20221130

Concentración en Ribadeo

     Un novo primeiro sábado de mes, unha nova concentración. Diríase que é unha 'concentración pensionista', pero non: convocada polos pensionistas, é aberta, e avoga polas pensións, si, pero tamén pola sanidade ou educación públicas. Avoga por unha mellor calidade de vida para todos. Por iso é aberta, a todos e todas.

    Que non podes ir? Procura o xeito de participar, non te autoexclúas, participa polo ben de todos, incluído o teu.


 

Arredor da homenaxe cancelada a Luz Pozo Garza

    Antonte recibín o anuncio dunha homenaxe a Pozo Garza para onte que onte mesmo avisei que se cancelara. Agora teño nas miñas mans unha nota de prensa do Gabinete de Comunicación do PP de Lugo, e o documento presentado polo PP hoxe no concello de Ribadeo, complementarios da información anterior. Aí van:

--

A concelleira popular, Begoña Sanjurjo, fai unha exposición dos motivos para facer a homenaxe a Luz Pozo Garza, que este ano cumpriría 100 anos luz, “como diría ela”


O PP de Ribadeo reclama, no centenario de Luz Pozo Garza, unha homenaxe para reivindicar a súa figura de filla predilecta na vila

• O Grupo Municipal Popular pide que se inclúa unha ofrenda floral aos pés do monolito que a lembra e un recital poético coa participación dos centros educativos de Ribadeo

• “Un día como onte, 29 de novembro, Luz Pozo Garza ingresaba como numeraria na Real Academia Galega data en que deu lectura ao discurso de ingreso titulado “Diálogos con Rosalía”, explica Sanjurjo

• Os populares esperan que desde o concello estean todos os grupos á altura para facer un acto conxunto que reivindique a súa figura como máxima representante da literatura ribadense

Ribadeo, 30 de novembro de 2022. O Partido Popular de Ribadeo rexistrou no Concello unha proposta na que se reclama ao goberno do BNG a homenaxe para Luz Pozo Garza con motivo do seu centenario e para reivindicar a súa figura como filla predilecta da vila. “Hoxe cumpriría 100 anos luz, como diría ela”, explica a concelleira Begoña Sanjurjo.

Sanjurjo explica, “un día como onte, 29 de novembro, Luz Pozo Garza ingresaba como numeraria na Real Academia Galega data en que deu lectura ao discurso de ingreso titulado “Diálogos con Rosalía”.

Os populares esperan que as agrupacións locais que forman parte do Concello se sensibilicen e poñan da súa parte para facer un acto conxunto que reivindique a figura de Luz Pozo Garza como máxima representante da literatura ribadense. Ademais, o grupo popular demanda unha ofrenda floral aos pés do monolito que a lembra e un recital poético coa participación dos centros educativos de Ribadeo.

Datos biográficos

Fai estudos musicais de solfexo, piano, violín e laúde que deixaron unha singular pegada na súa poética, estudos de maxisterio e de filoloxía románica. Licénciase en Filosofía e Letras en 1963 Como poeta dáse a coñecer co libro Ánfora (1949) e no ano seguinte gaña o premio Adonais con “El vagabundo”, entrando así no Parnaso da man de Gerardo Diego.

En 1952 inaugura a Colección Xistral co seu poemario O paxaro na boca, para a partir de 1976 pasar a ser só poeta en galego. Di a crítica que a súa poesía representa a fusión entre a tradición do Rexurdimento e a descuberta serodia do tesouro das cantigas.

Obtivo o Premio Miguel González Garcés en 1992 por Prometo a flor de Loto, poemario concibido como un diálogo co poeta finado Eduardo Moreiras (o seu segundo esposo), e o Premio da Crítica por Deter o día cunha flor. Os seus poemas foron traducidos ao portugués, catalán, francés, inglés, alemán, húngaro, ruso e xaponés.

Forma parte da Real Academia Galega como membro correspondente desde 1950 e como membro numerario desde o 29 de novembro de 1996, data en que deu lectura ao discurso de ingreso titulado “Diálogos con Rosalía”. No 2019 é nomeada Filla Predilecta de Ribadeo. Falece o 20 de abril de 2020.

--



 

RESOLUCION DO IGN SOBRE O NOME DA RIA. Evaristo Lombardero Rico

 

RESOLUCION DO IGN SOBRE O NOME DA RÍA 

A semana pasada recibimos [Evaristo Lombardero en nome da Plataforma de defensa da ría de Ribadeo] a resolución de 15 de Novembro do Instituto Geográfico Nacional sobre o nome da Ría de Ribadeo na que resolve: 

"1.Mantener la denominación de “Ría de Ribadeo” como identificador geográfico de la ría en la que desemboca el rio Eo.

2.Otorgar al topónimo “Ría del Eo” el carácter de nombre alternativo, es decir con el mismo nivel de oficialidad y uso que “Ría de Ribadeo”. 

En la práctica esto supondrá la inclusión de ambos topónimos en todas las bases de datos geográficas y cartográficas producidas por las administraciones publicas (…)" 

O texto íntegro da resolución está colgado no blog “Ribadeando” de Antonio Gregorio e recomendamos encarecidamente a sua lectura ás persoas interesadas, porque a maioría das mensaxes que circulan están nesgadas por intereses particulares ou sectoriais e distan moito de reflectir o contido da resolución. 

Aquí imos expoñer o noso punto de vista sobre as motivacións da devandita resolución. Na páxina cuarta parágrafo terceiro podemos ler o seguinte: 

“Así, se ha constatado que la denominación “Ría del Eo” es utilizada mayoritariamente en los territorios de la margen asturiana del rio homónimo, además de estar recogida con un nivel de uso similar a “Ría de Ribadeo” en cartografía y otros documentos relativamente recientes (…) especialmente a partir de 2007 (…) También se ha detectado el uso de “Ría del Eo” en la Gaceta de Madrid –equivalente al BOE- (…) en el año 1871”. 

Estes argumentos eran tamén as ideas forza do informe da Comisión Especializada de Nombres Geográficos de 27 de setembro de 2021 cuxo informe respostamos no seu día cos argumentos que imos reproducir brevemente e que son perfectamente aplicables a esta resolución: 

1.O mantra de que a denominación “Ría del Eo” é utilizada maioritariamente na marxe asturiana é unha afirmación gratuíta que carece de soporte documental ou estudo sociolingüístico algún e so reflicte os intereses de sectores concretos.

2.O uso cartográfico da denominación “Ría del Eo” dende 2007 responde a unha decisión e influencia política e non é o resultado do azar ou doutro criterio xeográfico ou historicista.

3.A presencia dun documento oficial illado de 1871, non de “documentos”, como deixou escrito a CENG e agora reproduce o IGN non pode considerarse un argumento de peso para reformar o Nomenclator Geográfico Español porque se así fose non habería un só dato de mesmo que se mantivese en pé. O feito de un so documento ca denominación “Ría del Eo” fronte a centos de documentos ca denominación “Ría de Ribadeo” sexa utilizado con valor probatorio demostra unha clara tendenciosidade. 

Debemos suliñar asemade que a resolución que comentamos elude calquer referencia ao voto particular dun dos membros da CENG e que xa vimos reiterando pola nosa banda dende hai varios anos. A denominación “Ría del Eo” é un erro dende o punto de vista xeográfico e xeolóxico e reflicte, entre outras cousas, a crenza popular de que as rías se formaron polo efecto erosivo das correntes fluviais, cando é ben sabido que o coñecemento científico ten desbotado esta hipótese dende hai moitos anos, substituída pola certeza de que foi o afundimento dos estratos costeiros o que deu lugar a formación das rías. Entendemos que o IGN non debe dar carta de natureza a este erro conceptual sancionando unha denominación a toda luces errónea. 

