Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta crónica dunha viaxe. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes
Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta crónica dunha viaxe. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes

20221111

Crónica dunha viaxe / 16 Sagunto - Valencia

Crónica dunha viaxe / 16 Sagunto - Valencia

    A viaxe chega á súa fin. Esta etapa duns 44 km con 130 m de desnivel salvado foi relativamente longa en tempo, dúas horas e cuarto sobre a bici ás que houbo que sumar diferentes paradas para orientación nunha rede densa de camiños, rúas e estradas que no gps sumaban tamén ramblas como camiños ou camiños totalmente de pedra e visiblemente impracticables, sen uso dende hai tempo. A máis, unha visita en Beteta que me permitiu tamén un baño en piscina con traxe de baño prestado nun día con algo de calor e auga non tan quente despois da noite.

    Como a meta estaba próxima, e mesmo as últimas etapas tíñaas cambiado para alongar máis a viaxe, tampouco me preocupei moito da preparación da etapa, desoíndo as indicacións que me deran de que preto das grandes vilas non é doado seguir as indicacións que os medios dixitais tentan dar, porque teñen moitos erros e desespérase un. E, tal dito, tal feito, sen a parte de desesperación, que foi trocada pola curiosidade da visita a campos de laranxeiras, pobos ou urbanizacións e polígonos en terra estraña de camiño na procura do achegamento a destino. Ben, desesperación, non, pero algunha vez, algo de frustración por ter que refacer algún desnivel baixado, si.

    Era un día do que se soe chamar bo tempo, aínda que xa sen tanta influencia nas pernas bicores. E, aínda que procurando vías secundarias ou terciarias, sempre a atención ó tráfico estaba presente por necesidade.

    Á saída tiven un momento de comezar a rememorar etapas anteriores, pero a distracción e a concentración paralelas, coa mirada curiosa sobre o entorno e atenta ó inmediato case de xeito instantáneo me remitiron ó carpe diem.

    E, despois do descanso e compañía en Beteta, a conciencia de que os desniveis positivos a continuación eran nulos deron cun autochequeo que me certificou mentalmente o bo estado no que me atopaba, sen un cansazo acumulado dende a chegada a Teruel. E é que, descansado, desfrútase máis: é algo que se sente.

    Pode que sexa a etapa na que menos fotos tomei, dando por rematado o periplo cunha diante do portal de destino e un apunte dunha estación de metro de Valencia, ó que baixei despois de asearme e cambiarme

Vista dunha estación de metro de Valencia.
    Da curta etapa só deixo unha foto, onde, dende unha das moitas pontes que tiven que pasar aprécianse varios dos elementos fundamentais da viaxe do día -en realidade, da mañá-: Laranxeiras e polígono industrial, chaira cos montes ó fondo, e infraestruturas humanas tecendo a paisaxe.
Agricultura e industria.
     Valencia, á miña vista, non cabe nesta crónica, pois non só foi o día da chegada, senón uns cantos máis, nin a contemplación en solitario coa compañía da bicicleta, senón aumentada co desfrute de familia e sen as preocupacións propias da viaxe.
    Así, este foi o remate da viaxe física en si. Mais non na miña cabeza, que foi tecendo as lembranzas nun resume, nunha recompilación que aínda non rematou.

    Crónica dunha viaxe

    Crónica dunha viaxe / 0 Atravesando a península 

    Crónica dunha viaxe / 01 Ribadeo - O Cádavo

    Crónica dunha viaxe / 02 O Cádavo - Ponferrada    

    Crónica dunha viaxe / 03 Ponferrada - Astorga

    Crónica dunha viaxe / 04 Astorga - León

    Crónica dunha viaxe / 05 León - Villarmentero 

    Crónica dunha viaxe / 06 Villarmentero - Burgos

    Crónica dunha Viaxe / 07 Burgos - Santo Domingo de Silos 

    Crónica dunha viaxe / 08 Santo Domingo de Silos - Soria

    Crónica dunha viaxe / 09 Soria - Calatayud    

    Crónica dunha viaxe / 10 Calatayud - Calamocha 

    Crónica dunha viaxe / 11 Calamocha - Teruel  

    Crónica dunha viaxe / 12 Teruel - Teruel

    Crónica dunha viaxe / 13 Teruel - Barraques  

    Crónica dunha viaxe / 14 Barraques - La Vall d'Uixó 

    Crónica dunha viaxe / 15 La Vall d'Uixó - Sagunto  

    Crónica dunha viaxe / 16 Sagunto - Valencia 

    Crónica dunha viaxe / e 17, rematando

20221026

Crónica dunha viaxe / 01 Ribadeo - O Cádavo

Crónica dunha viaxe /01 Ribadeo - O Cádavo

     Unha viaxe pódese comezar a calquera hora, pero como máis se aproveita o día é saíndo cos primeiros raios de luz. E iso fixen, poñerme en marcha por Ove camiño de Porto e en Santiso de Abres, coller un pequeno tramo da ruta de ferrocarril, salvando a costa de Santiso polo túnel, o mesmo que os últimos quilómetros antes de A Pontenova, evitando o tráfico da estrada nacional. Unha ruta tranquila á beira da auga, primeiro da ría de Ribadeo, logo do Eo, nunha mañá fresca. Os tractores dos Irmandiños transportan millo preto de Ribadeo nunha expresión de vida que continúa, e, na vía verde, un esquío pasa por diante e pérdese de vista despois de subir por unha árbore. Antes, e despois, os paxaros déixanse oír cos seus trinos.

Saíndo de mañá a carón da ría.

    A Pontenova, afeito a outras viaxes, significa descanso, un café e algo de lectura ou debuxo na praza dos Fornos. Desta, foi o apunte da vella estación, hoxe oficina de turismo e extremo da ruta do ferrocarril, mentres escoito a un grupo de veciños falar do humano e do divino, queixa tras queixa na terraza: os tempos son convulsos. Apunto tamén: cousa de 1/30 da viaxe, feito!

