Amosando publicacións coa etiqueta Galipedia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Galipedia. Amosar todas as publicacións

20250203

Temos en común o coñecemento da Wikipedia. A Galipedia e o mundo

     Antes de fin de mes, o día 21, está previsto que amarinha.gal desenvolva unha nova actividade mensual, este vez relacionada coa Wikipedia. Un pouco como introdución, outro pouco como lembranza ou aínda para 'ir abrindo boca', queda aquí un pequeno escrito sobre o tema.

Collido da Galipedia, Lic. CC BY SA 4.0

Temos en común o coñecemento da Wikipedia. A Galipedia e o mundo

    Se te achegas algo por internet, de seguro te terás metido algunha vez na Wikipedia. Se estás a ler isto, por exemplo, na coñecida como Galipedia, gl.wikipedia.org, a versión en lingua galega da enciclopedia. Para poder usala e beneficiarte dela, alguén tivo que programar unha wiki, e logo alguén tivo que compartir coñecementos, imaxes... En realidade, hoxe por hoxe, aínda que se fala máis da Wikipedia, a Fundación Wikimedia ten desenvolto toda unha serie de espazos asociados que complementan ás diversas wikipedias, como no caso da Galipedia. Asi, MetaWiki, MediaWiki, e Wikifunctions, enfocadas á coordinación, desenvolvemento e libraría de funcións, e as máis afastadas do usuario común. Pero tamén Commons e Wikidata: un, o repositorio multimedia do que collen os vídeos e as imaxes a Galipedia e as demais Wikipedia, e a outra, unha auténtica base de datos dispoñible para todo o mundo. Ou Wikispecies, Wikinews, Wikiversity e Wikivoyage, as wikis especializadas nos detalles dos seres vivos, nas noticias, en presentar os coñecementos académicos ou en facer de guía turístico a nivel mundial. E, xa máis achegados a nós, tomando os nomes que se lles deu no caso galego, Galizionario, Galilibros, Galifontes e Galicitas. Estes últimos, nome da versión galega, farían de dicionario, editorial de novos libros, editora en internet de vellos libros cando o permiten os dereitos, e citas en galego. De Commons e Wikidata, podemos obter pantallas con indicacións en galego, pero o que se visualiza é para todas as linguas, e aínda que por verse en diferentes linguas poida parecer o contrario, teñen a mesma información para todas elas. Polo contrario, o grupo Wikinews e compaña, pode traducirse e ter diferentes versións en cada lingua. Mais o meter datos, imaxes, texto, implica traballo de voluntarios, e dado o número de xente en Galicia, tense desistido na práctica dunha ‘versión galega’ delas.

    Porque si, dende a súa creación vai para un cuarto de século, a Fundación Wikimedia, que mantén a familia de wikis, ten tamén medrado e recadado fondos de pequenas e grandes doazóns non só para manter os servidores, senón para un equipo técnico que desenvolva e faga medrar que xa hai, ou un equipo administrativo para xestionar cartos e a propia estrutura da asociación. Mais, aínda así, o traballo segue estando baseado en voluntarios e voluntarias.

    Ben, falando da Galipedia, glwiki ten contidos ben diferenciados dos da eswiki ou da enwiki, aínda que algúns sexan traducións doutras versións. Así, “Vilaselán, Ribadeo”, non existe como entrada da enwiki nin de outra wiki a excepción da eswiki, onde é un pálido reflexo reducido da entrada na Galipedia. Claro, se nos imos a unha entrada como “Vía Láctea”, aparece nas tres versións anteditas, e pódese pasar dunha a outra. E aínda que non poña o mesmo, si que máis dun redactor en galego pasou ver se podía aproveitar algo do que aparece noutras linguas, co que pode presentar unha certa semellanza.

    Semellanza, dentro da diversidade. Hai 17 anos un estudo amosou que a ‘calidade’ da enwiki xa era semellante á daquela louvada Enciclopaedia Britannica, e dende entón non deixou de mellorar. Pero mesmo daquela a Enciclopedia Espasa, o equivalente da Britannica, non recollía a entrada sobre a “Batalla de Trafalgar” no mesmo senso que a súa competidora inglesa, e hoxe nesa entrada da enwiki pódese atopar unha certa diferencia coa correspondente na eswiki, por moito que dunha se poda saltar directamente á outra. Algo semellante pasa coa entrada “Revolución galega de 1846” (glwiki) ou “Levantamiento de Solís” (eswiki), o que se pode apreciar xa só con fixarse no título.

    O mundo da familia Wikimedia é amplo, de xeito que é case imposible abranguelo máis aló da superficie, a menos que te adiques só a iso. A Deus grazas, non é necesario facelo, aínda que estaría ben ter en conta algunhas cousas que soen pasar desapercibidas, como que se pode baixar un artigo ou un conxunto, en pdf, facendo un libro. Que se pode ver as versións anteriores dun artigo, e cando e por quen foron variadas. Que en xeral se poden obter en Commons imaxes de máis calidade que as que aparecen nun artigo da Galipedia ou outra Wikipedia. Que se pode dispor de xeito estruturado os datos dun persoeiro a través de Wikidata, que tamén ten unha linguaxe propia para facer a súa procura. Ou procurar algún que outro libro vello en Galifontes ou manual novo en Galilibros. Entre outras cousas, porque ‘a familia’ non só é ampla, senón multiusos, unha especie de ‘navalla suíza’ para o coñecemento. Así, na Galipedia podes atopar coñecementos xerais, como o decurso da Segunda Guerra Mundial, especializados nun campo concreto, como o ESO, Observatorio Europeo Austral, pero tamén a historia íntima dun recuncho de Galicia que terá dificultade en aparecer noutros lugares, como a evolución da poboación, toponimia, monumentos e historia temporal de A Devesa, da ribadense parroquia de Santalla da Devesa, reunidos nun só artigo.

    Para rematar, tampouco se debería esquecer, séxase usuario, contribuidor, ambas cousas ou aínda ningunha delas, que a principal norma, guía para a edición, os chamados ‘cinco piares’, tentan garantir que esta enciclopedia, a Wikipedia, siga a medrar en cantidade e calidade. Poden resumirse como “Enciclopedia, neutra, libre, consensuada e cambiante”. Unha enciclopedia para aglutinar coñecemento común, que podes usar e á que podes contribuír e editar. Wikipedia é túa, é de todos e para todos. Usa e coida do patrimonio común. Ela e ti.

Antonio Gregorio Montes, (usuario:Agremon)

Collido da Galipedia, Lic. CC BY SA 4.0

 

20240115

Ribadeo (ou outra cousa), na Wikipedia

Captura parcial de pantalla da portada da Galipedia, lic. CC BY SA 4.0

Ribadeo (ou outra cousa), na Wikipedia

     Hoxe, 15 de xaneiro, cúmprense 23 anos do lanzamento e primeira edición da Wikipedia, e da web Creative Commons, polo que é o día da Wikipedia e do Dominio Público.

    A Wikipedia comezou o seu camiño só en inglés, e houbo que esperar un par de anos a que se iniciara en galego, e un pouquiño máis a que aparecera o primeiro editor galego da Galipedia, alcumado Agremon, quen está a escribir isto.

    Despois de tantos anos, tense amosado non só como a enciclopedia máis extensa xamais feita (mesmo a Galipedia, en relación ás enciclopedias en galego), senón asemade a máis precisa, superando por exemplo á Britannica. O seu ser colaborativo, comuneiro, ten sido usado para desprestixiala: 'se calquera pode editar, pódese ver nela idioteces ou maldadades'. Mais o esprito do común tense sobreposto ata facer dela o que é na actualidade: un referente.

    Como exemplo, collamos tres palabras: Galicia, Ribadeo, Vilalba.

    En canto a Galicia, nestes momentos a voz aparece 138 linguas diferentes. Na Galipedia, a edición en galego, creouse a voz o 1 de febreiro de 2004, sendo editada dende aquela 1815 veces, a más das edicións da páxina de conversa (accesoria á principal). En castelán foi creada na madrugada do 4 de decembro de 2002, e dende aquela, foi editada 6643 veces. En inglés, foi creada o 8 de maio de 2004 e dende aquela leva 319 edicións.

    En canto a Ribadeo, na versión da Galipedia, leva 723 edicións dende o 23 de agosto de 2003, e 141 visitas nos últimos 30 días, 581 edicións dende o 28 de agosto de 2004, e 2793 visitas nos últimos 30 días, na Wikipedia en castelán, e na inglesa, 107 dende o 1 de setembro de 2007, sendo vista nesta edición 314 veces nos últimos 30 días. En total, aparece en 42 versións, 42 linguas diferentes.

    A outra entrada escollida, Vilalba, aparece en 39 linguas. Na Galipedia, editada en 307 ocasións dende o 6 de novembro de 2004, na edición en castelán como Villalba (Lugo), 711 veces dende o 11 de xullo de 2005, e en inglés, de novo como Vilalba, 125 edicións dende o 13 de xullo de 2006, sendo visitada nesta versión 369 veces nos últimos 30 días.

    Os apuntamentos son só uns poucos dos datos que se poden obter de cada artigo nunha Wikipedia, pois gárdase un historial de cada unha das edicións: o que se fixo nela, cantos bytes variou o seu tamaño, quen/dende que i.p. se fixo, etc. É dicir, pódese ir ver como estaba a voz 'mar' a finais de abril do 2023, ou ver a primeira edición que se fixo de 'electrón', aló por febreiro de 2004.

    Cumpríronse 23 anos, colaborando e mellorando. O próximo, serán 24 anos de colaboración e mellora...

20231205

Do Chío de decembro

    Remata de chegar a min o último Chío polo momento, o número da revista dixital do mes de decembro. Dela sorprendéronme varias cousas, pero o seu tamaño, asequible ata o último recuncho en pouco tempo, fai que mellor que comentalas, facilite o acceso.

    Como en números anteriores de Chío, teño unha pequena participación. Déixoa aquí tal como foi enviada, sen a maquetación que en Chío a fai diferente:

Chiar cara ó inverno

    Nestes momentos, o vento golpea fóra da casa. Métese a noite cara ó inverno con moito vento e algo menos de chuvia. O aire ven, e miro fóra e leo por onde o fai mirando os signos das herbas fronte a min.

Mentres, o mundo segue. A ría, cada vez máis estreita, prepárase para un novo apertuxarse da auga entre terra e rocha desprazada aquí e aló por intereses diversos. É curioso. A auga era a que días atrás, coa marea chea, facía que a Veiga se inundara outra vez. Algo cada ano é máis frecuente cun mar que leva subido dez centímetros no que vai de século.

E seguimos. Á vista xa están algúns deses desexos de ano novo que tanto custa manter, que non soen chegar nin a fin de mes, como un dos moitos soldos escasos que escorren entre moitas mans neste país. Non son os únicos en discontinuarse: como na canción que nos avanza que unha perna tapa a outra, unha guerra tapa a outra a pesares das boas intencións que se manifestan de xeito grandilocuente. O mesmo ca eses acordos que resultan ser máis bonitas verbas ca outra cousa prometendo facer o que sexa para parar o desastre climático mentres se seguen a subvencionar as actividades que levan ó desastre.

Pero imos achegándonos ó Nadal. Estarán acendidas as luces en Vigo, esas que iluminan o universo eclipsando a vista das estrelas, ou do este mes máis luminoso Xúpiter. Eclipsaranas ós comúns mortais que non poden -podemos- irnos a un lugar deserto, afastado do mundanal ruído. Está a chegar o tempo do sorriso fácil, da boa vontade enlatada, da superación provisional das preocupacións, da permisividade en aras do anterior e do futuro que se está a fastidiar precisamente por esa mesma permisividade. Un paseo á beira da ría para esquecer que se está a converter nun río. Unha compra para esquecer o estrago que esas compras producen. Unha volta en coche, onde sexa, para esquecer preocupacións como o envelenamento da atmosfera co mesmo fume que estamos a xerar. Ou unha camiñata polo monte rematado de se queimar?

Si, é doado. O que? Non importa, iremos polo doado: é doado! Mesmo as verbas aguantan con todo. E cada vez hai máis. Non só as producidas por unha chamada intelixencia artificial que promete cousas que non é consciente de poder cumprir (é que acaso a IA actual é consciente?). Mais tamén con palabras, con outro carácter moito máis colaborativo, humano e máis noso, con esforzo de aquí, a Galipedia acadou o mes pasado 200 000 artigos. Ribadeo, Futuro ou Cambio climático están entre eles. Un pequeno lume de esperanza de cara a un porvir polo que hai que loitar.

Repaso o escrito mentres amence. Chove no escuro, pero a luz loita por facerse día.


20231028

A Galipedia chega aos 200 000 artigos

 

Captura de pantalla da Galipedia. Lic. CC BY SA 4.0
 

A3GAL

ASOCIACIÓN DE AMIGAS E AMIGOS DA GALIPEDIA E DO COÑECEMENTO LIBRE

Galicia, 28 de outubro de 2023

Nota de de prensa

A Galipedia chega aos 200 000 artigos

    A Galipedia está de celebración. O pasado día 27 de outubro a versión en galego da famosa enciclopedia en internet Wikipedia chegou aos 200 000 artigos no ano do seu 20º aniversario, cun artigo relacionado coa diversidade biolóxica.

    Con todo, a Galipedia é moito máis que un bo número de artigos que abranguen todas as áreas de coñecemento, dende as ciencias ou as artes ata a xeografía, a historia ou os deportes, exercendo un importante papel a prol da normalización do galego que foi recoñecido co Premio Xoán Manuel Pintos da cidade de Pontevedra ou o Premio Rosalía de Castro de Lingua concedido pola Deputación da Coruña. Dende hai anos a Galipedia fixo unha aposta clara pola calidade, froito da cal creáronse máis de 240 artigos de calidade (a máxima distinción que un traballo pode acadar por parte da comunidade) e máis de 100 artigos bos, moitos deles creados dentro do propio proxecto e outros moitos traducidos doutras linguas. A comunidade da Galipedia traballa constantemente na mellora dos distintos artigos corrixindo a súa ortografía ou actualizándoos, entre outros traballos, ademais estase a traballar na aplicación dunha ferramenta que actualice de xeito automático algúns datos dos artigos como a poboación das cidades ou países de todo o mundo.

    Aínda que a Galipedia trata temas universais, a presenza de Galicia no proxecto é fundamental, poñendo en valor personalidades, festas, tradicións, lugares... da nosa terra. Especial importancia tivo nestes anos o traballo realizado por numerosas persoas do proxecto para ilustrar os artigos de todas as parroquias de Galicia, tendo cubertas xa todas as parroquias das provincias de Pontevedra e da Coruña, e boa parte das de Lugo. A través da conta de Instagram de wikipedia_en_galego tamén se conseguiu ilustrar unha boa cantidade de artigos biográficos, e presenta curiosidades, imaxes destacadas, temas de actualidade que se tratan na enciclopedia, entre outras moitas cousas.

    Por suposto, un dos obxectivos da Galipedia é a loita contra a fenda de xénero, tentando reducila mediante a creación de biografías de mulleres e temas relacionados como o deporte feminino, se ben o camiño que queda por percorrer é aínda longo.

    A día de hoxe, e a pesar da celebración desta cifra, a Galipedia enfróntase á dificultade de conseguir máis persoas que colaboren co proxecto para poder seguir medrando en cantidade e en calidade, comezar a editar é moi sinxelo e sempre haberá algunha persoa con experiencia para axudar a quen se decida a comezar.

20230312

8 de marzo noutra clave

Captura de pantalla de https://gl.wikipedia.org; lic. CC BY SA 3.0

8 de marzo noutra clave

    Pasou outro oito de marzo coa bandeira da igualdade, reivindicando e celebrando en clave de xénero. E moito se podería dicir delo. Mais o 8M pode ter outras connotacións, se se quere máis humildes ou menos coñecidas, pero que ven ben non esquecer. Por exemplo, o ser a data na que se comezou a Galipedia, a Wikipedia en galego, https://gl.wikipedia.org, unha entidade que o pasado 8 de marzo cumpriu 20 anos.