Contra a resolución cómpre o recurso de alzada no prazo dun mes que exerceremos na mesma liña que aquí comentamos.

Evaristo Lombardero Rico 

Ribadeo, 29 de Novembro de 202

Resolución pola que se establece a denominación oficial da ría de Ribadeo (15 novembro 2022)

     Déixoa en dous formatos, serie de .jpg e un .pdf. Escaneado da recibida por Evaristo Lombardero (Plataforma pola Defensa da ría de Ribadeo).

    jpg:





    pdf:
 

 

Unha ollada ós orzamentos de Ribadeo

    Vexo que hai unha nota de prensa do concello sobre a aprobación dos orzamentos. Como anos anteriores, deixo unha pequena gráfica, á que habería que engadir outra a valor do euro constante (é dicir, deflactada), pero para iso hai que esperar a que remate o ano. Polo tanto, polo momento, a gráfica e a nota de prensa do concello máis un pequeno apunte: a inflación este ano é moi posible que quede por riba do 8%.

INCLÚEN A SUBA SALARIAL DO PERSOAL PÚBLICO

Aprobado o orzamento de 2023

29/11/2022

Aprobado o orzamento do Concello ribadense para 2023 que ascende a máis de 10 600 000 euros. O concelleiro de Economía, Pablo Vizoso, subliña que son uns presupostos equilibrados, que non incorren en déficit e que reducen o nivel de débeda. 

O edil contou que "na tarde de onte celebrouse o pleno extraordinario no Concello de Ribadeo no que aprobamos os orzamentos para o vindeiro ano 2023. Trátase duns orzamentos que superan os 10 600 000 euros, que son equilibrados e non incorren en déficit, tal e como recolle o informe de intervención e experimentan un incremento da case o 8% con respecto ao exercicio actual, para manter e mellorar o elevado nivel de actividades e inversións no noso concello: dende reposición de rúas e camiños,  instalacións deportivas, actuacións en locais sociais, adquisición de terreos, apoio a asociacións de carácter cultural, deportivo ou asistencial, medidas e actividades de apoio ao comercio local e actuacións de protección social que benefician a todo o pobo de Ribadeo".

Vizoso Galdo dixo que "tamén inclúen a subida salarial do persoal público e outra vez máis unha aposta forte pola inversión, centrada agora na reforma integral do Hospital Asilo e nos terreos para o novo centro de saúde. Unha inversión á que se suman os proxectos que se están licitando nestas semanas para iniciar a súa execución dende primeiros do vindeiro ano, e tamén os convenios que se asinen con outras administracións".

O concelleiro de Economía subliñou que "outra característica destes orzamentos é que se consegue chegar a estas magnitudes sen subir os impostos e incluso reducindo o nivel da débeda do Concello, que se situará ao peche deste exercicio no 9,8% e que nada ten que ver coa existente hai algúns anos e que condicionaban o día a día".

Pablo Vizoso referiuse á postura do PP  no pleno celebrado onte: "por parte da oposición, concretamente a concelleira do PP, dedicou a súa intervención a criticarnos por que para a reforma do Hospital Asilo necesitábamos acudir a un crédito en vez de empregar outras fontes de financiamento como poden ser os fondos Next Generation".

Para o edil ribadense "esta forma de proceder dos representantes do PP non resulta aceptable, ademais de demostrar que non teñen claro do que falan e que o seu obxectivo é enredar en enganar aos veciños de Ribadeo, hai que deixar claro que o Concello non solicitou a subvención á que se refire o Partido Popular por que non cubría nin a terceira parte da inversión necesaria senón que acudiu e solicitou outra axuda con cargo aos fondos Next Generation a través do plan Pirep estatal (Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos) que sí pode chegar ao 100 % do custe da obra que hai que acometer".

Vizoso Galdo explicou que "neste punto tamén aproveitamos para lembrarlle aos representantes do PP que a quen se bota de menos neste asunto é a Xunta, que unha vez máis está desaparecida e nin resposta aos requirimentos do Concello; e que se trata de competencias autonómicas, tanto a de asistencia social como a de asistencia sanitaria e, polo tanto, debería ser a Xunta a que financiase a reforma integral do Hospital Asilo. Mentres tanto, ou si finalmente a achega da Xunta non se produce, por parte do Concello de Ribadeo e dende xa realizamos a consignación económica necesaria".

O concelleiro de Economía engadiu: "en realidade é unha magoa por que si dende a administración autonómica se aportasen fondos para este fin ou se increméntase o que aportan ao Fondo de Cooperación Local, que leva conxelado dende o 2010,  poderíanse dedicar máis recursos para investir noutros ámbitos".


CIDADE DE CINE. Xosé Carlos Rodríguez Rañón

 


CIDADE DE CINE

 Xosé Carlos Rodríguez Rañón

    París, a cidade da luz (eléctrica) sempre tivo un pacto co cinema, non en van os seus inventores foron franceses: os irmáns Lumière, cuxo apelido significa precisamente luz tamén. Desde o primeiro filme rodado na capital do Sena en 1930 (“Sous les toits de Paris”/Baixo os teitos de París), a urbe foi lugar de rodaxes, de decorados urbanos e mesmo moitas veces personaxe principal das fitas.

    Despois chegarían os cineastas da Nouvelle Vague que tanto a mimarían, como Truffaut e Godard, facendo que o cinema de autor fose maioritariamente parisino. O patrimonio artístico co que conta relacionado coa sétima arte é abafante: 400 salas (moitas delas históricas) con 500 estreas cada semana, por non falar do Forum des Images ou da Cinemateca Francesa, que atesoura 40000 filmes e medio millón de fotogramas, ademais de milleiros de libros, cartaces, aparellos cinematográficos, decorados e traxes. Cada ano ródanse nas súas rúas 800 longametraxes en máis de 4000 localizacións diferentes polas cales se pode deambular nun máxico roteiro turístico de cine, nunca mellor dito.

    Desde hai unhas décadas, tamén a paisaxe e a paisanaxe da Mariña seduciron directores tanto nativos como doutras latitudes e nótase como quere a cámara a esta fermosa e personalísima bisbarra.

20221129

Actas dos derradeiros plenos do concello de Ribadeo


     Cunha rapidez que non soe ser común, as actas dos dous últimos plenos, ambos neste mes de novembro, un deles o 20221109, e o outro onte mesmo, 20221128, están xa publicadas:

      ACTA DO PLENO 2022-0009 [ACTA DA SESION PLENO EXTRAORDINARIO 28.11.2022.]

     ACTA DO PLENO 2022-0008 [Acta Pleno Ordinario 9.11.2022] 

      Outras actas de plenos: actas do pleno

Resucitou, resucitou, aleluia!

Foto de Singapur tomada de Google Maps. amosa que Singapur está deshabitado...

Resucitou, resucitou, aleluia!

    Unha vella canción de igrexa veuseme á cabeza a conto dunha noticia. O titular dicía: resucitan moléculas de neandertais para loitar contra as superbacterias. O certo é que non foi o único pensamento que se me viu, en auténtico tropel xerado polo titular da nova. Tamén imaxinei unha estrutura molecular cunha espada nunha man e un escudo na outra, imaxe máis gráfica que portando unha ametralladora. A imaxinación dá para iso e para moito máis.

    A imaxinación, si, pero a realidade, aínda podendo ser inimaxinable, soe ser abondo máis limitada, ten que seguir unhas leis por moito de que por exemplo, algunhas poidan ser de predición estatística. Así que, tentando unir o titular e o real, entre as primeiras consideracións estaría o cavilar sobre a (escasa) cultura científica que se mantén na nosa sociedade.

    Por se non lembrara outros casos anteriores, ó día seguinte atopo no mesmo xornal outra frase, desta volta como pé de imaxe, por riba do titular: 'En Galicia, o 97 % do territorio é rural e unha proba é esta imaxe aérea na que se ve a aldea (...)'. A "proba do algodón": temos unha imaxe aérea dunha zona onde se ve só unha aldea e é proba (unha, pode haber máis!) de que o 97 % do territorio é rural.

    En tempos das fake news non nos asustamos de xeito doado das parvadas que podamos ler nos xornais ou obter doutros medios de difusión; sinxelamente, son demasiadas. Mais no caso das relacionadas coa ciencia, en termos xerais teñen unha característica común: son só iso, 'cousas' que se poñen pensando que máis ou menos corresponden coa realidade, sen malicia, sen segundas intencións tendenciosas para ocultar a realidade ou colgarlle o sambenito a alguén. É dicir, só son redaccións que xorden do descoñecemento das bases científicas da nova que se pretende transmitir. Pero o resultado é o que é: desinformación, transmisión de ideas falsas, inculturización.

    Volvamos ó comezo, ós dous casos. No primeiro, as moléculas, para resucitar, terían que ter estado vivas nalgún momento, e volver á vida. Mais a RAG é clara, algo está vivo se medra, se reproduce, etc. Só coa primeira condición, con que medre, o titular xa non parece posible: o mesmo dicionario di que as moléculas son "A máis pequena parte en que se pode dividir un corpo sen que este perda as súas propiedades." Evidentemente, se medran, xa non é a parte máis pequena, aínda no caso de que manteñan as súas propiedades (cousa difícil para todas, se aumenta o seu tamaño). No segundo, a frase vai contra do que é o método científico, a ciencia non funciona así. Unha foto pode dar fe da existencia dunha posibilidade, pero mil fotos ó chou non serven para confirmar unha porcentaxe elevada. Unha foto dunha área de Singapur (dunha extensión aínda maior que a referida na citada imaxe aérea dunha aldea galega) sen edificios non implica que Singapur esté deshabitada... Ou si?

Cancelada a homenaxe a Luz Pozo

Como información provisional, cancélase a homenaxe a Luz Pozo Garza.



20221128

Mañá, acto de homenaxe a Luz Pozo Garza en Ribadeo

     Comezará ó pé do monólito que se lle ten dedicado no Xardín. Despois de terse declarado a Luz Pozo Garza filla predilecta de Ribadeo e terlle adicado unha rúa, mañá terá lugar un novo acto de homenaxe.

20221126

Ribadenses destacados. Verbas no acto de presentación

     Onte tivo lugar a presentación do libro de Ribadenses destacados. Deixo unha foto e as verbas dos catro participantes na mesa, Por orde, F. Díaz Fierros Viqueira, Eduardo Gutiérrez, María Xosé Gómez (representante da Secr. Xeral de Política lingüística) e Fernando Suárez. Para outros días queda o ir publicando algunhas -ou todas- das biografías expostas e algunha cousa máis.

F. Díaz Fierros Viqueira

 Eduardo Gutiérrez

María Xosé Gómez
Fernando Suárez
--

    A data 19 de xaneiro, deixo as biografías do libro (con ligazóns ás xa publicadas no blog e autores, ou, no caso de non estar publicadas aínda, de xeito espero transitorio a outras biografías correspondentes no blog, se existen, ou na Galipedia):

Dionisio Fierros Álvarez 

Xosé María López Rodríguez 

Amando Suárez Couto. Celia Castro Fernández

Benito Prieto Coussent. Celia Castro Fernández

Xesús Peña Rego (Suso Peña) 

Manuel Fernández Amor 

Primitivo Díaz Pérez 

Manuel Cortés García 

Valeriano González Abraido (Tito González) 

Carlos Álvarez Fernández Cid 

Xusto Pico de Coaña e Vinjoy 

Antonio Rodríguez del Busto 

Xosé María Alonso Trelles (El Viejo Pancho) 

Francisco Rodríguez Del Busto 

José Vicente Pérez Martínez 

Francisco Lanza Álvarez 

Gregorio Sanz García 

Eliseo Pulpeiro González 

Dionisio Gamallo Fierros 

Luz Pozo Garza 

Daniel Cortezón Álvarez. Santiago Sanjurjo Díaz

Alfredo Deaño Gamallo 

Guillermo Schulz y Schweizer 

Agustín M. Acevedo Rodríguez 

Manuel F. Reynante y Cancio 

Ubaldo Pasarón y Lastra 

Manuela Barreiro Pico 

Enrique Suárez Couto 

Antonio Rodríguez Darriba 

Enrique Otero Aenlle 

Isidoro Asensio Amor 

Segundo Moreno Barcia 

Fernando Méndez Sanjulián 

Camilo Barcia Trelles 

Leopoldo Calvo-Sotelo Bustelo 

Antonio Raymundo Ibáñez. Eduardo Gutiérrez Fernández

Familia Bengoechea 

Familia Casas 

Irmáns Moreno Ulloa 

Pedro Murias González 

Ramón González Fernández e Corona González Santos 

Familia Nistal 

Víctor Moro Rodríguez

OBSESIÓN POR ÁFRICA. Xosé Carlos Rodríguez Rañón

OBSESIÓN POR ÁFRICA

Xosé Carlos Rodríguez Rañón

    O feitizo colonial por parte dos europeos por África vén de lonxe. Misioneiros, aventureiros, exploradores, explotadores, escravistas, cazafortunas e tesouros, científicos, militares, escritores, artistas ou colonos, todos sentiron a chamada da selva do continente negro e mouro de vastos desertos, xunglas, sabanas e océanos. Ningún deles descubriu nada porque todo o que viron xa estaba alí, mais moitos amosáronlles esas exuberantes belezas lonxanas aos seus correlixionarios e coetáneos occidentais.

    Un deles foi o xesuíta español Pedro Páez, que chegou ás fontes do Nilo no século XVIII, moito antes que o doutor Livingstone (perdido e rescatado en terras centroafricanas na súa inútil procura) e que os seus posteriores “descubridores oficiais”: Stanley e Speke. Mais a imaxe máis literaria do continente se cadra foi a da baronesa e escritora dinamarquesa Karen Blixen quen escribiu, co pseudónimo masculino de Isaak Dinesen, as cinematográficas “Memorias de África” con ese xa característico comezo do seu libro tan coñecido como o do Quixote: “Eu tiña unha granxa en África ao pé das montañas de Ngong”.

Museo Blixen en Nairobi. Imaxe de Alexander Leisser en https://commons.wikimedia.org, lic CC BY SA 4.0
     Na banda oposta habería que falar do xenocida rei Leopoldo de Bélxica polos seus estragos no Congo, froito da súa teima por que o seu recente reino tivese un imperio como as grandes potencias coloniais europeas. O poeta maldito Rimbaud tamén estivo polos lares da África Occidental francesa traficando con escravos mentres se adicaba ao malditismo de aventura e aos versos estupefacientes, todo o contrario que Winston Churchill ou o escritor de terror gótico Arthur Conan Doyle, quen participaron como soldados do exército británico en África do Sul loitando contra os colonos boers holandeses. O escritor anglófono nado en Polonia reflectiría moitas desas vivencias na súa obra “Ébano”.

    Despois da segunda guerra mundial, a visión europea sobre África muda de xeito radical. Principia o proceso de descolonización (moitas veces traumático para africanos e europeos) e unha corrente de mímese e simpatía asenta en moitos brancos (como Camus ou Goytisolo) e tamén en moitos nativos que reivindican as tradicións das súas culturas autóctonas mais tamén se senten herdeiros da tradición colonial europea expresada nas súas respectivas linguas. Froito desa mestura foron moitos os africanos que se trasladaron ao vello continente non só para traballar e mellorar, mais tamén para levar canda eles un anaco de África para deixar en terras europeas como símbolo de simbiose fraternal.

20221124

Ribadenses destacados

    O venres 25 de novembro, no Cine Teatro terá lugar a presentación do libro Ribadenses destacados. 44 biografías (Séculos XIX a XXI). O cartel da nota do fundamental, entre o que cabe destacar a coordinación de Francisco Díaz-Fierros Viqueira e a colaboración que inclúe Concello e Xunta.

    E volve aparecer de novo por Ribadeo Egeria.

20221123

Respeto Barbón, Ria do Eo, NON. Pancho Campos Dorado

 


Respeto Barbón, Ria do Eo, NON

Pancho Campos Dorado

Cada día quedamos máis asombrados da calidade da democracia na que vive este país chamado España, cada día máis corrupta e máis podrecida. Temos unha Constitución que a todas luces non se cumpre na súa totalidade, pero segundo quen a interprete, a leva máis cara a esquerda ou máis cara a dereita. Por outro lado, temos tipos ben empoleirados en altos cargos políticos, que xa nin a interpretan, para qué? Teñen o número do teléfono de aqueles cos que se pode amañar facilmente calquera cousa, con só facerlles unha chamada, pois son xente ben colocada, que por nada quixeran romper as “relacións” con círculos de poder que os manteñen no seu inmerecido paraíso terreal.

Temos un problema. Teñen un problema. Por suposto. Levamos anos dicindo que o nome da Ría de Ribadeo non se cambia nin se comparte con vulgarismos estraños, e seguiremos loitando contra tanto descaro, contra tanta canallada de tendencia galegofóbica que levamos sofrendo na Galiza desde os tempos dos reis “católicos”.

O Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana, cun señor ministro José Luís Ábalos Meco, do PSOE, otorga ao vulgar e localista sintagma de Ría do Eo dado por Asturias, o mesmo nivel de oficialidade que o topónimo Ría de Ribadeo, denominación maioritaria non só na autonomía do Reino da Galiza senón en todos os mapas e cartas de navegación do mundo enteiro. E para máis INRI, faino a través dun organismo oficial como é Instituto Xeográfico Nacional. Inconcibible, que se chame Instituto Xeográfico Nacional, que como xa dixen noutra ocasión debería chamarse “Instituto Geográfico Terrestre Nacional” (IGTN) pois ese cadro de asalariados parece entender pouco ou nada de hidronimia, de talasonimia, nin de Usos e Costumes do Mar, vista a súa intervención neste caso, pero así é como mantemos a tantos funcionarios “por doquier”, que non resolven absolutamente nada, e deixamos que se “fumen” os recursos da Sanidade, da Educación e da Investigación, pezas fundamentais da civilización dun país.

O señor Adrián Barbón Rodríguez do PSOE, presidente do Principado, cando lle chegou a resolución do Ministerio de Transportes, comentaba na prensa que era “una cuestión de justicia que veníamos reivindicando desde Asturias”.

O verbo “reivindicar” significa “pedir con vehemencia unha cousa a que se ten dereito e da cal se foi desposuído”. Cando existiu a denominación Ría do Eo.? Nunca. Polo tanto non pode reivindicar o que non nunca se tivo, e menos en xustiza.

Miren vostedes, non sei como amañaron o cambalache entre todos eses membros do PSOE de Madrid e do Principado, non sei o que se quedaron a deber, nin me importa, pero algo gordo tivo que haber para transgredir todas as normas da ética máis elemental. A Historia de Ribadeo, pisárona con ansia malévola, con saña. Non tiveron pudor ningún. Apoiaron a resolución en probas preparadas nun informe da “Oficina de Política Lingüistica del Principado de Asturias” que amañaron o seu a antoxo, catro verbas mal intencionadas e sen ningún escrúpulo foron aceptadas por todos estes organismos, que como unha secuencia de fichas de dominó, fóronse empurrando uns a outros polo arte dun primeiro impulso dado polo PP de Asturias na sede do parlamento asturiano. Aquel impulso, levounos a votar unha resolución antigalega e antihistórica, e aquí non pasa nada, os galeguiños que se jodan!

Expresión moi Ppera, no parlamento español, e agora apoiada polo clase parlamentaria e patriotera do asturiano señor Barbón. Ten narices a cuestión, de que VOX o único partido “antibable” de Asturias, “antigalego de occidente” o que hoxe chaman “a fala”, “antilingüista” de calquera clase que non sexa o castelán, votara en contra do vulgarismo Ría do Eo, por ser un despropósito contra o topónimo da Ría de Ribadeo. Moitas grazas!

No ano 2011, alertabamos do que estaban a facer no Principado ao poñer un nome a Reserva da Biosfera- Oscos-Río Eo e Terras de Burón co programa LEADER, no cal non se mencionaba para nada a Ribadeo, cando máis das tres cuartas partes do territorio son das Terras de Ribadeo e Miranda (La Comarca del Eo, 13 novembro 2011, publicado no blog aquí).

Tal é galegofobia destilada por todos estes organismos oficiais do Estado español, que o Ministerio de Transportes nin sequera tivo a cortesía de mandarnos contestación as alegacións que nós, a Plataforma de Mariños de Ribadeo e AVV “O Tesón” presentamos. Un traballo que levou horas e días de investigación para revisar, alegar e matizar a legalidade dentro de todos os códigos éticos e xurídicos do Estado. Pero a descortesía, segundo para quen se faga non importa. Vimos sufrindo esta desvergoña institucional española cara as cousas da Galiza en xeral e de Ribadeo en particular, desde que se mandaron os primeiros escritos coas alegacións pertinentes as distintas instancias estatais. A última á Subsecretaría do IGN (Instituto Geográfico Nacional). Non leron nada de canto lles mandamos o día 26 de outubro de 2022, e están tan mal educados que nin sequera nos contestaron. Para qué? Só son catro galeguiños, parviños eles!. Que emigren que é onde están ben, no estranxeiro!. Despois din que os galeguistas nonos estimamos!

Pero non van a saltar por encima da historia do Porto de Ribadeo nin da historia da súa poboación, nin no Principado, nin no Estado español. Se falará da Ría de Ribadeo sempre por dereito propio, e non se agregará nada neste século XXI de política podrecida e infame, que sexa espurio ó mundo da talasonimia, por moitos tipos de medio pelo que dirixan o cotarro. O tempo e a lei nos darán a razón.

Señor Barbón, a Historia da Poboación de Ribadeo remóntase no asentamento de Louselas ao Paleolítico inferior, poboación anterior a calquera asentamento do norte peninsular (Louselas. Los inicios del poblamiento humano en la región cantábrica. E. Ramil Rego e J. Ramil Soneira, Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba, Monografía Nª6, 2014, p.19).

