Amosando publicacións coa etiqueta blog. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta blog. Amosar todas as publicacións

20250525

En pleno cambio (un aviso)


 En pleno cambio (un aviso)

     Dende o cambio de ano o blog leva tendo lixeiros axustes. O último, para integra máis o blog no fediverso escapando da dependencia de Google/Alphabet, que notaría quen entre a través de ribadeando.com (ou ribadeando.blogspot.com, ó que vai referido), comezou hai cousa dunha semana, e consiste en pasar a publicar as novas entradas por defecto en ribadeando.gal (ou blogs.amarinha.gal/ribadeando, ó que vai redirixido), co que quen entre no 'vello' blog posiblemente notará unha falta de publicacións recentes. Publicacións ás que pode acceder por exemplo premendo en 'Algunha recomendación', na columna da beira dereita.

    Seguirá habendo cambios, fixo. Tentando mellorar. Aínda que algunha vez (espero que cando asexa así, que sexa de xeito temporal) empeorando...

20250222

Soberanía dixital II: Mundo Wikimedia, unha comunidade de todos para todos. Foi e é

 Soberanía dixital II: Mundo Wikimedia, unha comunidade de todos para todos. Foi e é

    Onte, venres 21 de febreiro, tivo lugar a segunda sesión da serie ‘Soberanía dixital’ mantida por amarinha.gal. “Soberanía dixital II: Mundo Wikimedia, unha comunidade de todos para todos” tivo lugar na Biblioteca Pública Municipal Viejo Pancho, cunha asistencia de público que podería ser maior. Deixo en baixo o vídeo en dúas plataformas, FTV e Youtube, por estar aínda a cabalo entre varias cousas no blog (esta entrada terá espello noutra noutro lugar e case seguro sufrirá varias melloras ó longo do tempo), a presentación que foi a base do encontro, así como o cartel e o fanzine (editado nun só A3 pare dar como resultado páxinas en A5). O material da fundación Wikimedia repartido (bolis con soporte para móbiles, anticaptura de imaxes, pegatinas, soporte de móbiles…) non é repartible dixitalmente, síntoo!

    Espero que vos preste, mentres agardamos pola sesión terceira, o próximo mes, sobre linux. Título, día e lugar concretos, máis adiante!

    Presentación:

     Directamente en Commons

     ou en slideshare:

    Vídeo en Ftv, Fediverse TV:

    En Youtube: https://youtu.be/orlzZ-HTX-o

    O cartel.


     O fanzine:

20250126

Primeira proba cun vídeo en FediverseTv (FTV)

    Esta entrada só é un paso máis cara ó uso, pola miña parte, do fediverso. Trátase dunha proba para incluír un vídeo nunha entrada do meu blog, que polo momento, vai sobre blogger, pero que segue moi paseniñamente, cada á federación comunitaria, cara á rede do fediverso. O vídeo está aloxado en https://fediverse.tv , na miña canle https://fediverse.tv/c/ribadeando/videos?s=1 , que polo momento só ten dous vídeos, un no que ensaiei como entrar e subir, e outro, este, para publicar. Coma quen di, 'continuará'.

20250125

Soberanía dixital. Retomando as prazas públicas


    Onte tivo lugar a xuntanza convocada por amarinha.gal Soberanía dixital. Retomando as prazas públicas, como estaba previsto. Para as persoas que alí estivemos, unha gozada de tempo aproveitado. José Manuel Ventoso desenvolveu de xeito breve os puntos principais de coñecemento da praza pública mariñá que que amarinha.gal e logo pasouse aunha charla, máis que quenda de preguntas, na que se tratou de clarificar diversos aspectos tanto da nosa praza pública en Mastodon (funcionamento, servidores aloxados en Eomática ou relación, a través dest instancia de Mastodon, con outras prazas dixitais ó largo do mundo) como doutros temas relacionados, comezando por diferenzas con redes sociais como X ou Facebook, como o algoritmo de 'recomendación' ou os anuncios, a comunidade do Fediverso ou a filosofía detrás da nosa actividade.

    Asemade, tamén quedou clara a vontade de amarinha.gal e os seus membros, José Manuel, Lucía Ferro e máis eu) de continuidade destes encontros, e máis aínda despois da resposta para esta primeira charla, acadando un número ideal para crear o ambiente adecuado.

    Deixo en baixo o audio (cuns pequenos recortes pedidos) e varias portadas do fanzine (que se pode obter en pdf en https://blogs.amarinha.gal/) ó que tiveron acceso os asistentes, en foto de José Manuel, así como o código QR da contraportada para o acceso inmediato á praza dixital mariñá.



20250101

Ano novo, blogue novo


      Rematou o ano e algúns de vos notaríades que o blogue non cargaba de xeito adecuado. Aproveitando, manterei o blog en obras unha tempada, para axustar iso e probablemente uns cantos cambios máis, de tal xeito que en certa maneira, será un 'blogue novo'.

    De momento, a portada parecerase á que tiña hai moitos anos... ou de pronto, cambiará. Irá actualizándose!

