuartas partes do Sol non se poderán apreciar.

Aínda que está prevista a observación por un grupo de coñecidos, a asociación non organizará unha observación dirixida pola dificultade de mantemento entre a xente de condicións óptimas que non danen a vista e a responsabilidade que leva consigo.

Sobre a anterior eclipse de Sol en Ribadeo: http://ribadeando.blogspot.com.es/2005/10/eclipse-en-ribadeo.html
--
A posteriori: as diapositivas usadas na charla: http://www.slideshare.net/Agremon/a-eclipse-de-sol-de-20-de-marzo-de-2015-en-ribadeo


20140325

Volta 'o tempo', pasado o Sol por riba do ecuador

Si, está prevista hoxe de novo unha alerta. A temperie de Ribadeo incluirá hoxe nivel amarelo, vento forte, chuvia, e uns 7 ºC. É dicir, primavera astronómica con inverno meteorolóxico parello a iso que levamos catro meses coñecendo.
Mais o Sol xa se ve por riba do ecuador. Medímolo o pasado día 20 (equinoccio de primavera a media tarde, 16:57 UTC), como deixa patente a seguinte nota de prensa enviada xa hai uns días:
"
Medindo a Terra
 Onte, xoves 20 de marzo, foi o equinoccio de primavera. No IES de Ribadeo Dionisio Gamallo aproveitouse a soleada mañá para facer medicións. Tres grupos de alumnos voluntarios empregaron varias horas e os seus respectivos gnomon para obter o tamaño da sombra mínima a mediodía dun vástago vertical. A inclinación con se vio o Sol no momento de mínima sombra o día con igual duración da parte nouturna e diurna, como onte xoves, corresponde á nosa latitude. Así, a media dos resultados dos tres grupos de alumnos de 1º de bacharel apuntou a 43,28º, unha posición que na realidade está lixeiramente ó sur de Ribadeo. Na mesma medición tamén se comprobou o desfase entre a hora legal e a hora solar, correspondendo onte as 12 hora solar coa unha e media algo pasada en hora legal, o que levou a lembrar o desfase horario de Galicia co actual sistema de horario legal a nivel do estado.
O anterior non deixaría de ser máis ca unha curiosidade para mellorar os coñecementos dos alumnos se as medicións non foran confrontadas coas doutros catro centros, do case viciño IES Galileo Galilei de Navia ós de Manilva (Málaga), Villaviciosa de Córdoba e Oliva de la Frontera (Badaxoz). A confrontación de datos entre os IES permite calcular o radio da Terra ou a súa circunferencia, o que se está a facer, obtendo cos datos xa tratados (faltan aínda datos de tratar) unha pequena desviación en relación á medida aceptada de 6 370 km de radio. O método seguido, usado por primeira vez por Eratóstenes, estúdase na teoría de ciencias, pero raramente se comproba.
A experiencia, coordinada polo profesor extremeño Jesús M. Carballar, aglutinou a perto de cen alumnos do conxunto dos centros, e terá difusión, entre outros lugares, por parte da ‘Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología’ (FECYT).
Estaba previsto que se continuara coa medición o día 21, corroborando e mellorando os datos do día anterior, pero a temperie da zona norte peninsular impediu facer as correspondentes medidas.
"
Embaixo deixo duas fotos das medicións, xunto á fachada sur do novo edificio do IES.


20140216

Artigo de E. Lombardero sobre o cancro de mama: unha mirada desinteresada

A MAMOGRAFIA COMO METODO DE CRIBADO PARA O CANCRO DE MAMA British Medical Journal é unha revista médica das mais prestixiosas e leídas por todolos médicos do mundo. No último número (11.Feb.14) ven de publicar un traballo realizado en Canadá ao longo de 25 anos que cuestiona a eficacia do cribado con mamografía para o diagnóstico precoz do Cancro de Mama. Nos próximos días o tema vai estar nos titulares de toda a prensa e a polémica está servida. Dsgraciadamente, engadimos, porque estes temas deberan tratarse con acougo, argumentos sólidos e bibliografía contrastada, preferentemente independente de intereses particulares, cousa que non é doada de atopar nos tempos que corren e fora dos circuitos demagoxicos nin a favor nin en contra. O editor de Br Med Jour e o consello de redacción saben perfectamente o impacto do tema que agora publicitan. Centos de millóns de mulleres do mundo desenvolvido están recibindo mamografias co gallo da prevención precoz do Cancro de Mama. A cousa sería moi distinta se afectara a centos de millóns de mulleres do terceiro mundo. Daquela tería un pequeño oco en páxinas interiores. O debate nos medios científicos non é precisamente da semana pasada. A fundación COCHRANE (www.cochrane.dk) xa ven publicando informes, polo menos dende 2004, con serias dúbidas sobre o binomio vantaxes/inconvintes do cribado masivo con mamografía periódica. A última edición é de 2012 e nela manifestase abertamente contraria a esta práctica. Mesmo no 2013 vense de publicar o libro “Sano y Salvo (y libre de intervenciones médicas innecesarias”) (Los libros del Lince, Barcelona 2013;pax 255-268). Os autores son a parella de médicos Juan Gérvas e Mercedes Pérez que aportan abondosa información sobre este asunto. Basicamente o que se está a prantexar é que todalas actuacións médicas, mesmo as denominadas “preventivas” poden ter algúns efectos saudabeis e outros prexudiciais, malia as boas intencións e a literatura que as xustifica; que os programas que postulan estas actividades deben ser sometidos a unha avaliación periódica e rigorosa e que as persoas que van recibir estas intervencións deben ser informadas polo miudo dos pros e contras de todalas actividades e do conxunto do programa dende o comezo. Resulta obvio que o paso do tempo e a análise das experiencias engade coñecementos que non existían previamente e o caso dos cribados para a detección precoz de Cancro de Mama non se libra desta circunstancia. De feito o informe Cochrane de 2004 é mais “neutral” e o de 2012 xa se manifesta abertamente en contra destes programas. Non nos imos extender en aportar “probas” nun senso ou noutro, pero hai cousas que están fora de toda discusión. Por exemplo os efectos acumulativos das radiacións emitidas na mamografía deben ser avaliados e as mulleres deben ser informadas dos efectos prexudiciais e non pasar do tema como soen facer os programas “preventivos”. Mesmo a incidencia global da mortalidade e mais importante que a incidencia específica por unha causa concreta, neste caso o Cancro de Mama. ¿De que vale reducir a mortalidade por Cancro de Mama nunha edade determinada se non se reduce a mortalidade global? Ou dito doutro xeito: se eu teño unha probabilidade X de falecer nos próximos 10 anos ¿importa moito cal sexa a causa concreta?. Despois están os danos “colaterais”. ¿Cantas mulleres van recibir unha amputación dunha mama que non era necesaria, por exemplo por un erro diagnóstico ou por ter un tumor pouco agresivo que podería reverter espontáneamente? ¿Cantas biopsias, puncions, análises, consultas, gastos etc. se van facer sen ser necesarios?. ¿Cantas mulleres e as suas familias van percorrer o longo camiño dunha enfermedade inexistente?. En resumen despois de coarenta anos dos primeiros programas de cribado do Cancro de Mama por mamografía persisten serias dúbidas de que o balance entre beneficios e prexuicios sexa claramente favorable aos primeiros. As autoridades sanitarias e as sociedades científicas, que dispoñen dos medios e xestionan a información epidemiolóxica están obligadas a facilitar informes e avaliacions periódicas e informar ás usuarias das eventuais vantaxes e inconvintes destas actividades. En última instancia debe ser unha decisión persoal de cada muller, debidamente informada, se elixe someterse ao cribado periódico con mamografía ou prefire non prescindir dos eventuais riscos destas prácticas “preventivas”. Evaristo Lombardero Rico

20110622

Ás veces por Castropol, outras polas Figueiras, ...

Hai uns anos, pode que sete ou oito, pasaron os realizadores dun programa da galega por Ribadeo facendo unha pregunta moi sinxela: por onde sae o Sol? O título corresponde a unha resposta moi comentada daquela, dun persoeiro popular no pobo, no sentido de que 'mira ti a quen lle foron preguntar'. A cousa pasou e chegou a tarde de onte, o solsticio de verán deste ano, e con el, hoxe, un tempo espléndido. A cousa é que o comentario a raíz da pregunta do programa foi xeral: o individuo non tiña idea e dera unha resposta de risa.
Pois non, ó longo do ano o Sol sae por diferentes lugares, e pónse tamén por diferentes lugares. Abaixo queda un mapa indicativo cunha liña aproximada á dirección na que se podía ver onte a posta de Sol dende a punta da Cruz. Para amosar que así é, máis abaixo outra foto da posta de Sol (non de onte, senón do domingo, día abondo máis claro, pero co sol poñéndose moi preto a onde se puxo onte)
Dirección aproximada da posta de Sol dende a Punta da Cruz, á saída da ría na parte asturiana.
A posta do Sol, á dereita dos Farallóns de S. Cibrao.
Pódese ver na foto anterior como referencias o Faro da Illa Pancha, o Faro da Punta da Cruz, os Farallóns de S. Cibrao e a posta do Sol á dereita de todos eles, na foto tomada no punto máis alto do camiño que remata na Punta da Cruz. A foto está tomada a eso das 22:13, hora oficial de verán.No inverno, naturalmente, o Sol ponse moito máis ó sur.
Voltando ó comentario televisivo, a para moita xente hilarante resposta non era tal, senón máis ben moi sensata, pois a posición a que se ve a saída do Sol non só depende da época do ano, senón e sobre todo, dende onde esteñamos a mirar. E certamente, cambia moito, ó xeito de aquelo de 'todo é da cor do cristal co que se mire' ...