Fai douscentos mil anos, a cota do mar estaba 38 m por debaixo da cota actual, e fai cento oitenta mil o mar estaba aínda máis baixo, a case 150 metros por debaixo do nivel actual, e a ría era un entrante do mar onde desaugaban ou non tres ríos: Grande, Suarón e Eo, e outros regatos como o Río dos Malatos e río Amalló.

A estas terras xa habitadas, chegaron primeiro fenicios e gregos que viñeron a comerciar; na Ría de Ribadeo aparece cerámica do século VI a.C. massaliota, de Massalia, actual Marsella, polo que xa había tráfico marítimo na Idade do Ferro (entre os anos 800-450 a.C.) (El País, xullo-2021, Galeón Santiago). Logo chegáronse os celtas arredor do ano 290 a.C. e colonizaron a bisbarra. No ano 68 a.C. chega Julio Cesar a Hispania Citerior e nos anos 61-50 a.C. estaba “cartografiando” minuciosamente o litoral cantábrico que serviría para que máis tarde Augusto leve a cabo as Guerras Cántabras. Neste intre, podemos pensar que foi creado o Porto de Porcillán (Portus Julianus) no cal habería poboación autóctona, posto que había pesca e marisco e as terras da bisbarra de A Devesa, Piñeira, Vilaselán, Obe, As Anzas, Cubelas, Cedofeita son magníficas e dan froitos de todo tipo. Tanto é así que o máis antigo documento que se conserva, o “Diploma do rei Silo”, datado o 23-agosto do ano 775 (era 813) só fala destas terras da bisbarra de Ribadeo, polo tanto, tiñan que ser de entidade suliñable por antonomasia.

En 844-846 os vikingos preséntanse nas costas de Ribadeo. Aqueles piratas de Xutlandia e do Mar Báltico consideraban a Terra Galega a súa medida, acaso por que lles recordaba a súa propia. Chovía, na deles tamén (Victoria Armesto, Galicia Feudal I, p.149) Por qué entran na ría de Ribadeo? A buscar o botín do convento de Esperautano, que segundo o noso inolvidable veciño José María Rodríguez Díaz (El Monasterio de Esperautano y su Coto) (...) o 23 de agosto do ano 775, segundo ano do reinado do rei Don Silo, e co fin de acometer a cristianización de esta comarca oriental da Galiza, o rei Silo firmou un documento de doazón polo que, por medio do abad de Esperautano, llo otorgaba aos presbíteros Pedro, Avito y Valentín e aos conversos Alanti y Lubini, así como tamén aos monxes e anacoretas que residían en dito lugar e (...).

En 985 (era 1023) ao río Eo, unha das escrituras antigas do Mosteiro de Sobrado dos Monxes, dalle o nome de Euve; outra de Meyra do ano 1128 (era 1166); dille “a flumine Euve...” e outra do ano 1143 di “Ripa Evii”. Da voz “Euve” quitouse a segunda sílaba e quedou “Eu” que se castelanizou a “Eo” así como toda a ribeira deste río e particularmente aplicouse ao porto daquela ribeira e principal poboación que se levantou co nome de Ripa-d’eo desde o século XII (H. Florez, p.57). Esta anotación é parte da que recolle F. Lanza no seu Ribadeo Antiguo (p.29-30-31) cando transcribe o documento en castelán da “Compra y Repoblación de Ribadeo” que o P. Florez transcribe en latín. Era dono das vilas e poboación o conde D. Rodrigo (Velaz Osorio de Montenegro) a quen llo compra o rei Fernando II (1157-1188) no ano 1182 por 1500 morabitinos de ouro (dínares almorábides; marabedís) (Lanza p.30). Cómpraa con tódolos dereitos e pertenzas (Florez p.57-58) e “o rei para que lograse máis comercio levou a vila desde a Vilavella máis cara o mar”.

Pero Galiza mantivo unión con Asturias e coas terras do Bierzo e León, acadando gran proxección nos reinados de Fernando II e Afonso VIII. Floreceu o comercio e a lingua galega sentou a base trobadoresca dos séculos XIII e XIV. Resulta indubidábel que a morte de Afonso VIII e a usurpación de Fernando de Castela en 1230 precipitou ao Reino de Galiza nunha profunda crise. Momento que a monarquía castelá-toledana aproveitou para reescribir a memoria do pasado á súa propia medida.

Nos séculos XIII e XV ten gran desenrolo a pesca da sardiña, da pescada e peixe salgado na Ría de Ribadeo, desde onde se exporta madeira, coiros e ferro, e se importan cereais. No século XIV Ribadeo exportaba viño. Francia nestes momentos padece a peste e os mercados europeos demandan viño galego que é exportado en barcos desde a Ría de Ribadeo. No século XIV Ribadeo dependía do Rei, e foi cando Enrique II de Castilla, da dinastía Trastámara concede a Pierre Lobesgue de Villanes en 1369 o título de Conde de Ribadeo, primeira falcatruada trastamarista contra da Galiza que apoiara ao rei Pedro I.

En 1388 nace o Principado de Asturias, creado por Juan I de Castela que reina desde 24 de agosto de 1379 ata súa morte o 9 de octubre de 1390. Como podemos ver, Ribadeo xa tiña entidade propia anos antes que o Principado de Asturias se creara e anos antes de houbera un principe de Asturias. No ano 1551, o Conde de Ribadeo e Conde Salinas, vendeu por 8500 ducados as Terras de Ribadeo e servidumes entre os ríos Navia e Eo, segundo escritura de Medina del Campo (Ribadeo Antiguo de Francisco Lanza, páx. 78-79-80). Segunda falcatruada. Como é posible que se desligaran do Reino de Galiza e pasaran para o Principado de Asturias?. Teimuda é esa provincia de Oviedo en obter territorio alleo e agora quer incluso “crear” toponimia nunha metade da Ría de Ribadeo. Conduta exemplar do Parlamento astur. Que están vostedes reivindicando en xustiza? Nada, absolutamente nada, a Ría de Ribadeo chámase así, por dereito propio non de apropiación untada. Basta xa de explicacións que non entende, pois a a súa actitude política non é a dun xurista que entenda argumentos, senón que é vostede un simple avogado que chegou a un grado de “autoritas” e potestade que para nós, non lle corresponde. Seguiremos estando aquí, por suposto.

20221116

Novas sobre a illa Pancha, dos tribunais e da AVV Por Nuestro Faro

     Hoxe, 16 de novembro, deuse a coñecer un feito encamiñado por outros anteriores: O TSXG desestima o recurso de Eirobra S.L.para evitar o acceso libre á illa Pancha. Despois de anos loitando, a AVV Por Nuestro Faro ve cumprido un dos seus obxectivos, o lograr que a illa sexa do pobo. En realidade, o obxectivo aínda non está conseguido, entre outras cousas porque o acceso pode considerarse parcial ó estar regulado temporalmente, pero esa regulación mesmo podería considerarse beneficiosa. O caso é que a concesionaria non pode dicir 'ti entras se eu quero e cando eu queira', e sei que non fun o único que veu o paso negado á illa.

    Como ó final a cousa ía polo xulgado, e contra o concello de Ribadeo, foi o concello o encargado de dar a noticia, cunha nota que deixo abaixo.

    Tamén a AVV Por Nuestro Faro, en relación ó uso da illa Pancha, volve a preguntarlle ó concello de Ribadeo por cousas como o cumprimento da concesión, se xa foi inspeccionado o cumprimento da Declaración Responsable da empresa que deu pé a abrir a cafetería, ou o estado e legalidade da fosa séptica, 'perdida' na administración dende hai varios anos e que pode ser unha fonte de vertidos á ría.