    Da Wikipedia en xeral e da Galipedia en particular, tamén poden dicirse moitas cousas. Unha das últimas que viñeron a incorporarse a esa lista é a que apareceu case o mesmo día 8 nunha noticia sobre unha pretendida clasificación internacional das linguas xestionada por institucións francesas. A clasificación abrangue esta edición algo máis de 600 linguas, entendendo que estarían máis ou menos as máis relevantes. Pode consultarse en https://www.calameo.com/read/0053751144b5e886a29e9. Resulta que o galego estaría nun posto 37 entre os milleiros de linguas faladas pola humanidade hoxe . Coido que habería moito que argumentar ó estudo clasificatorio e ó posto do galego nel, cando o catalán está no posto 12, o asturiano no 50 e o eúscaro xusto por detrás do galego, posto 38. Mais polo que traio esa noticia aquí é porque algúns dos criterios considerados para a clasificación son a presenza da lingua correspondente en internet en xeral, e na Wikipedia, en particular.

    Así eses 20 anos que xa cumpriu a Galipedia, con case 200 000 artigos que teñen feito dela xa dende hai anos, a maior enciclopedia en galego que ten existido, alumean unha traxectoria de soporte lingüístico e de coñecemento recoñecido a nivel mundial, pero moitas veces ignorado na propia terra. Así, non é raro atopar quen descoñece a existencia da Galipedia ou quen non a considera para o seu uso, cando se ben ten menos artigos que a versión en castelán, que, á súa volta, ten menos que a versión en inglés, tamén hai temáticas concretas que trata en máis profundidade que ambas, e outras moitas que, aínda que non teña entradas en tanta cantidade e tan desenvoltas como elas, son abondo explicativas e útis para o seu uso diario. Por suposto, sobre a calidade dos artigos, que na versión inglesa vai quince anos que diversos estudos indicaron que superou a daquela icónica Enciclopedia Britannica, e que segue a mellorar, non vou falar máis.

    E, lembrando de novo a celebración coincidente no tempo do día da muller, dicir que na Galipedia (e en xeral na Wikipedia) tense detectado dende hai tempo unha fenda de xénero, tanto en relación ás persoas que editan como no número de artigos agrupados por xénero ou na profundidade con que son tratados. Algo que está a corrixirse, pero aínda queda ... moito.

20230101

Amplíase o Dominio Público

Imaxe collida de https://creativecommons.org, lic. CC BY 4.0

 Amplíase o Dominio Público

    Por medio do blog de Wikimedia España, asociación relacionada con Wikimedia, a matriz da Wikipedia, e polo tanto, da Galipedia (a Wikipedia en Galego, a piques de cumprir 20 anos), Commons, Wikidata, Wiktionary... todas elas wikis con interface galega e contido licenciado en xeral para ser reproducible sen máis que adxuntando a cita de onde se obtivo (lic. CC BY SA 4.0 ou semellante). Por ese medio, digo, entérome das novas obras (literarias, musicais...) que en España pasan a estar no dominio público co comezo do novo ano. Neste caso, aquelas que corresponden ós autores e autoras que morreron en 1942, e que se xuntan a aquelas outras con autores mortos antes. A confección do listado (do que pode atoparse unha versión abreviada en https://www.bne.es/redBNE/datosgob/dominiopublico/DominioPublico1942-web.xls) corre a cargo da Biblioteca Nacional de España.

    Nel hai xente como Miguel Hernández, e uns cantos galegos, incluídos Bernárdez, Manuel (1867-1942), Castillo, Pilar (1895-1942), Cora, Antonio de (1889-1942) -pode que en Ribadeo o que máis soe por mor da relación con El Progreso e a través da empresa, coa Comarca-, Fernández Mazas, Cándido (1902-1942), García Varela, Antonio (1875-1942), Pérez, Xosé (1900-1942), Portal Fradejas, José (-1942), Prado, Xabier (1874-1942), Regidor, Santiago (1866-1942), Salgado Toimil, Ramón (1883-1942), Vaamonde Lores, César (1867-1942) ou Ventín Durán, José Augusto (1884-1942).

    Que pasen as súas obras ó dominio público significa que o que é de todos medra. Coido que está claro: antes do un de xaneiro de 2023, as obras da súa autoría podían xerar dereitos ós seus descendentes ou propietarios legais doutro tipo (unha empresa que mercara os dereitos, por exemplo). Por moito que a autoría sexa inalienable, a xeración de beneficios das obras si pode ter avatares diversos e facer que ata as bibliotecas teñan que pagar un canon por ter e prestar un determinado libro. Así está a lei. A mesma lei que di que agora, as obras deses autores citados, pasa a ser de todos no sentido, por exemplo, de que son reproducibles e poden distribuírse sen pagar dereitos. Ben, en realidade, a cousa é máis complicada, e hai xeitos legais e manobras amparada neles que fan o dito papel mollado nalgúns supostos. Pero basicamente é así: ese acervo cultural que naceu na nosa sociedade, e polo tanto cun autor ou autora influído polo seu entorno social sen o que non tería lugar o parto de ditas obras, pasa a ser legalmente comunitario, despois de ter podido beneficiar ós seus autores durante a súa vida e ós seus descendentes durante os oitenta anos seguintes, se uns ou outros non venderon os dereitos antes.

    Deste xeito, con estas incorporacións, os comezos de ano non deixan de ser un respiro para un dominio público, propiedade comunitaria, que noutros aspectos se ve cada vez máis cercada, sexa pola perda de servizos, a ignorancia interesada de dereitos ou a submisión da xestión pública a intereses privados baixo diversas formas de corrupción do sistema, entre outras posibilidades.

    Benvido o ano novo!

20220203

A casa do Óptico, hoxe.

    Por amaños na entrada da Galipedia, pedíronme hoxe fotos da Casa do Óptico, que tamén ten unha entrada anterior adicada no blog, dentro dunha serie sobre casas de indianos en Ribadeo. As fotos están feitas, e colgadas para o seu uso nos proxectos wikimedia, e déixoas tamén aquí para a súa lembranza.

Esquina NE

Fachada (fronte SSO)

Esquina SE

Entrada

Escaleira

Deixo tamén a ligazón á entrada da Casa do öptico na Galipedia.

20210624

O Fielato de Ribadeo

   Coñeces o fielato? Posiblemente, se tes xa unha certa idade ou vives pola zona de A Devesa ou Reinante, saibas onde está o lugar do fielato. Algo máis difícil é que saibas o que significa (ou mellor, significou) a menos que naceras nos 50 ou antes.

   Recollo da Galipedia:

   "Fielato era o nome popular que recibían as casetas de cobro dos arbitrios e taxas municipais sobre o tráfico de mercancías, aínda que o seu nome oficial era o de estación sanitaria, xa que á parte da súa función recadatoria servían para exercer un certo control sanitario sobre os alimentos que entraban nas cidades. 

   O termo fielato procede do fiel ou balanza que se usaba para a pesada. No Dicionario de la Administración Española de Marcelo Martínez Alcubilla no apartado referente á contribución de consumos, recóllense unha serie de artigos para o correcto funcionamento dos fielatos: 

- Art. 37. Os fielatos serán abertos á saída do sol e pechados á posta do mesmo. 

- Art. 41. Os fielatos centrais recoñecerán e gravarán as especies que concorran a eles ao tempo de entrar e saír dos mesmos. 

- Art. 42: Onde non existan fielatos exteriores deberán establecerse un ou máis interiores segundo esíxano as conveniencias do servizo. 

- Art. 45: Onde só existan fielatos interiores, a circulación de especies para dirixirse a eles, só poderá verificarse polas rúas designadas para o efecto con marcas ou rótulos visibles. 

   Actualmente os fielatos foron substituídos por outros mecanismos cos que o Estado pode controlar a fiscalidade e a sanidade dos alimentos"

   Descoñezo cando se deixaron de usar, se o seu abandono foi unha orde para toda España ou comezaron a suprimirse pouco a pouco, se había outro fielato na entrada de Asturias (de feito, e como outra curiosidade máis, nada máis cruzar a ponte sobre o fondo da ría, da parte veigueña a primeira casa aínda ostenta o rótulo de 'Asturias' a modo de 'aduana') ou outros detalles como se os edificios pasaron ós encargados do fielato. Pero o que si teño claro é que formaron parte na nosa historia e agora é descoñecida en xeral.

   Deixo abaixo unha toma modificada do Sigpac e a foto da casa do fielato que estaba na Devesa, que aproveitei tamén para cargar na Galipedia.

A X á beira da N-634 preto do límite municipal indica a situación do fielato, próximo ó campamento de A Devesa, ás istalacións de CLUN (o antigo irmandiños) e preto tamén do lugar que estaba destinado ó cultivo de froitos salvaxes. Imaxe modificada a partir da subministrada polo Sigpac


A casa do fielato, en fotografía de hai uns días.

    Ó que se refire a Galipedia de Martínez Alcubilla é á cita: Martínez Alcubilla, Marcelo: Diccionario de la Administración Española. Tomo primeiro, Madrid, 1886.

   Antes -din- había menos impostos, e había que procurar recadación por outros motivos. O fielato, encargado de velar pola sanidade dos produtos que entraban en Ribadeo, sería unha institución para conseguir algo dese plus necesario para o funcionamento institucional. Ó tempo, pola súa dispersión e difícil control, eran campo aboado para pequenas corruptelas.

   En canto ó seu funcionamento, non eran cousa estrana a outras entidades semellantes noutras terras, que hoxe podemos ver como anacronismos e/ou curiosidades. Así, o da apertura de sol a sol chamoume a atención nunha fronteira sen vixiancia algunha, entre Austria e Liechtenstein:

Cartel fronteirizo 'no medio da nada' estipulando que ninguén pode pasar entre a posta e a saída do Sol (é dicir, pola noite), usable só 'Sonnenaufgang bis Sonnenuntergang', da saída á posta do Sol)


20210309

18 anos


   18 anos. Maioría de idade. Cando isto escribo, día da reivindicación dos dereitos e celebración da muller, este feito ocupa as primeiras páxinas nos xornais, tendencia que tende a consolidarse estes anos e que tenta responder a unha necesidade que considero evidente nun movemento que ten historia abondo como para ter acadado a maioría de idade, ó tempo que permanece ligado a unha expresión de minoría de idade.

   O mesmo día, vexo aparecer nun xornal un estudo da USC que manifesta que no conxunto dos dous campus da universidade, só unha quinta parte das clases se dan en galego. O castelán é hexemónico, ocupando un oco o inglés (1 cada 40 clases). Especifícase que nos últimos anos a porcentaxe de clases impartidas en galego ten pouca flutuación, manténdose abondo máis baixo que o estaba hai 10-15 anos. É dicir, tal parece que o galego está acadando non a maioría, senón a minoría de idade.

   E miro, pero non vexo, unha nova que considero importante resaltar, non por ser un aniversario, que o é, senón polo que representa: tamén se cumpren 18 anos do nacemento da Galipedia, a versión galega da Wikipedia, e hai anos xa a maior enciclopedia en galego, que ademais é libre e colaborativa. Podemos sumarlle que é moi posible que sexa a web en galego máis visitada (sen considerar o conxunto web da Xunta), que ten proxectos irmáns que medran día a día, como a calidade e cantidade dos artigos da Galipedia... ou que é unha ferramenta para a supervivencia e independencia da cultura e da lingua galegas.

   Coido que nese aniversario hai abondo que celebrar con esperanza. A esperanza nas posibilidades que ofrece algo que hoxe chega á maioría de idade legal, aínda que para a Galipedia non teña sentido, non tanto por non afectarlle o sistema legal de maioría de idade para as persoas como porque xa leva sendo grande dende hai anos. E diversa. Poñer o fincapé nas máis de 2000 revisións feitas na entrada 'Deportivo da Coruña' poderían dar unha imaxe distorta de que temas trata a Galipedia, se 'Reino de Galicia' 'Lista das aves de Galicia' ou 'Rosalía de Castro', entre abondas outras, non estiveran todas con máis de 1000 revisións, ou non tivera más de 100 artigos con máis de 500 revisións cada un -cabe especificar que 'revisión' pode equipararse a 'mellora'-. Ou as 2900 visitas de usuarios realizadas en xaneiro á entrada 'Kobe Bryant' ou as case 700 a 'Ricardo Carballo Calero', ou as 12000 en febreiro a 'Acta Única Europea', ou os 11 millóns de páxinas vistas o mes pasado, ou os douscentos millóns vistas nos últimos dous anos, ou as 50 novas páxinas que se crean cada día... Por cifras non vai quedar. E, no corazón de moitos de nós xa ten asemade o seu lugar. Iso non significa que non teña eivas. Volvendo ó comezo do artigo, a participación da muller como editora está en porcentaxes moi baixos, e, sendo a principal fonte de información sobre temas galegos, que o é, queda moita Galicia por estar presente, tanto como contido como en participación. Pero, dende cando a maioría de idade representa ter todo feito?

20210121

Wikipedia Matters: os economistas atopan un impacto grande no turismo das edicións de wikipedia

A Torre dos Moreno 'está' na Wikipedia.

 

   Hai uns días o The Guardian titulaba unha información: "Wikipedia edits have massive impact on tourism, say economists. Adding a few paragraphs and photos can boost revenue by £100,000 for small cities". É dicir, 'as edicións de Wikipedia teñen un impacto masivo no turismo, din os economistas. Engadir uns poucos parágrafos e fotos pode lanzar as ganancias das pequenas vilas nuns 100 000 €". E entón lembrei a páxina de Ribadeo. E decidín facer un pequeno estudo: correlacionar as dimensións das páxinas de varios concellos en varias linguas europeas, tentando asemade ter datos de turismo neles. 

   É difícil de facer e cos datos dispoñibles só cheguei a aproximacións groseiras. Non é tan doado ver que vai antes, o mellor artigo na wikipedia correspondente (é dicir, na que fai máis impacto no turismo da localidade) ou o maior número de visitas turísticas. Nin tampouco é equivalente o que supón de promoción un artigo como o de Ribadeo en galego, castelán, francés, inglés ou alemán. Pero si que se nota unha certa correlación entre a bondade do artigo nunha lingua e o número de turistas, aínda que sexa algo difícil de separar doutras correlacións, como o número de falantes nesa lingua ou o número de visitantes dese país a España en conxunto. De calquera xeito, algo que se debera estimar para que as diversas entidades -públicas, pero tamén privadas- teñan un interese en que os artigos relacionados coa súa zona teñan información abonda, veraz e ben presentada. Porque non se trata de facer propaganda, senón de amosar posibilidades, facer un valor confiable da posta en valor da información.

   A cousa pode ir máis aló. A Wikipedia é só unha posibilidade -se ben ideal para un artigo coma este- pola súa teima no punto de vista neutral e o uso xeralizado que se fai dela, directo ou mesmo indirecto -a través doutras páxinas web e sen ser conscientes deese valor-. Só unha posibilidade. Para desenvolver, que tamén na participación do común se beneficia o privado, porque nos beneficiamos todos.

   Unha nota: o estudo inicial que deu lugar á publicación de The Guardian e a esta pódese atopar en http://marit.hinnosaar.net/wikipediamatters.pdf


20210115

Un wiki cumpre (re)coñecido con Ribadeo

 

CC BY SA 4.0 por BFlores en https://commons.wikimedia.org

   Din que wiki ven de wiki-wiki, en hawaiano algo así como 'rápido, rápido'. E rápido chegou o 20 cumpreanos dunha ferramenta que xa leva ao menos unha década sendo faro de coñecemento enciclopédico recoñecido a nivel mundial. Máis de 300 edicións, trescentas linguas, forman o entramado básico da wikienciclopedia grande que é Wikipedia, acompañada das súas irmáns menos coñecidas, dende wikimedia Commons, adicada de preferencia a arquivos gráficos, a Wikidata, unha grande base de datos que se pretende sexa pedra angular para Wikipedia no futuro, pasando por Wikibooks, cos seus libros colaborativos, ou Wikisource, poñendo a disposición documentos históricos escritos, entre outras wikis máis da familia Wikimedia. E, no que a nós respecta, a Galipedia, o nome coloquial da edición galega de Wikipedia, cos Galilibros, Galifontes, etc.

   A Galipedia, un par de anos máis nova, fai fincapé no coñecemento sobre Galicia, sen esquecer o espazo ou a física de partículas. Pero os medios son os que son, os e as participantes como editores non somos máis que persoas que colaboramos, e máis ben poucas, e iso fai que haxa que elixir e que haxa aínda hoxe numerosas lagoas.

