20221108

Crónica dunha viaxe / 13 Teruel - Barraques

Crónica dunha viaxe / 13 Teruel - Barraques

    Despois dun día de descanso, unha etapa sinxela, como o resto das que quedan. Aínda que, ben pensado, non hai etapa sinxela a priori!

    Tras o porto do Escandón (1223 msnm), paso á conca do Mijares. Queda para a próxima etapa, despois do Porto do Ragudo, o cambio á conca do Palancia. Mais esta é a última vez que me refiro de xeito específico a un cambio de conca, pois xa preto do mar, as pequenas concas sucedéronse ó apartarme desta par ir a La Vall dÚixó: Belcaire, de novo Palancia, canles de rego diversas que non permitían distinguir moi ben o río (se é que non era unha simple rambla) ...

    Un último axuste antes de comezar o camiño: Barraques ou Barracas? No concello, o selo testemuña Barracas, o que reafirma que o termo en Valenciano está en desuso. Aínda así, como escollera para a planificación da viaxe Barraques, sigo mantendo o título desta etapa: Teruel - Barraques.

    A saída de Teruel ben, guiándome por Dinópolis, un parque temático sobre dinosauros, á beira do que tiña que pasar. Pero tiña empeño en coller de novo vías verdes para evitar a estrada, e xa retirado da camiños, preguntei a outro ciclista por se o gps non era adecuado. Resultou ser outro Antonio, de Teruel, que me levou ó entronque coas vías verdes e co que fixen preto de vinte quilómetros, a maioría de ascensión por un camiño que cualifico de moi bo e que me reconcilia coas vías verdes, que xa non abandonaría mentres coincidiran co meu destino.

Antonio de Teruel, guía e compañeiro por cousa dunha hora.
    A dedicatoria de Antonio non di que me acompañou máis do que tiña pensado facer, o que lle produciu un baixón de azucre que necesitou unha barriña enerxética para compensar. Tampouco cousas como que para min tamén foi un pracer ser acompañado e guiado por un camiño en moi bo estado, ascendente con varios túneles e cambio de paisaxe a mediterráneo.
    A dicir verdade, os cambios non se produciron de xeito brusco, senón ós poucos. Quede como testemuña un leito seco á saída de Teruel, xa apartado da estrada e antes de atopar a Antonio e chegar á vía verde, a engadir ós comentados en etapas anteriores. 
Leito seco despois de Teruel.
    A ascensión ó porto, suave pola antiga vía do tren, tamén foi benvida polo novo tipo de piso. As vías verdes de Ollos Negros (Ojos Negros) están divididas nun par de tramos, pero a maior diferencia no piso está no interior de cada tramo, que de calquera xeito, é superior á maioría das vías fóra de asfalto que pasei. Estas vías, recomendables para usar se se vai de viaxe ou sinxelamente para facer unha viaxe por alí. De feito, xa as recomendei antes de rematar ese día.

Antonio de Teruel, a piques de entrar nun dos túneles das vías verdes de Ollos Negros.
    Ás beiras do recorrido, a paisaxe cambiante, de montaña a chaira, propicia os túneles (uns cantos), encaixamentos (moitos, con paredes de tipo variable, a maioría, en estratos rochosos) e pontes (menos) cos seus terrapléns que anticipan as vistas da parte chá máis alta.  
Un porto? Si, un porto.
    A chegada ó porto do Escandón, 1223 msnm, é imprevista pola pouca pendente mesmo na estrada á beira, e anticipa o cruce coa estrada a Javalambre, á estación de esquí (alugueiro de esquís á beira do cruce) e ó lugar do observatorio astrofísico de Javalambre (OAJ). Naturalmente, non collín a estrada para ascender, aínda que me apetecía.
    E, de alí en diante, máis baixada que subida ata Sarrión. Notando plantacións de árbores e atopando alguén do lugar, a conversa levou a que eran aciñeiras carrasco, plantadas porque acubillan entre as súas raíces a prezadas trufas, como xa me adiantara un pouco antes Antonio. E resulta que Sarrión é o campión das trufas.

