20191031

As árbores tamén morren. Ás árbores tamén se llas mata.

Non fan falta incendios. Hai outros xeitos de matar árbores.
Esta semana foi dura para as árbores de Ribadeo. O coidado, din, esixe poda, aínda que na natureza non haxa tal e se coiden eles sós. E foron podados. Non entendo moito de poda, pero dá dor velos totalmente mutilados polo nacemento das ramas, mentres ó pé quedan os restos. Abaixo deixo fotos miñas dos plátanos do parque e cedidas por Carlos Cid do camiño do cemiterio. Alí, naquela zona de paseo coa ría ó fondo, a poda convertiuse para máis dun en tala. E visto os restos, non foi porque tiveran enfermidade.
Non sei, non preguntei se se queren retirar as árbores dalí (da beira esquerda baixando, nunha boa zona xa non había) despois de que anos atrás, despois de substituír os vellos, altos e frondosos existentes polos máis recollidos e de menos porte plátanos, o asfalto case afogara as raíces. O que si sei é que ao menos, houbo un cambio de criterio de conservación da masa arbórea na zona do cemiterio, e o que máis dun entendido, de motu propio, me dixo: algo parello a que era un arboricidio.
Técnicos terá o concello e técnicos asemade os que me comentaron, mais desacougo e pena si da. E comentarios si xenera.
No Parque San Francisco

En Clemente Martínez Pasarón

No camiño do cemiterio



20191030

Os deslumbrados non poden ver o ceo

Nebulosa nas Pléiades. Obtida de https://www.spacetelescope.org/images/opo0036a/
    25 de outubro, nota de prensa. Resultado: Ribadeo terá máis luces de Nadal por persoa que Vigo. Os xornais destacaron a competición con Vigo, pero aínda así, non chegaron a ese dato: en Vigo, ao parecer, instalaranse unhas 10 000 000 de luces, ou sexa, sobre 25 por persoa. En Ribadeo, 800 000, iso é, contando a toda a xente do concello, 80 por persoa, máis de tres veces máis (máis de cen por persoa se se considera só os habitantes da vila).Parece que as árbores non deixan ver o bosque, e os visitantes no Nadal non poderán ver a magnificencia do ceo estrelado ou as nubes cambiantes ocultando a Lúa de noite, pois para algo están as luces. Neste caso, para deslumbrar ós visitantes (e, efecto colateral, ós locais)
A nota do concello destaca o esforzo para que Ribadeo sexa visible en toda a bisbarra. Custe, contaminación enerxética e visual, ou gusto, son arrumbados fronte as luminosas cifras postas sobre a mesa. Non en van dispónse de 23 900 €/ano que van ser radiados na noite ribadense como un extra sobre a iluminación normal. Se o ano pasado foron 13 500 €, implica un aumento do 77 % fronte a un ano atrás. Haberá quen diga, non importan os cartos cando se trata de fardar. Aínda que o pretendido, segundo a nota de prensa, é que 'se nos vexa' na bisbarra para que a xente consuma en Ribadeo. Ou sexa, trátase de consumir máis para facer que a xente consuma máis nese mesmo lugar. Enténdese pois que a acción está proposta non de cara ós ribadenses, senón como como subvención extra a ACISA (lembranza: asociación de comerciantes, industriales, servicios y autónomos de Ribadeo).
    Non se pode dicir moito máis, pois o único a considerar para o contrato da iluminación das oitocentas mil luces será 'a oferta económica máis ventaxosa'. Con iso, enténdese que as luces outras luces, como as do campo de fútbol, que levan anos deslumbrando ó ir pola estrada de Vilela, serán reforzadas para quedarmos máis deslumbrados, e, co deslumbre, convertidos os visitantes e tamén os ribadenses en consumistas.
    É posible que sexan 'luces bonitas', pero coa súa visión non poderei menos que pensar noutras cousas a máis de xulgar a intensidade da súa beleza. Por exemplo, a eficacia da medida na potenciación do consumo, o retorno directo ós ribadenses desa inversión ou se o Ribadeo que queremos é un Ribadeo 'deslumbrado' por luces artificiais.

A nota de prensa do concello:

AS EMPRESAS TEÑEN 15 DÍAS NATURAIS PARA PRESENTAR OFERTAS

Alumeado de Nadal

25/10/2019
O alumeado de Nadal en Ribadeo contará por primeira vez con 800 000 luces led entre farolas, arcos, árbores e figuras en 3D. O Concello sacouno hoxe a licitación por 23 900 euros ao ano. A vixencia do contrato será de dous anos con posibilidade de prórroga dun máis.
O alcalde, Fernando Suárez, anunciou que "no día de hoxe sacamos desde o Concello de Ribadeo, a través da plataforma electrónica de contratos, a licitación do contrato de subministro e instalación de elementos de decoración luminosa durante as festas do Nadal".
O rexedor dixo que "si ben é certo que cada ano imos tentando mellorar un pouquiño a iluminación do ano anterior, seguindo nesta liña, quixemos dar un paso adiante no senso de consolidar todo o que viñemos facendo para incrementar máis os espazos públicos de iluminación do Nadal, cambiando e renovando o aspecto das luminarias e incorporando novos elementos que confiemos sexan do agrado de todo o mundo".
Suárez Barcia subliñou que "segundo os datos que me pasan os técnicos, se sumásemos todas as microluces que conforman a totalidade dos arcos, das iluminacións nas farolas, das iluminacións das árbores e das figuras en 3D, estaríamos aproximadamente nas 800 000 luces led en total, unha cifra importantísima e nunca chegada ata agora en Ribadeo. Non imos ser como Vigo, que seguramente se vexa desde o espazo exterior a súa iluminación, pero a nós seguro que desde toda A Mariña e máis desde o Occidente asturiano se nos verá sen ningún problema. É moi importante que se nos vexa para que a xente siga vindo a mercar ao noso comercio e a disfrutar da nosa hostalería, e en xeral dos servizos que ofrece Ribadeo".
O alcalde explicou que "o importe deste contrato ofertado é de 23 900 euros ao ano, cunha vixencia de dous anos, coa posibilidade de prórroga dun ano máis. E o criterio de selección do adxudicatario será o da oferta económica máis vantaxosa. Polo tanto, o prazo para presentar as ofertas as empresas cualificadas que queiran facelo será de 15 días naturais a partir de hoxe, ou sexa ata o 9 de novembro".

20191029

Rueiro ribadense. De Porcillán ás catro calles

As novas placas de Sargadelos dan moito xogo. Na subida por Antonio Otero dende que se sae de Porcillán ata chegar á zona das catro calles, aparecen uns cantos abondo ilustrativos.
O mapa centrado na subida:
No comezo da rúa da muralla (é dicir, subindo á dereita) está o rótulo da antiga porta de Santo Domingo.
E xa en plena costa, á esquerda, aparece a casa Bengoechea:
Poucas desviacións hai na zona máis inclinada, polo que, despois de pasar a das escaleiras de Bengoechea, o seguinte rótulo é o que corresponde á antiga escola de náutica:
Dende a súa port de arco pode verse xa a entrada á travesía Fernando II o Santo e un grafitti poucas casas máis arriba, á altura dos tellados.
Pola travesía de Fernando III...
... chégase á praza dos catro canos:
Alí atopamos unha nova historia, o antigo cárcere.
Un pouco mái arriba, atopamos un escudo, xa no cruce que da comezo á rúa Viejo Pancho:
E no cruce, os letreiros de Antonio Otero,
Enxeñeiro Schulz
E Viejo Pâncho.
Seguindo pro Viejo Pancho arriba, chegamos á praciña de álvarez Miranda:
E, pouco máis arriba, o letreiro da existencia pasada da Porta da Auga debaixo do cartel conmemorativo da casa do Viejo Pancho:
O último cartel antes de chegar a Ubaldo Pasarón y Lastra é o da costiña do Pai Sarmiento:
Un paseo con historia contada a través de Sargadelos.

20191028

O concello de Ribadeo, a escala

Collo un post de hoxe mesmo de fqribadeo e engádolle unha foto da ESA co concello de Ribadeo aproximadamente a escala para comparalo cun iceberg recén forneado na antártida:
Auga para Ribadeo para 300 000 anos
Auga para Ribadeo para 300 000 anos: ese é o resume do 'último polo momento' iceberg desprendido da Antártida: unha masa de xeo de 300 000 millóns de toneladas, cunha superficie duns 60 km x 30 km, unhas 18 veces o concello de Ribadeo, e un grosor superior a 200 m.
Se botamos as contas, cun consumo en Ribadeo duns 3 000 000 de litros diarios, saen cen millóns de días, ou sexa, uns trescentos mil anos.
O nome asignado ó iceberg é D28, e o seu 'nacemento', o o 20 de setembro, a partir da 'nai', a plataforma de xeo Amery. Na imaxe (modificada) da ESA:

Ruta do encanto


Por fin a ruta do camiño do encanto está chegando a ver o día. Xa comprensible nos carteis que debuxan un recorrido polo interior do concello que sae da oficina turismo, pero que na realidade comeza en Ove (igrexa e hórreos sobre a estrada), segue polo mirador de Santa Cruz, e pola LU-133 pasa á igrexa de Covelas, Pozo Mouro ( ó Pozo Mouro téñoo cualificado no blog de 'marabilloso'), mirador de Remourelle. Alí dá a volta e pasa pola capela da nosa Señora das Virtudes na Ponte, Pazo de Cedofeita e casa de Agrelo. Volve de novo á estrada Reme-Vilamar (LU 133) para desviarse logo ós Petróglifos Podomorfos (As fádegas) e Castro da Pumarega. Pasa logo pola ponte de Pena Tallada e chega ó Pazo de Vilaosende. Despois do Mirador de Lourido volve á vila.
É de esperar que un folleto amplíe os lugares e dé máis explicación que os carteis (na foto, o chantado para indicar o Pozo Mouro), pero se houbo que esperar un ano por eles, é de supoñer que non sexa aíndamañá cando se imprima esa información.

20191023

CRANIOS HUMANOS EN TRES IGREXAS DA CONCA DO EO. Emilio Piñeiroa Lozano


A maioría de persoas relacionan as caveiras ou cranios coa morte, con algo malo e escuro pero en moitas culturas dende a Idade de Pedra, pasando pola Idade Media e ata os nosos días foi obxecto de fascinación e veneración.
Na conca do Eo son tres os lugares documentados nos que aparecen caveiras incrustadas nos muros de lugares sagrados; atopámolas nas igrexas de Baos (Ribeira de Piquín), Órrea (Riotorto) e O Conforto (A Pontenova), ainda que sobre esta peculiar técnica pouco se sabe.
As caveiras atópanse, en tódolos casos, empotradas na parede e coa cara para fora, xerando así un tétrico diálogo entre os vivos e mortos, no marco dun espazo sagrado de gran concurrencia.
Da orixe destes enterramentos pouco se sabe, algúns veciños falan da existencia dun mosteiro xa desaparecido. En Baos os veciños cren que os cranios son de curas que viviron nesta parroquia, mentras que en Órrea dín que a caveira é dunha monxa do antigo convento.

S. Xoán de Baos, parroquia que pertence ao concello de Ribeira de Piquín. Regada polo río Rodíl, o maior afluente do Eo.
Esta igrexa pertenceu en Galicia a Orde de S. Juan de Malta, orde militar relixiosa fundada en Xerusalén para a súa defensa e a de hospital de peregrinos. Estendeuse polo occidente europeo, chegou a establecer as súas bases en Portomarín. Baos pertenceu ata o ano 1876 á encomenda de Portomarín.
No pórtico ou cabido (un espazo cuberto na entrada da igrexa) nun espazo en branco que hai encima dunha ventá, empotradas na parede, hai cinco caveiras humanas. Os cranios atópanse de forma ordenada, visibles, forman unha especie de triángulo, ningún conserva a mandíbula inferior, tres teñen pezas dentais ben visibles. As cinco caveiras están posicionadas cara a fachada da igrexa
e o altar maior.

Igrexa parroquial de Santa Comba de Órrea, concello de Riotorto.
Aquí asentouse durante a Idade Media un mosteiro feminino.
Ao pasar a porta principal, no interior, á man dereita, incrustada na parede, unha pía de auga bendita ( antes foi un capitel prerrománico dunha columna ), decorada con volutas.
Sobre a pía, empotrada na parede, unha caveira humana. Está disposta de fronte, mirando directamente ao altar maior. Carece de mandíbula inferior e non conserva peza dental.

Igrexa parroquial de Santa María do Conforto, concello de A Pontenova.
Centro Mariano. Situado nun val surcado polo río Turía, afluente do Eo. Entrando pola porta lateral do sur, á altura do cruceiro, na mesma parede, á man esquerda, sobre unha pía de auga bendita, unha caveira humana. A cara para dentro e mirando ao interior do templo, non directamente ao altar maior.
Carece de mandíbula inferior, non conserva peza dental.

20191018

Máis grande que todo o concello de Ribadeo


Como se da jangada de pedra se tratase, unha superficie de 260 km2 de xeo desprendeuse estes días da Antártida, como se pode ver na animación da Axencia europea do Espazo, desprendéndose dende a capa de xeo da parte inferior. Un 'anaco' de dúas veces e media todo o concello de Ribadeo.
De sempre, de xeito estacional, véñense desprendendo enormes bloques de xeo das zonas polares: iso son os iceberg, logo, nada extraordinario. O que é extraordinario é o aumento do número e tamaño destes desprendementos nos últimos anos. Accións que non só son un mecanismo da Terra para manter a temperatura (en certo xeito, parello ó noso suor), senón que significan un aumento do nivel do mar (se o xeo está sobre terra firme, fenómeno que se mide xa en decímetros, non en centímetros), unha diminución do albedo (e polo tanto, unha maior captación de calor pola superficie terrestre, o que implica un maior quecemento) ou unha variación nas correntes mariñas (ó variar a temperatura da auga, fenómeno que está a facer perigar a importante para nós corrente do Golfo)
Aínda hai pouco atopeime con xente que lle botaba en cara a Greta Thunberg o viaxar en avión ó cumio da ONU e así contaminar en contra do que defende (viaxou en barco precisamente para contaminar menos) entre outras mentiras que xustificarían o que esas persoas non cambien o seu xeito de vida polo clima. E é que a inercia non é só un concepto físico, senón tamén social e psicolóxico. Algo, o 'dereito a non cambiar' contra toda evidencia da conveniencia ou/e necesidade de facelo que se defende mesmo con mentiras, contadas a un mesmo tanto como ós mais.

20191017

Pensionistas en Madrid


Non se ve a cabeceira, non se ve o final. Madrid, onte, nun desfile estatal. A defensa dun sistema público de pensións segue. As fotos de Suso Fernández son abondo ilustrativas. E a loita -xa que estes días úsase o enervamento guerreiro para outras cousas- continuará por xustiza, por convicción, por solidariedade, por necesidade. Por xustiza, en prol dun mundo máis xusto. Por convicción, convencidos de que é como se debe actuar. Por solidariedade, pois dentro do sistema, o mantemento das pensións leva consigo unhas condicións máis xustas no traballo. Por necesidade, porque é necesario que si o sistema socioeconómico actual existe, funcione e garante as necesidades vitais.
A representación nas novas do día non foi proporcional á magnitude da marcha en Madrid, nin ós quilómetros recorridos -mesmo a pé- dende os lugares máis apartados da península. Cabe preguntarse se habería que facer violencia para que se prestara atención. Que dirían entón contertulios e políticos?
--
Por ti, a Madrid

20191016

Por ti, a Madrid


Nestes momentos, unha delegación de xubilados de Ribadeo viaxa camiño a Madrid, á manifestación estatal na que participa xente de toda España, incluídos quenes fixeron a marcha a pé dende máis de 600 km de distancia.
O dicir delegación é máis un desexo que unha realidade. Trátase máis ben dunha representación que saiu ás 11 da noite e que fixo algunha parada no camiño para completar autobús. O caso é que representan a todos os que apoiando a protesta, compañeiros de viaxe, por unha ou outra razón non estamos nesta viaxe.
Co tema de Cataluña ou a campaña electoral, non sei o que sairá nos medios. Ata o de agora, pouco, tendo que usar a difusión boca a boca ou as redes sociais, a pesar das novas desacougantes que chegan de Madrid no tratamento das pensións públicas. Pero isto é unha carreira de fondo. Non se remata coa desatención institucional, mesmo coas promesas dos mandatarios. Remátase cos feitos. E mentras, 'camiñante, faise camiño ó andar'.
Máis sobre pensións.

20191011

Fake news, fake economía, fake política...

