20080531

Transparencia informativa e democracia

    Titulo esta entrada de igual xeito que un artigo do que quero facer varias citas:
    "Son as fontes e os contidos os que determinan o nivel de calidade e de interese público da información". Apliquémolo á nave que se pretende facer na ría, por exemplo. 
    "Por costume, quen ten as respostas non quere responder porque no seu control radica o seu poder". Serve o mesmo tema da Nave de Mirasol. "O problema aparece cando as respostas son custodiadas pola Administración pública". O mesmo. 
    "A democracia está baseda na información , porque é o cidadán quen ten dereito a coñecer, a expresarse e a estar en desacordo". A mesma referencia volta servir, de novo. Pero pódese cambiar de xeito moi doado o tema de referencia. O mesmo que nas citas anteriores. De calquera xeito, o significado das citas escollidas de J.L. Manfredi é diverso. 
    A primeira pode servir de ilustración á perda de interese xeral pola información de referencia política. Inflacción de fontes e raquitismo de contidos fan baixar o nivel de calidade e o interese das novas. A consecuencia inmediata é o desinterese social e a baixa de aprticipación debido a elo. 
    A segunda explica o funcionamento macarrónico de moitos tipos de administración pola sentencia 'información é poder'. Entre elas, a local de Ribadeo. Négase información a uns, dáselle toda a que se queira a outros. Hai xente que está ata o gorro de que de calquera cousa que entregue no concello sexa comunicada información por escrito ás entidades ás que faga referencia no seu caso, mentras que se pide información sobre a xestión desa mesma cousa, se lle diga que non ten dereito. ... aínda que se espera que, a base de dictámenes xudiciais, pouco a pouco alcalde 'ou quen sexa' vaia variando a postura (dicía unha vella canción relacionada coa relixión 'la vida es lucha') 
    A terceira fáime referir de novo ó parágrafo anterior. É que administración é peor que as empresas? Non, sinxelamente non ten que ver: as empresas estarán controladas internamente no seu caso polos propietarios, pero o caso é que para a administración o equivalente a propietarios somos nós, os cidadáns. En cambio, se a mesma administración crea organismos autónomos (caso de Portos de Galicia), quen os controla? A resposta difícilmente é "o cidadán de a pé". 
    A última hai que vela en confrontación as segunda cita: se a información é poder, e o cidadán ve truncado o seu dereito a ela, é evidente que o que ve é que a democracia é asimétrica, é dicir, deixa de ser democracia. 
    Unhas cantas referencias para ilustrar o anterior: 
    * Unha nova no 'El Mundo' sobre ruído. Quen ten información de que está facendo o concello de Ribadeo sobre o ruído, despois de alomenos dúas sentencias condenatorias de como xestiona o tema? A resposta, a vista de resultados, é: nada ou moi pouco a dereitas. Pero seguro que hai algún papel por aí onde se di que se está a facer algo. 
    * Unha viaxe ó Uruguai comeza hoxe. Ó final, parece que si se deu unha programación da mesma, despois de que se movera a prensa. Mais, estamos en Ribadeo. Quen deu a información adecuada ós ribadenses sobre a viaxe dos seus representantes? Existir, supoño que existe. Coñecer, non se coñece. Ou será que non existe (ver por exemplo o artigo de José Mª). Tamén, todo segundo a prensa, parece que finalmente vai menos xente da que se pensaba. De Ribadeo, o alcalde (a lembrar que alí naceu), o portavoz do PP (quen non quere que as asociacińs se interfiran), o portavoz do PSOE, a representante da fundación comarcal da Mariña Oriental e o xerente dos irmandiños. Parece abondo heteroxénea a comitiva para facer algo de proveito, pero, voltamos ó mesmo: podo aseguralo? non, non hai información. 
    * A nave do porto: evidentemente, información é poder: Cando se presentou o Presidente de Portos aquí, a cousa xa estaba no DOG. Hai quen crea que os empresarios que poideran estar interesados non tiñan a información antes que os opositores á nave? Portos e unha entidade pública. Pode facer un control dela o cidadán? 
    E, como é domingo, algún aspecto máis lúdico: 
    Deixo para finalizar unha ligazón, versión dun poeta novel de algo que moitos pensamos sen versificar. E, xa que é domingo, tamén algo para enganchar no voluntariado a aquelas persoas que teñan un pouco de tempo, moi pouco: por exemplo, uns momentos de aborremento. 
    Algunha nova máis que me ten pasado M. Grueiro sobre a nave en Mirasol e a construcción na zona (incluído o castro da Atalaia en S. Cibrao): http://www.burbuja.info/inmobiliaria/showthread.php?t=66818; http://www.elcorreogallego.es/index.php?idMenu=5&idEdicion=894&idNoticia=304871
    Para rematar coa nova de que 'paseo habemus' cara ó sur pola beira da ría.

Noticia de entradas en Ribadeo Historia

    En Ribadeo Historia, despois de deixar a entrada referente a Marquesado, Luto oficial e Orde de Carlos III para Leopoldo Calvo Sotelo, onde se nome no BOE á ría de Ribadeo, deixei hoxe a Acta do Pleno do Concello de Ribadeo de 13 de setembro de 2004, na que se da aprobación unánime á participación extra-pleno das asociacións con preguntas ós integrantes do pleno.

20080530

Ribadeo, que pequeno es

    A prensa hoxe lémbrame a Hernán: a banda de Burela non tocará mañá na procesión por propia decisión. Un paso que Hernán non chegou a dar, pero que si tratou de minimizar, ese de dar paseillos procesionais (xa non digamos dos pasarúas). De calqera xeito, a súa postura abriu o camiño a que agora se poda facer con máis tranquilidade. Fai quince anos, por esa reducción gañou críticas de repulsa acérrima e o enfado perpetuo dunha parte da sociedade. Claro que había outras cousas máis acompañando, que facían posible a unión por parte dos críticos, por exemplo, do anticlericalismo e o non ir nas procesións. Para un estudo máis profundo que pode que algún día faga Fuji (ou outro)
    Pero o de que Ribade é pequeno non vai por eso. Vai por outras cousas. vai porque me preocupa a amnesia social que padece Ribadeo, que parece non ter un núcleo de xente abondo como para que se lembren e se manteñan vivas de xeito eficaz algunhas cousas. Por exemplo, que se segue indo a luz. Menos que hai uns meses, de xeito máis espaciado (levamos varias semanas sen corte), pero o problema está aí, a carta de protesta aínda non foi contestada polos responsables e a xente segue a súa vida ... ata que haxa outro corte.
    Vai polo Plan Xeral de Ordenación. Despois de ampliar o prazo de exposición, UPRi segue afondando enque se investigue, e ós outros partidos 'séntalle mal'. Xusto como unha pequena familia na que un decide obrar pola súa conta e ous outros tentan voltalo ó rego de xeito pouco ortodoxo ou se limitan a criticar. E, como en toda familia, é de supoñer que hai cousas que non saen ó exterior: o caso é que no xulgado non está o tema, a pesares de que polo anuncio a bombo e platillo parecía que si ía ser así.
    Vai tamén pola nave do porto. Está claro que para metelo nas noticias dos medios a nivel Galicia necesitamos de Asturias, non podemos metela sós. e así aparecen os dimes e diretes da conselleira asturiana, da conselleira galega, e agora, de Areces, que non di nada novo (máis ben, intenta contemporizar, aínda que salvando a cara pola súa subordinada). Falta Touriño, que é de supoñer que, entre outras cousas, volva a nomear mal a ría de Ribadeo (véxase a nota de Areces, que me pasou José Mª onte e poñerei só non caso en que xere posturas novas) e saia tamén en defensa da súa conselleira (a xente normal cada vez existimos menos para os políticos, como non sexa para pedir o voto e criticar a nosa postura). Queda lonxe o que sexa aplicada neste ema unha frase do Premio Nobel de Economía Amartya Sen, tomada dun artigo de Loretta Napoleoni o outro día no 'El País': "O estado, non o mercado, debe ser o responsable do benestar dos cidadáns". Aquí constituiuse Portos precisamente para que as institucións tiveran menos que ver no tema, e as empresas poideran ter máis man libre. Esperemos as verbas de Touriño, así como seguimos esperando o escrito do concello onde poña en papel a postura tomada polos nosos representantes máis directos. Mentras, a postura do alcalde de Ribadeo da unha esperanza sobre o tema, ó tempo que deixa claro que alomenos nalgún momento a postura dos nosos representantes foi que se opoñían porque esperaban que a nave fora freada de máis arriba.

20080529

Esperando os foros da muller en Ribadeo e máis aló

Pronto comezarán os foros da muller: mañá, na escola de Piñeiro,Paz Otero falará sobre nutrición. Non sei a xente que vai ter, pero é interesante.
Xusto ó revés da xente que se vai preocupar polas novas que seguen sobre a nave do porto. Reproduzo o titular da Voz: "El Principado ya habla de conflicto con Galicia por la nave de Ribadeo". Coido que hai que relacionar o titular non só coas palabras da conselleira Asturiana, que parece ser que a mencionou, senón tamén coa titular de Política Territorial da Xunta, que apoia a construcción, resultando así o primeiro apoio político explícito e repetido, mentras queda claro que o resto se lava as mans (exceptuando os membros do consistorio nos termos que xa se viron e que segue a quedar o seu certificado por escrito). Noutro apartado, a sra. Caride, recoñece un impacto 'estético importante'. E lémbrome que o presidente de portos en ningún momento lle asignou (na reunión na que estiven) unha altura á nave. En fin, que tamén lle di ós asturianos (ó seu goberno) que mire o que están a facer nas Figueiras, esquecendo que os recheos feitos en Ribadeo supuxeron ata omomento un impacto abondo máis importante. Como era aquelo da razón da sinrazón?
Tamén hoxe nos enteramos que, segundo ADEGA ningunha das piscifactorías en funcionamento en Galicia ten permiso de verquido de augas. E hai unhas cantas funcionando. É dicir, se non se opón a xente á construcción dalgunhas cousas e se permite tirar para adiante, entón desaparece a posibilidade de control efectivo. Sexan piscifactorías ou bares. Tanto da: unha vez permitido, non hai control.

20080528

Horario regular de autobuses entre Ribadeo e Trabada


Vino o fin de semana e chamoume a atención. Preguntando, resulta que leva varios anos funcionando...

Ribadeo e a súa nave no porto de Mirasol


    Segue a dar que falar a cousa. Non é para menos. Onte mesmo asistín a unha xuntanza onde se via o perigo de que a xente considerara ganado o tema e deixara de loitar. E non, non está ganado. As novas non fan máis que dar voltas dicindo que os políticos estarían dispostos a dicir non, se as cousas seguiran como agora, mentras Portos segue 'á súa bola' para adiante, realizando os pasos legais pertinentes. Noxe non é só que na prensa se airee a idea de desenpolvar un novo ramal de Feve (algo que xa se dixo día pasados); o meu amigo Ángel pásame unha ligazón a un blog asturiano que titula unha entrada 'Es imposible que la Unión Europea apruebe el muelle flotante del Eo' (o do Eurodiputado Masip). É evidente que outros xeitos de política están a entrar para emborrotallalo todo, aínda que circunstancialmente podan coincidir as posturas (e benvida sexa a conincidencia mentras dure): non só ignora o nome da ría de Ribadeo e para non facelo dun xeito 'ilegal', confunde a ría co río, senón que insiste nunha idea da prensa asturiana de 'peirao flotante', cando a cuestión é que é unha nave, cuberta, e con unha morea de pilares na ría, con basamento e non de tipo flotante (que faría resentirse á estrutura a cada marea). Por non falar de que segue coa idea de proxecto do goberno galego cando un dos pilares da petición, o principal, é a factoría asturiana de Ence, e así sucesivamente. O dito, compañeiros de viaxe.
    A cuestión é que se se insiste moito na prensa nun momento determinado (agora), calculo que pronto estará a mesma prensa (e a xente en xeral) cansada da nova e xa non será nova. É necesaria unha estratexia ata despois do verán e diso é do que se tratou de falar na xuntanza que houbo onte e que non transcribo porque polo momento non vexo convinte dicir máis que que a houbo.
    Mentras, xorde unha nova fonte de polémica (por se non abondara co PXOM ou os cortes de luz, por pór dous exemplos) de tipo político: a viaxe de alcaldes de catro concellos mariñanos, representantes de grupos políticos, representantes de entidades relacionadas coa política, algún empresario etc, ó Uruguai, pagado pola Deputación. Polo que parece, un total de 24 persoas, do 1 ó 9 de xuño, sen ter moi claro que van facer aí, pois a axenda, a catro días da marcha, está no aire, sen precisar demasiado. O que si está claro é que van a gastos pagos ('subvencionados') e que dos portavoces ribadenses, o único que non vai é Paco Rivas, que parece se desmarcou polo tema da non clarificacion da axenda e consideralo unha viaxe de pracer. Hase saber máis do tema hoxe mesmo, estou seguro.
    Mentras, a carta que dez agrupacións veciñais enviaron polo tema dos cortes de luz está comezando a recibir resposta, polo momento sinxelamente ó acuse de recibo nun par de sitios, onde se da conta do seu reenvío á Consellería de Industria. A foto, dun desbroce recente nun monte de Ribadeo (visible na zona de confluencia Obe-Vilela) polo que pasa unha liña eléctrica.

20080527

Sic transit gloria mundi


    Collo unha foto xa vella tomada no escaparate de Foto Miguel, do día seguinte ó enterro de Calvo Sotelo. Fáigoo un día no que di a prensa que a familia ve con bos ollos unha homenaxe.
    Teño tamén unha foto do mesmo día seguinte no cemiterio, que non poño porque non quero que se considere unha falta de respeto: os mortos meréceno e Calvo Sotelo non é unha atracción turística. Pero o certo é que aínda a semana pasada uns foráneos ('barceloneses', dixeron) estaban á procura da tumba no cemiterio. E con ela, das da familia. Non é estrano, pois non ten ningunha identificación, pero lembreime deses cemiterios onde se acubillan persoeiros diversos e se converten en lugares de peregrinación para seguidores. O cemiterio estaba vacío e atopei o tarro de vidro con flores que adornaba a tumba tirado. As fotos de Miguel amosan que o día do enterro, o paso non estaba baleiro nin mesmo pola volta turística que deu o coche fúnebre pola súa casa, o porto deportivo, etc.
    As novas de hoxe son sinxelas: a parte da antedita, os ganadores do concurso de tapas 'Ribadeo de tapeo' e que o surtidor de Ribadeo 'Eroski' deixou de ser o máis barato da provincia. Respecto desto último, noto unha cousa en xeral: o gas-oil é de peor calidade que hai cousa dun ano, pois rende menos. E non só o de Eroski.

20080526

Ribadeo e a política actual

    Un par de feitos, unha especie de desafío político ás asociacións de veciños de Ribadeo a semana pasada, e a opinión do presidente bretón do comité de irmanamento con Galicia achacando ós comités galegos demasiada politización, fixéronme pensar. 
    O primeiro, que se debe ós actuais políticos de Ribadeo, comezando polo alcalde, a seriedade nos plenos, non equiparables sen ir máis lonxe ós do mandato anterior. comentáballo a un político local: pode que non sexa visible por todos os cidadáns que se perden a asistencia a eses momentos de decisión, pero só pensando en como os periodistas teñen que variar o seu humor ó asistir e logo o traducirán ó transcribir as novas, coido que xa pagou a pena ese cambio. 
    Cambio que é un dos que se está a observar e que están permitindo ós partidos, moi pouco a pouco (pois a cousa é lenta), recuperar algo da credibilidade perdida. A todos. Mesmo o que poderiamos chamar 'boas accións' duns afectan a que mellore a credibilidade dos outros. 
    Credibilidade que afecta a uns máis que a outros, pero que remata afectando ó sistema, o que é malo para todos porque con algo no que non crees é difícil colaborar. E sen colaboración dos cidadáns, a estrutura vénse abaixo ou fai augas por tódolos sitios. 
    Estamos acadando a perfección? Conformémonos con que o día a día vaia mellorando: ninguén é perfecto, pero quen intenta mellorar merece respeto. E colaboración. Xa sabemos que tódolos pasos non var ser cara adiante.

20080525

O día de hoxe en Ribadeo





Choiva e bo tempo. Estrea en Rinlo polo novo grupo de teatro de Ribadeo de 'La casa de Bernarda Alba', de Federico García Lorca. Invitado, non podo asistir. Case ó tempo, a procesión do Corpus. Tampouco a choiva deixou. As fotos amosan algo do ambiente.
E acompaña unha foto para lembrar que comeza a campaña anual de humor da Paco Lanza, de humoristas nos comercios.

Nave no peirao de Ribadeo, Asturias, ligazóns e comentario

    Recollo da Voz varias ligazóns do sábado (1, 2, 3, 4) nas que se da nova dos últimos contos sobre a nave do porto de Mirasol, en particular a raíz das declaracións da conselleira asturiana de medio ambiente no seu parlamento. E tamén do domingo (e nos xornais asturianos). 
    Coido que xa meditei algo sobre isto dende o post anterior. E así, nun día de Corpus (perdón, de celebración trasladada dende o xoves para que cadre en festivo legal) no que de novo o cura de Ribadeo tenta impulsar unhas alfombras florais que teñen na outra beira da ría unha expresión maior e máis variada, e tamén de novo sae o tema da pouca representación mariñana na autoridade portuaria Ferrol-S. Cibrao, volto a falar do tema da nave que se pretende facer en Mirasol.  
    Expresaba a miña sorpresa por a exposición da conselleira asturiana dicindo que tiña o compromiso do goberno galego de que a nave non ía adiante, antes de sabelo en Ribadeo o mesmo alcalde. Parecía como mínimo unha falta de tacto por parte do goberno galego. O mesmo día, nunha actitude prudente, o alcalde ribadense dicía pola radio que non recibira nada oficial, mentras a continuación aparecían as declaración do presidente de portos tentando non dicir nada mentras implícitamente (e nalgún momento tamén explícitamente) comunicaba que polo que respecta a Portos, todo continuaba tal cual. A partir de aí, a resposta en Galicia está por darse, mentras en Asturias as cousas están claras, chamándolle á conselleira correspondente inxenua de diversos xeitos tras a aclaración da Xunta de que o que lle dixeran a dita conselleira era que se Ribadeo-concello non daba licenza, a nave non se construiría. En fin, que a cousa segue tal cual, tendo que confiar polo momento, sen que haxa nada por escrito, que a cousa pararase nalgún lugar que decidan os políticos. Políticos que poden influír no informe de Patrimonio, no informe de Medio Ambiente (tendo ademáis que dar nota do que afecta as diversas figuras de protección que a ría ten, e polo tanto, pasar pola Delegación de Medio Ambiente de Lugo, non só polos 'técnicos' en Santiago ou mais aló) e por suposto, na concesión da licenza por parte do concello. Licenza que, se ben o alcalde, en representación dos grupos municipais asegurou no pleno do luns que polas características deste caso particular o concello tiña moita discrecionalidade na súa concesión, algún político de fóra tamén implicado no caso opina que se a cousa chega á petición de licenza, o concello vai estar atado, sen posibilidades reais de denegación. 
    Mentras, no pleno do luns o que se pedía era que se pronunciara grupo a grupo, oralmente e por escrito. Nin grupo a grupo, nin por escrito (alomenos polo momento). 
    É dicir, en conxunto, a célebre técnica política de cargar sobre outros a responsabilidade nos momentos espiñosos, practicada a todos os niveis, tentando botar balóns fóra para que se mire para outro lado. Particularmente, insistirei ata conseguir a resposta por escrito dos grupos políticos, que ben poidera ser a declaración do alcalde, posta en claro, asinada polos portavoces dos partidos no pleno. 
    Esquecíaseme: O PSOE si que deu pola prensa (non como declaración asinada) a súa postura. Precisamente o PSOE, que a consecuencia do cambio de chaqueta polo último recheo, ten para min a credibilidade máis baixa. E, botando man das lembranzas, lembro que UPRi tamén quería facer (ver en Ribadeo Historia os programas eleitorais) un porto deportivo na Vila Vella, zona protexida, chocando a algunha xente que agora se opoña. O terceiro partido da oposición, por outra banda, rexeita o 'todos a unha' por boca do seu portavoz, pois pretende que os partidos sexan a única voz que se poda oír, desautorizando que outras persoas ou asociacións podan opinar e traballar polo ben común. Curiosamente, non parece que falara nada en relación coa única 'abstención de opinión' que se manifestou en Ribadeo, a do Presidente do Clube Náutico e de Acisa. Debe ser que turistas e empresarios si poden falar (como sempre, dentro das asociacións hai quen non opina o mesmo que o portavoz, e non sería nin o primeiro nin o terceiro empresario que me din que non están de acordo co Presidente). En canto ó BNG, o alcade aglutinou tamén o ser portavoz do mesmo, polo que só lle queda por poñer por escrito as cousas.

Ribadeo de tapeo 2008

... O libriño deste ano












20080524

Finalizando co último pleno da corporación ribadense

Sobre este pleno de Ribadeo (antes, contestción de preguntas de O Tesón, puntos soltos do pleno, e a maioría dos puntos).
...seguindo coas preguntas do PSOE
O que se fai no xardín de indianos non coincide co aprobado. Fáino Medio Ambiente, que ten no traballo á empresa Tragsa. Detectaron deficiencias no proxecto, o redactor do mesmo non atendeu ós requerimentos de información. Non existe a modificación a nivel papeis no concello. “... nin é un parque de indianos o que se está facendo alí ...” (Balbino dixit). (Por certo, que é un 'Parque de Indianos'?)
Que pasa cos imcumprimentos da ordenanza técnica de inspección de edificios? dictaranse multas coercitivas.
Sinalización horizontal dos pasos cebra. Necesita un novo proxecto.
comité de irmanamento con Loctudy. Teñen sen responder unha carta. A idea é seguir adiante.
Frecuencia de recollida de plásticos na zona das Anzas.
Fonte do Covo en Obe. Proposta feita con anterioridade por UPRi.
Preguntas do PP:
Rehabilitación da rúa Carlos III
Estrada de saída do punto limpo.
Retirada do cadro eléctrico da fonte do parque (algo xa visto no blog)
Xestión do rozado das cunetas.
Piso tutelado: necesidades. Non hai; e a pregunta non se fixo polo conducto habitual: como empregados co concello, teñen unha canle adecuada.
Goteiras no auditorio. (algo xa visto hai tempo no blog)
Farola en Pintor Fierros
A vía de tras do cine teatro, está aceptada polo concello? Está requerido o seu amaño ó constructor.
Suxerencia de aspectos técnicos no rebacheo.
está recibida a r/San Francisco? (polo que parece, chámanlle a 'rúa pozuelo'. Inunda as catro calles, como se está a ver estes días.
Columpios no parque das casas do Xardín. Hai algún elemento que é perigoso.
Outra do parque de indianos: parado e con síntomas de abandono.
Escolas deportivas. 14. A vela incumpriu horarios por dous anos e non se fai.
Situación da casa da ría.
Reestudio da situación e suxección de contedores.
Sería bo que a alcaldía non tratara de capitalizar o plan con artigos na prensa sobre el.
O PSOE aproveitou para pedir explicacións sobre o incumprimento do CN no tema da vela. Axustando o alcalde que posiblemente se lle reduciría o pago (pero non eliminar totalmente)
E fin.

20080523

A nova de hoxe

    A nova de hoxe aínda a teño que dixerir: que sexa o goberno asturiano no seu parlamento quen diga que a nave non se vai a construír, que llo dixo o goberno galego, sóname a tempos medievais en Galicia e de ilustración e Asturias. Voltarei sobre o mesmo.
    Mentras, outra parte do pleno (anteriores: http://ribadeando.blogspot.com/2008/05/un-pleno-diferenciado.html , http://ribadeando.blogspot.com/2008/05/un-novo-da.html , http://ribadeando.blogspot.com/2008/05/da-munidal-da-biodiversidade.html :
    No pleno do luns, (20080519) e despois das referencias anteriores, a acta do pleno anterior foi aprobada por unanimidade.
    No segundo punto xurdiu algunha pregunta, en particular sobre o teléfono móbil de protección civil (dous aparellos) que en tres meses supuxeron 1000€. Informouse no mesmo punto que o do alcalde e os integrantes do equipo de goberno teñen o saldo limitado. O do alcalde, a 200€.
    O terceiro, aprobado por unanimidade, foi da petición de subvención para servizos sociais.
    Punto 4 Estiveron de acordo en pedir axuda para poder afrontar diversas rehabilitacións; o taller seguirá a chamarse 'Ría del Encuentro II'
    Punto 5. Abstívose a UPRi, votando a favor o resto, pero poñendo diversas críticas a oposición polo recurso á expropiación para obter os terreos correspondentes a un novo aparcadoiro, que suscitou tamén algunha crítica de escepticismo sobre o seu valor. Non embargantes, non se falou nada en relación a que a construcción do aparcadoiro fora á beira do mar, algo que coido que sería tema a tratar.
    No punto 6, acordaron presentar ante o ISM/SS a petición a reversión da 'Casa do Mar' (antiga cárcere), estando implicada no tema a S.S. e a Xunta. O ISM pasaría de xeito provisorio ó auditorio (o PP apunta que sería convinte que pasara a instalacións vacías no porto). Votouse por unanimidade, estimando de xeito unánime que non se desenvolveron as condicións da cesión. Dese xeito, o edificio pode quedar como 'Casa da música', como pretende o goberno municipal, nome que tería ó ser adicado ó desenvolvemento musical.
    No punto seguinte, todos acordaron por unanimidad a petición da Torre de Hércules como Patrimonio da humanidade.
    8. Acordouse a limitación horaria de aparcamento na zona do mercado, distribuíndo discos horarios gratuítos por parte das tendas para os seus clientes (4000). Foi interesante a discusión, na que UPRi apuntou a dificultade de control e a influencia negativa que terá nos veciños (apuntada con anterioridade no blog), motivo da súa abstención. Os outros grupos, votando positivo, apuntaron 'á espera do aparcadoiro subterráneo' (PSOE) e felicitaron ó goberno municipal pola idea, incidindo en que hai que insistir ante patrimonio para poder levar a cabo o aparcadoiro subterráneo (PP).
    No punto seguinte, a expropiación dos terreos para a nova depuradora serán pagado a 7€/m2, 8 no caso de fincas con eucalipto, cos comentarios sobre o recurso á expropiación xa tamén referidos no punto 5
    10. Respecto á galescola, UPRi apoiou a moción polos postos de traballo e de gardería, instando á vixiancia para o cumprimento de prazos. O PSOE apoiou, indicando que debería incluírse a recuperación do resto da finca. E o PP votou en contra alegando algo moi claro: gardería, si; galescola, non.
    11. Aumento de taxas, que xa foi tratado no blog.
    12. Foron ratificadas as licenzas (pero non podo dicir cales)
    13. E acordouse tramitar de xeito positivo outros expedientes máis relativos a varias unifamiliares, o edificio de Julio Lazúrtegui 4, Alza 15, Ramón González 5, e dous da rúa S. Roque (ambos de 'O Gallopín'), máis outro máis que non puiden coller a ubicación.
    14.Relacionouse este punto cou outro de UPRi de 17 de setembro de 2008, explicando o por que daquela o mesmo PP votara en contra e agora propón algo semellante. O PSOE abstívose, e UPRi deu lugar a unha pequena disquisición ó dicir o seu portavoz 'os ribadenses saben ben a quen lle deben a obligación', en referencia a que fora ese grupo quen fixera a primeira proposta. Así, despois de que o BNG dera un informe sobre os diversos prazos de tempo transcorridos en relación con esa obra da Deputación, pasou o turno ó PP, que falou de desparalizar o proceso e denunciar públicamente quen está fallando no mesmo, despois de paralizar as obras do goberno (provincial, de outro signo político) anterior, e rematando cun 'os ribadenses non lle deben obriga a ninguén'. A discusión deu lugar a outro turno, curto, pero no que se embarullou algo máis a cousa, falando de gobernos da Deputación e no que tivo tamén lugar a petición/expresión de desexo de UPRi de que sinxelamente, se fagan. A votación arroxou os votos de abstención de PSOE e UPRi.
    15. A moción en favor dos agricultores meteuse de cheo en política non municipal. O PSOE anunciou que non entendía a cousa (por xenérica, inconcreta, e dicindo que 'xa está o ministerio para solventalo') absténdose, mentras os outros grupos votaron a favor.
    Foi incluído a continuación un punto por vía de urxencia: a aprobación da extensión da exposición pública do PXOM un mes máis, proposta polo PP e votada por unanimidade.
Pasouse logo a rogos e preguntas, punto 16. Foi como unha copiosa choiva na que participou todo concellal que non fora do grupo de goberno, presentando en xeral (con honrosas excepcións) cousiñas que podían evitar a extensión do pleno, sendo ademáis máis propias de tratar noutros momentos.
    Comezou por turno, UPRi.
- Estado de tramitación das novas vivendas sociais. Xa foi adxudicada a obra.
- Ribadeo ten só dúas categorías de bandeira verde. Só se presentou a dúas das catro por considerar que había méritos para esas.
- Existencia de anuncios eleitorais aínda. Está cursada unha petición á comisión eleitoral.
- Adecentamento de setos na Virxe do Camiño
- Non funcionan farolas na Avda. de Galicia. A alusión xa foi feita en plenos anteriores, sendo a culpa da realización do xa célebre edificio que nos seus baixos dá cabida a Alimerka (o mesmo que deu lugar a un desprendimento da calzada e tivo cortado ó tránsito un paso ó Xardín dende a Avda. de Galicia)
- Falta de sinal de stop na Devesa.
    O PSOE:
- Petición de amaño da pista de Loureiro a Campo Xurado.
- Na rúa S. Lázaro, ó ter aparcamento nas dúas beiras e tráfico nos dous sentidos, prodúcense situacións nas que os coches teñen que parar por non poder pasar ó tempo nos dous sentidos.
- Situación dalgúns edificios ameazados polo concello polo seu estado. Baixos do bar Cubano (ver post anteriores e as súas fotos fotos), púxose unha liña de protección polo concello pero no está; en deseño o proxecto para a súa posterior execución. Trinidad 6. Obra xa comezada. Edificio fronte ó Millo: obra a comezar nestes días.
- Estado de tráfico da rúa Ramón González. Baralláronse varias solucións, quedando seguramente que sexa peonil, de acceso en coche nos dous sentidos a quen vive alí, despois de descartar a opción de que poidera soportar tráfico, pero sen paradas.
- Petición dunha repulsa oficial pola tala de árbores centenarios nos terreos da Granxa-Escola Pedro Murias, segundo din, relacionado co sobrevó de liñas de Barras Eléctricas (aquí sinaluse un pequeno dato: 'a quen se lle debe tanto favor'). Polo momento, o alcalde négase a facelo.
    ... quedan preguntas do PSOE e PP. Polo tanto, continuará.

20080522

Día mundial da biodiversidade

Hoxe é o día mundial da biodiversidade. Atópome un artigo en internet que explica a importancia de que haxa especies de todo tipo, equilibrando a balanza vital. Inmediatamente véñenme á mente a ría e tamén o noso propio 'ecosistema ribadense', así como outros desequilibrios: a prensa leva varios días co tema de que a autoridade portuaria de Ferrol-S. Cibrao ten sete representantes coruñeses e só un lucense, cando o aporte pecuniario á empresa común é maior do lado lucense (o que por certo, fai pensar de novo nas decisións de Portos de Galicia sobre a nave na ría).
A ver se me da tempo a tratar todos os puntos e aínda voltar sobre algún do pleno.
O goberno asturiano pronunciarase no parlamento asturiano sobre a nave do porto de Ribadeo. Algo parello ó que se reclamou a nivel local en Ribadeo ó concello e que en Galicia parece non ter calado nin neste nin noutro caso ningún a nivel parlamentar. Antes de que salla, a miña opinión é que escurrirá o vulto por non ser competencia asturiana, aínda que sinalando que non o queren. Aceptaría apostas se xogara...
A autoridade portuaria Ferrol-S.Cibrao da unha mostra de desequilibrio. Neste caso, de poder relativo, non de diversidade. Pero o caso é que eso incide en cousas como en inversión realizadas nunha e outra zona, e no xeito no que se fan esas inversións. e leva tamén a plantexar: que representantes ten en Portos de Galicia a provincia que podan defender os intereses de Ribadeo en dito organismo? E aquí xa conta o que non exista 'biodiversidade': varios representantes darían lugar a opinións diferentes e a solucións mellores, contabilizando maior gama de opinións. Alomenos, sería de esperar, aínda que o deixou claro o Presidente de Portos: os cartos, como nunha empresa calqeura, son os que mandan nesta empresa/organismo públco. Os representantes, de telos, terían que mirar en primeiro lugar por ese detalle: os cartos.
O 'ecosistema ribadense'. A nivel político, está moi ben a biodiversidade. Pode facer que se manteñan discusións equilibradas sobre o que lle interesa a Ribadeo, e polo tanto actuar finalmente menos por intereses partidistas que por intereses da poboación. Nese sentido, hai épocas e épocas no concello. Agora levamos case un ano de talante conciliador dun goberno en minoría, aínda que moitas veces se sigan a ver actitudes incomprensibles dos representantes políticos tanto no pleno como a outros niveis (e digo incomprensibles, inexplicable lóxicamente, non que sexan ou non coincidentes co que eu ou outra persoa calquera poida pensar sobre un tema). De calquera xeito, a actual representatividade vai polo camiño da biodiversidade en relación a anteriores corporacións, dende hai moito tempo.
A ría. A diversidade propiamente natural da ría está pouco a pouco a ser variada. Aínda hoxe segue a ser unha das rías mellor conservadas, o que non diexa de impedir cousas como algunha que teño reseñada no blog con anterioridade: a auga na dársena de Porcillán non ten nada que ver coa de hai dez anos, por exemplo. E iso inflúe nos peixes que alí se poden coller, polo que os pescadores teñen que 'emigrar' a augas máis abertas, do espolón para afora, en mellor estado. De calquera xeito, sobre a ría, refírome mellor que o quepoda dicir eu aquí, ó artigo referido ó comezo.
Do pleno? só un comentario sobre a avalancha final de preguntas que os representaes fixeron ó grupo de goberno. Recibín unha notiña en 'pleno' pleno referida a ese tema. Poñía: "Esto chámase: 'gimieron los montes de parto para alumbrar un mísero ratón'". E é o que pensaba en xeral a xente que alí estaba: en xeral, cousas que se poden solucionar polo corredor do concello, dicindo algo así como 'oe, ten en conta eso'. E non nun pleno. Certamente, o actual goberno municipal ten 'talante'.

20080521

Algunha ligazón sobre o pleno e a nave en Mirasol


http://www.lavozdegalicia.es/amarina/2008/05/21/0003_6835746.htm
http://www.lavozdegalicia.es/amarina/2008/05/21/0003_6835747.htm
E unha carta na Voz. Sairán máis...

Pan e letras: cultura en galego todo o ano

Pasado o día das Letras Galegas, unha segunda entrada hoxe para lembrar a celebración deste ano, tentando estendela un pouco máis aló dun día, coa reproducción da tarxeta que o concello deixou para repartir nos comercios de pan e das letras ese día. En Ribadeo, a cultura oficial estase a facer de xeito maioritario en galego: cultura / galego todo o ano.

Un novo día

Vin no blog de José Mª unha crónica do pleno. O saber que xa está en internet unha crónica completa, aínda que diferente da que poda facer eu, permíteme unha tranquilidade á hora de abordalo. De calquera xeito, dado que as novas de hoxe na prensa refírense ó pleno, se exceptuamos o comezo do segundo 'Ribadeo de tapeo', continúo tamén hoxe con algún punto particular.
Como o 11, sobre a suba das taxas da escola municipal de música. Espúxose que mentras os gastos anuais ascenden a un 270000€ na actualidade, os ingresos por matrícula son uns 30000€, e a subvención da Xunta, 18000€. É dicir, as taxas terían que medrar ata nove veces se se pretendera unha autofinanciación, e medrando asemade a subvención xunteira, terían que facelo unhas seis veces. Como noutros puntos no pleno, interviron tódolos grupos políticos, que ó final deixaron só ó BNG na aprobación. UPRi vaticinou que non era momento de subas, coa crise actual, e que ía provocar unha diminución de matrícula. O PSOE, que ía ser difícil de asumir polas famlias. O PP, aludiu de novo a que se volte a estudar a posibilidade dun conservatorio de grao medio (algo que xa se decidira nun pleno, polo que lembro). Rematou o alcalde en nome do BNG e en defensa da proposta, do que destacarei unha frase, remarcando se non entendín mal que en Ribadeo a cultura estaba máis barata que en Cuba. asemade, o alcalde sinalou que se trataba de invertir o proceso dun déficit cada vez maior.
Saíron a relocer, pois foi pedida axuda á nova interventora, a taxa de cobertura, que sae nun 17%, e o gasto por alumno, que entre 350 alumnos aproximadamente que ten na actualidade a escola, sae a 770€ en números redondos. Na aprobación só polo BNG vai incluído non só a aumento do 25% das taxas, senón a diminución de exencións e reduccións (por exemplo, o 10% que había por matricularse nunha segunda asignatura). Esa diminución inclúe que durante o primeiro ano na banda os músicos non teñan reducción, e que sexa só dun 50% nos 4 seguintes, ata o 5º, a partir do que xa será gratuidade. Ben, se non entendín mal, eso leva dous problemas consigo que non saíron a relocer no pleno. O primeiro, legal, pois fai necesaria unha variación do convenio entre Amadores da Música, a titular da banda, e o concello, pois o convenio se mal non lembro di que existirá a gratuidade. O segundo que vexo é que así, a gratuidade queda reducida de xeito práctico só para a xente que vaia a seguir estudando musica ou pouco menos: difícil é entrar na banda antes do 10 anos, e facil o facelo despois, co que un estudante normal atoparase como pouco no bacharelato cando acade a gratuidade. Tendo en conta que por termo medio a xente despois do bacharelato dun ou outro xeito sae de Ribadeo, non queda moito que razoar. O que si vexo é que con esta norma evitarase a inasistencia en determinadas circunstancais e pode que tamén se valoren máis esas mesmas clases que agora non van 'sair gratis', como se considera que sucede ó non interiorizar que o traballo na banda está relacionado con esa gratuidade.

20080520

Un pleno diferenciado

Onte, día 19 de maio, terceiro luns do mes, houbo pleno. A acta pódese atopar en Ribadeo-historia, nunha imaxe ampliable. 16 puntos da orde do día inicial, que xa batían unha marca, foron ampliados a 17 coa inclusión dun punto extra para aumentar un mes a exposición do PXOM. 25 persoas chegaron a atender parte dun pleno longo (rematou ás 22:45) no que se batiu outra marca: non lembro ningún pleno anterior no que interviran no turno de rogos e cuestións absolutamente todos os concelleiros que non forman parte do equipo de goberno.
Comezo polo final: as preguntas da AVV O Tesón.
A asociación formulou as preguntas:
"1.Como garante que é o concello da legalidade urbanística e superada ahora a fase sancionadora, solicitamos do sr. alcalde saber se ten pensado o concello, como principal responsable da legalidade, personarse no xulgado como parte acusadora contra as irregularidades cometidas polos construtores que non respetaron as licencias de obras concedidas para demandar a total reposición da legalidade esixindo a demolición das alturas ilegais?
2.Ante a nova da licitación de terreo no porto para construír unha nave no peirao de Mirasol, solicitamos coñecer oralmente e por escrito as posturas neste momento de cada un dos grupos sobre a construcción dunha nave das características que se barallan."
E obtivo as respostas: 1.Non está superada a fase de proposta de sancións, estando no tempo de alegacións. Existe unha infracción administrativa, pero considérase que non se apsa do administrtivo ó penal co incumprimento das licencias legais.
2.Contestou o alcalde por todos os grupos, coa responsabilidade que eso implica: presentar unha unión da que despois se poden desmarcar. Non se está licitando, senón que se está a tramitar unha concesión administrativa.
Citas literais no que me lembro:
"A corporación municipal, todos os grupos, á vista do dito por portos (todo de xeito oral, non existen escritos) non consideramos convinte nin axeitado, consideramos improcedente..."
"Non existe plano de uso do peirao"
"Entendo que non se debe dar a licencia"
"Nese ámbito é mui, mui, mui discreccional para o concello dar a licencia"
"A capacidade do concello penso que nese asunto é plena"
É dicir, poderiamos paralo, pero collerse os dedos dicindo rotundamente non, iso non está na cabeza da corporación nestes momentos.
cabe engadir que a resposta á pregunta foi, entre as presentadas polo Tesón nestes anos, a de resposta máis completa entre as que non foron respondidas cun si ou un non. Pero tendo presente que quedou patente o apoio ó rexeitamento na actualidade, pero a sombra de que poda variar no futuro, á vista do que ten pasado mesmo no mandato anterior, e aínda que o talante actual pareza ser ben diferente.
... é só quedan de comentar 17 puntos.

20080519

Lido hoxe. Non é necesaria tradución

"A las palabras puede que se las lleve el viento. Pero en política, a las mentiras no. Si se insiste en ellas, sedimentan mal." "la mentira te degrada y degrada al mentiroso." J. Ernesto Ayala-Dip en El País.
Ás veces, hai periodos nos que é necesario insistir en determinadas cousas (citei o mesmo tema no día das letras). En Ribadeo hai moita xente que non esqueceu que foi a unha manifestación encabezada por un alcalde que ós dous días dicía o contrario que na manifestación no programa electoral. Botáronse as pedras na ría. E perdeu as eleccións. E segue sen esquecerse o tema.

O PXOM de Ribadeo, revisitado




Antonte houbo unha xuntanza entre os representantes políticos ribadenses. Un resultado coñecido pola prensa amplía o prazo de exposición pública e alegacións ó PXOM un mes. Coido que é unha boa nova, que xa se deixou entrever hai tempo neste mesmo blog, e que da lugar a unha mellor análise. A nova vése completada cunha construcción informática da zona (aproximadamente) que aparece no primeiro plano. Está ben eso de presentar unha recreación dixital de como pode ser unha zona no futuro. Pero se representan unha zona así (que coincide cunha importante zona verde na vila), coido que non estaría mal o completar o resto da vila (por que non o resto do concello?) de igual xeito. É dicir, non entendo moi ben por que se presenta eso, algo totalmente parcial, e non a totalidade. Tampouco, polo que lembro (non teño a foto do levantamento dixital diante, a prensa segue a ser un intermediario entre o concello e a xente nestes tempos de internet) me parece que apareza reflexada a zona con fidelidade ó que se ve no plano, pero eso non o podo asegurar.
Para continuar co PXOM, recollo hoxe unha pequena cousa en Meirengos, a lágoa Cascos, con foto actual e a súa desaparición/non aparición no plano. Plano que visitei por un comentario que me fixo un veciño: por que a zona de Suelo Rural Protegido de costa (SRPC) se extende moito máis na zona central da imaxe (zona de Meirengos cara a Rinlo) que no resto? Nin idea. Hoxe pasei por alí para ver se sobre o terreo notaba algo, e non o conseguín ver. Tampouco o por que da 'punta' que se mete sobre ese tipo de terreo preto do porto de Rinlo. Ben, a visita deu de si o poder ver o bó estado actual da lágoa Cascos / piscina Acuinor e o estado da estrada que pasa por diante dela, que despois das obras para a lágoa, quedou tal cual. Co efecto de ser hoxe a estrada con chan asfáltico de peor piso de todo o concello. Quen o dubide, que pase por alí, entre Rinlo e a antiga piscifactoría na punta dos corvos (algo que por certo coido que podería rehabilitarse con bó beneficio para o turismo)

20080518

Concerto da letras galegas 2008



Concerto da letras galegas 2008. Celebrado nun esceário inusual, tivo dúas obras extra, tocadas ó final: 'Na rúa do porto' e 'Ponteareas'. O Vídeo, o pouco que puiden salvar dun 'erro técnico', un anaco de 'Lonxe do mar', a obra de Hernán Naval.

20080517

Está xustificada a mentira en política?

Faigo outra entrada extra hoxe, no día das letras galegas, un sábado de 2008 no que na Comarca hai máis extensión adicada á nave da ría que a outra cousa, extensión na que se lembran as verbas e opinións dos políticos o outro día, todos máis ou menos en contra da nave de Portos e Mirasol.
O artigo que da pé á entrada, ó que me refiro, creado por Hans Kung, no El País, titúlase como esta entrada, e, para ter unha referencia antes de lelo enteiro, dúas mostras: "... la veracidad ...no sólo es un requisito para los ciudadanos individuales sino también para los políticos; especialmente para los políticos. ¿Por qué? Porque los políticos tienen una responsabilidad especial respecto al bien común y además disfrutan de una serie de privilegios considerables." (Os políticos) "Deben saber cuándo, dónde y cómo hablar... o callarse.

En lembranza de Hernán

Coido que case se me pasa. 2001-2008, xa sete anos do pasamento de Hernán Naval Parapar,para algúns, 'O Mister', como para Fernando / Fuji, que lle adica hoxe 1, 2, 3, ... 4 entradas.
Entradas no blog coa categoría 'Hernán Naval'

