Amosando publicacións coa etiqueta podcast. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta podcast. Amosar todas as publicacións

20250205

Remata o pleno votando contra a lei? Audio

O teixo de Arante, árbore senlleira dada onte por desaufizada polo alcalde. Autor descoñecido

    Aínda con problema, xa podo compartir o audio da sesión do pleno extraordinario e obrigado de 20250204 en Ribadeo. Tomado dende o fondo da sala, hora e media, sen editar. Componse de breve intervención do alcalde para abrir o pleno, presentación das propostas a cargo de Pablo Vizoso (BNG), breve intervención de Marta García Rey (PSOE), longa intervención do alcalde Daniel Vega, resposta de Pablo Vizoso, incluíndo audios de entrevistas, e remate tamén longo do alcalde. Audio dende Acast, https://shows.acast.com/ribadeando:

 O audio, noutra plataforma:


20250202

Verbas na xuntaza pola Paz en Ribadeo 20250202

    Hoxe domingo tivo lugar unha nova concentración semanal pola paz en Ribadeo, ás 12:30 no Cantón dos Moreno. Algo máis de trinta persoas fímonos achegando ate o final, máis algún que se parou a escoitar algún retazo ó lonxe para logo seguir o seu camiño. Deixo o audio antes do Grândola, con intervencións de Suso Fernández, miña, de José Ángel Salvatierra e de Pancho Campos, un par de fotos entre as que tomou Suso e o cartel, tamén del como ven sendo tradicional.

 




20250126

Contra vento e choiva, paz

Contra vento e choiva, paz

    Hoxe, 26 de xaneiro, un domingo máis, tivo lugar a concentración pola paz que se ven tendo en Ribadeo de xeito semanal, a partir do comezo da guerra de Rusia contra Ucraína, e logo de xeito renovado, de Israel contra Gaza, Palestina, Líbano, Siria, Iemen... polo de agora.

    Hoxe, co mal tempo, as vinte persoas que estabamos refuxiámonos baixo a protección do adro do concello, e comecei as intervencións dicindo da reanudación do envío estadounidense de armas a Israel retido ó final do mandato Biden. Eli García Bouso, Suso Fernández, Nana Montañés ou Jesús Irigoyen foron as seguintes intervencións que se poden escoitar no audio, malamente a raíz do tempo e as condicións acústicas no lugar con xente. Coma normalmente, as fotos son de Suso. Ó final, unha foto e un pequeno vídeo das bandeiras no concello, comezando a desgarrarse a galega e algo menos avanzado, a española.







20240618

O domingo é día de paz

    O domingo pasado, 16 de xuño, unha nova concentración en Ribadeo (12:30, no Cantón dos Moreno) lembrou que hai que construír a paz. De paso que lembro un novo día de concentración o próximo domingo 23 á mesma hora no mesmo lugar, baixo as dúas fotos de Suso deixo as verbas que se dixeron o pasado día 16 de xuño, diante das 15 persoas asistentes:



20240519

A paz, na concentración de Ribadeo 20240519

Vista parcial ó final da concentración 20240519

    Hoxe, domingo 19 de maio, houbo unha nova edición das concentracións semanais que a favor da paz se están a facer diante da casa do concello de Ribadeo ás 12:30 da mañá.

    Unhas corenta persoas xuntámonos e escoitamos unha petición pola paz (Lida por Jesús Irigoyen), un poema de Luísa Villalta de 2003 (lido por min) e aprobamos o dirixir, en nome da Plataforma pola paz da Mariña e o Occidente Asturiano, un escrito ós centros educativos da zona para promover a reflexión pola paz, que será enviado esta semana que comeza (lido por Elvira Posada).

    Deixo a continuación o audio e os textos lidos, a excepción do comunicado ós centros educativos, que será merecedor doutra entrada, ou no seu caso, anexo ó comentario da próxima semana.

 


20240408

Da xuntanza de pensionistas de 20240406 en Ribadeo

Da xuntanza de pensionistas de 20240406 en Ribadeo

    Sábado 6 de abril tivo lugar a concentración pensionista que se mantén dende hai tempo os primeiros sábados de mes en Ribadeo, nas escaleiras da Casa do Concello. 35 persoas, un día máis, en común.

    Deixo dous audios (podcast) coas verbas de Evaristo Lombardero, que, na primeira parte reflectiu o comunicado que adxunto máis abaixo, e na segunda pasou a outras reseñas.

Comunicado da Unidade de Acción pensionista estatal ante a prórroga dos Orzamentos Xerais do Estado

25 de marzo 2024

A UAE pensionista rexistrou con data de decembro e febreiro dos anos 2023/2024 no Congreso as demandas urxentes que o colectivo consideraba necesario introducir na tramitación parlamentaria dos PXE.

Por mor do rexistro das nosas reivindicacións no Congreso dos Deputados, por parte das organizacións de pensionistas de Unidade de Acción Estatal fóronse celebrando diversas reunións cos grupos parlamentarios de BNG, SUMAR, EH Bildu, ERC e PODEMOS (o PSOE de momento non nos contestou), con diverso grao de compromiso respecto ao apoio das nosas reivindicacións, para levalas ao debate (que parecía inminente) dos Orzamentos Xerais do Estado.

Despois de celebradas esas reunións o calendario político cambiou, ese debate non se dará. Pero sexa cal for a situación, as organizacións que subscribimos este comunicado manifestamos a nosa vontade decidida e unitaria de esixir, ao goberno e aos paridos que lle apoian, os obxectivos da nosa táboa reivindicativa e os compromisos adquiridos. Os PXE prorróganse, pero as necesidades das persoas pensionistas son improrrogables. Se hai vontade de atendelas, seguro que son posibles, e desde as rúas e as prazas así o esixiremos.

Ao colectivo pensionista esta situación atrasa a posibilidade de que o goberno poña en marcha unha serie de medidas económicas, sociais e políticas que vimos esixindo. A non aprobación dos orzamentos pode poñer en cuestión algunhas das subidas previstas e vai seguir perpetuando a enorme brecha de xénero en pensións (máis do 30%) que afecta as mulleres, e ás pensións mínimas cuxa subida do 6,9% é insuficiente e seguen sendo pensións de miseria.

Así mesmo a prórroga orzamentaria consolida a desigual distribución da riqueza. As rendas do capital seguen aumentando. Este ano as empresas do IBEX tiveron un récord de beneficios, os bancos máis de 26.000 millóns, mentres que os salarios crecen por baixo da inflación, é dicir, redúcense en termos reais ao mesmo tempo. En todo o Estado 12,6 millóns de persoas (o 26% da poboación) atópanse no limiar da pobreza ou na exclusión social.

Observamos con preocupación que a actuación dos grupos parlamentarios, salvo algunha excepción, cada vez afástase máis dos intereses xerais da cidadanía. Hai unha crecente percepción, de que as nosas institucións e representantes non dan solución ás necesidades máis claras e concretas da xente: sanidade, educación, pensións públicas, condicións decentes de traballo, protección do dereito á vivenda etc.

Desde todas as institucións, desde a xudicatura ao Parlamento, erosiónanse cada vez con máis enerxía os dereitos de manifestación e expresión. Os movementos sociais vémonos baixo ameazas de todo tipo cando denunciamos inxustizas evidentes: desde a morte nas residencias, ao bloqueo do acceso á administración por medios telemáticos, os desafiuzamentos a persoas desamparadas, os abusos laborais, os incumprimentos de contratos, a corrupción ou as estafas estruturais aos consumidores por parte de grandes empresas. O Movemento Pensionista está a sufrir a aplicación da Lei Mordaza, desprazándonos de forma arbitraria da Praza do Congreso, do mesmo xeito que outros colectivos e movementos, e abriuse proceso sancionador a dous compañer@s de Alcalá de Henares. Esta perda de liberdades sociais non a imos a permitir.

As persoas pensionistas e calquera traballador@ están ameazadas pola perda ou a privatización do salario diferido que son as pensións públicas. Por iso, imos seguir expondo sexa cal for a situación institucional do país, as nosas reivindicacións:

- Pensións públicas mínimas equiparadas co SMI e ambas equivalentes ao 60% do salario medio segundo a carta social Europea. Plantexamos 1080 € xa!

- Habilitar partidas económicas para pechar a vergoñosa brecha de xénero. O complemento asignado e non consolidado de 33 € non resolve ningún problema.

- Aumentar a base reguladora da pensión de viuvez que permita unha pensión digna.

- Esiximos o cumprimento da lei 21/2021, segundo a cal se realizaría unha auditoría das contas da Seguridade Social (S.S.) que garanta a compensación derivada do desvío de cotizacións a fins alleos ao sistema público de pensións e da Seguridade Social.

- Rexeitamos os PPEs (Plans de Pensións de Emprego) que detraen diñeiro público á Seguridade Social, e só benefician ás empresas mediante exencións fiscais e deducións do 10% do Imposto de Sociedades.

- Esiximos eliminar os coeficientes redutores en longas carreiras de xubilación. A acción e a mobilización diante das institucións e nas rúas é o camiño!

Goberne quen goberne, as pensións públicas e os dereitos deféndense!

