20061231

Felicitación de Nadal para Ribadeo



Coido que a felicitación que o alcalde enviou para O Tesón é para todos os asociados, e por extensión, para todos os ribadenses, por eso vai adxunta. Resulta raro que sexa bilingüe, cun desexo en galego e unha desiderata traducida do inglés ó castelán. Desiderata que ademáis atopei un pouco rara e esotérica e por eso fun procurar e poño nun cacho máis amplo abaixo, conservando o castelán, como parece ser o desexo do alcalde, pero tentando que sexa algo máis intelixible, que sone menos a risa (non vexas a gracia onte de noite entre o ruído da movida cavilando na gracia da frase...), e tendo en conta que hai traduccións máis comprensibles a usar (ver ó final).
" Anda plácidamente entre el ruido y la prisa,
y recuerda que paz puede haber en el silencio.
Vive en buenos términos con todas las personas,
todo lo que puedas, sin rendirte.

Di tu verdad tranquila y claramente,
escucha a los demás,
incluso al aburrido y al ignorante,
ellos también tienen su historia.

Evita las personas ruidosas y agresivas.
Si te comparas con otros,
puedes volverte vanidoso y amargo;
porque siempre habrá personas
más grandes y más pequeñas que tú."
Pode comezar, coido que conservando mellor o espírito, por: "Anda plácidamente entre el ruido y la prisa,
y recuerda que la paz la puedes tener en el silencio."
E quédame a dúbida de se o alcalde a terá leído dun xeito comprensivo. Bo 2007.

20061230

2006, balance dun ano de ruído en Ribadeo

1.Os ruídos
Despois de anos de datos, 2006 en Ribadeo e en canto ó ruído, foi un ano neutro: nin se pode dicir que aumentara substancialmente nin moito menos que diminuíra o ruído nouturno en relación ó pasado ano, manténdose este cuatrienio básicamente ó mesmo nivel de intensidade, pero aumentando o número de días afectados no verán e ampliando tamén os correspondentes ás fins de semana.
Ó igual que anos pasados, cóntanse os picos invernais de ruído, incluíndo o presente, e a tendencia ó ruído continuado nas noites veraniegas. Un fenómeno que non remata de estar controlado é o control de peche, con establecementos con música non só ata despois do límite permitido, senón aínda ata despois do límite de peche, algo que comproba con frecuencia calquera veciño afectado. Esto leva de xeito natural á extensión do horario de ruído.
Por outra banda, seguen sen producirse grandes botellóns e continúan os pequenos, illados e que logo soen rematar en locais.

2.As causas
Hai diversos e claros estudos sobre as consecuencias do ruído, pero abondos menos sobre as súas causas se nos centramos no ruído da movida, ou, se se quer, en por que a movida ten a compoñente de ruído que ten.
Non se pode meter todo dentro dun mesmo saco. Dende hai tempo se di nalgún medio, mesmo de xeito anónimo, que o ruído da rúa é o que molesta. Esta postura procura a imputación do ruído molesto como algo alleo a todo o mundo, como sen causa, nunha especie de manifestación 'políticamente correcta' para non ferir a ninguén. Evidentemente, é unha simplificación interesada. Do mesmo xeito que sería simplificar o dicir que só é o ruido dos locais o que molesta: ó longo da noite, en cada zona de movida, vai variando o mantemento principal da movida, e variando a importancia que para o nivel de ruído ten a xente na rúa, a apertura de portas (e polo tanto ruído de saída dos locais), a ausencia de segundas portas ou a falta do seu uso, o illamento deficiente ou nulo, a acumulación de locais nunha zona, etc. Os medios e as posibilidades de actuación dos poderes públicos en relación a cada un deles tamén son diferentes.
O ruído da rúa ten picos puntuais, ó tempo que pode manterse un amplo nivel de ruído, correspondendo por exemplo con grupos de xente que camiñan máis lentos entre dous locais. É evidente que o ruído illado nótase máis a partires de que os locais vaian cerrando, pola ausencia do ruído destes e as condicións en que se moven os transeúntes.
O ruído da rúa ten variación segundo a época, e non só correspondendo coa cantidade de xente dun día concreto. Unha posible explicación do feito de que o ruído aumente en inverno fronte ó verán, en contra da lóxica do bo tempo que parecería normal que invitara a estar máis na rúa, estaría basada en que a noite invernal é máis longa e polo tanto comézase a beber antes, e é máis dura, co que se bebe máis que nas suaves de verán.
Por contra ó anterior, o ruído dos locais é maís contínuo e parece afectar máis (dentro da percepción de ruído de cada quen) polo son grave que polo agudo, pero a diferente propagación do son polas condicións climatolóxicas non chega para explicar que a mesma música se oe uns días máis intensa que outros, ou mesmo aumenta ás veces á hora na que a xente está comezando a chegar a unha determinada zona. É dicir, a producción de ruído polos locais estaría dentro das técnicas de mercado, o mesmo que as tómbolas ou os coches elećtricos chaman á xente cunha música alta que unha volta alí é desagradable. Técnicas por outra banda discutibles non só polos resultados medioambientais (é dicir, non só porque non imputan custe á degradación do medio ambiente que sufren os veciños).

3.As accións
Certamente, sería desexable unha acción maior por parte das forzas de orde pública, como é posible ler en opinións en medios locais e foi prometido a comezos de mandato no concello por medio de ampliación do horario de vixiancia nouturna, que na actualidade non cubre nin o horario oficial de apertura dos locais de movida. Pero sobre todo, desexable por parte das institucións que como o concello teñen demostrado que non queren mollarse, parece que principalmente por unha mal entendida razón económica e eleitoral, como foi tratado en diversas ocasións.
A nivel de normativa, fíxose unha axustada a dereito a comezos de século, deixouse o tempo de adaptación, voltouse a deixar unha ampliación, etcétera, e así chegouse á primavera 2006, cando se puxo de desculpa que non estaba actualizada para derogala e adoitar a 'normativa tipo' na súa substitución, sen chegar a cumprir a anterior. Esa nova normativa tipo, proposta pola Xunta, con anos de antigüidade, e en vixencia por omisión dende entón, díxose que ía durar só uns poucos meses para ser substituída por unha nova normativa da que se chegou a difundir un borrador. Ata hoxe non houbo tal cambio, e a vixente, o mesmo que pasara coa anterior, segue sen ser cumprida en cousas de tan pouca relevancia como a placa identificativa dos establecementos, ou de tanta como a declaración pedida polos veciños de zonas con excesivo nivel de ruído, ou aínda en actuacións do propio concello, como o aviso por altofalantes de actos diversos. Hai que dicir, que a pesares dese incumprimento, nalgún dos puntos é menos esixente que a que xa había.
A citar que no medio do ano houbo un chamamento polo concello a unha xuntanza entre concello, veciños e empresarios, que comezou sen tomar ninguén nota e polo tanto, sen ningunha perspectiva de cumprimento de acordos. Ata hoxe. con todas as faltas de plantexamento que houbo, hai que dicir, non embargantes, que propiciou un pequeno intercambio de pareceres entre empresarios e veciños.
O chamado 'noitebús', subvencionado para traer xente á movida, non parece que teña grandes consecuencias nos movementos de xente (e polo tanto no ruído) nin por desgraza nos accidentes. Si que a poidera ter a medio prazo como consecuencia da facilitación do consumo en xente que na actualidade non dispón de medio de transporte propio.
Houbo informes positivos do concello tendentes a permitir a apertura de locais durante máis tempo na noite, feitos a raíz dunha petición da ACIA e negativos da Asociación de Veciños O Tesón, do que resultou que os locais só sobrepasaron legalmente o límite horario de peche nas festas. De calquera xeito, non deixa de sorprender o informe positivo dado polo concello, que despois de todas as actuacións de petición veciñal ou requerimiento legal limitouse a dar o seu placet sin explicación algunha ata o momento.
Ó xa dito hai que sumar outras cousas, como a ocultación de datos que resulta da petición de información sobre o curso das denuncias realizadas, o que se fixo en varias ocasións sen resposta ata o momento, como se as houbera comido a terra ou sinxelamente non tiveran sido tramitadas.
Do conxunto de accións despréndese que non é para mañá que quen ten a responsabilidade poña fin ó ruído. Esto ten diversas consecuencias, entre as que se atopan o que, como toda reorganización aprazada por motivos políticos, á hora de facela sexa máis traumática e en forma de reconversión, e eso despois de pasar unha degradación da situación ou a contribución ó mal ambiente e malas prácticas políticas en Ribadeo, fomentando o 'todo vale'.
O concello, que ten responsabilidades sobre o tema, non actúa e por eso foi condenado. Pero a estrutura do concello, ó igual que a de calquera outra entidade, está levada por persoas. Terán que ser condenadas as persoas?

Unha charla sobre arqueoloxía en Ribadeo




Adxunto a nota de prensa enviada polo Tesón, xunto coas fotos referidas nela (o conferenciante en pleno traballo e unha das pezas recobradas no castro de Zoñán) e unha foto aérea de Miguel tomada esta mesma semana sobre o castro das Grobas, unha volta desbrozado, en primicia:
O venres 29, ás oito do serán, no salón de actos da casa do Mar de Ribadeo, tivo lugar a conferencia “Posta en valor dun elemento arqueolóxico”, impartida por D. Abel Vigo García, arqueólogo do concello mindoniense. A conferencia tivo como base unha presentación informática sobre o castro de Zoñán, Mondoñedo, o primeiro escavado en Galicia, posto en valor este mesmo século mercede a acción conxunta da Universidade compostelá, o Concello de Mondoñedo e a Fundación Comarcal da Mariña Central, tras ser comezada con financiamento do Leader +. O acto, do que se adxunta algunha foto, foi unha referencia a ter en conta para a recuperación do castro das Grobas (Vilaselán, Ribadeo), e como complemento a ela participaron D.Manuel Valín, que fixo de introdutor como responsable da Fundación Comarcal da Mariña Central, e D. Roberto Rodríguez, que glosou o traballo de Suso Peña en relación co material gráfico presentado, a carpeta titulada 'O castro de Zoñán', con láminas sobre a súa posta en valor con anterioridade ó 2005, campaña que supuxo a mellor das mantidas ata o momento.
O arqueólogo glosou os diversos elementos recuperados, amosou unha peza cerámica recollida no mesmo, a idea actual a raíz das pescudas sobre o castro, as campañas mantidas, etc, o que ofrece un contraste entre o que se leva feito nas 8 Ha. que se supoñen en Zoñán cunha superficie equivalente no castro das Grobas, recentemente rozado, o que facilita a súa visita. Subliñou asemade que na zona mariñá é necesario aínda moito traballo para levar a cabo xa non unha recuperación, senón un descubrimento castrexo acorde co material que debe haber.
O Tesón lembra que se espera próximamente ter a exposición 'Os habitantes dos castros' e unha conferencia sobre os castros ribadenses.

20061229

Galiza 1 - Ecuador 1. (facendo país co fútbol). Pechando Mirasol (desfacendo país coa política)


Onte, unha delegación de ribadenses desprazámonos ata A Coruña para ver o segundo partido da selección galega na nova época. Nova época porque parece que o primeiro partido foi aló polo 1922, e houbo abondos ata o 1939. Pero o importante do partido non era o fútbol, con xogadas boas e malas, entradas máis que dubidosas, cansancio dos xogadores ou acertos e fallos do árbitro. O resultado tampouco importou moito. O caso era a acción para facer país. E aínda non dixerín todo o que notei para poñelo no blog, con cousas que me gustaron e outras que non, pero sobre todo cunha visión aprticular da promoción da idea de nazón. Que o campo estivera mediado motivou que o ambiente final tamén o estivera, pero chegou para facerme unha composición de lugar.
Hoxe hai outra animacón máis á ciencia no auditorio de Ribadeo, e pode estar moi ben. Pero de seguro non é comparable para moita xente con darse un paseo por Mirasol e observar os límites do porto, pois se onte saía o artigo meu na prensa dando nota da privatización de Mirasol, o exemplo da construción da fronteira sur, xa está abondo avanzado o límite norte, e é cousa de apresurarse se alguén quere dar unha volta polo peirao antes do peche definitivo.
Esta noite tamén hai diversión gratuíta na piscina, rematando ás 2:30. Está visto que a promoción da movida nouturna faise en frentes variados.

