Amosando publicacións coa etiqueta poboación. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta poboación. Amosar todas as publicacións

20221017

A poboación de Galicia, un pouco máis aló da noticia


 A poboación de Galicia, un pouco máis aló da noticia

    Xa chegou. O último informe estatístico xa está aquí, e logo del, tamén a proxección para os próximos anos e décadas. E con eles, a noticia: Galicia perde poboación. E despois, o rachar as vestiduras: Que imos facer?

    Coido que o primeiro é ir paso a paso: Galicia, que se prevé polo INE (Proyecciones de Población 2022-2072) que perda 35 000 habitantes nos próximos 15 anos, isto é, cousa do 1,5 % de poboación actual, perdeu unha cantidade maior de habitantes no anterior período de 15 anos: aproximadamente, o dobre do que se prevé para o próximo período quincenal. Por certo, que o máximo da poboación de Galicia, segundo as estatísticas do INE a disposición, acadouse a comezos dos oitenta do pasado século, con máis de cen mil habitantes máis que agora. Dende aquela, Ourense e Lugo veñen diminuíndo poboación ano tras ano case de xeito estacionario, mentres que A Coruña e Pontevedra o fan de xeito irregular dende hai uns quince anos, sendo a tendencia de toda a serie que Pontevedra sexa a de mellor saldo positivo, e Ourense, a de maior saldo negativo.

    Fiando un pouco máis fino, sen a inmigración, a cousa tinguiríase abondo máis de números negativos. E cara ó futuro, o mesmo: a previsión é que a porcentaxe de inmigrantes aumente (nota: sexa cal sexa a política migratoria, que só significaría un axuste!). O mesmo que se prevé aumentará a idade media dos habitantes, inmigrantes incluídos. Iso, a pesar de que no 2020, a raíz da pandemia, produciuse unha rebaixa de case un ano e tres meses na esperanza de vida da poboación, tanto para homes, baixando dos 80 anos, como para mulleres, quedando só un pouco por riba dos 85.

    Naturalmente, isto ten implicacións, dende o despoboamento rural e a atención das terras e territorio, á estrutura social ou á lingua. Non só se pode ver o aumento de núcleos abandonados, senón tamén que a hostalería en moitas zonas é atendida cun acento 'castelán forasteiro'.

    Mais ata o de agora, a mentalidade coa que se ven afrontando o tema demográfico é a mesma que na economía: o medre sen límite, canto máis mellor, sen ter en conta o que significa o medre, os límites do planeta, a distribución de bens, etc, e iso, en ambos temas. As vilas queren ser cidades, e as cidades, ser máis grandes, por riba da calidade de vida que se desfruta nelas, da que se fala como propaganda, mentres que o medrar úsase para o manexo de cartos e poder. E así, cando se fala do envellecemento poboacional, deseguida sae a 'oportunidade de negocio' que representan os maiores, coa punta de lanza das residencias de anciáns ('de maiores') e a necesidade de 'empregados' e de formación de xente para tal fin, sen explorar outras posibles vías (que non se consideran 'negocio'). 

    A esa mentalidade hai que sumarlle o xeito propio de realización das estatísticas, que considera proxeccións lineares sobre os números actuais e pasados, sen tentar aproximar crises en marcha ou cambios de tendencia previsibles por desafíos que se ven no horizonte ou xa nos seus comezos, pero de difícil cuantificación. É dicir, algo embarazoso para poder predicir con certa precisión máis aló duns poucos anos. E algo que se pode observar cando se nota a amplitude posible de variación nas previsións, que para España abrangue dende os 48 ós 57 millóns de persoas para 2072, a cincuenta anos vista, e sabendo aínda así que esas marxes teñen a posibilidade dun amplo erro. E eses números, só tendo en conta a posible variación da fecundidade, que, en calquera caso, non se prevé chegue a taxa de reposición en ningún momento. É dicir, a poboación caería, e moito, sen o recurso á inmigración.

    Carpe diem e 'tate o que tas', desfruta do momento e céntrate nos problemas que podes e tes que solucionar agora, e deixa os cantos de serea de aumento indefinido de poboación en aras dunha loa do imperio nacional nacionalista. A demografía é un problema no sentido de que estamos afeitos a outros perfís demográficos, nos que vemos máis facilidades por ese estar afeitos. E claro, temos que adaptarnos, comezando por cambiar de mentalidade.

20210921

Demografía: Ribadeo

   Hai algún tempo que veño seguindo as variacións da poboación nalgúns lugares, particularmente, Ribadeo. En pouco tempo estarán dispoñibles na rede os datos censais do 2021, pois fanse cada 10 anos. Por outras estatísticas, o total do censo para esta volta ha andar arredor dos 10 000 habitantes ou pouquiño máis, quedando de novo lixeiramente por baixo de Foz, con cifras semellantes estes últimos anos. Como se ve en baixo, en liña cos datos anteriores...

   Recollo os datos do instituto galego de estatística correspondentes ó censo do concello ribadense e deixo varios grupos en táboas e gráficas, que se poden ampliar noutras entradas publicadas.

   O primeiro, presentación da táboa por grupos de idade dos censos de 1991, 2001 e 2011:

Censo de Poboación de Ribadeo segundo sexo e grupos quinquenais de idade


   Pódese aprezar o ascenso continuado dos totais, cun tirón nos anos 2000, que volve a ralentizar - practicamente, a anularse - en datos posteriores, dos anos 2010, non recollidos na táboa. Nos anos 1990 a poboación aumentou un pouco máis do 1 %, nos 2000, un 10 %, e nos 2010 (repito, non recollidos na táboa), prácticamente mantense en plano, sen aumento, aínda que é de esperar que o censo de algo por riba dos 10 000 habitantes en 2021. Ademais, poñendo un pouco de atención, poden notarse outras cousas, como que a poboación vai envellecendo (os grupos máis numerosos cada vez teñen máis idade, e os grupos máis novos son menos numerosos), ou mesmo que se algún grupo aumenta en número ó ir avanzando o tempo e polo tanto a idade dos seus compoñentes, é porque houbo inmigración, tirando cara arriba do total no conxunto deste século: así, o grupo de 35 a 39 anos no 2011 ten 812 persoas, mentres 20 anos antes o grupo correspondente, que entón tiña entre 15 e 19 anos, tiña só 602 persoas. É evidente que ninguén nace con 20 ou 30 anos... Estas cousas quizáis se poden ver mellor de xeito gráfico:

   O gráfico anterior, representando as tres series da táboa, amosa de xeito claro o desprazamento da xente en idade dunha a outra serie. Para explicalo mellor, na gráfica seguinte apuntei varias cousas:
   A: 
   Na década antes da guerra civil marcouse un máximo de nacementos e mellora nas condicións de vida, co que esa 'cohorte de idade' segue sendo abundante, aínda que, ó facerse maior, dexa sentir a cada vez máis forte influencia de mortandade. O máximo de 1220 persoas de entre 55 e 64 anos no 1991 pasa a 1206 de idades entre 65 e 74 anos dez anos despois, e a 989 de entre 75 e 84 anos en 2011. Nótase un retorno de persoas maiores na década dos 90, pois a poboación que no 91 tiña entre 55 e 59 anos vese superada pola que no 2001 tiña entre 65 e 69 anos dez anos despois, a pesar de ser un grupo de idade xa con mortandade relevante.
   B:
   Os grupos entre os 10 e os 34 anos no 1991 son abondo homoxéneos en números, cun total de 3024 persoas. Dez anos despois, os grupos entre 20 e 44 anos suben a un total de 3287 persoas, e dez anos máis tarde, entre 30 e 54 anos temos 3782 persoas. É evidente que nese grupo houbo unha inmigración neta de máis de 700 persoas, sobre todo na primeira década deste século. Sobre todo, na zona dos 30 anos.
   Esa inmigración nótase tamén en idades superiores, colmando o descenso de natalidade na guerra civil e posterior que se notaba como un val na gráfica correspondente ó censo de 1991 para os grupos entre 35 e 54 anos daquela. É curioso que nos censos non semella ter habido en Ribadeo un 'baby boom' como noutros lugares (ver o caso de Vilalba); se o houbo, no 1991 xa quedara enmascarado por outros feitos.
   C:
   O mínimo de nacementos rexistrado a finais dos 80 trasládase no tempo marcando un mínimo, que se ve só lixeiramente superado en anos posteriores, a pesar de que a cantidade de xente en idades típicas de reprodución aumentou abondo nesas datas. Parece evidente que o novo censo de 2021 presente outra caída do número de nacementos por caída non das porcentaxes de nacementos por muller en idade fértil, senón pola do número de mulleres nesas idades.
   D:
   O número de xente de máis de 75 anos aumentou de censo en censo en todos os grupos quinquenais, traducindo de xeito visible o aumento da idade media da poboación.
   Conllendo o conxunto, se extrapolamos os aproximadamente 80 nacementos anuais dos anos 2006-2010, para obter un número de nacementos igual á poboación de Ribadeo, 10000 persoas en números redondos, necesitaríamos 125 anos. É dicir, de non cambiar a tendencia a poboación de Ribadeo diminuiría rapidamente a non ser un importante aporte da inmigración.
   Por último, collamos os mesmos datos representados doutro xeito, de forma acumulativa:
 
