Amosando publicacións coa etiqueta entroido. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta entroido. Amosar todas as publicacións

20160215

Unha queima do antroido de Guinness

O sábado non se queimou o antroido. Non foi polo mal tempo, a pesar da nota emitida. Non. Sinxelamente, non podía competir co antroido a nivel estatal que se montou e queimou (en parte) esta fin de semana. A queima deixou á vista a estrutura do boneco. Os soportes quedaro ó aire, a cabeza voou dun estalido, a queima atrouxo tódalas miradas, foi rápida, non tan limpa como sempre se pretende nestes casos, os fogos de artificio deixaron aberta a boca a máis dun, aínda que outros semellantes se viron, e os rescoldos... eses continuarán ó roxo vivo aínda moito tempo.
Cabeza de boneco de Guinness
En Ribadeo sabemos diso de bonecos de Guinnes. Tivemos unh ahi anos de mans de Gilberto, Pepe e cía. Quizáis por iso sabemos mirar a eses outros antroidos que andan queimando e que coinciden en época de antroidadas de pura casualidade. Sabemos que hai que miralos cun sorriso porque están destinados a iso, a ser queimados, aínda que a súa refinada estrutura parecería que estivera destinada polo contrario a facer falsa a sentenza que indica que se pode enganar á xente moito ou durante moito tempo, pero non as dúas cousas xuntas...
Así pois, ben ido vaia o antroido montado no entorno de Esperanza Aguirre. Esperemos que teña consecuencias, e non sexamos nós ó final os que quedemos con cara de antroido mentras, como dirían algúns, 'se van de rositas'.

20160210

"Carnaval, te quiero"

Hai anos titulei unha entrada como 'en castellano, para que me entiendan'. Coido que, lograra o artigo expresar ou non o que quería, o título era abondo autoexplicativo.
En Ribadeo dase o caso de que unha das músicas claves destas datas de antroido galego é o 'carnaval, te quiero'. Unha contradición moi típica do antroido, cando é asumida como tal. En caso contrario, coido que é máis integración que contradición.
Algo semellante me levou a poñer o título deste artigo en clave de antroido, referido a outro antroido maior, ó ver un pequeno documento de attac, "El Foro de Davos se prepara para el colapso: el «Informe global de riesgos» 2016". Un artigo xugoso sobre o futuro de todos nós.
O futuro sempre é complexo, e estamos indo cara ó 'máis difícil aínda'. Mais ollado a traverso de ollos que miran o seu propio embigo e non se ven parte dun conxunto da humanidade, a cousa toma tintes teatrais, grotescos... (aplíquese/aplíquense o/os adxectivo/s que se vexa/n máis convinte/s) Certamente, quen non o vexa como antroido -o informe, a estrutura destino do informe, o que se pretende como noso futuro- está banalizando unha cousa tan seria como o antroido. E é que o caldo de cultivo do informe 'sobre riscos globais' é un baile que se pretende de mascariñas sendo unha mascarada. Un antroido que non ten conciencia de selo.
O informe ten influencia? Xulga: encargado por xente con poder, dominio e cartos, para o seu propio consumo. E por que antroido? Pois... O informe trata dos riscos para o mundo? Non, trata de riscos globais para que as elites podan seguir disfrutando dun statu quo moi favorable. E así, impide ver que boa parte da solución ós problemas que se propoñen (que son de todos, non só de elites, por moito que os vexan con outros medios ópticos) está precisamente nese statu quo contra natura. Nunca mellor dito, contra a natureza en conxunto, non so contra o '99%' de iguais na humanidade que non consideran como iguais. Un exemplo: aparece no informe como un dos grandes riscos a inestabilidade social, e esquécese que a desigualdade é a causa fundamental de inestabilidade. É algo que é mesmo visual: onde hai desigualdade, hai irregularidades superficiais e non se pode pretender que se deixamos algo nesa superficie irregular se quede tal cual sen facer un esforzo por mantelo así... por suposto, empregando recursos de todos para ir contra moitos.
Hai tempo, moito, que o desenvolvemento social foi visto como teatro. O teatro evoluciona. Hoxe pode verse como títeres, coa aparencia de tales dos representantes sociales ou por actuar estes contra títeres, elevándoos ó seu igual, ou como teatro do absurdo. O antroido extendeuse a todo o ano, e sabemos que o antroido é impredicible...

20160206

O bando do antroido

A piques de comezar a gala, mentras soan as rúas coa música das charangas...

20160205

Pregóns do entroido ribadense


Ben, puxen unha entrada sobre o antroido pola mañá, mais xa me perdín o pregón deste ano: estaba facendo unha pequena publicación con pregóns de edicións anteriores e pasóuseme o tempo. Que sirva ao menos como contribución ó antroido deste ano:

Por certo, eis o antroido de Ribadeo na Galipedia.

Estamos no entroido? En Ribadeo, si

Como case sempre, as imaxes son ampliables. O entroido de Ribadeo, tamén: comezou, segundo o programa, hai dúas semanas e rematará o día 13, o que fai tres semanas de de troula. O título é unha pregunta retórica, pois: en Ribadeo estamos de entroido, e a ampliación é o de menos, cosmética, porque hai que poñerlle datas para entrar no programa sen colisionar con outras actividades. Ou o Ribadeo Indiano, por exemplo, non é outro tipo de entroido? Por non falar doutras entroidadas que se consideran moi serias e que saen nos xornais como nova. Pero a esas, en Ribadeo, xa estamos afeitos.
Embaixo quedan, tamén, as primeiras páxinas do libro '25 anos de entroido ribadense' e unha ficha extensa sobre o entroido en Ribadeo.


20150225

Vídeo do pregón do antroido Ribadeo 2015

O vídeo que colgou a comisión do antroido Ribadeo 2015 en internet, correspondente ó pregón.

20150219

Tres imaxes

Tres, para os conxuntos, é un número que ten algo de maxia. É o primeiro número que racha tanto coa monotonía da igualdade como coa contraposición invitada entre diferencias. Un número necesario para manter unha banqueta estable e para facer cadrar diferencias en pé de igualdade.
1.Ribadeo, visto por riba dunha bandeira republicana.
Ribadeo, Dende Castropol, ten unha boa vista. Quizáis non tan boa como ó revés, pero gústame. Cando vin a bandeira republicana no chan sorrín e pasáronme varios pensamentos pola cabeza. Ribadeo, por riba da república, ou máis ben, a república é a que pode manter Ribadeo? Entre outros. De calquera xeito, república asociada a Ribadeo.
2.Barra de bar ou chinatown?
Nin o un nin o outro, e ambos. Ao menos, durante o antroido, chinatown de pacotilla. O de barra de bar, moito máis dilatado no tempo. O significado a atribuír, moito en función da hora do día (ou da noite)
3.Ti, dous euros diarios. Túa filla, tamén.
Non é foto de Ribadeo, pero si tomada en Ribadeo dunha nova de xornal recente. Si, tomada no antroido. Pero non ten nada de antroido. Por certo, a maiores, ti tamén pos pola parte de quen non paga, que os hai.
Bo día.


20150217

En Ribadeo polo antroido, sen antroido (1)

Nestas datas cambiantes polo calendario eclesiástico celébrase a festa pagá cristianizada, e as novas son para o desenvolvemento do antroido ou entroido. O caso é que, sendo previsible, o antroido xa non é tal, senón festa, unha máis. Tomemos por iso como antroido do antroido o normal, o que pode ser raro neste tempo por non selo en tempo normal.
Embaixo, unha árbore caída en San Roque a pasada semana. Tirouna o vento, pero só fixo rematala.
Unha nova do venres: Quintana destaca o emprego xerado na primeira plantación de arándanos de Galicia'. Non se trataba da da Ribadeo e a Asoc. Ponte dos Santos, non, senón en Cerdido. Iso si, tratábase tamén dunha subvención, como en Ribadeo. Neste caso, 250 000 €, segundo a nova aparecida no xornal. Ao menos esa parece que está a funcionar e xerar postos de traballo e riqueza.
A continuación, unha imaxe que pode que te soe: o derrubamento cara ó paseo marítimo. Saiu no xornal... etc. Sabes se está amañado/que se fixo?
Tres fotos e un comentario:


Pois resulta que houbo ou seus máis e menos pola distribución de bandeiras, cousas dos símbolos galegos e españois... Por terciar entre os que pretenden potenciar unhas ou outras máis en plan división que de colaboración, non está mal que se deixe a rúa peonil para galegas e españolas, e preto dos IES, onde se supón formando o futuro, as bandeiras máis internacionais... para contribuír a formar cidadáns do mundo, conscientes de que necesitamos a natureza máis aló do 'mundanal ruído'...

20150216

Antroido... hai 18 anos: o antroido do futuro

    Hai algún tempo, ribadeando ligaba un repositorio de documentos relacionados con Ribadeo, 'Publicado en Ribadeo'. Hoxe non, dito repositorio desapareceu e estou comezando a recuperar eses documentos. Entre eles, estaban diversos pregóns do antroido, como a peza que deixo embaixo que debía ser algo así como un adianto do antroido/entroido do futuro. Sirva como testemuña e tamén como comparación dunha previsión co que é na actualidade. Espero que sexa tamén o comezo dunha lenta recuperación para internet do que foi 'Publicado en Ribadeo'.
-
"O antroido do futuro". Antonio Gregorio Montes (pregón de antroido 1997)

    Boas tardes.
    "Actuar é un luxo que permite mostra-los sentimentos que de outro xeito daría vergoña ensinar". É unha cita de Robert de Niro, que debe saber abondo do tema, tomada dunha entrevista de "El Semanal" de 24 de novembro do pasado ano 1996. A traducción ó noso caso podería ser: O disfraz de antroido permite facer moitas cousas que en outro caso serían vistas con moi malos ollos (aínda así o son moitas veces). Dito esto, ¡pechade a porta!. Que ninguén escape.
    "O bo, se é breve, dúas veces bo", en pluma de Baltasar Gracián. Do que non é tan bo, non dí nada. Polo tanto, temede o peor, porque xa non me vexo constreñido pola sentencia.
    Parece que este ano son eu o pregoeiro do antroido. Por eso aquí estou, disfrazado de entendido na materia, e tomando as medidas oportunas. Estou sen toga nin birrete: todo disfraz ten os seus límites, e un deles púxeno aí. Disfrazarme con roupa non me gusta especialmente, pero actuar xa é outra cousa.
    E actuar é un xeito de disfrazarse. Dende logo, hai outros. Por exemplo, ¿alguén se lembra do antroido que viviu o Inspector Lupa?. Ese si que foi un bo disfraz, tanto cando andaba vendo os disfraces como cando non o facía. Aínda non sei quen foi, e non me parece que o saiba moita xente. Xa metidos en materia, ¿por que me elixiron para o pregón?.
    É unha pregunta que me fixen. Tiña o dilema de contestarme a min mesmo de varias formas. Unha resposta sería: "porque és un paiaso" (podería engadrille despois, por exemplo, "pailán", e así queda mellor: "porque és un paiaso, pailán"). Por contra, tamen podía contestarme: "porque és serio" (neste caso, engadiría algo así como "home": "porque és serio, home").
    Elixín o último, gustóume máis. Por eso mesmo me permito facer un comentario como este aquí, diante de tanta xente. Eu considérome serio, e o antroido é para que os serios, as persoas que non se permiten o saírse do seu papel, podan rirse e oficiar doutra cousa, poñerse unha máscara. Eso me moveu a aceptar.
    Así, o que me quedaba era disfrazarme. ¿De que?. Pois de prospector. Non de prospector en busca de petróleo, que por esta terra non parece ter moito futuro, se non precisamente de analista de futuro. Do futuro do antroido, claro. Eso é algo así como ser adiviño, pero con outro nome tentando coller categoría.
    O seguinte foi o preguntarme, ¿por onde pode comezar?. Polo momento, e para min, o antroido estivo a punto de ser por primeira vez entroido: descubrín que a palabra que usaba, antroido, non viña nos diccionarios. Así, estiven por deixar de empregala para ocasións serias, coma esta. Entroido nunca a usei, carnaval decidín fai algún tempo deixalo para a meseta, lugares lonxanos ou festas con outro significado, e antroxu, Nalón arriba, cáeme moito máis lonxe. Por eso decidín deixar as cousas como estaban: antroido, para os amigos.
    Son serio, xa o dixen antes. Así lle dicía tamén ó protagonista maior, o piloto, ó Pequeno Príncipe. Como o Principiño non calaba con esas lerias, e quería saber, continuar vendo mundo, ir ó seu antoxo, a súa vitalidade conduxo a unha obra literaria para todo tempo e idade. ¿Por que?. Porque a todos nos fai falla evadirnos. E iso é o antroido. Evasión. A grande evasión. Ademais, como na película os prisioneiros do campo de concentración son ó fin tristemente cazados, e así remata a súa ilusión de liberdade, os antroidos tamén acaban a tiro fixo. Vóltase á liberdade condicionada. Condicionada pola nosa historia, os nosos coñecidos, compromisos, ... en definitiva, por nós mesmos.
    Centrémonos na prospectiva do futuro do antroido: aí van algunhas reflexións.
    Un. Hoxe en día tómase como unha festa, e parece que non decae a pesar de que a vida é, cada vez máis, carnaval. Quen non o crea así, que lea os periódicos, vexa a tele ou fale cos amigos, aínda que sexa de fútbol. En todos os rincóns hai carnaval. Nembargantes, ese carnaval pretende ser serio, non é o noso estilo de antroido. Aínda así, é previsible que siga a extenderse contrastando coas ideas do antroido que por aquí se levan.
    Dous. En Venecia teñen o seu carnaval de luxo, onde todos queren ser Dogos de seu (non cans, entendámonos, senón mandamaises). Por Río o carnaval é movemento e lucimento da vitalidade (e doutras cousas tamén vitais). Aquí o antroido é máis unha evasión adoitando outro rol e ocultándonos como pícaros para facer trastadas e figurar como reis, por unhas horas, do noso destino. Pero a idade, a era de inocencia, está a pasar rápidamente. É unha incógnita se o noso antroido vai resistir esa falta de inocencia que se está a incrementar aló onde un vaia. Moitas cousas van ter que cambiar para poder superala. Aínda así, feitos como que hoxe estemos aquí fan manter a esperanza de que esta evasión pode seguir facendo os seus efectos benéficos e festeiros por moito tempo.
    Tres. Non hai tanto o antroido estaba, empero, cáseque "morto por orde superior". Esa orde non puido con el e aquí estamos de novo. ¿Pode darse novamente no futuro o caso dunha prohibición directa ou indirecta?. Non estamos exentos dela, pero sería en balde, como o foi a pasada vez: a festa continuaría, aínda que pode que desvirtuado un pouco o seu espírito pola prohibición, ó estilo da "lei seca". Eso mesmo fará cuidarse ós mandamaises de tentar algo parello, aínda que aproveitando as máscaras se produzan algunhas mascaradas que infrinxan as normas do antroido, que tamén as hai.
    Catro. Se miramos ós carnavales de Venecia, Río, Tenerife, ..., mesmo os entroidos de Laza, podemos ver que todos van cara á grandiosidade, cada un no seu modelo, cada un á súa velocidade. Ó mesmo tempo, seguen a ser unha actuación. Nembargantes, a grandiosidade esixe uns xeitos e un dirixismo que impide manter o sentido do noso antroido. Para vencer outros medios vistosos de diversión e/ou enaxenación, que eso é tamen ó antroido, e facelo ademais dun xeito inocuo, necesítase cada vez un espectáculo maior. É inevitable, tal como eu o vexo. O antroido terá que ir cambiando para combatir este efecto ou aliarse con el. A alianza significa máis cartos e unha certa profesionalización, ó estilo deses outros lugares.