ASJUBI40 (Asociación Jubilación Anticipada sin Penalizar)

COESPE (Coordinadora Estatal por la Defensa del Sistema Público de Pensiones)

EHPM (Movimiento de Pensionistas de Euskal Herria)

MADPP (Movimiento Andaluz por la Defensa de las Pensiones Públicas)

MODEPEN (Movemento Galego en Defensa das Pensións e os Servizos Públicos)

UNIDAD COESPE (Coordinadora Estatal de Pensionistas)

PLATAFORMAS DE PENSIONISTAS de Badaxoz, Móstoles…

20231117

Comunicado do BNG

    Despois de escribir eu no blog a entrada "Comparando documentos cara ó pleno de onte", recibo do BNG o seguinte comunicado, en parte relacionado tamén co pleno. En baixo, audio:

O BNG LAMENTA QUE SE DUPLIQUEN INNECESARIAMENTE OS PLENOS MEDIANTE A REALIZACIÓN DE CONVOCATORIAS EXTRAORDINARIAS QUE PODERÍAN SER INTEGRADAS NUN PLENO ORDINARIO, QUE XA VAI CON RETRASO.

O BNG de Ribadeo quere facer saber á cidadanía ribadense que este xoves pasado, dezaseis de novembro, tivemos un pleno extraordinario que ben se podería ter integrado no pleno ordinario que tocaba facer a principios do mes de novembro, que xa leva dúas semanas de retraso, e que aínda está sen axendar. Se é certo que urxía aprobar os puntos que conformaban a orde do día deste pleno extraordinario, por que non se deu convocado o pleno ordinario que tocaba a principios deste mes? Retraso na convocatoria dos plenos, retraso no comezo das obras do Hospital Asilo... Non é de estrañar: cando se dedica máis tempo a especular con como podería ter sido a negociación da reforma de edificios emblemáticos de Ribadeo, ou a difundir insinuacións sobre o anterior goberno, despois bótasenos o tempo enriba e non damos preparado a convocatoria dos plenos ordinarios, ou temos que convocar á oposición de forma extraordinaria a través dos medios de comunicación.

Así foi como soubo o noso grupo municipal que ía haber pleno extraordinario este xoves dezaseis ás oito da tarde: lendo o xornal o mércores pola mañá. E non vale a escusa de que, como era pouco o que había que tratar, tampouco facía falta tanto tempo para preparar o pleno. O señor alcalde quere reducirnos o tempo de intervención nos plenos, pero semella ter a intención de, pouco menos, duplicar o número de plenos. Non se entende moi ben. Hai algo que non cadra. Non vemos ningunha razón obxectiva para que, podendo abordar un punto nun pleno ordinario, se force a convocatoria doutro extraordinario porque non se dá convocado o pleno ordinario que tocaba a principios de mes. Aumenta descontroladamente o gasto en determinadas partidas, aumenta o número de plenos... Cando se vai introducir un mínimo de racionalidade na vida do concello?

Pero, sobre todo, cando vai deixar o señor alcalde de especular co traballo feito polo anterior goberno? Cando vai deixar de encirrar sobre o labor político do anterior goberno e do BNG, o partido que o sustentaba? Cando vai deixar de presumir do que outros fixemos anteriormente e nos vai dar a coñecer os seus proxectos? Cando nos vai comunicar a cantidade de diñeiro que a Xunta vai poñer a disposición do Concello de Ribadeo para reformar integralmente o Hospital Asilo? Cando van empezar de verdade as obras do Hospital Asilo? Xa van cento sesenta e dous días coa xente maior de Ribadeo lonxe da súa casa, nunha residencia que lles é estraña, e non se lle ve trazas ao asunto: moito carteliño e moito conto, pero movemento ben pouco. Esperte, señor Vega! E déixese de lerias e de comenencias.

 

20230925

Mesa redonda sobre Xusto Moreda

Introdución á mesa redonda. Falando, Farruco G. Mesa: Celia C., Francisco D-F, Miriam G. e Pablo V.

 Mesa redonda sobre Xusto Moreda

    O pasado sábado tivo lugar unha mesa redonda sobre Xusto Moreda, no marco da homenaxe que está a ter lugar estes días en Ribadeo. Introducida polo Presidente da A. C. Francisco Lanza, Farruco Graña, e presentada por Pablo Villapol, participaron, por orde de intervención, Myriam Goluboff Scheps, Francisco Díaz Fierros Viqueira, e rematado por Celia Castro. Co salón da Casa do Mar a un terzo de ocupación, deixo unha gravación que ten dous cortes (deixando eu un espazo duns 20 s para identificalos) que corresponden basicamente á gravación dos vídeos dos que deixo tamén un en baixo, coa presentación realizada por Celia Castro.

    O vídeo:


20230402

Concentración pensionista en Ribadeo, 20230401

Foto de Suso da concentración do 20230401

    Un novo primeiro sábado de mes, concentración pensionista en Ribadeo. 52 persoas contadas no Cantón, á beira do Pazo de Ibáñez coas bandeiras a media pao por mor do accidente de tráfico de poucas horas atrás con catro mortos, que tamén foi lembrado na concentración cun minuto de silencio. Falaron Evaristo Lombardero, José Ángel Salvatierra, Básaro López e Antonio Gregorio

Texto (aproximado) lido por Evaristo Lombvardero:

Sábado 1 de Abril de 2023 (minuto de silencio polos xoves falecidos en accidente de tráfico)  

 

Bo día compañeiras e compañeiros, agardemos que non nos colla a choiva e menos ainda os incendios que están asulagando tanto en Asturias como en Galicia miles de hectáreas de monte.  

