20150831

Limpando o encoro de Vilamariz

Fíxose estes días: o encoro de Vilamariz, vacío e sen toda a cantidade de lama que lle impedía acumular auga.
Na primeira foto, a beira esquerda do encoro, enfocando cara á ponte pola que baixa o rego de Noceda.
A segunda, o muro e a beira dereita do encoro.
O fondo do encoro, coa baixada usada para as máquinas, e, á súa beira, a baixada do rego Lexoso.
A captación de auga, case inhábil polo pouco caudal de Lexoso e Noceda, con o tubo empregado para recoller auga do rego de Noceda pola prevención fronte o verquido no Lexoso por parte do CaVi.
Por último, como estaba hjai uns meses, totalmente colmatado.
...
Un pouco de historia sobre a auga de beber.
...
Días despois, na web do concello. 1400 m3 sacados, uns 2 000 000 de kg.

20150826

Con Ribadeo na mirada

Vexo unha nova en praza.gal: ata 10 veciños poderán intervir nos plenos. Fixo falta que unha marea chegara ó concello para que sucedera, pero así é: aparece na web do concello coruñés. Poden presentarse no seu propio nome ou como representantes asociativos.
En ribadeo levamos 10 anos que, a raíz dunha iniciativa de O Tesón, permítese preguntar a asociacións _só- por escrito para ser respondidos despois do pleno, con algunha limitación máis. O mecanismo ten dado pé a que algún concelleiro se levantara antes das respostas -rematara o pleno- a que quedaran preguntas sen responde dun pleno para outro e para outro, a que as respostas non tiveran moito que ver coas preguntas (ó fin, non se pode facer axustes posteriores...) é dicir, algo así como a representación da importancia que os políticos do momento dan/deron ó pobo
Cambiará tamén en Ribadeo? esperemos.

