20190829

Salvados pola xeografía (e a gravitación universal)

(Versión para os medios de http://ribadeando.blogspot.com/2019/08/verquido-de-purins-salvados-pola.html e http://ribadeando.blogspot.com/2019/08/verquido-de-purins-ii-alguns-detalles.html.)

Polo que parece, varias centeas de miles de litros de zorra foron liberados ó río Ouria en Guiar, parroquia dA Veiga, Asturias. Resulta que o río Ouria desemboca no Eo, casualmente, un pouco máis abaixo da captación de augas de Ribadeo, co que en principio libramos dunha contaminación que tería deixado a Ribadeo e Trabada sen servicio de auga varios días, ó non só captar auga contaminada senón tamén contaminar os depósitos e as conduccións mentres non se tomaran medidas.
En Guiar hai varias instalacións gandeiras grandes a escala da zona. Unha delas, cun depósito de duns 350 m2 de superficie, con capacidade de máis de 1 millón de litros de zurro, tivo un fallo polo que unha tubería quedou durante horas desentroncada. Horas de noite, polo que tardou en ser descuberta. A aclarar ademáis que o verquido poido ser peor, pois a balsa non se baleirou.
O entronque estaba feito, ó parecer, por pegado entre tubos, sen pezas de ensamblaxe. O desnivel de varios metros na tubería de desaloxo do depósito, implicando unha presión significativa, rematou por facer que ambos tubos se desprenderan un do outro e se iniciara o verquido, que se produciu a algo máis de 3 km río Ouria arriba da desembocadura no Eo.
O verquido produciuse a unha taxa variable, dunha orde de magnitude de varias deceas de litros cada segundo, impactante para o Ouria, aínda que relativamente abondo menos para o caudal do Eo, que no lugar da desembocadura do Ouria ten unha anchura duns 15 m e un caudal típico de 19,61 m³/s (case 20 000 litros cada segundo). Estamos en tempada seca, co que o caudal é abondo menor: o valor tomado pola Confederación Hidrográfica do Cantábrico que amosaba a súa web poucas horas despois do verquido era de 1,67 m3/s, isto é, menos de 2000 litros por segundo. A aínda así un par de órdenes de magnitude superior ó caudal do verquido. Iso fixo que a mancha de contaminación no Eo fora ancheándose progresivamente dende a marxe asturiana por onde desemboca o Ouria ata a galega.
A caseta de toma de augas para Ribadeo e Trabada queda máis de 300 m Eo arriba da desembocadura do Ouria, co que aínda coa lentificación da auga na suba de marea non era previsible a contaminación do sistema de aguas de ambos concellos. Só o principio de precaución e prevención ante posibles responsabilidades nun caso moi extremo puido dar lugar a un aviso de evitar o consumo de auga da traída, sobretratada en prevención dunha continxencia así.
Outra cousa ben diferente é a calidade das augas río abaixo e na ría. Se ben a cantidade de zorra verquida é un volume considerable, non deixa de ser de catro ou cinco ordes de magnitude menor que o volume de auga na ría. Aínda así, abondo como para declarar a auga en mal estado, coa prevención de baño e consumo de alimentos extraídos da ría.
A auga na ría sábese que se renova totalmente nunhas tres mareas, co que en cousa de día e medio a ría podería considerarse máis ou menos limpa aínda no caso de non ter actuado con filtros anticontaminación. Como hai outros factores, como tempo de escorrentía, lama afectada, etc, o tempo a considerar para pensar en tomar un baño nos Bloques debe ser maior.
Queda por tratar o impacto nos seres vivos do entorno. Para os do río Ouria no tramo afectado, en xeral a resposta será un R.I.P, aínda coas barreiras anticontamonación. Hai que lembrar que o verquido estivo un tempo sen filtro de control ningún. Para outros animais, como as ostras se cultivan e que invaden a ría, mellor non comelas nunha tempada, ata que os análises pertinentes se normalicen.
Queda tamén por ver o que se aprendeu do incidente, tanto a nivel de actuacións preventivas como de xeito de facer as cousas (métodos de traballo, permisividade, etc) ou ó nivel legal. Actividade que fai moita falta. Iremos vendo se se aprendeu a afrontar os problemas atacando as causas e non tratando sinxelamente de paliar os efectos.
Por último, para poñer en perspectiva: a balsa de lodos de Alcoa, cunha superficie de 40 Ha, ten un volume de lixo incomparablemente superior.
Por esta volta, houbo sorte. Iso si, o Eo sufrirá. A ría sufrirá. Máis.

A maxia contida na literatura. Por Pablo Mosquera

Nota: Ó final, o vídeo da presentación.
Feira do Libro na súa quinta edición.
Lugar, a praza da Mariña en Burela
Organizada polo concello e o seu departamento de cultura.
Venres, sábado e domingo.
Música, encontro para autores, libreros e lectores.
Alí estaremos os habituais: Paco Rivas, Carlos Novo Cal, Vicente Míguez, Sito Otero Regal, eu mesmo...
O noso fin último, que as xentes adquiran o hábito da lectura, como entretenimiento, coñecemento, aproximación á verdade histórica, deixarse encantar con relatos fabulosos e fermosos poemas.

Este ano fixéronme pregoeiro de tal evento. O serei o sábado ás 12:30 no medio das casetas que poñen ao alcance do público obras creadas para dar a batalla ás máquinas infernais que escravizan as vontades e conforman novas adicións ao servizo dunha sociedade onde a subcultura é produto de consumo e alienación. Algúns rebeldes seguiremos loitando. A máis fermosa e inacabada das revolucións segue sendo cambiar o mundo. Ata nas artes plásticas a loita contra ese estilo inxénitamente hortera da arte Naïf. Onde monigotes con tempestade de cores queren describir momentos, personaxes, lugares e instantáneas, para facelos virais... Diso saben algúns impostores.
Man a man, o domingo a partir das 20 horas. O meu amigo Sito Otero Regal e eu, volveremos desempoar dúas reedicións: "Historias de Nunca máis" e "A Maruxaina e outras Sereas".
Coa primeira cóntolles historias máxicas: ""O Santo do Muiño"; "A Moura do Vidreiro"; "A pantasma de Rúa"; "Sombras nada máis"; "O pianista sen piano"; "Conto de Nadal"; "O gaiteiro de Rueta"; "Arponero"; "A noite máis longa botando as cartas"; "A Ninfa das Cetarias"; "Reloxeiro"; "Historia dunha caracola"; "Ron Negrita"; "A Kalista"; "Muiñelos"; "Entre Viquingo". Acompáñanme no periplo por lugares que están ao voso alcance nesta costa ao norte do norte, xentes como o último Torrero do Faro na Estaca de Bares, e outros amigos que fixeron as ilustracións de cada relato.
Coa segunda trátase de acompañar con relatos sobre o mundo das sereas ás magníficas ilustracións que fixo Otero Regal para darlle vida artística, máis aló do maldito botellón, a esa festa en torno a Maruxaina. Aproveitaremos para contar con documentos o nacemento de tal evento, tratando de eludir ese mundo Naïf que usurpa a verdade e que nos conduciron ata -alfa e omega- o peor do mundo onírico da serea do norte de Pastor Díaz.