 

Quixera comentar hoxe dous temas da máxima actualidade de gran interese para os xubilados e xubiladas e para os que o van ser nos próximos anos. Pero antes quixera facervos un chamamento para que haxa mais intervencións e opinións porque todas son necesarias para que esto non se convirta nun monólogo aburrido e repetitivo.  

 

De estes dous temas vou tratar primeiro o de Francia, que se ben xa o coñecemos todos polos medios de comunicación, anque estes tratan de manterlo o mais caladiño posible hai algún aspectos que quero suliñar. Como xa sabemos as movilizacións en Francia comezaron por un grupo de estudantes e posteriormente foron apoiadas por todos os sindicatos, incluido o mais próximo ao goberno, que pretende a xa aprobou por decreto a subida da edade de xubilación de 62 a 64 anos. O que quero suliñar é que as movilizacións en Francia tiveron unha importante repercusión nas esixencias da Unión Europea á hora de negociar co goberno español o texto do último decreto lei que logo comentaremos, tal como recoñeceron diferentes medios nos días pasados, beneficiando así as reivindicacións dos pensionistas españoles. Pero non so eso, senón que en unha crónica publicada onte por axencia aparece o relato de que o goberno inglés acaba de conxelar a decisión tomada xa en 2017 de subir a edade de xubilación dos 66 aos 67 anos entre 2026 e 2028, pero agora este goberno conservador, absolutamente sumiso as ordes do Banco Mundial e dos líderes do neoliberalismo aplaza a execución de ese proxecto para despois das eleccións xerais de 2024, tomando nota as movilizacións francesas que están sendo as maiores dos últimos 40 anos e por medo a que se reproduzan as movilizacións en Gran Bretaña, ou sexa entroulles o medo no corpo como se soe decir. Naturalmente que non imos descubrir agora que as movilizacións das clases traballadoras son a principal ferramenta que temos para presionar aos gobernos de calquer color e conseguir melloras sociais ou laborais e este é un exemplo actual que demostra unha vez mais a lei da gravedade e como unha actuación en un país repercute en outro porque os problemas son moi similares e están determinados polas políticas mundiais do FMI, a UE, a banca e as multinacionais. Como sabedes hai poucos días celebrouse un encontro no Pais Vasco de plataformas de pensionistas do estado español e alí estiveron catro compañeiros e compañeiras de Modepen e tiveron conversas e debates con compañeiros franceses e de outros países europeos de maneira que se está xestando unha coordinación interestatal europea que traguerá avances nas loitas por unas pensións dignas e uns dereitos sociais que nos foron arrebatadas nos últimos anos na estratexia neoliberal de derrubar o chamado estado de benestar. Non me extendo mais neste tema que xa coñeces pero que debe servir para convencer a moita xente que ainda sigue pasiva e desmovilizada, agardando o maná, da importancia de participar e sair da casa e xenerar grandes ou pequeñas movilizacións en todos os pobos e ciudades.  

 

O segundo tema que quero comentar hoxe é o asunto do último decreto lei sobre pensións publicado no BOE o 17 de marzo que leva por pomposo título “ Medidas urxentes para a ampliación dos dereitos dos pensionistas, a reducción da brecha de xénero  e o establecimento dun novo marco de sostibilidade do sistema público de pensións”. Sobre este decreto xa tedes coñecemento pola prensa e polas notas que publicaron as plataformas de pensionsitas agrupadas na Unidade de Acción e que foi convalidado  antonte polo Congreso dos Deputados con 179 votos a favor do PSOE, Unidas Podemos, Más País, Compromís, PNV, ERC, EH Bildu y PDeCAT e outros e 104 votos en contra,  PP  Ciudadanos a CUP e o BNG e ca abstención Vox, se ben hai que suliñar que os votos en contra da CUP e o BNG foron por motivos radicalmente diferentes dos argumentos do trifachito. Sen entrar en moitos detalles os argumentos do BNG e da CUP están moito mais cercanos aos das plataformas de pensionistas de pensionistas que esixen reformas de mais calado, mentras que os do trifachito rexeitan ata as pequenas melloras de este último decreto lei.  

        Imos pasar revista brevemente aos contidos que nos benefician e os que nos perxudican desta nova norma legal, pero antes hai que suliñar mais unha vez que o escenario político e parlamentar que nos atopamos sería impensable sen a existencia das plataformas de pensionistas e das movilizacións sustentadas ao longo de estes anos. A UXT e CCOO, que tamen aprobaron o decreto e  mesmo os partidos a esquerda do PSOE e o mesmo goberno nunca presionarían polas pequenas reformas conqueridas se non estivésemos nos na rua semana tras semana en todas as CCAA do estado español.  

   Tomando como referencia un informe de Xabier Pérez Davila, o comunicado das Plataformas do estado español e  outros comentarios podemos decir que o decreto aumenta os ingresos do sistema público de pensións por varias vías sen poñer o inzo nos recortes como pretenden os grupos de dereitas e como pretendia o 0.25 de Rajoy e este é un aspecto positivo . Ou sexa no momento actual o goberno e os seus aliados non cuestionan a viabilidade económica do sistema público de pensións o cal conceptualmente é un avance anque despois dependerá de como se executen as medidas concretas ao longo dos anos. Sin embargo non podemos ser tan parvos de non lembrar que está sen realizar a auditoria de contas da Seguridade Social, que o Tribunal de Contas xa ten recoñecida unha débeda do estado ca Caixa de Pensións de 103 690 millon de euros e que dacordo ca propia lei de 2021 aprobada por este goberno a auditoría  xa debera estar rematada a 30 xunio de 2022.  Querse dicer que buscar vías de financiaciacón do sistema público de pensións como prevé o decreto lei incrementando as cotizacións dos salarios mais altos que actualmente están limitadas aos 45 000 euros ao ano, ou sexa que un salario de 90.000 euros ao ano so cotiza polos primeiros 45 000 e por esa via vanse aumentar sensiblemente as cotizacions como tamén polo incremento do porcentaxe do PIB dedicado as pensións que pode acadar o 15 % así como outras medidas, pero que en última instancia hai que saber con exactitude cal é o estado dos fondos da Caixa de Pensións e iso non se vai saber mentras non se faga a auditoria que dará datos concretos sobre os millons de euros que foron desviados ao longo de mais de trinta anos da caixa de pensións a outras actividades económicas como o xa citado repetidamente dos 64 000 millons de euros desviados por ´Rajoy aos bancos en 2008 e dos que non se devolveron mais de 6000. Naturalmente as dereitas e os seus ideólogos seguen negando a viabilidade económica das pensións públicas pero hai que lembrarlles duas noticias frescas, unha a crise bancaria suiza das semanas pasadas que supuxo a caída do xigante Credit Suizse e tivo que ser rescatado con fondos públicos con unhas perdas multimillonarias e un impacto extensivo a numerosos países e economías que chegou a xenerar un gran temor a que se extendese a todo o sistema bancario mundial como sucedeu en 2008 ca crise de Lehman Brothers, a maior creba da historia en Estados Unidos con un poderosísimo efecto dominó en todo o mundo e tamén desexo lembrar porque afecta en certo modo a Ribadeo da fuxida de Ferrovial a Holanda da man do fillo de Rafael del Pino que como sabedes o pai construiu unha mansión en Riocainzos en Vilaframil con unha enorme propiedade e casou con unha irmá de Leopoldo Calvo Sotelo. Pois ben este grupo que naceu en 1952 grazas as vantaxes e enchufes que lles deu a victoria na guerra fascista, agora para evadir centos de millons de euros en impostos vaise aos Países Baixos despois de zugar miles de millons en subvencions do estado español e dase a circunstancia de un membrode este grupo económico é un dos ideológos mais activos do neoliberalismo español e dos que mais escriben en contra das pensións públicas e da sua viabilidade, pero cando chega este momento económico de crises bancaria e de fuxida do irman maior Rafel del Pino Calvo Sotelo que ten a maioria das accions de Ferrovial para eso non teñen nada que analizar sobre a viablidade de eses emporios de capital e poder que son os verdadeiros causantes das crisis económicas, do paro, da suba de prezos e da falta de recursos, se os houbera, para os servizos públicos. Este é o contexto económico e social no que nos movemos, estos son osverdadeiros poderes económicos e nos podemos esquecelo nin por un segundo anque critiquemos e comentemos as políticas deste goberno de esquerdas.          

    O decreto tamén  introduce algunhas melloras para reducir a fenda de xénero, por exemplo incrementando os anos dedicados aos coidados que se considerarán cotizados e o aumento dun 10% do complemento por fenda de xénero, medidas que non serán suficientes para acabar con esta fenda, mais si a reducirán. Asemade aumenta as pensións mínimas, se ben queda moi lonxe da reivindicación dunha pensión mínima de 1080€/mes. E tamén foi rexeitada a proposta inical de aumentar de 25 a 30 anos o período de cálculo da base reguladora das novas pensións iniciais deixando a opción durante un tempo de elexir entre o calculo dos últimos 25 anos ou  dos últimos 29 suprimindo os dous mais desfavorables, elección que será optativa para as persoas pendentes de xubilarse. Pero a esto temos que respostar que o periodo de calculo da base reguladora ampliouse dos 15 aos 25 anos no 2011, tamén co respaldo de CCOO e UXT e que aquela norma non foi derrogada como vimos esixindo as plataformas de pensionistas. Ou sexa que quedarnos nos 25 anos e menos malo que chegar aos 30 pero non é recuperar os 15 como entende calquer parvo.  E moi ben sabemos que na situación de precariedade laboral na que nos atopamos moitos traballadores e traballadoras non van ter uns 25 anos cotizados a niveis dignos cando lles chegue a edade de xubilación. Polo tanto o decreto neste ponto tampouco é para botar foguetes.  Como tampouco derroga a lexislación de 2022 que introuciu mais facilidades para a privatización das pensións a través de facilitar a xestión dos fondos públicos por bancos e entidades privadas e dos convenios de empresa.  

