Amosando publicacións coa etiqueta Festas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Festas. Amosar todas as publicacións

20250219

Dous artigos sobre o antroido. Eli García-Bouso

    Deixo a continuación dous artigos de Eli García-Bouso publicados en La Comarca del Eo dos días 8 e 15 de febreiro de 2025:

    O A(E)NTROIDO

    POR ELI GARCÍA-BOUSO


    Puidemos ler neste semanario do 25 de xaneiro pasado e no do 1 de febreiro actual sendas informacións, entre outras, nas que se falaba da próxima celebración do Antroido. Perdón: do Entroido. O 25 de febreiro de 2023 publiquei, tamén na Comarca, un escrito-opinión no que defendía o uso da palabra “Antroido” en vez da de “Entroido”, que é a normativa, e que se ven utilizando na nosa vila desde fai varios anos. Os devanditos escritos demostranme que o meu caéu en saco roto, pero lembrando aquel dito de “el que la sigue la consigue”, decidinme a insistir neste asunto e volver a dar a luz o mesmo artigo publicado naquela data de fai case 2 anos e que levaba o mesmo título que o que encabeza estas liñas. Iso si, prego que si alguén ten argumentos que superen ós meus para defender o uso de “Entroido”, por favor, que mo faga saber a través deste mesmo semanario ou, se o prefire, de xeito privado. Heillo de agradecer e, se me convence, estou disposto a rectificar. E non digo esto desde unha posición prepotente, porque me crea poseedor da razón (non son lingüista nin filólogo), senón porque, realmente, quero facer uso do máis razoable e debidamente argumentado, aínda que, ás veces, non coincida co normativo, como pode ocorrer coas excepcións (sexan da materia que sexan).
    Aquel artigo decía o seguinte:
    “Nestas datas, sempre lembro ós meus avós (e pais) falando do Antroido. A miña avóa era a encargada de facer os fereixós, recheos ou non, que facían a delicia de cativos e maiores.
Antroido por aquí, Antroido por alá.
    Sen embargo, nos últimos anos, invadiunos (non sei porque) a palabra Entroido (con “E”), substituíndo á de sempre, Antroido (con “A”). Teño entendido, segundo me dixo unha persoa estudada e informada, que a Real Academia Galega só dá por certa ou válida a de “Entroido”. Sendo conscientes de que a nosa Academia acepta como válidas as variantes dalgunhas palabras, dependendo da rexión ou lugar donde se usen, non creo que a RAG se enfadara con nós se utilizamos a nosa variante local, usada desde non sei cantos anos fai. Polo dito, pido ós responsables destas festas en Ribadeo (comisión, Concello, ACISA, ou quen sexa) que volvamos ás orixes, que volvamos ós nosos avós e pais, e que non deixemos perder a maneira na que sempre nos referimos en Ribadeo ó Carnaval, é dicir, ó Antroido. E baso esta petición nos seguintes argumentos:
    1.- Na veciña Asturias, utilizan para o Carnaval a palabra “Antroxu”. Con “A”. Se buscamos en Google esta palabra aparecen, aproximadamente, 227.000 resultados. Se buscamos “Entroxu”, remítenos a Antroxu. É dicir, non aparece ningunha.
    2.- Na Coral Polifónica de Ribadeo, da que formo parte, temos no repertorio unha cantiga de Juan de la Encina (ou Juan del Encina; séculos XV e XVI), dedicada ó carnaval e que na súa letra di: “…Por honra de Sant Antruejo parémonos hoy bien anchos…). Si. Tamén con “A”.
    3.- Eu coidaba que Antruejo era unha palabra do castelán antigo pero, sen uso hoxendía. Estaba errado: segue a existir no vocabulario. Non temos máis que buscar no diccionario da Real Adademia Española para comprobalo. É certo que tamén aparece a acepción “Entruejo” máis, en vez de definila, remítenos á outra, é dicir, a Antruejo.
    4.- Non só segue existindo en castelán, senón que tamén se utiliza en ocasións. No pasado mes de xaneiro pasei uns días coa miña familia en Ciudad Rodrigo (que non coñecíamos) e sorprendeume grandemente ver nos escaparates das tendas carteis que anunciaban a festa do “Toro del Antruejo” de Ciudad Rodrigo. Unha vez máis recurro a Google para buscar “Toro del Antruejo” e aparecen 10.900 resultados. Busco “Toro del Entruejo” e aparecen os do “Antruejo” pero nin un só do Entruejo.
    Cos devanditos argumentos, coido que está claro que prevalece, con diferencia, a vocal “A” sobre a vocal “E”. Entón, pregúntome eu, porque en Ribadeo, que sempre se dixo Antroido, imos deixar perder este uso, que é o natural da nosa vila?
    Quizáis a miña petición ós responsables chegue tarde para este ano, porque posiblemente estean xa impresos os carteis e demáis propaganda do Antroido. Pero pídolles que tomen boa nota para o vindeiro ano e, se aínda quedan cousas por publicar, por favor, utilizade a acepción “Antroido”, que é a nosa.
    Cos meus mellores desexos, VIVA O ANTROIDO!
”
    Ata aquí o publicado o 25 de febreiro de 2023 e, para rematar este escrito, pregúntome: seguirán os responsabeis desta celebración deixar caer, unha vez máis, en saco roto o uso tradicional da palabra Antroido que, aínda que non é a normativa, si é a normal e a natural en Ribadeo? Se vai ser así, estou convencido que axina deixará de ser a normal na nosa vila, se non deixóu de selo xa. Oxalá me equivoque. 

 --

    AGORA SI: ANTROIDO

    POR ELI GARCÍA-BOUSO


    Retomo o asunto da semana anterior, aínda co risco de caer pesado ós meus posíbeis lectores. E fágoo por imperativo ético, pois esta semana houbo dous feitos que me amosan que o “saco roto” do que falaba, non o estaba tanto como eu podería pensar, ademais de fortalecer a miña argumentación sobre o uso na nosa vila da palabra “Antroido” en vez de “Entroido”.
    Un, foi o correo electrónico que me envióu Antonio Gregorio, licenciado en física e química (sobradamente coñecido en Ribadeo), no que me dicía que concordaba conmigo no expresado no mencionado artigo e me facilitaba un enlace ó seu “Ribadeando”, onde tiña editado o pregón do antroido que el mesmo pronunciou na sala de festas Rosa-Lar, aló no ano 1997 (xa choveu). Neste pregón, utiliza continuamente a forma “antroido”, agás nun parágrafo no que recoñece a irrupción en Ribadeo da forma “entroido” (xa daquela; e eu que pensaba que era de uso relativamente recente...).
    O outro, que foi o que me deu o pulo definitivo para decidirme a volver a escribir sobre este tema, foi a mensaxe por “WhatsApp” (ou, como digo eu, por “guasapo”, galeguizando ou castelanizando o término inglés) que me remitíu Suso Fernández Acevedo, filólogo e profesor de galego no IES Dionisio Gamallo, de Ribadeo. Dicía Suso: “A Real Academia Galega recolle no dicionario os dialectalismos léxicos maioritarios pero acéptaos todas e non só iso, senón que sempre defende que, en cuestión de léxico, deben defenderse os dialectalismos”.
    Así mesmo, envioume un enlace co xornal “El Español”. O primeiro que me chamou a atención foi un mapa de Galiza, elaborado polo Instituto da Lingua Galega, onde todos os municipios están marcados cunha cor concreta e cada cor corresponde a unha forma diferente de nomear o carnaval na nosa Comunidade. Rapidamente busquei Ribadeo e, como esperaba, a cor coa que aparece marcado o noso concello corresponde á forma “Antroido”. Unha vez máis se reforza a miña postura.
    Deste periódico, no artigo asinado por Thalia García, recollo só uns cantos parágrafos para non facer demasiado extenso este meu artigo. Vexamos:
    “…las fórmulas típicas del Entroido y Antroido son, sin lugar a dudas, las más empleadas por los gallegos… según apunta un estudio llevado a cabo por el Instituto da Lingua Galega, de la USC…”
    Outro: “…el Instituto da Lingua Galega se valió de una base de datos lexicográfica que abarca más de mil obras datadas desde el año 1812 hasta la actualidad… dicho análisis exhaustivo reveló la presencia de hasta 15 variantes diferentes de la palabra que habían sido recogidas un total de 1.400 veces… Entroido es la forma más utilizada, superando las 800 referencias… En el caso de Antroido, la segunda expresión más empleada en Galicia recibe más de 500 menciones, máxime en las zonas más al norte de las provincias de A Coruña y Lugo”.
    Por último, Suso Fernández, remitiume varios comentarios como filólogo que é, dos que destacarei uns cantos:
    “O galego ten moitas palabras que non se recollen no dicionario, pero non por iso son incorrectas.”
    “No caso das variantes léxicas, adoitan (refírese á RAG) recomendar… Pero son recomendacións, non prescricións”.
    “Tratándose de comunicación de ámbito local (por exemplo, os carteis do Antroido ribadense) ningún académico vai condenar o uso da forma tradicional da zona. Todo o contrario: se unha idea hai clara nos lexicógrafos é que a diversidade é riqueza, sempre que non atente contra as características propias do idioma”. Como ocorre neste caso que eu defendo.
    Coido que o que levo exposto ata aquí é motivo suficiente para, unha vez máis, pedirlles, solicitarlles, pregarlles ós responsábeis da organización do Antroido ribadense, e de xeito especial ó Concello de Ribadeo e, de maneira máis especial aínda, se cabe, á Concelleira de Cultura que, por favor, non traizoen ós nosos antepasados co emprego dunha palabra que NON É en absoluto propia da nosa vila, que respecten a que sempre se utilizou, e que fagan todo o posible para que nos carteis, escritos, propaganda, programas, etc., se empregue a nosa palabra natural: ANTROIDO.
    E por se todo o antedito fora pouco, o propio profesor Suso Fernández indícame que acaba de comprobar que no Tesouro Informatizado da Lingua Galega, no que se recollen 413 rexistros de “antroido”, aparece nos rexistros do 5 ó 11, que Rosalía de Castro usaba a
forma “antroido”.
    O día 22 do presente mes, a Agrupación Cultural Francisco Lanza realiza un acto, no que participa o Concello, como homenaxe a Rosalía. Imos traizoar tamén a Rosalía?

 Eli García Bouso


 

20241004

Un Chío de festas


    Un mes mais, a edición de Chío xa está dispoñible na rede. Este mes, dirixida de novo por Melina López, con verbas de Lucía Ferro ou as festas do San Froilán de fondo e foto de portada. Como outros meses, deixo a ligazón á revista, para ler en rede ou descargar, e aquí en baixo a miña colaboración (en .jpg e texto web):




Festa!. Na terra das festas, só fai falta o primeiro chío

    Comeza por un chío, e pronto, de xeito inmediato, podes estar envolto en chíos de paxaros da mesma bandada. Comezas a falar de festas, e moitas veces, é como se xa estiveras nelas, como se xa estiveras de festa, mergullado no medio da ledicia festeira. Unha sensación agradable que anima. Non sempre é así. Hai outras veces que por calquera razón te dis que oxalá pasara xa a dichosa festa (coñezo a xente abonda que lle pasa coas festas do Nadal, que manteñen con ela unha relación de amor-odio) ou, sinxelamente, que te preguntas que sentido ten unha festa determinada, soen ser festas que non viviches de novo, sentido que soe rematar sendo o de atraer visitas ó pobo para gañar cartos.

    Por outra banda, é xa case un tópico dicir 'as festas xa non son o que foron', a medio camiño entre o manriqueño 'cualquiera tiempo pasado fue mejor' e a nostalxia dos tempos de cando a xente que o di era máis nova. Algo potenciado pola abundancia relativa dos tempos presentes fronte a outros anteriores, onde a máis de menos recursos, as festas eran 'o' recurso onde se condensaba o entretemento. Hoxe en día, nos pobos da costa, non é que haxa festas no verán, senón máis ben que o verán e festa: a máis das tradicionais (o Carme, patronais...), sumáronselle outras novidades festeiras, as de época (indianos en Ribadeo, normanda en Foz, renacentista en Viveiro, Medieval en Mondoñedo...), as de exaltación dunha ou outra comida (comezaron por cousas como o percebe en Rinlo, pero xa pasaron da tortilla e andan polo ovo fritido...), os festivais de música (o Resu, si, pero a día de hoxe, varios en cada pobo)... Haberá xente que lembre aquela canción que dicía 'esta noche hay una fiesta'; a idea pódese trasladar na Mariña hoxe a todo o verán 'e máis aló'. Retomando o título, hoxe o primeiro chío, a primeira chamada á festa, xa está dada, sempre, e as festas encadéanse no tempo cara ó futuro.

    Hai xa tempo (2002), un centro de medias de Ribadeo (IES Porta da Auga), nun proxecto europeo (Festpop), fixo un estudo sobre as festas da zona, publicado co nome de 'As festas populares no entorno ribadense''. Máis de dous decenios despois, retomo de xeito moi breve algunha das (ideas e festas) alí tratadas en comparanza coa actualidade, xunto con algunha outra de doutros lugares da zona, e así, comezo por lembrar un artigo aparecido no 2007 no libro das festas do Carme de Ribadeo, no que Antón Álvarez Sousa titulaba: 'A festa do Carme, de patroa dos mariñeiros a festa turística. Unha chamada á reflexión'. O título é ilustrativo abondo, mesmo fai de máis o que expón en baixo del.

    Outra fonte de curiosidade pola súa evolución son os pregóns do antroido ribadense, algúns accesibles en https://gl.wikisource.org/wiki/Pregóns_Antroido_Ribadeo. Eses seis pregóns alí subidos, que abranguen un período de dez anos, presentan dun xeito lateral o avance, mellor, o cambio, nas festas do antroido ribadense. E dende aquela seguiron a variar, claro! Non exactamente como tentei prever no pregón do ano 1997, pero o certo é que tampouco de xeito tan diferente, como no nacemento de novas máscaras, o uso incrementado da electrónica ou a incógnita da resistencia dunha festa como o antroido fronte á perda da inocencia que medra polo uso de internet.

    Falaba na introdución do libro citado de achegar a 'esencia das festas populares' ás novas xeracións. E é que, sexa filtrada ou non a realidade polo tempo de vida e nacemento de cada quen, o certo é que todos temos consciencia (ás veces, mesmo rebelándonos contra ela) de que o entendemento do mundo vai variando de xeración en xeración como o fai de individuo en individuo. Pois ben, sinxelamente, as festas non son a excepción a ese cambio de percepción. O que significaron para outra xeración anterior xa non o significa, en termos xerais, para a actual. Nin na Mariña nin en ningures.



    Tamén falaba de que as festas son parte integrante da idiosincrasia dun pobo, que non se debe borrar da conciencia popular. E cada vez máis e cada vez menos. Cada vez menos pola interconexión mediática, que nos permite asomar ós xeitos doutros pobos, e, se cadra, copialos. Cada vez máis porque as festas salientan máis entre os últimos recunchos nos que queda o extra de cada pobo.
    Xente, motivo, lugar. Eras tres das premisas básicas que, poñía, toda festa necesita. Que fai toda festa. Pero tamén fai falla organizalas. E hoxe, as comisións de festexos teñen dificultades de renovación por diversos motivos. Dende aqueles lugares nos que sinxelamente non hai xente nova abondo, ós outros nos que as institucións queren facer e desfacer, e usar ó seu antollo as festas, para o que manteñen a comisión nomeada e secuestrada, pasando polos lugares onde as festas son, de moitos xeitos posibles, privatizadas. Ou un conxunto de todo o dito.
    'Cando tratamos de comparar unhas festas con outras, para mostrar o que teñen en común e o seu feito diferencial, o que estamos é poñendo a énfase na cultura do pobo, os medios dos que dispón, o seu xeito de ve-la vida...'. As anteriores son verbas sacadas do capítulo 'Un achegamento ás festas do pobo en Galicia' dese libriño de hai máis de vinte anos. E a cultura do noso pobo, os medios dispoñibles ou o seu xeito de ver a vida cambiou e está a cambiar. Este artigo comeza coa foto duns fogos de artificio sobre a ría de Ribadeo, algo que é popular nas festas tradicionais, e remata con outra de algo que xa é tradicional e que ten variado o sentido das festas dende pequenos, as diversións de pago. Nesa evolución, coa multitude de festas na Mariña, das San Lucas á Maruxaina, pasando polas festas de San Roque ou a romaría de Santa Cruz, cada unha segue a ter o seu aquel, tentando rexeitar o afán unificador da ledicia a nivel mundial, mais unificando as nosas xentes nesa ledicia.


20240908

As festas non son iguais para todos

    As festas non son iguais para todos. Por suposto. Nunca o foron nin o serán. É máis, non creo que as festas que se poderían celebrar en Gaza sexan igual nestes tempos que hai só uns anos, aínda estando mal a situación dende hai xa perto dun século, e aínda que a xente sexa case a mesma.

    Pero neste caso non se trata diso, senón de algo máis sinxelo, da xestión dunha festa para que se poda desfrutar dela dun xeito máis ou menos homoxéneo, ou ó menos, para procurar que todo o mundo saia algo beneficiado da festa e ninguén moi perxudicado.

    As fotos que deixo a continuación son de Ribadeo, de hoxe mesmo, día grande das festas patronais, no centro do pobo, a conto dunha queixa que está nos vidros dunha vivenda e que podería ser evitada -non foron unha ou dúas persoas quen mo comentou, senón abondas máis-. O mesmo que as fotos qe deixo, poderían quedar comentarios diversos sobre as festas, e máis aínda, sobre un tema que está relacionado na mente da xente: a xentrificación que se está a sufrir xa en Ribadeo a conto da invasión do pobo sobre todo no verán. Sobre este último tema, houbo quen me comentou que nas típicas relacións de postos entre pobos e comarcas que aparecen nos xornais, Ribadeo aparece como dos pobos de Galicia máis invadidos, pero en cambio non dos que sacan maior beneficio (algo que non puiden comprobar). E tamén houbo quen me comentou que a xente non se queixaba. En relación a isto das queixas, como xa teño experiencia doutros lugares, respondín que non era que a xente non se queixara, senón que as queixas quedaban afogadas ante a propaganda de quen estaba interesado no negocio e polo tanto non vía o tema cos mesmos ollos, ou mesmo ás veces propaganda pagada cos cartos de todos. Son cousas sobre as que coido haberá que voltar e voltar, con máis profundidade e calma que hoxe. Ó fin, lembro que 'o Ribadeo que queremos' non foi atendido en décadas, que non se consultou á xente nin houbo un 'plan de desenvolvemento', e que segue sen habelo, nin tampouco un plan para atenuar os efectos negativos unha vez visto o desenvolvemento habido.

    As fotos que dan testemuña da situación son de Suso as dúas últimas, e o resto, miñas:









20240906

Patronais en Ribadeo

     Coas festas a piques de rematar, decátome de que non difundín a carteleira das patronais 2024. Aí vai, comezando polo final:






20240902

Dunha festiña

O Pazo de Cedofeita, dende fóra, a media festa.
 
Dunha festiña
    O último sábado de agosto andiven pola Cedofestiña, a segunda que se fai despois da inicial o pasado ano. Foi organizada polo colectivo ribadense Vacas Fracas no Pazo de Cedofeita. Unha boa festa nun entorno agradable.
    Unha pequena festa cultural. Primeiro, festa, diversión amigable. Polo ambiente, case evento privado entre amigos, algo que o éxito de asistencia non deixou ser. Pero tamén, e de xeito inseparable, cultural, coa cultura como base, cine, tertulia, visita, música e música. Arte. E os subministros, claro, de bebida a comida pasando por camisetas. Aí estaban Inés, Andrés ou Andrea, e outros membros do colectivo traballando e coordinando, dende antes e ata despois. Unha festa relaxada en contraste coas festas para turistas ou mesmo para nativos turistificados. Ben, este ano. Tras o éxito, pregúntome se poderá en anos sucesivos seguir a manter ese carácter.
    O espazo de acollida, o Pazo de Cedofeita, acomódase ó dito 'se ten capela, pombal  e ciprés, pazo é'. E correspondendo co seu ser, brindou fermoso acubillo, lugar e edificio, para desenvolver as actividades, que comezaron precisamente pola visita ó pazo da man de César para coñecer o lugar. Terras e pombal, muro e patio, cociña, salón, habitacións, capela e torre, espazos de paso e almacén... Un lugar de onte, dende os séculos XV-XVI, valorado hoxe e aproveitado para (e que se aproveita de) esta festa. Unha festa-actividade que tamén pon en valor o espazo.
    Antes mesmo de comezar, a charla entre amigos e coñecidos tomando algo do improvisado bar e tenda (en estancias próximas, mais separadas) acendeu a mecha do encontro e da celebración.
    E viñeron as curtas, presentadas por Alba. A diversidade da xente asisten foi unha nota distintiva ós meus oos. Lixo, primeiro, Mañá, despois, e para rematar, A mirada delas, foron vistas polos asistentes no ateigado salón do pazo nunha tarde que ameazaba chuvia. E a seguir, no mesmo lugar, coloquio: mulleres, artistas, ribadenses. No lugar, a escritora Lucía Ferro, Clara Maseda, directora da última das curtas, e Sandra González, creadora de Viva la Pepa, foron acompañadas pola resposta en vídeo da multiartista Rosalía GT nunha comunicación compartida, interesante dende moitos puntos de vista, a máis de reflexiva e peiteando un panorama amplo da actualidade artística en relación co rural.
    O espazo de intercambio estaba aberto, mais a continuación e pola ameaza de choiva, os concertos, a música, fíxose en cerrado. Catuxa Salom creou e acompañou o ritmo da xente nun reducido e cálido espazo, e abriu paso a Kornucopia ou Tapete, nunha segunda parte de actividades que foi de cultura musical e que volveu aglutinar dende o comezo á xente que cabía no local, mantendo o ambiente fóra del.
    Desas cousas das que pensas: recuncarei!

    Á espera de ligar un vídeo de JsmTux [Ligado a través de Lucía Ferro, en baixo do audio], boa parte da mesa redonda, pero non dende o comezo:


Catuxa, a primeira actuación musical

Un momento das proxeccións


Na charla/mesa redonda

Proxección


20240806

Paisaxes para despois dunha batalla

     Como outros anos, despois da xira, se paso por Santa Cruz, fago fotos como testemuña do pasado. As que remato de tomar hoxe quedan en baixo, dando testemuña hoxe, martes, do recollemento e abondo bo estado de limpeza, do peche da porta da casa da ría, das flores na virxe, da non consolidación polo momento do chan unha vez arrincada matogueira, de algunha máquina por recoller... e dos montóns de lixo acumulados no contedor, facendo compaña ás autocaravanas que xa durmiron onte alí.







 

20240802

Arredor da fin de semana e máis en Ribadeo

    Como todos os veráns, Ribadeo ferve de actividade. Un dos puntos cume soe ser o primeiro fin de semana de agosto. É dicir, este. Aí vai cartelería desas actividades próximas:









20240725

Nun día moi especial

Nun día moi especial


     Hoxe, cando esto escribo, é un día especial. 25 de xullo. Un día ó ano, proclamado aló polo 1979 Día Nacional de Galicia, no DOG nº 1, de 1 de xaneiro dese ano, en Decreto asinado polo Conselleiro de Cultura e o Presidente da Xunta. Na procura doutra cousa como documentación para unha publicación, pasei pola páxina web do Día Nacional de Galicia na Galipedia. E alí atopei, a máis doutras denominacións e algo de historia, dúas ligazóns ó Decreto da proclamación do 25 de xullo como Día Nacional de Galicia (*). Mais foi unha sorte que eu mesmo, hai dous anos, cargara na Galipedia unha imaxe da páxina do DOG co Decreto, pois ambas ligazóns, hoxe, non levan a ningún sitio válido. Pódese recoller pantallazos coa imaxe visible na Galipedia e os decepcionantes na web do DOG.

    En canto vin que das ligazóns na Galipedia non podía acceder ó contido no DOG, tomei os correspondentes pantallazos e decidín ir na procura do decreto no buscador do DOG. Alí, atopei unha ligazón ó pdf do Decreto. Pulso nela... e non funciona!: "O recurso solicitado non foi atopado. Está tratando de acceder a unha páxina que non existe."

    Tento facer a procura doutro xeito. Pero nin os sete DOG de 1979 que aparecen na web nin o único de 1978 están dispoñibles na web.

    Non sigo a mirar. Unha parte da historia de Galicia, a dos comezos da estruturación administrativa como Xunta de Galicia, hai que procurala nas bibliotecas e hemerotecas fisicas, non na rede. Mais non se escapa outro detalle. Na mesma páxina da Galipedia púxose no seu día, hai máis dunha década, outra ligazón, á páxina institucional do 25 de xullo, http://www.25dexullo.gal/ga/, (ou /gal, ou /gl, que con todas probei por se acaso...) ligazón que leva hoxe á páxina de portada da Xunta de Galicia (é dicir, séguese a pagar o dominio/enderezo, pero desvíase o resultado á portada da Xunta).

    Quedo atordado. As hipóteses que se me veñen á cabeza son demasiado negativas. Mañá, ou calquera outro día volverei tentar atopar na web institucional do DOG as mesmas páxinas. Algún día as atoparei. En papel, seguro que si.




* Unha cousa máis que atopei foi a referencia a que neste día entréganse as Medallas Castelao. Está sen actualizar a páxina, os últimos anos non se entregan este día...

20240720

Mirando xa a Xira en Ribadeo

     A Xira está próxima no tempo. En liña semellante a anos anteriores, o alcalde remata de difundir un bando animando ó desfrute en (e e) bo comportamento, bando que deixo en baixo (non goi difundido como nota de prensa, ao menos polo momento, senón na sede electrónica do concello). Mentres, as obras en Santa Cruz non están rematadas, e a casa da ría e telescopio seguen a ser accesibles e en estado desastroso. Un toque antes da Xira non virá mal.





20240717

Nos indianos, das indias ó CERN

Nos indianos, das indias ó CERN

    13 de xullo de 2024. Hoxe está a celebrarse a festa dos indianos en Ribadeo. É aínda media mañá e xa levo intercambiado diferentes opinións con amigos e coñecidos sobre varios aspectos da festa. Dende a xente que enchía locais aínda ó amencer ate o esquecemento e desaparición da existencia da gran masa dos e das emigrantes que, se voltaron á terriña algunha vez, voltaron pobres. Remato de ver os haigas entrar na praza de España. Mentres, Félix Jorquera improvisaba unha entrevista comigo ó aparecer eu por alí estando en marcha o seu programa extraordinario de radio dende as escaleiras do concello. Antes ca min foi entrevistada Jesusa da Mariana, encarnación daqueles tempos da miña amiga e teatreira Susi. A xente, con traxes de época (é dicir, con traxes imitando ós mellores traxes daquela época) xa se vía nas rúas horas antes en cantidade superior á de outras xornadas de diario ou festa común ó mediodía. Catro ou cinco actividades ó tempo fan difícil escoller o que facer a continuación no propio ocio. E así sucesivamente.