20150825

Choque entre os veciños de Vilaosende e o bispado

Esta tempada está sendo testemuña doutro desencontro da igrexa-xerarquía coa Igrexa-comunidade en terreos de Ribadeo, a conto dun aluguer dunha casa en Vilaosende. Neste contexto, onte chegou á miña man un escrito relacionado co tema que está a ser difundido, que copio e publico asemade neste foro que é o blog.
"Outro mais. Os desencontros entre o Bispado de Mondoñedo e algúns colectivos diocesanos repítense un tras outro nos últimos tempos. Vellos hábitos, autocráticos, despectivos e descorteses ás veces, por parte dos eclesiásticos, máis propios da pasada época absolutista que da era da informática. Actuacións, nas que se utiliza o silencio despectivo como arma defensiva contra as queixas e reclamacións de certos colectivos de fieis, representados polas súas asociacións de veciños. Asociacións, cualificadas por algúns clérigos aos cales se lles parou o reloxo da historia, de estar integradas por xentes da "casca amarga", ou de ser madrigueiras de conspiracións "judeo-masónicas. Prácticas descorteses que evidencian un profundo contraste coas novas actitudes pastorais recomendadas polo papa Francisco. 
Recente aínda, e sen resolver, está o lamentable suceso do saqueo de diversos obxectos relixiosos de varias parroquias desta bisbarra da mariña oriental. Un suceso no que as denuncias e queixas dos fieis ó Bispado por estas subtraccións foron ignoradas e silenciadas inicialmente, impedindo así unha posible recuperación dos bens subtraídos. Deseguido, foron os feitos relativos ás alteracións realizadas na imaxe da Virxe María, patroa do santuario de Conforto. Intervencións que deron orixe ó cabreo da xente e ás enérxicas queixas e reclamacións ó Bispado por parte da Asociación de Veciños desa parroquia. Protestas, constantemente ignoradas, que provocaron un longo e anoxo desencontro, ata que, ao final, a mediación presencial do Bispo impuxo a cordura e o diálogo. E agora, nestes derradeiros días, a situación repítese co escrito da Asociación de Veciños de Vilaosende dirixido ao Bispado, no mes de marzo deste ano e contestado neste mes de agosto, interesándose polas causas do despedimento da inquilina da casa reitoral, veciña desa parroquia. Preguntas sobre unha actuación, - en cuxa valoración de legalidade aquí non se entra - ignoradas polo Bispado, e que, en contra do que os veciños pretendían, puxo eses feitos no coñecemento da opinión pública. Un despectivo silencio do bispado que motivou, no primeiro dos casos, as protestas públicas dos veciños das parroquias espoliadas, as queixas dos de Conforto, despois, e agora os reproches dos veciños de Vilaosende a os que se tardou cinco meses en contestar ás súas preguntas, e se fixo con evasións e mesmo distorsións da linguaxe que a ninguén convencen, como é o sentido da palabra “parroquia”. Pois, contra o que pensa o bispado, para os veciños a parroquia son eles, sen cuxa existencia este ente xurídico-eclesiástico, non existiría. Colectivos todos estes que agardaban do seu bispado as oportunas aclaracións e explicacións razoadas, tal como pedían, ás súas preguntas e queixas. Unha equivocada actuación por parte do Bispado que provocou o anoxo e o desgusto dos distintos actores que se viron envolvidos nestes sucesos. 
Tense a impresión de que certos responsables da igrexa diocesana - e como en todo, nisto tamén hai excepcións e distintos talantes - non superaron aínda aquela mentalidade medieval propia dunha Igrexa acostumada a exercer os privilexios feudais de dominio e poder absoluto sobre a xente. Séculos e séculos cultivando a cultura do monólogo dende o púlpito, deixaron en moitos dos seus responsables a súa pegada, incapacitándoos para escoitar e dialogar cos fieis, cuxo papel na Igrexa debe quedar reducido, segundo eles, á pasividade. Pero, eses tempos son xa pasados. E non volverán. 
Para a Igrexa impóñense actitudes de cambio, se non quere perder o tren da historia. Novas formas de relación entre os seus eclesiásticos, como servidores que son, e os fieis. Como Pedro e Pablo se someteron á Asemblea de Xerusalén, así os Bispos e demais responsables da Igrexa han de someterse ás asembleas dos fieis. Dar a cara diante do altar, e non parapetarse detrás del, disfrazados de senadores romanos."

20150824

Catedrais, cupo, e...

Rematando xa o verán, o do cupo das catedrais vai moi manido. O sábado, que eu saiba e aínda que por pouco, non se acadou a cifra estipulada (non sei se entre hoteis, comercios e transporte non se pasaría, pero non na web). As paredes estaban limpas, sen as lembranzas turísticas que apareceron o ano pasado, e mesmo se escoitaba un gaiteiro sobre o cantil, ó pé da entrada (polo que parece, suavizouse un pouco isto da música de gaita nas catedrais despois dos encontronazos iniciais)
Non sei se a xente está satisfeita ou non co cupo, aínda que pese as protestas, e dada a inexistencia real de cupo salvo para a xente de aquí, non vexo que haxa moitos motivos de queixa por pouco cupo. Outra cousa é por moito cupo, e para iso están as fotos.
Certo que a xente se acumula nos momentos de marea baixa, pero iso se lles ven dicindo 'de sempre', non? E aínda así, hai máis xente pola beira do cantil.
Dende a baixada ata o extremo dos arcos, dende o cantil ata a auga.
E no interior , máis que de visita ou de paseo, deambulando.
Quizais, para despedida, veñan ben un par de fotos sen xente...

Por certo, bos exemplos para estudar estatigrafía e esas cousas que, salvo algún pequeno grupo que colle as visitas concertadas, pasan desapercibidos para moita xente que mira e non ve.

20150823

Real Club Náutico de Ribadeo

RCNR, siglas xa algo usadas pero recén estreadas de xeito oficial, representan a denominación do club náutico ribadense, despois de tres anos de tramitacións e do si real.
Non me choca o nome, máis ben porque non presto moita atención á ostentación á que se adhire, pero recoñezo nel posibilidades de chanza, que brindo.
Unha é sobre a realidade. Realmente é de Ribadeo? Certo que as instalacións están en Ribadeo, e mesmo a directiva o é, pero habería que ver entre os socios como andan as porcentaxes, os cupos máis favorecidos potenciando amarres ou outras cuestións, como a consoancia coa sociedade ribadense (en conxunto, aclaro). claro que, en relación á textura social, dende que se pode canxear unha 'pequena' inversión en España por un permiso de residencia (de aí, ó pasaporte, voto e demais non sei se hai un paso, ou se é necesario dalo) pois tamén se poden considerar ribadenses dalgún xeito ás persoas relacionadas co club náutico, só por ter pagado a cota de entrada.
Outra sería sobre a realidade do club. Pouco se lembra xa/nestes momentos dos tempos nos que o CNR -Club náutico de Ribadeo daquela- era unha sociedade cosa disputas típicas de calquera asociación, antes de ser a casa dos desencontros aireados ó vento aproveitando a marea. Cantas das últimas Comarca -poñamos, os tres últimos meses- non traen novas da trifulca interna dunha institución que parece unha arma arroxadiza despois de significar un poder aproveitable?
Máis outra, non menos real: nun tempo no que se cuestiona a realeza, o que representa e a súa representación, resulta que o club xestiona a súa. É de supoñer que despois de ser aprobado o tema en asemblea, aló polo 2013. Pouco antes do Pequeno Nicolás, cando tivo as súas andainas preto das instalacións do club, e como alguén, non sospeitoso en principio de realismo, baixou complimentar / (complementar?) realmente, algo debéuselle pegar ó club para rematar o seu camiño real. Parece que polo momento o rei non veranea en Ribadeo, pero unha visitiña...
O RCNR é o de maior número de amarres en Galicia, e quere amplialos. Mantén e mantivo actividades  que, máis o que representan os amarres, fan del unha forza económica e social de primeiro orde no pobo. Necesita, ó tempo que é acredor, de consideración e respecto. Comezando polos propios integrantes máis significados.
--
Algunhas (no todas) máis do CNR en ribadeando:
Candidaturas 2008: http://ribadeando.blogspot.com.es/2009/01/candidaturas-club-nutico.html
Torres eólicas: http://ribadeando.blogspot.com/2012/10/torres-no-clube-nautico.html
Moción de censura: http://ribadeando.blogspot.com/2009/12/dunha-e-outra-beira-da-ria-de-ribadeo.html
Sen confusión: http://ribadeando.blogspot.com/2009/12/sen-confusion-por-favor.html
Transgascogne: http://ribadeando.blogspot.com/2009/08/10-de-agosto-con-sol.html
Bar/terraza: http://ribadeando.blogspot.com/2009/12/por-porcillan-observando.html