Antiga estación de Vilaoudriz
    A chuvia caída no tramo, non moita nin pouca, pero que me ifxo tomar a precaución de protexerme, facía presaxiar unha viaxe pasada por auga, o que se confirmou nesta etapa no tramo entre Meira e O Cádavo.

    Terreo coñecido todo, e unha mellora temporal nas condicións meteorolóxicas, xunto coa determinación de levar algún tipo de diario de viaxe ó tempo que ir remarcando concas hidrográficas polas que pasaba, fixeron que me desviara da ruta máis curta. Dende o alto do Marco de Álvare, primeiro fito de altura no camiño marcado (575 m sobre nivel do mar), puxen cara ó Pedregal de Irimia, nacemento do Miño, cambiando a caída de augas ó Cantábrico pola do Atlántico. Por estradas marxinais que controlaba menos do que pensaba, e que me levaron ó primeiro despiste do camiño. Amañei con varios quilómetros e unha centea de metros de desnivel máis, e o Pedregal estivo fronte a min e mesmo tiven ocasión de dar explicacións a un par de familias valencianas que me preguntaron sobre o Pedregal, confusos con Fonmiñá.

    Baixar a Meira foi costa abaixo, e alí antes de comer tiven tempo de trazar unhas liñas da igrexa parroquial, antigo templo do mosteiro medieval. E tempo tamén para unha espera infrutuosa da apertura da oficina de turismo como estaba marcado. A cambio, un veciño dime que a igrexa ten pinturas do XV e do XVI.

Igrexa do antigo mosteiro cisterciense de Santa María, Meira
    Meira está animado este domingo (os días da semana inflúen na percepción do lugar, non só as horas ou a luz), os bares teñen poucos lugares libres. Cando o Sol desaparece detrás das nubes que pasan, quédome frío trazando as liñas co templo. Comida, e a seguir cara o Cádavo, non sen antes aproveitar o paso por Fonteo, xa despois do cambio de conca: do Eo ó Miño no Marco, e de novo ó Eo en Milleirós (alto de Sabugueiro, 637 msn), para chegar pouco despois á fonte. Alí, un pequeno descanso, outro apunte e continuación ata O Cádavo, fin de etapa e outra divisoria de augas (722 msnm no concello).

    De Meira ó Cádavo, chuvia boa parte do recorrido, aínda que tampouco moita. Recorrido que se fixo curto por esas terras altas de Galicia, cabeceira de ríos e lugar de paseo tranquilo mesmo pola estrada con poucos coches.

O nacemento do Eo. O sello do concello, á mañá do día seguinte.

    O pequeno descanso de Fonteo, relax dun lugar que como os nacementos, é máxico: a auga aparece e déixase ir cara o Cantábrico sen saber cal vai ser o seu fin, despois de pasar peripecias diversas entre canóns ou mantida queda por encoros. 

    E, despois duns 84 km e 1200 m de desnivel acumulado, 5 horas sobre a bici, O Cádavo. Un lugar pequeno para descansar, turístico para desfrutar da natureza, e sobre todo, con pequenas cousas que ó mellor non se descobren ó primeiro nin ó segundo paseo...

    Primeira etapa, lista. E pode que pola motivación, ou a contención polo que falta aínda, resultou máis suave que outras veces.

    Crónica dunha viaxe

    Crónica dunha viaxe / 0 Atravesando a península 

    Crónica dunha viaxe / 01 Ribadeo - O Cádavo

    Crónica dunha viaxe / 02 O Cádavo - Ponferrada    

    Crónica dunha viaxe / 03 Ponferrada - Astorga

    Crónica dunha viaxe / 04 Astorga - León

    Crónica dunha viaxe / 05 León - Villarmentero 

    Crónica dunha viaxe / 06 Villarmentero - Burgos

    Crónica dunha Viaxe / 07 Burgos - Santo Domingo de Silos 

    Crónica dunha viaxe / 08 Santo Domingo de Silos - Soria

    Crónica dunha viaxe / 09 Soria - Calatayud    

    Crónica dunha viaxe / 10 Calatayud - Calamocha 

    Crónica dunha viaxe / 11 Calamocha - Teruel  

    Crónica dunha viaxe / 12 Teruel - Teruel

    Crónica dunha viaxe / 13 Teruel - Barraques  

    Crónica dunha viaxe / 14 Barraques - La Vall d'Uixó 

    Crónica dunha viaxe / 15 La Vall d'Uixó - Sagunto  

    Crónica dunha viaxe / 16 Sagunto - Valencia 

    Crónica dunha viaxe / e 17, rematando

20221030

Crónica dunha viaxe / 04 Astorga - León

Crónica dunha viaxe / 04 Astorga - León

    A cuarta etapa estaba prevista, e foi, unha etapa de transición. Ó chegar ó día anterior a Astorga e levar a bicicleta ó taller, xa descontaba o non arrincar a primeira hora, e mesmo aínda comezando a pedalear despois de comer, chegar a destino en León. A etapa era curta e chá, deseñada para o descanso despois das tres duras etapas iniciais.

    Non fixo falta esperar a despois de comer, e tras de levantarme xa en hora de rutina, deume tempo a tomar algo e rematar o apunte do concello de Astorga. Iso si, non fun selar o diario ó concello, pois o horario de apertura ó público era tardío. E máis, para un concello da categoría de Astorga.