    Cinco. Téntase conservar o de cada un, neste caso o noso antroido, pero a profusión de medios que nos poñen en contacto con outros lugares van pouco a pouco influenciando esta festa. Non é problema, porque hai carnavales de todo tipo, polo tanto as influencias serán variadas. Esto, esperando que ós americanos do norte non se lles ocurra a idea de facer un novo carnaval, porque se non, Holliwood rematará non só co noso estilo de facelo, senon tamén por facernos creer que se fixo sempre ó seu xeito. Esperemos asemade que manteñan a data do seu Halloween ben alonxada da nosa celebración, so pena de perder un combate do mesmo xeito que os Reis o están a perdendo fronte ó Santa Claus... e eso que son tres contra un.
    As conclusións anteriores, se ben son as máis xerais, non son as únicas. Por exemplo, visto que non podemos igualar os disfraces sen roupa que fan as ledicias dos e das turistas en Río, e tamén dos propios cariocas, é previsible que nós busquemos e atopemos novos medios de calefacción para que as máscaras con pouca roupa non sufran os rigores invernais.
    Nacerán novas máscaras. É un fenómeno que xa se ven estilando dende tempo hai, e que está lonxe de esgotarse: na variación está o gusto, como di unha frase que máis dun e unha coñecerán e practicarán có gusto anunciado.
    A electrónica escalará postos nas preferencias dos antroidos. O mesmo que se vai metendo en casas ou bancos, non podería facer unha excepción con este fenómeno social. Xa vimos algúns artiluxios desa especie outros anos, como luces ben amañadas e sincronizadas, pero é posible que non sexa nada comparado ó que se aviciña.
    Son previsibles outras incorporacións no desenvolvemento destes días. O antroido permite o anonimato social, e ven potenciado por el. Hoxe en día estánse a extender novas formas de comunicación que outorgan a posibilidade do anonimato. Tendo conta destas dúas premisas, pódese concluir que é probable que se incorporen novas formas de antroido, por exemplo, "a distancia", do mesmo xeito que o 28 de decembro é algo extendido usar o teléfono para gastar bromas, mentras que no século pasado, antes de facer das súas o señor Bell, evidentemente non se podía.
    Podemos observar tamén que as carrozas motorizáronse. É previsible, co uso dun parque móbil máis extenso e variado, que esta tendencia continúe, incorporándose á mesma aínda os disfraces individuais.
    Un dos festexos precursores do carnaval era unha especie de circo naval fai vinte séculos, como din algúns estudiosos do tema. Do carnaval, si. Do noso antroido, dubídoo. Mais, cara ó futuro, todo é que ó clube náutico lle de por aí, e entón o noso antroido podería ser precursor desa proxección naval futura. É posible, e coa motorización e en xeral a instrumentación actuais, máis doado que noutros tempos. Habería que preguntarlle á directiva do clube se está pola labor.
    O antroido é educativo. Seguirase a usar nos centros chamados educativos para facer algunha que outra trastada, ó tempo ou a parte da propia educación. É posible ademais, dentro da política ministerial, a súa inclusión como liña transversal no currículum escolar.
    Falemos de cartos. Estamos a vivir tempos de privatización. Se se pensa en privatizar a xestión de hospitais públicos, por exemplo, ¿por que non o antroido?. Nese caso, ¿que se preparen as comisións a non recibir subvencións?. O antroido, teña ou non subvencións, sempre foi público e sempre foi privado. Sempre necesitou dun espírito social para levalo a cabo, pero sempre foron os particulares as máscaras. Pola privatización, poderá cambiar algo o modo de financiamento, pero nada máis.
    En canto ós premios... é bonito e atraínte para o turismo que os disfraces sexan traballados, pero por ese lado é difícil competir con outros carnavales.
    Nembargantes, a competencia é a competencia, e as leis do mercado inflúen en moitos campos. Pode que o factor máis influínte no futuro desenvolvemento dos premios sexa externo ó propio antroido: máis que a privatización, a marcha da economía en xeral.
    En relación a outro aspecto, fai pouco leín que "os carnavales caen baixos este ano". Espero que non caian baixo máis que polo número que ten asignado o día no que comezan, pois non é esa a tendencia aquí en Ribadeo. Hai que lembrar, sobre esto das datas, que xa se produxeron algunha vez noutra temporada: os chamados "carnavales de verán", e a eses si que lles chamo carnavales. ¿Lémbrádesvos do que xa dixen sobre a economía do antroido e as influencias externas sobre o noso?. É posible que esas festas carnavalescas se incrementen, pero non penso que se lles deba chamar antroido. Serán carnaval. ¿A influencia sobre o propio antroido?. Polo momento, está a salvo, porque son influenciadas por el e non ó revés. Perante canto tempo, eso xa é máis dificil o dicilo e dependerá de moitos factores.
    Pola sequedade da boca ven outra vez ós meus labios o dito de Gracián: "o bo, se é breve...". Por aí, pola sequedade, penso que é cousa de ir rematando. Queda para outra o tratar de imaxinar o futuro do antroido en relación a outras moitas facetas. Como exemplo delas serven a música ou o sexo. En fin, isto é a prospectiva: analizar tendencias para vislumbrar o futuro. Eu, de calquera xeito, non me fiaría moito dunha prospectiva do futuro do antroido feita por un disfrazado.
    Aínda así, costoume facela. E teño que dicilo, porque é tamén unha metáfora do antroido. Nestas datas, hai moito detrás: ilusión, traballo, imaxinación, persoas... é algo matinado para vivir uns días máxicos antes que chegue o momento de quitarse a máscara.
    Ben, penso que os obxectivos das cousas débense definir ó principio. Aínda así, acordei definilo ó final, tras ve-las caras dos que me escoitan hoxe: O obxectivo era sacar á luz o espírito do antroido. Espero haber axudado a facelo, e con eso remato esta pequena perorata. Meu disfraz xa non vale, este pequeno antroido xa se foi. Agora comeza o antroido de todos. O futuro que mencionei xa chega. Vivámolo.

