Despois da acta, os 15 asistentes (no momento de máxima audiencia), aceptaron a renuncia de Francisco Rivas Álvarez, a quen se lle desexou o mellor, pero quen non estaba para escoitar o desexo. Si estaba entre o público o segundo da lista, que o substituirá e que estivo tomando notas, supoño que para o artigo correspondente na Comarca.
A imposición e ordenación do imposto sobre o incremento de valor dos terreos de natureza urbana deu lugar a discusións, pero non demasiado agrias. Trátae dun imposto municipal sobre plusvalía. Destacouse polo representante do PSOE que non houbo unha imposición tal en Ribadeo dende hai moito, e que mellor era diminuír gastos, liñas ás que se sumou o PP. O BNG destacou que xa se gasta menos, pero que se reciben menos cartos e as cousas costan máis, que foi contestado á súa volta dicindo que ós veciños non se lles ocorre contratar servizos sociais subindo a luz, ou preguntando por que se deben facturas se o concello está tan ben, ou mesmo que pagas pouco, pero pagas polo que xa é teu. Foi aprobado por 7 votos contra 5.
A resolución de alegación e aprobación definitiva de ordenanza reguladora de apertura de establecementos para o exercizo de actividades non sometidas a avaliación de incidencia ambiental e a resolución de alegación e aprobación definitiva de ordenanza fiscal reguladora da taxa pola realización de actividades administrativas de inspección, control e verificación de actividades en réxime de declaración responsable foron tratadas xuntas, aínda que con resultados diferentes: 8 a favor contra 4 abstencións no primeiro, e 7 a favor contra 5 en contra no segundo caso. En ambos se desestimaron alegacións dende a aprobación inicial. No segundo caso, trátase da trasposición dunha directiva europea.
Os festivos locais para o 2012 non causaron incordio: 16 de agosto e 8 de setembro.
A representación titular e suplente como representantes do Concello na rede galega de Concellos pola sostibilidade recaeu en Horacio Cupeiro e o alcalde non tivo inconvinte en renunciar á suplencia en favor de Campo Braña (PP). Foi aquí cando Eduardo Gutiérrez cualificou de idilio a relación entre PP e BNG, sendo contestado por M. Valín no sentido de que non insista no pacto, que abondo mal xa lle foi nestas eleccións. Resultado: 11 a favor, 1 abstención.
O punto 8º, designación de representantes titular e suplente no Consello Territorial da Propiedade Inmobiliaria, onde os representantes son concellos, foi fariña doutro costal. Quedaron propostos 3 representantes con participación do BNG, Monforte, Mondoñedo e Ribadeo, nunha votación con 7 a favor, 4 en contra e 1 abstención. Evito máis referencias á discusión de defensa/ataque á proposta, mantida dun xeito asimétrico en supostas bondades e alusións ideolóxicas, respectivamente.
A reclamación previa da comunidade de montes en man común Monte Cordal, en relación a finca de titularidade municipal foir rexeitada (7 contra 5 abstencións) tras informe pericial. Houbo chamamentos á negociación, pero parece que pasou o tempo de negociacións, tendo en conta que no 2001 concedéuselles parte do monte ós veciños e ademáis, xa que houbo unha reclamación por vía administrativa, ten que ser respostada do mesmo xeito.
O punto 10º foi o batiburrillo previsto (control dos órganos da Corporación; dación de contas, decretos da alcaldía, rogos, preguntas), con varias roldas e división do punto en tramos. Destacou algunha cousa, como a petición de máis control na concesión de licenzas por parte do concello, ou a cita do alcalde (para lembrarllo algunha vez, e provocar ou tentar provocar a súa aplicación) de que 'é mellor parar as cousas cando están quentes'. O PP preguntou se, como o gabinete de prensa se paga con cartos públicos, o podían usar tamén eles, sendo respostados que estaba para o equipo de goberno. Aludiu asemade pola traída a pleno da decisión sobre uso do edificio de alxinatos, e preguntou sobre o problema cos traballadores, se se tiñan esgotado os medios, así como pregou evitar os medios de comunicación, aludindo ademáis ó descoñecemento da importancia do caso, sendo respondido que son moitos os casos. Preguntouse sobre o(s) novo(s) aparcamento(s) [nos alredores da piscina, das monxa e da nova glorieta], incluíndo a resposta unha alusión a que agora dase o fenómeno de oferta de terreos ás veces mesmo para non ter que desbrozalos. Asemade, fixo a suxerencia de declarar ben municipal ós cocos, facendo pé en que non saíron no último libro das festas (algo que foi tratado xa no blog) e asignar nha axuda para a xente que se encarga -voluntariamente- da súa conservación, sendo contestados que xa se fai o pago de materiais na actualidade.
Preguntouse tamén polo tema da limpeza do cantón, incluíndo a resposta unha alusión a unha próxima ordeanza de terraza (que sería repetida despois nas
preguntas de O Tesón), e fíxose a suxerencia de atopar un lugar público para amosar obras doada de artistas ribadenses.
11.Moción do PP sobre o catálogo priorizado de productos farmacéuticos. Moción tipo, igual que a que lle sucedu. Votou en contra o representante do PSOE, rexistrándose 10 votos a favor por falta dunha concellala do BNG. A defensa da moción aludiu ós principios de principio activo, medicamento xenérico e racionalización do gasto, mentras Eduardo Gutiérrez aludiu a que, segundo el, a Xunta aforrara máis cando estivo suspendido o catálogo que cando non.
12.Moción do BNG sobre devolución correspondentes ás liquidacións negativas da participación nos ingresos do Estado. Foi de discusión algo máis longa, e nel o BNG aludiu a un maior aprazamento da devolución da débeda dos concellos, á necesidade de garantir o gasto corrente, e reforma de cotas de participación para incluír a dispersión de poboación que se da nos concellos galegos. Asemade, mentou á Xunta na proposta,o que deu lugar á negativa do PP, cunha votación final de 6 a favor e 5 en contra. Un dato: na actualidade o caso de Ribadeo implica 84 000 €/ano durante 4 anos de devolución. Tamén, os poulares aludiron a unha moción do seu grupo redactada de xeito diferente que,como o BNG ten maioría, xa non presentan.