    Nota de prensa da AVV Por Nuestro Faro:

Na sede electrónica do Concello acumúlanse os correos sen resposta que a asociación de Veciños «Por Nuestro Faro» lle ten dirixido ao alcalde, con datas como 28/08/2021 ou 28/03/2022. Mesmo tras a mediación da Valedora do Pobo, organismo en Galicia encargado de velar pola transparencia e o dereito á información, non obtivemos do Concello ningunha resposta clara nin directa.

Por esa razón, o 16 de novembro de 2022 enviouse un novo correo ao Concello de Ribadeo, insistindo na necesidade de obter informacións concretas sobre cuestións vitais na Illa Pancha.

Á vista do despregue de camiños, varandas, terrazas e niveis que ocupan de xeito amplo a visión de calquera visitante que se interne na illa, volvemoslle preguntar ao alcalde se está en posición de dicirnos «se a cafetaría e os seus servizos invaden terreos da Illa Pancha fora do espazo concedido de 500 m²». En consecuencia, preguntamos se «as obras de execución da cafetaría da Illa Pancha, que funciona dende agosto de 2021, se axustan ao proxecto inicial».

Tamén reiteramos a pregunta sobre se por fin «existe informe da inspección técnica» que daría o visto bo á Declaración Responsable da empresa concesionaria para abrir a cafetaría (lembremos que a cafetaría se abriu por primeira vez fai xa 15 meses).

Doutra banda, e dado que o sistema de eliminación de residuais proposto pola concesionaria está a tramitarse desde agosto de 2018, quixéramos saber se a día de hoxe “no concello de Ribadeo existe constancia de que a fosa séptica teña resolución favorable de Augas de Galicia» e que aclare «cal é o sistema de depuración de residuais, tendo en conta que pode estar vertendo á Ría de Ribadeo en zona de protección dá Rede Natura 2000, e que este proxecto foi presentado antes de que existise a cafetaría que obviamente incrementa as emisións ao medio ambiente.».

AVV Por Nuestro Faro

    Nota de prensa do concello:

TAMÉN O CONDENA AO PAGO DAS COSTAS

Acceso á Illa Pancha

16/11/2022

O alcalde, Fernando Suárez, valora de xeito positivo a inadmisión a trámite por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia do recurso de casación presentado polo concesionario do Faro sobre o uso e acceso á Illa Pancha. Barcia subliña que agora está ben clariño: é libre para todas e todas. 

O rexedor lembrou que "hai poucos meses o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia resolveu de xeito claro que o acceso á Illa Pancha debía ser libre e público con independencia da xestión que poida facer a actividade privada, que nunha pequena parte da illa concesionou o Estado a través da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao".

Suárez Barcia dixo que "con isto quedaba resolta calquera outra interpretación xurídica ao tempo que confirmaba a actuación administrativa levada a cabo polo Concello de Ribadeo en todo este proceso".

O alcalde ribadense manifestou que "lamentablemente, vimos que a aplicación das sentenzas non eran todo o inmediatas que deberan ser posto que durante un tempo seguiuse a incumprir por parte do concesionario coa pasividade da administración titular da Illa, A Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao, o que obrigou ao Concello a impoñer sendas multas coercitivas ao titular da actividade privativa e finalmente un requirimento de non argallar máis para incumprir as normas ou o Concello veríase na necesidade de executar as accións subsidiarias pertinentes para garantir o acceso público".

Fernando Suárez contou que "o concesionario apelou esta sentenza e agora vimos de saber hoxe que o Tribunal desestima completamente ese recurso, e aínda por riba, o condena en costas".

O rexedor subliñou que "desde o Concello de Ribadeo, celebramos que dunha vez por todas quede ben clariño para todos: particulares, institucións, concesionarios, etc, que o uso e o acceso é libre. Xa vemos que a Autoridade Portuaria, titular da Illa, foi tomando as medidas necesarias para que nunca máis teñamos que perder o tempo en andar xogando ao gato e ao rato. Alegrámonos e valorámolo positivamente".

E engadiu que "desde o Concello de Ribadeo manifestamos, como sempre o temos dito, que nada temos que obxectar ás actividades que o Estado poida concesionar nesta illa, apartamentos turísticos ou unha cafetería, como de feito o fai noutros espazos públicos da súa titularidade no resto do litoral, pero queremos que o resto de cidadanía poida ir, pasear, pescar ou facer o que lle pete, dentro dos dereitos e deberes que calquera persoa poida facer no resto do litoral".

20221115

Unha efeméride de 1773: A primeira administración da lotaria en Ribadeo. Eduardo Gutiérrez

    Despois de publicar o traballo de Celia Castro sobre Leonardo Fernández Reinante para o libro das festas do 2022, decátome dos outros traballos, menores, que aparecen nel publicados. Aquí está o presentado por Lalo Gutiérrez, unha volta corrixido algún erro tipográfico:

Unha efeméride de 1773

A primeira administración da lotaria en Ribadeo

Eduardo Gutiérrez

Cronista Oficial

Hai bastante tempo cando tivemos oportunidade de investigar a historia do Círculo de Recreo de Ribadeo, unha sociedade fundada en 1851, entre outras moitas cuestións que atinxían ao vivir local de mediados do século XIX en Ribadeo, un tempo aquel de grande activismo marítimo comercial, chamou a nosa atención ao repasar algúns aspectos contables do coñecido como Casino, os gastos da podente sociedade na adquisición de billetes da Lotaria Nacional. Téñase en conta que era unha sociedade quizais a mais podente da pequena burguesía local, e das máis fortes da provincia, cuxa sede era o magnífico edificio da rúa da Santísima Trindade que ocupou tempo despois o antigo Colexio das Fillas da Caridade.

Pero así como temos información de outras efemérides como a apertura da primeira farmacia, o temperán posto de telégrafos, o inicial tanatorio e outros moitos servizos, como os sucesivos matadoiros, as traídas de auga, as fontes e os lavadoiros públicos, os embarcadoiros, e os periódicos que van sinalando fitos locais, non déramos cos detalles deste xogo implantado en España en tempo de Carlos II, moi semellante en funcionamento ao que hoxe se chama lotaria primitiva, ou sexa os precedentes de a Lotaria Nacional. Como se sabe a primeira foi inspirada na de Nápoles e comezou a funcionar en 1763, e a Nacional en 1812. Pero accedimos aos datos do primeiro Administrador de Lotarias en Ribadeo mercé aos traballos de Maria Luisa Meijide, publicados vai para medio século, nun cumprido e ameno estudo sobre Vicente Seixo, un verdadeiro precursor, e as orixes da lotaria en Galiza no século XVIII. Seixo era natural da cidade de Ourense, ou dos seus arredores, segundo información de Antonio Couceiro Freijomil, que o destaca a maiores como agrónomo. Naceu en 1747 e faleceu en 1824.

Nunha lista das principais Administracións de 1773 só aparecen en Galiza A Coruña, Santiago e Ribadeo, onde o Administrador era D. Juan de Murias y Mon, que tamén figura nas relacións de 1775 e 1776. Neste mesmo ano, no sorteo do 12 de agosto aparece ingresada polo sorteo correspondente, unha cantidade por un discreto premio. Pero se falamos de recadación, en xullo de 1815, ou sexa en plena Guerra da Independencia e con parte do país ocupado polos franceses, Ribadeo despachou 34 billetes, ou sexa que estaba por enriba dos vendidos en Betanzos ou Villafranca del Bierzo, aínda que por debaixo de Tui. O prezo do billete eran 5 reais de vellón.


O administrador antes citado, que debeu ser o primeiro, era parente do dono do pazo de Guimarán, ou sexa de D.Bernardo Rodriguez Arango y Mon, e procedía da mesma zona, isto é o antigo concello de Burón e a súa comarca dos Oscos. Sabemos que tal e como sucedeu con outros administradores, figurou entre os anos 1774 e 1776 na relación de debedores coa Facenda Real cun descuberto de 6.797 reais que tivo que reintegrar, cousa que fixo nun prazo curto xa que se trataba dun propietario podente e afeito aos negocios. Por iso non rechama que un seu paisano Antonio Raimundo Ibáñez comezara a súa andaina profesional na Casa de Guimarán.

Naquel tempo existían outros xogos de azar, pero ningún arraizou como o Real Xogo da Lotaria, xa que se trataba dunha iniciativa oficial, moi rendible para a Facenda, pero que ademais nos seus inicios foi presentada como captadora de recursos para o ben común: hospitais, escolas e outras causas xustas e obras pías, que ademais constituían un atraente reclamo publicitario, ademais do poder engaiolante dos xogos de azar.

Falamos somente dos limiares da lotaría na nosa vila, unha historia de altibaixos de fortuna, como en calquer lugar. Por non saírmos da discreción, unha mostra da historia deste xogo de sorte, citemos apenas a doa dun abelorio: en 1933 moitas felicitacións recibiu un médico ribadense con boa estrela, ao que lle corresponderon vinte e cinco mil pesos, nun sorteo da Lotaría Nacional.

Sobre o nome da ría de Ribadeo

    Despois dos argumentados documentos de Evaristo Lombardero e Pancho Campos sobre o nome da ría e os recursos correspondentes, agora a asociación Francisco Lanza organiza unha exposición que inaugura xoves 17 de novembro, ás 20:00 h, na Casa do Viejo Pancho. 

    Co mesmo lugar común, hai anos xa a AVV O Tesón presentara un cartaz con planos e cartas da ría, e abondo antes aínda (2006), Evaristo lombardero fixera unha exposición abondo ampla sobre eles (mapas e cartas de navegación da ría de Ribadeo) no salón do primeiro piso da biblioteca pública.


20221114

Propaganda institucional

Propaganda institucional

    Coido que non é o caso máis flagrante, pero é o que teño máis á man. E, como noutros casos, está a medrar. O concello de Ribadeo leva aumentando o número de notas de prensa emitidas en cada período dende que comezou a facelo de xeito formal a través dunha axencia. Ano tras ano incrementa o seu número, e así xa no 2021 sobrepasou unha nota diaria. Algo que este 2022 xa ten conseguido aínda no dudoso caso de que non emita ningunha máis no que resta ata o 31 de decembro, e leva camiño de achegarse ás tres notas por cada dous días hábiles. Co que se podería considerar agravantes: as notas aparecen na web do concello mesmo con posterioridade á súa aparición como noticia en prensa, cando a súa orixe é perfectamente verificable e rastrexable comparando as 'noticias' coas 'notas'. Tamén se pode comprobar que se as imaxes do xornal ou das redes sociais mantidas por xente do concello son as mesmas que aparecen na web, estas últimas son de abondo peor calidade.

    Como resultado, as noticias sobre Ribadeo teñen en boa parte non só a orixe no concello, senón que tamén son xestionadas de xeito inicial, presentadas, polo mesmo concello, sendo admitidas e publicadas nos medios con variacións insignificantes, se o son con algunha. E, mentres o concello se converte en procurador de novas, só vai quedando oco natural nos medios para o resto de actores.

    Como continuación do anterior, e mentres, as chamadas redes sociais énchense de novas que son, ben relanzamento do publicado polos medios, ben transmisións de chistes, imaxes ou vídeos sorprendentes, e moitas veces truculentos ou claramente aproveitando para transmitir nesgos, e algunha vez (poucas) algunha achega particular a partir dunha foto-denuncia de cousas do pobo. Destas últimas, unha parte sendo certas e fidedignas vai acompañadas de comentarios totalmente nesgados que sitúan o contexto nun xeito irrecoñecible en relación ó da foto na 'vida real'.

    Dese xeito, mentres a comunicación se ve tamén constrinxida pola orientación cada vez máis ostentosa de quen transmite a información (non o periodista, senón quen controla o medio), esta vai deixando de ser tal para ser, sobre todo, unha inflacción de propaganda. Un caldo de cultivo no que a polarización non pode máis que medrar. Mesmo as descualificacións, e escalando, os insultos velados (ou sen velar) son cada vez máis comúns e pretendidamente normais ou normalizados. É dicir, convértense en normal, en norma.

    Esta espiral que medra, autoalimentada, leva sendo patente dende hai varios lustros. Ó pouco de xurdir, nas redes sociais, mais é anterior nos medios, coa integración en grandes cadeas mediáticas con poder propio ou cooptadas por outro poder, e a precarización do oficio de xornalista. Nun caso por unhas razóns, no outro, por outras, non é doada unha oposición interna que pare o medre do problema. E, a máis de facer máis difícil a gobernanza en política para forzas opostas ó poder 'real' que pasa polos cartos, fai máis débil á sociedade. Sociedade que noutro tempo pretendeu que as institucións foran os seus piares e que na actualidade atópase con que precisamente eses pretendidos piares, prisioneiros doutros poderes, son parte do problema.

    Segundo onde vivas e en que entorno te movas, segundo as túas ideas ou orixe de transmisión das novas que alimentan o teu pensamento, terás / irás tendo un perfil ou outro, encadrándote nun lugar informativo do que en xeral será difícil saír, con muros cada vez máis altos que cercan a túa vista e ocultan outras posibilidades. Muros que inclúen, claro, as túas amizades, persoas nas que máis ou menos confías, tanto ou máis que nas institucións ou grupos de interese, pero que, ó tempo, se ven cerradas no seu espazo de información nesgada, próximo ó teu, e do que, se saen nalgunha ocasión, tenderán a ver outras posibilidades informativas ou de interpretación como unha negación, unha mentira contra da 'súa verdade'. Igual ca ti. Negación que incluirá a imposibilidade de considerar outra visión que non sexa a propia, creada e reforzada polo entorno entre elixido e imposto no que cada persoa se mova.

20221112

A guerra na Ucraína e o novo contexto internacional

      Onte asistín a unha charla sobre "A guerra na Ucraína e o novo contexto internacional", impartida na Casa do Viejo Pancho por Duarte Correa, que foi presentado por Farruco Graña. A pesar de que tanto o vídeo como o audio son moi malos, por se alguén quere remedar o non ter asistido e se anima, aquí quedan ambos. Primeiro, o vídeo da charla, do que faltan os dous primeiros minutos (e a curta presentación de Farruco). Logo, o audio da rolda de preguntas, e por último, o cartel anunciador.

    O vídeo:

    O audio da rolda de preguntas, que se pode escoitar aquí.
    E o cartel anunciador:

Crónica dunha viaxe / e 17, rematando

Crónica dunha viaxe / e 17, rematando

    A viaxe finalizada, non o está na cabeza, á que acoden lembranzas, sentimentos, posibilidades e moitas cousas máis.

    Indo aínda por terras de Castela, ocorréuseme que ó tempo que unha viaxe para coñecer terras e persoas, ou para sentir a natureza e o corpo, tamén era unha viaxe didáctica, de aprendizaxe. E comecei a tomar apuntes pensando nesa tarefa, para tentar que a outra xente lle puidera servir, a máis da visualización de algo parello a un libro de viaxes -ou sexa, o que levo esbozado-. E iso 'novo' dará de si -espero- outra serie de apuntes que teñen outro destino diferente ós presentes, e que aínda terán que madurecer para servir á súa finalidade.

    Está clara a evolución de sentimentos en relación á viaxe a medida que pasou o tempo, ou as xentes, a paisaxe, dende a saída da casa o 25 de setembro ás oito da mañá lixeiramente pasadas ata a chegada ó portal de Valencia o 10 de outubro ó fío da unha e media do mediodía. Está clara, pero non é linear, é demasiado complexa para que nuns cantos capítulos pequenos caiba enteira.

    Dito en números, sexan 1100 km ou 4 comunidades autónomas, unha morea de concas fluviais ou 10 provincias, entre outras moitas posibilidades, pode dar unha imaxe moi fría de dúas semanas que lembro cun conxunto cálido de sentimentos que tentei plasmar, dende o esforzo para subir a Cruz de Ferro á percepción de orgullo nunha interlocutora ó comentarme que o nome do seu pequeno e cada vez máis despoboado pobo aparecía nunha rotonda en Sagunto onde se daba fe das diferentes etapas dun camiño que conducía cara Santiago. Por certo, glorieta que me fixen intención de ver, pero que, sen telo apuntado no momento, lembrei cando xa era tarde, tendo aínda agora nas tebras da memoria mesmo o nome do pobo que tería que procurar nela ou a situación exacta a procurar en Sagunto. E, se detalles coma eses se perden na memoria, ó xuntarlle as perdas no paso da lembranza ó escrito, resulta un límite só superable mediante a fábula e a imaxinación. Ambas me gustan, pero non quixera aplicalas como tal de xeito consciente nestas letras, que polo contrario, tentan axustarse á realidade sentida.

    Un dos sentimentos foi o asentamento da fortaleza saudable, apoiado despois das primeiras e duras etapas polas máis suaves posteriores. Mesmo os pequenos tropezos, como o rachar dos labios pola labor do aire, ou o proído do tostado das pernas, sentinos así, pequenos inconvenientes que xa se irían solucionando, dentro dun benestar corporal no que tiveron cabida de xeito consciente diversos esforzos. Hai que ter en conta que unha das bases dese benestar sentido é precisamente a superación dos esforzos requiridos, que naturalmente tentei pautar como superables, ó meu alcance.

    En conxunto co anterior, o desfrute das etapas foi aumentando, ó ter un maior control da situación pola experiencia e unha maior veciñanza do destino. Visto en retrospectiva, noto que a duración e dureza de cada tramo, e o tempo empregado, non se ve reflectido de nunha influencia sobre o número de bosquexos ou de fotos tomadas. Máis ben é o tempo pasado, ou se se quere, o tempo previsto para chegar ó destino final, o que marcou o ritmo, psicolóxico, de apuntes sobre o camiño, en certo xeito balanceando entre a apropiación do entorno mediante fotos e debuxos e o desfrute directo del.

    As paisaxes variadas e a temperie, tiveron a súa influencia nese desfrute e no estado de ánimo. Máis difícil é de cualificar o resultado do contacto con outra xente, en marcha coma min ou xente da terra, nunha viaxe pensada para ir en solitario, decisión da que non me arrepinto. Por suposto, en cantidade de xente atopada, o tramo entre a entrada no Bierzo e Burgos sobrepasou con moito á cruzada antes ou despois, aínda que de Caudiel ata abandonar as vías verdes tamén estaba ateigado; neste caso, só de ciclistas. Iso facilitou o contacto con outra xente en ruta neso tramo Vilafranca - Burgos, mais foi despois cando tiven máis relación coa xente dos pobos, e coas dúas persoas coas que pasei máis tempo na viaxe, Antonio de Teruel e sobre todo, Pedro do Barqueiro, con quen sigo en contacto. Asemade, o cambio de mentalidade dunhas a outras persoas, da xente dos pobos á xente en camiño non deixa de ser curiosa, tanto pola evolución segundo o avance do camiño como polo cambio de lugar a lugar. Pouco ten que ver a mentalidade e carácter dos tres estranxeiros ciclistas de retorno cos que coincidín ó longo da subida á Cruz de Ferro coa do español e do estranxeiro camiño a Santiago no descanso mentres tomaba o apunte da igrexa de Bercianos. E pouco tamén a do rexedor do bar en Castrojeriz, 'castelán vello', coa do tamén rexedor de bar en Almenar, aparentemente afincado alí de primeira xeración dende o norte de África. Por contra, comparar a Julia, a camiñante australiana que me atopei en Hornillos, coa recepcionista de Teruel, novas as dúas e aparentemente de idade semellante, poidera ser máis doado e ter máis semellanzas visibles que nos outros casos anteriores.

    A viaxe tamén se pode dividir na parte en marcha e na outra, en poboacións. Dúas compoñente moi diferentes a tódolos niveis, dende esforzo a tranquilidade, mais ter en conta unha separación tan clara como tal separación, sería como partir unha cadeira á metade, resultando outra cousa moi diferente. Ambas partes, ambas 'metades' compleméntanse e en conxunto fan a viaxe o que é, aínda que choque que o estar parado nun lugar poda contribuír á viaxe.

    En fin, quixera rematar, esa é a finalidade desta entrada. Mais aínda que o faga por escrito, será unha especie de peche en falso, de poñer unha marca ata certo punto arbitraria, nun relato que seguirei a lembrar e que sinto que non rematou aínda, tanto porque puidera ter continuidade noutra ou outras viaxes semellantes como porque entroncou co resto das miñas vivencias, é parte da miña vida, e aínda non está conclusa.

     Só unha cousa máis. Repetir que animo a quen poda estar a ler a facer algo polo estilo, na medida das súas posibilidades de todo tipo. Vamos, unha toleada que non o sexa tanto por estar programada e ser factible. Un saír do normal da vida levada para traer tamén vida, aínda que non faga falta.

Comezo e fin de viaxe?

    Crónica dunha viaxe

    Crónica dunha viaxe / 0 Atravesando a península 

    Crónica dunha viaxe / 01 Ribadeo - O Cádavo

    Crónica dunha viaxe / 02 O Cádavo - Ponferrada    

    Crónica dunha viaxe / 03 Ponferrada - Astorga

    Crónica dunha viaxe / 04 Astorga - León

    Crónica dunha viaxe / 05 León - Villarmentero 

    Crónica dunha viaxe / 06 Villarmentero - Burgos

    Crónica dunha Viaxe / 07 Burgos - Santo Domingo de Silos 

    Crónica dunha viaxe / 08 Santo Domingo de Silos - Soria

    Crónica dunha viaxe / 09 Soria - Calatayud    

    Crónica dunha viaxe / 10 Calatayud - Calamocha 

    Crónica dunha viaxe / 11 Calamocha - Teruel  

    Crónica dunha viaxe / 12 Teruel - Teruel

    Crónica dunha viaxe / 13 Teruel - Barraques  

    Crónica dunha viaxe / 14 Barraques - La Vall d'Uixó 

    Crónica dunha viaxe / 15 La Vall d'Uixó - Sagunto  

    Crónica dunha viaxe / 16 Sagunto - Valencia 

    Crónica dunha viaxe / e 17, rematando