   Vemos nesta gráfica que a curva cada vez é máis inclinada nos sucesivos censos, e non só porque aumente a poboación total, senón sobre todo porque a poboación tende a concentrarse en idades máis avanzadas, tendo a curva cada vez menos inclinacón e sendo máis baixa en idades temperás.
   De calquera xeito, o perfil aínda é abondo diferente doutros lugares que teñen o que se chama problema demográfico máis acusado, como o caso de Vilalba, co que se pode comparar.

20210920

Demografía: Vilalba

   Hai algún tempo que veño seguindo as variacións da poboación nalgúns lugares, entre eles, Vilalba. En pouco tempo estarán dispoñibles na rede os datos censais do 2021, pois fanse cada 10 anos. Por outras estatísticas, o total do censo para esta volta ha andar arredor dos 14 000 habitantes ou pouco máis. Como se ve en baixo, en liña cos datos anteriores...

   Recollo os datos do instituto galego de estatística correspondentes ó censo do concello Vilalbés e deixo varios grupos en táboas e gráficas:

   O primeiro, presentación da táboa por grupos de idade dos censos de 1991, 2001 e 2011:

Censo de Poboación segundo sexo e grupos quinquenais de idade

   Pódese aprezar o descenso continuado dos totais, case un -7 % en 20 anos, porcentaxe que prevexo que se incrementara entre o 2011 e 2021. Ademais, poñendo un pouco de atención, poden notarse outras cousas, como que a poboación vai envellecendo (os grupos máis numerosos cada vez teñen máis idade, e os grupos máis novos son abondo menos numerosos), ou mesmo que se algún grupo aumenta en número ó ir avanzando o tempo e polo tanto a idade dos seus compoñentes, é porque houbo inmigración: así, o grupo de 0 a 4 anos ten 392 persoas no 2001, e polo tanto o grupo de 10 a 14 anos de 10 anos máis tarde, 2011, debera ter como moito esas 392 persoas, mais ten 441. Estas cousas quizáis se poden ver mellor de xeito gráfico:

 

   O gráfico anterior, representando as tres series da táboa, amosa de xeito claro o desprazamento da xente en idade dunha a outra serie. Para explicalo mellor, na gráfica seguinte apuntei varias cousas:

   A: A xente do que podemos chamar 'baby boom' español, que no 1991 tiña entre 25 e 29 anos, pasa no 2001 a ter entre 35 e 39, e no 2010 a ter entre 45 e 49. Vemos que case non hai variación nos números (1180, 1163, 1185, como pode observarse na táboa). Evidentemente, hai xente que morrería no medio, ou que emigraría. Os números compénsanse mediante a inmigración.
   B: Parello ó anterior está o grupo que en 1991 tiña entre 55 e 59 anos, os nados xusto antes da guerra civil. Neste caso, no 2001 terían entre 65 e 69 e no 2011 entre 75 e 79, idades nas que comeza a haber máis mortandade por cuestións de idade, e nas que os movementos de poboación tanto para emigrar (e, naturalmente, como para inmigrar) son menores, o que fai que o pico cada vez sexa máis baixo: 1260, 1197 e 1037 respectivamente.
   No medio entre ambos máximos, entre o grupo A e B, a caída da natalidade no entorno da guerra civil e anos posteriores cheos de carencias de todo tipo.
   C: A finais dos anos '70 do século pasado houbo un breve e lixeiro repunte da natalidade, non pola suba de porcentaxes de nacementos en relación ás mulleres fértiles, senón pola chegada á idade normal de reprodución dos grupos máis numerosos. Algo que só evitou a caída en picado por uns poucos anos, ata estabilizarse nuns 150 nacementos ó ano.
   Pero eses 150 nacementos significan que para repoñer o total da poboación do concello necesitaríanse 100 anos. Como a esperanza de vida é abondo inferior, está claro que ou hai unha forte inmigración ou a poboación continuará diminuíndo no conxunto do concello. Cousas como o polígono e o trasvase de xente dende a aldea ó pobo manteñen o núcleo urbán polo momento sen decaer. Por canto tempo? Se en tempos se dicía que Vilalba tiña dinamismo porque vivía das parroquias do seu entorno, agora, ó decaer as parroquias, de non cambiar as relacións, é previsible que tamén Vilalba-pobo remate por decaer.
   Unha última gráfica, que representa os mesmos datos de xeito diferente, amosa como a curva vai desprazánsose cara á dereita, quedano o total, o punto máis alto da curva, cada vez máis diminuído.