20150821

O que eu debo, o que ti debes, máis o que el debe

Remato de ver nun xornal unha nova non destacada entre as outras: un representante popular, isto é, un cargo electo representando ó pobo en Madrid, declara deber 1,5 M€ ós bancos.
Estamos ó final dun mandato (aínda que neste caso, creo lembrar que era un senador, co que estaría ó comezo da súa estadía na cámara, electo non directamente polo pobo, senón a traverso dunha estrutura intermedia) e xa hai hai anos, un quinquenio, que os dous “grandes partidos” se puxeron de acordo para cambiar a constitución e asegurar así a un máximo nivel legal o pago da débeda acompañando ó déficit cero (algo que entendo que non se está a cumprir, pero que o estado está tentando obrigar a institucións máis pequenas) para deixar de ter débedas como estado, asegurando os cartos alleos por riba dos dereitos propios. Máis aló de que os nosos gobernantes incumpran as leis que nos impoñen [asombro: a constitución é intocable polo pobo, din, aínda que fora o pobo que a aprobou, pero 'eles' poden variala sen consultar a quen a aprobou]. O caso é que nolas impoñen, pero está visto que non se as impoñen a si mesmos...
Andamos coa débeda das administracións (= “Pública”) sobre o 100% de produto interior bruto. É dicir, a administración debe unha cantidade equivalente a toda a produción anual española, incluídas algunhas cousas dende a última reforma, que deixan un pouco perplexo (é o rendemento da prostitución un “produto interior bruto”?). Por certo, que entendo que deste xeito, logrouse baixar algo a “porcentaxe da débeda/PIB", que non a débeda en si.
'Tarxeta electrónica', de http://gl.wikipedia.org
Ben, pois resulta, volvendo ó comezo, que alguén co soldo medio en España necesitaría uns 100 anos para, adićandolle integramente os emolumentos, poder pagar unha débeda semellante. É de supoñer que un señor así ten ingresos por riba da media (o soldo dos representantes populares, ao menos), pero tamén que de pé a pensar que o ser representante popular da facilidades de renegociación persoal... en contra da doctrina oficial (véxase Grecia) onde a moeda de cambio sería o noso ser, a traverso de constricións legais.
Ogallá me equivoque, pero as posibilidades de facer unha cousa semellante ó que remato de apuntar aumentan moito cunha débeda en contra do espírito que os propios lexisladores teñen artellado para que o que é de todos. Logo, en teoría, para todos.

20150817

O centro galego de Ribadeo

A mediados de agosto xa está o froito maduro: as conversas na rúa apuntan claro a que os ribadenses somos minoría en Ribadeo dende hai un tempo. Non se trata de inmigración, senón dese outro tipo de migración que representa o turismo. Sábese (suponse) que é con expiración a data máis ou menos fixa, pero a xente (os lugareños), moitos, están agobiados e queren gardar un recuncho de paz, aínda que estean encantados co trafegar da xente na rúa.
Actividades? Tamén se aproveitan, pero o carácter de 'para os de fóra' non hai quen llo quite, polo aumento relativo en relación a outras épocas do ano, nas que, aínda así, tamén hai actividades abondas.
Desdibuxado, como o galego?
Solución¿? Pois, xa que de cando en vez sae nas novas algo dos centros galegos (o último, que hai menos subvencións para eles, parece ser), institucións asociativas galegas fóra de Galicia, por que non montar un centro galego en Ribadeo? Non sería só estacional, onde a xente de Galicia está en franca minoría, senón permanente, debido a que no día a día fóra do verán tamén hai abonda xente asturiana residindo en Ribadeo, e os centros galegos teñen como finalidade o manter, cultivar e espallar a cultura, lingua, tradición, identidade galega no mundo... A falta de Iesrir ou semellante...

20150815

Ás Aceas... e máis aló

O ano pasado rematouse un paseo que comeza nas Aceas e logo da illa Pancha continúa pola costa cantábrica camiño de Barreiros, Foz... Polo momento, e ante a lonxanía de realización da ruta do ferrocarril dende Ribadeo á Pontenova/Vilaoudriz, o paseo das Aceas remata alí, na barra do muíño de mareas que se intúe na edificación alí presente despois de abortar a recuperación e exhibición que se pretendeu no seu momento. Ben, iso, en marea alta. En marea baixa, e ata media marea, a costa ofrece unha continuidade natural entre os cantís baixos e a auga: un leito de pedras e algunha rocha permiten un camiño natural, totalmente practicable, abondo máis aló. Probáchelo? Se a resposta é non, non te pares nas Aceas a próxima volta, continúa pola beira da ría e terás a túa recompensa.
Como antecedente, algunha foto. A primeira, unha vista da enseada das Aceas dende o seu punto sur. As seguintes, tomadas todas dende o mesmo lugar, uns centenares de metros máis ó sur.





20150812

Edelmiro Bascuas, in memoriam, por J.Mª Rodríguez

Collido de http://cargadoiro.blogcindario.com/2015/08/00432-edelmiro-bascuas-lopez-eminente-investigador-de-hidronimia-calega.html
--
Edelmiro naceu en A Meda, concello de Castroverde (Lugo) o 15 de abril do ano 1931. Fixo estudos eclesiásticos no seminario de Mondoñedo, no que a súa traxectoria, sempre matizada pola súa senlleira humildade, foi sen dúbida sobresaínte, destacando como estudante moi brillante por riba dos seus compañeiros e mesmo de moitos dos seus profesores. Logo de ser nomeado profesor de grego e francés nese centro, desempeñouno durante uns anos con grande predicamento entre os seus alumnos, como quedou demostrado polos unánimes comentarios que del dixeron e escribiron moitos deles anos despois.  
     Graduado en Teoloxía na Universidade de Salamanca no ano 1957, pasou a licenciarse por libre en linguas clásicas na Universidade de Madrid no ano 1968. Logo pasou a exercer de catedrático de grego no ensino medio en Valencia e en dous Institutos de A Coruña. O día 10 de febreiro de 2011, e tras unha longa enfermidade que lle fixo interromper na páxina 71 o volume quinto que estaba escribindo pra dar ó prelo, faleceu na cidade de A Coruña. Foise coa mesma discreción que caracterizaba tódolos actos da súa vida: en silencio, sen molestar a ninguén.
      A figura de Edelmiro pode ser analizada dende moitos aspectos. Ós seus ex alumnos tócalles falar do Edelmiro, profesor admirable. Á Igrexa, do sacerdote cumpridor e exemplar no desempeño dos cargos que lle foron confiados. Ós lectores dos seus estudos sobre a hidronimia, dos seus profundos coñecementos e investigacións. Á súa familia, do marido agarimoso e pai modélico. Ós seus colegas no ensino, do compañeiro preceptor e pedagogo. Ós especialistas das ciencias onomásticas, da inmensa contribución ós estudos dá hidronímia e dá paleolingüística galega, das súas teses científicas e das súas investigacións.
       "Home universal do renacemento - escribe del un comentarista - do que a súa sabedoría quedou reflectida nas investigacións de toponimia, onomástica, historia antiga, arqueoloxía, xeografía, relixións prerromanas, documentación e literatura antiga e medieval, etc.”. “Home cunha extraordinaria cabeza e o corazón axeitado para tanta cabeza, - comenta Xosé Manuel Carballo - queríalle moito a esta súa terra, pero o seu querer non tiña cancelas. O seu afán investigador non lle impedíu amar intensamente á súa familia, a canto quixo antes de formala e a cantos tivemos a sorte de ser seus amigos”. “Sentía placer - engade unha persoa do seu ámbito familiar - en hablar e intercambiar ideas, estimular, en definitiva, a otros muchos interesados en este campo de estudio. Rara avis, ávida de sabiduría”.
      Foi na súa etapa de profesor de grego no Instituto “Ramón Menéndez Pidal”, de A Coruña, onde empezou a elaborar un ficheiro coas súas investigacións filolóxicas. Produto delas foron as súas conferencias e traballos sobre léxico e onomástica prelatinos e preindoeuropeos, pronunciadas en diversos e destacados foros e publicados en diversas revistas, galegas, españolas e internacionais, como, Veleia, Estudios Mindonienses
, Studi Celtici, Paleohispánica, Verba, etc. e a publicación, asemade, de tres obras monumentais sobre a hidronimia galega: Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega, publicado no ano 2002, Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia, saído do prelo no ano 2006, e finalmente, Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega, publicada no ano 2015, xa despois do seu pasamento. Obras nas que vai escribindo o nome de centos e centos de pobos, vilares, regos e ríos, moitos deles fosilizados ou xa esquecidos. Publicacións tardías, resultado das súas pescudas, que comezou a dar ó prelo xa sexaxenario.
      Sabemos por confesión do propio Edelmiro que tiña intención de seguir con tres publicacións mais para completar e dar a coñecer os froitos de súas investigacións, recollidas nos seus cuantiosos ficheiros. Deixou inédita, ademais, unha colección de traballos breves, revisión doutros publicados previamente de maneira dispersa. A súa é unha obra monumental e pioneira no campo da paleohidronimia e da toponimia galegas, mais aínda pola seriedade, pola honradez crítica de investigación, sempre sometida a dúbida sen deixala imaxinación voar, práctica tan frecuente neste campo.
      Como escribiu, Manuel Rivas García, ex-alumno de Edelmiro no seminario de Mondoñedo,“estamos ante un personaxe e unha obra que merece figurar en letras grandes entre os máis esgrevios de Galicia”. Dino Pacio Lindín, amigo e compañeiro de docencia de Edelmiro, escribe del que “foi un xigante nun mundo pequeno. Home escasamente valorado por ese mundo pequeno no que empezou a formarse, foille denegada unha beca para facer a especialidade de grego. Un obxectivo que logrou ó aprobar os cursos de 3º, 4º e 5º de clásicas nunha soa viaxe a Madrid”. E engade que “foi pioneiro na paleohidronimia da toponimia galega e na busca da raíz da etimoloxía azarosa de miles de palabras galegas deducidas da hidronimia”.
      Foron moitas as persoas que acudiron a Edelmiro na procura de orientación, tanto no campo técnico da toponimia coma noutros moitos aspectos da vida, mesmo en asuntos privados, para algúns, transcendentais. Ninguén quedou defraudado. Sempre, dunha maneira ou doutra, soubo acoller e tender unha man amiga e poñer todo o esforzo en satisfacer as peticións de todos os que a el acudiron. Home cun sentido san do humor, grande e ameno conversador, gustaba do ocio asistindo a xuntanzas e compartindo mesa e conversa con amigos durante horas. Conversas nas que sempre predominaban sobre outros, temas de interese como a historia, a arte, a toponimia, etc.
      A súa humildade e sinxeleza, virtudes vividas por Edelmiro en grao eminente, espertaban sentimentos de afecto e admiración en todos os que tiveron a sorte de coñecelo e tratalo. Sempre sinxelo, sempre afectuoso e sempre disposto a axudar e a compartir os seus coñecementos con todos. A pregunta que se lle fixo nunha ocasión sobre por que non deran antes ó prelo os resultados das súas investigacións, manifestou a súa sensación - tal era o seu grado de humildade - de que os seus traballos non tiñan a importancia nin o mérito que se lles daba. Foi mais tarde, baixo a presión do seu amigo, Dino Pacio, profesor de Sociolingüística Histórica na Universidade do Estado de Nova York no baixo Manhattan, que se decidiu a iniciar e dar ó prelo o froito das súas investigacións.
      Pro, como di Dino Pacio nunha carta remitida para o homenaxe que se lle fixo a Edelmiro na Coruña, co gallo da publicación do segundo libro, recordando as palabras do poeta latino, Horacio: “Non omnis moriar; que traducido ó bo galego significa: Non!, non finarei de todo. Edelmiro sigue vivo no mundo da cultura e do noso corazón”.
      E, xa pra rematar, un recordo a quen, coa súa vida exemplar en tódolos eidos nos que traballou, como crego, como profesor e como cristián, coa súa adicación o servizo, ó traballo e ó estudo, deu honra ó nome do Seminario de Mondoñedo no que se formou e ensinou, ás diversas Institucións nas que exerceu a súa profesión e traballou, deixando en todas elas gratos recordos da súa labor e do seu paso por elas e da súa persoa. Que as súas publicacións non figuren nun lugar privilexiado da prestixiosa biblioteca do seminario é un erro imperdoable e unha vergoña. Pois, como ben di unha lenda que figura debaixo dun cadro que hai no Salón de Plenos do Concello de Ribadeo, adicado a un dos seus fillos ilustres,  “quien a su pueblo honra, merece la honra del pueblo”, o seminario de Mondoñedo é debedor dun recoñecemento público a persoa de Edelmiro, como expoñente da calidade educadora deste centro de ensino ó que Edelmiro coa súa vida e obra tanta honra lle deu. E outro tanto cabería dicir das Universidades galegas pola inmensa contribución que, co seu traballo e investigación, fixo ó coñecemento da toponimia e da hidronimia galegas. Pro parece que a concesión do título de doctor honoris causa, do que era ben merecente Edelmiro, está reservado para premiar outros méritos, non tan nobles e mais materiais cos aportados por el a onomástica galega.

20150809

Da cédula real ao pasaxe ás indias

Adxunto presento unha cédula real expedida polo mesmo Alfonso VII, meu amigo, coa concesión do primeiro que se lle ocorreu.

Grazas, amigo Alfonso.
Ben, a cousa seguirá, pois non é a primeira vez que tal real persoa me concede prebenda semellante. Este ano, recén recibida, ocorréuseme pensar no tempo que tardará en outorgarse unha pasaxe á Habana, unha acción da compañía de tabacos  Ribadeo-Cienfueguera no Ribadeo Indiano, ou algo polo estilo.
Tenme comentado máis dunha persoa do glamour do Ribadeo indiano, de que non é unha festa de beber e beber (coido que se refería a que ten outras compoñentes que aminoran esta), etc, e si, estou de acordo en que ademais ten un plus de 'facilidade de aproximación mental'. Tentarei explicalo coas próximas imaxes:
Un armazón estilo antigo/medieval ó pé dunha casa do XIX, á beira doutra remozada hai poucos anos e un estandarte de 'cabaleiros moteiros'
A fonte vella, cos seus escudos certamente non desentona dunha festa medieval
 Pero, que fai un par de mexicanos (mellor, cienfuegueros) na festa medieval? Quizáis aproveitar o disfraz do Ribadeo indiano.
Festas... Certamente, a dinamización do normalmente apagado Mondoñedo nesta fin de semana paga un esforzo. En canto ás licenzas... mentres o entramado económico pase por riba do social ou natural, estas cousas son de pouco.

20150807

Un 'henge' en Barreiros

 O lugar do henge, na Roda, Santiago de Reinante (Barreiros), preto do límite con Ribadeo, e á beira dunha pista e da autovía
Estes días estase a falar del. Pódese ver dende hai tempo (descubriuse no 2006, a conto da autovía -as obras públicas como mellores amigas da xeoloxía, neste caso, historia, que diría Isidoro Asensio Amor), pero non deixa de ser un descoñecido. Dende a prehistoria galega aparece esta construción, que non é un castro, senón un henge, din. Mesmo o chaman o 'Stonehenge galego', nun alarde de inventiva como pode ver calquera que vaia por ámbolosdous lugares, a Roda e Stonehenge (que por certo, dinme que non é un henge, e, ben pensado, polo que lembro, non o é).
Un lugar para que 'turistas e lugareños' pasemos ver unha parte descoñecida da nosa historia un día de verán. Ese é o motivo da ligazón que xa deixei ó comezo: o facilitar o atopar esta construción megalítica que casualmente está ás portas do concello de Ribadeo. En canto a dar máis información, unha vez alí, e visto o escavado, decide se queres saber máis ou non. En canto a turismo, dinamización de Ribadeo, etc, coido que a xente de Barreiros pode falar (e aproveitar) das catedrais igual que a xente de Ribadeo podemos falar (e aproveitar) do henge.
--
Entrada posterior (20160930) sobre o xacemento arqueolóxico de A Roda.
--
Isidoro Asensio Amor en Ribadeando:
http://ribadeando.blogspot.com/2008/09/otro-artigo-xa-vello-fotos.html
http://ribadeando.blogspot.com/2008/06/que-mala-sorte.html
http://ribadeando.blogspot.com/2007/09/iesrir-iniciativas-de-estudo-en-prol-da.html
E pronto, a renovación unha ligazón xa inservible, a da súa bibliografía, antes en http://publicadoenribadeo.wikispaces.com/Traballos+de+Isidoro+Asensio+Amor