En resumen o novo decreto non reproduce os pronósticos mais negativos que se esperaban da política e da cultura filobancaria do Sr. Escriva,  pero está moi lonxe de satisfacer a demandas mais urxentes das plataformas, a suba das pensións mais baixas, a fenda de xenero e a garantía definitiva da sustentabilidde do sistema público de pensións a través dos presupostos xerais do estado.  

        Para rematar vou ler a lista de reivindicacións mais urxentes que ten prantexada na actualidade a coordinadora de platafomas Unidade de Acción non sen antes insistir en que a única ferramenta útil para defender os intereses dos pensionistas e en xeral das clases traballadoras e a movilización na rua, o debate, a transmisión de información veraz nun mundo absolutamente manipulado polos medios de desinformación e por tantos e tantas profisionais e políticos dedicados en corpo e alma as 24 horas do día a engañar ás clases trabaladoras a meternos na cabeza bulos e fantasías propias do sistema neoliberal e a dividir e enfrontar aos distintos sectores da sociedade traballadora creando a impresión de uns quitamos o traballo a outros ou as persoas que veñen de outros países non a xogar aofutbol senon a traballar son os reponsabeis das dificultades económicas dos mais necesitados.  

Esta lista é a seguinte:  

  1. Pensión mínima de 1080 euros.  

 2. Eliminación efectiva da fenda de xénero.  

 3. Período de cómputo para o cálculo das pensions, dos mellores quince años de cotización de cada persoa.  

 4. Auditoría xa, das contas da Seguridade Social, en cumplimento da Ley.  

 5. Xubilación aos 65 anos, no camiño cara aos 60.  

 6. Actualización de pensions e salarios según o IPC real e anual, e recuperar a paga compensatoria anual pola pérda do poder adquisitivo das pensions.  

 7. Derrogación das reformas de 2011 e 2013 e as seguintes de 2021, 2022 e 2023.

 8. Non aos  plans de pensions privados de empresa, nen á xestión privada das pensions públicas.  

 9. Xubilación anticipada sen penalización a partir dos 40 anos cotizados.  

 10. Non á descapitalización da Seguridade Social, nen á  liquidación do seu patrimonio inmobiliario. ¡¡¡ GOBERNE QUEN GOBERNE AS PENSIONS E SERVIZOS PUBLICOS DEFENDENSE   ¡¡¡¡

20230206

Primeiro sábado de febreiro de 2023, Ribadeo. Sobre as pensións

Vista parcial da concentración. Suso non puido asistir, e nótase...

    Un sábado máis, houbo concentración de pensionistas en Ribadeo. Máis de corenta persoas e verbas de Evaristo Lombardero e un par de intervencións máis, que deixo en podcast:

e tamén aquí: https://www.podcasts.com/ribadeando-3a91407da/episode/xuntanza-de-pensionistas-en-ribadeo-20230204


20220518

A presentación de 'Ciencia e conciencia. Historia social'

    Onte, día das letras galega, no marco de Letras no campo, a feira do libro de Ribadeo desta primavera, foi presentado o libro de Fernando Villapol Parapar 'Ciencia e conciencia. Historia social'. Poño o segundo apelido a pesar de que o coñecido artista non o necesitaría a causa da mención do presentador, Francisco José Campos Dorado, do extremo da importancia dos segundos apelidos.

    A mesa de presentación estivo constituída, a máis dos xa citados, por Xosé Brais, en representación da Deputación Provincial, editora do traballo xenealóxico. Deixo o audio en podcast e algunhas imaxes. A primeira delas, a portada do libro, coa escultura representando unha neurona, en relación non só co título do libro, senón co traballo da filla do autor, Sonia Villapol, nomeada neurocientífica. A segunda, un momento da presentación na antiga oficina de turismo de Ribadeo. A terceira, o autor dando un paseo por Ribadeo. 

    En relación ó podcast, dicir que primeiro falou X. Brais como representante da Deputación de Lugo, pasando logo a Pancho Campos, que fixo de mestre de cerimonia expoñendo diversas características do escudo dos Villapol, entre outras cousas. En baixo queda o texto que usou como esquema e a imaxe do escudo que usou. Por último, o autor desgranou, nunha intervención curta, diferentes aspectos do libro e anécdotas relacionadas, como a que lle podería acarrear un alcume longo, no formato dos nomes dos autóctonos norteamericanos, o de 'escultor que escribe versos en mármore'.

Portada do libro, cunha escultura representando unha neurona.

Momento da presentación

O autor, en Ribadeo

20220514

A Bretaña que hai en NÓS, a presentación da exposición

    Onte tivo lugar a presentación da exposición 'A Bretaña que hai en NÓS', na oficina de turismo de Ribadeo, e que estará ata o 30 de maio. Participaron o alcalde, Fernando Suárez Barcia, Anxo Martínez, presidente da Asociación de irmandamento Ribadeo-Loctudy, Nadine Chaminand, présidente du Comité de Jumelage de Loctudy, Xoán Carlos Garrido, o autor da exposición, e Pierre Yves Rougier, que, a máis da intervención musical coa súa compañeira Ugía Pedreira, fixo unha pequena pintura desta terra a mans dun bretón que a coñece ben.

    Deixo en baixo o cartel anunciador, as intervencións de Fernando Suárez (en audio) e o resto de intervintes en orde (en vídeo, a excepción da música, que foi a primeira que soou) e as fotos/pdf da exposición.

Verbas de Fernando Suárez.






20220401

Falando de dúas guerras: a paz é única

    Onte xoves 20220331, houbo en Ribadeo actos referidos a dúas guerras e a procura da paz. Primeiro, pola mañá, sobre a guerra 'civil' a falta doutro nome en España. En concreto, sobre algo que non é só historia, sobre os represaliados, con motivo da instalación de adoquíns con lenda dos represaliados en Ribadeo, as 'pedras da memoria' (do orixinal alemán 'stolpersteine'). No parque, os que non se sabía doutro lugar para colocalos, noutros lugares -vivenda, traballo...- cando se sabía. Unha carpa no medio do parque nun día chuvioso acolleu a toda a xente que puido mentres se dicían as palabras protocolarias e se proxectaba un vídeo, mentres no exterior o artista Gunter Demnig, que imaxinou a homenaxe e vai prodigándose por toda Europa, comezaba a colocar os adoquíns no mesmo parque e un diante do antigo bar Cubano.

Antes de comezar o acto

As pedras do parque

Outro aspecto

Adoquíns a colocar noutros lugares

Adoquín colocado diante do antigo bar Cubano

     Deixo o audio, e, ó final da entrada, a nota de prensa do concello. A máis, están accesibles máis materiais, como o vídeo proxectado no acto (máis de media hora, abaixo de todo)

    E, pola tarde, nova concentración -e van 5- dos xoves por Ucraína, unha loita que se transforma, pero segue a deixar morte e destrución un día tras outro sen que polo momento se vexa claro o final. Unhas trinta persoas no día de chuvia que foi onte atenderon as verbas de Evaristo Lombardero, Arturo Mogo, Jesús Irigoyen e Beatriz Irigoyen.

    Deixo o audio e algunha foto de Suso Fernández, así como a convocatoria.



--

Nota de prensa do concello sobre o acto 'Pedras da memoria'

Foto Pedras da Memoria   

OS ASISTENTES PUIDERON VER TAMÉN UN VÍDEO CON TESTEMUÑAS

Ribadeo, lugar de memoria

31/03/2022

O Concello coloca hoxe 40 lastros (adoquíns) en homenaxe ás vítimas do franquismo. As Pedras da Memoria formarán parte das máis de 75 000 que a Fundación Stolpersteine leva postas desde 1997 en 20 países en toda Europa. Ribadeo é o primeiro Concello de Galicia en contar con este recoñecemento, que se celebrou no parque de San Francisco. Familiares, amigos e o artista alemán Gunter Demnig déronse cita neste acto, que foi conducido polo alcalde, Fernando Suárez, e no que interviñeron a concelleira de Cultura, Pilar Otero, o cronista oficial de Ribadeo, Eduardo Gutiérrez, así como Ramón López e Miguel Freire, familiares de vítimas ribadenses do franquismo. 

O rexedor na súa intervención dixo que "o obxectivo desta homenaxe é romper un dramático e prolongado silencio arredor dos crimes cometidos durante o franquismo, recuperando a memoria dos homes e mulleres asasinados, paseados, fusilados ou mortos, vítimas da represión franquista durante a guerra e a posguerra". 

Suárez Barcia, que leu o nome das 40 persoas homenaxeadas nesta xornada, sinalou que "os Concellos temos que facer obras, actos culturais, etc, pero tamén temos que facer memoria, porque antes ca nós, aquí viviu xente, que tiña familia, que traballaban honradamente e que ademais tiñan nobres ideais de humanidade, e de progreso colectivo, de fraternidade. E tiñan unha cousa que lles arrincaron: todo o dereito a vivir". 

O alcalde explicou que as Pedras da Memoria estarán situadas en lugares onde esas persoas homenaxeadas viviron ou traballaron. 24 dos 40 lastros foron colocados por Gunter Demnig, mentres se celebraba este acto, no parque de San Francisco e o resto estarán diante dos domicilios ou lugares de traballo das vítimas do franquismo en diferentes rúas de Ribadeo e tamén unha delas en Rinlo.