    Pode que alguén quede algo despistado algunha vez que entre, pero pouco a pouco irá retomando unha imaxe máis estable, e coido -iso é o que teño pensado- parella á que tiña no 2024.

    Seguiremos en compañía!

20241104

Música! Un Chío por novembro

    Xa saíu do prelo o Chío de novembro. Algo que podes ver dende a súa web, https://www.chío.com/, ou directamente descargando o número 34 de Chío. Ó teu gusto!

    E, como de costume, deixo en baixo a miña colaboración a este número en dous formatos:



    O texto, e as fotos:

Lugar, tempo, sentimento: música. A música en Ribadeo é algo máis ca un chío

Dicir música en Ribadeo representa algo máis ca o sinxelo significado da verba nun dicionario. Nel, ó fin, é unha palabra entre outras moitas, coma outra calquera. E é que neste lugar norleste do noroeste (que é único, pero non o único no que pasa) ó significado xenérico engádeselle un sentir de tradición sonora que non ten sido estático ó longo do tempo, senón con historia, dinámico e, por comparación coa verba anterior, en ocasións tamén podemos engadir, extático.

Moitos lugares de Ribadeo evocan música. Sexa a imaxe do templete da música, no lugar central do Parque de San Francisco, da ilusionante de inicio pero decaída despois Praza da Música, do Auditorio Hernán Naval (sexa por dentro ou por fóra), ou un entorno interior con motivo de dar acubillo a un cartel dunha actuación, ou lembranzas diversas en moitos formatos diferentes… Música.

Así, tamén, a máis dos rexistros sonoros dixitais das múltiples actuacións de todo tipo que hoxe se poden atopar, a aparición de libros sobre a música e músicos en Ribadeo, de non ter vivida a experiencia aquí pode dar algunha orientación e ten marcados varios fitos nos últimos decenios. Eiquí varios exemplos:

- “Libro do 5º aniversario” da presentación da Banda de Música Municipal de Ribadeo, de mans da Asociación Amadores da Música (1996). Representa un repaso a moitas voces á renovación do escenario musical ribadense baixo a batuta de Hernán Naval perto xa a rematar o século XX, ó tempo que unha tentativa de aproximación ó significado desa renovación e unha manifestación do impulso popular da/na música no/do pobo.

- “Vou canso de todo menos da música”, unha curta, coidada e merecida homenaxe coral a Hernán Naval, que dirixiu esa renovación, un decenio despois do seu pasamento, manifestando querencia e ledicia musical.

- Os libros de Carlos Álvarez Lebredo -maiormente en torno á figura do seu pai, Carlos Álvarez Fernandez Cid-, quen aportando multitude de datos tenta dar unha imaxe do desenvolvemento musical ribadense ó seu arredor en boa parte do século XX, pero non só.

Doutro xeito, “A banda de música como realidade pluridimensional”, de Antonio Díaz Amor, “Pola Modernización”, de Hernán Naval, ou “Os músicos das bandas”, asinado por min, son algúns dos traballos presentados -unha reflexión, unha visión de futuro e un pequeno estudo- ó Congreso de Bandas de Música Populares de Galiza, celebrado en Ribadeo en novembro do 1994. Unha actividade que marcou un fito cara a comprensión da concepción dese tipo de agrupacións na nosa terra. E foi en Ribadeo, unha vila que serviu de aglutinante do movemento de bandas de música en Galicia naquel momento. As actas foron editadas algúns meses despois; mágoa que entre as bibliotecas, só estean dispoñibles un par de exemplares na biblioteca de Ribadeo, o que limita a súa influencia futura.

De calquera xeito, eses libros, de carácter ben diverso e estendidos na súa aparición no tempo, deixan notar eivas porque un libro non pode chegar a todo lugar, está limitado, e máis se tentamos chegar tanto ó son como á sensación que a música produce nun pobo. Ó fin, poden considerarse unha imaxe dunha historia Sonora, un cadro, sempre imperfecto, que tenta aproximar esa historia.

Volvendo ó comezo, a cultura musical en Ribadeo, nas súas xentes, adquiriuse ó longo do século XX por transpiración máis que por estudos regulados, a través de actos culturais, funcións musicais, representacións nas que interviña a música... Ben a través da contemplación como espectadores como moitas veces integrándose nun grupo como a citada banda ou unha das súas versións/etapas anteriores, ou na coral polifónica ribadense en calquera momento da súa xa longa traxectoria baixo a batuta do seu fundador Carlos Álvarez ou a súa sucesora Mª Carmen Rodríguez Cancelo. Ou coa integración en calquera outra formación da miríada doutras agrupacións con menor participación e/ou duración máis curta, pero moita máis diversidade, das “Meniñas da saudade” a grupos de Jazz, da música pop ás xuntanzas para animación das noites de verán coa rondalla, esta última, entre os grupos animados por outra das persoas con nome propio na música ribadense das últimas décadas, Víctor Manuel Sanjurjo Láncara, Choupín.

 

Estamos xa no século XXI. Amadores da música foi pioneira na organización dos campamentos musicais de verán para xente nova e seguen aparecendo formacións musicais.

Mesmo lugar, novos tempos... Seguimos.