20150805

O Faro das Carrallas, na ría de Ribadeo

Despois de tempo sen facelo, o faro das Carrallas volve a funcionar.
Para quen estea algo desorientado, na composición fotográfica do sigpac que poño da saída da ría de Ribadeo, entre a illa Pancha e a punta da Cruz, o faro forma a rompente branca, un punto, case unha coma preto da costa occidental (o faro, no centro, parte de embaixo da imaxe; a costa occidental, á esquerda da imaxe), visible perfectamente dende o camiño do faro.
Notei o fallo de funcionamento hai cousa dun mes ou máis, e sorprendeume que, sendo un faro que marca un punto perigoso no interior da ría, que obriga a facer manobras ós barcos (lembrar a súa orixe na deriva dun mercante ó garete dentro da ría e empurrado polo vento, hai uns anos, e ver a saída dun mercante), non houbera máis novas del nos medios ou mesmo na rúa, máis cando pasou un certo tempo entre o seu fallo e o seu amaño. Ocórreseme que pode ser porque non nos preocupamos do que temos e por iso non miramos para el, ou ben porque pasamos directamente. Agora volve funcionar, diríase que por arte de maxia...
Unha nota: ía poñer unha captura de imaxe de Google Maps, que non ten o corte no medio da ría que ten o sigpac, pero atópome co uso do dobre nome da ría, e decido non poñelo.

20150804

Do traballo ao triunfalismo

Onte, luns tres de agosto, o concello despachou tres novas de prensa. Unha, co anuncio de simulacros nas praias, outra anunciando a apertura de prazo para un taller de harmonización corporal, e a terceira, de "Ribadeo, a tope". Coido que os títulos, copiados da web do concello, xa son abondo ilustrativos da liña que seguen non só esas entradas, senón o conxunto de entradas no blog de novas de Ribadeo.gal, que son enviadas en forma de notas de prensa e recollidas polos xornais como novas.
Se collemos a terceira e lle damos un repaso, o título non engana, trátase de diversas divagacións sobre que Ribadeo estivo cheo a fin de semana pola cantidade de cousas e o ben facer de concello e comerciantes. Un triunfo. Aproveitado para tirar algunha directa contra a Xunta e a súa forma de facer as cousas. E para dicir que é algo permanente e xenuíno de Ribadeo, e non dependente das Catedrais.
Un xeito de velo, diríase. Non vou parar a facer unha análise da nota, pero invito a lela con calma e pensando. Por exemplo, na xente de a pé de Ribadeo, non no binomio turistas/hostaleiros, por poñer outro punto de vista diferente do do alcalde. Faralo ou confórmaste co 'pensamento único'?
A ría, polos Bloques, sábado.

20150803

Louselas, o libro


O próximo venres, 7 de agosto, ás 20:30 horas na librería Casa das Letras de Ribadeo, terá lugar a presentación do libro "Louselas (Ribadeo, Lugo). Los inicios del poblamiento humano en la región cantábrica", de Eduardo Ramil Rego e Jose Ramil Soneira.
Os datos que temos sobre os inicios da poboación humana na rexión cantábrica son escasos, a pesar dos moitos vestixios atopados en diferentes depósitos. A maioría dos estudos coñecidos son parciais e pouco exhaustivos. Esta publicación é un fito na investigación, é a primeira vez que se presenta en Galicia unha monografía científica sobre un xacemento do Paleolítico Inferior.
O xacemento de Louselas (Ribadeo) está situado preto da saída da ría de Ribadeo. Nel recuperouse o maior número de ferramentas achelenses da rexión Cantábrica, atribuída a unha fase pouco evoluída, con escasa representación na Península Ibérica, e que permite propoñer unha antigüidade de 450.000 anos para o xacemento. Os homínidos que se estableceron en Louselas corresponderían á especie Homo Heidelbergensis, portadores da cultura Achelense.
A presentación do libro é unha actividade organizada por Mariña Patrimonio, Casa das Letras, A. C. Francisco Lanza e Asociación de Veciños O Tesón