20150212

Tempo de antroido, tempo de desconto en Ribadeo

A modo de introdución ó antroido.
O antroido non comezou aínda, pero xa está na mentalidade informativa e tamén entrou na cabeza da xente  de xeito que aparenta unha excrecencia que tende a ocupar espazo e desocupar pois outras cuestións que o ocupaban. Todo en consoancia con que de feito amplíase de xeito elástico o tempo de festa, se non de festivos por ser máis complicado, de parranda, que é máis sinxelo.
Tres meses e medio aínda para as eleccións municipais e moitas incógnitas ocultan o máis aló dos partidos, a política, como se o importante fora a candidatura, o postular tal candidato ou tal outro, o procurar apoios mediáticos en troques de debater o futuro e as cousas do día a día entre todos. Pode dicirse que sen debate non hai participación, e polo tanto, non hai democracia, senón submisión. Mesmo a verba cidadanía queda grande: ése da cidade no sentido de pertenencia a, pero non no de constitución da cidade en pé de igualdade.
Estamos a ver mostras continuamente desa falta de debate e participación. A coincidencia destas datas festivas co artellamento da precampaña manifestan un contraste moi propio do antroido: todo aparencia fronte a realidade da que se quere escapar ou só criticar, a modo de válvula de escape, pero que raras veces pasa de rir por non chorar, no mellor dos casos.
Pasará o antroido e voltaremos á realidade. Si? Ás veces parece que estamos en tempo de antroido todo o ano, como se non puideramos aprehender a realidade e nos víramos obrigados a vivir nunha impostura contínua.
Sempre crin que para desfrutar plenamente de algo había que mentalizarse, xeralmente polo traballo que costa logralo. Desfrutaremos moito pois cando logremos que a nosa sociedade funcione dun xeito participado: está costando moito traballo o achegarse a algo así.

20130212

O pregón do antroido Ribadeo 2013

Ligo o pregón do antroido cargado polo pregoeiro, Suso López, Susín de Remourelle, con referencia ós cantares de cego, "
Xa está na rede o pregón que ofrecín no Entroido de Ribadeo 2013... Unha homenaxe ao cantar de cego e ao espírito satírico do Entroido... Imposíbel facelo sen a colaboración do Cuarteto Tradicional Illa Pancha... Obrigado!
":

O texto, en publicado en Ribadeo.

20120301

Cantiga de Carnaval (Artigo de E. Lombardero)

CANTIGA DE CARNAVAL

E cousa ben sabida que os carnavales son tempos de festa pagana, onde os curas e monxas soen ser obxecto de sátiras mais ou menos orixinales. Pesie aos cambios democráticos estamos moi lonxe de vivir nunha sociedade onde haxa unha auténtica liberdade de expresión e as opinión críticas ou discrepantes abrollan por onde poden, sen canles oficiais que lles abran camiño.
Nos carnavales recén rematados puidemos presenciar o paso dun grupo de máscaras que bailaban e cantaban a seguinte peza:

O señor cura non baila porque ten un bemeuve
E tamén ten unhas tallas que las baixa e que las sube
As tallas de Santalla antes eran de madeira
Ahora sonche de pladur que non hai quen las queira.

(Musica de O saio de Carolina)

Algúns comentarios que suxire a cantiga son os seguintes. En primeiro lugar obsérvese a identificación entre a tonsura, da versión original, con bemeuve. Ambolos dous son signos de distinción e poder pero un está na cabeza e o outro nada mais ben polos pes. En segundo lugar anótese o carácter valorativo dos materiais: ao pladur non hai quen o queira, pero as obras antigas en madeira son meritorias e codiciadas. En resumen, o xenio popular anónimo, volve a poñer a realidade ao descuberto fronte a tanta hipocresía e adulación.

Evaristo Lombardero Rico

20100125

Programa do antroido

Aínda falta para o antroido, pero os programas xa están listos. O título do post, antroido, é como eu o chamei sempre, pois coido que entroido é máis ben cara ó sur (aínda que nos diccionarios sexa o termo preferido), e aquí o nome que xa estaba sendo usado sobre todo era o castelán, carnaval (ver o parágrafo oito de Antroido Ribadeo 1997).

20080217

En espera da publicación na rede do libro do antroido

En espera da publicación na rede do libro dos 25 anos do antroido (que conto facer a próxima semana), aí vai o meu artigo como segunda de hoxe:
--
O antroido perdido e ganado na rúa
Remato de ver unha foto dun ano que ás veces se considera perdido para o antroido ribadense: 1983. Perdido oficialmente por falta de colaboración. Na realidade, un antroido un pouco diferente, con algo menos impulso que outros, pero antroido, ó fin. Na foto, participantes que a modo de esquiroles do antroido levaron unha celebración independente da oficial, e a contribuíron a que a festa correra en Ribadeo como outros anos. Igual? Non, pero, que edición foi igual a outra?
Queirámolo ou non, o antroido vai por dentro, un pouco como esas crenzas pagás anteriores ó cristianismo que se enquistaron na xente e deron lugar á celebración. Un pouco porque somos persoas e necesitamos a sociedade, pero tamén, porque a necesitamos, temos necesidade de rirnos dela e do papel que desenrolamos cada un de nós.
Por eso, non é de estranar que, se din que a Igrexa é a entidade con máis historia (alomenos en anos), o antroido, de ser considerado como entidade en troques de como festa, non lle iría á zaga, senón máis ben lle tomaría a dianteira.
E o antroido en Ribadeo ten historia, non só como manifesta o libro que tes entre mans, senón anterior. Unha historia que, polo momento, concéntrase na súa parte final nestas páxinas, esquecendo aparentemente o que sería a gran parte oculta do iceberg do antroido ribadense. Historia recente recollida case sen interpretación, en estado bruto, a base de imaxes nas que moitas veces se evidencia aquelo de que unha imaxe vale máis que mil palabras, unha frase que recolle tamén en certo xeito o esprito do carnaval: un desenvolvemento onde o que conta é a imaxe, e a palabra é en xeral accesoria, aínda que sexa un acompañamento que axude moito nalgúns casos.
A accesoriedade da palabra nestas festas explica a cortedade dun artigo neste libro. A imaxe mostra o que a palabra pode embarullar con facilidade. A imaxe recolle o momento do esprito querendo recoller o esprito do momento, mentras que a palabra primeiro ten que explicar o que é o esprito do antroido, perdendo polo camiño o desfrute da vida, o carpe diem que nos lembra o carnaval.
Antonio Gregorio Montes

20080204

Domingo de entroido/carnaval


O pan foi bendicido na misa cun fondo de charanga lonxana. A igrexa, con sitios abondo para acoller aínda ós integrantes de varias charangas sentados, púxose solemne no combate contra o ruído da rúa, nun día chuvioso tamén con pouca xente (daquela hora) seguindo as chirigotas. A misa, en castelán, contrasta coa variedade libre galego(s)/castelán do libro, onde o antroido é chamado oficialmente entroido cinguíndose á normativa favorable a esa opción, despois de pasar case todas as edicións como carnaval, como testemuñan os carteis (e os pregóns de antroido de Ribadeo).
Mentras, a noite anterior, unha especie de antroido semanal saía exitoso da comparación co 'entroido' e coa misa, a xulgar de moita xente que o secundou.
O antroido cambia, pero non é o único. A socioloxía di que é a sociedade no seu conxunto a que o fai. E nótase.
A foto, unha mostra da auga caída o domingo de antroido cara ó mediodía.
...
Outras entradas / web relacionadas co antroido 2008 en Ribadeo ou anteriores:
Carteleira previa
Vídeo presentación
Segunda serie e vídeo Aturuxo
Terceira serie
Invitación 25 cabodano
Libro As Festas populares no entorno ribadense, primeiras páx.,
Libro As Festas populares no entorno ribadense, páx. seguintes.,
Libro As Festas populares no entorno ribadense, máis páx.
Páxina do antroido ribadense na Galipedia
Referencia en Ribadeo.com

20070216

Pechando a Ribadeo: estamos no antroido!



Tempo atrás, estábase cerrando o porto,poñendo as separacións. Agora está listo o seguinte paso, pois as portas están listas e os cerres convertiranse en peches, con chave, xa pronto. Ademais, coas verxas, separábase, segregábase algo de Ribadeo. Co peche, quen poda estar no porto poderá entrar en Ribadeo, pero non ó revés, é dicir, non é pechar o porto, senón máis ben, pechar Ribadeo... estamos no antroido, e parece que imos do día dos inocentes ó antroido: cando oias a Balbino dicir unha cousa, prepárate para que na realidade poda ser outra ben diferente; probabilidades hai abondas.
Conecto isto co que no periódico hoxe, baixo o título "Un sano ejercicio" se chame a un exercicio electoral adecuado, e tente poñer unha comparación co riso e as promesas electorais. Ou con que nun municipio como Tapia, que non coido que sirva en xeral moito de modelo, se vaia converter unha cetárea en piscina mentres aquí se pretende converter a agora xa piscina/lago de Meirengos en piscifactoría, é dicir, macrocetárea, co parecido entre ambas como o que pode haber entre unha tenda tradicional e un hipermercado.
O antroido sigue con Reinante e cia, por moito que nos carteis aquí se lle chame carnaval: existe a personaxe do antroido, vaia que si. O dito, para ver o programa do antroido, clicar sobre a imaxe do programa...