A propagación da mentira como moda. Coido que esa frase pode ser o resume dun dos fenómenos máis perigosos que está a vivir a sociedade nos tempos que corren. A invasión das fake news, as falsas novas, é un feito. Sempre as houbo, pero a magnitude actual e a credibilidade que se lles está a dar teñen unha magnitude excepcional que xa se ten volto normal, ó estar sendo aceptadas en bloque, sen crítica -en parte, xa cansados de mirar con lupa un aluvión de noticias incontrolable xa de por si-.
Coido que calquera pode ter a man exemplos de todo tipo e todo signo (aínda que en diferente número, dependendo do 'signo'), pero por se acaso, adxunto unha foto que me atopei xa varias veces nas redes sociais. A última, onte, a comezos desta nova campaña electoral onde os emigrantes ou Cataluña levan as de ganar como temas fronte á corrupción ou a participación cidadá:
A foto, que xa non é deste ano, é abondo clara, e ven acompañada, neste caso, dun comentario: "Musulmanes echando la comida, que les da caritas y cruz roja, al contenedor de la basura, mientras tanto hay Españoles, pasando hambre y viviendo en la calle." Nestes momentos, e só de onde o estou a ver, foi compartida 183 000 veces, e nese muro, foi obsequiada con 6200 emoticonos e 133 comentarios. Certamente, tería que pasar cun 'sen comentarios' pola evidencia de que na foto non se ven musulmáns, a máis doutras consideracións (por exemplo, non botan moitas veces os supermercados alimentos caducados ó lixo?, non podería ser este un caso así?)
De calquera xeito, co perigo que que ten, non foi esa a foto que me trouxo a escribir isto. Foi un subtítulo dunha nova, tamén de onte: "Pero, como en ocasiones anteriores, un tuit de Donald Trump ha cambiado la dirección de los mercados al alza". Aparece na cabeceira do resume diario de 'elEconomista.es', e continúa a nova sen darlle máis importancia a que o 'home máis poderoso do mundo' poda cambiar as bolsas mundiais cunha frase escrita nunha rede social, sen apoio de feitos. A ter en conta esto último, pois as reviravoltas e contradicións constantes de cousas escritas por Trump xa forman parte da historia. E, ademáis, como magnate, a xogada de comprar/vender accións antes de emitir un tuit que cambia a dirección do mercado é unha acción que ven en resalte no 'Manual do magnate trampulleiro'. Que afecta á economía mundial? Xa estamos tan afeitos a que nos leven de acó acolá, sen que nin nos deixen queixarnos, que que un tuit  sen accións xustificativas poda facer mover máis cartos que o que supón o peche das industrias nAs Pontes ou San Cibrao non nos fai nin pensar na necesidade dun cambio de sistema sociopolítico económico. Pode ser que socioloxía -xa non digamos sociopolítica- sexa unha palabra demasiado longa para un tuit... e por iso non se vexa a súa importancia.

20191010

Clientelismo, caciquismo ou outra cousa?

De Castelao. Imaxe collida dun blog, que o colleu doutro, que... mentres, a historia segue

Definicións do dicionario da Real Academia Galega:
Clientelismo: Práctica social e política en que se establecen relacións de dependencia entre persoas ou organizacións poderosas e os seus partidarios ou colaboradores, os cales esperan obter a cambio determinados favores ou beneficios persoais.
Caciquismo: Fenómeno social e político que se caracteriza polo poder excesivo dos caciques e por fomentar a súa existencia.
Cada quen é do seu pai e da súa nai. E, dentro diso, hai moitas variacións. Iso é algo que se aplica ás persoas, como unha interpretación da herdanza xenética (e doutro tipo). E en xeral, a pautas que se podan reproducir, como ocorre na estrutura social.
Hai uns días viuse na prensa a nova de que no concello de Barreiros os plenos van ser abertos ás intervencións do público. Despois de ter loitado por iso noutro concello por anos, saíume da alma o felicitar á alcaldesa por esa decisión, respaldada en pleno. O certo é que non coñezo a normativa que se vai aplicar, mais a nova en si é esperanzadora.
Ten algo que ver esa participación co título do artigo? Entendo que polo menos é un paso de xigante para entre outras cousas, evitar o caciquismo e o clientelismo.’Dende hai moito tempo, a política, cos seus proxectos competidores, ten sido remprazada por un clientelismo municipal con tintes de hostilidade cara ás iniciativas dos habitantes’. A cita anterior coido que pode ser aplicada a moitos concellos do noso entorno. E falo de concellos só porque nela aparece o termo ‘municipal’. Mais non a collín dun lugar no que se referira a Galicia, nin siquiera a España, senón a Francia (Radiografía del clientelismo municipal en Francia, Le Monde Diplomatique en Español, agosto de 2017, p. 24). E é que o sistema político, calquera sistema político, incluída a democracia, fai augas a pouco que se deixe pasar o tempo en convivencia coa existencia de forzas desproporcionadas, sexan de orixe económica ou doutro tipo. Como un algo vivo dentro do sistema, o desequilibrio medra, procura perdurar facéndose máis forte e como vía cara ese fin de asegurar a pervivencia, obrigando ó resto a facer un esforzo por sobrevivir. O facer que o resto do entorno dependa desa forza sen ataduras abondas como para embridala non pasa de ser unha táctica en cada caso particular dentro dunha estratexia xeral, mesmo sendo inconsciente, instinto vital...
Caciquismo ou clientelismo son situacións nas que o político de turno susbstitúe a participación dos cidadáns pola dependencia. En ambos casos se fai o mártir, asumindo unha pesada carga dos demais como dependentes (despois de axudar a infantilizalos e facelos dependentes) que non lle corresponde, en troques de quedar coa súa función de servizo ó pobo organizando e xestionando o común en colaboración coa xente. E unha vez funcionando o subsistema, para mantelo e facelo medrar, todo vale, de non prestar atención á xente ou a ocultación de datos e accións a poñer paos nas rodas a avances se veñen da sociedade non controlada directamente ou á mentira que non tería importancia se serve ó fin prefixado. Todo vale se serve para manter a iniciativa, motor de futuro social, dentro do redil particular construído.