Aciñeira carrasco para trufas.
    Un pobo con costas, despois de abandonar a chaira do porto. Sarrión está ben coidado, e apetece unha voltiña, un café, un debuxo...
Ermida do sangue de Cristo en Sarrión.
    E en Sarrión tamén, unha curiosidade pola que preguntei por se non era o que pensaba. Si, era: protección nas portas para que a auga non entre nas casas cando chove de xeito torrencial.

Sarrión, protección para as augas.
    O punto máis alto do pobo: a ermida, coa caseta meteorolóxica no parque á súa beira.
Sarrión, ermida e estación (meteorolóxica).
    Saíndo de Sarrión, un empeoramento no piso fai pensar que pode seguir a peor. Pero non, xa dende Teruel se ve un aumento do uso da vía verde, con máis ciclistas, e un mantemento mellor que outras vías para bicicletas.
Vía verde dos Ollos Negros: non sempre tan boa.
    As ondulacións do terreo permiten vistas como a de Albentosa, que quedo con ganas de visitar, o que non fago por non subir a costa empinada que leva ó pico do pobo.
Albentosa, para mirar.
    E antes de Barracas, cambio de comunidade autónoma, deixando Aragón pola provincia de Teruel para pasar a Valencia por Castellón, como testemuña o mapa levantado en cemento á beira da autovía para quen entre en Aragón.
Límite entre comunidades autónomas na autovía Mudéjar.
    Na Comunidade Valenciana, en Barracas, éntrase pola antiga estación do Palancar, aproveitada como lugar de diversión e punto de arranque dun itinerario 'paisaxístico-etnolóxico' co cartel en castelán o mesmo que o nome do concello: Barracas.
Estación do Palancar, Barracas.
    Barracas? Un pobo pequeno, con pouco de especial, pero que conserva unha fonte de 1576 á que lle fixeron parque e zona de diversión próximas. Chego á saída dunha concentración de xente, e decátome de que teñen o mesmo problema que agora na zona próxima a Ribadeo: os eólicos. Problema calcado, método semellante, tanto por parte das eólicas e administración a nivel Comunidade Valenciana como polos veciños, agrupación e loitar, neste caso parece que co alcalde entre os promotores da loita.
    Aproveito para que entre no concello e me poña o selo.
Fonte en Barracas (datada no século XVI).

    Ó chegar a Barracas levo uns 67 km, de recorrido, cun desnivel acumulado de 500 m e unhas 3,5 h sobre a bici.

    Crónica dunha viaxe

    Crónica dunha viaxe / 0 Atravesando a península 

    Crónica dunha viaxe / 01 Ribadeo - O Cádavo

    Crónica dunha viaxe / 02 O Cádavo - Ponferrada    

    Crónica dunha viaxe / 03 Ponferrada - Astorga

    Crónica dunha viaxe / 04 Astorga - León

    Crónica dunha viaxe / 05 León - Villarmentero 

    Crónica dunha viaxe / 06 Villarmentero - Burgos

    Crónica dunha Viaxe / 07 Burgos - Santo Domingo de Silos 

    Crónica dunha viaxe / 08 Santo Domingo de Silos - Soria

    Crónica dunha viaxe / 09 Soria - Calatayud    

    Crónica dunha viaxe / 10 Calatayud - Calamocha 

    Crónica dunha viaxe / 11 Calamocha - Teruel  

    Crónica dunha viaxe / 12 Teruel - Teruel

    Crónica dunha viaxe / 13 Teruel - Barraques  

    Crónica dunha viaxe / 14 Barraques - La Vall d'Uixó 

    Crónica dunha viaxe / 15 La Vall d'Uixó - Sagunto  

    Crónica dunha viaxe / 16 Sagunto - Valencia 

    Crónica dunha viaxe / e 17, rematando

Ningún comentario: