Amosando publicacións coa etiqueta Enrique Sampedro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Enrique Sampedro. Amosar todas as publicacións

20170716

Para ver as aves na ría

Remato de atoparme nas redes a nova que publicou hai dous anos e medio o blog Ría de Ribadeo. Trátase da posta a disposición de todo internauta do plano-guía para observar aves na ría de Ribadeo (aquí, o post no blog de Enrique Sampedro), e coido que non está de máis o tentar darlle un novo pulo de difusión, e a iso vou. En galego, a publicación está en https://www.scribd.com/doc/283621389/Folleto-Ria-de-Ribadeo-galego; en castelán, en https://www.scribd.com/doc/283620904/Folleto-Ria-de-Ribadeo.
Deixo a versión galega para a súa consulta directa aquí:

20160216

Coñeces os espazos naturais protexidos de Ribadeo?

Está ben que se usen como atractivo turístico, mentres non resulten danados. Pero para mantelos así, os ribadenses necesitamos coñecelos tamén, para poder aprezalos nós en primeiro lugar.
O pasado día 5 de febreiro foi o día dos humedais, pero en xeral pouco deu que falar nunha terra onde teñen a súa importancia, e non só polo espazo que ocupan. Certo que coincide co que en estatísticas de temperaturas tócalle o día máis frío do ano (que non deste), o que puido, xunto con ser día de semana, restar atractivo a unha saída polas zonas húmidas do noso arredor, a pesar da súa lembranza por unha exposición sobre aves recollida poucos días antes da biblioteca Viejo Pancho ou o mesmo día nas redes sociais por xente como Óscar Chao ou Enrique Sampedro, amantes de Ribadeo, a natureza, as aves...
Pero voltemos ó noso. Coñeces as zonas naturais protexidas de Ribadeo?
Para comezar un recorrido por elas pódese ver unha entrada do blog sobre zonas naturais protexidas de hai dous anos, ou a web de espazos naturais de Ribadeo Turismo, que comeza co humidal protexido da ría de Ribadeo. A zona da ría de Ribadeo, que aglutina humedal (5,63 km2), zona RAMSAR (11,92 km2 segundo algunhas informacións, pero non todas) LIC (do que na páxina do concello especifícase que inclúe a illa Pancha) e ZEPA, parece que dispón de protección para a súa beleza, biodiversidade ou ecosistema en xeral. Desfrutamos dela, e por iso ás veces non nos decatamos que esa protección necesita defensa, que se non, é letra morta. E remítome ás probas, dede os sucesivos impactos na zona de portos ata o 'aproveitamento' da illa Pancha, pasando pola variación provocada das correntes na ría debido á acción humana, a agresión extra que significan as altas velocidade que alcanzan motoras, motos acuáticas ou esquís e outras 'actividades de ocio', etc. E isto da protección, aínda que se levan, ademáis, descubrindo restos diversos no fondo, que parece deberan sumarse para ter aínda máis coidado do noso entorno próximo.
Poderiamos seguir coa reserva da biosfera, 1 588,83 km2 (quince veces a superficie do concello de Ribadeo) en catorce concellos entre Galicia e Asturias con preto de 33 000 habitantes (algo máis de tres veces os de Ribadeo) vivindo no seu interior, ou con as outras figuras de protección. Mais coido que é mellor para todos o tomar conciencia delas, desfrutalas, valoraralas e a partir de aí, actuar se se ve necesario...

... Por suposto, hai máis zonas naturais que aínda que non están protexidas sería cousa de mantelas. Ocórreseme o Pozo Mouro (ou aquí, entre outras entradas no blog) ou, relacionados coa historia no medio desa natureza, os mútliples castros (ver o libro de José Mª Rodríguez editado por O Tesón) ou o marco da Pena Verde (ou aquí). Ou podería aproveitarse para comezar con algún paseo nas rutas previstas da costa, da ría ou Ribadeo-Remourelle.
As parroquias de Ribadeo. Obtido de http://ribadeo.gal/imxd/arbore_web/doc/1225801618mapa_parroquias.pdf

Algunha ligazón subministrada polo concello na súa web:


20160123

Ilusión pausada, entorno coidable, ría de Ribadeo e reserva da biosfera

Foto de Javier Gallego, outro dos participantes
Onte tivo lugar a xuntanza convocada para retomar a funcionalidade da Plataforma para a Defensa da Ría de Ribadeo, co detonante da convocatoria doutra xuntanza para elexir representantes no Consello da Reserva da Biosfera.
O certo é que as 18 persoas que estabamos esperabamos ser menos, e iso representou un bo comezo. Quizáis dicir como resume, para quen queira facer unha letura rápida, que se quedou en postular a Evaristo Lombardero, o principal impulsor do encontro e mantedor da Plataforma, como representante por parte das asociacións ecoloxistas galegas.
Contando un pouco máis polo miúdo da xuntanza, Evaristo tomou a palabra para presentar a historia da Plataforma, coincidente na práctica coa historia da defensa do medio no entorno da ría: chegou tarde á escolleira que se fixo na ría (1991), detonante que fixo que o colectivo Espreita e outros do entorno se xuntaran ata que en 1994 formalizaron a situación como asociación, encadrando nos estatutos a visión cultural, veciñal e ecoloxista de defensa da ría. Como tal, xa se enfrentou ó polígono industrial que se pretendía instalar dende Pena Furada ata Rochas Brancas, contribuíndo a que se suspendese no 1995. Logo estivo activa no proxecto da autovía na zona, e con altibaixos e case suspensión estes últimos anos, tense enfrontado ó proxecto de macronave en Mirasol, ou, na actualidade, súmase á preocupación polo dragado promovido por Gondán (22 000 m3 en 4 anos, botando a area próxima á saída da ría) ou ás emisións e próximas obras de emisarios na parte asturiana, así como ven postulando dende hai tempo a necesidade dunha visión de conxunto para a ría, plasmando un plan de xestión, plan de ordenación de recursos naturais ou plan de protección (por certo, preceptivo dende que en 1989 a ría é zona ZEPA)
plano da autovía para a ría de Ribadeo e zona do pobo

Entrando despois en cuestións máis prácticas, manifestouse o apoio da asociación do Galeón (cultural, que tamén aspira a que a súa presidenta, Ainhoa, teña un posto no Consello), tendo en conta que alí había representantes doutras asociacións, como O Tesón, estando interesada xente nova estudiosa da fauna, como Óscar Chao (páx. sobre aves e natureza en Ribadeo) ou Enrique Sampedro (que non puido asistir, blog ría de Ribadeo)
Fíxose un pouco de revisión de varias cousas, incluíndo a toma da ría polas lanchas e a suma da ilegalidad das velocidades que levan ó ateigamento que representan no verán, o estado das colonias de zostera (mariña e noltii), ou que os achádegos na ría rematan fóra por non dispoñer dun lugar adecuado no entorno a pesar de estar edificios como a fábrica de xeo, a aduana, a casa das algas ou o faro da illa Pancha nunha situación de aproveitamento mellorable. Houbo propostas de voluntariado para limpeza da costa ou de contactar con asociacións a nivel estatal ou internacional.
Pasouse logo de novo a informacións máis do momento, a lembranza da existencia dun Plan Director das zonas Natura en Galicia, ó non ser desenvolto os plans correspondentes a cada unha delas, o feito de que a primeira xuntanza interautonómica da reserva foi realizada entre políticos e técnicos da xestión ambiental, pero logo, nas sucesivas, só foron convocados e participaron representantes políticos, cun resultado de opacidade total, etc. En relación á xuntanza o próximo mércores 27 na Pontenova (e correlativamente, por Asturias, na Veiga), lembrouse que houbo unha xuntanza no concello o pasado 26 de decembro, que convocou a prevista.
Despois da designación de Evaristo Lombardero para tentar unha praza no Consello da reserva, e quedar en outra xuntanza despois da convocatoria da Reserva da Biosfera, colléronse os datos de contacto dos presentes para facilitar a labor e pouco a pouco retomar a actividade de defensa do noso entorno.
Testemuña gráfica da contaminación a ría (Castropol, 2009) despois de atravesala
--
Sobre as zonas protexidas en Ribadeo

20140121

Facendo propaganda de Ribadeo

Comeza xa Fitur. Por alí se pasará diferente xente de Ribadeo. Como preparativo, sae hoxe no xornal a concesión da Q de calidade ó Hotel O Cabazo. E días antes, a páxina/iniciativa Ribadeo Birding anunciou a súa candidatura ós premios afiprodel, votables en internet (coma quen di, xa sabedes), algo que foi apoiado por unha entrevista onte en El Progreso a Enrique Sampedro, promotor do blog Ría de Ribadeo.
E máis. Ribadeo segue, coa insignia da praia máis famosa de España, pero diversificando e tentando abrirse paso en turismo ou cultura, sen esquecer outras cousas como a consecución de servizos -a punto de abrirse o último tramo da autovía do Cantábrico, a residencia, ... - (por certo, tamén aparecen hoxe os nomeamentos de dúas persoas relacionadas con Ribadeo para a Fundación Galicia Sempre)

20130202

A Ribadeo, pola patroa

Hoxe foi a xornada de avistamento de aves co gallo do día dos humedais.

Esta mañá, un autobús de Eocar ás ordes de Enrique Sampedro deu a volta á ría parando en sitios con posibilidades para ver aves. E vímolas. No fondo da Liñeira, na praia de Salías, no puntal de Castropol, e no mirador da zona de Galicia, despois de pasar por unha curta charla na Casa da ría de Ribadeo, que completou a entrega dun pequeno manual para o avistamento de aves na ría.
Os cinco puntos onde parou o autobús
As aves vistas foron moitas, incluídas a que deu pé ó título, a águia Panchiña ou a garza e as dúas garcetas que acompañan ás espátulas no pecio da foto de embaixo tomada na Liñeira.
Asistentes, vintetantas persoas. O visto, moito. O aprendido, máis, aínda que poda ser só, como se di nalgunha película, 'o comezo dunha grande amizade'. E, no aprendido, tamén algunha historia: a águia foi con anel a pasar o verán en Francia, e foi vista antes das festas ribadenses voltando cara acó na zona das Landas francesas. Chegou xustiña, o día da patroa. Sabe da festa en Ribadeo...

Un par de fotos máis, pois houbo variedade na ruta: un grupo de gaivotas de dous tipos en Salías, e unha vista da ponte dos Santos dende o Puntal de Castropol.
Dentro dun pouco, presentación dun libro sobre aves.

20120728

A ría de Ribadeo, unha vez mais, e outra, e outra, ...

Hai oito días que Enrique Sampedro publicou no seu blog sobre o estado da ría de Ribadeo. Tamén se viu publicado noutros medios, mesmo con algunha anécdota. Ó ver o artigo na Comarca, hoxe ligo a súa entrada a modo de reflexión, unha vez máis, sobre a ría.
- Outro estado anterior da ría de Ribadeo -

20120131

Móvese Ribadeo

Ás veces, toca dicir sinxelamente iso: móvese. Ribadeo móvese. Comezaba a fin de semana coa petición do alcalde á Xunta dunha xuntanza con motivo do algo máis dun ano pasado de que que O Tesón enviou a Madrid a petición do retorno xulgado perdido hai xa máis de 50 anos. Quizáis tamén contriuiu á lembranza que aparecera na prensa o titular galego de Xustiza dicindo que a cousa non era considerada e que tiña que modificarse a lei de planta, mentras parece que Mondoñedo poidera ter unha terceira sala.
Continuaba o curto pero rendible cursiño sobre os humedais, levado por Pablo Ramil na exposición teórica e Enrique Sampedro no avistamento de aves do que me quedei coas ganas.
E rematou luns, coa entrevista da comisión municipal da residencia co encargado de servicios sociais da Deputación para prantexar o tema. Como na actuación coa representante da Xunta en Sargadelos hai uns días, de novo se quedou nunha xuntanza posterior a maior nivel, pero polo menos a cousa non está parada e participou a nivel supramunicipal outro dos partidos represeentados no concello, co que so queda por saír na foto o PSOE, que é de esperar que o faga próximamente.
Aínda que sexa a paso lento, que se mova ... se non ten resultados por agora, nalgún momento os terá.

20110201

Que non se esqueza: é unha riqueza



A ría de Ribadeo é fonte de paz, é asemade lugar que facilita o comercio. É un atractivo turístico. É moitas cousas. Entre elas, un lugar de paso de aves e invernada. Hai dúas semanas unha pequena nova daba fe da contabilidade de aves na ría de Ribadeo, feita polo goberno do Principado de Asturias no fin de semana do 15/16 de xaneiro. A nova, tal como a vin, carecía de datos para saber detalles, como se por exemplo a contabilidade se reduxo ó territorio baixo administración asturiana (o que considero máis probable) ou abrangueu o conxunto da ría, pero de calquera xeito, coido que ten un atractivo contable:
total Individuos: 3 123
total Especies: 43
As especies máis numerosas [nome en galego / nome en castelán (nome científico)] contabilizadas son:
Asubiador / Silbón Europeo (Anas penelope): 619
Lavanco / Ánade Azulón (Anas platyrhynchos): 438
Pato Rabilongo / Ánade Rabudo (Anas acuta): 247
Cerceta Común (anas crecca):189
O que aquí aparece como apunte illado o blog de Enrique Sampedro cólleo como algo de estudo continuado: ten diversas entradas sobre o tema das aves na ría, incluíndo en decembro diferentes listados de especies avistadas, ou o día de reis, se se quere seguir máis polo miúdo.
Unha referencia a hai vinte anos, segundo un traballo escolar (o que atopei en internet daquela época, aínda que non sexa moi fiable de por si e careza de fontes):
Especie e cantidade avistada segundo o ano (1987 / 1988 / 1989)
Corvo mariño: 22 / 7 / 20
Garza real: 26 / 21 / 22
Lavanco real: 260 / 625 / 752
Pato careto: 489 / 350 / 860
Pato asubión: 4000 / 1584 / 2045
Focha: 322 / 209 / 200
Mazarico: 181 / 63 / 169
Un estudo máis recente e máis fiable (Invernada de aves acuática en Galicia 2001, censo da Sociedade Galega de Historia Natural) di: "A Ría de Ribadeo foi a sexta localidade por número de aves (1858, o 4,14 % do total, excluídas as gaivotas máis comúns) e por ser a principal zona de invernada para 4 das 23 especies que se censaron nela: Anas strepera, Anas acuta, Aythya marila e Recurvirostra avosetta."
As fotos, unha do fondo da ría de Ribadeo, dende os bloques, e outra dun lugar atractivo para as aves, a enseada da Liñeira, vista dende o periao de Porcillán. Como sempre, ampliables.