20210921

Demografía: Ribadeo

   Hai algún tempo que veño seguindo as variacións da poboación nalgúns lugares, particularmente, Ribadeo. En pouco tempo estarán dispoñibles na rede os datos censais do 2021, pois fanse cada 10 anos. Por outras estatísticas, o total do censo para esta volta ha andar arredor dos 10 000 habitantes ou pouquiño máis, quedando de novo lixeiramente por baixo de Foz, con cifras semellantes estes últimos anos. Como se ve en baixo, en liña cos datos anteriores...

   Recollo os datos do instituto galego de estatística correspondentes ó censo do concello ribadense e deixo varios grupos en táboas e gráficas, que se poden ampliar noutras entradas publicadas.

   O primeiro, presentación da táboa por grupos de idade dos censos de 1991, 2001 e 2011:

Censo de Poboación de Ribadeo segundo sexo e grupos quinquenais de idade


   Pódese aprezar o ascenso continuado dos totais, cun tirón nos anos 2000, que volve a ralentizar - practicamente, a anularse - en datos posteriores, dos anos 2010, non recollidos na táboa. Nos anos 1990 a poboación aumentou un pouco máis do 1 %, nos 2000, un 10 %, e nos 2010 (repito, non recollidos na táboa), prácticamente mantense en plano, sen aumento, aínda que é de esperar que o censo de algo por riba dos 10 000 habitantes en 2021. Ademais, poñendo un pouco de atención, poden notarse outras cousas, como que a poboación vai envellecendo (os grupos máis numerosos cada vez teñen máis idade, e os grupos máis novos son menos numerosos), ou mesmo que se algún grupo aumenta en número ó ir avanzando o tempo e polo tanto a idade dos seus compoñentes, é porque houbo inmigración, tirando cara arriba do total no conxunto deste século: así, o grupo de 35 a 39 anos no 2011 ten 812 persoas, mentres 20 anos antes o grupo correspondente, que entón tiña entre 15 e 19 anos, tiña só 602 persoas. É evidente que ninguén nace con 20 ou 30 anos... Estas cousas quizáis se poden ver mellor de xeito gráfico:

   O gráfico anterior, representando as tres series da táboa, amosa de xeito claro o desprazamento da xente en idade dunha a outra serie. Para explicalo mellor, na gráfica seguinte apuntei varias cousas:
   A: 
   Na década antes da guerra civil marcouse un máximo de nacementos e mellora nas condicións de vida, co que esa 'cohorte de idade' segue sendo abundante, aínda que, ó facerse maior, dexa sentir a cada vez máis forte influencia de mortandade. O máximo de 1220 persoas de entre 55 e 64 anos no 1991 pasa a 1206 de idades entre 65 e 74 anos dez anos despois, e a 989 de entre 75 e 84 anos en 2011. Nótase un retorno de persoas maiores na década dos 90, pois a poboación que no 91 tiña entre 55 e 59 anos vese superada pola que no 2001 tiña entre 65 e 69 anos dez anos despois, a pesar de ser un grupo de idade xa con mortandade relevante.
   B:
   Os grupos entre os 10 e os 34 anos no 1991 son abondo homoxéneos en números, cun total de 3024 persoas. Dez anos despois, os grupos entre 20 e 44 anos suben a un total de 3287 persoas, e dez anos máis tarde, entre 30 e 54 anos temos 3782 persoas. É evidente que nese grupo houbo unha inmigración neta de máis de 700 persoas, sobre todo na primeira década deste século. Sobre todo, na zona dos 30 anos.
   Esa inmigración nótase tamén en idades superiores, colmando o descenso de natalidade na guerra civil e posterior que se notaba como un val na gráfica correspondente ó censo de 1991 para os grupos entre 35 e 54 anos daquela. É curioso que nos censos non semella ter habido en Ribadeo un 'baby boom' como noutros lugares (ver o caso de Vilalba); se o houbo, no 1991 xa quedara enmascarado por outros feitos.
   C:
   O mínimo de nacementos rexistrado a finais dos 80 trasládase no tempo marcando un mínimo, que se ve só lixeiramente superado en anos posteriores, a pesar de que a cantidade de xente en idades típicas de reprodución aumentou abondo nesas datas. Parece evidente que o novo censo de 2021 presente outra caída do número de nacementos por caída non das porcentaxes de nacementos por muller en idade fértil, senón pola do número de mulleres nesas idades.
   D:
   O número de xente de máis de 75 anos aumentou de censo en censo en todos os grupos quinquenais, traducindo de xeito visible o aumento da idade media da poboación.
   Conllendo o conxunto, se extrapolamos os aproximadamente 80 nacementos anuais dos anos 2006-2010, para obter un número de nacementos igual á poboación de Ribadeo, 10000 persoas en números redondos, necesitaríamos 125 anos. É dicir, de non cambiar a tendencia a poboación de Ribadeo diminuiría rapidamente a non ser un importante aporte da inmigración.
   Por último, collamos os mesmos datos representados doutro xeito, de forma acumulativa:
 
   Vemos nesta gráfica que a curva cada vez é máis inclinada nos sucesivos censos, e non só porque aumente a poboación total, senón sobre todo porque a poboación tende a concentrarse en idades máis avanzadas, tendo a curva cada vez menos inclinacón e sendo máis baixa en idades temperás.
   De calquera xeito, o perfil aínda é abondo diferente doutros lugares que teñen o que se chama problema demográfico máis acusado, como o caso de Vilalba, co que se pode comparar.

Ningún comentario: