20210920

Demografía: Vilalba

   Hai algún tempo que veño seguindo as variacións da poboación nalgúns lugares, entre eles, Vilalba. En pouco tempo estarán dispoñibles na rede os datos censais do 2021, pois fanse cada 10 anos. Por outras estatísticas, o total do censo para esta volta ha andar arredor dos 14 000 habitantes ou pouco máis. Como se ve en baixo, en liña cos datos anteriores...

   Recollo os datos do instituto galego de estatística correspondentes ó censo do concello Vilalbés e deixo varios grupos en táboas e gráficas:

   O primeiro, presentación da táboa por grupos de idade dos censos de 1991, 2001 e 2011:

Censo de Poboación segundo sexo e grupos quinquenais de idade

   Pódese aprezar o descenso continuado dos totais, case un -7 % en 20 anos, porcentaxe que prevexo que se incrementara entre o 2011 e 2021. Ademais, poñendo un pouco de atención, poden notarse outras cousas, como que a poboación vai envellecendo (os grupos máis numerosos cada vez teñen máis idade, e os grupos máis novos son abondo menos numerosos), ou mesmo que se algún grupo aumenta en número ó ir avanzando o tempo e polo tanto a idade dos seus compoñentes, é porque houbo inmigración: así, o grupo de 0 a 4 anos ten 392 persoas no 2001, e polo tanto o grupo de 10 a 14 anos de 10 anos máis tarde, 2011, debera ter como moito esas 392 persoas, mais ten 441. Estas cousas quizáis se poden ver mellor de xeito gráfico:

 

   O gráfico anterior, representando as tres series da táboa, amosa de xeito claro o desprazamento da xente en idade dunha a outra serie. Para explicalo mellor, na gráfica seguinte apuntei varias cousas:

   A: A xente do que podemos chamar 'baby boom' español, que no 1991 tiña entre 25 e 29 anos, pasa no 2001 a ter entre 35 e 39, e no 2010 a ter entre 45 e 49. Vemos que case non hai variación nos números (1180, 1163, 1185, como pode observarse na táboa). Evidentemente, hai xente que morrería no medio, ou que emigraría. Os números compénsanse mediante a inmigración.
   B: Parello ó anterior está o grupo que en 1991 tiña entre 55 e 59 anos, os nados xusto antes da guerra civil. Neste caso, no 2001 terían entre 65 e 69 e no 2011 entre 75 e 79, idades nas que comeza a haber máis mortandade por cuestións de idade, e nas que os movementos de poboación tanto para emigrar (e, naturalmente, como para inmigrar) son menores, o que fai que o pico cada vez sexa máis baixo: 1260, 1197 e 1037 respectivamente.
   No medio entre ambos máximos, entre o grupo A e B, a caída da natalidade no entorno da guerra civil e anos posteriores cheos de carencias de todo tipo.
   C: A finais dos anos '70 do século pasado houbo un breve e lixeiro repunte da natalidade, non pola suba de porcentaxes de nacementos en relación ás mulleres fértiles, senón pola chegada á idade normal de reprodución dos grupos máis numerosos. Algo que só evitou a caída en picado por uns poucos anos, ata estabilizarse nuns 150 nacementos ó ano.
   Pero eses 150 nacementos significan que para repoñer o total da poboación do concello necesitaríanse 100 anos. Como a esperanza de vida é abondo inferior, está claro que ou hai unha forte inmigración ou a poboación continuará diminuíndo no conxunto do concello. Cousas como o polígono e o trasvase de xente dende a aldea ó pobo manteñen o núcleo urbán polo momento sen decaer. Por canto tempo? Se en tempos se dicía que Vilalba tiña dinamismo porque vivía das parroquias do seu entorno, agora, ó decaer as parroquias, de non cambiar as relacións, é previsible que tamén Vilalba-pobo remate por decaer.
   Unha última gráfica, que representa os mesmos datos de xeito diferente, amosa como a curva vai desprazánsose cara á dereita, quedano o total, o punto máis alto da curva, cada vez máis diminuído.

Para comparar: Demografía: Ribadeo

Ningún comentario: