Amosando publicacións coa etiqueta filosofía. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta filosofía. Amosar todas as publicacións

20250215

Irresponsable

Irresponsable

    O tema viume por unha nova sobre o emérito, pero de xeito inmediato vin que pode aplicarse a unha presidenta da Comunidade Autónoma de Madrid, o que me levou a comprender que pode aplicarse tamén a outra xente, sempre que se cumpran unha serie de requisitos.

    Por se hai algunha dúbida, o dicionario da RAE dío ben claro. Collo a definición castelán porque ambos citados, emérito e presidenta, se expresan nesa lingua nas novas que nos chegan, pero podería ser dicionario da RAG. Irresponsable:

    "1.Dicho de una persona: A quien no se puede exigir responsabilidad. 2.Dicho de una persona: Que adopta decisiones importantes sin la debida meditación. Sin.: imprudente, insensato, irreflexivo, inconsciente, loco, desorejado, valeverguista, yoquepierdista."

Ayuso e Juan Carlos I, a partir de imaxes de Commons (por Cristina Cifuentes e Nicholas Gemini). Lic. CC BY SA 4.0

    O dicionario engade que tamén pode ser usado como substantivo. Dato importante, pois todos podemos actuar de xeito irresponsable nalgún momento -de feito, seguro que así é-, como humanos que somos, pero o chamarlle a alguén irresponsable, como nos casos citados dicir que el ou ela é un ou unha irresponsable, implica algo diferente, unha esencia. Poñamos por caso o do emérito: cando dixo aquelo de 'no volverá a suceder' referíase a un feito concreto, arrogándose o segundo significado da definición nun caso no que el tomou parte. Mais antes e despois daquelo seguiu a actuar de xeito irresponsable nesa segunda acepción, sabendo que tiña, -máis ben, que lle darían- certa cobertura (i)legal para ser irresponsable no sentido primeiro da definición: non é só que actuara de xeito irresponsable nalgunha situación, senón que como tal ser que é, sería irresponsable. Iso, en base o art. 56.3 da Constitución de 1978 ("La persona del Rey es inviolable y no está sujeta a responsabilidad", por certo, non dispoñible en galego na web a pesar de ser editados exemplares do texto constitucional en galego) mesmo saltando por riba do art. 64.1 ("Los actos del Rey serán refrendados por el Presidente del Gobierno y, en su caso, por los Ministros competentes.") que lle asigna a responsabilidade a quen refrenda ditos actos. Entraríamos por aí en cousas como se os ministros poden refrendar o levar cartos ó estranxeiro, xa que parece que por ser rei nalgún momento desas saídas hai quen di que estaría exento de culpa. Non parece que os episodios con Corinna poidan ser refrendados por ningún ministro, pero quen sabe se a doazón á súa conta pode meterse nalgún articulado. Digo, polas consecuencias-nulas- habidas. En tempos diríase doutores ten a igrexa, pero agora, nun estado que manifesta constitucionalmente "Ninguna confesión tendrá carácter estatal", aínda que pareza papel mollado, quizais se poda dicir 'xuristas ten o estado'...

    E, da irresponsabilide, a impunidade. Claro, se alguén non ten responsabilidade ou non se lle atribúe, non é punible, castigable, por esa responsabilidade que non ten. É dicir, queda impune por eses feitos sobre os que non ten responsabilidade.

    Collendo o título da obra 'Del Rey abajo, ninguno', poderíamonos preguntar sobre a irresponsabilidade na morte de 7291 persoas nas residencias de maiores madrileñas durante a pandemia, despois de serlles negada a atención debida dende a presidencia madrileña. En verbas de Isabel Ayuso, 'ían morrer igual'. Francamente, aí non sei de onde ven a irresponsabilidade, pois, segundo a constitución -cunha pequena excepción a algún xuíz- 'del Rey abajo, ninguno'. Será que as mortes están xustificadas? Será que a doutrina legal está amañada? Será que o das mortes é un invento progresista? Non sei o que será, pero mortos están, e as directrices foron impartidas, por moito que a irresponsable siga a sentar cátedra tamén en Ribadeo. Misterios.

20250131

O ataque á sociedade

 

O ataque á sociedade

    Os seres humanos somos sociais. De feito, temos convertido a sociedade nun piar fundamental dos que son baseamento da nosa vida, e somos conscientes de que a desaparición da sociedade causaría que o noso estilo de vida fose de novo semellante ó de calquera outro animal, retrotraéndonos milleiros e milleiros de anos na nosa evolución.

    A sociedade é unha asociación. De feito, son sinónimos. Iso, aínda que ás veces o noso comportamento pareza ter esquecido que a sociedade necesita mantemento por parte dos socios, como calquera asociación por parte dos asociados.

    No parque infantil no centro de Ribadeo había -poderíase dicir que segue a habela- unha casetiña con libros, a modo de biblioteca libre para os pequenos. No seu momento, considereino unha grande idea, e visto o uso que se lle comezou a dar por parte dos usuarios do parque, parece que non fun o único en consideralo así. Mais pouco a pouco, o descoido primeiro, e logo o maltrato desa humilde instalación, deixou a caseta sen porta, sen libros e sen vida. Pola súa construción, podería ter durado sen mantemento abondo tempo máis, pero vese que o pulo na súa construción polas autoridades deseguido se converteu en esquecemento, e aínda que o uso continuou a ser frecuente ata o total deterioro, tamén é evidente que houbo persoas que non consideraron que unha instalación así había que coidala, e que máis ben fixeron o contrario. Non é necesario que sexa moita xente, abonda con moi pouca para botar en baixo servizos dos que nos beneficiamos todos e dos que esquecemos que hai que manter entre todos, non só 'as autoridades' ou 'as institucións'.

    Manter entre todos significa poñer vontade e actuar en consecuencia. Non só en cartos a través dos impostos, que tamén, senón no coidado e defensa do que é de todos. Se se esquece iso, uns polos outros irémonos levando por diante a sociedade, anaco a anaco. E, no camiño, a nós mesmos, ó que somos. Pode que aínda pensemos nese proceso cara ó individualismo como un ‘ser máis nós’, esquecendo tanto aquela frase célebre de que somos o que somos en boa parte grazas ó noso entorno (‘yo soy yo y mi circunstancia’) como as múltiples manifestacións na vida diaria da nosa interdependencia dende o nacemento ate despois da morte.

    As veces, fálase da ‘traxedia dos comúns’ como se o común estivera destinado a ser peor solución que o mercado, diñeiro e finanzas, como se o común estivera destinado ó maltrato. Esquécese nesa situación que o común ten sido tradicionalmente unha fonte de vida e riqueza para a comunidade ó seu arredor. E está demostrado que só cando hai inxerencias externas, cando o común se deixa en mans alleas e pasa a ser controlado dende fóra, por quen ten outros intereses non baseados na comunidade, remata sendo destruído, con prexuízo para todos os implicados. O último exemplo disto? Aí temos as redes sociais privativas. E do outro? O maior pao ás empresas e dominación dos EUA en intelixencia artificial remata de ser dado pola apertura de código dunha IA china, na procura de formar unha comunidade ó seu arredor.

    E mentres, a pequena biblioteca no parque de Ribadeo?

20250107

Adaptarse ou morrer

Imaxe collida de Jonathan R. Hendricks, Lic, CC BY NC SA 4.0

Adaptarse ou morrer

     Vivimos nun entorno, ó igual que calquera outro ser vivo. É para ese entorno que Darwin enunciou a súa lei da selección natural, que ven dicindo que sobreviven mellor os mellor adaptados, e que moitas veces soe reducirse (simplificando tamén conceptualmente) á 'adaptarse ou morrer'. Tradicionalmente, o entorno de referencia era un entorno natural. Coa chegada da sociedade, o ser humano foi cambiando o seu entorno natural e creando ó tempo outra capa de entorno, o entorno social, de tal xeito que hoxe por hoxe é este último o que determina a evolución, por moito que sexa o natural o que pon os límites últimos. É dicir, o medio natural é visible, pero deixou de ter unha importancia total nas nosas decisións, quedando supeditado ó medio social (que inclúe economía e política), que xa entendemos como 'o noso medio'

     Nos últimos tempos, ese entorno social está xerando e vendo como se xera o que sería unha nova capa de entorno, o entorno dixital algorítmico. É dicir, un novo medio que máis aló de actuar como un nivel social con algunha característica derivada das posibilidades da electrónica, actúa dun xeito asocial, pero influíndo nalgúns casos e mesmo determinando noutros, as decisións humanas. É dicir, a propia vida humana.

    Así, mentres que hai anos se falaba dunha influencia social á que había que adaptarse, pero que ó fin, tamén influíamos nós como pezas activas da sociedade (por moito que se poda dicir que as crecentes diferenzas sociais se traduciran nunha influenza individual minguante en xeral), está a medrar unha capa que podemos dicir se ten escapado totalmente da nosa propia influencia e que polo contrario tende a influír en nós e controlarnos cada vez máis.

    Aquelas vellas preguntas de quen somos, de onde vimos e onde imos, nas que está patente a influencia do entorno natural, foron recortándose e variando a posible resposta ó ir tomando unha separación social dese entorno primitivo, que aparece mediando no 'onde imos' cara ó futuro, e hoxe se asoma cada vez máis a unha resposta sinxela: imos onde nos levan, aínda que non sexamos conscientes de onde é iso, nin de quen nos leva, nin da limitación de opcións que ofrece o algoritmo que tenta influenciarnos e dirixirnos. Algoritmo é o mesmo o programa que te presenta opcións de compra despois de enviar un correo electrónico que o que aconsella ou desaconsella que se te conceda un crédito, ou a liberdade condicional, entre outros moitos outros en número e sofisticación cada vez maior, en crecemento paralelo á súa opacidade e posibilidade de incorporar nesgos que tenden a perpetuar e aumentar prexuízos sociais. As mellores características de adaptación xa non dependen só nin de xeito principal da natureza, e en referencia a iso, a bondade non significa o mesmo que significaba...

20241213

Mentir canto queira (sen problema)

 Mentir canto queira (sen problema)

     Hai xente que parece que ten dereito de mentira. Non permiso, non, senón dereito. Paréceo pola súa actitude e polos resultados. A fórmula para facelo, segundo a situación na que se atope, é sinxela: fala, di, asevera, o que sexa, non importa o que, sempre e cando misture ben cousas que non veñen a conto con outras que veñen ó seu conto (que sexa verdade ou non, non importa moito), e refírese ós consellos dos técnicos como respaldo. Non importa que sexan decisións e medidas políticas, sen relación co que debera ser un proxecto ou un informe sobre o que se estea a tratar. Logo, sempre se pode dilatar a entrega do informe, mesmo facelo a posteriori e encargalo para facelo coincidir co dito, ou técnicas semellantes. E, en caso necesario, sempre se pode botar a culpa a quen fixo o informe a medida por facelo mal ou a subalternos de diverso tipo por non entender o que se lles dixo, terxiversar as verbas de quen está por riba deles en mando ou ter un despiste. Como se pode contemplar, as opcións a disposición son moitas. Claro que, se se usan unha e outra vez, poden rematar por facer augas, ou ben ter que acelerar o proceso de mentiras para que a verdade non teña tempo de saír a flote entre unha e outra.

    Dilatar a entrega dun proxecto para o seu coñecemento xeral, mentres se fala del ten a vantaxe de que como o resto da xente non coñece o proxecto, quen fala sobre el pode dicir calquera cousa sen que nin se saiba se é ou non certa. E, se algún día se chega a coñecer o proxecto, ou pasa a executarse, no tempo pasado pode xa terse esquecido a mentira (pode que ata substituída por outras!), ou, no caso menos favorable, ser xa auga pasada, desa que di o refrán que non move muíño.

    Non lle chames mentira. Chámalle media verdade, a 'miña' verdade, di que quen minte son os outros, nega todo ataque, destaca todo o que podas poñer como favorable aínda que non veña a conto. E, se te collen en mentira, négao, que poden non ter probas abondo. Pasa a culpa a outro que podas controlar, así non será culpa túa: entendéronte mal e executaron en consecuencia, informáronte mal e actuaches en consecuencia... E, no último caso, di que foi un erro, non unha mentira: como vas mentir ti? Ou é que dubidan de ti?

    O problema da mentira non é tanto a propia mentira, senón que propicia o non saber onde está a verdade. Que a mentira autolexitímase con máis mentira e así non só queda impune, senón que contamina a verdade, diminúe as defensas que todos temos para illar e comprender a realidade. Que quen di a verdade pasa como mentireiro. Que pasa a non ser considerada problema cando é un tema vertebral na sociedade.

20241208

NEOPURITANISMO. Xosé Carlos Rodríguez Rañón

 

NEOPURITANISMO

Xosé Carlos Rodríguez Rañón

    Iso é o que propugna o politicamente correcto dos bempensantes, non sempre xentes ben nin de ben, eses mesmos que non mudarían unha coma nin do Corán nin da Biblia, nin de ningún outro “libro sagrado” probabelmente. Segundo a novelista viguesa María Orduña “os libros non son manuais de conduta, nin referentes morais a seguir. Son reflexos de épocas concretas e dos seus propios autores. Cambiar o seu contido supón recoñecer a nosa incapacidade para contextualizalos”. Outra cousa é facer edicións críticas serias e construtivas nas que se maticen, sempre a partir do respecto á versión orixinal, visións ou aspectos controvertidos desde unha óptica estritamente contemporánea e actual que poida cuestionar certos desfases temporais ou culturais.

    Este revisionismo castrador e moralista intentou modificar os filmes de James Bond, os contos infantís de Roald Dahl ou as novelas de misterio de Agatha Christie, por poñer só uns cantos e inofensivos exemplos. Levándoo ao absurdo, o finalista do premio Nadal Esteban Navarro indica que se rematará por reescribir o Quixote, no que a protagonista sería unha muller (Dona Quixota) e Sancho Panza se chamaría Sancho Talla Grande para non ofender os obesos. Mesmo a visionaria Pardo Bazán pasaría a ser considerada unha simple reaccionaria, por non falar dos debuxos animados de Disney revisitados e reinterpretados.

    A boa literatura ten que ser sempre molesta para facer (re)pensar o lector. Ha de ser incómoda tanto nas formas como no fondo porque a súa lectura implica acceder a sistemas de valores e crenzas que non sempre coinciden cos nosos e que nos permiten apreciar a evolución do pensamento humano e percatármonos das nosas propias contradicións interiores. Probablemente, este mesmo artigo, dentro duns anos, sexa posto en entredito sabe Deus por que intrascendentes motivos.

20241123

Tres actos

Tres actos

    Hoxe houbo perto a Ribadeo tres actos ós que quixera ter asistido por diferentes motivos. Non fun a ningún deles. Hai días así, nos que parece que a vida non chega nin de lonxe. Ó fin, coido que non é que o pareza, senón sinxelamente que a vida quédase curta, moi curta, por moito que nalgún momento poidamos querer dimitir dela e máis de un ou unha a curte de propio intento.

    Precisamente de vida trataba un dos actos. Da perda dunha vida, Do acompañamento dun cadáver nos seus últimos movementos sobre terra. Sei que estivo ben acompañado; eu só sería unha figura á beira no enterro.

    O segundo tamén trataba de vida, pero doutro xeito totalmente diferente: a concentración polo futuro de Alcoa (convocante: o comité de Alcoa. En baixo deixo algunha das fotos que me proporcionou Mati). Neste caso non era a miña intención tanto integrarme, como máis ben facerme partícipe do sentimento dun problema próximo socioeconómico. Non vou insistir máis no tema: quen vaia seguindo o blog sabe o que penso de Alcoa e o seu desenvlvemento, aínda coas dúbidas que poda ter e pese a que a estas alturas, unha falta de solucións non sexa solución.

    O terceiro tamén trataba de vida, pero doutro tipo: da vida das ideas e da compartición delas con outra xente. Cadaquén coa súa visión, si, que estou seguro que dentro desa 'outra xente' (polo que parece, unhas 150 persoas) habíaa con pensamentos ben diversos ós meus en relación ó acto. Refírome ó izado da bandeira galega (aquí, a convocatoria deste ano e en baixo, a nota de prensa posterior e unha foto que me chegou por outra vía), desta volta na praza de San Miguel de Reinante. Eu, que fuxo de simbolismos... 

    En fin, repito, a vida non chega. Comprobámolo a cada paso. Pero non estou fixo de que se tivésemos varias soubésemos xestionalas moito mellor.




Nota de prensa de Via Galega sobre o izado de bandeira:

Durante esta semana, a bandeira galega tivo presencia na rúa e pendurouse en vivendas e fiestras de toda Galiza. Está acción enmárcase nas campaña que VIA GALEGA vén desenvolvendo para divulgar e e popularizar os nosos símbolosnacionais, o himno e a bandeira.

Levamos tres anos facendo coincidir esta campaña, na que a bandeira galega é protagonista durante unha semana, co aniversario da I Asemblea Nacionalista das Irmandades da Fala que se celebrou en Lugo o 17 e 18 de novembro de 1918. Este ano cúmprense 106 anos daquela efeméride, na que asinaban un manifesto, entre outros, Castelao, Ramón Cabanillas, López Abente, Xaime Quintanilla, Losada Diéguez, Peña Novo, Vicente Risco, Antón Vilar Ponte, Victoriano Taibo, Anxel Casal, Ramón Villar Ponte e Xoán Vicente Viqueira que se proclamaban nacionalistas, afirmando: Tendo Galicia todas as características esenciais de nacionalidade, nós, nomeámonos, de hoxe para sempre nacionalistas galegos, xa que a verba rexionalismo non recolle todas as aspiracións nin encerra toda a intensidade dos nosos problemas.

Dando resposta a este chamamento de expresión da nosa condición nacional mediante a nosa bandeira, hoxe, 23 de novembro, máis de 170 localidades izaron a bandeira e 56 concellos realizaron distintos actos, nos que a bandeira galega foi protagonista. Nestes actos recitáronse poemas de Marica Campo (creados expresamente para está campaña), Manuel María, Ramón Cabanillas, Pousa Antelo, López Abente, Delgado Gurriarán alusivos todos eles a nosa bandeira.

Contouse ademais con diferentes actuación musicais e deuse lectura ao un manifesto referido á xestación e significado dos nosos símbolos, á relevancia e actualidade do manifesto nacionalista das Irmandades da Fala e ao dereito a exercermos e existirmos como pobo.

Para moitos destes actos contouse tamén co apoio dos concellos para a localización, a autorización e o apoio loxístico para colocar a bandeira e que siga ondeando no futuro. Temos, tamén, o compromiso doutros concellos que, por diferentes motivos, hoxe, non lle foi posíbel, mais que teñen a intención de colocala no futuro.

Entre os concellos que se izaron bandeiras e se realizaron actos están: A Coruña, Guarda, Allariz, Ames, A Mezquita, A Pobra de Brollón, A Pobra de Caramiñal, A Rúa, Arzúa, Barreiros, Bueu, Cangas, Cedeira, Compostela, Fene, Ferrol, Gondomar, Lugo, Maceda, Mazaricos, Moaña, Moeche, Muras, Muros, Narón, Ourense. Outes, Pontevedra, Pontecesures, Porto do Son, Redondela, Ribadavia, Samos, San Sadurniño, Santiso, Taboada, Teixeira, Teo, Tomiño, Tui, Val Miñor, Verea, Vilar de Barrio, Vilar de Santos, Vigo, etc.

VÍA GALEGA móstrase moi satisfeita polo resultado da campaña de exposición e exhibición da nosa bandeira levada a cabo do 17 ao 23 de novembro. Unha resposta activa que supuxo que se contaran por miles as bandeiras que engalanaron o País e luciran nas fiestra e varandas.

VIA GALEGA continuará no empeño de que todos os concellos coloquen bandeiras galegas en lugares visíbeis e que permanezan no futuro. Pois, se para todos os países os seus símbolos son importantes, para unha nación como a galega, sen estado de seu e sometida durante séculos a un proceso de total asimilación, aínda cobran maior relevancia. Son o noso carné de identidade que amosan a nosa pertenza a unha nación. Os símbolos patrios únennos como galegas e galegos; fortalecen a nosa tan necesaria estima colectiva e afirman a nosa vontade de sermos donos do noso destino como pobo.

20241118

Detrás das institucións

Angrois. Xosema, CC BY-SA 3.0, https://commons.wikimedia.org/w/index.php?curid=27420563

Detrás das institucións

    Literalmente, os cidadáns estamos detrás das institucións. E en varios sentidos. Somos quen votamos e polo tanto, temos algo que dicir para poñer ou sacar xente, formas de facer, ou leis. Somos quen nos beneficiamos ou sufrimos as súas decisións e a aplicación das mesmas. Somos, en fin, quen debemos, como 'propietarios' e como 'clientes' segundo a faceta das dúas anteriores que apliquemos, repito, como propietarios ou como clientes das mesmas, quen podemos reclamar ou esixir cambios e turrar ata conseguilos para que as institucións cumpran a súa función, para crear novas (aínda que ese sería un segundo paso, por tras de facer que as que hai funcionen) ou desfacernos das inoperantes ou inconvenientes.

    Hai moitos exemplos que se poderían dar. De feito, varios por cada institución segundo a época de vida que estea a pasar cada unha. Pero en calquera caso está claro que correspóndenos a nós, como cidadáns, loitar por -e se é necesario, contra- as institucións. A nós corresponde facerlles un seguimento, máis aló dos mecanismos que se supón deberan levalo a cabo de xeito interno a elas mesmas. Sexa un goberno, local, provincial, autonómico ou estatal, un servizo -sanitario, de ensino, xudicial, ...- ou mesmo un dos chamados chiringuitos para externalizar funcións de gobernación e xestión, como Portos de Galicia ou Puertos del Estado, entre outros moitos. E, despois dese seguimento, actuar.

    Claro que, cadaquén ten as súas cousas, as súas vidas, e ninguén anda sobrado de tempo para facelo. Isto é, o facer o seguimento e conseguir un funcionamento adecuado require un esforzo da cidadanía, que de calquera xeito en xeral non chegará a controlar nin sequera que debera abranguer ese control. Pero hai que facelo na medida do posible. Para poder desfrutar unha información adecuada -léase 'o que está a pasar na TVG', para evitar situacións de perigo -agora resulta que o fiscal pide a retirada de pena ós cargos de ADIF polo caso de Angrois-, para cumprir a xustiza medioambiental -múltiples desleixamentos e agresións na costa, como no caso da illa Pancha, por non falar da ocupación de zonas indables e cambio climático-, para reclamar saúde pública -chega cos máis de sete mil mortos nas residencias de Madrid no COVID-, para o adecuado coidado dos nosos maiores na residencia máis próxima, ou outros moitos casos e situacións. Un cidadán ou cidadá se fíe ou non do sistema, que pase das situacións, non é cidadán, senón súbdito do sistema. Sexa cal sexa ese sistema, político, social ou económico.

    Todo o anterior sen esquecer que, fóra das institucións, hai casos flagrantes de incumprimentos por parte privada que se benefician da disfunción institucional. 

20241107

Desolación e futuro. A modo de fábula moderna

Desolación e futuro. A modo de fábula moderna

    No estado español, a 'guerra de Gaza' ou 'o xenocidio de Gaza', segundo que as fontes beban de man sionista ou non, teñen pasado a un segundo plano na semana de cambio de mes. Máis de douscentos mortos, máis de mil desaparecidos, e cuantiosos danos deixan un golpe climático claro. Desolación.

    O futuro sempre comeza hoxe, e, para os que por xeografía estamos lonxe desta catástrofe, ese futuro ven anunciado por unha cacofonía de voces e actores diversos que tentan ocultar responsabilidades, lanzalas cara outro, evitar autocrítica, introducir desordes interesados e nin pensar en cambios de uso se solo, políticos, sociais, económicos, ou de costumes que podan supoñer un custe de principio (político, económico...). É dicir, dende un punto de vista humano, esas voces denotan, máis ca unha falta de responsabilidade, unha irresponsabilidade a que nos cae -literalmente- encima.

    Cando xa pasaban de cen os mortos anunciados, tiven unha conversa que cortei antes de pasar a maiores. Basicamente, dicíame outra persoa que 'agora' parece ser que todo fora provocado. Non puiden conter un pequeno riso, e entón fun interpelado de novo, dicíndome que ría, porque non cría niso, pero... E cortei: río por non discutir. E pasei a falar doutra cousa. Mortos por diante, despois de avisos cada vez máis frecuentes de desastre climático dende hai décadas, e vou resolver iso respondendo a unha provocación (dobre, dunha DINA nunha ampla zona, e persoal, no momento, por non crer en teorías da conspiración). É moito máis doado facerse ouvidos a calquera bulo que comezar a mencionar que hai zonas inundables nas que se leva construíndo a saco e que o cambio climático inducido pola nosa actividade na Terra ten duplicado a intensidade e a probabilidade de fenómenos semellantes... Mentres, os voluntarios comezaban a actuar en Valencia.

    Unha anécdota que por suposto non ten importancia no contexto xeral de morte e destrución, pero que ilustra como poden chegar as catástrofes a collernos tan desprevidos. E con poucos reflexos para actuar e tentar que non cheguen a ser tan destrutivas, palialas e mellorar e aumentar a capacidade e reacción despois de que ocorran.

    Engade empatía á túa caixa de ferramentas para vivir. Protéxete contra os bulos con datos e contraste. Non te fíes de que acusa ó diferente porque o é; máis aínda cando sabemos que nas cousas de todos, máis ou menos a todos se nos pode acusar dalgunha miguiña de culpa E pensa no cambio climático, non só na reacción do goberno ós desastres que produza.

20241103

DINA e República

     Da plataforma republicana galega, chégame o seguinte (só as partes 3 e 4 de 4, como pode aprezarse) sobre a DINA (Depresión Illada en Niveis Altos), que comparto aquí aínda que a análise que fai non o comparta en boa parte:



 

 

20240925

Na procura de equilibrio

    IA, intelixencia artificial: un desafío xa hoxe para o que consideramos 'intelixencia natural', 'a nosa'; para nós que consideramos que somos os donos desa intelixencia natural (aínda que tantas veces sexa suposta ou mitificada).

    En pouco tempo vimos como a chamada IA pasaba dunha posibilidade de ciencia ficción a superar en diversos quefaceres 'intelixentes' ás nosas máis preclaras intelixencias. E hai quen di que está próximo o día no que a IA empequnecerá en intelixencia xeral a calquera humano. A partir de aí, todos seríamos unha especie de subnormais fronte a esa nova intelixencia emerxente.

    Incapaces de imaxinar un só futuro, temos moitos a disposición na nosa imaxinación, aínda que non é seguro que ningún deles acade o respaldo da futura realidade. Chega con ver as ilustracións que, xeradas a comezos do século XX ou mesmo a mediados, tentaban de representar como sería a vida nestes momentos e comparalas coa realidade. Mais, con predicións fallidas incluídas, non se pode dicir que non haxa avisos de posibilidades da IA, tanto das boas (as operacións clínicas autónomas e máis precisas que co manexo humano do bisturí chegan como mostra), como sobre todo das malas (de quitar empregos á xente a expandir a posibilidade de enganos por internet, entre outras moitas posibilidades). E tampouco que non haxa avisos de que o principal perigo próximo no tempo está non tanto no descontrol das máquinas intelixentes, escapando da supervisión humana, senón do control desas máquinas e en xeral, desa tecnoloxía, por só un puñado de xente xa cun gran poder previo, que sería potenciado por elas.

    Se nos centramos nas posibilidades para o ben, pode experimentalas calquera obtendo en pouco tempo un plan de traballo para un curso, un diagnóstico, un plan de vacacións ou unha tradución. Polo momento, non deixa de ser unha nova ferramenta que hai que saber manexar para que entregue a saída que procuramos, mais o que se chama 'nivel de entrada' a esta tecnoloxía está cada día máis baixo, e cada día é máis doado o seu manexo. Claro que por outra parte chega un momento en que o aproveitamento da IA pola nosa parte hai que comparalo co aproveitamento noso (da nosa intelixencia ós nosos cartos, pero sobre todo dos nosos datos) por parte da IA e quen a controle, a modo desas situacións nas que na relación entre dúas persoas a dependencia cambia dunha á outra de xeito rápido polo uso que se fai da relación...

    Coido que a cuestión está en procurar o equilibrio. Saberemos facelo nun mundo xa previamente desequilibrado? Lograrémolo?

20240904

Só para os meus lectores. Letras de Ángel Alda

    Só para os meus lectores. Iso me dixo Ángel Alda cando lle propuxen que o pequeno escrito que deixo a continuación pasara a este blog. E así queda, acompañado das catro fotos que me enviou, pero sen título: pónllo ti.

    Fíjense en estas cuatro imágenes fotográficas que he tomado esta misma mañana en Ribadeo.






    En una de ellas una naranja está insertada en la punta afilada de la verja de un caserón indiano de la calle San Roque. Un observador ingenuo diría que el fruto ha caído del árbol con la velocidad y la fortuna precisas para alcanzar ese final tan llamativo. No digo penoso pues al fin y al cabo el destino de cualquier fruta es terminar cruelmente devorada por una boca o por el paso del tiempo. Pero vuelvan a fijarse y verán que la lanza se ha hincado con tal profundidad en la fruta que uno duda que la simple fuerza de la gravedad haya conseguido ese efecto. Aquí ha tenido que intervenir la mano de algún ente humano buscando un efecto determinado ¿Pero cuál? ¿Que se pretendía? ¿Llamar la atención? ¿Un simple juego? Ustedes me dirán. Conmigo lo han conseguido. Estoy confuso.

      Vayamos a la otra escena. En el paseo del Cementerio.Un vecino plantó un árbol en la linde de su finca. Con el tiempo el árbol, creo que un ciprés, tengo que consultar con mi amigo Matamala, ha crecido como todos los cipreses (*). Buscando la gloria de la altura como escribía Gerardo Diego de los de Silos. Y con esa búsqueda obteniendo un equilibrio de formas sutiles, de geometría natural y equilibrio estético asilvestrado. Pero también, como en el del naranjo, una mano humana ha querido añadir un efecto artificioso. Ha procedido a una poda artística a la que son tan dados algunos jardineros por estas tierras cantábricas a imitación de los jardineros barrocos de los palacios y parques borbónicos. Aunque en este caso el podador anónimo ha encontrado la horma de sus tijeras. El dueño de la finca y plantador del árbol ha considerado oportuno dejar constancia de su disgusto con un texto que es toda una declaración de amor a los árboles y a la lengua gallega. Busquen ustedes el significado de una sola palabra, AGARIMO. El genio de un idioma en el tarro de un solo vocablo. No dejen de recrearse en ese texto.

* Ángel, despois de consultalo, especificoume que que é un tipo de teixo, Taxus baccata

20240812

Nativo (= que pertence ó lugar)

Nativo (= que pertence ó lugar)

    Mirando o dicionario, di que nativo é quen nace no lugar, pero tamén quen se fai nel pola circunstancia que sexa, ou, en xeral, quen pertence a el. Aínda máis, contando con que ese facerse é debido á vontade de quen se fai.

    Nativo ése, pero tamén se consolida máis por enfrontamento ó foráneo, sexa visitante, turista, veraneante, alleo... Aínda que cada un deses cualificativos teña matices diversos, que os diferencian entre si a pesar das cousas que podan aglutinalos. E aínda que eses cualificativos determinen clases que se solapan entre si. Ó fin, son máis determinantes en xeral as diferencias dese conxunto cos 'nativos'.

    O nativo pertence (pertencemos) ó lugar máis que o lugar lle (nos) pertence, o que pode ser certo ou non en sentido de propiedade capitalista, e aínda que o sexa no sentido de estar imbricado en nós, determinando nosos sentimentos, guiando nosos pensamentos. Ou é que pensa e sobre todo, sente, o mesmo sobre a illa Pancha ou a Torre dos Moreno un nativo que un forasteiro?

    Unha nota: non é o mesmo nativo que local. Por exemplo, o local pode coñecer un lugar, mentres que o nativo aporta o sentimento de pertenza.

    Outra nota: hai nativos que non o aparentan. Son nativos de nacemento, pero non pertencen ó lugar, teñen sido contaxiados de xeito que as cousas 'de aquí' lles parecen alleas no mesmo sentido que se pasaran oito pobos máis aló, a menos que os toquen directamente. Naceron, pero se teñen comunidade aquí é só para sacar beneficio particular, non cun sentimento de beneficio común. Son un grupo que cada vez aumenta máis, e que se deixa ver máis (e os efectos que leva consigo esa visión) a medida que van ocorrendo fenómenos como a xentrificación das vilas ou a destrución da costa. Un fenómeno que vai cambiando a mentalidade xeral. Ou, non cambiou a idea xeral da sociedade sobre un símbolo ribadense como a Torre dos Moreno dende que o capital privado foi tomando a iniciativa e a propiedade? Non cambiou a visión sobre un emblema como a illa Pancha dende que foi permitida a privatización de parte dela e o funcionamento duns apartamentos e cafetería?

    A invasión forasteira no verán supón un cambio pola ocupación do lugar, que varía en si, no uso, nas oportunidades para quen é veciño todo o ano (os ocasionais non teñen nin referencia para valorar os cambios) en troques de usuario pasaxeiro. Un cambio que pon patente a diferencia entre nativos e visitantes. Para os nativos, o común, o comunitario, é tamén propio, e débeselle coidado. Se se privatiza, alléase e pasa a ser algo totalmente diferente.

    Nativo implica comunidade. En pensamento e cohesión. Con diferencias, si, diferencias enriquecedoras e conflitos ineludibles, no pensamento como na cohesión. Pero con sentimento superior e consciente dunha unión, ás veces querida, ás veces só debida.

    Se o propósito é a ganancia e o 'éxito', canta máis rivalidade e 'un mesmo', mellor. Nese caso, pode non serse visitante, mais como apuntei antes xa non se é nativo porque se considera un por riba 'desas cousas' locais, que, por contra, son os fundamento das más xerais, nunha sociedade máis extensa.

    Un lugar de vida chamado 'casa' pode selo para os veciños, pero dificilmente no mesmo sentido para os turistas. Ou sinxelamente, para os non locais.

20240807

MANIFESTO PLAN DE ACCIÓN POLA DEMOCRACIA

MANIFESTO PLAN DE ACCIÓN POLA DEMOCRACIA

    Hai xa case un mes (o 17 de xulo) que se presentou no Congreso o Plan de acción pola democracia. Dende aquela, salvo ó dia seguinte no que a bote pronto a prensa cuasi monopolista botou lume coa acusación de ir en contra da liberdade de prensa (é dicir, traducindo: de ir contra o poder que controla a prensa), a discusión sobre o tema decaeu rapidamente nun marco de enfrontamento entre goberno e oposición e outros poderes no medio do control do poder xudicial ou da gobernabilidade de Cataluña.

    Por iso traio aquí, despois duns cantos días gardado o enderezo no ordenador, o manifesto sobre dito plan de acción, presentado de xeito case simultáneo por diversas organizacións sociais, entre as que está Xnet, pola que accedín a el.

    A ligazón é https://xnet.maadix.org/nextcloud/index.php/s/JTdwGcpDX3z5PEs. Deixo a ligazón porque aínda que ten letra grande, portada e contraportada, non deixan de ser doce páxinas, abondo para un artigo pequeno, ás que habería que engadir no seu caso os comentarios pertinentes (aínda que polo xeral eu non comente directamente os documentos que ligo). Un manifesto con propostas abondo concretas coas que, salvo intereses de poder, estimo que é difícil non estar de acordo. Outra cousa é a dificutade de plamar nun documento definitivo as propostas feitas...

20240724

Distinguindo

 Distinguindo (entre o que é de algún ou algúns e o que e de todos)

    Coido que cabe unha explicación inicial, por se hai despiste: Na sociedade ou na política, estamos vivindo nun sistema capitalista. Ou, hai algunha democracia actual que non sexa capitalista? Iso ven significar que hai cousas que son posesión privada e que a acumulación de capital en mans privadas tende a favorecerse. O resto, é comunitario. Digamos, público, aínda que non é o mesmo nin moito menos.
    Pois ben, dentro dun sistema no que a acumulación é unha pedra angular, hai unha tendencia, unha vez que comeza alguén a apropiarse de cousas, a considerar 'todo seu'. É dicir, a facer unha interpretación particular de "o meu é meu, e o que é de todos, tamén é meu". Normal: cando se ten moito, poderiamos dicir que non se distinguen ben os límites das posesións, que se usa todo pensando que é propio. E quen ten algo menos, tenta copiar dos que máis teñen para seguilos nos seus éxitos de acumulación de capital e poder. Ó final, eses límites desdebuxados levan consigo a apropiación do comunitario á par que á limitación de posibilidades de propiedade de quen menos ten. Coa consecuencia de que todos -si, todos, toda a comunidade, mesmo os que máis teñen, e aínda que por outro lado gañen máis- saímos perdendo. E mesmo se considera que opoñerse a esa apropiación privada do que é de todos vai contra o progreso e contra o ben común. Non importa que o suxeito de apropiación poda ser unha terra, o medio ambiente, os orzamentos públicos ou mesmo un ditame de xustiza, entre milleiros de posibilidades. Ou non se expropian terras para facelas públicas e pasarllas a alguén, particular ou empresa, por 'motivos de interese prioritario' definidos a partir de informes da empresa beneficiaria? Non se fan hospitais públicos para ser entregados, chave en man, a entidades privadas, con contrato e beneficios asegurados? Non hai concesións de terreos ou infraestruturas públicas para explotación privada? Non hai mesmo inflación de noticias sobre sentencias rechamantes con intereses particulares por medio? Son algúns casos que o sistema alenta, mesmo aínda que vaia contra a letra das normas
    Hai xa máis dun par de decenios lembro ter escrito que a privatización sempre ten un límite, e así, as estradas de pouco tráfico non se privatizarían nunca porque non compensaría a ninguén a súa explotación. Coido que me equivoquei. Mesmo así, pode haber interesados en obter o poder sobre elas, aínda que non sexa para obter beneficio directo, senón só para beneficios indirectos, como evitar que pase outra xente que poda competir en algún negocio, para evitar que outra xente obteña proveito. Por outra banda, se mesmo se ten privatizado a xestión (nalgúns lugares, mesmo a posibilidade de extracción) dun ben necesario como é a auga... Iso si, asegurando a construción e mantemento da rede de subministro ou depuración por parte pública.
    Pouco a pouco estase a volver a vellos tempos nos que todo tiña dono, porque todo era de alguén. Literalmente, nos que moita xente ‘non tiña onde caerse morta’.

20240708

Un de cada cinco galegos será tamén galego

Un de cada cinco galegos será tamén galego

    Hai poucos días, unha nova de prensa titulaba 'Uno de cada cinco gallegos será extranjero'. Coido que, aínda entendendo o que pretende informar, é un titular nefasto, por varias razóns. A primeira, pola mera contradición na construción da frase: se es estranxeiro (é dicir, doutro país), non podes ser galego, e viceversa. Pero poñamos que se colle o de galego nun sentido amplo, e que iso fai que a construción non sexa contraditoria. Sería pasable. Coido máis perigoso o establecer no titular unha distinción entre galegos e galegos. Se os 'estranxeiros galegos' son galegos, deberían tomarse como tales, sen diferencias. O contrario leva consigo problemas.

    Si, tamén leva problemas o facer que os estranxeiros galegos sexan galegos a secas, pero son problemas antes de, problemas para lograr a equiparación, problemas para establecer criterios, bases para tomar decisións... É dicir, non son problemas a posteriori, enraizados xa nunha sociedade con cidadáns de primeira e de segunda, e coa única saída de longos enfrontamentos e frustracións, cunha creba social. Esas dificultades, os problemas, son algo que xa existe e se ve e se sofre a diario, pero que máis ou menos pode dicirse que é algo que non está legalizado, co que aínda que con desvantaxe, pódese loitar contra el no sistema actual. O facer cidadáns (a secas, ou sexa, 'de primeira') e cidadáns con adxectivo (ou 'de segunda') levaría a ter que facer cambios no sistema para poder amañar algo. Ou sexa, ben máis difícil nun sistema que fai augas tamén por moitos outros sitios, pero que polo momento, é o que temos.

    Mais titulares como o que cito están a facer esa incrustación de problemas para o futuro pouco a pouco. Seguen a o camiño equivalente non tanto a sinalar a orixe dos galegos e galegas, senón que o que sinalan e fan fincapé é na diferencia desa orixe, e na súa galeguidade.

A sociedade galega, como calquera outro corpo social, ten moitos problemas, dende a demografía, que se entende como tal co vello esquema inaplicable hoxe do medre continuo, á integración da xente que vén de fóra, que dalgún xeito se pretende que exista como asimilación pero que non se pon en marcha, non se practica, de ningún xeito. E así, ó tempo faise fincapé na necesidade de ‘atraer man de obra’ e no desexo de ‘Galicia para os galegos’ (cabería engadir ‘de pata negra’, ou, máis aínda, para algúns galegos con posibles). Fálase da necesidade do seu traballo, para pagar as pensións ou a sanidade, o sistema social, ó tempo que asoma como asombro que as persoas que están a facer ese traballo estense a beneficiar do sistema que contribúen a manter. E no medio, corren bulos de todo tipo, e seguirán a correr. Pero, a máis da xustiza social ou a moral, os números amosan que as cousas irán mellor se, no futuro, adoptamos mellor un título parello a ‘Un de cada cinco galegos será tamén galego’, sen máis.

20240617

Moito lle queda por aprender á intelixencia artificial

Moito lle queda por aprender á intelixencia artificial

    Por sorte para nós!

    A chamada intelixencia artificial, IA (ou AI en inglés, pero non hai problema, 'ela' tamén pode expresarse e entender en galego) é o efecto que nos produce un conxunto de programas informáticos que manexan algoritmos avanzados e grandes bases de datos. Efecto que nós asemellamos á intelixencia. Ía dicir 'á nosa intelixencia', pero é moito dicir, por varias razóns nas que non entrarei.

    O caso é que a IA, como ferramenta aproveitada por humanos, pode usarse para desenvolver medicamentos ou apuntar e disparar un arma de xeito automático, pasando por apropiarse de máis datos nosos e usalos de xeito mellor ó servizo de grandes empresas ou gobernos, entre moitas outras posibilidades. O difícil, polo momento, é que nos poidamos aproveitar nós sen que 'de paso' haxa quen se aproveite diso mesmo para aproveitarse de nós. Por iso mesmo escoitamos falar dos perigos da IA. Por iso mesmo ten tanto interese para as multinacionais. Algo relacionado co por que non se escoita falar da IA libre, aínda que a comunidade libre non está á marxe do desenvolvemento da ferramenta

    As máquinas poden ser moito máis rápidas e ter menos erros ca nós facendo certas cousas que nós facemos a través do noso cerebro, ó igual que xa hai tempo que sabemos que poden desenvolver unha forza, unha potencia ou unha velocidade maior cas nosas. Por exemplo, a AI é capaz de verter sobre as redes sociais mentiras con aparencia de verdades, adaptadas a cada un de nós (a cada quen nas súas redes), de xeito continuo, ó ritmo que lle marque quen a manexe. Moito máis efectivo que unha soa persoa tecleando, moito máis. E, repito, e iso que aínda teñen moito que aprender, moitos datos por recoller e moito que mellorar ós programas. Se xa compoñen pinturas ou fotos que ganan premios en concursos por riba doutras obtidas por humanos, e que son indistinguibles por nós da realizadas polas persoas, imaxinemos o que pode pasar cando melloren algo máis as súas aptitudes. E algo máis. E máis...

    Ate o momento, seguimos a pensar que a característica máis xenuína da nosa raza, da humanidade, é a intelixencia. Algo que nos permite relacionarnos e empatizar con xente, ou pensar en abstracto, desenvolver a ciencia e a tecnoloxía, as artes ou captar a beleza dun xeito que cremos que os animais non poden acadar. E agora, algúns de nós están a desenvolver esa 'intelixencia', que poderá ser aplicada ás máquinas que xa son máis fortes ou veloces ca nós. Hai quen ve o problema de que as máquinas podan chegar a independizarse de nós e someternos. En realidade, non fai falta que chegue ese momento: quen sexa o amo da IA xa nos poderá enganar, dirixir, someter, dun xeito que aínda a pesar do estado actual das técnicas de engano, dirección da mente ou dependencia mental, non estamos afeitos a sufrir. Dun xeito que, se mesmo agora moitas veces non somos conscientes, será moito máis difícil de detectar por nós.

    Mentres, o que nos queda é aprender a usala tentando que nos use a nós o menos posible.

20240604

Unha análise de título e subtítulo

Unha análise de título e subtítulo

    Cando isto escribo, faltan menos de seis días para que rematen as votacións ao Parlamento Europeo, 'as europeas'. Pese á escasa atención que se lle está adicando en relación a outras eleccións, aparecen varios titulares que tratan o tema, día tras outro, nos diversos xornais. E, mesmo a pesar desa escasa atención, xa dende os titulares os medios soen decantarse ofrecendo máis opinión ou tentativas de creación de opinión que feitos contrastados. Máis aínda: a intoxicación informativa chega a que, comparando diversos medios con calma, moitos titulares que aparecen presentando a información dun xeito máis ou menos neutro, poden destacar como un xeito máis de tendencia partidista se se fai a comparación cun pouco de présa ou con algo menos de coidado.

    Pode que sexa en temas políticos onde máis se vexa ese tipo de situacións, pero tamén é evidente que pode suceder na difusión mediática de calquera tema, guiada por calquera tipo de interese. E a máis, tendo en conta que a medida que pasa o tempo hai unha tendencia á concentración (sexa de sociedades que tenden a federarse, empresas que medran máis canto maiores son xa, partidos políticos que se integran en redes internacionais...), unha tendencia que fai que eses intereses tendan asemade a medrar e polo tanto a ter máis influenza.

    Aínda que non o mencionei antes, chega con falar só de titulares en xeral, sen entrar no desenvolvemento do que vai baixo deles. Un exemplo? Collo o titular dunha nova de onte nun xornal galego. A nova aparece doutros xeitos noutros medios, pero neste caso -cito textualmente-, di: "Altri tomará la decisión final sobre su implantación en Galicia una vez resuelva su licencia ambiental y una financiación con el 25 % de fondos públicos. El CEO de la compañía señala que detrás de las críticas al proyecto de Palas «hay mucha desinformación y muchos argumentos que no son correctos»". Unha nova de actualidade. Quen fala é un xefe da compañía que quere construír unha fábrica en Palas de Rei. Di que detrás das críticas hai moita falta de información, e fala de argumentos incorrectos. E é posible que haxa algo de desinformación, algo que non da a empresa. Sinala argumentos incorrectos, mais de xeito xenérico, sen citar, de forma que, que está a dicir el á súa vez? Iso no subtítulo. No título, está expoñendo un xeito de facer as cousas. Neutral... non? Pensando en que o mesmo título pode poñerse de xeito  'non menos neutro' como 'Altri tomará a decisión despois de que lle concedan o que quere e lle den cartos de todos para facer o que quere', coido que o que se chama neste caso neutralidade, aínda sen comparar con outros titulares equivalentes doutros medios, está claro.

    Nun escrito pequeno coma este, sempre queda fóra a maioría das cousas tratables dentro do tema, sexa o que sexa, que se está a desenvolver. Mais esa falta evidente non impide neste caso aproveitar o anterior para facer un chamamento tanto a quen escribe (eu incluído) como a quen le (repito o 'eu incluído' anterior) na procura dunha claridade que permita identificar o límite entre información e opinión, a falta moitas veces de posibilidade de identificar sinxelamente o que é mentira.

    [Nota. Definición de mentira segundo o Dicionario da R.A.G: "Aquilo que unha persoa presenta como verdadeiro sabendo que é falso."]

20240508

Sen espazos comúns non hai comunidade

Sen espazos comúns non hai comunidade

    Sen espazos comúns non hai comunidade, sen comunidade non hai sociedade, e sen sociedade non hai persoas.

    Comezando polo final, as persoas constituímos a sociedade, pero é precisamente o estar inmersos na sociedade, esa constitución social, a que nos fai persoas. Os raros casos como os de nenos criados por lobos ou por outros animais amosan que tiveron que recibir coidados sociais antes de poder dicir deles que eran 'persoas'. E os sentimentos que definen as persoas están relacionados coa sociedade na que teñen acubillo. É unha cuestión de aprendizaxe social que non só leva a diferentes vivencias senón tamén a diferentes formas de vivilas.

    Mais a sociedade está baseada nunha comunidade, 'condición do que é común, do que se dá en común', di o dicionario. Se non temos nada en común, pode ser formalmente unha sociedade, pero é como se estiveramos vivindo en Marte en troques de na Terra. Algo que se visualiza cando aparecen novas como que algún empresario está a darlle voltas a facer posible que multimillonarios podan, efectivamente, facerse ilusións de ir vivir a Marte. En realidade pódese dicir que é como se xa o estiveran a facer, de separados das vivencias do día a día das 'persoas de a pé' que poden sentirse ou que podemos imaxinalos. Por outra banda, o esnaquizamento da comunidade -consciente ou non- dá lugar mesmo a considerar ó outro como non persoa, fóra da sociedade ou sen dereitos, como parece estar ocorrendo agora mesmo en Gaza, despois de ter ocorrido en Auschwitz ou no Campo de concentración de Arnao.

    O caso é que a comunidade, base da sociedade e do desenvolvemento das persoas, hai que coidala para que poda vivir e ser aproveitada. Entre outras cousas, necesita espazo. Espazo físico, territorio para poder asentarse, estar, e tamén espazo no inmaterial, onde poder intercambiar ideas sen interferencias que as desvirtúen ou fagan imposible a comunicación. E así, chegamos a cousas que son evidentes, aínda que presentadas a bote pronto ou fóra de contexto podan non semellar tan evidentes. Exemplos son a ocupación de espazo público, desaloxando as súas posibilidades de mantemento de comunidade, para facer del almacén -recorte de rúas, onde os nenos xa non poden xogar, para facer aparcamento- ou negocio -deixar a rúa reducida a inatendido corredor entre terrazas-. No caso do abstracto inmaterial, a colonización da rede internet por anuncios e peaxes de paso expulsan da comunicación o que non estea 'patrocinado', tendo ademais que enfrontarse a trabas legais por protección administrativa en caso de tratar temas relacionados coa xestión do poder -aí está a lei mordaza, que non se dá derogado polas ‘esquerdas’ despois de ser proposta polas ‘dereitas’- e a desprotección ante ataques de terceiros con insultos ou ameazas, algo do que temos experiencia que se está a producir ata no que se chama 'altos niveis', por superar que o estea a sufrir un mesmo.

    Se queremos seguir a chamar ás persoas así, 'persoa', co mesmo significado, teremos que coidar eses espazos comúns, mantelos de todos sen discriminación -sexa por peto, raza, sexo ou outras ocorrencias-, darlles vida, usalos e aproveitalos como abono do xerme do que temos en común, que como persoas é practicamente todo.

Unha curiosidade: comparativa de beneficios para un negocio polo uso do espazo público fronte a el para diferentes cousas.


20240429

A fábrica da indiferencia (e pasotismo)

A fábrica da indiferenza (e pasotismo)

Imaxe de F. Falistoco, CCBYSA4.0


    Permitídeme que non fale de nada actual, e sen embargo, máis de hoxe que as novas 'frescas'.

    Afeitos a escoitar 'por riba de' outras voces, novas, cousas, o que rematamos a facer é atarefarnos en oír máis que en escoitar e comprender.

    Quedamos nunha primeira fase, que xa nos costa, na que identificamos sons, co que nos chega a indiferenza; os sons son diferentes, pero para nós non son máis ca iso, sons. Identificamos que nos chegan, pero non chegamos a diferencialos para nós clasificalos, analizalos, traballar con eles, integralos no noso coñecemento, ser, decisións. E isto, de xeito irremisible, lévanos ó pasotismo, á falta de actuación sobre o que transmiten, máis aló do ruído. Só actuamos polo ruído. Polo ruído máis forte, por aquel que nos fai facer o menos esforzo para identificar que é. Que é un son individualizado. Sabemos que mesmo así, poderíamos facer máis esforzo por interpretar e interpelar ese son que nos chega como ruído, pero xa é abondo esforzo en xeral o chegar á identificación dun son sobre os outros ruídos, e elixilo para seguilo. Repito: para seguilo, non para descifralo, comprendelo, criticalo en relación a nós, actuar como resultado desa crítica e non da orde que todo berro ven a representar. E un son que sobrepasa en intensidade ó resto de ruído hasta facerse audible por riba del, berro é.

    Narrar: tomar decisións conscientes da lingua. Din algo así como que ter un sentido na vida é facerse unha narrativa propia. E unha narrativa non se constrúe a base de berros, de interxeccións, aínda que podan intervir poñendo unha nota de cor. Iso: unha nota de cor que pode ir corrixindo a indiferenza para marcar a diferencia. E, de resultas, para rematar co pasotismo, pasando a acción de control da propia vida e de co-control da sociedade na que estamos (e está a sociedade) inmersa. O dito: non podemos narrarnos a base de ruído.

    De aí, aplíquese a elixir que o consumir (por exemplo, información, ou política), ou canto (se algo), pero sobre todo, a tomar decisións sobre a propia vida, a tomar as rendas propias sen adoptar os movementos que inducen os tiróns das bridas alleas, como se de animais de carga se tratara.

    Remato cunha nota aparte despois da nova da semana:

    Entendo que é esa 'fábrica de pasotismo' á que tentou responder Pedro Sánchez co seu anuncio, de xeito independente ó resultado concreto no caso, ou a contemplación dunha estratexia de futuro, cousas nas que non entro agora e que nos levarían a preguntas como, por que agora e non antes?

20240417

Eloxio, crítica e límites da tecnoloxía

Ferramenta de pedra. Foto no D.P. collida de Wikimedia Commons.

Eloxio, crítica e límites da tecnoloxía

    Centos de mísiles e proxectís diversos sobre o ceo de Israel, neutralizados case todos. E os poucos que non, sen causar danos graves como consecuencia do seu impacto, literalmente ‘deixados chegar a destino para non gastar cartos por non pagar a pena despois de estudar o seu lugar de impacto’. Viva a tecnoloxía! É prodixiosa! Conseguiu desactivar o ataque sen perdas, dun xeito case milagreiro! Pero é a tecnoloxía (aínda polo que se ve, dun nivel inferior) a que tamén permitiu realizar o ataque sobre os ceos de Israel.

    Non, nestas palabras non se trata de ir a favor ou en contra do goberno dun país (menos aínda, do seu pobo, que é diferente). Houbo, hai e haberá momentos e lugares para manifestar esa necesidade. Isto vai só de tecnoloxía. Tampouco de como se consigue, ou o mellor sistema de obtela.

    Hai tempo que está claro que a tecnoloxía é neutra no sentido de que a súa bondade ou maldade depende de nós, humanos, de como a usamos, para que. E hai tempo que se sabe que ter unha mellor tecnoloxía dá vantaxe en calquera guerra, económica ou militar, non importa.

    Pero a tecnoloxía ten límites. Así, o factor humano, de moitos xeitos diferentes, pode contrarrestar un atraso tecnolóxico. Por un factor tal caeu o imperio romano fronte ós pobos ós que chamaba 'bárbaros', que aproveitaron a súa descomposición interna partindo dunhabase tecnolóxica inferior. E así caeu o sistema de vídeo Betamax, superior fronte ó que dicían inferior VHS, por un mellor manexo de permisos de uso e desenvolvemento comercial. E de xeito parello podemos perder a guerra fronte á emerxencia climática aínda que teñamos, din, tecnoloxía para poder afrontalo: o sistema socioeconómico na que a humanidade estamos inmersos non está a permitir que se aplique en cantidade e rendemento, ou que se apliquen os medios para poder usar esa tecnoloxía.

    Volvendo ó caso inicial, o éxito da defensa israelí no ataque iraniano, a tecnoloxía empregada por Israel garante a súa venda a bo prezo, unha volta amosado o seu rendemento e a súa utilidade. Difícil, moi difícil será que os medios aéreos de Irán podan golpear a Israel, mentres ó contrario está demostrado que si é posible. Pero toda esa tecnoloxía non garante a vitoria fronte a un pobo palestino que non ten nada que perder, posto fronte á súa propia morte. Nin tampouco pode librar das consecuencias se un mísil ten unha bomba de potencia abondo, poñamos unha bomba A ou H, de xeito que os efectos da súa explosión afecten a quilómetros de distancia... podendo levar ademais, a unha guerra moito máis estendida e mortífera.