20060226

2ª de hoxe: pregón antroido

Esqueceuseme por completo. aí vai o pregón do antroido lido por Rodil venres (tedes este e os outros anteriores en 'wikifontes':
Pregoeiro: Alfonso Rodil Veiga. Ribadeo, 24 de febreiro de 2006
Boas noites, señoras, señores, antroideiras, antroideiros, en fin, amigos todos do carnaval.
Quen lles está a falar, membro de comisións organizadoras destas festas durante cerca de dúas décadas, estaba non fai moitas datas discurrindo algún disfraz para istes días, cando miren por donde gracias as dotes persuasivas do noso alcalde Balbino e o gran amor que sinto por estos festexos, véxome obrigado a lucir o primeiro disfraz do antroido do 2006, subindo a este estrado e interpretando o personaxe de pregoeiro.
Para min, estas festas deberían ser declaradas como as festas da libertade, xa que son as que nos permiten romper con todos os moldes establecidos, con todalas reglas, eliminado prexuizos, tabúes, normas e tópicos. En clave de humor eu suxerería que estas festas fosen declaradas de interés nacional dedicando o martes de carnaval como "O día da clase política", clase esta, tan aficionada ao disfraz e ao transformismo por aquelo dos constantes cambios de discurso, de chaqueta e incluso de traxe completo, incluíndo claro está a roupa interior.
Os orixenes das festas do carnaval remontanse prácticamente ás orixes da humanidade. Tódolos historiadores e estudiosos neste tema coinciden en sinalar que estas festas xurdiron pola necesidade que tiñan os nosos antepasados en pedirlle ou agradecerlle ao Dios Sol e aos deuses da naturaleza que fixeran posible o renacer dos cultivos, cousa que viña sucedendo anualmente coincidindo coa chegada da primavera.
Con motivo deste ciclo anual, os druidas das tribus disfrazábanse utilizando caretas e peles das bestas, e danzaban pedindo ou agradecendo a xerminación das plantas e dos cultivos.
Se trasladamos estas danzas a Galicia podemos ver a similitude que teñen cos disfraces típicos destas datas en moitos lugares do sur de Galicia, e mais concretamente de Ourense, como son os de Viana do Bolo, Xinzo de Limia, Verín ou Laza.
Durante o Imperio Romano e a romanización de prácticamente media Europa, estas festas fóronse adaptando as festas romanas. Os romanos adicaban festas ao Deus Baco e a Saturno, e estaban empapadas polo Espírito Sarcástico e o desorden civil.
Algúns historiadores din que a palabra carnaval deriva da latina Carrus-Navalis, xa que varias cidades do Imperio, entre elas a catalana de Reus, executaban con mascaradas e cun barco que iba subido nun carro, danzas subidas de tono e cancións satíricas e sarcásticas. Aínda hoxe en varias cidades sale ese carro naval arrastrado por cabalarías e tripulado por homes vestidos de mariñeiros que lanzan flores e doces aos espectadores. Pero o apoxeo do carnaval xurde co auxe do renacemento no seculo XVI, cando varias cidades italianas como Florencia,Venecia e Roma empezan a celebrar as festas do carnaval.
Segundo os estudosos, a palabra carnaval deriva da italiana Carnevale, que no latín quere decir carne-vale ou carne-valida, que se pode comer.
Estas festas teñen lugar nos días anteriores á celebración, por parte igrexa católica, da coresma, festividade que dura 40 días dende o mércores de cinza ata o domingo de Pascua e durante os que está prohibido comer calquera tipo de carne. Así xurden estas festas de exceso no comer e beber, e ao poder usar mascara ou disfraz, do exceso na desobediencia civil, a sátira e o sarcasmo. Ribadeo, dende tempos inmemoriables é unha vila culta e liberal, e esta calidade dos ribadenses soubo moi ben interpretala ese gran alcalde que foi e mellor persona que é Pancho Maseda, quen nos anos escuros e cando por orden gubernativa estaban prohibidas as máscaras en "Las fiestas de la primavera", Pancho, conocedor da idiosincrasia ribadense, e sabedor de que Ribadeo non lle iba a fallar, permitiu baixo a súa responsabilidade que as mascaritas ribadenses pudiesen levar a cara cuberta con disfraz.
No outro bando estaba o hermano Isidro, profesor meu durante dous anos no colexio menesiano. O hermano Tolera, como era conocido, persiguiu a capa y espada, todo o que cheirara a máscara ou a carnaval.
Se os nosos pais formaron parte da denominada xeneración da fame, e agora os nosos fillos forman a xeneración do derroche e abundancia, os nenos que nos criamos nos anos 60, formamos a xeneracion da necesidade.
Esa necesidade axilizou o noso inxenio ata o estremo que confeccionábamos os nosos propios xogos e xoguetes, e como non as nosas propias máscaras e antifaces.
Miña nai, Encarna do Telar, pode testificar como na trastienda da mercería que rexentaba na rúa Reinante, os nenos da praza e da regueiratiñamos unha especie de taller clandestino de caretas que fabricábamos aproveitando os cartós que separaban as medias de espuma, de cristal ou de puntinglés.
Eses cartós unha vez debidamente recortados, pintados e utilizando goma de cinturilla, convertíanse nas nosas caretas que se complementaban con todo tipo de toquillas, refaixos, camisas, pantalóns, e chaquetas, remendadas claro está, que atopábamos nos fallados e desváns ata convertirnos naquelas mascaritas que recorríamos as prazas e rúas dende Porcillán ata San lázaro e dende o Xardín ata o Alza disfrutando das antroidadas e facendo algunha que outra trasnada.