No día das letras galegas

Avda. de Asturias e Alza
Pasando por Meira, pode verse unha e outra vez o letreiro 'Miño' antes de cruzar a ponte do rego que por alí pasa. Despois de moito tempo de aparecer nos libros de xeografía que son estudados nas escolas que o Miño nace en Fonmiñá (no concello de A Pastoriza), un par de sinxelos carteis a cada lado do regato dunha estrada frecuentada poden cambiar abondo a relación de poder das verbas nunha guerra dialéctica que manteñen os dous concellos polo prestixio que da o ter no seu territorio o nacemento do río 'pai' de Galicia. E o prestixio sempre ven acompañado dalgunha cousiña máis.
En Ribadeo, despois de ter unha 'sentenza' sobre o nome da ría de Ribadeo, parece que as cousas están un pouco máis claras no uso do nome, pero tanto os medios asturianos como de cando en vez algún galego, seguen empregando se non direitamente ría, ou indireitamente estuario, 'do Eo', eufemismos como chamala polo o nome do río (á altura da Ponte dos Santos...). Sen entrar pola cartelería do moi galego 'Portos de Galicia' que en sendos carteis nas entradas de Mirasol ou Porcillán especifica que o que ten diante o lector é o Mar Cantábrico. Por iso, para contribuír a aclarar as cousas neste día das letras con algo máis que o homenaxeado Álvarez Blazquez, pediría ó concello de Ribadeo que lle transmitira á empresa encargada da cartelería na Autovía do Cantábrico que puxera xa o cartel coa inscrición 'Ría de Ribadeo' a ambas entradas da Ponte dos Santos. Coido que, a parte de obter unha sentencia, hai que sentenciar o uso. E no Día das Letras Galegas', a máis de repartir un tarxetón en relación a Álvarez Blázquez e facer pasarúas de gaitas, presentar un libro pola mañá e representar a correspondente obra teatral pola tarde, e aínda un pouco máis tarde, poder escoitar a Banda Municicipal de Ribadeo, sería unha contribución ó coidado da toponimia en calquera lingua, e non só nun día, senón en calquera tempo.
Toponimia que por certo está tratando sucesivamente en relación a moitos lugares ribadenses José Mª Rodriguez, e non só no seu libro "Estudio sobre toponomía en Ribadeo", senón na serie de artigos que ven sacando pouco a pouco a pouco no seu blog.
Mentras, a foto lembra que mesmo no día das letras, as letras só son un vehículo, por exemplo, en relación ó urbanismo. A foto amosa o terreo recén rematado de valar na esquina entre a Avda. de Asturias e r/ da Alza, preparado para construír, ó que parece, mentras o terreo valado hai tempo na peonil, que anunciaba a súa próxima construcción hai xa anos, segue coa valla unha e outra vez polo chan. Unha diferenza pode estar entre o número de pisos permitido nun lugar e noutro.

20080516

Marcando pautas


Hoxe algúns cativos de Ribadeo marcarán pautas. Farano na Pontenova, onde haberá un concerto didáctico a cargo da banda infantil. E mañá, concerto das letras galegas pola Banda Municipal de Ribadeo. E pasado, á Estrada de novo a banda infantil. É dicir, o papel pautado funcionará esta fin de semana a todo trapo entre a xente de Ribadeo afeizoada á música, en particular entre os pequenos.
Boa iniciativa a de retomar os concertos didácticos longo tempo esquecidos e que causan un agradable impacto nos pícaros que os contemplan, ó tempo que tamén o fan nos que os presentan. Pode que non estivera mal unha extensión dos mesmos para xente maior: un xeito de aproximarse á música que non houbo oportunidade de poñer en práctica para a xente de certa idade cando era máis pequena. É dicir, outro xeito de sentir a música e aprender dela/con ela, ó tempo que gozar dela.
E coincide tamén hoxe o festival conta o cancro no Hernán Naval, con 16 intérpretes afeizoados nesta terceira edición.
Mentras, en boa medida contra a música, unha nova nos xornais nos lembra que a Sociedade Xeral de Autores pode cobrar mesmo por poñer a radio nun local público e sair un pouco de música polo medio. O concello ribadense acordou hai non tanto o pago de 30.000€ por dito concepto. Díxeno no seu momento e repítoo agora, ante catro actuacións dun xeito ou outro relacionadas co concello (banda 'municipal', banda infantil 'da escola municipal de música', actuación do cancro no auditorio 'municipal'), que debera rebelarse a pagar igual que o ten feito xa abonda xente, e pleitear con xeito: coido que a facura veríase reducida, igual que en casos de particulares sinxelamente se viu eliminada por determinadas circunstancias. É unha política de non loitar contra os poderosos e avasallar ós débiles a que xa ten historia no concello e que se debera finalizar dunha vez por todas. En fin, voltando ó da SGAE, é unha guerra moi particular. Animo a poñer nun buscador 'contra SGAE' e mirar algunhas das páxinas devoltas da procura.
... e debería aforrarse cartos para pagar a suba da escola de música. Suba á que non me opoño (coido que é a de menor importe de matrícula de todas as do entorno ata ben lonxe), pero que con oposición ou sen ela significará un pico se se confirma que este ano sexa dun 25%. É algo así como como subir ou morrer de éxito polo número de matriculados, a unha media de case 600€ de gasto municipal como subvención. Claro que por outra parte, si considero que a cultura pode ter subvención como xeito de mantela, pois é un ben público (... e de pronto caio no tema da ría, que tamén é un ben público ...), e asemade, que a xente de fóra que ven a Ribadeo á escola remata xerando ingresos extras para o comercio, hostalería, etc.
Trinidad, Fonte Cavada e Amando Pérez serán serán 'melloradas', pagando un 80% a Xunta. E tamén aparece nos xornais unha proposta da alcaldía dunha especie de 'zona azul limitada'. Verei con calma a cousa, xa que nunha ollada rápida, polo momento paréceme que discrimina ós ribadenses fronte ós visitantes.
A foto, das obras da ponte hai xa uns días, amosando un pico en San Miguel que non aparece nos planos do PXOM.

20080515

De volta á normalidade?


    Despois de onte, parece que debería voltar a normalidade. Pero, que normalidade? O esquecemento tanto de que a construción da nave xa comezou un longo proceso que non se detén polo que opinou un pobo enteiro antonte? A volta a pensar no PXOM, para o que xa quedan menos de tres semanas para que remate o prazo de exposición e presentación de alegacións e no que sempre hai grandes intereses en xogo? O non esperar a resposta de BeGaSa, Rede Eléctrica, Consellería de Industria, etc, porque nunha semana enteira non temos nova de que se producira un só corte de luz en Ribadeo?
    Din que o pobo que non coñece (e iso pode ser por puro esquecemento) a súa historia está abocado a repetila. Así sucedeu en Ribadeo co último recheo en relación ó anterior, 22000 m2 hoxe ocupados por unha lonxa, un negocio de reparación de barcos (que tardou en instalarse) e un aparcamento (o que máis ocupa), pero a maioría baldíos, despois de ser o emprego a desculpa sempiterna para o facelo. Na realidade, non hai que esquecer o pasado ... nin o presente. Hoxe mesmo aparecen na prensa as primeiras notas tibias en relación á nave de xente que manexa institucións moi relacionadas con Portos de Galicia: Gervasio Cao non fai valoracións porque non hai proxecto. É dicir, os planos preliminares non din abondo... E detrás del, pois é o Presidente, o Club Náutico. E o comercio de Ribadeo, que coido oponse na maioría, pero xa sabemos que a educación para a cidadanía (é dicir, para exercer como cidadáns, deberes e dereitos) é unha materia que está a chegar agora ás aulas, e mentres parece que aínda estamos arrastrando moitos vicios cidadáns dunha ditadura. Polos 'mandos' e polos cidadáns de a pé.
    ... A Mariña promóvese en 'Expovacaciones'. Supoño que a ría tamén entrará no paquete mariñán. Mentres, en Asturias hai quen xa pensa e proxecta sobre a base de accións xudiciais. E iso que está prevista a coordinación de administracións na ría, segundo foi anunciado recentemente polos dous presidentes autonómicos.
    Un pouco máis lonxe, albíscanse outros problemas / solucións a nivel zonal, como a liña eléctrica dende Pesoz, en Asturias, a Boimente, en Galicia. Ou o certificado ambiental para Alcoa, que é unha boa nova e que aseguran dende a empresa que é un dato da transparencia cara ós veciños a parte de indicador de control ambiental. E, noutra orde de cousas, a detención dunha residente ribadense cun botín, obtido tamén en Ribadeo, que sobrepasa de lonxe os dous millóns das antigas pesetas. E logo hai quen di que os veciños nos metamos nas nosas cousas ... (debe ser porque as cousas que cremos que son de todos xa están adxudicadas a algún)
    A foto, do que creo (e non eu só) que foi un atropello arqueolóxico no termo de Ribadeo, na zona do monte Comado, en Remourelle, Ribadeo, zona de restos arqueolóxicos na que se puxo recentemente unha antena e se arrasou co que alí había.
    De volta á normalidade...

