20191130

Escudos de Armas do Concello de Ribadeo

Onte presentouse o libro Escudos de Armas do Concello de Ribadeo: heráldica, xenealoxía e nobiliaria.O salón de actos da Casa do Mar de Ribedo acolleu ó público que desfrutou das palabras de Pancho como adianto á lectura do libro.
Alí saíron ordeadas a xénese da heráldica ou parte da historia ribadense, e non só relacionada coa heráldica, ata o máis recente citado, o expurgo de 3000 kg de documentos do xulgado de Ribadeo con destino a papel do BOE, Gaceta de Madrid, dende os máis antigos, como a cita no diploma do rei Silo (773) e o Monasterio de Esperautano na Graña (928). A visita a Ribadeo de San Francisco de Asís no 1214 previa á fundación do convento de San Francisco e, despois, do de Santa Clara, das clarisas, a orde franciscana de mulleres, ou a visita de Fernando III entre ambos eventos, manifestando a importancia do Ribadeo de comezos do século XIII, despois de que haxa documentos testemuñando que no 1128 Ribadeo tiña xa 21 parroquias. Así, non é raro que mantivese sé episcopal ou que o rei Fernando II rescate a vila para a súa dpendencia: a importancia da xeración de recursos para as institucións que reportaba o comercio como o do sal nun porto salientable en todo o Cantábrico, daba pé á loita polo seu aproveitamento. E mesmo poido darse o caso dun destino de moita máis sona na actualidade. Deixo a continuación algunha foto e as miñas palabras de introdución.
O autor, asinando o libro.

Foto de Celia Castro do comezo do acto.
Un momento da charla. foto de Goyi Gómez.

Boas tardes.
Sras, sres, benvidos. Estamos aquí hoxe para presentar o libro Escudos de Armas do Concello de Ribadeo: heráldica, xenealoxía e nobiliaria, de Francisco José Campos Dorado. É dicir, traducindo e achegando o anterior, para recibir unha obra froito do amor, pola súa e nosa terra, de Pancho, ribadense en exercicio das súas funcións.
Tanto a súa propia historia como a que presenta no libro debe contalas el, que é quen mellor se coñece. De calquera xeito, quixera roubar un pouco de tempo aportando algunha pincelada relacionada con ambos aspectos.
En primeiro lugar, salientar unha información básica: Pancho é apaixoado, nótaselle ó falar, no seu traballo, nas súas ideas, nas posturas que mantén ou en que ás veces cóstalle controlar esa paixón en concreto, por Ribadeo, unha paixón continuada dende hai moito tempo.
Ribadeo. E o mar. Pasou moitos anos artellando unha obra inédita de milleiros de páxinas que xa me deixou asombrado cando aínda faltaban máis de 15 anos para que a considerara rematada. O dicionario bilingüe -en inglés e castelán- de termos mariñeiros é unha obra inédita polo momento. Polo momento, pois esperemos que algún día deixe de selo: sería unha mágoa o tempo, verbas, imaxes, aprendizaxe de técnicas por parte de Pancho, os coñecementos empregados, como para que tal obra quede varada na memoria dun ordenador.
A esa paixón que desenvolveu polo dicionario tivo necesidade de darlle carpetazo, considerándoo rematado, aínda que sempre se lle poda engadir algo máis. É dicir, ó ver a labor non inesgotada, senón inesgotable, pero o dicionario publicable, vorcou a súa actividade cara outra cousa.
Esa obra, resultado da súa vida e atracción polo mar, leva tamén a conexión con Ribadeo, onde comezou a súa singladura. E a súa volta estable a Ribadeo, poñéndose ó pouco á cabeza da Asociación O Tesón, fixo dirixir os seus pasos ó recoñecemento de todo o que hai en Ribadeo, á súa difusión e por suposto, á súa recuperación, despois de ver como estaba -e en parte segue a estar- o patrimonio ribadense. Así rematou centrándose no significado que ten para ese patrimonio o que os escudos están aí precisamente para significar.
A máis de estudos como os de José María Rodríguez, a quen tería encantado este libro, que eu coñeza, só ten un precedente nun vídeo realizado no ano 1997 por Laureano Busto e Paco Rivas, La heráldica de Ribadeo, aínda visible hoxe en youtube. Presenta en 26 minutos dez escudos de Ribadeo. Mais se tivera que cualificar ambos traballos polo tempo de visionado e lectura, aínda sendo conservador a relación estaría por riba de 20 a 1. Iso pode dar unha idea do que avanzou Pancho co traballo que agora temos entre mans.
Neste tema, pode dicirse que Pancho comezou dende cero. A súa formación non foi enfocada á historia, senón á técnica. Mais, de novo, a paixón. Removeu ceo e terra, falou con uns e con outros, procurou documentación histórica, familiarizouse co arquivo de Mondoñedo, púxose ó día e exprimiu as fontes documentais para que confesaran, rebuscando e contrastando datos en todo tipo de documentos a medida que el mesmo se ía formando na materia. E foi construíndo. Naturalmente, o mesmo que hai fontes erróneas, Pancho pode ter erros, e de feito, dende que os artigos comezaron a ser publicados, recibiu máis información e puido profundizar máis nalgunhas cousas ou mesmo rectificar nalgún caso, como recoñece no mesmo libro. Así vense de xeito natural as notas a posteriori que completan o corpo principal e o perfilan, ou as que indican posibilidades aínda non insertándose directamente nel.
Iso é o que se nos presenta hoxe aquí, unha obra que coido hai que considerar magna no sentido de profunda, documentada e ben tratada, e ó tempo un inicio para a posta en valor -esa expresión tan en boga- do que é a historia de Ribadeo. Un percorrido que Pancho, seguro, seguirá compañando.

20191128

PRIVATIZACION DA AXUDA NO FOGAR POLO CONCELLO DE RIBADEO. Nota de prensa COLECTIVO EN MAREA RIBADEO


O dia 28 de novembro remata o prazo para a presentación de solicitudes por parte das empresas privadas que desexen presentarse ao concurso convocado polo concello de Ribadeo para o servizo de Axuda no Fogar na modalidade de dependencia. Habería moito que comentar respecto desta convocatoria, pero ímonos referir so a dous aspectos que consideramos hoxendía os mais relevantes. A saber: Participación e privatización.
PARTICIPACION: Xa nos temos referido á necesidade de artellar vias de participación dos usuarios e familiares dos servizos sociais antes da campaña electoral das municipais creando un consello veciñal representativo no que deberan ter entrada os diferentes colectivos implicados nestos servizos, como son os traballadores, xestores, funcionarios, usuarios, familiares, colectivos de apoio, etc. Evidentemente non se avanzou nada neste tipo de prantexamentos e o concello de Ribadeo segue apostando polo oscurantismo nun intre no que os movementos sociais, en Madrid, no Pais Vasco, en Cataluña, etc están facendo cada vez mais fincapé neste tipo de prantexamentos. Concretamente en Galicia xa existe unha asociación promovida por un grupo de veciños de Cangas de Morrazo e outra en Vigo, que están poñendo o inzo na custión da participación e na que ten unha especial actividade o colectivo de pensionistas MODEPEN. Como dixemos, na convocatoria do concello de Ribadeo non hai o mais mínimo indicio de achegamento a estas ideas.

PRIVATIZACION : O concello de Ribadeo nesta convocatoria mantén o modelo privado de edicións anteriores o que representa maiores custos, menor calidade, menos control de actividades, mais contratación de persoas de fora e menos pôsibilidades de xestión. O mesmo sucedeu ca privatización dunha gran parte dos servizos da nova Residencia da Terceira edade promovida polo concello de Ribadeo e a Deputación Provincial que supuxo a penetración en Galicia da empresa de Servizos Sociais CLECE SA propiedade de Florentino Pérez. Caese do seu peso que abrirlle a porta a este tipo de empresas na xestión dos servizos sociais representa unha decisión política premeditada que responde a uns intereses que nada teñen que ver ca cidadanía galega nen ca democracia municipal. Pola contra as cooperativas de servizos sociais estanse extendendo por todo o estado español e ben perto de Ribadeo (en Tapia e en Vegadeo) temos duas experiencias das que se poderían aprender moito para mellorar o benestar das persoas maiores con diversos grados de dependencia. Tamén neste aspecto o concello de Ribadeo ponse de costas ás experiencias mais progresistas optando pola externalización pura e dura.

Dúas obras: campo de fútbol e Pintor Fierros

As obras do campo de fútbol de Ribadeo (estadio Pepe Barrera) e da rúa Pintor Fierros tocan ó seu fin. Deixo algunha foto para testemuñalo.
As dúas primeiras, do campo de fútbol co céspede levantado:





E o estado onte:








E, na rúa Pintor Fierros, despois do asfaltado coa sinalización dos furados deixados para alcantarillado:




E xa feitos os cadros, co detalle do bordillo.





Vista parcial, coas árbores plantadas e as beiras limpas de límites no tramo central.
 E un detalle: a auga que non se cola na superficie impermeabilizada da rúa.
Ambas obras, como se ve, están prácticamente listas.

20191126

San Andrés: camiño cara o máis aló. Pablo Mosquera


Un membro da Xeración Nós, Otero Pedrayo, de Ourense, sinala que á alma galega non lle gusta exhibirse en cidades modernas hoteis elegantes; séntese cómoda e realizada en vales decorados polos viñedos, en aldeas con cruceiros seculares, nesas costas tan bravas, atlánticas ou cántabras. De aí que o insigne viaxeiro prefira camiñar cara O Cabo do Mundo, buscando A Capelada, recreando a vista entre A Estaca de Bares e Os Aguillóns de Ortegal, para chegar a ese lugar máxico esquecido, case perdido, con milladoiros postos polos peregrinos para dar fe de que estaban vivos para non ter que facelo como defuntos ós que amigos ou familia recollen do Campo Santo moi cedo un trinta de novembro para ir a Teixido.
Un pastor das almas, Andrés Varela, arcipreste no século XVII por Santa María de Lieiro, ordenou construír e deixar unha herdanza para manter a capela dedicada a San Andrés, e un hospital para peregrinos, en As Figueiras de San Ciprián. Por iso, e durante as miñas lembranzas de infancia ou mocidade daquel porto marítimo, cuxos homes buscaban sustento en barcos de madeira e as súas mulleres facían de nais e pais a pesar de ser como dicía Rosalía, "viúvas de vivos", lembro a celebración do último día de outono en novembro, escaso de luz, dando paso ás tempestades propias para tempo de inverno.
Sempre notei que tal efeméride tiña un significado especial. Xa fose polo amarre da flota na ría. Xa polos cánticos ao Apóstolo cuxo recoñecemento romeiro debe procurarse no século XII, pero mentres para Compostela hai Camiño, para San Andrés de Teixido faise camiñando, e non chegaremos a un Monte do Gozo para escoitar ou ver a maxestuosa Catedral rodeada polas catro prazas máis fermosas do cristianismo hispano. En Teixido só atoparemos unha aldea, unha fonte con tres canos, unha pequena igrexa e moitas ofertas votivas de persoas que procuran curación ou protección dos seus mariñeiros.
Pásame que temo que sexamos os últimos en defender a sociedade rural, sinxela, humilde, piadosa cos seus antepasados ​​e integrada plenamente con esas historias contadas por galegos para galegos. Únome aos irmandiños que glorifican o noso propio e diferente xeito de ser, a pesar deses complexos que algúns queren impoñer á marxinalidade dos nosos gustos, mesmo no calendario de festas e peregrinacións. Esquecen a Santo André e adoran o Deus Baco da Maruxaina.
Esa Galicia á que pertence a miña xeración é inmortal como Mondoñedo; coa súa historia propia, gastronomía, música, crenzas, costumes, lingua popular e tradición oral. Comparto que en celebracións como a que me ocupa, está o núcleo inmaterial do ser galego
Por iso e unha vez máis, farei o camiño de San Andrés de As Figueiras a San Andrés de Teixido, e beberei na fonte dos tres canos que din que é a fórmula de manter o vínculo entre xeracións que teñen pasado por alí.

20191125

Apuntes para unha presentación sobre Ribadeo

Non vai ser a única vez que fale da presentación. Ou, sobre todo, do libro Escudos de armas do concello de Ribadeo.
A cita de venres na Casa do Mar de Ribadeo está recollida en parte no blog coa etiqueta 'Pancho Campos'. Pero en todo proceso de investigación, como o que levou a Pancho a escribir o libro, as 'fotos estáticas' que representa o poñer en palabras como está o tema nun momento dado non deixan de ser só imaxes do pasado  en relación ó produto final, neste caso un libro que representa un documento manual para seguir e comprender a historia de Ribadeo.
O cartel da presentación:
E, de aí en diante, haberá que abrir a portada para máis desfrute da historia de Ribadeo.

Luz sobre a luz: Nadal 2019/2020

O acendido da 'luz do Nadal' nalgunhas cidades con máis dun mes de antelación á celebración do Nadal voltoume lembrar o tema que xa tratei en 'Os deslumbrados non poden ver o ceo' e en 'A pista de xeo de Ribadeo morreu', e levoume a facer como complemento a táboa seguinte:
Aí se pode ver que se nos fixamos nas cifras relativas, o custe por persoa do alumeado de Nadal en Vigo é superior ó de Ribadeo, e o de ambos, ó de Madrid. Cabe lembrar neste punto que nos xornais houbo un certo desafío entre Vigo e Madrid, e na nota de prensa correspondente do alumeado de Ribadeo saíu esa referencia: Vigo. En canto ó número de led por persoa, Ribadeo gánalle ás dúas grandes cidades de longo, e é que os cartos non só van destinados ás led en número, senón tamén conta a potencia ou a que sexa un conxunto 'artístico'. E, claro, nas grandes cidades tamén se ve a diferencia entre o centro e os barrios
Por último, lembrar que o orzamento adicado ó tema en Ribadeo aumentou nun 77 %, mentres en Madrid fíxoo un 28 %.
Como comentario á marxe, tocoume pasar pola periferia de Vigo despois de terse acendido a iluminación extra: destacaban algunha rúas  sobre o que sei que é a iluminación normal, pero nada máis. E rúas fóra do centro non tiñan ningunha luminaria extra. O ceo seguía sen poderse observar ben, como nos arredores da cidade calquera outra noite. Máis adiante, algunas nubes iluminadas debilmente pola por unha Lúa minguada formaban unha paisaxe cambiante sobre a que destacaban as estrelas. Unha paisaxe inaccesible no seu esplendor en lugares con contaminación lumínica como o centro de Vigo ou de Madrid.

20191121

Nota de prensa Asoc. pro Maiores José María Rodríguez


Asociación pro maiores José Mª Rodríguez

Nota de prensa

Ribadeo, 20191120



Como no seu momento fora anunciado pola Plataforma pro Residencia de Ribadeo, pouco a pouco estanse a dar os pasos para a posta en marcha da Asociación pro maiores José Mª Rodríguez.
Nestes momentos, entendemos que só falta un pequeno detalle administrativo para culminar a legalización, polo que, tras ter un primeiro encontro con interesados e outras xestións, convocamos unha nova xuntanza para a partir dela comezar as inscricións e o funcionamento da asociación.
Dita asamblea terá lugar no antigo lavadoiro da r/Fornos de Ribadeo o sábado 30 de novembro a partir das 20:00 horas. Á mesma está convidada tanto toda persoa que teña algún familiar na residencia como calqueira outra persoa ou asociación interesada en colaborar para que os nosos maiores teñan a mellor calidade de vida.
 Anterior:

Fotos denuncia

Pasáronme martes estas fotos para denunciar as condicións nas que alguén se desfixo de tubos fluorescentes, un aparello que necesita ser tratado con coidado polas substancias que ten no seu interior e a conveniencia do seu reciclado. En Ribadeo hai onde botalos, e as tendas teñen que recibilos tamén. Pero neste caso, sete tubos de tamaño longo foron deixados na rúa ó pé dos contedores no xardín, nunha zona de paso. As fotos amosa ademáis a un deles xa escachado.



20191120

Botando unha ollada ó veciño: participación


Un amigo fíxomo notar: o regulamento orgánico municipal xa pasou o período de alegacións. O de Barreiros, non o de Ribadeo. Como nos papeis non saiu nada de que tivera alegacións, se é así, debera entrar en vigor de xeito automático. Coido que é digno como para comparar co que se pretendía aprobar aquí hai case unha década.
Xa na primeira páxina aparece "asegura a participación veciñal nos asuntos locais e permite avanzar cara a unha democracia verdadeiramente participativa e centrada na veciñanza" como aviso que se concreta máis tarde. Na segunda páxina avisa de que esa participación veciñal pode ter un desenvolvemento complementario, a pesares de que as liñas fundamentais están trazadas xa,
algo no que tamén insiste na terceira páxina.
Xa na páxina dez, aparece "Unha vez rematada a sesión, a Alcaldía poderá abrir unha rolda de intervencións por parte do público asistente, de conformidade co que dispoña o Regulamento de participación veciñal." É dicir, algo parello ó que se conseguiu hai preto de quince anos en Ribadeo, pero cunha diferencia fundamental: mentres en Ribadeo hai que propoñelo por escrito e unha vez se esquecía, outra se pospuña, outra non se contestaba, etc, en Barreiros, en principio, poden intervir os presentes. Claro que iso non evita que poda haber desplantes por parte dalgún concelleiro, como tamén ten pasado en Ribadeo.
Todo o título V do regulamento trata do 'Estatuto das veciñas e veciños', comezando polo artigo 50, 'Da participación veciñal', que no seu apartado segundo axusta o normal: "Son dereitos básicos da veciñanza os de información, participación e asociación." E, no cuarto, "O Concello promoverá a democracia participativa e a implicación activa da poboación na vida municipal. Nomeadamente, o Concello poderá regular as iniciativas populares, así como a participación veciñal na definición dos obxectivos e das actuacións recollidas nos
orzamentos municipais." É dicir, impón como misión ó concello a dinamización da participación veciñal.
O artigo 52 trata da participación veciñal no pleno, e o 57, da participación das asociacións nas sesións do Concello. Neste último, no seu apartado segundo, aparece "As entidades asociativas poderán presentar para o seu debate no Pleno, iniciativas populares que recollan propostas de actuación dentro do ámbito municipal." É dicir, as asociacións, de xeito directo, no pleno, non despois, e como detalla no apartado seguinte.
Por último, no 58, xa na última páxina, fala "Dos Consellos parroquiais e/ou sectoriais e outras formas de participación directa colectiva", potenciando así a colaboración nas parroquias e sectorial.
Perfecto? Por suposto que non: nada vivo e cambiante pode ser perfecto, e este regulamento parece nacer para estar vivo e ser aplicado. Mais a diferencia co regulamento de participación proposto no seu momento para Ribadeo é palpable. Así pois, un punto máis a considerar para seguir a pensar no Ribadeo que queremos. E para lembrar que a promoción de la participación cidadá na toma de decisións no económico e no social son unha prevención para a corrupción e un estímulo á eficacia...

20191118

Este billete vale máis de 300 €. Historia dunha viaxe en FeVE

Xoves 14 de novembro de 2019. Mal tempo, unha viaxe de Ribadeo a Viveiro e unha decisión: vou en tren.
Na estación, pido billete e comunícanme que o conseguirei no tren. Quedo pensando por que se desaproveita a oficina da estación e o persoal destinado alí, pero tamén que non entendo do tema e pode haber motivos que se me escapan.
Paso ó andén e atópome cunha parella nova con cans e un trebello de rodas que queren meter no tren. Non cabe por unha porta normal, ten que pasar por unha dos extremos. Pero chegan condutor e revisora e din que non poden abrila, que está atascada. A parella déixalles unha ferramenta para tentar abrir. Despois dun intre, a porta segue negándose. Resultado: a parella non sube. O xefe de estación dá a saída e, ó pouco a revisora pasa e lévome un billete de ida e volta Ribadeo/Viveiro por 8,70 €.
A viaxe a Viveiro, co mar encrespado á vista boa parte do recorrido e o ceo cambiante de pingues e escuros a luminosos craros da outra beira dos vidros, precioso, tranquilo, cómodo, agradable.
Á volta, volvo ó apeadoiro con tempo e póñome a esperar entre trombas de auga nas tebras da fría noite debilmente iluminada polas farolas próximas. Pasan as 21:07 previstas e, uns cinco minutos despois, comezo ler os poucos carteis que hai no apeadoiro. Un informa dun número de teléfono para chamar se o tren tarda máis de 10 minutos en pasar despois da hora prevista. Chamo e chamo sen conseguir que me collan. E fíxome noutro teléfono noutro cartel que podería servir. Aí si me collen, e despois de falar cun contestador automático e elixir varias opcións, un interlocutor humano dime que non, que alí non é o que estou a procurar, pero que me pasa con outro número. Aínda estaría esperando a resposta dese outro número, se non fose porque despois dun tempo a comunicación cortouse, sen máis. Volvo chamar ó primeiro número, e, desta, á segunda vez, collen. Explico que estou esperando o tren (daquela xa o rettraso se achegaba á media hora) e sen deixarme rematar cando lle digo onde me atopo, dinme que por esa liña non está a circular ningún tren. Antes de que saíra do meu asombro, engade que me vai vir buscar un taxi e colga. Eficiente.
O taxi non tardou. Saúdo, subo e pregúntolle á taxista se lle entrego a ela o billete. Dime que a ela non, que en todo caso, cando cheguemos a Burela, a quen esté alí. Entre Viveiro e Burela da tempo a desenvolver unha conversa, e entérome de que a rapaza nova que vai diante ven dende o Vicedo con destino Xove, de que ó tren no que eu fixera o recorrido ata Viveiro caeulle un tronco derriba no seu camiño cara a Ferrol, e de que a situación non estaba solucionada, polo que non circulaban trens e facíase o servizo en taxi. Polo que parece, situacións semellantes son frecuentes, cousa de unha cada dúa semanas. O caso é que tamén me di a taxista que o taxi no que vai a revisora tería recibido ordes de ir para Burela, sen especificar, polo que pasou de largo os apeadoiros do camiño e logo houbo a necesidade de axustor outro, no que ía eu, para recoller a xente deixada da man de FeVE.
Polo camiño, mentres -agora si- imos recorrendo os apeadoiros, vexo que o taxímetro xa pasa de 60 € e comezo a pensar de que ademáis de chegar tarde nesta noite de cans, da incertidume do teléfono e o pequeno sobrecusto das chamadas, a FeVE váille saír o meu billete e o da xente que está nunha situación parella a min por un ollo da cara.
Chegamos a Burela, e vexo que se baixa unha rapaza que coñezo do taxi que está esperando: tiña falado coa súa casa e van ir buscala dende Ribadeo, porque non sabían canto tardaría o noso taxi. Como xa están en camiño, e nós 'temos présa' segundo a revisora que estaba esperando, para cumprir o horario, ela queda no andén da estación de Burela e seguimos viaxe, o taxista, a revisora e dous pasaxeiros camiño de Ribadeo. Pregúntame  revisora se teño billete, e ó dicirlle que merquei un de ida e volta e facer movementos para sacalo da carteira dime que vale, que entón non fai falta que llo amose.
Seguimos pasando revisión ós apeadoiros, ata pasar a ría de Foz, pero logo tiramos pola autovía. E, de novo, conversa. Falamos, pregunto e a revisora di que espera que a situación mellore: cara ó 2025 está prevista a entrega de novos trens, logo non é previsible que se cerre a liña... mentres, polo camiño, o segundo taxi xa marcaba máis de 280 €. E lémbrome dos 75 €/día para taxi que no seu momento entereime estaban programados para o 2017.

20191113

A pista de xeo de Ribadeo morreu


Polo que parece, morreu de éxito: cada campaña era un éxito, ata a desaparición final. A última, con tanta concorrencia que deu un saldo negativo de 27 000 € para o concello. Ou sexa, 2,7€ por cada ribadense -que tal unha viaxe gratis a conta deses cartos?- ou 185 € por cada comercio de ACISA -anunciados beneficiarios da subvención extra, o número de 150 socios invariable dende hai moito-.
O caso é que este Nadal a pista de xeo para patinaxe non acompañará ás 800 000 led para máis brilo de Ribadeo, o parque non se amputará unha vez máis para a labor e Ribadeo non será lugar para escenas fotografables sobre xeo como en anos anteriores.
Polo que parece, estase 'na procura de alternativas' por ser o da pista 'un modelo esgotado'. Coido que, polo contrario, despois de varios anos coa pista funcionando, a xente dos arredores xa o tiña na cabeza e era máis doado sacarlle partido, pero habería que cambiar o sistema de financiamento para non disparar os números vermellos para o concello (non disparar a subvención). Números vermellos que coido non se presentaron nunca dun xeito consolidado incluíndo cousas como gasto de electricidade, por unha beira, ou cun estudo realista da súa influencia efectiva no movemento de cartos en Ribadeo.

20191112

Historia electoral de Ribadeo (eleccións xerais). V.201911

Seguindo coa historia electoral de Ribadeo (a versión anterior está aquí), de novo deixo uns poucos gráficos para facer unha primeira interpretación das eleccións xerais en Ribadeo, sen prexuízo de que o comentario se alongue e se aumenten máis datos máis adiante.
O primeiro é a porcentaxe de votos emitidos e abstencións. Pódese ver que a participación non está nos mellores momentos. Nas leccións pasadas a xente 'fixo un esforzo' e repuntou a participación, pero desta volta caeu claramente, por baixo dos máximos de arredor dos anos 2000. Coido que está claro o fartazgo.
Quizáis queda máis claro na seguinte, onde se ve que a abstención, en porcentaxe, foi a segunda máis ampla da historia electoral dende o 1977.

De xeito parello, En canto a votos emitidos, resulta que despois de estar subindo o número de electores por décadas, agora mantense case en plano, o que leva a que o perfil garde unha certa simetría co anterior, aínda que o número de votos emitidos esta vez sexa superior mesmo ó das primerias eleccións hai corenta anos:


 A decantación de votos a un ou outro partido complícase pola existencia de novas formacións, divisións, etc ó longo do tempo. Está claro que os partidos máis tradicionais seguen a manter máis votos nas eleccións xerais, pero é unha apreciación que hai que matizar, pois aí tremos o caso do BNG, que aínda que subiu en votos queda por baixo da nova marca de Podemos, e esta volta, tamén de Vox. cmo a cousa está liada nos últimos anos, deixo máis abaixo ampliados estes útlimos tempos.
Na ampliación, pódese ver queAsí como o que subiu Vox nas eleccións de abril parece que foi todo a costa do PP, desta volta subiron lixeiramente ambos. Polo contrari, mentres que en  abril PSOE e Unidas Podemos subiran ó tempo (subida que tamén acompañou o BNG, pero en menor medida), dun xeito enganoso ó ser Unidas Podemos a nova marca de Podemos, que desapareceu nunha baixada que case compensa as subidas citadas, nesta ambos partidos (PSOE e UP) baixaron, mentre o BNG 'desacoplouse' e seguiu medrando. De calquera xeito, parece que a abstención aumentou a conta das diminucións de PSOE e UP, máis a metade da caída de C's, coa outra metade aumentando PP e Vox.
Unha referencia de fóra: os territorios menos abstencionistas foron Madrid e Cataluña, que representan os dous extremos do conflito máis mediatizado da historia de España, e, ó tempo, case corresponde cos territorios nos que máis medra por unha beira, Vox, enfrontado ó separatismo pola outra. En ambos territorios a abstención foi menor que en Ribadeo.
--
Comentario doutro tipo
Sobre as eleccións de novembro de 2019

20191111

Perdemos todos. Por Pablo Mosquera

Si. Ata Marta Rivera de la Cruz. E fíxome en tal dama pola súa traxectoria. Chegou desde Madrid, aterrou como paracaidista na Coruña. Logrou que as xentes de Cs a votasen. Ao día seguinte das eleccións regresou á capital. Nunca deu as grazas. Só veu a Galicia para lucir palmito nas festas de San Froilán. Tivo a sorte de confundir a uns e de estar á dereita do pai. E así, sen merecelo, é a máxima responsable da cultura na Comunidade de Madrid. Pero o mellor é que lle serviu de refuxio para evitar que o derrube do edificio se lle caese enriba. E no peor dos casos, sempre lle quedará PODEMOS, que é onde se atoparía máis cómoda. Espero e desexo que teña a dignidade suficiente para dimitir de inmediato.
Perdemos o tempo, os cartos de todos, a esperanza no sistema, o espírito xurdido nas rúas tras aquela corrente de indignación. Fomos maltratados por uns poucos badulaques. Sufrimos unha crise na que sempre perdemos mentres uns "listiños sen escrúpulos" gañaron. Perdemos a fe e todo apunta que teremos necesidade vital de exiliarnos na nosa propia contorna. Por iso só gañamos os que nos abstivemos, é dicir, un 30%.
Perdeu o "empecinado da rosa". Tan listo chegou a crerse que convocou eleccións. Só ou con algúns gurús da socioloxía, estaban convencidos de que as urnas íanlles a dar máis escanos, abondos para facer da súa capa un saio. Unha vez máis. De vitoria en vitoria, ata a derrota final. Só que os derrotados, son eles e nós.
Perdeu o raparigo do sorriso eterno. O que cada día cambiaba de rumbo. Que tivo a oportunidade de ser útil ao seu país, facendo un goberno de apoio transversal cos seus 57 escanos, cos mesmos que non fai tanto asinara un acordo para botar a Rajoy e os seus corruptos. Pero esta vez, aos que botou foi aos mellores da súa compañía. Aos que deixaron de adularlle. Aos que algúns, como a inefable Marta das Murallas, consideraron uns vermellos infiltrados. E agora descobre que dilapidou máis de dous millóns e medio de votos, nuns sete meses. Todo un record!. Polo menos conseguiu parecerse, no final, á UCD.
Perdeu o da casona con gardas que lle protexan. Non pretenda enganarnos. O peor que lle pode suceder a un partido político é, por esta orde. Ser inútil. Perder o rumbo. Xerar rexeitamento. Dar medo. E é que de tanto acusar ao varón de machista. De tanto feminizar ao tecido social - de unidos a unidas- lograron que os varóns pensantes, moderados, cultos e respetuosos, lles den as costas. Parece mentira que non aprendese na Complutense que liberdade, dignidade, cidadanía e lei, non teñen xénero.
Perdeu o sucesor de Aznar. Agora na rúa Génova non hai discos duros. Esnaquizáronos a marteladas. Agora hai mozos de Serrano. Agora hai outra xeración con sorriso. Por certo. De que cona se ri?. Tiveron unha inmensa maioría e dilapidárona entre corruptos e tahúres como aquel inefable "campión". Pero, dáse conta o home das FAES de que alimentaron á extrema dereita? Si, a esa que saíu das súas novas xeracións.
Perdeu o español que reside sobre un polvorín catalán. Creron que estas eleccións ían dar un escenario onde se terminasen os complexos para aplicar o Estado de Dereito. Pero temos serias dúbidas sobre as intencións desta tropa. Para ser Presidente do Goberno, ou se logra un acordo tanxencial entre bloques, ou se lle dá manija aos nacionalistas, e a estes se lles antoxa que gañaron, e cheos de argumentos ou de votos, van provocar unha escalada de violencia para aproveitar a debilidade do sistema, e así internacionalizar o conflito, obrigando a que o Estado por necesidade deses "mequetrefes" que mandan ou queren mandar, se rendan e fagan con Cataluña o que De Gaulle fixo con Argelia.
Perdeu o paisano, as clases populares, os pensionistas, os traballadores en precario que non chegan a fin de mes, os pobres que comen grazas a Caritas Diocesanas, as xentes cultas e decentes, os habitantes da España baleirada, os que se enfrontan coa rapiña dos bancos, os que foron a defender aos españois atacados polos bárbaros do Proceso. Eses servidores da lei e a orde, que traballan nos corpos e forzas de seguridade do Estado.
Perdeu a democracia. Que desenterrou unha memoria histórica miserable, que canto máis sabemos daqueles feitos incivís e crueis, que deron lugar a unha guerra, e unha insoportable posguerra, máis nos aterrorizamos e avergoñamos co que somos capaces de facer os seres humanos convertidos en lobos famentos. Regresaron as dúas Españas. As que xearon o corazón do poeta. A que espera axustar contas coa burguesía. A que está sacándolle brillo aos vellos correaxes dos seus avós, para saír ás rúas, camiños e cunetas.

Se non sodes iguais, amosade que sodes diferentes

Trasformado de Rama, CC BY-SA 2.0 fr, https://commons.wikimedia.org/w/index.php?curid=2067181

Noraboa, lográchedelo. Porque iso era o que íades procurando, o medre das posturas máis extremas, as diferentes ás nominais ata o de agora, non? Tentando igualar a corrupción por arriba, tomando unhas decisións mentres que se manifestan outras, con loitas internas solucionadas cun liderazgo non forte, senón baseado na eliminación do contrario, con esquecemento das persoas, substituídas por grandes palabras de anuncio, e sobretodo, botándolle a culpa o outro, xa sexa partido ou sinxelamente a quen é diferente, e criminalizándoo, polas verbas e polas leis. Procurando o poder polo poder, non polo ben común, e tomando o pobo por tonto refén... e esas cousas, en xeral, sábenas facer mellor quenes menos escrúpulos teñen, polo que medrarán máis.
Na noite electoral, unha vez máis, polas verbas que se ían escoitando e máis aínda polos letreiriños que se ían desprazando en pantalla, viuse o número de escanos, o produto, que representa ós políticos, moito moito máis que o número de votos, que representan as persoas, ou as porcentaxes, que representan á sociedade. Escanos, non votos nin porcentaxes: hai que ir ó práctico. E cando se asume iso, o práctico é o diferente se se percibe que o vello non funciona. E 'o novo' pode ser mesmo o que se ten esquecido, sempre que non se deixara ver demasiado nos últimos tempos como vello. O empaque dourado da propaganda pode variar a tendencia, pero non eliminala. Máis aínda, cando a propaganda baséase en fume, de novo os prestidixitadores maiores son quenes máis práctica teñen en enganar.
Coido que se pode falar de partidos concretos, pero, despois das eleccións, para que? Para botar as culpas a alguén, poñendo o énfase nunha cara, nunhas siglas, para que a cousa sexa máis directa, personalizando para poder atacar mellor e esquecendo o resto de culpa? Coido que é máis ben cousa de tomar conciencia de que o cancro esténdese a tódolos tecidos, aínda que non todos esteñan igual de contaminados. De tomar conciencia de que o pobo, refén dun sistema, é ó tempo quen o mantén, e polo tanto, quen pode cambialo. Quen ten que cambialo cambiándose a si mesmo.
E non, está demostrado que facendo as mesmas cousas chégase ó mesmo sitio, que para chegar a un lugar diferente hai que facer as cousas de xeito diferente, polo que raro sería que facendo a mesma política o resultado fose diferente...

20191110

Nota de prensa En Marea

Ribadeo, 6 de novembro, 2019.
O pasado día 4 de novembro rexistramos no concello de Ribadeo o Recurso de Reposición que anunciamos a semana pasada.