Pilar Otero, a concelleira de Cultura, sinalou que "a memoria non é algo que poidamos reprimir nin eliminar, non se pode esquecer e xa está. Sabemos que unha ferida temos que limpala para que cure ben, e senón inféctase e cheira. Por iso é tan importante este pequeno xesto que hoxe facemos en Ribadeo: porque ás persoas non se lles fai desaparecer e xa está, porque non son ósos nada máis. Por iso oxalá todos os concellos, sexan da cor política que sexan, fixeran un xesto pequeniño que axude a poden lamber as feridas para que cicatricen; non se van ir, pero seguramente deixarán de doer tanto". 

O cronista oficial de Ribadeo, Eduardo Gutiérrez, manifestou que "todas estas historias de fuxidos, asasinados, agachados, etcétera, circulaban de boca e boca pero silandeiramente; eran tamén un acto clandestino. Fíxose verdade aquel verso de Luis Pimentel, dun poema que se chama Cunetas, que di: non chores, poden escoitarte. Escribiuno en 1937, un ano, desde logo, significativo". No acto tamén tomaron a palabra Ramón López e Miguel Freire, familiares dalgunhas das persoas que foron lembradas hoxe en Ribadeo.

A continuación proxectouse un vídeo coas testemuñas recollidas nas últimas semanas. Ducias de persoas asistiron a este recoñecemento que se celebrou no parque de San Francisco. Ao principio e ao remate profesores da Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo interpretaron varias pezas musicais.

    Vídeo encargado polo concello e realizado por 'El Farero' sobre represaliados do franquismo, proxectado no acto sobre as 'Pedras da memoria':
 
Reportaxe a cargo da Deputación sobre as pedras da memoria, co autor poñendo pedras en Ribadeo:

    Versión 2024 da ruta das pedras da memoria: https://www.ribadeando.com/2024/03/ruta-das-pedras-da-memoria-de-ribadeo.html

20220331

Aprender sobre a guerra para construír a paz

    Onte tivo lugar a charla de Lourenzo Fernández Prieto sobre a guerra. Algo máis de trinta persoas escoitamos primeiro, e logo participamos en turno de preguntas e intercambio de pareceres no salón de actos da casa do mar de Ribadeo. Todos tiñamos consciencia de que para hoxe, xoves, está prevista outra concentración pola paz en Ribadeo, que a guerra na Ucraína non rematou, que o mundo non será de aquí en diante un camiño de rosas, como non o foi tampouco ata o de agora.

    Deixo aquí un podcast coa gravación (máis de hora e media) coa presentación, a charla de Tito e as preguntas e respostas que se sucederon despois, cortando tras o comezo do anuncio dun acto en Burela sobre o problema dos eólicos, promovida pola plataforma #eolicosasinon.

    Algunha foto de Suso Fernández:




20220326

Xoves 20220324, 4ª concentración pola paz en Ribadeo

    O xoves 24 de marzo tivo lugar a cuarta concentración pola paz en Ribadeo, congregando a máis de 60 persoas diante do concello, portando papeis en branco. Adxunto fotos de Suso Fernández e a gravación do que alí se dixo (falamos Evaristo Lombardero, Jesús Irigoyen e Antonio Gregorio).




 


20220318

Onte, pola paz. Hoxe, pola paz

    Onte tivo lugar a 3ª concentración pola paz que se mantén en Ribadeo este 2022. Abaixo deixo algunha foto de Suso Fernández (abaixo) e un audio do groso do que alí se dixo. Falaron: Evaristo Lombardero (cortado na súa primeira intervención), Antonio Gregorio, Carlos Cid Tesouro, Mª Luisa Mon, Beatriz Irigoyen e de novo, Evaristo Lombardero.

    Hoxe ás 20:00 h terá lugar unha xuntanza aberta a todas as persoas que o desexen no salón de actos da Casa do Mar (/Escola da música, en baixo, plano en OSM) para prantexar a posibilidade de crear unha plataforma para manter estas movilizacións. Apúntaste?



https://www.openstreetmap.org/#map=18/43.53438/-7.04090

20220310

Concentración pola paz en Ribadeo. 20220310, segunda semana

Un pequeno corro diante do concello, despois da concentración

    De novo, concentración pola paz, contra as guerras.

    Abonda máis xente que na primeira (nesta foron preto de 200 persoas). Deixo aquí un podcast coas verbas de Evaristo Lombardero, as emocionadas verbas de Oxana, que a semana pasada fixo unha viaxe a Polonia para procurar a súa filla e a súa netiña, as de Beatriz e Jesús Irigoyen, unhas poucas verbas miñas, e o final de Evaristo. E tamén, un par de fotos de Suso Fernández.

    Mentres, a guerra segue en Ucraína (e noutras partes do mundo).