20190827

Verquido de puríns/zorra? II: algúns detalles



Parte I: Verquido de puríns? Salvados pola xeografía (e a gravitación universal)
En Guiar hai varias instalacións gandeiras grandes a escala da zona. Unha delas, cun depósito de zurro de máis de 1 millón de litros, tivo un fallo polo que unha tubería quedou durante horas desentroncada. O entronque estaba feito, ó parecer, por pegado entre tubos, sen pezas de ensamblaxe. O desnivel de varios metros na tubería de desaloxo do depósito, implicando unha presión significativa, rematou por facer que ambos tubos se desprenderan un do outro e se iniciara o verquido, que se produciu a algo máis de 3 km río Ouria arriba da desembocadura no Eo.
Os 580 000 L verquidos son estimativos, se ben vendo o desnivel no depósito, son abondo realistas ó tempo que se ve claramente que o verquido podía ser moito peor.
O verquido produciuse a unha taxa variable, dunha orde de magnitude de varias deceas de L/s, impactante para o Ouria, pero abondo menos para o caudal do Eo, que no lugar da desembocadura do Ouria ten unha anchura duns 15 m e un caudal típico de 19,61 m³/s (19 610 L/s). Estamos en tempada seca, co que o caudal é abondo menor (o valor tomado pola CHC que amosa nestes momentos na web é de 1,67 m3/s), mais aínda así un par de órdenes de magnitude superior. Iso fai que a mancha de contaminación vaia ancheándose progresivamente dende a parte asturiana por onde desemboca e tarde en acadar a parte galega do Eo.
A toma de augas para Ribadeo e Trabada queda máis de 300 m antes da desembocadura do rego no Eo, co que aínda coa acumulación de auga na suba de marea non é previsible contaminación do sistema de aguas de ambos concellos. Só o principio de precaución e prevención ante posibles responsabilidades pode dar lugar a un aviso de evitar o consumo de auga da traída, sobretratada en prevención dunha continxencia así.
Outra cousa ben diferente é a calidade das augas río abaixo e ría. Se ben a cantidade de zorra verquida, máis de medio millóns de litros, é un volume considerable, non deixa de ser menor que unha trintamilésima parte do volume de auga na ría nunha marea chea. Aínda así, abondo como para declarar a auga en mal estado. Auga que se renova totalmente nunhas tres mareas, co que en cousa de día e medio a ría podería considerarse máis ou menos limpa. Como hai outros factores, como tempo de escorrentía, lama afectada, etc, o tempo a considerar para pensar en tomar un baño nos Bloques debe ser maior.
Queda por tratar o impacto nos seres vivos do entorno. Para os do río Ouria no tramo afectado, en xeral a resposta será un R.I.P.; para as ostras invasoras na ría, mellor non comelas nunha tempada.
Queda tamén por ver o que se aprendeu do incidente, tanto a nivel de actuacións preventivas como de xetio de facer as cousas ou o nivel legal. Iremos vendo, e poñendo en perspectiva que a balsa de lodos de Alcoa, cunha superficie de 40 Ha, ten un volume de lixo incomparablemente superior.
Deixo a ligazón á nota de prensa do concello de Ribadeo como complemento.

20190826

Verquido de puríns/zorra? Salvados pola xeografía (e a gravitación universal)

Polo que parece, máis de medio millón de litros de zorra foron liberados ó río Ouria en Guiar (A Veiga). A prensa teme polo subministro de augas de Ribadeo. Resulta que o río Ouría desemboca no Eo un pouco máis abaixo da captación de augas de Ribadeo, co que como non cambie o curso do río, libramos.
Queda abaixo unha captura de pantalla do sigpac. Na cruz, a desmbocadura do río Ouria no Eo. Xusto un pouco á esquerda da imaxe e arriba, unha figura rosada indica a construcción onde se envía a auga ó depósito de Vilarbetote, xusto por riba da cota de 119 m na parte superior esquerda da imaxe. E dende alí, a auga ven cara a Santa Cruz. Considerando que o Eo corre da parte esquerda á superior dereita da imaxe, por esta volta, houbo sorte. Iso si, o Eo sufrirá. A ría sufrirá. Máis.
Continuación: Verquido de puríns? Algúns detalles.
Algunhas entradas sobre subministro de auga e contaminación en Ribadeo:
A auga de Ribadeo, unha historia
Consumindo auga en Ribadeo
Relato breve dunha actividade de aprendizaxe
E máis auga

 

20190821

Memoria histórica. Lembrando e tentando esquecer. Por Pablo Mosquera

(Nota externa: si, é sobre Alcoa. Si, é sobre ti.)
  Houbo un tempo mellor. Cando un pobo situado ao norte do norte presumía de ter entre os seus nativos aos mellores patróns para buques de vela e na súa ribeira aos mellores carpinteros para a construción de tales embarcacións. E así, trala incivil contenda contra a dama República, un emigrante -Xosé Murados- que chegou a ser funcionario municipal, purgado e encarcelado polas súas ideas non fascistas, dedicoulles a tales profesións versos que se adoitaban cantar polas cantinas con sabor a salitre e cheiro a café de pota cargado con achicoria para darlle a cor negra adecuada. Así era o meu querido pobo San Ciprián.
  A última xeración que traballara en Sargadelos estábase esgotando. E é que máis adiante cando empezaron a vender fume os "artistas" das palabras ocas, naqueles cursos para gestionar e dirixir recursos humanos -soa solemne- debuxábase a curva vital das factorías industriais. O proxecto do emprendedor nacía, desenvolvíase, alcanzaba o cenit -momento preciso para vender- e emprendía a caída a non ser que algún creativo fixese o que denominaban "mutar", algo así como inventarse outro produto que tivese mercado.
  Os profetas do curto percorrido. Os amigos que viven adulando ao presente sen dedicarlle un minuto ao pasado que pode enriquecer ao futuro. Os que chegan a perder ata o seu acento para adquirir formas gramaticales de voces procedentes doutros lares. Todos xuntos contribúen ao engano, ás falsas esperanzas de inmortalidad industrial. E é que os complexos son a antítesis do orgullo. E non hai peor trampa que facela no solitario. Como dicía o poeta, escoitando o canto dos grillos ou non distinguir as voces dos ecos. Aplicalo á evolución de Inespal ata Alcoa.
  Ponse máis entusiasmo en dominar as redes sociais que en practicar as tres vellas pero indispensables artes para a comunicación. Faladoiro, lectura, escritura. E así nos atopamos con adultos incapaces de facer un escrito, presentarse a unha entrevista para un traballo ou facerse entender sobre algún feito importante. Unha vez máis e como nos ensina a historia, as invasións as protagonizan bárbaros con menos bagaje cultural que o noso. Non queremos recoñecer que vivimos nun espazo onde non se admiten privilexios. Onde os custos energéticos hai que pagalos, e si non os paga a multinacional págaos o cidadán que vive toureando un soldo ou unha pensión. Iso, ou cambiar a fonte de enerxía. Estanme seguindo?.
  Pero non conseguen calarnos. Ao peor cando xa non esteamos. Mentres, aí está ese magnífico libro que a modo de tese doctoral sobre: costumes, personaxes, lugares, motivos, grupos sociais, despréndense desde unha obra histórica. "Cafeterías, tabernas, ultramarinos e bares de Viveiro". Outro traballo máis que regálanos un Cronista Oficial para unha Cidade Histórica, por dereito, por forza motriz, por recoñecemento popular, por feitos e personaxes. Carlos Novo Cal, tanto cando diserta como cando escribe, faio con rigurosidad, cargado de probas, sen concesións metafísicas, pero coa humildad propia do sabio historiador que recoñece como á verdade só se chega por aproximación. Xa que aínda habendo sido testemuña dos feitos, ou gozando a documentación que pode dar fe, sempre exerce a humildad propia do profesor que está disposto a debater e admitir outros puntos de vista no terreo do subjetivo que fai camiño tralo obxectivo.
  A obra que deu lugar ao máximo entusiasmo en pleno agosto na cita do Conservatorio, tivo tres propiedades. O orgullo da Alcaldesa- nosa amiga María, que sabe pode confiar no noso sanedrín- A emoción do meu amigo Carlos, que descubriu a capacidade de convocatoria que teñen os seus traballos -outros filibusteros dannos "malleiras" que só serven para os seus intereses curriculares- A homenaxe aos nosos, esa xente sinxela, popular, aos que nunca se lles dedica unha rúa, e moito menos unha escultura, pero son o pulso do tecido social. Os que cando se marchan déixannos a súa boina, a súa navalla, un sen fin de frases con tantos sentidos que son dignas dun capítulo na filosofía que nos ensina ética, estética, lóxica e dende logo a epistemoloxía.
  Por estas e algunhas razóns máis, que virán ao caso, ségueme gustando acudir á cidade do Landro, pisar as súas rúas, visitar as súas cantinas, render homenaxe ás súas xentes, e moi en especial aos meus amigos. Son o meu refuxio ante os desastres que vivimos na costa máis ao norte con vertidos por terra, mar, aire e comportamentos...

20190820

ILLA PANCHA: REACCIONS DE VERANEANTES

foto de José Santomé
  O pasado sábado, 17 de Agosto, produciuse un fenómeno un tanto rechamante, no carón da Illa Pancha, relatado por unha persoa de Ribadeo presente naquel intre e lugar.  O relato é o seguinte: mais de cincuenta persoas de fala castelá e orixen descoñecido axuntábanse perto da illa sobre as seis e media da tarde. Nesto que chega un auto de alta gama, descapotable, con duas persoas e a porta da illa ábrese deixando entrar ao coche para volverse pechar deseguido. Os visitantes alí presentes, comezaron a preguntarse, algún en outa voz, qué era aquelo, se era unha propiedade privada ou un espazo público. Foi cando chegaron os nosos comunicantes e informaron brevemente aos turistas dos antecedentes xa coñecidos polos lectores. Os foráneos alucinaban e non paraban de declarar a sua desafección polo peche da porta e a privatización dun espazo tan fermoso.
  Estes son os feitos e non imos entrar en interpretacións mais alá de suliñar a sensación de que a publicidade e a difusión nas redes traguerá cada vez mais visitantes ao faro co desexo de acceder á Illa Pancha. Parece lóxico que trala publicidade, os turistas desexen exercer o seu dereito constitucional e legal a entrar nunha illa pertencente ao patrimonio público, e de ahí se deriva que os visitantes perciban que o seu dereito está sendo conculcado por unha práctica imposible de explicar e de entender: o feito de que o concello de Ribadeo teña concedida a licencia de actividade ca condición de que a porta esteña aberta ao público en xeral, pero este acceso siga reservado aos que aluguen habitación nos apartamentos. O ridículo non pode ser mais espantoso, a opacidade intenta xogar o papel de tapadeira, pero non o consigue.
  Polo demais informamos que a nosa denuncia á fiscalía sobre o acceso e a licencia foi admitida a trámite e está sendo investigada, se ben probablemente neste mes de agosto non haxa novedades. O próximo contacto ca secretaría da fiscalía do Xuzgado de Mondoñedo témolo a meiados de setembro.
COLECTIVO POR NUESTRO FARO

20190818

O cambio climático que afecta a Ribadeo

Onte foi un día caloroso en Ribadeo. A Pedro Murias marcou 31,7 ºC. Unha temperatura que ata outubro de 2017 tería suposto unha nova marca das temperaturas no século no noso pobo. A mediados de outubro dese ano, o día 15, a marca pasou a estar en 35,4 ºC, deixando moito máis alto o listón. A mediados de outubro! E pensar que entre 2001 e 2002 non se chegou ningún día a 27,5 ºC...
A recompilación de datos non deixa lugar a dúbidas: en todo o primeiro decenio do século, 2001-2010, só en tres días se superou a temperatura de 30 ºC en Ribadeo (un deles, no último ano, 2010). No decenio seguinte, no que estamos e ó que lle falta case ano e medio para rematar, o número de días con máis de 30 ºC, foron 10 ata o momento. Máis do triplo, e aínda queda.
Unha soa poboación e poucos anos de medidas contínuas (18) fai que o conxunto sexa só unha anécdota para consumo local. Unha anécdota que cadra co conxunto de tódalas demáis anécdotas que se están a suceder ó longo do mundo e que se chama cambio climático polo momento, se ben estáse a comezar a chamar emerxencia climática.

20190816

As catedrais e o mar

O mar fixo, o mar desfai.
De novo, un derrumbe nas Catedrais. Normal. Os cantís da costa derrúmbanse. O ataque do mar forma covas, artella arcos e tamén os destrúe. Parece que non se lembran os prognósticos que sinalan que é abondo probable que o aspecto dos arcos sexa ben diferente nun par de décadas, coa caída dalgún deles.
Hai uns poucos anos (2017), Malta perdeu a súa atracción estrela, a ventá azul. daquela preguntábame se Ribadeo estaba preparado para a perda das catedrais. Ó ver a nova do desprendemento de onte, que se suma ó da primavera pasada e tamén a moitos outros, como o que houbo hai pouco tempo entre as Catedrais e Arealonga, ou mesmo no interior da ría ou en zonas nas que non dá o mar, como o desprendemento na Atalaia ou á beira do porto, asáltanme varios pensamentos. Algúns deles: é realmente noticia? Que ingrediente ten para que o sexa? É noticia a prevención como tal ou só as loitas arredor dela? A prevención debe reducirse a carteis que estragan precisamente o que queren coidar ou debe abranguer alternativas ás Catedrais? Por que non se une en ningún momento a nova co aumento do nivel do mar que propicia unha maior erosión e conectado con outros fenómenos máis vitais?
Hai tempo, máis dun decenio, que dende O Tesón se pedía unha definición do Ribadeo que queremos. Segue sen facerse, e mentres o pobo se vai acomodando a remolque ó turismo que chega, segue sen haber esa definición. Mentres, Ribadeo vai deixando de ser ribadense e as protestas por iso van en aumento. Só queda dicir 'continuará'

20190815

Un pleno pedido sobre o funcionamento da residencia de maiores (II)

Despois de poñer no blog estes días varias entradas relacionadas, deixo en baixo varios comentarios escritos (tiven comentarios orais, mesmo por teléfono, pero sen gravación de respaldo non quero nin facer unha síntese).
O primeiro, unha nota de prensa, de En Marea, sobre o desenvolvemento do pleno e dos primeiros meses da residencia:

PLENO RESIDENCIA TERCEIRA EDADE

Onte celebrouse un pleno municipal sobre a residencia da terceira edade nun tono bronco e pouco acaído para crarexar as dúbidas que puidemos ler na prensa nas últimas semanas.