E despois, a disfrutar na pista RosaLar, nos bailes infantiles e xuveniles. ¡QUE TEMPOS! , que pena que esas mascaritas que o domingo de antroido abarrotaban as catro calles hoxe desapareceran.
Eran as épocas nas que as de Pio, as de Fariñas, Pili Real, Antoñita de Beremundo, Gloria de Lorenzo, e outras muitas lucían orixinais disfraces feitos por elas mesmas, daba gusto velas pavoneando polas rúas máis céntricas da vila.
Era tamen a época dos Ginzo, Gilberto, Teixeira, Bolita, Pepín Merdiña, Toto, e outros muitos que de forma humilde pero cordial e educada foron o preludio das actuais festas.
Así pasamos a 1982; era un venres de carnaval. Invitados por Beli da Aduana estábamos na guardería Pepin de Pérez, Roberto do Pipo e máis eu. Vendo aquelas criaturas tan ben disfrazadas, comentamos que porqué non organizábamos uns carnavales para o ano seguinte, e decir 1983.
Dito e feito, dous días despois, e dicir, o domingo, puxémonos á saída da misa de 12 entre a igrexa parroquial e foto Pérez e logramos convencer a 23 conveciños que nos constituímos en Comisión.
Ademáis de nosoutros tres, alí estaban entre outros; o patriarca do Antroido, Víctor da Morteira, Gilberto, Choli, Chus Rubio, Cristina, Beatriz Cora, Manoli e Asunción Torviso, Pablo Cociña, Magola Meira, Elisa Fariñas e Pepe Xuya. Xurdiron as charangas A Choca e Os Pintas, a recaudación ascendeu a preto de 740000 ptas, fixéronse 3 días de festas e sobraron cerca de 25000 para o ano seguinte.
A cousa resultou e así, pouco a pouco, foise a máis hasta alcanzar o climax antroideiro ca queima en 1988 dun antroido de 13,32 metros de altura que tivo como alma mater a Cienfuegos e a Choli. O boneco, que quedou inscrito no libro Guinness dos Records como o mas grande do mundo, foi queimado na Praza España en medio dunha gran avalancha de xente comparable soamente á que se congrega nas verbenas do 7 de setembro.
As festas foron a máis, as comisións forense renovando pero nos últimos dez anos eramos prácticamente os mesmos compoñentes, que nos levábamos como unha gran familia. Baixo a batuta de Luis Mourelle, formábamos unha verdadeira pina xunto con Rogelio "O Chiquito", Fernanda Bellón, Nuchi e o seu marido Luis, Celsa e o seu home Juan "O Valenciano", Casiano Pozas e Mari de Motorín , que en paz descansen. A lista de colaboradores e interminable, pero hai que destacar lamentando que alguén sempre quede no tinteiro, a Perpetua da Gallega, Mirta Posada, Ana Gil, Ramona da Corbella; Mari Carmen da Garabata; Minerva e Araceli de Vacas, Rosita Montero, Juanita de Paraje, Tita de Pío, Marisol do Mediante e dentro do sexo varonil a Juanjo e Luisín Mourelle, Quique Lenza, Salvador Iglesias, Pastrana, Fariñas, Vidal, Cima, Pancho dos Galos, Rubén Romero e máis o meu filio Pablo, o que nos di ás claras que o antroido Ribadense nunca vai desaparecer, xa que o porvir está máis que asegurado. Claro está que haberá que intentar involucrar sobre todo á xuventude, pois sempre traerán ideas novas e distintas formas de entender e organizar estas arraigadas festas.
Tampouco se pode concebir o carnaval de Ribadeo sen as charangas. Chegou a haber 7 a un tempo no concello: A Choca, Foliada, Aturuxo, Os Segadores, Os Rapaces de Rinlo, As Grobas de Vilaselán e Xente Nova, sen contar aquelas da década dos 80 como Os Pintiñas, Pena Furada, e Os Húmedos. Tamén hai que mencionar a eses grandes artistas do carnaval Ribadense como son Julio de Conde, Saribel de Torga ou Ernesto Cruzado.
Tamén quero rendir tributo a tres ribadenses de distinta época, pero que coincidía na gracia e o canto personal nestas festas do carnaval.
O primeiro é Recarei" O mexicano" que según ten contado Don Dioniso Gamallo, un sábado de carnaval medio agonizante, asomouse ao balcón de sua casa preguntandolle á xente que se atopaba na rúa -'¡Mascaritas! Me conocéis, soy recarei disfrazado de difunto'. Logo retirouse a súa habitación e despois de cumplir co seu último rito antroideiro desplomouse inerte na súa cama. O segundo é Antoñito "O Serranillo", ou a ironía personifcada. Asiduo disfraz dos antroidos ribadenses, recibiu sepultura un martes de carnaval fai agora 11 anos.
E por ultimo José Mari, que fai exactamente 15 días abandonou este mundo terrenal non sin antes vivir estas festas de forma intensa e ó seu xeito. A José Mari bastábanlle unhas gafas, nariz postizo e antifaz, para convertir este personaxe serie nun antroido que disfrutaba nestas datas de forma única.
E xa remato, espero que ademáis de disfrutar destas festas, que esta novel pero apaixoada comisión nos preparou, non se esquezan vostedes de rendirlle o culto ao porco, verdadeiro rei destas datas, dando boa conta culinaria do cocido carnavalesco, pois, como sentenciaba O Serranillo de forma perifrástica e sentenciosa " Desde la cabeza hasta el rabo todo ha de comerse en el paquidermo marrano".
Feliz Antroido. Moitas gracias pola vosa presencia e a paciencia de aguantarme e que o vocal maior desta comisión que é a metereolixia nos deixe a todos disfrutar un ano máis de estas grandes festas do carnaval.