Para comparar: Demografía: Ribadeo

20201103

Estatísticas


   Remato de ver a estatística. Un pouco antes das oito da mañá somos no mundo 7 822 868 455 persoas. Volvo mirar. Xa non, o contador xa vai en 7 822 868 570 persoas. Cando vexas isto, seguro que os números son moi diferentes, mesmo incluída a unidade de millón. Os datos son, naturalmente, aproximados (obtidos de https://www.worldometers.info/). Impactan pola velocidade de cambio. Este ano achegarémonos ós 140 000 000 nacementos e 60 000 000 mortos. Entre outras cousas, iso indica que tanto duns como doutros, cada segundo se producen varios a nivel mundial. Ou que este ano de pandemia, a poboación mundial aumentará uns oitenta millóns de persoas. Cousas da demografía, si, pero con consecuencias de vida.

   Noutro momento podemos comentar outras cousas, que da para moito, mais quedome con isto: a nivel mundial, está claro que por moita primacía que a pandemia teña nas novas e nas cabezas neste momento, hai que considerala un tema de segundo orde. Non é capaz, nin moito menos, de dobregar o medre en número da humanidade. E mentres, máis do 10% das persoas están desnutridas e a estas horas da mañá xa ten morto de fame más xente que a que hai en Ribadeo. Cousa dun quinto do total de mortes a nivel global. Abondo máis que as mortes por coronavirus. E segue aumentando a terra desertificada: no que vai de ano, unha superficie maior que tres veces Galicia, co que iso implica de máis fame para a xente do lugar e máis vulnerable. Mentres, os milleiros de toneladas de dióxido de carbono verquidas a atmosfera aumenta máis rápido que os segundos que pasan (atención, un milleiro de toneladas equivale a un millón de kg!). E con eles, o medrar da temperatura, a desaparición do entorno polar, o aumento da seca ou do nivel do mar...

   Non esquezamos tampouco que se hai moita xente desnutrida no mundo, a cifra de xente con sobrepeso é máis ou menos o dobre: só o número de obesos, o estadio superior en canto ó peso, iguala ó de xente desnutrida. Iso da unha idea da desigualdade. Desigualdade que se manifesta en casos concretos, en persoas, e nas súas posibilidades de afrontar unha enfermidade (covid ou outra, non importa) ou os efectos do cambio climático, sobrelevar a calor ou a seca...

   Si, certo, temos que loitar contra o coronavirus, convertido en pandemia por acción e deixación humana. E temos que loitar xuntos e cada un. É un problema de todos e de vida ou morte. Mais é sabido que a loita polo momento é paliativa e preventiva. Nos mesmos termos que a loita contra o cambio climático, ou a desigualdade, pero a nivel moito mis pequeno aínda que queden eclipsadas na portada e mesmo cun trato desigual a desigualdade. Coido que quédanos como materia pendente o aprender a loitar xuntos e aprender a vivir. Tamén, a vivir xuntos, non só cadaquén a súa vida.

--

Nota: unha versión lixeiramente diferente está a saír en Crónica3, Galicia Dixital ou Praza.

20170428

A conto da poboación de Ribadeo

Días pasados, a raíz da publicación de novos datos estatísticos polas entidades que se encargan desas cousas, a prensa ten publicado sobre a media de idade de diversos concellos da provincia, e, de xeito independiente, de España. Resulta que a media de idade española está a subir, e dentro da provincia, despois de Burela e Lugo cidade, o terceiro concello coa media de idade máis baixa é Ribadeo. Aínda así, a media ribadense non chega a ser máis baixa que a media estatal.
Sabendo o anterior, púxenme a mirar algún dato, e coido que é curiosa a evolución da poboación ribadense ó longo destes últimos vinte anos, collendo como referencia a idade da poboación. O gráfico:
No gráfico amósase a poboación acumulada ó ir aumentado a idade. A poboación total foi aumentando de xeito perceptible dende 1998 que comeza a estatística a esta década, na que máis ou menos se estabiliza. Aínda así, vemos que a liña de poboación que indica o número de persoas por baixo dos 29 anos (azul craro que se mantén entre 2000 e 4000) prácticamentre non deixa de baixar.
Se pasamos a porcentaxes,aparécenos:
Onde se pode ver que tódalase series entre 25 e 50 anos teñen ano tras ano maior porcentaxe de xente por riba, de máis idade, ó igual que por riba dos 80 anos.
Dicía o xornal estes días que, de novo, os políticos propoñen solucións. Coido que a solución pasa por ter un futuro para a xente e non por dicir algo así como 'provreade, malditos!', que é máis ben o que se está a facer. E ti, que opinas?
Deixo a continuación a táboa cos datos para que cada quen avalíe (ou sinxelamente, mire en que grupo está metido en cada ano...):

20170306

Abandoando Ribadeo

Onte, de novo, un xornal facía un pequeno estudo parcial sobre o envellecemento de Galicia. Neste caso, sobre a idade á que as mulleres en Galicia afrontan a maternidade. Saía algunha curiosidade, como que na zona da montaña lucense hai relativamente máis nais novas que por exemplo na zona de Ribadeo, pero non explicacións, causas, unha visión global, discusións sobre que grao de envellecemento sería convinte (iso da 'superpoboación' mundial), os coidados da vellez e da nenez, ou un conxunto comprensivo que permita facer algo máis que poñer parches a unha situación que se intúe como implosiva. Tampouco trataba o tema da emigración como parte do problema.
E ese desenvolvemento de novas sobre a despoboación é común. É un tema moi complexo que parece se queira tratar a golpe de titular, quizáis a continuación dunha pelexa sobre xeriátricos, ou sobre a dificultade de atopar xente preparada en robótica. Valen moitas novas previas para que o envellecemento, a baixa taxa de reprodución ou outro tema semellante -illado, iso si- saia a colación.
Non voi insistir máis por hoxe. Só tentar de coller os sentementos dunha parte de xente que non contribúe ó 'repoboamento de Galicia' porque se ten que marchar. Que sinte ó ver alonxarse o seu pobo por unha boa tempada?

20170117

A non pirámide de poboación

Despois de diversas embestidas das novas sobre a demografía en Galicia, ven unha e outra vez a nova do anuncio de medidas para evitar a debacle poboacional en Galicia. Así, de xeito illado, como se non existiran cousas como a emigración, condicións económicas e de traballo ou mentalidade. Como se abondara con dicir algo como 'neniños, procreade'. Por suposto (queda moi lonxe das ideas dos nosos gobernantes) sin considerar tampouco a presión sobre recursos, o seu uso adecuado ou a súa distribución. En Galicia hai tempo que a pirámide de poboación deixou de ter forma de pirámide. Mesmo en España. O gráfico que deixo é a pirámide de poboación feita polo INE cos datos do censo de 2011, expresando en porcentaxes a contía dos grupos de idade, para españois e extranxeiros residentes, onde se ve que a abulia procreativa foi avisada hai uns 50 anos, e evidente hai uns 40 a nivel España. E, de paso, vese tamén como os extranxeiros residentes en España están de xeito moi maioritario na zona 25-45 anos, contribuíndo ó tecido produtivo e ben pouco ó uso de asistencia social.
Noutra entrada falremos máis da relación da pirámide poboacional en Ribadeo, Lugo, Galicia e España ó longo do tempo...

20170112

Suicidio made in Galicia

Que levamos varias décadas cun número de nacementos inferior ó necesario para o mantemento da poboación? Iso non chega! Imos facelo máis difícil: batamos a marca!
Ese parece o lema da sociedade galega. Claro que hai complementalo: tamén máis emigración. Canta xente nova que esteña no seu lugar de orixe cun trinta anos coñeces? E que estea en Galicia? Agora compara o número coa cantidade de xente desa idade que marchou fóra.
Chega con saber así polo alto que xa na actualidade a poboación galega en que está chegando á idade de repodución é pouco máis da metade da que chegaba hai trinta anos. Ou que, nese mesmo tempo, a idade media da xente que vive en Galicia aumentou máis de dez anos, sen que aumentara máis aló de un par de anos a esperanza de vida.
Parece sinxelamente que a sociedade está suicidándose. Non sería o primeiro caso de sociedade que se suicida...
O descenso da natalidade é un problema polo remprazo, aínda que ó planeta necesite unha diminución da presión sobre os recursos: sabido é que os recursos renovables que se gastan no planeta en pouco máis de medio ano equivalen ós que rexenera o planeta no ao enteiro. Pero en Galicia desenganchamos con esa realidade. O razonamento sobre o remprazo xeracional nmon ten que ver con ela.
Quizáis ten máis que ver con  cousas como as perspectivas de futuro, a economía, o emprego ou a mentalidade de desfrute.
O caso é que temos un problema, que se pode resumir de xeito gráfico coas previsión do Instituto Galego de Estatística (mesmo con curiosidades!):

Onde se ve o descenso de poboación previsto para os próxims anos en Galicia. Mais peor é aínda na Mariña, lonxe das grandes cidades:
E se evidencia máis por franxas de idade, decrecendo o número de pequenos, pero máis o número de poboación adulta, mentras medra lixeiramente o número de vellos.:
As táboas correspondientes, nas que deixo as porcentaxes en relación a este ano 2017, e onde se ve claramente que a diminución de poboación mariñán é máis acusada que a nivel Galicia:

Por franxas etarias para a Mariña, primeiro en número e logo en porcentaxes:

E unha curiosidade, tentando desdramatizar o final: o número de mulleres en tódalas previsións é maior que o número d ehomes, se benna Mariña o número de mulleres por cada home é máis próximo á unidade que no conxunto de Galicia, aínda que nos dous casos tenda a medrar o cociente ó longo do tempo, a medida que a poboación se vaifacendo máis vella.

20160322

Emigrando

Nas épocas de viaxes tamén se move a emigración, en particular a máis 'moderna', a Europa (e non me estou a referir á 'crise humanitaria' que leva ese nome como eufemismo doutros ben peores, senón da 'nosa' emigración). Supoño que non sería ese o motivo polo que o INE sacou o último informe sobre emigración. Cheguei a el case de casualidade, pero unha vez que lle din unha ollada, non me gustou. En parte, pola falta de aproveitabilidade (dun informe en pdf os datos hai que sacalos 'a martelo', destrozándoos antes de volver a estruturalos para aproveitalos), en parte pola falta de transparencia (as clases nas que se apoia non permiten facerse unha idea clara da 'textura' do fenómeno mais que nuns poucos campos), incluíndo a falta de desagregación de datos (que non permite, por exemplo, considerar a Galicia como un conxunto e estudar o fenómeno por separado na nosa terra). Ou sexa, algo xa normal de falta de apertura de datos na administración española, do que non é a primeira vez que falo.
Así pois, centrareime nunha táboa tentando obter dela o maior zume posible. A táboa da que falei, tal cual, unha vez pasada a unha folla de cálculo:
Nunha primeira ollada, pódese ver que aumentou o número de emigrantes a tódolos países, exceptuando, por pouco (-1,35%) Venezuela. Para facernos unha idea disto último ('por pouco'), dicir que terían que pasar uns 74 anos ó mesmo ritmo absoluto para despoboar Venezuela de emigrantes españois.
Primeira transformación: ordeamento por volume de emigrantes:
Ó ordear, pódese ver que a saída neta de xente de España o pasado ano foi de 110 194 persoas, unhas 300 diarias, aumentando un 5,34% os nacionais no extranxeiro. Ó comparar cifras, obsérvase que tódolos países que sobrepasan de longo esa porcentaxe son latinoamericanos (a excepción dos EEUU e do Reino Unido), dando unha idea de que, se a crise afecta ós nados en España, botando fóra á xente nova, máis afecta ós españois nados no extranxeiro (que adquiriron a súa nacionalidade en moitos casos por descendencia) e que son en realidade emigrantes a España que retornan ós seus países de orixe.

Tamén chama a atención que os tres países que máis aumentan na emigración son Arxentina, os estados Unidos e o Reino Unido, por esa orde:
Quizais sexan máis visuais, coma sempre, os gráficos, coma estes outros gráficos:
Os dous gráficos anteriores representan o mesmo: a cantidade de españois no extranxeiro en xaneiro de 2015 e de 2016, pero teñen diferente base, a do primeiro en 0, e a do segundo, en 2 000 000. A manipulación a que poden dar lugar para comentarios, a 'perspectiva', queda así clara, dentro do drama da emigración, ó ollar para un ou outro.
Volvendo ó aumento por países, quedan a continuación dous gráficos tamén cos mesmos datos pero en diferentes versións:
Sobre estas liñas, o gráfico tradicional, cos datos por países en 2015 e 2016, e baixo delas, o gráfico en función logarítmica. A diferencia? As barras de arriba son proporcionais ás cantidades, tanto de emigrantes en cada ano como de variación de emigrantes. Nas de abaixo,pódese dicir que a variación entre o ano 2015 e 2016 ten unha lonxitude proporcional á porcentaxe de aumento. Tamén nestes casos, a percepción pode ser ben diferente.
Ben, podemos xogar con cantidades e gráficas, mais iso non suprime o feito de que a saída neta declarada de emigrantes superara o ano pasado (2015) os 100 000. Igual que o ano anterior. E que o anterior. E que o anterior... con calquera gráfica que xogemos, a menos que esteñamos a mentir ou a ocultar.

20151229

Ribadeo con nomes e apelidos

Hai uns días atopeime na páxina sobre nomes do Instituto Galego de Estatística, e de alí pasei a unha sección sobre os nomes e apelidos da poboación. Curiosidade, divertimento e tamén aprendizaxe: iso supuxo. Deixo aquí un resume relacionado cos nomes e apelidos de Ribadeo.
Ribadeo en Galicia
Nomes de homes e mulleres en Ribadeo (os 25 máis numerosos, número e tanto por mil):
Pode verse, na táboa e nas gráficas a continuación, que hai aparentemente máis variedade nos nomes de homes, pero non é tal se nos fixamos en que boa parte dos nomes de mulleres teñen o 'María' diante... [Lembrar que as figuras poden ampliarse premendo sobre elas co rato...]
As seguintes táboas son por comarcas: a Comarca da Mariña Oriental. Como foi cambiando o nome a medida que pasaba o tempo? É curioso como cambian de década en década (a década de 2010 remata cos datos de 2013, os últimos que conseguín, e nomes con máis de 5 nados, polo que só ten uns poucos nomes)
Nótase que a partir da década dos 60 comeza a variación de nomes, quizais pola influencia televisiva...
Nas mulleres nótase unha variación maior e que comeza antes no tempo. Pero, sobre todo, o abandono do predominio absoluto mariano despois dos 80.
Os apelidos levan consigo outras características. A táboa da unha primeira información:
Está tabulada a porcentaxe deprimeiros apelidos correspondentes a un dado, o mesmo para os segundos e o correspondente a un ou a outro (por eso non é a suma, senón algo menos: Sánchez Sánchez contará como 1º, como 2º, e só unha vez para ambos)
O fondo tamén está sobre 200, o mesmo que no caso dos nomes, para que resulte máis doado a comparación de cantidades.
O IGE tamén ofrece a oportunidade de comaprar xeográficamente as porcentaxes correspondentes aos apelidos nos diferentes lugares de galicia. Aí van os gráficos correspondentes aos catro primeiros postos, onde se intúe claramente unha correspondencia-relación da zona coa montaña de Lugo e Ourense.
Anterior sobre o tema.

20151103

Catro gráficas e unha comparación: a demografía china e a galega

Foi nova esta semana: O xigante chino cambia a súa política de 'fillo único'. Dende occidente, a medida sempre foi vista como aberrante, a pesares das numerosas excepcións que tiña: impoñer á poboación que cada parella tivera un só fillo foi todo un shock intervencionista do estado na esfera de nivel individual/de parella. Poderiamos facer comparacións a nivel de supervivencia e necesidades vitais da poboación, para tentar comprender a orixe da medida, pero non vou facelo, senón só analizar algunha consecuencia de xeito visual.
Para iso, collín datos demográficos de China e Galicia en diversas páxinas da wikipedia, baseados en estatísticas oficiais, e fixen catro representacións gráficas. As dúas primeiras, referidas respectivamente á evolución demográfica china e galega, teñen unha escala temporal semellante, aínda que, debido á evidente diferenza de poboación a escala de cantidades de poboación está en relación case 500:1.
O interesante é que na China, en menos de 40 anos a partir de 1953 no que comezan os datos que recompilei, a poboación duplicouse, e iso que foi xa en 1979 cando se implantou a lei do fillo único. Ademais, nótase que a implantación da lei necesitou dun tempo, pois foi só a mediados da década de 1990 cando o medrar se ralentizou a 'só' uns 30 millóns ó ano, a pesares do aumento da poboación en idade fértil. E aínda segue a medrar a ese ritmo, aínda que estivera previsto, antes do anuncio desta semana, que a poboación podería comezar a diminuír a partires de 2030.
A gráfica semellante para Galicia arroxa outra realidade ben diferente: a poboación mantense ou cae lixeiramente, mesmo co retorno da emigración da última parte do século pasado e a inmigración da primeira década dos 2000. Aquí non temos unha política de un só fillo de xeito oficial, pero practicámola de xeito individual e severo dende hai tempo. De novo, non entro nos condicionantes socioeconómicos ou de mentalidade que poderían sustentar esa decisión, pero é de recalcar que a poboación galega era xa, de antes, abondo máis envellecida que a china.
Por iso, a gráfica de embaixo é explicativa: o perfil democráfico chino, aínda hoxe, momento no que se derogou a lei do fillo único presumiblemente debido á previsión de crecemento negativo e asimetría inducida de nacementos entre sexos, é abondo diferente. Para facernos unha idea, a poboación 0-4 en Galicia son 110 000 persoas, dun total de case 2 800 000, o que representaría, a ese nivel de nacementos, máis de 100 anos para renovar a poboación total de Galicia (como a fecundidade das mulleres non chega ós 50 anos, iso significa unha perda de máis da metade da poboación nese período de 50 anos). Mentras, en China, os números son 75,5 millóns dun total de 1328 millóns, é dicir, necesitarían 70 anos nada máis, o que significaría nos 50 anos ditos antes, unha perda de só 1/4 da poboación...
Máis aló da visión dunha poboación para manter o nivel de poder relativo respecto a outras poboacións en número, ou para manter un desenvolvemento imposible por causas de recursos naturais, ou para asegurar un 'servizo económico' interxeracional, coido que deberamos prestar atención ás medidas de conciliación socio-laboral quitándolle a primacía decisoria a unha economía entendida en función do medre de ganancias, e no tecido dunha rede social comunitaria, que non asistencial, como un aparte.
De calquera xeito, deixo os comentarios anteriores sen continuidade nin precisión posterior: o que pretendía era amosar os números para resaltar que na China, con razón ou sen ela nas decisións, tómanse estas cousas concedéndolles unha importancia que aquí non se lles da.
*Dicía hai algún tempo:"Moita taxa de repoboación non é boa para o planeta, aínda que poda selo para unha comunidade concreta considerada illada. Demasiado pouca, tampouco, como pode verse de xeito doado. No medio estaría a virtude, pero polo momento, non é o caso de Galicia."
Bonus: quizáis a alguén lle oriente esta ligazón do blog guerra eterna sobre o cambio normativo chino, ou esta gráfica de hai xa un par de anos sobre a pirámide poboacional en España, ou poda usala como comparación das que presento enriba (ver que parécese, que é ben diferente da galega e a previsión do que representaría o paso de 10 anos)

Máis sobre demografía en http://ribadeando.blogspot.com.es/search/label/poboación

20150114

Do paro e outras estatísticas

Nos primeiros días do mes coñécense as estatísticas do paro. En Galicia é cousa deste śeculo. E no blogue levo varios apuntes, o último, hai un mes e algo sobre as estatísticas do paro. Cos novos datos, a cousa queda como se ve a continuación, e considero que o que dixen sobre a evolución do paro en Ribadeo daquela, hai un mes, serve perfectamente agora. Quizais coa nota de que en decembro Ribadeo comportouse ben en relación ó paro: Viveiro aumenta 19 parados, Foz 4, Barreiros 25, mentras Ribadeo diminúe 12, A Pontenova 2, Cervo 14 e Burela 11.


As dúas últimas son moi semellantes, pero na de porcentaxe vese que son máis importantes os aumentos, debido a que parten dunha base menor, dando unha idea lixeiramente diferente da evolución do paro.
Co tempo gustaríame estudar un pouco a relación entre paro e variación da poboación. Polo momento, nas gráficas seguintes, pódese observar como a poboación de Ribadeo aumentou máis precisamente entre o final da xestación e o comezo da actual crise. (unha nota a ter en conta: só despois do 1996 os datos dos que dispoño -collidos do INE- son anuais, o que pode levar a algún engano)
 Pero é quizais máis chamativo que a porcentaxe de mulleres en Ribadeo diminuíra co comezo da crise... cunha variación de case 0,8% entre 2005 e 2010, isto é unhas 80 mulleres.