20191009

Nota de prensa sobre a Torre dos Moreno. En Marea Ribadeo

Torre dos Moreno. Imaxe do sigpac.

O pasado 13 de setembro o Concello de Ribadeo e máis a empresa Paisajes de Asturias formalizaron, na notaria o convenio de cesion da parte da Torre dos Moreno de propiedade municipal a cambio dun edificio restaurado na Praza de Abaixo. Según o Concello a operación será moi favorable para os intereses dos ribadenses que ganaremos mais de cen mil euros, tanto que perderá Paisajes de Asturias, naturalmente. O paso previo foi o acordo da Xunta de Goberno do 8 de Maio de 2019, que autorizaba ao alcalde para tal cometido.
Hai 15 días, o colectivo En Marea de Ribadeo rexistraba no concello un escrito con dúas preguntas e unha petición. As preguntas eran por qué non se fixo pública a Xunta de Goberno do 8 de maio como ordeaba a sentenza do TC de 26-9-2013, e cal era o prezo final da tasación . A petición era que se publicase o texto íntegro do convenio que non figuraba nas actas nen nos documentos públicos do Concello. Ata hoxe non recibimos resposta.
De seguido exporemos os antecedentes máis significativos sen deixar de suliñar a vaga de oscurantismo que envolve todo este proceso.
As primeiras obras de consolidación e aseguramento proceden da segunda metade da decada dos noventa, trala colaboura desinteresada de José Calavera (INTEMAC) e o arquitecto local Ernesto Cruzado. Posteriormente seguen outras obras e medidas de protección, maioritariamente financiadas con cartos publicos. Os custos estimados destas obras poden chegar aos seiscentos mil euros. ¿Intentaron o Concello de Ribadeo e outras administracions recuperar eses fondos publicos no proceso de privatización? Unha pregunta con moito meigallo pendente de resposta.
A comezos de 2011 publicitouse que Paisajes de Asturias chegara a facerse co 60 % da propiedade e que o Concello tiña boas relacions con esta empresa a xuzgar polas froles que lle dedicaba o Sr. alcalde nos medios de comunicación.
A comezos de 2012 INTEMAC emite un comunicado no que declara que as obras que se están a realizar non se axustan as suas recomendacións, e Paisajes de Asturias decide prescindir dos servicios de INTEMAC e dun especialista de renome internacional como José Calavera. O Sr. Alcalde de Ribadeo declara que a causa da ruptura son problemas económicos pero algo máis debia saber porque afirma nos medios que as obras se están facendo correctamente, polo tanto apoia a Paisajes de Asturias.
Un fito clave en todo este proceso é o acordo do Pleno Municipal do dia 1 de Xullo de 2015 polo que delega a súa competencia na Xunta de Goberno para tramitar o convenio con Paisajes, evitando, xa que logo, a publicidade propia dos plenos e facilitando o secretismo.
Ainda queda no aire o 18% da propiedade privada dispersa por Arxentina, sen que se saiba se Paisaxes se vai meter en obras mentras non se resolva o problema, nen se o convenio secreto di algo, ou simplemente omite este oscurísimo detalle.
Esto e o que hai en liñas xeráis. Calquera pode decatarse de que hai demasiados puntos grises ou máis ben negros ao longo deste proceso de case dez anos, do que suliñamos o segredo do convenio -que non coñecen nen os mesmos concellais- e a estrana operación que esquece os fondos públicos investidos na restauración do edificio ao longo de vinte anos.
Polo demáis, como é sabido, Paisajes de Asturias en máis de doce anos non inciou ningunha actividade nin rematou ningunha obra agás a casa familiar en Castropol. E nesas condicións, baixo segredo, e sen proxecto técnico coñecido, o Sr. alcalde de Ribadeo desfaise da Torre dos Moreno.

Nota de prensa da Asociación pro maiores José Mª Rodríguez

Nota de prensa

Asociación pro maiores José Mª Rodríguez

   O pasado sábado 5 de outubro tivo lugar no lavadoiro da r/ Fornos a primeira xuntanza convocada para poñer en marcha a Asociación pro maiores José Mª Rodríguez. Á mesma acudiron persoas con familiares na nova residencia e outras en diferente situación.
   Esta primeira toma de contacto serviu para trazar unha folla de ruta cara ó futuro que permita integrar á maior cantidade de xente interesada posible. Na xuntanza, da que foron previamente informados tanto a dirección da residencia como o concello, faláronse os máis diversos temas, dende as incidencias que xa leva pasado nos meses de funcionamento á difusión da existencia da propia asociación, pasando pola mellora evidente entre o despois e o antes da inauguración, as liñas de actuación, a necesidade de apoio ó funcionamento, as preocupacións cara ó futuro, as alegacións ás normas de funcionamento, o descoñecemento da normativa legal por parte dor reunidos, etc.
   O acordo fundamental de que os temas relacionados coa mellora das condicións de vida dos nosos maiores non son para tratar como queixas na rúa, senón encadrados nunha colaboración estruturada, levou ó esbozo das liñas de actuación a manter ata a próxima xuntanza da asociación, prevista para antes do inverno.
   Ribadeo, a sete de outubro de 2019.

20191004

Mostra de teatro afeccionado Daniel Cortezón 2019 (XVII mostra)

Comeza o mesmo día do X cabodano de Daniel Cortezón.
Nota de prensa.

As obras do campo de fútbol


Obras no campo de fútbol, onte.
As obras do campo de fútbol xa van mediadas. Non sei se quedan lonxe os días da petición e a polémica (parece un deporte local) tras os sucesivos encharcamentos do Pepe Barrera. Quedan abaixo unha entrada e dúas notas de prensa con boa cara no camiño até hoxe, a pesares das discusións no último pleno pola rebaixa da axuda da Xunta de 46 000 a 41 000 €.
21/1: pleno con inclusión dunha partida para o Pepe Barrera
17/7: obras no campo de fútbol
27/8: obras no Pepe Barrera

20191003

Nota de prensa da Asociación pro maiores José Mª Rodríguez

A nova residencia, a vista de paxaro (sigpac)

Nota de prensa

Asociación pro maiores José Mª Rodríguez

   Como no seu momento fora anunciado pola Plataforma pro Residencia de Maiores de Ribadeo, pouco a pouco estanse a dar os pasos para a posta en marcha da Asociación pro maiores José Mª Rodríguez.
   Nestes momentos, xa hai tempo que se teñen realizado consultas para a redacción dos estatutos, se ten realizado a constitución e estamos á espera da validación legal dos estatutos, que foron enviados no seu día.
   Cabe lembrar que os obxecivos propostos para a asociación son “A axuda e procura dun mellor desenvolvemento vital dos maiores en Ribadeo” e “A optimización das circunstancias materiais e metodolóxicas para o coidado dos maiores de Ribadeo”
   Asemade, xa coa nova residencia a pleno rendemento unha vez pasados os momentos iniciais, cremos que xa é o momento de poñernos en contacto coas familias dos residentes e a xente interesada en que os nosos maiores teñan a mellor calidade de vida, convocando unha xuntanza no lavadoiro da r/Fornos o sábado 5 de outubro de 2019 ás 20:00 para unha primeira toma de contacto e participación na asociación.

20191002

O clima? Que clima? Nós!


Fotos: G. Gómez
O pasado 27 de setembro tivo lugar fronte ó concello de Ribadeo, ás 20 horas, unha concentración polo clima.
Tempo ten pasado dende que a unha relixión se lle ocorreu meter nun libro, o da Xénese, aquelo de 'esparcídevos e dominade a Terra'. Aínda faltaba para que Darwin explicara a supervivencia das especies ou para que se poidera seguir a expansión da raza humana por todo o planeta. E polo tanto, para ver cumprida efectivamente a profecía do dominio sobre a Terra. Un dominio que ten levado a que creamos como se nós non formáramos parte desta Terra que andamos a dominar. Aínda estamos a caer na conta que litro de petróleo que se colla e queime é litro de petróleo menos que temos para mañá, pero tamén uns 1500 L de dióxido de carbono que se lanzan á atmosfera, a máis de calor que lle metemos ó medio ó queimar, e calor que facemos que se acumule ó non poder despedilo ó espazo, entre outras cousas. Como cativos sen control cun xoguete novo (cada vez menos novo, cada vez máis descontrolado) e complexo (con complexidade aínda por descubrir) xogamos con el como se non tivera fin, ata que nos cansemos ou 'se canse', se estropee.
E xa hai tempo que comezou a funcionar peor. Abres o xornal, e é raro que non atopes calquera día con novas 'illadas' como as que atopo esta mañá: 'Un glaciar no Mont Blanc, ó bordo do derrube', onde a nova salta máis que nada polo peche de estradas afectadas, ou 'A suba do nivel do mar ameaza con contaminar os acuíferos das zonas máis secas de España', onde a preocupación tamén é a consecuencia: a falta de auga para seguir o ritmo que se impón á natureza. Preocupados polas consecuencias, está tardando a viraxe á preocupación polas causas, necesaria para evitar a desfeita, e máis aínda cando as causas interfiren coa nosa vida máis inmediata. Aí temos, tamén estes días, con moita máis difusión mediática, os peches da planta de alúmina-aluminio en San Cibrao, cara ó que se vai, ou o peche da central electrotérmica das Pontes, anunciado. Moita máis difusión mediática porque afecta directamente ó emprego, e á riqueza, tal como se concibe de xeito maioritario hoxe en día. Sobre a xestión da planta de alúmina e os perigos de que a dirección emigrara xa alertou hai tempo xente (como Isaac Díaz Pardo na Voz de Galicia, o 7 de febreiro do 1998), aínda que neste caso a relación coa emerxencia climática non é máis ca unha mínima parte do perigo pola balsa de lodos, e -simplificando- o peche virá cando as regalías a Alcoa sexan inasumibes para garantir unha rendibilidade elevada. Nas Pontes, o impacto da empresa sobre o medio é máis visible a curto prazo, e directo: a planta é o principal foco individual de emisión de gases de efecto invernadoiro na península. Mais, en ambos casos, o sistema económico político viu ignorando as causas, e agora resulta difícil (máis ben imposible) combatir os efectos.
Cousas como estas, con efectos bruscos, fondos, e máis achegados a nós, son as cousas que están sacudindo o xeito de pensar ó presentar, de súpeto, un calexón sen saída. Son as cousas que rematarán sacudindo o sistema ante a necesidade de colaboración e distribución en tódolos sentidos, ante a supervivencia. Cousas que levaron á concentración de Ribadeo a contar cunha asistencia entre 200 e 300 persoas (segundo que se conten ou non as incorporacións eventuais) e a ser un éxito de cara ó comezo dun cambio necesario na bisbarra.
Quedan anécdotas como que unha parella de policías locais presentouse insinuando que a concentración non tiña autorización (e entón, a ver que se facía coa interrupción da vía pública que se estaba a dar), para rematar asumindo que nin Alcalde nin Xefe da Policía Local parecían estar enterados (e o que había que facer estaba moi claro, axudar a que todo transcorrera ben). Pero son anécdotas, o mesmo que a propia concentración, ante a magnitude do problema, que en Ribadeo xa levou a un aumento da temperatura media anual de 0,6 ºC no que vai de século. Considérase que sería un desastre chegar a un incremento de 2 ºC a nivel global sobre a media do século pasado, e ese aumento significa que xa levamos case a metade, pois a finais do século XX xa se tiña comezado a carreira cara arriba.
Venme á cabeza aquelo de 'a Deus rogando, e co mazo dando', que neste caso implica non só facer as cousas de xeito diferente, senón ir abondo máis aló, mesmo decrecer, algo que o sistema, tal como está concebido e funcionando, non permite.

20191001

Marco da Pena Verde. Emilio Piñeiroa Lozano

MARCO DE PENA VERDE (MENHIR ou PEDRA FITA)

Situación: Parroquia de Fórnea (Trabada)
Estrada que comunica Fórnea,Vidal e Valboa. Moi preto pasa a rede Ribadeo-Vilalba do gasoduto.
Monte de eucaliptos.

Sobre as dúbidas deste menhir, arqueólogos consultados din que polas medidas pode tratarse dun menhir, tamén dun marco xeográfico que sinala os lindes entre parroquias ou concellos ou ámbolos dous, pois moitos menhires foron aproveitados como marco.
Hoxe en día está a servir como lindeiro ou pedra de termo entre os concellos de Trabada, Ribadeo e Barreiros.

Coordenadas Xeográficas:
UTM: X 645810; Y 4815051
Latitude: 43º 28´ 24,2" N ; Lonxitude: 7º 11´ 50,3" W

Fuso: 29 Altitude(GPS): 450 metros.

Medidas:
Altura: 2 metros
Ancho: 1 metro
Grosor: 50 centímetros

Consiste nunha pedra moi tosca e sen ningún pulido,de seixo branco.

--
 Máis sobre o Marco da Pena Verde no blog.
O lugar, no Sigpac, coa división -en cruces e raias- entre Trabada (zona de abaixo, ó sur), Ribadeo (zona arriba á dereita, norleste) e Barreiros (pico que se mete dende arriba da imaxe ata o marco):