Lembremos que a residencia comezou a sua actividade o día 14 de xuno sen ter conectado o gas, o que impediu a actividade regular da cociña e levou a contratar un cáterin privado. Como consecuencia incumpliuse a norma 4.32 das bases da adxudicacion que esixe que os alimentos se elaboren nas cociñas do centro diariamente con alimentos frescos. Xa é dabondo coñecido que o concello non deu nengún tipo de explicación sobre estas circunstancias ate que empezaron as protestas.

Deixando aparte aspectos colaterais imos resumir o que quedou claro no pleno e o que non.

Quedou perfectamente claro que os responsables da apertura do centro sabían que o gas non estaba conectado e as cociñas non iban funcionar para dar o servizo completo. Non quedou claro porque se tomou esa decisión sen agardar a conectar o gas e poñer a funcionar as cociñas a pleno rendimento. Tampouco quedou claro quen tomou esa decisión.

Non se falou da prescripción citada mais arriba que obliga a que os alimentos sexan elaborados na cociña do centro nen da esixencia de persoal cualificado para a elaboración das comidas pero resulta obvio que non se cumpliu esta norma porque as comidas viñeron de fora durante varias semanas. Tampouco sabemos se os responsables da apertura do centro eran coñecedores da irregularidade que estaban cometendo traguendo a comida de fora.

Tratouse moi de pasada o asunto das ratios de persoal. Non se falou de porque se aprobaron as ratios mínimas que esixe a normativa vixente nen cales foron éstas a longo dos días dende que se abriu a residencia.

Para o noso entender non quedou claro o trámite administrativo preceptivo para abrir a residencia. Deuse a entender que este era o Permiso de Inicio de Actividade concedido pola Xunta de Galicia o día 17 de marzo de 2019. Pero non se entende que se ese o último trámite ou autorización porque non se abriu ao día seguinte. Como tampouco se entende que se concedese o PIA sen conectar o gas se este era o último trámite ou garantía legal de adecuación ao proxecto.

Finalmente non se falou unha palabra da participación da veciñanza, da creación dunha asociación de familiares e veciños para o seguimento e colaboura cos servizos sociais e non se deu nengunha explicación de porque os usuarios, familiares e a opinión publica non foron informados inicialmente da falla de conexión do gas o non funcionamento correcto das cociñas e a elaboración da comida fora do centro, incumplindo a norma devandita. Folga suliñar que se non se houbesen denunciado, estas circunstancia parasarían desapercibidas, porque o concello non fixo nengún aceno que suxerise a vontade de informar á sociedade.

Omitimos calquer valoración ou opinión. Esto foi o que sacamos en en limpo do pleno. Se alguén ten outra opinión agradecemoslle a sua comunicación pública ou privada.

COLECTIVO EN MAREA RIBADEO
---
O segundo, un comentario á entrada Un pleno pedido sobre o funcionamento da residencia de maiores realizado sobre o facebook, relacionado coa oportunidade política que mencionaba de pasada na entrada Despois da loita pola construción da residencia de maiores de Ribadeo e coas palabras do portavoz popular nas que se desliga no pleno da postura anterior do seu partido ó non colaborar na construción e mantemento:
"non digo que as cousas se fixeran ben, pero tamen digo que sin haber aportado un euro por parte da Xunta (cartos de todos non do partido popular, que teñen a puta costumbre de vendernos cousas como propias, sendo os cartos de todos) veñen agora facendose os abanderados dos residentes"
---
O terceiro, a nota de prensa liberada polo goberno municipal ó día seguinte do pleno:

PROTAGONIZOU UN PLENO EXTRAORDINARIO CELEBRADO ONTE

Centro de atención a persoas maiores


14/08/2019

O alcalde, Fernando Suárez, asegura que o centro de atención a persoas maiores está a funcionar con absoluta normalidade. O rexedor manifesta que as incidencias que puideron producirse no seu arranque foron corrixidas o antes posible. Suárez Barcia subliña que a apertura dun novo centro destas características supón sempre un reto e un desafío e di que no equipo de goberno "somos moi sensibles co que poida pasar alí". Na actualidade son 26 os residentes aos que se irán sumando outros 18 ao longo dos vindeiros días.