20061228

Por que esta foto non é actual? Inocentes en Ribadeo

é unha foto tomada case vai un ano. Non embargantes, costa descubrir, a non ser pola data, cando foi tomada. Só un pequeno detalle fai ver que non é actual: hoxe a valla está máis retirada, impedindo case o paso pola estrada. Parece unha inocentada do día de hoxe, pero non o é.
Tamén resulta algo inocente, por razós totalmente diversas, o título da actividade científica para nenos desta tarde no auditorio Hernán Naval: A idade de xeo. Cando estamos aínda baixo os efectos do último informe da ONU sobre sobre o quencemento global, a idade de xeo está de moda entre os pícaros por mor do cine de debuxos animados.
De inocentes tamén trata unha carta sobre a biblioteca de Ribadeo que sae onte no 'El progreso'/A Mariña, reclamando un espazo nela onde se poda iniciar ós pequenos na lectura por medio da lectura doutra persoa, é dicir, por iniciación oral. o escrito está asinado por Fernando Carlos Represa. Sae á beira dunha foto dunha casa que recollo no xa vello 'Ribadeo Falls'
Tamén houbo resposta onte (na radio) do alcalde á Mesa de asociacións. Segundo el, parece ser que a mesa quere formar unha especie de goberno paralelo e por eso o alcalde non a recibe. xa avanzamos algo: antes dicía que as relacións coas asociacións de veciños eran moi boas, a excepción dalgún caso. Poño abaixo a carta da mesa ó alcalde e engado un pequeno comentario: será por eso do goberno paralelo que actúa sen escoitar, como se todo foran opositores que queren procurar a súa caia do pedestal?
Xa fóra do día dos inocentes, a lembrar que mañá venres, ás 8 na Casa do Mar, hai charla sobre os castros, co punto de mira posto nas Grobas.
--

E aí vai a carta antes citada:
Reunidos os representantes das asociacións na Mesa de asociacións, entre outras cousas acordamos dirixirlle a vde unha carta para lembrarlle que pese ás promesas de manter connosco unha xuntanza o xoves antes de cada pleno ordinario, levamos sen ser admitidos para a mesma dende xa hai máis dun ano. Primeiro, vde. esqueceuse polo que parece das convocatorias, logo atrasounas de xeito indefindo e logo sinxelamente deixou de falar delas.
O anterior inclúe a falta de contestación pola súa parte á carta que a comezos do verán lle foi enviada para tentar retomar o tema.
Por eso, agora de novo, nos poñemos en contacto con vde. para comunicarlle que, a pesar de todo, segue a ser a nosa vontade o xuntarnos con vde de xeito periódico nas condicións que acordamos en principio. O anterior non deixa de lado o feito de que consideremos a súa actuación durante este tempo unha falta de respeto e mesmo de educación pola súa parte para con nós.
Por elo, se segue interesado na potenciación da participación cidadá, pola presente pedímoslle que nos comunique as datas para as próximas xuntanzas, ás que estamos interesados en asistir para tratar temas de interese xeral dos cidadáns deste concello.
En Ribadeo, decembro de 2006

20061227

Catro estampas ribadenses





Hoxe, só fotos, catro estampas ribadenses. Unha típica (se consideramos os aditamentos, non tanto) e as outras menos, aínda que poideran chegar a selo (supoño que non necesitan presentación para quen siga o blog)

20061226

Só unha cita


Unha segunda hoxe para deixar citado de ónde saquei a imaxe que acompaña o post: http://www.asfes.org/campanyes-asf/Postals/Galeria.htm

A casa da xuventude, por fin


Por fin, hoxe, 26 de decembro de 2006, a casa da Xuventude emprégase para a xuventude.
Coido que o anterior é abondo explicativo, despois de esperar e esperar. Coa pirámide demográfica de Galicia, e ademáis tendo en conta que a xente nova non vota, os gastos de transporte en tren da xente maior non se miran tanto, pero a apertura desta casa para a xente nova é fariña de outro costal, costal que por fin se abriu para brindar un lugar no que os cativos van poder ter actividades nestes días. Días nos que a longa noite podería propiciar o uso do telescopio de Sta. Cruz, se se dispuxera dunha chave pedida hai tempo, correspondendo cun convenio asinado polo concello.
Por certo, hoxe entereime que non son o único ó que o representante do concello lle dí cousas como 'faigo o que me sae dos collóns', pois parece que a máis de dúas persoas lles ten dito máis ou menos 'cos cartos do concello fago o que me sae das pelotas', ou que non ten que dar contas a ninguén (algo que xa dixo en público en mesa redonda hai tempo e do que quedou nota no blog) e así deixo constancia tras ter a testemuña correspondente.
A foto pode titularse 'vista sobre a ría de Ribadeo'. Accidente xeográfico que por certo aparece con ese nome nos mapas de Schulz que están expostos estes días na oficina de Turismo.

20061225

Procesións e fauna: o artigo

   Poño a continuación o artigo publicado en A Mariña/El Progreso o 24/04/97:
 
   Procesións e fauna
   Cando se fala de fauna en relación a algunha actividade humana, considérase ás persoas nun sentido despectivo. Non é o caso que pretendo, senón máis ben clasificar a masa que intervén nas celebracións da Semana Santa.
   Como toda clasificación, depende dos criterios que se usen para establecela. Non é o mesmo usar o criterio de poder de decisión sobre a organización das actividades que o de adicación a elas ou que o de interiorización das mesmas, por poñer tres casos.
   Usando o primeiro criterio antes dito, o poder de decisión sobre a organización de actividades, establecería unha xerarquía no mesmo pobo (xerarquía de tipo social), que se vería reducida ó párroco e a asociación “Amigos de la Semana Santa” nun nivel e o resto do pobo noutro. Evidentemente, calquera pode pasar ideas dun ó outro grupo, pero estamos a falar do nivel de decisión. Habería que incorporar ó grupo que poderiamos chamar de cabeza, en funcións adxacentes pero determinantes, por un lado, a xerarquía eclesiástica, e por outro, a xerarquía política. Quedaría así a “masa” desgaxada como nivel baixo dunha estructura decisoria xerárquica.
   Sen entrar en detalles do funcionamento interno de cada unha desas estructuras na cabeza decisoria nin a relación entre elas ou a base do poder interno dos membros dentro de cada unha delas.
   Por exemplo, parece evidente que se unha persoa se incorpora a “Amigos de la Semana Santa”, supónse que é para colaborar e traballar, e en base a dita colaboración así terá unha capacidade de decisión. Nembargantes, a proporcionalidade entre ambas características non será exacta por influencia doutros factores como capacidade de xeración de ideas, coñecemento do funcionamento social, trato cos demáis dentro da sociedade, etc., como ocorre en calquer outro grupo.
   Referente a adicación, esta vai dende a indiferencia total, pasando pola aversión ata chegar a unha adicación de tempo importante. A orde na que están postas as diferentes adicacións pode ser variada, naturalmente, pero de non ser máis minucioso incluíndo outras categorías ou subcategorías, deixaría sempre no medio das tres expostas a da aversión; ó fin e o cabo é un xeito de adicación, que poderiamos chamar anti-adicación, pero tal que a persoa que se identifica neste grupo implica que ten un tempo adicado ó enfrontamento, e polo tanto, adícalle un tempo ás actividades da Semana Santa.
   Sen facer máis comentario sobre o grupo de indiferentes, creo que habería que dar aquí un agradecemento ás persoas que lle adican unha porción importante do seu tempo ás actividades da Semana. Son as que a organizan e por tanto fan posible un cambio de ritmo vital no ciclo diario de cada un, incluído o grupo de xente indiferente, e por suposto, o da que mostra aversión. Para algúns, a ruptura da rutina diaria pode supor un contratempo, para outros, unha liberación, pero a quen máis, a quen menos, permítelle o retorno posterior ó día a día cun sentemento de novidade do vello e polo tanto vitalmente influínte.
   O criterio de interiorización implica unha clasificación que vai dende a xente que o cre (non confundir con xente crente no sentido relixioso xeral) a aquela outra que o figura. Neste caso, o termo medio sería a indiferencia, entre o extremo das persoas que sinten os feitos que rememoran as procesións como unha parte dos propios sentimentos a nivel interno e o outro que serían as persoas que acoden ás actividades da semana por razóns como o vistas, o que significa un utilitarismo das procesión en aras doutras causas como presentarse como máis católico ou non perder un ápice de posición social.
   ¿De que serve tanta clasificación? Sería demasiado presuntuoso o pretender que a próxima vez que nos enfrontáramos á Semana Santa nos preguntáramos onde estamos encadrados e sobre todo por que. Nembargantes, antóxaseme que todos, pasando polo organizador xefe ou o pasota cantante en calquera chiringuito á hora da procesión, todos, sairíamos gañando con que unha parte significativa da xente cavilara o tema en serio.
Antonio Gregorio Montes
--
Nota: este artigo apareceu tamén noutra entrada anterior, Kgome.

Imaxes de Nadal en Ribadeo





Soen verse outras imaxes de Nadal, pero o contraste pode ser efectivo...
Músicos na noite ribadense, tocados co gorro do Papá Noel, os reis que alguén xa relacionou cos tres candidatos á alcaldía, un camiño acogotado por unha beira preto do cemiterio (xa foi nomeado no blog) e o cemiterio, vacío de xente viva.

20061224

Guillermo Schulz



A conto da exposición de Guillermo Schulz en Ribadeo, o tríptico da mesma:

E, como terceira de hoxe,

bo Nadal!

20000, xa segunda de hoxe.

Só unha pequena reseña: onte o blog pasou das 2000 visitas contadas.

Longo día, longa noite: crónica dende a noite

Tamén en inverno pódese dar o caso dun longo día a máis dunha longa noite. Invertindo os termos por estar máis achegado no tempo, a longa noite manifesta ás claras aquelo de que non tódalas noites son iguais, nin toda noite igual a si mesma. Hai un cacho, foi a música de enfronte a que me espertou e me fixo levantar, e agora sumouse o ruído da rúa: a intensidade de un a outro varía dunha noite a outra e dun momento a outro, e o concello non actúa sobre ningún dos dous, nin sobre os baixos que se meten no cerebro nin sobre o da rúa do que todo o mundo quere desentenderse como se non estiveran relacionados. Como a noite é aínda nova supoño que despois do blog dará para comezar un pequeno escrito de avaliación do ruído durante o ano. Eso si, ambos non demasiado ben feitos, que a estas horas sería cousa de poder durmir e o corpo non está para escribir. /As 5 e 10. Sigue soando música nun local que tiña que ter cerrado xa, despois de media hora de silencio musical. O ruído da rúa amainou algo e ó da música xa lle queda pouco./
Onte sorpendeu Fernando Suárez nun pequeniño recuncho dun periódico secundando en parte a miña petición do outro día de que se indemnizara á xente de Ribadeo polo apagón para que a compañía puxera máis xeito e non se voltara repetir: fronte á explicación do alcalde, pide que Industria inspeccione a rede de Begasa para evitar outro. Coido que, como Industria debera telo feito, non procurou antes un apoio do pobo, só é un tenente de alcalde e non un alcalde, e aínda por riba a importancia que se lle da é a da boca pequena ó final do apartado exclusivo para a Mariña dun periódico, quedará todo en nada...
Máis repercusión parece que vai ter, polo lugar que ocupa a nova noutro periódico galego (aínda que tamén en páxina par, non moi extenso e na parte de abaixo, o de que 'Cultura rescata 5 grandes castros', entre os que conta o Castro das Grobas para seguir actuando nel o próximo ano, que coido debe entenderse como algo así como 'cando se dispoña dunha partida orzamentaria'. De calquera xeito, parece que prospera que o castro saia da súa invisibilidade, no que algo tivo que ver o Tesón (ver nota de prensa da asociación ó final, algo que espero que esta mañá que se aproxima reflexen os xornais) aínda qu o BNG o levara no seu programa eleitoral, en palabras de Fernando Suárez.
Xa está aberta a exposición sobre Guillermo Schulz, subtitulada 'un inquedo innovador na España do século XIX'. Só unha pequena reseña para unha exposición que espero aproveitar para sumar información á Galipedia.
Ben, a anterior é un dos moitos actos culturais que xalonan Ribadeo e dos que literalmente se queixou a directiva saínte/entrante de Amadores por non deixar espazo á banda. Sendo máis precisos, queixáronse de que en troques de ter preferencia pala reserva de día de actuación, tiveran que pregarse e cambiar datas xa previstas por vir xente de fóra e teren ocupado o espazo. Non sei se é así ou non, pero así se dixo, claro que o espazo de competencia non era a oficina de turismo onde está o de Shulz. Non me deixou bo sabor de boca a asemblea. Se non contei mal, 18 socios en total para unha sociedade que debe sobrepasar os 700. Non estaba nin toda a directiva (entrante ou saínte), se ben neste caso, nunha directiva de 11 é normal que falte alguén por un ou outro motivo. Pódense dar moitos datos, e tentei recabar algún máis porque penso que quedaron moitos tamén no tinteiro, pero había (tiña eu) demasiadas preguntas e parei despois dunhas poucas. Así, por exemplo, entereime de que ás reunións coa xente do concello vai o alcalde e a concelleira, porque queren coller ós dous ó tempo e que quede corroborado o que se di. O resultado non parece ser moi bo, pois din que pérdense non só as notas tomadas nas xuntanzas anteriores, senón mesmo revistas ilustrativas deixadas para que no concello se vexan algunhas cousas que se queren. Tampouco parece haber un protocolo (escrito ou non) sobre o que facer para as montaxes das actuacións, algo que en tempos houbo de xeito implícito, pero que funcionaba, e que ó que se ve da evidentes problemas de coordinación. 10000€ de superavit e os músicos sen cobrar un can este ano é algo que se me fai difícil de dixerir e así tentei deixalo claro. Pode que o premio dos músicos sexa ir un fin de semana a un festival, e non me parece ben aínda que alí non o dixen. Díxose que se lles dixera ós músicos para que decidiran eles que facer, e coñecendo o que é unha banda por dentro, estranaríame que funcionara. Non me deixou indiferente a cifra gastada en teléfono e correo (se mal non lembro anda polos 90 euros mensuais) así como que non se presente orzamento para o próximo ano nin proxecto ou plan de actuacións ou como que se teña considerado o recurso a músicos foráneos como algo sistemático e non ocasional, o que coido pode traer algún problema a longo prazo. Sorprendéronme máis cousas, pero non me presento á directiva nin a promovo porque non teño tempo. De feito, ó comezo fun alí para por si necesitaban xente, propor a algunha persoa que falara comigo para tal caso. Por eso tampouco me gustou (e esto xa é algo de percepción persoal) que unha vez presentados os novos membros da directiva se dixera, indicando á zona na que estabamos un grupo (incluído algún membro da nova directiva), que non sabían se había outra proposta alternativa.
Onte tamén houbo carreira, a das 12 pontes, na Veiga. Ten como fin promover a vida saudable e é unha carreira que ten o seu punto de curiosidade, coa subida e baixada, unha e outra volta, das pontes sobre Monxardín e Suarón. A miña forma física só me permitiu rematar a carreira...
---