    Ver afastarse a vila, subir ó páramo e atoparse cunha chaira extensa exerce un cambio de mentalidade sobre o ciclista, afeito ás subebaixa das terras galegas. Máis aínda se xa o Camiño de Santiago está consolidado á beira da estrada e invita a ir por el. Está claro que para as bicicletas, o piso do camiño é moi variable, e o fai ás veces desaconsellable. Pero vindo de longas etapas case sen deixar a estrada, a invitación síntese con máis forza, a pesar das alforxas que pesan sobre a roda de atrás e fan temer polo estado do medio de transporte no salto continuo dos camiños. Rematada de amañar, e aínda co aviso de 'a ver se resiste ata Valencia', sigo a invitación do Camiño en case toda a etapa, atopándome á contra á xente que quere chegar a Santiago, unha morea. A maioría a pé, pero tamén en bicicleta, mesmo en grupos abondo numerosos (iso si, eles por estrada). Saudar sempre é unha opción, pero xa ó pouco de saír de Astorga pregunteime de novo cando debera de deixar de facelo. O resultado na práctica foi ó abandonar o Camiño de Santiago chamado Francés, máis de douscentos quilómetros máis adiante, a partir de Burgos.

    Os nomes dos pobos polos que fun pasando nesta etapa xa os tiña asociados ó camiño. Hospital de Órbigo, ás beiras do Órbigo, un afluente directo do Douro, lembroume o paso por alí mesmo, tamén en bicicleta pero en sentido contrario, antes da pandemia. Daquela estaban en festa con sabor medieval. Agora, o campo da festa, á beira do río e da longa ponte de pedra, onde se celebran os encontros medievais, estaba baleiro. O pobo tiña pouco movemento, pero ó pasar por diante, o concello estaba aberto e puxéronme un selo:

Selo do concello de Hospital de Órbigo.

    O apunte debuxado do lugar quedou sen facer: saín non moi tarde, pero si abondo máis do que o tería feito sen ter que recoller a bicicleta, e fíxenme a idea de chegar a León antes de comer. E así, a ponte de Hospital e os regadíos da zona quedaron atrás.

    Outro lugar que lembraba da viaxe no outro sentido era a igrexa de Villadangos. E aí si parei, e, na beira da rúa, apoiado nunha parede, tomei o apunte correspondente.

Campanario da igrexa de Villadangos del Páramo.
    No concello de Villadangos puxéronme o selo do albergue. Pareceulles máis adecuado para alguén que ía en bicicleta e eu non especifiquei máis, nin tampouco que ía en sentido contrario.
    Despois da suave etapa, con algunha pequena desviación, a chegada a León non supuxo ningún atranco e a tarde foi de compras (material deportivo nunha tenda a certa distancia de onde me atopaba) e paseo, todo a pé. Pareceume boa idea poñerme a reflectir a Casa Botines cun xeado na outra man, pero o apostarse a poucos metros un vendedor de cupóns con música machacona ó pouco de poñerme ó traballo e a miña lentitude, máis cun xeado a tomar, rematou por facer que quedara a medias. Queda para outra.
Casa Botines. León.
    Só 53 km, cun desnivel de pouco máis de 200 m, recorridos en pouco máis de dúas horas e media. O dito, unha etapa de relax.
    Crónica dunha viaxe

    Crónica dunha viaxe / 0 Atravesando a península 

    Crónica dunha viaxe / 01 Ribadeo - O Cádavo

    Crónica dunha viaxe / 02 O Cádavo - Ponferrada    

    Crónica dunha viaxe / 03 Ponferrada - Astorga

    Crónica dunha viaxe / 04 Astorga - León

    Crónica dunha viaxe / 05 León - Villarmentero 

    Crónica dunha viaxe / 06 Villarmentero - Burgos

    Crónica dunha Viaxe / 07 Burgos - Santo Domingo de Silos 

    Crónica dunha viaxe / 08 Santo Domingo de Silos - Soria

    Crónica dunha viaxe / 09 Soria - Calatayud    

    Crónica dunha viaxe / 10 Calatayud - Calamocha 

    Crónica dunha viaxe / 11 Calamocha - Teruel  

    Crónica dunha viaxe / 12 Teruel - Teruel

    Crónica dunha viaxe / 13 Teruel - Barraques  

    Crónica dunha viaxe / 14 Barraques - La Vall d'Uixó 

    Crónica dunha viaxe / 15 La Vall d'Uixó - Sagunto  

    Crónica dunha viaxe / 16 Sagunto - Valencia 

    Crónica dunha viaxe / e 17, rematando

 

20221027

Crónica dunha viaxe / 02 O Cádavo - Ponferrada

 Crónica dunha viaxe / 02 O Cádavo - Ponferrada

     Levantarse a mañá do segundo día, segunda etapa, dá un pouco de pereza. O punto final (que non meta, non se trata dunha competición) queda aínda moi lonxe, e o corpo aínda non está recuperado do cansazo do primeiro día nin colleu a rutina diaria.

    A partir de agora, territorio novo para a bicicleta. Polo deseño de programa previsto, vai pasada a primeira dificultade montañosa, pero será este día o que pase a segunda, nunha etapa longa para acortar a próxima, máis complicada por ter que subir a Cruz de Ferro dende o Bierzo. 

    Saír do Cádavo cara ó sur, costa abaixo, significa un novo cambio de cunca, de novo á do Miño polo seu afluente Neira. Será o primeiro de varios cambios semellantes en canto ó escorrer da auga, que non en canto ó esforzo necesario para pasalos. Despois, polo Cereixal (760 msnm) paso á cunca do Navia, primeiro vía Cruzul e logo, directamente, de novo escorrendo as augas cara ó Cantábrico. Chegado ó Pedrafita (1108 msnm), unha nova conca, a do Sil, vía o río Valcarce, con augas que rematarán no Miño e logo no Atlántico por Camposancos.

    Ó pouco do Cádavo, un recorrido pola sinalada como Via XIX Romana, e chegada á capela de Todón, xa rematada a costa abaixo. Tras superar un pequeno alto, Becerreá pásase rápido pola axuda da gravitación, e chégase ó paso sobre o río Cruzul, podendo observar tres pontes, do modesto vello da N-VI, ó novo, polo que pasei, e ó da A 6, aínda máis alto e impoñente. 

    A chegada ás Nogais despois doutra pequena subida e o paso do primeiro túnel de estrada nacional, anuncia a subida do día, o Pedrafita. Pasar un túnel en curva nunha estrada nacional en bicicleta por primeira vez dá un pouco de medo, pero o tráfico era escaso.

Torre de Doncos, dende o mirador, e igrexa de Pedrafita do Cebreiro.

    Ó pouco de comezar a subir cara a Pedrafita, unha parada no mirador da torre de Doncos é gratificante. Tanto, como desoladora un pouco máis arriba a entrada que conduce a Doncos por baixo da autovía dende a N-VI. Unha poboación illada nun lugar xa abondo illado de por si.

Entrada a Doncos dende a N-VI.
    A subida a Pedrafita, de temida, faise máis curta do esperado. No medio, algunha parada máis, para quedar coa imaxe dalgunha vista, algunha ponte, ou as xuntas de dilatación sobre as que vou pasando, cun sistema que agora coido que xa non se usa. E en pedrafita, un cafetiño e un apunte da igrexa. Pequena, pero como apuntou un parroquiano, 'somos poucos, chega'.
    Caída a ponte da A 6, a autovía cortada, desviación de tráfico pola N VI, perigo, pero ningún aviso especial. A baixada duns tres quilómetros lévame sen previo aviso á autovía. Volvo atrás uns metros, crendo que me equivocara e que podería pasar pola estrada, pero non. Cabe o volver cara a Pedrafita, subindo, pero logo, que? Como baixaba? Calculando a distancia ata que poida saír da autovía, uns nove quilómetros que me van levar menos de un cuarto de hora, sigo costa abaixo rápido e sen incidentes, exceptuando dous turismos (casualidade que os dous fosen de gama alta?) que pitaron ó paso.
    Unha vez en Vega de Valcarce, o carril do Camiño reláxame ata chegar a Vilafranca do Bierzo. É hora de comer, e aproveito tamén unha fenda de vista para tomar un apunte.

San Nicolás, dende a praza Maior de Vilafranca do Bierzo.
    Pola tarde, xa suave de perfil (o que facilitou unha boa velocidade) e parte por estradas secundarias ou camiños, chego ó destino do día, no lugar de Santa Martina, Ponferrada. No tramo recorrido, algo que non observara indo pola estrada: o sistema de canles de rego nesta zona berciana.
    Aproveitando o apoio, unha volta pola vila ponferradina ven ben despois dunha etapa duns 94 km cun desnivel duns 930 m, pasados tras cinco horas en bicicleta.
Entrada á fortaleza templaria, Ponferrada

    Crónica dunha viaxe

    Crónica dunha viaxe / 0 Atravesando a península 

    Crónica dunha viaxe / 01 Ribadeo - O Cádavo

    Crónica dunha viaxe / 02 O Cádavo - Ponferrada    

    Crónica dunha viaxe / 03 Ponferrada - Astorga

    Crónica dunha viaxe / 04 Astorga - León

    Crónica dunha viaxe / 05 León - Villarmentero 

    Crónica dunha viaxe / 06 Villarmentero - Burgos

    Crónica dunha Viaxe / 07 Burgos - Santo Domingo de Silos 

    Crónica dunha viaxe / 08 Santo Domingo de Silos - Soria

    Crónica dunha viaxe / 09 Soria - Calatayud    

    Crónica dunha viaxe / 10 Calatayud - Calamocha 

    Crónica dunha viaxe / 11 Calamocha - Teruel  

    Crónica dunha viaxe / 12 Teruel - Teruel

    Crónica dunha viaxe / 13 Teruel - Barraques  

    Crónica dunha viaxe / 14 Barraques - La Vall d'Uixó 

    Crónica dunha viaxe / 15 La Vall d'Uixó - Sagunto  

    Crónica dunha viaxe / 16 Sagunto - Valencia 

    Crónica dunha viaxe / e 17, rematando

20221107

Crónica dunha viaxe / 12 Teruel - Teruel

 Crónica dunha viaxe / 12 Teruel - Teruel

     Referir un día de descanso, nunha crónica coma esta, non parece ter moito sentido. Non parece, mais teno.

    Non coñecía Teruel e dispoñía de máis dun día (xa direi onde metín o resto). E aproveiteino. O non ter despertador pola mañá non me fixo espertar máis tarde, pois seguía coa rutina de durmir abondo e a mecánica dos días anteriores. De calquera xeito, foi algo que me sorprendeu de xeito grato, como primeiro indicador fiable de que xa me afixera ó ritmo, e que o día, máis que por descanso, era así por gusto.

    A biblioteca de Teruel, as torres mudéjares, o acueduto, o paseo polas rúas, o sistema de antigos alxibes, o barranco cara ó Turia ou o paso pola praza central do Torico foron algunhas das lembranzas que podo aportar, a máis de coñecer a vidiña da vila, os anhelos truncados de ser a sede da Axencia Espacial Española, ou a inesperada dedicación ó grupo musical U2 dun pub enteiro.

    Si, é certo, a bicicleta pasou o día gardada, pois non a collín nin cando me propuxen visitar un miradoiro a unha certa distancia de onde residía...

    Primeiro, os tres lugares que me apeteceu debuxar:

    Correspondendo coa etapa de onte, ó chegar a Teruel aínda collín abertos os alxibes, instalacións subterráneas para a recollida de auga que amosan un pouco da historia da cidade. O alxibe somero e o alxibe fondón, hoxe sen auga o primeiro e só cun residuo o segundo, amosan ás claras o seu antigo contido nos muros e teito.

Alxibes de Teruel. O selo, posto na oficina de Turismo.
    As outras dúas imaxes xa son deste día, unha beira do alto da escaleira rechiscante construída como adorno turolense. Ten un paso por baixo polo que os estudantes do IES Vega del Turia transitan a diario para coller o ascensor que os leve á praciña superior á escaleira, e de aí, ó centro urbano. A escalinata do Óvalo, un lugar agradable para pasar o tempo.