    Un 'xornal anual' está a ser repartido a milleiros por Ribadeo, a máis das diversas novas que nos xornais diarios ou na radio levan difundíndose dende hai tempo e que atraen e son consecuencia da cantidade de xente que atrae o conxunto de eventos indianos de Ribadeo, nunha espiral que medra de ano en ano sen vérselle teito.

    Mentres, esta mesma semana unha nova, unha, saíu nalgún medio: unha ribadense, María Vieites Díaz, foi nomeada co coordinadora do experimento LHCb do CERN. Total, nada, é só un equipo que se vai achegando ás dúas mil persoas repartidas polo mundo para investigar algúns detalles das partículas que constitúen a base do cosmos. Unha investigación punteira a nivel mundial.

    Os indianos (e os seus coetáneos que despois da viaxe ás américas seguiron pobres) eran emigrantes ó igual que o foi María. Un século de separación, unha formación ben diferente e unhas expectativas que non teñen nada que ver entre si marcan a diferenza. Pero, a vista de hoxe, sobre todo a diferenza está na celebración dunha visión totalmente parcial dunha realidade que foi fronte á escasa relevancia que ten unha nota de prensa especializada de algo que se mira no futuro.

    Os indianos, os ricos e os pobres, tiveron un impacto grande polas súas aportacións a ambos lados do charco, e costa facerse unha idea de como podería ser a vida nunha e outra beira oceánica de non existir o sistema capitalista que favoreceu o ascenso indiano. Nese sentido, vivindo no mesmo sistema, é de celebrar hoxe unha festa como a de indianos, máis aló de como atracción turística, negocio ou contribución á xentrificación. Da outra banda, collendo a última verba do título, celebremos o nomeamento de María como un brinde a un futuro mellor, tanto seu en particular como do coñecemento en común, pois ao menos en parte, diso se trata, de investigar para ter ferramentas e coñecemento para mellorar o futuro. De todos

20240716

Lembrando ós indianos 2024

     Deixo catro fotos de Mati, Matilde González, cos actos inaugurais do Indianos 2024 de Ribadeo, recollendo a 'chegada dos indianos' en Porcillán e a actuación da Coral no teatro:





Festa do Carme en Ribadeo 2024

    No día no que se felicita ás Carmes, deixo a programación das festas do Carme 2024, que collo do libro das festas que recén remato de recibir e no que teño unha participación.


20240715

Lembranzas do Ribadeo Indiano

    Remata de rematar. O Ribadeo indiano 2024, IX edición da festa, xa vai aló. Moita xente, suponse que moito movemento de cartos, e mala opinión dos propios ribadenses, cheos ao menos como o pobo, non de xente senón da cantidade de xente. Pero iso hoxe queda para outra. Deixo unha foto que tomei esta mesma mañá, onde no vidro do Costa Verde aparecen os carteis das nove edicións da exitosa festa. O contraste reflicte o fondo, cos parasoles cerrados, descansando eles tamén, unha vez pasada a festa.



20240620

50 m de Porcillán

    Escrito para o libro das Festas do Carme 2024:

50 m de Porcillán

    Hai veces que Porcillán antóllase tranquilo, mesmo diríase aburrido. 29 de maio a media tarde: a ría iluminada, boa temperatura, pouca xente, a máis dela sentada no mariñeiro ou nos bancos fronte á ría, embarcacións deportivas por medio. Sería un deses días. Mais chega con mirar á fronte, ou a unha beira, ou detrás, ou á auga, ou ó ceo. E xa tes unha visión que enche.

    Un pequeno lugar que, tamén ás veces, parece o centro do mundo. E non só para quen por alí viva ou traballe, senón tamén para quen pase con calma, saboreando o lugar.

    O lugar, o sitio. A súa importancia foi recoñecida en abstracto -a importancia de ‘un’ lugar- pero tamén, neste caso, en concreto -o lugar de Porcillán-.

    E non fai falta remontármonos ás orixes do ‘Portus Iulianus’ que nos podería ilustrar José María Rodríguez, entre outros, ou ás vivencias que nos podería lembrar Pancho Campos, tamén entre outros, ou ás primeiras fotos tomadas do lugar que nolo refiren cheo de vida, ou as varias referencias que fai Paco Lanza nos seus escritos, ou… Non, non fai falta. Chega con aproximarnos e recorrer uns cincuenta metros dende que rematan as instalacións do Mariñeiro ata a baixada para embarcar a xente que vai na lancha de pasaxe. Alí, neses poucos metros, hai indicacións abondas da querencia, relevancia ou mesmo da historia do lugar. Por suposto, non está todo, nin moito menos, pero para ser instalacións case todas de medio século acó, pode dar unha idea do por que Porcillán pode parecer ‘o centro do mundo’, o centro dun pequeno mundo.

    Así, baixando do pobo, e na mesma liña que separa o paseo marítimo para caer á auga, se miramos á nosa esquerda, atopamos a Virxe. E xusto antes, un conxunto de sinais con diferentes direccións que apuntan distancias con Porcillán como centro. Si, é un poste indicativo do ‘Camiño Natural da ruta do Cantábrico’ que fixa o tal camiño en relación ó lugar no que se atopa, Porcillán. Que existan postes semellantes en moitos outros lugares non quita que este en concreto apoie esa centralidade para nós do antigo Portus Iulianus.


    Como dixen, xusto á súa beira, a Virxe. A Virxe cuxa festa no 2024 dá lugar á publicación desta publicación que tes nas mans, nunha efixie que é unha homenaxe de ‘o CASIP aos homes e mulleres do mar’, lembrando a súa relación secular das xentes coa patroa dos mares. [CASIP: Centro de Actividades Subacuáticas Illa Pancha]

    Ao pé da Virxe, un banco. Orientado case ó sur, permite recibir o Sol pracidamente. Mais aínda que ten boa vista, outro compañeiro máis adiante faille a competencia con avantaxe.

    Seguindo un par de metros máis despois da Virxe, na mesma parede na que o banco recala, unha placa lembra unha tripulación. Nela aparecen nomes, mais sendo particular é unha de tantas que se podería recoñecer. E a placa pasa así, máis que a ser un recoñecemento específico, que tamén, a ser un símbolo de homenaxe ás xentes que durante séculos alí se botaron á mar.


    Uns metros máis e o caleado pé dunha casa infórmanos mediante unha peza de Sargadelos que estamos no peirao de Porcillán. E, baixo dela, tamén manufactura de Sargadelos, somos informados de que as obras de construción do ‘actual’ peirao comezaron en 1884 e duraron cinco anos. Antes, os barcos fondeaban na ría e as mercadorías eran trasladas en barcazas ata unha rampla. Preto dela estaba o antigo consistorio, que non en van o lugar foi o centro neurálxico de Ribadeo. O citado como ‘actual’ peirao ten acollido dende aquela varias reformas.


    Seguindo uns cantos pasos, nas mesmas escaleiras que sinalan a baixada a Porcillán, somos informados de novo, nunha ambigua mención coa correspondente factura de Sargadelos, de que estamos no Peirao de Porcillán Víctor Moro.

 

    E non temos máis que dobrar a esquina para atopar o mural que sobre a vida de Calvo Sotelo espera a quen queira mirar. Inaugurado o 3 de maio de 2009, un ano despois do seu pasamento, e construído ‘por subscrición popular’, o que foi Presidente do Goberno e é alcalde honorario enfila a ría dende el. E faino tamén sobre outro banco, este orientado cara ás Figueiras, ría por medio. Banco das mentiras? De seguro que si, alí se teñen contado moitas. E verdades. Mirando á ría e ó mar, con avantaxe de miras fronte ó anterior citado.


    Tirando para embarcar nesa ría, na protección da antiga enseada protexida no 1884, outra placa de Sargadelos infórmanos outra vez máis de que estamos no Peirao de Porcillán. É dicir, no lugar dende, antes de ser peirao, Ibáñez trafegaba coas súas mercadorías.


    É a final das indicacións que comentaba ó comezo. Mais un final ó que se chega tras pasar outra indicación sinalando que o 20 de xullo de 1981 o agora emérito Rei e Dona Sofía alí desembarcaron e fixeron unha visita a Ribadeo, actuando Leopoldo Calvo-Sotelo de anfitrión. E final tamén onde espera a lancha de pasaxe para se se quere facer un recorrido máis aló de terra.

    Un treito de cincuenta metros que pode levar un bo tempo recorrelos se apreciamos todos os detalles que ofrece. Os ditos e moitos máis que se poden observar de vagar.

Antonio Gregorio Montes