Asociación de veciños O Tesón
Nota de Prensa

A Asociación de veciños O Tesón continúa na procura dun futuro para o castro das Grobas (Vilaselán, Ribadeo). Neste sentido, comezou a deseñar unha serie de actuacións en conxunto con outras entidades públicas, das que a primeira ten día e hora: a conferencia 'Posta en valor dun elemento arqueolóxico”, por Abel Vigo, arqueólogo municipal de Mondoñedo, terá lugar no salón de actos da Casa do Mar o 29 de decembro de 2006. Esta actuación, que conta coa colaboración da Fundación Comarcal da Mariña Central, está prevista coa finalidade de aproveitar o exemplo do castro de Zoñan, en Mondoñedo, para a posta en valor do Castro das Grobas.
Espérase continuar estas actuacións con outra conferencia cara a finais de febreiro sobre os castros de Ribadeo e outra cara a finais de febreiro que se centre no castro das Grobas. Asemade, haberá outro tipo de actuacións, incluíndo a presentación da carpeta divulgativa sobre Zoñán (que se fará o mesmo día 29 xunto coa conferencia e que pretende ser asemade unha homenaxe á persoa que a concebiu, Suso Peña), unha exposición sobre este castro (prevista para a segunda parte de xaneiro) e un novo paseo ó castro, unha volta finalizado o desbroce iniciado a instancias da Delegación Provincial da Consellería de Cultura e presentado polo primeiro tenente de alcalde hai poucas datas. deste xeito, aglutinando actividades en relación co castro coa Fundación Comarcal da Mariña Central e a Mariña Oriental, co propio Concello e coa Delegación Provincial da Consellería de Cultura, esperamos dar un impulso ó coñecemento sobre o castro, ó interese dos veciños e en consecuencia, a un futuro mellor para o xacemento arqueolóxico.
Ribadeo, decembro 2006

20061223

Dinamizando o Castro das Grobas, Vilaselán, Ribadeo


Un segundo post hoxe para tratar do castro das Grobas. Adxúntase a foto dun cartel da primeira xornada que O Tesón vai tratar en relación ó castro. Pénsase en facer outras dúas charlas, achegando o tema cada vez máis ás Grobas. Esta primeira corresponde a ver como se está poñendo en valor o castro de Zoñán (Mondoñedo) para facérmonos unha idea do que podería resultar As Grobas, en principio abondo máis extenso. A segunda correspondería ó conxunto dos castros ribadenses. e a terceira estaría máis centrada nas Grobas. O ciclo continuaría ademáis a actividade previa xa realizada dunha visita ó castro e engadiría ademáis unha exposición de láminas para comprobar mellor como se puxo en valor Zoñán. Iremos tendo novas a medida que se vaian producindo.
A foto aérea do Sixpac corresponde á excavación de Zoñán, se ben como o Sixpac tarda en actualizarse, a foto xa non é actual.

Un concerto en Ribadeo, auditoro Hernán Naval






Na realidade non foi un concerto, senón actuacións. Adxúntase o díptico e algunha foto, incluíndo Reis Magos, que tamén fixeron acto de presencia, o presentador, outra actuación. Notouse pois a presenza de Suso López e non apareceu Lourenço, mentras a xente da ANPA, Suso, Ernesto, Farruco, Javier, eu... estabamos ó completo. Tampouco se viu o alcalde, mentras Fernando e Mari Luz andaban por alí coa familia e o PP estaba desaparecido. Pódense facer comentarios musicais, pero supoño que os fará mellores Fernando ou Suso.

20061222

A partir de hoxe os días medran


Xa estamos no inverno, e a partir de hoxe os días medran, co que se pode encarar a vida con algo máis de optimismo, segundo pensaban osa antigos e se ve manifestado nos nosos tempos pola lotería do Nadal, que se xoga hoxe. Sorte a todos e todas, aínda que estatísticamente, como todo o mundo sabe, o mellor é non xogar...
Por certo que entereime onte de que o persoal está a facer selección, segundo me dixeron, para facer fixos a traballadores temporais. Coincidiu que no mesmo momento un temporal estaba explicando as dificultades para ser fixo: a el non lle toca esa regularización. E tamén que outra persoa se me queixou de que eso era unha coladeira para ganar votos hipotecando o concello. Non sei máis, pero o caso é que coido que ambolosdous teñen razóns, senón dereitamente razón.
Esta tarde coincidirán unha mesa redonda sobre Pedro Murias co festival de Nadal da EMMeD (ver)
A foto, castropol encadrado entre tellados dende o máis novo mirador en Ribadeo (xa ten uns anos), o do edificio Praza de España

20061221

Festival de Nadal da Escola Municipal de Música e Danza "Hernán Naval" de Ribadeo

Paso a postear a nota íntegra da actuación que terá lugar mañá:
A Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo celebra o seu t

A Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo celebra o seu tradicional Festival de Nadal

  • Actuarán un total de dez formacións xurdidas no seo do propio centro

  • O festival ten preparadas moitas sorpresas para os máis pequenos


Ribadeo. 21 decembro 2006. A Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo celebra hoxe, venres día 22 de decembro ás 20.30 horas no Auditorio Municipal “Hernán Naval” o seu tradicional Festival de Nadal. Un total de dez formacións xurdidas no seo da propia Escola e integradas polos máis de 250 rapaces e rapazas que se atopan matriculados no centro son as que van poñer en riba do escenario un programa onde o espírito de nadal se respira polos catro costados. “Queremos contribuir con música á celebración das festas de nadal así como que os nenos e nenas se divirtan e disfruten facendo tocando”, sinalou Lourenço Cruz, director da EMMeD de Ribadeo. Para que isto ocorra en cada unha das pezas vai haber algún elemento sorpresa que, nalgúns casos, nin os propios alumnos e alumnas nin a direición do centro coñecen. “Este é un festival onde a maxia e a ilusión son compoñentes fundamentais pois moitas das cousas que se van facer non as coñecemos nin os propios profesores, son sorpresas que cada director das agrupacións ten preparadas e polas que tan só nos queda agardar”, comenta con sorna o director do centro ribadense.
Grupos de iniciación á música, de ballet, de saxofóns, guitarras ou percusión así como a banda infantil van interpretar diferentes versións de temas clásicos do nadal así como versións de pezas de música de cinema como a banda sonora do filme Titanic.

O prato forte do festival está reservado para as actuacións conxuntas da Orquesta sinfónica xuvenil e do Coro da EMMeD. Ambas e dúas formacións van escenificar un dos momentos máis especiais do festival. “Algo que si podemos adiantar é que a estrutura do cocerto é in crescendo xa que a súa intensidade e espectacularidade vai ir medrando a medida que vai avanzando”, sinalou Lourenço Cruz.

Unha vez máis a EMMeD de Ribadeo mantén nos seus concertos a premisa de que exista presenza de todos os estilos de música. Boa proba delo é que polo escenario do Auditorio “Hernán Naval” van desfilar dende un corpo de ballet que se move ao ritmo de “Campana sobre campana” até un coro que canta “O Tamborileiro”, unha banda infantil que versiona “Titanic” ou un grupo que fai música heavy e que se atreve con “Red Barum”.

O concerto de nadal da EMMeD de Ribadeo vai estar presentado por Suso López.

Premios para centros ribadenses


Hoxe sae na prensa a recollida, onte, de sendos premios na Escola Galega de Consumo por parte do IES Porta da Auga, un trballo coordinado por min, e do Colexio Sagrado Corazón, coordinado por Begoña Sanjurjo. 1700 € (non 1600 como trae a prensa) para mellorar a formación dos alumnos como consumidores. Eu preferiría que fora como persoas, pero non hai ningúns Instituto Galego da Persoa, e é unha mágoa, porque parece que últimamente (xa non tan últimamamente) trátase de partir a persoa en 'cousas', como consumidor ou cidadán, por poñer dous exemplos, e coido se esquece que as persoas somos un pouco de todo, pero ante todo, debemos ser eso, persoas íntegras. E de feito, parece que xa en tempos dos gregos había quen andaba á procura de persoas (versión 'auténtica') á lus dun candil.
Tamén son nova hoxe na prensa os comentarios sobre o apagón. Parece que o único que está tranquilo, en plan 'aquí non pasa nada' é o alcalde. As outras declaracións que aparece, comezando pola miña, pregúntanse que pasa, que disculpa é a rotura dun cable por variación de temperatura neste tempo e nunha zona produtora de enerxía como Galiza.
A imaxe, montañas nevadas sobre a cara asturiana da Ría de Ribadeo, tomada a comezos de semana.

20061220

Ribadeo, sen luz


Onte quedou Ribadeo sen luz. Dependendo das zonas, máis ou menos, arredor de 3/4 de hora / 50 minutos. É dicir, nin os 35 minutos de Begasa para todos nin tampouco para todos o máis dunha hora do concello que di nalgunhas zonas. Eso si, con varias intentonas de volta de luz que teran fastidiado máis dun aparello. Pero, quen vai restituír os aparellos averiados? E o tempo perdido? As ventas non feitas? Propoño que o concello se entere e sexa restituído cada veciño ou negocio (véxoo difícil) porque onte non había condicións para un fallo ' de forza maior', e menos por un cambio brusco de temperatura que se alega.
Ademáis, traio a colación unha cita de 'Ribadeo muller', voceiro do Centro de Información da Muller de Ribadeo, e tráioo porque dito por Mari Luz, debera ser aplicable a outras áreas do concello-estrutura e non só de portas a fóra: "A información é unha garantía para a igualdade de oportunidades, e como tal, un dereito fundamental das persoas". Teño que recomendar a algunha xente a letura de 'Ribadeo Muller', a algunha xente que necesita ánimo para dar esa información que se di fundamental (estou de acordo) no voceiro dunha institución municipal. Por certo, só aparecen colaborando dous nomes masculinos: Xaquín Marín e Suso López.
A foto, do recheo sobre a ría mencionado unha chea de voltas no blog, realizada a semana pasada.

20061219

Necesidade de tradutores en Ribadeo, Castropol e en xeral, a Ría de Ribadeo


A este paso, vai ser necesaria unha lexión de tradudores. Véxase un párrafo nunha nova de hoxe: "Puesta en valor de recursos de la ría del encuentro en el Camino Norte de Santiago".Procurade un mapa e nel, a ría do encontro; na ría, os recursos postos en valor, e logo, mirade a porcentaxe da ría que coincide co Camiño e, alongade a ría? variade o decorrer do camiño?
Vista a nova, un taller ocupacional para diversas profesións en Ribadeo e Castropol, coido que pode poñerse dun xeito abonda máis claro e sen variar a xeografía.
A foto de hoxe, un descoñecido aínda para moita xente: o novo faro das Carraias.

20061218

De aplicación en Ribadeo


Traduzo unha cita de Le Monde en El País, a conto da nova regulación de produtos químicos en Europa:
'co regulamento Reach deséñase o novo modelo económico sobre o que Europa debe basarse: unha industria e unhas actividades que respecten, por principio, o medio ambiente e a saúde'.
Naturalmente, ó poñer o título, estou pensando no ruído, polo que adxunto máis sobre o tema: un recorte da Comarca de 4 de xuño de 2005.
A foto, cánto variará coa reforma da ponte?

20061217

Un domingo distendido

Ás portas do novo ano, collamos por Ribadeo este domingo un pouco distendido á vista das montañas nevadas á outra beira da ría (a noite anterior, para non variar, foi outra cousa). Aí vai un pequeno acertixo: o calendrio á beira, repartido por Amadores da Música, que por certo, ten xa aí a convocatoria de asamblea xeral, ten cousas de Chenchu e de Hernán que perduran no tempo. Cales son?
Onte remataron as xornadas sobre drogodependencias, segue aberta a inscrición para actividades para os cativos este Nadal, hai expo na casa das Letras (libros antigos) e na Oficina de Turismo (sobre o Enxeñeiro Schultz), e tamén, aínda que non se comunique tanto, están en periodo de exposición os documentos sobre o célebre ascensor atalaia/porcillán, e deberan de estalo tamén os do paseo ás Aceas (este non foi anunciado, que eu saiba), e os do Parque... Canto traballo costa facer unha política transparente! (debe costalo, polo raro que se fai)

20061216

Privatizando Ribadeo





Hoxe, dando una volta por algún sitio polo que xa facía tempo que non pasaba, ocorreuseme que estou de acordo co alcalde en que este goberno pasará á historia. Pero non o fará polos monumentos estilo fonte, cocos ou Marqués, tampouco polos retrasos acumulados en cirunvalación, autovía ou polígono industrial. Nin pola construcción dun novo 'castro' mentras se ninguneou durante tempo ó das Grobas. Non. Será lembrado pola privatización integral de Ribadeo, ceo, terra e auga. E digo pola privatización e non polo comezo da privatización, porque espero dos seus sucesores máis sentidiño e pensamento no ben público que o que se está a amosar agora.
Pode que cause estrañeza o de privatizar ceo e terra, pero coido que está claro: privatízase o ceo cada vez que se deixa edificar máis alturas das debidas ou das aconsellables, cada vez que se deixa sen luz do sol direita a un baixo porque en frente están construíndo un edificio máis alto do debido, cada vez que unha rúa ten máis alto que ancho... Un exemplo? construcción aínda hoxe sen rematar ó comezo da rúa Calvo Sotelo.
Privatízase a terra cando se deixa construír en lugar que deber ser público, cada vez que non se respetan as distancias de retirada en relación á vía púbica, cada vez que hai recalificacións interesadas... Un exemplo, neste caso de falta de retirada en relación a un camiño, que queda totalmente emparedado, na primeira foto de hoxe: bordea a urbanización subindo dende a vila vella ó cemiterio...
Privatízase a auga e o mar cada vez que un servizo público vai parar a mans privadas, cada vez que se lle come terreo á ría para ¿?, cada vez que que se lle quita un lugar de paso ós ribadenses xunto á súa ría... é quizais a privatización máis grave e máis visible e, ó tempo, a que deixa menos lugar á protesta porque o concello ampárase noutras institucións. Pode que sexa a máis lamentable pola mesma imaxe da alcaldía ó frente dunha manifestación e, sen chegar ó terceiro día, cambio de chaqueta. Non poño nin siquiera esta volta a foto do recheo. Non é necesaria a foto dese símbolo de denigración do pobo. Unha ollada ós bloques e á entrada ó porto, en vista tomada esta mesma mañá, onde se ve a caseta xa case lista, da unha idea de aquelo de que Ribadeo é de algúns, non dos ribadenses. Por desgraza, cada volta máis.
Unha última cousa: o privatizar deixa sen espazo á xente, e esto inflúe non só na mingua da riqueza como tal do pobo, senón nas relacións entre a xente. Está amosado dende hai moito por estudos sociolóxicos e psicolóxicos que cando unha sociedade está más acogotada de espazo (maior densidade de xente), entón os seus compoñentes tenden a voltarse máis agresivos, cara ó exterior e tameń cara ó interior, entre eles. É dicir, na actualidade non só se está deixando sen patrimonio a Ribadeo, senón que se está a contribuír a unha división e perda de calidade de convivencia entre a xente do pobo. Se non fora tan triste cabería rematar en plan sorrinte: misión cumprida, sr. alcalde!

20061215

A segunda de hoxe: desinformación, tamén en Ribadeo


Adxunto un artigo sobre a desinformación, con algún exemplo de Ribadeo. Hoxe, escribiríao con máis datos e máis referido á desinformación que ofrecen as institucións, segundo quen sexa quen a reclame. O artigo foi publicado na Mariña o 24/7/2002 xunto a un artigo relacionado con Ribadeo: "A banda renova o seu concerto sobre cine"

Do ruído en Ribadeo e fóra... e do castro das Grobas en Vilaselán


Onte entereime que o dono dun bar en alonso Martínez (Madrid) irá ó cárcere 32 meses for facer ruídos, nova que me pasou Mariano, e tamén que aquí, en Ribadeo, o concello perdeu outro caso (esta vez no supremo) por permitir (dar licenza e logo permitir) que unha empresa faga ruído na viciñanza das casas na zona da estación. Segundo parece, o resultado coñeceuse en setembro, e os veciños aínda están esperando a aplicación da sentencia: algo que me sona. O caso é que o concello ou se move ou pronto serán as persoas encargadas deses incumprimentos as que terán problemas xurídicos.
Onte estiveron xente da Consellería e dunha empresa contratada no castro das Grobas: xa comezou o desbroce e o luns comezará o levantamento topográfico. O lóxico sería despois facer unha 'posta en valor' do que hai, un compromiso en firme do Concello (vése a Fernando Suárez nun flanco da foto e do outro a José Mª Rodríguez; eu tiven que marchar antes). Parece que se está a chegar a unha situación favorable ó que pretendía Gonzalo Meijide, encargado destes temas na delegación Provincial de Cultura, hai xa anos, e polo que se moveu O Tesón dende hai uns meses.
Na foto, unha casa remozada na baixada a Porcillán.

20061214

Madrid - Ribadeo. Unha viaxe de ida e volta?


Moitas voltas teño dado sobre a (falta de) participación da xente en Ribadeo en diversas pequenas (ou grandes) cousas. Por eso teño desenvolto unha pequena teoría, se ben pouco contrastada. Aínda onte, falando cun amigo, saíu o tema. Para min, nun curto resume, houbo unha emigración a Madrid que para Ribadeo máis que para outros lugares, representou unha emigración cacique, unha emigración de xente pudinte a Madrid, coa creacón dun 'cluster' ribadense aló e extensión do antigo método do caciquismo fóra da vila, pasando a ter unha dependencia direita de Madrid máis que de Lugo. Deste xeito, tíñanse 'contactos' en Madrid máis eficientes que os de outros pobos, que tiñan caciques locais cun lugar máis abaixo na cadea de submisión (e de mando) e un menor contacto coa xente da capital. Esto produxo un relaxamento e un ata certo punto comprensible aumento de paciencia ó introducir a distancia das xestións no desenvolvemento xeral ó tempo que un maior pasotismo por ser máis difícil o contacto a outra moita xente con menos relacións. Esa viaxe de emigración retorna agora en certo xeito co 'turismo residente' que pretende unha certa estabilización turística coa segunda residencia.
Sumarizando, o facer trampas lonxe, fai máis doado a ocultación e máis dificultoso o control dende aquí, e que facilita unha pervivencia (aquí sería a eclosión coa segunda xeración) da cultura do pelotazo que fixo famosos a xente como Mario Conde, nun nivel máis pequeno, de pobo. Eso explicaría asemade unha transgresión de normas e o trasplante aquí e a acomodación fronte ó 'pelotazo' no urbanismo e outras acomodacións e transgresións como na 'hostalería de copas'.
A foto, case repetición de algo que denunciei no blog hai máis dun ano e que non mellorou dende entón, a zona de maquinaria do auditorio, de 'entrada libre'.

20061213

Internet é o que máis se utiliza no centro xuvenil


Si, en Burela. En Ribadeo seguimos a esperar que os políticos se decidan a rematalo/inauguralo. Pode que agora que se achegan as municipais, a próxima xeración de ribadenses poda usalo. Hai un días que lembrei que o de Vilalba xa é da xeración anterior, e que aquí o único cambio visible dende que decidiron deixalo en stand-by é que poñia 'xoventude' e agora xa está corrixido...
Mentras, anúnciase o noitebús para o Nadal, 'como no verán', pero non se di nada de, por exemplo, extender o servizo da Policía Municipal polo menos o tempo que lle dan permiso ós locais. Mentras, a cuestión é ignorada polas cŕiticas da oposición, dirixida a disparar contra que non se informara do Pepri (Plan 'especial' de protección e reforma interior), cando é xa tradición non informar nada máis que propaganda, sexa Pepri, amaño de rúas ou o que sexa. por certo, aínda non tiven tempo de preguntar se non sería mellor deixar a cuneta á beira do mercado, como estaba, en troques dunha suave inclinación na nova rúa 'humanizada' sen cuneta ó final. Do comezo da inclinación non podo falar aínda, pois non teño mái sinformación que a area sobrante alí acumulada polo momento, pero cos coches por riba, sigo sen ver ben a humanización ou a diferencia, haberá que esperar á 'información final de obra'.
Menos mal que hai programación cultural, así o Nadal será mais... cultural, e os críos terán algo diferente que facer, porque os maiores vexo que pasan abondo da cultura, a pesar da labor de zapa que van facendo as sucesivas oleadas de actividades da concellería (algo máis de participación van tendo).
de remate por hoxe, o tema horario. Eu non o vexo mal, pero coido que aínda está abondo crú, e que se se vai a facer o cambio e deixar os horarios armonizados (é dicir, 'abrir unha hora despois pola nova hora'), mellor deixalo. Para Ribadeo, coido que de facelo ben, tería ventaxas económicas (abrir cando en Asturias xa pecharon, por exemplo) e sociais, e no tema que comecei onte, sobre a identidade, non tería que ver.
A foto, o día nacente das catro calles ó parque.

20061212

A identidade de Ribadeo


Onte caeu a miña vista nunha pantalla próxima con estatísticas de poboación. A de Galiza non era o que se di unha 'pirámide de poboación', pero non me causou moita estrañeza. A da provincia de Lugo, tampouco, pero si alarma, pois máis ben parecía a unha árbore cun pequeno tronco e abundante follaxe que a unha pirámide. Chega dicir que os maiores de 85 anos (unhas tres veces máis mulleres que homes, por certo) son abondos máis que os do grupo 0-4. Sabía da despoboación de Galiza, pero esto non é despoboación, é desertificación. E se contamos conque na Mariña aínda nos imos defendendo coas incorporacións de xente de aluvión, queda aquela expresión de 'granxa de vellos' que teño oído máis dunha volta como auténticamente definitoria, pero non para expresar o fenómeno de que o campo se manteña en parte pola cobranza xubilatoria dos maiores, senón para a provincia enteira.
A partir de aí, ocorréronseme unha serie de cuestións e reforzos de ideas que irán saíndo sobre a identidade, a migración, ...
Só un pequeno comentario sobre algo máis actual, unhas verbas de fernando Suárez a conto do éxito do mercado de Nadal: 'os vinte mil euros están ben gastados porque non é una cantidade sustancial para todo o movemento que tivo Ribadeo', (pódese dubidar, pero non me costa traballo aceptalo polo momento) cunha segunda parte, 'e ademáis porque están sufragados a tres partes, das cales o Concello é a que menos aporta, unhos catro mil euros'. Esto xa implica que o que conta non son os cartos en conxunto, senón os que pon o Concello ("os que doen"), como se o outro non foran cartos publicos tamén administrados polo concello. Non creo que se podan separar, e o rendemento é de todos os cartos, non só dos postos polo concello. E quen pon todos os cartos somos todos. Coido que tamén deso se pode comentar abondo, e non tanto sobre o que significa para esta ocasión, senón do que indica para outras.

20061211

A morte, que a todos chega

'Morre o ditador Pinochet'. Pensaría nela mentras mandaba torturar? Dubídase.

20061210

Avaliación de impacto ambiental


Remato de atopar un artigo do ano 2000 sobre a avaliación de impacto ambiental (El Ecologista, verán 2000, pp.61 e seg., por Luis Vicente Martín Barajas e Carlos Martínez Camarero). Para a miña sorpresa, atopo uns cantos párrafos xa remarcados pola revista; traduzo e traslado algún:
'aínda que a avaliación de impacto ambiental deseñouse como un instrumento para a protección do medio ambiente, ténse convertido nun mero trámite administrativo, que rara vez plantexa dificultades, ou aínda restriccións significativas, ós proxectos maís destrutores.'
'Non transpoñen as diretivas...' '...e incumplen os seus contidos'. Non lle dou máis voltas ó tema e penso nos impactos ambientais diversos dos recheos 1 e 2 na zona portuaria de Ribadeo, as piscifactorías, ... máis de seis anos despois de que se escribira o artigo, con outro goberno estatal, galego e local.

El Govi, de Primi Nécega


Aproveito o domingo para facer algo que tiña pensado hai abondo tempo, algo así como uns dous anos, e que non leva moito traballo: a posta na rede dun pequeno conto (5 páxinas) en castelán de Primi Nécega. Non é o mellor sitio éste para publicar un conto, e menos aínda se é en castelán, pero polo momento, vai así, en versión non definitiva, co permiso da autora, que xa ten unha longa traxectoria como contista na Comarca.
No seu momento, tiven que ver coa publicación de 'Despertar', un libro de poesía da mesma autora, en papel.











































































Trece veces o meu peso... e un vello parque


Onte, botando contas polo alto, descubrín que estes últimos anos gastei en combustible no coche unhas trece veces o meu peso cada ano, e eso que estou moi satisfeito co gasto cada 100km. É doado prever que as reservas de combustibles fósiles vánse esgotar de xeito rápido... a pesares de que a maioría da poboación mundial está case a 0 de ese consumo.
E en relación a Ribadeo, a nova é un novo parque para paliar a falta de espazo verde. 2800m2, etc... a cousa é que ese espazo xa é verde na actualidade: é o xardín, e que pase a chamarse parque de Indianos é o de menos.
No mercadiño que este domingo é o blog, 'Un novo santo' (18/1/2002), aparecido en A Mariña/El Progreso xunto coa nova de "Ribadeo Homenajea a Hernán Naval"...