O motivo do recurso é que o concello non deu resposta ás preguntas e á petición que tíñamos presentado o día 27 de setembro. O contido destas preguntas xa o temos publicado pero non estará de mais recordalo. Concretamente as preguntas facían referencia á tramitación das xestións que levaron á permuta da parte da Torre de os Moreno da que era titular o concello de Ribadeo (o 21 %), ca empresa Paisajes de Asturias, a cambio de un edificio pendente de restaurar na Praza de Abaixo. A petición era que se publicase o texto íntegro do convenio acordado con esta empresa.

A resposta do concello chegounos a mediados do mes de outubro e nela figuran as actas de duas sesión da Xunta de Goberno (que polo demais xa coñecíamos e son documento público) pero ningunha resposta ás nosas preguntas nen referencia algunha ao misterioso convenio.

Na resposta do concello tampouco se nos ofrece a via do Recurso de Reposición, que é o trámite administrativo previsto na lexislación vixente antes de recurrir a outras vías posibeis.

Debemos lembrar aos lectores que o dereito á información é un punto básico de calquer democracia que o goberno do BNG de Ribadeo limita ou reduce sistemáticamente, como neste caso no que un convenio con unha empresa privada para cederlle unha parte sustancial do patrimonio municipal esta sendo secuestrado dende hai meses sen que se seipa cal foi a valoración económica da permuta, cal é prazo de execución, cales son as obras previstas e outro moitos aspectos que obviamente descoñecen os veciños e veciñas pola ocultación do equipo de goberno. Postura negacionista onde as haxa que tende a reducir a calidade da democracia e impedir a participación vecinal.

En conclusión agardaremos a resposta do Recurso de Reposición se a hai e decidiremos en consecuencia.

Eleccións: papeletas electorais

Hoxe son as eleccións xerais. Á hora de ir votar, hai moita xente indecisa, que non coñece nin os nomes dos canditatos do partido ó que máis ou menos pensa votar, etc. Quedan aquí abaixo as papeletas dos diversos partidos, tanto do Congreso como do Senado, pola provincia de Lugo, ordeadas as do congreso por orde alfabética:















20191102

Cunchas, fósiles, insectos: David Antonio López Álvarez

    Unha lembranza da labor de David López, e a súa relación co coñecemento, coa bioloxía, coa ecoloxía, co medio...


 

20191101

Elección non rima con bon

'Eran os mellores tempos, eran os peores tempos'. Así comeza a 'Historia de dúas cidades' de Dickens. E así podería comezar a nosa historia actual camiño dunhas novas (e)leccións o 10 de novembro.
E é que hai xente para quen 'as cousas' marchan ben. E para a que non, nin moito menos e diríase que cada vez en maior cantidade. No mesmo mundo, e con tanta diferencia. Quizás aí está a clave: o aumento das diferencias, e con elas, o aumento da falta de empatía, poñerse en lugar do outro ou da falta de colaboración, ou o aumento do 'primeiro eu, despois eu, e logo xa veremos se eu', ou do 'facer isto, a quen perxudica?' entrepechando os ollos ó mesmo tempo para non ver máis que o que convén.
O caso é que estamos de novo en período electoral, máis cartos gastados e os partidos botando contas sobre votos e escanos en troques de facelo sobre necesidades e benestar. Desviando a atención con Cataluña -ou con Franco- mentres o tecido industrial continúa a desfacerse, as pensións pasan a entenderse como un préstamo caritativo, pódente despedir se faltas aínda que sexa de xeito xustificado, as violacións quedan en abuso ou segue a corromperse o sustento vital que é a Terra, despois de que a corrupción campe na sociedade.
Vexo na propaganda electoral que chega ó correo -si, segue a chegar propaganda dalgúns partidos porque alguén se esqueceu / non quixo moverse para que non chegara papel mollado- a palabra España -ou Galiza- destaca nos sobres, mais boto en falta verbas como persoas, ou aínda cidadáns, ou comunidade. Outros, sinxelamente din 'vota': para que ir máis aló? Conta con nós... refírse a eles, non a nós. Pero o non plus ultra lévao o que resalta a bandeira -constitucional, iso si- como encarnando as esencia se que se quite o demais, que non importa.
Iso, polo exterior: os sobres non van dirixidos a min. E isto si é literal e figurado, ambalasdúas cousas ó tempo. Literal, porque non aparezo como destinatario, e figurado porque nos sobres aparece claro a verba 'propaganda', e iso é o que menos necesito, propaganda, que traten de dirixirme con teatro lonxe da representación real que é a vida. En realidade, algún si vai dirixido a min: 'electores residentes en' é un título xenérico que aforra cartos no envío e ó tempo sáltase a legalidade a destra e sinistra ó facer chegar os sobres a quen pediu que non se lle enviaran.
Votar? Mentres que non nos organicemos para facer un remake real do 'Ensaio sobre a lucidez' de Saramago, non quedará outra que facer uso desa partícula de liberdade que aínda temos a nivel político. Partícula de liberdade se non está xa perdida entre fake news, mentiras, promesas que non se pensa en cumprir, ocultación do negro dun tapado co negro do outro, ou sinxelamente, clientelismo, caciquismo ou intereses particulares contra o ben común, 'inconfesables'...
Aprenderemos a (e)lección ou deixaremos que nos apliquen o dito 'a letra coa sangue entra'?
--
Comentario posterior
Sobre as eleccións de novembro de 2019