Beira da Escalinata do Óvalo e selo do IES Valle del Turia. Teruel.

    No remate do día, un lugar que me foi recomendado en Teruel, pub adicado a U2.

    Deixo tamén algunha foto: non se pode debuxar todo nin por tempo, nin por ganas!

    A primeira, a torre mudéxar de San Martín, emprazada na antiga muralla. Quizais non é a máis famosa, sobrepasada pola do Salvador, máis comercializada, pero é a que escollín.

Torre de San Martín.
    A torre da Catedral ten un estilo semellante, e quizais é o que máis chama a atención non só da propia catedral, senón dunha praza alongada ou rúa ancheada que noutro tramo tamén acolle ó concello e pode dicirse remata nun museo provincial. Por certo, cun edificio con terraza que permite ver os tellados da vila.
Torre da catedral.
    A biblioteca non podía faltar, tanto para descansar como para ver o fondo propio adicado á vila, un xeito de aproximarse á cidade e sobre todo, á cidadanía e a súa consideración polo entorno no que vive.
Interior da biblioteca.
    O acueduto, transitable polo interior das súas columnas servindo de ponte, é a outra cara dos alxibes.
Acueduto.
    No diario teño apuntado "Mañá de relax por Teruel. Visita ó ensanche, miradoiro e parque do bico, paso da ponte vella, baixada das escaleiras, e debaixo, á beira, entrada no IES Valle del Turia. Visita a unha expo sobre Teruel na Pza. San Juan, rueiro e visita ó Museo Provincial e á vista desde o seu alto cara á catedral. Tres 'flautas' e zume na Pza. do Torico, nova visita á biblioteca, onde vexo actividades (xa está completa a que máis me interesa, visita á torre da catedral guiada por arquitectos), comer ... ", Ou sexa, unha visita de turista descansado, con tempo. un día diferente na viaxe nunha vila capital unha provincia que si existe, como di o lema. E non só iso. Coincidimos e voltamos a tomar algo Pedro do Barqueiro  máis eu, e charlamos de nós, e das nosas viaxes, compartindo experiencias.

    Crónica dunha viaxe

    Crónica dunha viaxe / 0 Atravesando a península 

    Crónica dunha viaxe / 01 Ribadeo - O Cádavo

    Crónica dunha viaxe / 02 O Cádavo - Ponferrada    

    Crónica dunha viaxe / 03 Ponferrada - Astorga

    Crónica dunha viaxe / 04 Astorga - León

    Crónica dunha viaxe / 05 León - Villarmentero 

    Crónica dunha viaxe / 06 Villarmentero - Burgos

    Crónica dunha Viaxe / 07 Burgos - Santo Domingo de Silos 

    Crónica dunha viaxe / 08 Santo Domingo de Silos - Soria

    Crónica dunha viaxe / 09 Soria - Calatayud    

    Crónica dunha viaxe / 10 Calatayud - Calamocha 

    Crónica dunha viaxe / 11 Calamocha - Teruel  

    Crónica dunha viaxe / 12 Teruel - Teruel

    Crónica dunha viaxe / 13 Teruel - Barraques  

    Crónica dunha viaxe / 14 Barraques - La Vall d'Uixó 

    Crónica dunha viaxe / 15 La Vall d'Uixó - Sagunto  

    Crónica dunha viaxe / 16 Sagunto - Valencia 

    Crónica dunha viaxe / e 17, rematando

20221029

Crónica dunha viaxe / 03 Ponferrada - Astorga

 Crónica dunha viaxe / 03 Ponferrada - Astorga

     O terceiro día amence calmo e canso. A rutina de viaxe xa se vai establecendo: máis horas de sono das acostumadas, automatización da rutina de preparación, mentalización de etapa. Neste caso, sendo consciente de que os primeiros quilómetros son suaves, pero logo de Molinaseca, 14 km de subida para salvar máis de 900 m de desnivel. E tendo en conta que os últimos non son moi inclinados, o que implica que polo medio hai subidas moi fortes. Por iso mesmo o deseño da etapa é máis curto que as anteriores, rematando cuns 61 km despois dun desnivel acumulado de 1200 m en algo máis de 4 horas e media.

    Ata Molinaseca, entón, tranquilidade. Alí, cun cafetiño á beira do río Meruelo, mentalización para a costa que ven.

Ponte de Molinaseca sobre o río Meruelo e campanario da igrexa de Riego de Ambrós.
    A media subida en distancia, que non en desnivel, Riego de Ambrós ofrece a oportunidade dun descanso despois de tomar un apunte dun campanario accesible e dende onde se pode observar unha vista do comezo do val do Bierzo.
    Pouco antes de El Acebo de San Miguel adiántame un ciclista. Para, adiántolle... no alto do Acebo son tres ciclistas os que me adiantaron e pararon: van xuntos, e nunha pequena charla din que retornan de Santiago de novo en bicicleta ós seus lugares de orixe. Un, Gales, quen me puxo unha adicatoria en galés no diario e sorriu ó indicarlle que eu era galego. Aproveito a súa testemuña como respaldo do meu paso polo alto.

Na Cruz de Ferro, con tres ciclistas de retorno de Santiago.
    A Cruz de Ferro (1500 msnm) marcou un lugar para descansar, e comer, sabendo que quedaba outro tanto de camiño na etapa, pero costa abaixo. Alí, a capela á que contribuiu o Centro galego de Ponferrada non deixa de aportar cousas curiosas, se ben un recorrido polo montículo da cruz, repleto de lembranzas de peregrinos, ofrece unha visión diferente, ó tempo de esperanza polo que significaron esas lembranzas para cada persoa que as deixou alí e desacougante por ser unha decoración con impacto realizada de xeito gratuíto por unha morea de persoas que evidentemente, non son conscientes das implicacións da súa acción. Pode ter unha conciencia tal unha persoa que ven de Barcelona e deposita alí a súa pedra collida preto da casa e pintada para a ocasión? Ese pequeno alto á beira da estrada, por outra banda, non deixa de ser unha especie de museo, por indesexable que se considere... 
    Poucos quilómetros máis adiante, Foncebadón ofrece outro lugar para un pequeno descanso, ou un café, antes da parte final da etapa. A 'Taberna de Gaia' é un lugar que se pretende diferente (a máis de algo parecido a enxebre), aproveitando o paso de xente que tamén se pretende diferente.
    A Baixada a Astorga incrementa os ruídos na bicicleta, de xeito que o primeiro que fago despois de coller a habitación é procurar un taller, pois non sei se pode aguantar nin unha etapa máis, máxime se comezo a ir por camiños, no tramo ata Burgos que coincido co Camiño de Santiago. Polo momento, podía terme metido nesta parte final por camiños, pero decido que, tanto pola bicicleta como polo cansazo da subida, é mellor ir 'ao seguro' pola estrada secundaria entre Ponferrada e Astorga, a LE 142. Unha vez procurado o taller, deixo alí a bici ás sete da tarde, coa promesa de que á apertura do día seguinte, as nove e media da mañá, tería a bici lista, como así foi: 15 euros por cambiar as bolas oxidadas dos rodamentos da roda de atrás.
    O visitar o centro de Astorga polo tema da bicicleta levoume a dar un paseo por una cidade que xa coñecía, pero que puiden observar con outros ollos. Aquí quedan dous apuntes desa visión.
Vista do Pazo de Gaudí mentres esperaba pola cea.

Concello de Astorga e sello do amañabicis da mañá da seguinte etapa.
    Por certo, na Cruz de Ferro, novo cambio de Conca: as augas agora van a afluentes do Douro, como o Turienzo, o primeiro de certa entidade, e de de alí, entrando por Portugal, tamén ó Atlántico pasando por O Porto.
     
    Crónica dunha viaxe

    Crónica dunha viaxe / 0 Atravesando a península 

    Crónica dunha viaxe / 01 Ribadeo - O Cádavo

    Crónica dunha viaxe / 02 O Cádavo - Ponferrada    

    Crónica dunha viaxe / 03 Ponferrada - Astorga

    Crónica dunha viaxe / 04 Astorga - León

    Crónica dunha viaxe / 05 León - Villarmentero 

    Crónica dunha viaxe / 06 Villarmentero - Burgos

    Crónica dunha Viaxe / 07 Burgos - Santo Domingo de Silos 

    Crónica dunha viaxe / 08 Santo Domingo de Silos - Soria

    Crónica dunha viaxe / 09 Soria - Calatayud    

    Crónica dunha viaxe / 10 Calatayud - Calamocha 

    Crónica dunha viaxe / 11 Calamocha - Teruel  

    Crónica dunha viaxe / 12 Teruel - Teruel

    Crónica dunha viaxe / 13 Teruel - Barraques  

    Crónica dunha viaxe / 14 Barraques - La Vall d'Uixó 

    Crónica dunha viaxe / 15 La Vall d'Uixó - Sagunto  

    Crónica dunha viaxe / 16 Sagunto - Valencia 

    Crónica dunha viaxe / e 17, rematando

 

20221112

Crónica dunha viaxe / e 17, rematando

Crónica dunha viaxe / e 17, rematando

    A viaxe finalizada, non o está na cabeza, á que acoden lembranzas, sentimentos, posibilidades e moitas cousas máis.

    Indo aínda por terras de Castela, ocorréuseme que ó tempo que unha viaxe para coñecer terras e persoas, ou para sentir a natureza e o corpo, tamén era unha viaxe didáctica, de aprendizaxe. E comecei a tomar apuntes pensando nesa tarefa, para tentar que a outra xente lle puidera servir, a máis da visualización de algo parello a un libro de viaxes -ou sexa, o que levo esbozado-. E iso 'novo' dará de si -espero- outra serie de apuntes que teñen outro destino diferente ós presentes, e que aínda terán que madurecer para servir á súa finalidade.

    Está clara a evolución de sentimentos en relación á viaxe a medida que pasou o tempo, ou as xentes, a paisaxe, dende a saída da casa o 25 de setembro ás oito da mañá lixeiramente pasadas ata a chegada ó portal de Valencia o 10 de outubro ó fío da unha e media do mediodía. Está clara, pero non é linear, é demasiado complexa para que nuns cantos capítulos pequenos caiba enteira.

    Dito en números, sexan 1100 km ou 4 comunidades autónomas, unha morea de concas fluviais ou 10 provincias, entre outras moitas posibilidades, pode dar unha imaxe moi fría de dúas semanas que lembro cun conxunto cálido de sentimentos que tentei plasmar, dende o esforzo para subir a Cruz de Ferro á percepción de orgullo nunha interlocutora ó comentarme que o nome do seu pequeno e cada vez máis despoboado pobo aparecía nunha rotonda en Sagunto onde se daba fe das diferentes etapas dun camiño que conducía cara Santiago. Por certo, glorieta que me fixen intención de ver, pero que, sen telo apuntado no momento, lembrei cando xa era tarde, tendo aínda agora nas tebras da memoria mesmo o nome do pobo que tería que procurar nela ou a situación exacta a procurar en Sagunto. E, se detalles coma eses se perden na memoria, ó xuntarlle as perdas no paso da lembranza ó escrito, resulta un límite só superable mediante a fábula e a imaxinación. Ambas me gustan, pero non quixera aplicalas como tal de xeito consciente nestas letras, que polo contrario, tentan axustarse á realidade sentida.

    Un dos sentimentos foi o asentamento da fortaleza saudable, apoiado despois das primeiras e duras etapas polas máis suaves posteriores. Mesmo os pequenos tropezos, como o rachar dos labios pola labor do aire, ou o proído do tostado das pernas, sentinos así, pequenos inconvenientes que xa se irían solucionando, dentro dun benestar corporal no que tiveron cabida de xeito consciente diversos esforzos. Hai que ter en conta que unha das bases dese benestar sentido é precisamente a superación dos esforzos requiridos, que naturalmente tentei pautar como superables, ó meu alcance.

    En conxunto co anterior, o desfrute das etapas foi aumentando, ó ter un maior control da situación pola experiencia e unha maior veciñanza do destino. Visto en retrospectiva, noto que a duración e dureza de cada tramo, e o tempo empregado, non se ve reflectido de nunha influencia sobre o número de bosquexos ou de fotos tomadas. Máis ben é o tempo pasado, ou se se quere, o tempo previsto para chegar ó destino final, o que marcou o ritmo, psicolóxico, de apuntes sobre o camiño, en certo xeito balanceando entre a apropiación do entorno mediante fotos e debuxos e o desfrute directo del.

    As paisaxes variadas e a temperie, tiveron a súa influencia nese desfrute e no estado de ánimo. Máis difícil é de cualificar o resultado do contacto con outra xente, en marcha coma min ou xente da terra, nunha viaxe pensada para ir en solitario, decisión da que non me arrepinto. Por suposto, en cantidade de xente atopada, o tramo entre a entrada no Bierzo e Burgos sobrepasou con moito á cruzada antes ou despois, aínda que de Caudiel ata abandonar as vías verdes tamén estaba ateigado; neste caso, só de ciclistas. Iso facilitou o contacto con outra xente en ruta neso tramo Vilafranca - Burgos, mais foi despois cando tiven máis relación coa xente dos pobos, e coas dúas persoas coas que pasei máis tempo na viaxe, Antonio de Teruel e sobre todo, Pedro do Barqueiro, con quen sigo en contacto. Asemade, o cambio de mentalidade dunhas a outras persoas, da xente dos pobos á xente en camiño non deixa de ser curiosa, tanto pola evolución segundo o avance do camiño como polo cambio de lugar a lugar. Pouco ten que ver a mentalidade e carácter dos tres estranxeiros ciclistas de retorno cos que coincidín ó longo da subida á Cruz de Ferro coa do español e do estranxeiro camiño a Santiago no descanso mentres tomaba o apunte da igrexa de Bercianos. E pouco tamén a do rexedor do bar en Castrojeriz, 'castelán vello', coa do tamén rexedor de bar en Almenar, aparentemente afincado alí de primeira xeración dende o norte de África. Por contra, comparar a Julia, a camiñante australiana que me atopei en Hornillos, coa recepcionista de Teruel, novas as dúas e aparentemente de idade semellante, poidera ser máis doado e ter máis semellanzas visibles que nos outros casos anteriores.

    A viaxe tamén se pode dividir na parte en marcha e na outra, en poboacións. Dúas compoñente moi diferentes a tódolos niveis, dende esforzo a tranquilidade, mais ter en conta unha separación tan clara como tal separación, sería como partir unha cadeira á metade, resultando outra cousa moi diferente. Ambas partes, ambas 'metades' compleméntanse e en conxunto fan a viaxe o que é, aínda que choque que o estar parado nun lugar poda contribuír á viaxe.

    En fin, quixera rematar, esa é a finalidade desta entrada. Mais aínda que o faga por escrito, será unha especie de peche en falso, de poñer unha marca ata certo punto arbitraria, nun relato que seguirei a lembrar e que sinto que non rematou aínda, tanto porque puidera ter continuidade noutra ou outras viaxes semellantes como porque entroncou co resto das miñas vivencias, é parte da miña vida, e aínda non está conclusa.

     Só unha cousa máis. Repetir que animo a quen poda estar a ler a facer algo polo estilo, na medida das súas posibilidades de todo tipo. Vamos, unha toleada que non o sexa tanto por estar programada e ser factible. Un saír do normal da vida levada para traer tamén vida, aínda que non faga falta.

Comezo e fin de viaxe?

    Crónica dunha viaxe

    Crónica dunha viaxe / 0 Atravesando a península 

    Crónica dunha viaxe / 01 Ribadeo - O Cádavo

    Crónica dunha viaxe / 02 O Cádavo - Ponferrada    

    Crónica dunha viaxe / 03 Ponferrada - Astorga

    Crónica dunha viaxe / 04 Astorga - León

    Crónica dunha viaxe / 05 León - Villarmentero 

    Crónica dunha viaxe / 06 Villarmentero - Burgos

    Crónica dunha Viaxe / 07 Burgos - Santo Domingo de Silos 

    Crónica dunha viaxe / 08 Santo Domingo de Silos - Soria

    Crónica dunha viaxe / 09 Soria - Calatayud    

    Crónica dunha viaxe / 10 Calatayud - Calamocha 

    Crónica dunha viaxe / 11 Calamocha - Teruel  

    Crónica dunha viaxe / 12 Teruel - Teruel

    Crónica dunha viaxe / 13 Teruel - Barraques  

    Crónica dunha viaxe / 14 Barraques - La Vall d'Uixó 

    Crónica dunha viaxe / 15 La Vall d'Uixó - Sagunto  

    Crónica dunha viaxe / 16 Sagunto - Valencia 

    Crónica dunha viaxe / e 17, rematando

20221103

Crónica dunha viaxe / 09 Soria - Calatayud

Crónica dunha viaxe / 09 Soria - Calatayud

    Etapa na que chega o profundo da España baleirada, como expresa o feito de que, ó saír de Soria, pensei en parar na estación de servicio que vin para inchar os pneumáticos, que non revisaba dende o comezo da viaxe. Parei e, falando coa gasolineira, apuntoume que fixera ben, que non hai outra gasolineira antes de Calatayud, cen quilómetros en números redondos, porque pechárase hai non moito unha a uns vinte quilómetros de Soria. Ó final, puiden comprobar que si había unha uns quilómetros antes de Calatayud... Lembro que a estrada é de categoría 'nacional', a N 234. Ese feito alertoume e fixo que, polo que poidera atopar, o camiño fora todo por estrada, sen determe moito ata estar preto de Calatayud. Un feito favorecido polo trazado moi pouco inclinado, plano, dende pouco despois do cruce do Douro ata a entrada en Aragón, e, de aí, baixada suave ata Calatayud. De feito, foi a única etapa, exceptuada a final, na que non fixen debuxo algún ata chegar a destino.

    Luns despois de festa, a vila de Soria parece con resaca. Xusto saíndo dela, o río cabeceira de toda a conca que levo recorrendo dende a Cruz de Ferro, o Douro.

O Douro en Soria.
    Nada máis atravesar o Douro, subir á meseta e afastarme un pouco do polígono industrial no que estaba a gasolineira, presentáronseme os versos de Antonio Machado como imaxe do camiño. Para entrar en ambiente, serven estes:

"Veréis llanuras bélicas y páramos de asceta

-no fué por estos campos el bíblico jardín-

son tierras para el águila, un trozo de planeta

por donde cruza errante la sombra de Caín."

    E o mesmo que as verbas evocan unha imaxe, a imaxe corresponde ás verbas:

Campos de Castilla. Fotos semellantes sucédense.
    Puiden comprobar, tentando coñecer os pobos sen determe e baixar da bicicleta, que a poboación enteira deles dende a saída de Soria ata preto de Calatayud ben se podería meter no comedido de tamaño auditorio de Ribadeo. E sobrarían prazas.
John testemuña que me veu en Almenar de Soria.
    En Almenar de Soria, o concello, cerrado, a farmacia, cerrada (ambos, atenden determinados días, o concello, só un á semana), o bar, sen selo, pero cun par de ingleses retirados por alí tomando algo. Era cedo, pero aproveitei para o café e acertei, pois despois, ata ben pasado o límite con Aragón non había onde tomalo para facer un descanso cun mínimo ambiente. E claro, tampouco onde comer, o que fun facer a só 15 km de Calatayud, en Cervera de la Cañada. Mesmo no pobo anterior, Villaroya de la Sierra, non había auga na fonte e a biblioteca non parecía ter movemento algún dende tempo atrás. Así, non é raro que o labio aberto polo aire seco tivera que esperar a Calatayud para comezar a ser atendido, mentres que as pernas 'bicor' (con cor segundo a zona estivera tapada polo calzón ou exposta a aire e Sol) seguiron a torrar a parte vista.

A biblioteca, con aspecto de levar tempo pechada.
    Nunha etapa así, mesmo parece que a bicicleta comeza a facer algún ruído, aínda que polo momento non sexa preocupante. En canto a min, a máis do labio, e o nariz e perna vermellos, o cu acusa as horas sobre a sela, pero nada importante.

    Ó final, 95 km salvando un desnivel duns 300 m, unhas cinco horas sobre a bicicleta.

    E pola trde, unha volta por Calatayud. Deu tempo para mercar algo para os labios, visitar unha biblioteca con vida arredor dun claustro / patio e usada por rapaces que non eran de oito apelidos aragoneses, e mesmo de cortar o cabelo nunha das prazas do pobo ou tomar un refresco nunha terraza ó atardecer. 'Se vas a Calatayud... pregunta pola biblioteca!' (a Dolores non creo que podas vela xa)

Fachada do edificio coa biblioteca de Calatayud.

    Unha etapa longa, e solitaria dentro dunha viaxe dun só viaxeiro. A chegada a Aragón pola provincia de Zaragoza abandonando Castela pola provincia de Soria, e despois de pasar o 'alto' da Bigornia (1100 msnm, e vindo de Castela, non parece tal, pola chaira - subida) foi unha pequena alegría tanto por marcar un fito como porque comezaba a costa abaixo despois da subida que case non era.

    Cambio de conca. Do Douro ó Ebro, do correr da auga ó Regato de Vega, afluente do Rituerto pola chaira soriana, á do Manubles, e logo, a 'outro' rego da Vega, que, este pola rambla Ribota, aflúen ó Jalón. E o aumento da seca, visible nos leitos sen auga, pero máis patente nas forzas da erosión.

Erosión á beira da estrada, entrando en Aragón.
    ... mesmo formando conxuntos curiosos, como o 'castelo' que, mirado a distancia, preguntei para asegurarme se era feito polo home ou pola natureza a uns gardas de tráfico nun control á beira da estrada. Resultou que tamén eran ciclistas e me aconsellaron sobre o tramo seguinte (como veremos, non debín entendelos moi ben)

Castelo construído pola erosión á altura de Torralba de Ribota.

     En resume, unha etapa descansada a pesar da lonxitude recorrida.

    Crónica dunha viaxe

    Crónica dunha viaxe / 0 Atravesando a península 

    Crónica dunha viaxe / 01 Ribadeo - O Cádavo

    Crónica dunha viaxe / 02 O Cádavo - Ponferrada    

    Crónica dunha viaxe / 03 Ponferrada - Astorga

    Crónica dunha viaxe / 04 Astorga - León

    Crónica dunha viaxe / 05 León - Villarmentero 

    Crónica dunha viaxe / 06 Villarmentero - Burgos

    Crónica dunha Viaxe / 07 Burgos - Santo Domingo de Silos 

    Crónica dunha viaxe / 08 Santo Domingo de Silos - Soria

    Crónica dunha viaxe / 09 Soria - Calatayud    

    Crónica dunha viaxe / 10 Calatayud - Calamocha 

    Crónica dunha viaxe / 11 Calamocha - Teruel  

    Crónica dunha viaxe / 12 Teruel - Teruel

    Crónica dunha viaxe / 13 Teruel - Barraques  

    Crónica dunha viaxe / 14 Barraques - La Vall d'Uixó 

    Crónica dunha viaxe / 15 La Vall d'Uixó - Sagunto  

    Crónica dunha viaxe / 16 Sagunto - Valencia 

    Crónica dunha viaxe / e 17, rematando