Fernando Suárez explicou que "celebramos onte o pleno que forzou a convocatoria do Partido Popular de Ribadeo sobre o suposto mal funcionamento do centro de atención de persoas maiores de Ribadeo. Desde o goberno municipal fomos e somos, desde o minuto un, sensibles ao que poida pasar alí porque se dalgunha cousa somos culpables é de poder ter realizado esta obra e de poñer a andar esta residencia para honra dos nosos paisanos e das nosas paisanas. Hai xa uns días convocamos a todos os grupos a unha comisión informativa onde viñeron os máximos responsables do funcionamento deste centro para darlles cumprida información aos corporativos das dúbidas que puideran ter. Así veu a directora do centro, que é persoal laboral da Deputación, tamén veu a funcionaria responsable do contrato entre a Deputación e a empresa que executa os servizos, e tamén veu o asistente social municipal". 
O rexedor contou que "nesta xuntanza deron cumprida información e responderon a todas as preguntas que lles puideran ter feito e onde quedaron aclarados varios aspectos moi importantes. En primeiro lugar que o centro sempre traballou cumprindo a ratio de usuario-persoal, e que nos traslados de usuarios ao centro de saúde ou consultas médicas cumpriuse a normativa establecida na lexislación de aplicación e nos pregos de prescricións técnicas. Tamén dixeron que o persoal que iniciou o traballo no centro e que ao cabo duns días non volveu, ben porque renunciou ou porque non pasou as probas, foi debidamente substituído por persoal coa titulación requirida e coa mesma xornada laboral, e que en definitiva, por problemas alleos ao Concello e á Deputación, aproximadamente durante quince días non se puido usar a cociña principal polo que, atendendo aos criterios dos técnicos, botamos man da contratación legal dun servizo de cátering da mellor calidade e de cercanía que funcionou marabillosamente. Desde hai xa varias semanas, o servizo de cociña está integralmente funcionando coa cociña da residencia sen maior problema. Finalmente, como todo o mundo pode comprender e como na vida mesma, a apertura dun centro novo, con novos usuarios e novos traballadores, supón un reto e un desafío no que sempre se van producir incidencias. Todas estas incidencias que ocorren aquí, e máis na China Popular, están sendo corrixidas e sempre con maior esmero e atención tanto por parte da Deputación, a través do seu persoal de dirección, como do Concello de Ribadeo".
Suárez Barcia dixo que "toda esta explicación dada polos técnicos o outro día na comisión informativa, e da que quedaron conformes os diferentes voceiros e así figura na acta redactada polo secretario, serviulle de pouco ao voceiro do PP no pleno de onte e a aquela máxima de que non podía permitir que a realidade lle puidese cambiar un bonito titular. De aí que fixo gala desta correspondente dose que ten de alarma, de excitación, de sobreactuación, e deixou ben ás claras que pouca idea ten do funcionamento real das cousas, xa que mesmo quedou en ridículo ao descoñecer que o permiso de inicio de actividade o deu a propia Xunta de Galicia, que non o dá o Concello con ningunha licenza de apertura inexistente, na lexislación actual. Polo que xa indica o nivel de debate e de argumentario facendo gala daquela máxima popular de que moito ruído e poucas noces".
O alcalde ribadense subliña que "o centro funcionou e funciona ben. Hai 26 usuarios e usuarias e nos vindeiros días irán entrando paseniñamente outros 18 máis, por mor da última comisión de valoración celebrada a semana pasada. É un orgullo para Ribadeo ter este centro que, como todo na vida que é novo, pode ter incidencias que se van resolvendo de maneira inmediata e eficaz, e se de algo somos culpables é de telo feito e loitado xunto coa Deputación para mantelo e lograr que funcione. Todo isto a pesares de que a Xunta do PP non deu un can en ningún momento nestes anos anteriores, amolou canto puido e un pouco máis, e agora este novo concelleiro, con ansias de bombeiro pirómano, queira botar terra en algo que tanto custou. Desde logo que non vai ser así, imos seguir traballando duramente e seguir sendo transparentes, pero non imos pasar ningunha mentira que esta persoa queira levar adiante".
O alcalde, Fernando Suárez, a concelleira de Servizos Sociais, Mónica Freire, e o asistente social municipal, José Luis Gegunde, visitaron nas últimas horas o centro de atención a persoas maiores e pasaron pola cociña para ver de preto a elaboración do menú que ían degustar os usuarios e usuarias desta instalación.

Esta nota viña acompañada da seguinte documentación:

20190814

Un pleno pedido sobre o funcionamento da residencia de maiores

A a residencia de maiores de Ribadeo deu lugar onte a un pleno, pedido polo grupo de concelleiros do PP e que xa mencionei onte á mañá na entrada 'Despois da loita pola construción da residencia de maiores de Ribadeo'. Agora queda aquí o podcast coa gravación íntegra de dito pleno, sen outro comentario pola miña parte neste momento, máis aló de desexar que aproveite á residencia no futuro e aconsellar o complemento do audio con as diversas informacións que fun deixando sobre a residencia no blog:

Pleno do extraordinario concello de Ribadeo 20190813 sobre a residencia de maiores

Nota posterior: acta do pleno (pdf).

Sobre a contaminación no mar (II)

Despois de deixar no blog as liñas xerais da miña exposición 'sobre a contaminación no mar', deixo agora o audio da mesa redonda mantida en San Cibrao na Feira do libro e o mar, da que xa deixei tamén 'A nosa cultura pode crear riqueza e traballo: o valor económica da nosa cultura':
Mesa redonda a contaminación no mar

20190813

Despois da loita pola construción da residencia de maiores de Ribadeo

Residencia de maiores en Ribadeo: unha vez rematada e presentada á sociedade ribadense, tras pasar as eleccións fíxose un acto de acollida ós primeiros residentes. E comezou o postparto.
Coido que é unha imaxe adecuada: lograr un embarazo pode ser doado ou non, pode ser festivo, pero en calquera caso, necesita dun querer, dunha vontade previa, e non exime de coidados durante o período de embarazo. E, unha vez parida, hai que coidar da creatura, pois por si soa non pode vivir.
En Ribadeo houbo unha loita para conseguir o apoio dos poderes públicos, e logo un seguemento e apoio para levar a bó fin o proxecto. Mais chegou o día, a residencia está aberta e hai que coidar da creatura. Un novo período.
O caso é que vivir non ten por que ser doado, e neste caso, dende o primeiro momento hai complicacións. Comezou a cousa mesmo antes do nacemento, cando se aludiu á imposibilidade de facerse cargo directamente dende as entidades públicas e abocouse a unha xestión por parte de entidades privadas. Houbo unha primeira licitación, que foi recurrida, e a cousa rematou nunha hidra empresarial con cabezas nas finanzas ou na sanidade, pasando tamén, claro está, polo coidado dos vellos. E primeira puntualización: úsase a palabra maiores, tamén anciáns, porque o de vellos parece que implica un uso e desgaste, algo así como unha cousa con utilidade xa reducida. E úsoa aquí non porque considere que os maiores son cousas, senón porque con tantas adicacións da empresa (por iso o de hidra), ó final, non en Ribadeo, pero si no lugar de onde dependa, onde teña a central, en Madrid, o que van ver vai ser tan só números: unha persoa, unha unidade de cálculo.
Na pequena festa de recepción dos primeiros ocupantes non escoitei nada sobre eivas das instalacións ou do persoal. Mais algo debía de haber: o cátering é de supoñer que xa estivera encargado o primeiro día debido a que non se dispoñía de gas nas instalacións. De igual xeito, a marcha voluntaria de dúas empregadas ós poucos días tardou en saír nos papeis, en facerse visible, e con ela, un trasfondo de precariedade no persoal. Pouco importa que se estiveran cumprindo as normas, se as normas non son adecuadas. E, non esquezamos, as normas pódense cambiar, e débense cambiar para adecualas a un mellor funcionamento.
Dende aquel momento de fotos ata o de agora van dous meses. Se alguén quixo información sobre o desenvolvemento da residencia tivo que procurala pola súa conta: canto se tardou en suplir a marcha das dúas traballadoras? Canto persoal queda -agora- pola noite ó cargo? Está solucionado o subministro de gas e polo tanto o facer a comida no propio centro? O de desaiunar ás dez por non dar levantado á xente por falta de persoal é unha lenda urbana ou algo que segue a facerse?
Oportunidades políticas aparte para pedir un pleno extraordinario, a sociedade necesita información e atención para crer que a residencia vai ben. E mentres non se dea entrada á súa participación, non terá un mínimo de seguridade cara ó futuro. Por certo, nestes momentos a convocatoria de pleno extraordinario non aparece na sede electrónica do concello, nin se trata na nota de prensa correspondente ós plenos do martes 13 de agosto, mentres que si aparece en ambos lugares o segundo dos plenos extraordinarios, adicado ós festivos locais (do próximo ano), gastos do Ribadeo indiano (modificación do previsto), obras no estadio de fútbol (hai que procurar os cartos), e necesidades extraordinarias semellantes.
Cando dende a Plataforma Pro Residencia de Maiores decidimos alegar as normas de funcionamento previstas (e obtivemos unha promesa para o futuro que esperamos que se concrete) ou propora constitución dunha asociación, a ASOCIACIÓN SOCIAL PRO MAIORES JOSÉ MARÍA RODRÍGUEZ, tíñamos en conta que o coidado dos nosos maiores non remata coa construción dun edificio, senón que é cousa de todos, e todos debemos de participar, detrás das familias, da propia residencia e dos poderes públicos. Non tirándonos os trastos, senón colaborando. Poñendo o noso gran, de xeito construtivo, non só fiscalizando. Tentando facer as cousas o mellor posible, e tendo en conta que as persoas que están sendo atendidas non son culpables de que as cousas non funcionen. Ao menos, non máis culpables que o resto da sociedade.
No discurso de primeira ocupación da residencia de maiores de Ribadeo

20190808

Os soldos das corporacións mariñás no pasado próximo

Hai pouco que cambiaron as corporacións locais, e con elas, a distribución de custes a cargos electos dentro de cada concello, datos que polo momento non teño. Mais, a auga pasada, lembrei un artigo de José Alonso na Voz no que collía os datos do Ministerio para detallar o custo das corporacións locais da Mariña no 2017. Sabendo que no detalle pode haber algunha variación, fixen unha táboa, argallei algunha conta con datos do INE e fixen 6 gráficos para ver en retrospectiva o custo dos nosos políticos a escala Concello / Deputación. tentei ver se había algunha correlación entre custes de cargos políticos e poboación, pero non atopei relacións significativas, polo que non incorporo os gráficos correspondentes. Imos aló.
O primeiro, a táboa. Está detallado, para cada concello en euros:
- o que recibe o / a alcalde da Deputación, se ten soldo por cargo nela.
- o que recibe polo concello (asistencia a plenos incluída, pero non dietas e custos de locomoción)
- o total de ámbolosdous conceptos
- o total de cobros da corporación local (asistencia a plenos incluída, pero non dietas e custos de locomoción)
- o total, incluído o cobro da Deputación
- o número de habitantes a 1 de xaneiro de 2018
- o importe por habitante que representan os emolumentos do alcalde (só por cobros directos do concello, nunha columna, e incluído cobro da Deputación, na seguinte)
- o importe por habitante da corporación (só concello, nunha columna, e con cobro da Deputación, na seguinte)
Hai que ter en conta que en calquera caso, os custos nas contas anteriores son asumidos só polos veciños do concello, é dicir, os custos da Deputación non se contan nestas contas como distribuídos entre toda a provincia, o que distorsiona os números pero vai a prol do sentido de cargarlle soldos á Deputación que evitan soldos municipais.
En canto ó cobro dos alcaldes, os dous máis altos están enmascarados polo cobro da Deputación, vindo despois un grupo de poboación abondo heteroxénea, encabezados pola alcaldía de Ribadeo. O Vicedo e Alfoz son casos nos que o alcalde non cobra mensualidades.

A vista varía moito se pasamos ó custo por veciño, co destaque, por goleada, de Ourol.
En troques, se consideramos tamén os soldos da Deputación, volve cambiar o aspecto nos primeiros postos.
Pasando ó conxunto das corporacións, a Pontenova vai en cabeza debido ó soldo da Deputación; sen ese soldo, sería Ribadeo quen ocupara o primeiro lugar:
En cqambio, por veciño, debido á súa baixa poboación e ó soldo do alcalde, Ourol arrasa, considerando ou non os soldos da Deputación:

Datos:
https://www.mptfp.gob.es/portal/funcionpublica/funcion-publica/ispa.html

20190807

Mirando ó mundo: EEUU en precampaña

Hoxe atopei unha páxina que permite mirar a política dos EEUU esta tempada e comprender algo máis do que alí sucede, incluídos o tiroteo antihispano de esta semana, e con esa comprensión, facerse unha idea de como funciona / consecuencias inducidas do tema por lugares máis próximos a estes lares. Trátase de https://2020campaigntracker.com, unha páxina que di canto gastan os candidatos presidenciais en propaganda na rede (Facebook e Google), podendo mirar por datas, por candidatos, ou desglosar por temas. Ver cousas como que Trump gastou en Facebook en temas de inmigración 12 veces a cantidade que invertiu o segundo 'gastador' entre o 6 e o 27 de xullo, indica prioridades, e, sabida a inclinación da mensaxe, tamén pode explicar consecuencias en termo de mortos.

Unha nota: chegue á páxina mediante outro blog, https://www.enriquedans.com/2019/08/no-no-son-los-videojuegos.html.

A contaminación no mar: falando dela

O pasado sábado participei na mesa redonda 'a contaminación no mar' que tivo lugar en S. Cibrao, con participación asemade de Carlos Nuevo Cal e Pablo Mosquera Mata. Completáronse as intervencións da mesa con varias intervencións e as respostas correspondentes, centrándose en aspectos moi diferentes do tema e cunha adicación da parte final máis que á contaminación do mar en si, á problemática (non só de contaminación) da veciña planta de alúmina-aluminio.
O podcast, de máis de hora e media de duración, déixoo en en ribadeando podcasts.
Outras entradas relacionadas coa feira do libro sobre o mar no que se encadrou a mesa redonda:
Non podemos esperar!
O valor económico da nosa cultura
E sobre o tema da balsa de lodos de Alcoa.
---
Unha referencia posterior: en mundiario, "Alcoa: O problema dos lodos vermellos (2)" (20191108)

20190806

Crónica dende os bloques

Este verán, a praia dos bloques parece estar especialmente concorrida. As novas duchas, que polo momento evitan a lama que xa se formaba arredor das antigas, supoñen un paso adiante, que acompaña ás boas temperaturas e a un auga que cada vez está máis quente. Hai veces que o campo está cheo, aínda que nunca como para dicir que non cabe un alfinete.
A instalación inchable segue a ocupar unha parte considerable da zona que antes era máis usada para baño. A cambio, as embarcacións parece que pasan máis lento, máis lonxe, pode que para non interferir nun negocio tan visible, mentres que os bañistas na auga pasaban tan desapercibidos que é un 'milagre' que unha motora con esquís detrás ou unha moto acuática non se teñan levado algunha cabeza por diante. De calquera xeito, xa me teñen comentado ocupantes dos apartamentos próximos que os vixiantes correspondentes do 'tráfico marítimo' só viu que se pasaran por alí unha vez, para dar cuns vellos que estaban fondeados pescando fóra da rada.
Chamoume a comezos de verán a atención que suprimiran as ostras dos chanzos da praia, como se pode ver na imaxe. Algo diferente ó que pasa coas ostras das aceas. E algo que era necesario para o uso da zona, aínda que non sei quen o fixo (nin os permisos para actuar alí)
A rapazada segue a andar polo peirao, aínda que despois dos sucesivos reforzos da separación entre praia e peirao, abondo menos. Claro que tamén hai quen, en marea chea e a última hora, baixa dunha barca tradicional (iso si, coa vela recollida, que é máis cómodo o motor) e pasa de peirao a praia por terra, que por auga hai que nadar.
A última hora a ocupación gratuíta dos inchables vai vento en popa, a pouco que a marea e o tempo acompañen, xa co edificio de servizo limpo e pechado. Sen vixiancia, pregúntome que pasará se hai un accidente, algo que non me preguntaría se ocorrera un accidente de alguén nadando (ententendo por accidente non un atropello motorizado)
A última hora, o baleirado progresivo vai deixando a zona en calma, o que é aprezado por algúns ocupantes que prolongan a estancia e por outros que van disfrutar dese momento.

20190805

A nosa cultura pode crear riqueza e traballo: o valor económica da nosa cultura

Hai xa case un mes, o 7 de xullo, a mesa redonda 'O libro como ferramenta: asociacionismo e cultura' deu lugar a unha segunda entrada sobre o tema no blog. Un tema que propiciou ser retomado na feira do libro sobre o mar e a súa cultura de S. Cibrao, tamén nunha mesa redonda, co título 'A nosa cultura pode crear riqueza e traballo: o valor económica da nosa cultura', na que participaron Farruco Graña, Geluca Campo e Carlos Nuevo Cal, moderados por Alfonso Otero Regal.

Era previsible que o tema saíra de xeito semellante á mantida en Ribadeo por Neves Paz como coordinadora, a representante da A.C. Francisco Lanza, Dores García Abel, do Seminario de Estudos Terra de Viveiro, Carlos Nuevo Cal, de Os Aventados, Pablo Mosquera Mata, e de O Tesón, Antonio Gregorio Montes, mais houbo matices abondo como para reproducir as intervencións, cousa que fago  ligando ó podcast ribadeando, entrada A nosa cultura pode crear riqueza e traballo: o valor económica da nosa cultura.

20190804

Non podemos esperar! Pablo Mosquera Mata

¡Non podemos esperar!

A cultura non é reaccionaria. Non se opón aos cambios tecnolóxicos. Pero está a rifar co mal gusto, a ignorancia e sobre todo esa subcultura cutre e hortera que se converteu en produto de fácil consumo e perversa alienación.
Como galegos da costa máis ao norte, temos dereito ao patrimonio histórico, artístico, ecolóxico, costumbrista, que nos identifica como pobo da Península Ibérica. Como sociedade civil temos o deber de conservar, divulgar, indagar e preservar de manipulacións mercantís, os nosos acenos de identidade, comezando polo idioma.
Pero estamos no medio dunha galerna. Ventos huracanados que sopran desde esa sociedade de consumo que obtén pingües beneficios da zafiedade. -Non teñen máis que comprobar o consumo aditivo de certos programas de televisión- Mar encrespada que pretende afundir calquera Argos onde naveguen os nosos coñecementos, orgullo histórico, acenos de identidade, espírito crítico, versos libres fronte á mediocridade que manipulan os do curto percorrido político, onde o único importante é: que hai do meu!. -En plena austeridade e brutal débeda pública, sóbense o soldo un 40%-
Celebrar unha semana en torno aos libros, exposición fotográfica "A Mariña dende o ceo", debater entre cidadáns con peso específico profesional sobre feitos moi concretos, fainos fortes, inquedos, libres e dispostos a ser partis-ans ao servizo da causa, que se basea nunha palabra crave: ¡RESPECTO!.
Non queremos que nos enganen, oculten, compren por menos de nada, asusten con perda do traballo e salario, nos enfronten coas mesnadas da miseria e indigencia cultural. Se hai contaminación orgánica e inorgánica por vertidos a terra, mar e aire, con metais pesados, que sabemos son causa de graves enfermidades, debemos elixir, entre a vida ou o emprego. Claro que no medio, onde reside a virtude, está a Lei. A que obriga a depurar, cambiar procesos e sobre todo preservar dos factores de risco, incluso realizando estudos epidemiológicos sobre a morbilidad e mortalidad de certas enfermidades moi graves, e desde logo en relación a poboación para a nosa provincia de Mondoñedo.
A cultura é cita para viaxeiros. Foino sempre. Ese é o turismo que necesitamos. O que fai o Camiño á Tumba na Cidade Santa de Occidente. Pero que debería de acudir a San Martiño, Mondoñedo, Sargadelos, Viveiro, e castros mariños, ata faros e desde logo a eses cascos históricos. Todo antes que os inventos de malleiras entre romanos e celtas, ou entre celtas e viquingo, todo iso como culto a Baco, sen dúbida o máis desprezable dos habitantes do Olimpo.
Queremos que o sistema educativo público, empeñado no uso-abuso de perversas máquinas que producen alienación, adicción e novas formas de acoso, dea paso ó ensino dos vellos oficios de carpintería de ribeira, nesa ciencia ou arte da construción de embarcacións, ou do mundo mariño como fonte de riqueza e emprego.
O que antecede únese á pretensión dun centro integral para desenvolver a cultura castrexa, ou a épica para a caza de baleas e cachalotes e desde logo dos naufragios, agora que algúns descubriron as actividades subacuáticas para a recuperación de pecios, que dito sexa de paso, unha vez sacados á boia, onde pensan situalos? Son parte do noso patrimonio e queremos que asenten aquí.
Co devandito expóñolles as conclusións dunhas xornadas que foron para moitos o bálsamo de fierabrás, ante tanta espurraja ambiental.
Da nosa dereita á nosa esquerda: S. Cibrao, a planta de alúmina-alumnio e o depósito de lodos vermellos.

20190802

A contaminacion no río de Vilaselán

Hai anos, en un estudo feito para unha das primeiras feiras de ciencia de Ribadeo, apareceía dentro da serie de fotos do río de Vilaseán pingas caendo do tubo de desaugue da antiga depuradora, ben por riba do nivel da marea baixa, no último recodo antes da saída ó mar.
Moito cambiaron algunhas cousas dende entón, pero non tantas. O río de Vilaselán, nado nas fontes do Lobo (antiga fonte de auga para a traída a Ribadeo) e con desembocadura na enseada de Vilaselán, dende o paso baixo a antiga estrada N-634 (hoxe r/ Segundo Moreno Barcia) ata o paso por baixo do antigo camiño da granxa (se alguén consulta Google maps, veráo etiquetado como 'camino Llaú'), hai un tramo longo no que o rego desaparece canalizado debaixo de diversas obras, aparecendo en lugares puntuais como no paso por baixo da avda. ría de Ribadeo, a unha beira e a outra.
Antes dese tramo, e despois, é doado seguirlle o curso e ver o seu estado, pero é basicamente nese tramo onde se produce unha transformación de rego en cloaca. As tres fotos de abaixo están ordeadas ó longo do curso: a primeira antes de atravesar a avda. ría de Ribadeo, e as dúas últimas, antes e despois de atravesar o camiño despois do Voar. O que se ve non é agradable. E sería ben que si o fora.

--
 No blog poden verse outras moitas fotos do rego, en diversas épocas. Unha mostra aquí, aquí ou aquí, ou procurando entre o que devolve o blog ó poñer nas procuras rego de Vilaselán, río de Vilaselán ou Vilaselán 'a secas'.

UNHA HORTA DA RÚA DA MURALLA. Francisco José Campos Dorado

-Artigo preparado para o libro das festas do Carme 2019-
Chegan as Festas Patronais de Santa María do Campo, e unha morea de recordos de xuventude amontóanse na miña mente querendo saír todos xuntos pero paseniñamente van fluíndo en bastante boa orde cronolóxica. Cando éramos rapaces, na miña xuventude, anos 60 do pasado século, adoitábamos facer longos paseos despois de comer, naquelas preciosas tardes da primavera e do verano, tratando de perdernos por camiños pouco transitados, procurando descubrir naqueles mil recunchos máis escondidos ao Ribadeo máis enxebre e “profundo”, que tan ben soubo retratar Suso Peña nas súas magníficas instantáneas do Ribadeo Urbano, que logo transformaba coas súas marabillosas mans nesas series de extraordinarios debuxos de paisaxes formados polos tellados de Ribadeo... ¡Suso canto nos amosaches coa túa mirada máxica!
Recordo que nun daqueles paseos subimos desde Porcillán á Rúa San Miguel, por un estreito camiño case intransitable, cuberto de silvas e ortigas, que transformaba o paseo nunha pequena aventura. Hoxe aquel camiño está máis despexado, pavimentado de alcatrán e leva o nome de Rúa da Muralla.

Por aquel camiño, podíamos ver a parte de atrás do chamado “Cuartel Vello” (foto 1, arriba), que realmente é a Casa-Torre Sierra Pambley, construída no ano 1701 polo leonés D. Francisco Sierra Pambley, un destacado filántropo e protector da ensinanza, con grandes propiedades en Zamora e León. O edificio ten forma de torre ameada con carácter de fortaleza, pero parece ser que a súa finalidade foi sinxelamente o de darlle unha personalidade señorial. D. Francisco por testamento outorgado o 28 de Setembro de 1713, fundou na vila de Ribadeo unha escola de ler, escribir, contar, doutrina, gramática e demais ciencia, como se estila nos colexios da Compañía de Xesus” (Manuel Vázquez Seijas, Fortalezas de Lugo y su Provincia, Tomo II, páx. 291).
Non sería de estrañar que a residencia dos xesuítas profesores de dita escola, ou incluso o propio colexio fundado por D. Francisco, fora a casa coñecida como Cacabelos de Abaixo, hoxe o Bar Amodiño, que ten gravada a data do ano 1759 no lintel dunha xanela, así como a simboloxía IHS dos xesuítas, da que eu facía referencia cando relataba o Escudo da Casa de Cristos (tamén en La Comarca del Eo, 14-Xuño-2016).
Pero volvendo os recunchos do paseo, descubrimos que baixo esta casa torre de Sierra Pambley, hai unha propiedade privada protexida por un muro alto, que no seu interior presenta unha columnata de quince ou dezaseis columnas (foto 1 arriba e foto 2, abaixo), cada unha cun fuste de máis de 50 cm de diámetro, por 160 cm de altura (grosso modo, pois non as medín).

Non sabíamos para que eran aquelas columnas, nin para que tipo de edificio foran construídas. As columnas constan dun plinto ou pedestal cadrado, de onde arranca un fuste cilíndrico feito con pedras superpostas, como as dunha parede, e lucidas con morteiro forte que as fai moi sólidas. Algunhas teñen un ensanchamento central ou convexidade, tecnicamente chamada éntasis, que contrarresta a ilusión óptica de concavidade que se produciría si fora columna de fuste recto. Na parte alta rematan cun capitel cadrado formado por un equino e un ábaco cadrados, que descansan sobre un collarino moldurado.
¿Que estrutura soportaban estas columnas? Segundo se dicía por aqueles tempos, estas columnas soportaron unha especie de xardín flotante, cuxas flores caían en cascada pola fronte de forma que facían unha especie de toldo para resgardar do sol un pequeno paseo en sombra, como un claustro, onde poder ler, charlar ou meditar nas plácidas tardes do verano.
Pero lonxe de todas aquelas elucubracións, fai poucos anos, Luís Penzol (q.e.p.d.), díxome que esa horta agora era da súa familia e que polo que el tiña entendido, fora unha propiedade dedicada a cortes para o gando vacún, especialmente para manter aloxados aos grandes bois de tiro que traían os carros dos arrieiros maragatos, entre outros, que transportaban cara a meseta as mercadorías que desembarcaban os barcos no porto de Porcillán. As columnas ao largo da finca soportaban un tellado que abeiraba os presebes do gando e o resto da finca era para almacenar herba e palla. Aquel comentario foi para min, unha grande explicación, pois descubríame outro anaco da historia incomprensible dos tantos recunchos que Ribadeo ten agochados por aí. De todas maneiras as columnas teñen unha dimensión considerable para ser soporte das vigas dun simple tellado, polo que moi ben puido ser, como dixo Luis Penzol, unha estabulación aberta para bois, pero ¿cantos séculos ten a columnata?. ¿A obra foi feita desde un principio pensando no gando ou este foi un destino que tivo na súa última fase?
A partir daquel comentario, veume a memoria aquel antigo nome de rúa das Angustias, hoxe rúa Antonio Otero, e tomou para min outra dimensión, un novo significado pois ese nome de Angustias, puidera ser a denominación que lle puxo a xente do pobo debido a ese grandísimo esforzo de sufrimento, cheo de bufidos agónicos que se oían na rúa, tanto dos homes como dos animais, cando tiñan que remontar a pendente tan pronunciada da costa de Porcillán ata a Porta da Auga, coas zorras de arrastre ou carros baixos nos que se transportaban grandes pesos. Non é raro que alcumes populares se consoliden como nomes propios de certos paraxes, tal como ocorreu coa denominación da Ponte dos Suspiros de Venecia debido os suspiros dos namorados que pasan nas góndolas por debaixo e dos suspiros dos condenados cargados de cadeas que pasaban por el.
Outro elemento relevante da horta é un “milleiro” que hai sobre unha columna da hoxe entrada única (foto 3, abaixo). Esta sinal estaba posta polos camiños reais para, como o seu nome indica, sinalar as millas dun percorrido, tal e como hoxe marcan os fitos quilométricos. É unha sinal, cuxa forma de pináculo se remonta ós tempos das vías romanas. ¿Porqué está aquí?. Iso é outra historia que de momento tamén se nos mantén oculta. 

Felices Festas da Patrona e desfrutade todo o que poidades sen facer dano, que todo queda aquí.

20190801

Heráldica ribadense, charla de Pancho Campos

Onte tivo lugar a charla de Pancho Campos sobre heráldica ribadense, resume do libro que pronto sairá e tamén dos artigos publicados sobre heráldica tanto neste blog como na Comarca.
A charla durou máis dunha hora e foi presentada por Dores Fernández Abel. Deixo recollido a primeira parte da charla, algo máis de 40 minutos, no podcast ribadeando.