   Mais Ribadeo non sae mal parada. Máis de dez mil palabras (a máis doutros documentos) no artigo principal, que contén varios centos de ligazóns, en particular a outros artigos sobre o concello. Así o amosa. Iso non quere dicir que xa estea o traballo feito. Nin moito menos. Sempre falta máis que o que se fixo, e só o actualizar é un traballo que leva o seu tempo.

   Mentres, a Galipedia, e toda a constelación Wikimedia, seguen a cumprir a súa labor de facilitar o coñecemento dunhas persoas, de xeito voluntario, a todas (incluídas elas mesmas), e cada vez máis e mellor. Si, tamén en galego.

--O vídeo da mesa de celebración convocada por Wikimedia España, coa miña intervención (20210115 18:30 en diante) [en móbiles, pasar á 'version web']:





20201113

Prácido día

Terraza agardando

 

    Prácido día. Saio para xestións e achégome ó parque. Baleiro, parece iluminado ex professo. As sombras das árbores contribúen a resaltar a luz que os envolve. Os ruídos omnipresentes no día a día da vila sucumben ás veces ante o piar dos paxaros. Trinos agudos dalgúns, preto, cu-cus máis lonxe. Nalgún momento, ata silencio.

   É nun deses momentos que se escoita o son da nada cando descubro a cuberta, dando unha sombra na que se ve envolta ela mesma, coas cadeiras xuntas en dúas pequenas torres, esperando o seu uso como terraza ó abeiro dunha temperatura agradable baixo o Sol.

   O tempo transcorre lentorrápido. Cóllese cada momento para desfrute, tentando de xeito involuntario o deter o paso dos acontecementos. E, á vez, ese coller o instante, fai que vaia máis veloz entre entre os matices de verde, encaixados polas cores craras e rechamantes nalgún caso dos edificios, baixo o azul que quere clarexar para acubillar o Sol.

   Tal día como hoxe, de novembro hai 18 anos, comezou a saberse da traxedia do Prestige.

   O Prestige, na Galipedia.

20200914

Fotografías en Commons

Hai tempo que as fotografías cargadas para Wikipedia e proxectos irmáns van a parar non a cada proxecto, senón case sempre a Commons. E sempre cunha licenza libre, do tipo Creative Commons recoñecemento compartir igual 4.0 internacional

Por unha casualidade, atopei un método sinxelo que permite o sistema Wikimedia para ver todas as fotos cargadas por min en Commons: https://commons.wikimedia.org/w/index.php?title=Special:ListFiles&dir=prev&user=Agremon&ilshowall

Que se complementas coas cargadas (en xeral, con anterioridade) na Galipedia: https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Especial:Lista_de_imaxes&dir=prev&user=Agremon&ilshowall=

A primeira, segundo parece (eu non o lembro), foi esta, tomada no 2003 e colgada no 2004:


Que vos aproveite!

20200812

Mapa de Galicia por concellos

 Un mapa de Galicia por concellos, agrupados por comarcas, remata de ser posto a disposición en Commons (e polo tanto, na Galipedia) polo usuario Sobreira. O seu uso está permitido con licenza CC BY SA 4.0. Versión reducida:


20200429

Do tempo en tempos do coronavirus

   'Nestes tempos' que vivimos, a percepción do tempo varía moito dunha a outra persoa. Pero o tempo, 'existe'. Lembrei e reatopei un artigo do 2008 (hai varias versións de traducións circulando pola rede) para revisitar e comentar unha idea relacionada.
   Basicamente, o fondo do artigo tenta visualizar que pasaría se aproveitamos o tempo perdido dando tumbos (daquela, sobre todo na tele, agora, máis ben nas 'redes sociais') para obter un superavit temporal que permita crear un superavit social, poñendo como exemplo un caso de superavit cognitivo. Idea complexa? Non. Daquela -2008- calculábanse nuns 100 millóns de horas de pensamento humano o adicado xa á Wikipedia. Por semellanza en relación ó número de edicións, hoxe poidéranse pasar tranquilamente os dez mil millóns de horas. Pero é que xa hai máis de trinta anos calculaba eu para España que os máis pequenos pasaban ben das 700 horas anuais de televisión, polo que xeralizando hoxe, só en España, adícase ás pantallas 'a fondo perdido' abondo máis das 10 000 000 000 horas que levaría construír unha wikipedia como a actual, nas diferentes versións lingüísticas e tendo en conta para facernos unha idea mellor que a Wikipedia en inglés ten algo así como 40 veces o número de artigos da galega. 
   Podemos ter dificultades en sacar tempo para cousas como a construción da Galipedia, pero evidentemente, temos 'pozos sen fondo' de tempo que poderiamos drenar para un mellor equilibrio persoal. De aí pode sacarse tempo. Como exemplo, o 'tempo de televisión', que enmascara un tempo que representa (ou pode representar) un superavit de coñecementos e formación aproveitables para realización persoal e/ou social. Un tempo que, 'en tempos de coronavirus' é máis necesario xestionar mellor para minimizar o impacto mental da pandemia.
   O tempo que a xente usa para ver a televisión é un tempo rexeitado para outras cousas, redirixible se asumimos que é máis ventaxoso para nós -por gusto, disfrute ou o que sexa- usalo cara outra cousa. E nesas estamos: en saber cara onde poderiamos tirar para que o tempo estivera encadrado nun lugar que consideraramos mellor para nós que a pantalla. Algo complexo, pois abrirse novos camiños sempre o é e hai que andar procurando polo método de tentativa e erro. Pero ó final, paga a pena. É revolucionario.
   Así, pois, planteáchete xa que facer con ese tempo substitutorio do 'abúrrome'? Se o tes, claro!, que non sempre ocorre. Mira como opción nunha colaboración con outra xente, construíndo sociedade. É abondo máis proveitoso e gratificante que invertilo en propagar presuntas novas sen xeito. E non dana nin a ti nin á sociedade, senón todo o contrario.

20190701

Galipedia lanza o concurso 'Wiki loves Parroquias'

Wikipedia lanza o concurso 'Wiki loves Parroquias', consistente basicamente en aportar á Wikipedia fotos de parroquias galegas que aínda non teñan.
O cartel: https://gl.wikipedia.org/wiki/Ficheiro:Wiki_Loves_Parroquias_p%C3%B3ster_2019.png
As parroquias de Lugo que aínda non teñen foto pódense atopar aquí: https://gl.wikipedia.org/wiki/Ficheiro:Fotos_parroquias_Lugo.svg
(a data 1/7, e en formato .jpg:)


As bases do concurso están aquí: https://gl.wikipedia.org/wiki/Wikipedia:Wiki_Loves_Parroquias

Nota: As imaxes están sacadas das bases do concurso.

20190618

Resistente galego

Lic CC-by-sa 3.0 de David Sebastian Liuzzo (Obra derivada: Alexandre Vigo), collida de https://gl.wikipedia.org/wiki/Ficheiro:800px-EU_location_GAL.png.

Despois de ver as novas destes días sobre o terrorismo galego (ler por exemplo "¿Existe Resistencia Galega o es un bulo de Gobierno?" en eldiario.es), venme á cabeza a pregunta de se se me podería considerar de Resistencia Galega, máis aló de se existe, que parece que non. O que si coido que se me pode considerar, como a moita outra xente, é un resistente galego.
Resistente por seguir vivo e mal que ben, practicando a nosa lingua e procurando o ben da nosa terra e da nosa sociedade. Resistente por querer e aprezar cada corredoira e cada monte, transitada dende hai moito e presente na vida de moita xente antes de chegar a nós. Resistente por tentar ensinar que o desenvolvemento comeza por nós mesmos, abríndonos e aprendendo do mundo, e non na explotación dun mundo que non só non é só noso senón que tamén nos ten permitido vivir grazas a que non o estabamos expoliando. Resistente por ter claro que a terriña é só a parte máis achegada a min da Terra, á que por iso teño máis oportunidades de manifestarlle amor que, poñamos, a Suazilandia. Resistente por cousas así, coido que sinxelas, que veñen dadas de xeito natural, que non son exclusivas miñas, nin en termos xerais, nosas, aínda que as vivamos con certas características pola convencia coa nosa lingua, a nosa paisaxe, a nosa terra, os nosos amigos, a nosa sociedade.
Que eu saiba, non hai unha data de nacemento da resistencia galega. Considerar como tal o comezo dos irmandiños coido que extrapolar a partir de algo ben diferente. Un nacemento ós poucos, si. A medida que se ía configurando o país e os agravios á xente por parte de quen non só quería ter poder, senón máis poder. Algo que de diferente xeito se ten dado arredor de todo o mundo, mesmo contaminado con ansias supremacistas dun ou outro signo, escollendo uns ou outros enemigos ou apoiando e encumbrando líderes locais que coller como un símbolo máis, como forzamento á aglutinación dunha 'nacionalidade'. É dicir, dun illamento que contrapoñer a outros e que leva ó desprestixio do nacionalismo (dos 'outros' nacionalismos, claro!)
Como resultado, como resistente galego, si, formo parte da resistencia galega. Non me fai falta un carnet ou inscrición, xefe ou estrutura de funcionamento, nin tampouco recoñecemento. E ti?

20190215

Ligando unha reseña na páxina web do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo

http://www.edu.xunta.gal/centros/iesribadeo/?q=node/485
O luns, día 4 de febreiro, Antonio Gregorio Montes faloulle ó alumnado de 2º de ESO da Galipedia, versión en galego da Wikipedia. O relator foi un dos promotores desta enciclopedia colaborativa e, durante algún tempo, un dos seus administradores.
Organizaron a actividade o Equipo de Dinamización da Lingua Galega e o Departamento de Galego.

20190116

20170926

Queres participar nun concurso de debuxo na Galipedia?

File:Drawinglove.png by Daria Arbuz ; File:Wikipedia-logo-v2-gl.png by Wikimedia Foundation; Derivative work by Elisardojm -Lic. Creative Commons recoñecemento compartir igual 4.0 internacional -

Non se necesita ser profesional, senón a vontade de participar. Deixo abaixo a nota enviada ós medios:
"

Boas, son un dos editores da Galipedia, a enciclopedia libre en galego, e póñome en contacto con vostedes para pedirlles que difundan entre os seus lectores unha nova actividade que pode serlles de interese.

Estamos a organizar un concurso de debuxo para ilustrar o artigo de María Victoria Moreno, a próxima homenaxeada no Día das Letras Galegas en 2018, e queremos conseguir a máxima participación posible.
Todos os detalles están na páxina https://gl.wikipedia.org/wiki/ Wikipedia:Wikiconcurso_Ilustra _o_D%C3%ADa_das_Letras e tamén un cartel en https://gl.wikipedia.org/wiki/ Ficheiro:Cartel_Wikiconcurso_I lustra_o_D%C3%ADa_das_Letras_2 017.png.

Grazas pola súa atención e se teñen calquera consulta non dubiden en contactar comigo.

Saúdos,
Elisardo Juncal"
Só lembrar que a Galipedia, a Wikipedia en galego, é unha enciclopedia en liña realizada de xeito cooperativo, pola comunidade para a comunidade. Para ti, e tamén por ti, se queres.