20080514

Unha continuación






Despois do 'informe sobre a nave de Mirasol', e complementando de xeito parcial, hoxe só algunha foto tomada dende o Parador da zona onde se pretende artellar a nave (coa intención de facer unha composición perspectiva cando poda) e as ligazóns á nova recollida nos xornais da visitas do Presidente de portos onte (Na Voz, e na 'La Nueva España', que no Progreso en internet saen máis tarde):
http://www.lavozdegalicia.es/amarina/2008/05/14/0003_6816104.htm
http://www.lavozdegalicia.es/amarina/2008/05/14/0003_6816107.htm
http://www.lavozdegalicia.es/amarina/2008/05/14/0003_6816106.htm
http://www.lavozdegalicia.es/amarina/2008/05/14/0003_6816105.htm
http://www.lne.es/secciones/noticia.jsp?pRef=2008051400_41_635926__Occidente-Cargo-gallego-toponimo-asturiano

Novos retos, novas oportunidades: unha entrada fóra de contexto, para a revista do IES Porta da Auga

Cando se estuda ós seres vivos, soe comezarse pola descrición do seu ciclo vital. De xeito básico, nacen, medran, aliméntanse, reprodúcense e morren. O ciclo pode cortarse en calquera momento debido a causas diversas. Estámolo vendo tódolos días coa xente, vendo a incidencia dos accidentes nese ciclo vital, ou mesmo a diferente taxa de desgaste no vivir, que leva a rematar a vida antes a uns que a outros.

Hai pouco vimos como as circunstancias asemellaban máis ó noso IES Porta da Auga a un ser vivo, con tódalas súas propiedades. Un ser vivo do que formamos parte polo momento, a modo de células que constitúen estruturas superiores, órganos, sistemas, ... que conforman a totalidade.

O IES naceu na década dos setenta; aínda non hai tanto que se celebraron os seus primeiros vintecinco anos, e vai morrer a data case fixa máis ou menos coa idade de Xesús, eses incertos 33 que se lle atribúen e que de axustarse á realidade, farían cambiar a data do calendario que usamos.

O caso é que naceu por decreto ministerial, e medrou. Medrou moito dende o primiero grupiño de alumnos e profesores (e alumnas e profesoras), diversificando a formación que se impartia, mutando, e no camiño, tamén perdendo parte das súas posibilidades como as persoas que nos facemos maiores tamén imos perdendo parte das nosas posibilidades no camiño, ou como cando temos un accidente e de pronto nos vemos impedidos de xeito temporal ou definitivo nalgunha das nosas funcións. Así pasou cando de pronto, por imperativo externo o centro quedou sen rama sanitaria, ou cando un pequeno impedimento fixo que os estudantes non poideran acceder a determinadas carreiras como saída. No medio, tamén podemos facer unha comparación con aqueles animais que sufren unha transformación imprevisible, que parece truncar o seu crecemento para pasar á vida adulta a traverso dunha crisálida: o centro sufriu unha transformación algo parella cando se implantou a reforma educativa, pasando a ter unha situación anómala varios cursos ata renacer cunhas ensinanzas diferentes, mesmo cunha estrutura interna diversa da que tiña antes do cambio. Crisálida ou rito de iniciación forzado para a vida adulta? Non sei, pero de calquera xeito, situación nova e desafiante da que o centro saiu fortalecido. Mentras, os diversos nomes que foi tendo foron deixando constancia dese medrar e variar. E a variación do número relativo de actividades ou o tipo das mesmas, ou mesmo a variación de relacións no centro foron asemade deixando constancia do envellecemento de parte das células-profesores ou da renovación contínua doutras, células-alumnos.

En fin, o centro alimentouse continuamente. Non só de novos alumnos, senón tamén profesores. E non só deles, senón tamén asimilou unha parte dos niveis de ensino do colexio público. E, noutras esferas, consumiu grandes cantidades de diferentes materiais. E segue a consumir.

O IES tamén tivo unha especie de reproducción. E non só unha vez. Hai xa tempo que, por exemplo, foi segregado da tutela do IES un novo centro, o da Pontenova. E, nunha segregación diferente, sufriu unha mitose dando lugar a dous centros, un que seguiu co nome anterior, IES Porta da Auga, e outro, co mesmo apelido, da mesma familia, pero que recibiu o nome de CIFP Porta da Auga.

Agora, o ciclo vital dunha desas entidades post-mitose cérrase por mandato desa especie de deus dos centros educativos que é a Consellería de Educación, da mesma estirpe de deuses dese Olimpo particular que o Ministerio de Educación que lle deu vida. O xeito en que está previsto que se remate o IES, a data fixada, parecería máis un axustizamento que unha morte natural. Pero, no universo vital dos centros educativos, non todo pode asemellarse a unha vida humana como a concebimos nós. Por exemplo, parecería que tiveran algo de razón os budistas cunha rolda cósmica particular na que o centro se reenxendraría noutro novo, o IES de Ribadeo, no que tería que convivir nun mesmo corpo o esprito do Porta da Auga con outro dun ser en principio estrano a el (como el o é para o outro), co do IES Dionisio Gamallo.

Ó tempo, aquí é onde entraría o que poderiamos chamar vida despois da morte. O 'máis aló' do IES Porta da Auga, nun limbo/ceo/inferno compartido onde a opción concreta do trío presentado non se coñece previamente, senon que irase construíndo pouquiño a pouco. Coñecer ó outro (ten revista a modo desta que tes nas mans?), ver os novos retos como novas oportunidades, o confiar e construír conxuntamente, poden levar a unha especie de ceo no que haxa abondo espazo para todos, sen verse constrinxidos a aulas minúsculas ó tempo que a non ter necesidade de elixir previamente opcións de formación porque non hai xente para ofertalas todas. Por desgraza, as oportunidades poden converterse en problemas se se actúa de xeito negativo. Os IES teñen experiencia formativa e educativa. Esperemos que a nova vida dentro de dous anos nos sirva a todos para sacar partido das novas circunstancias.

20080513

Falando da nave na ría

Horas despois da cacerolada, xa teño máis datos sobre participación. De tres fontes diferentes, 40, 50 e preto de 100 persoas. Fíome das dúas primeiras máis que da última, pero media centea de persoas para algo que non tivo un mínimo de organización homologable non está nada mal. Pola tarde fun á xuntanza co Presidente de Portos no Parador, ás 17 horas. Coido que vou facer unha separación en partes para referirme a diferentes aspectos dela. Poden quedar algo deslavazadas algunhas cousas, pero coido que será mellor así, separando por temas. 1.Crónica do desenvolvemento. O día comezou co envío dunha nota aclaratoria á prensa (algo que xa tentei deixar claro na entrada da mañá), que reproduzo: "Ante a nova de hoxe de que o Presidente de Portos de Galicia ten previsto reunirse esta tarde con representantes da Plataforma e de O Tesón, xunto con outros representantes veciñais, cabe aclarar que non está previsto que a dita xuntanza vaian representantes da asociación, aínda que poidera ir algún directivo a título particular e deixando ben claro este punto. A asociación, ademáis, non foi convocada de xeito formal, senón por unha chamada telefónica indirecta o luns. A postura da asociación é que a nave non se debe construír, non admitindo solucións alternativas para que se poda facer despois dalgunha reforma, polo que calquera interese sobre aclaracións de puntos concretos non leva consigo un cambio de postura sobre o tema. Para dito cambio de posición da asociación sería pois necesario un cambio total na idea básica, orientación, método e transparencia coa que Portos de Galicia está a desenvoltar as súas xestións. " O día do Presidente de Portos estivo axetreado: comezou cos representantes políticos de Ribadeo, pero continuou con outros grupos, para rematar (coido) coa directiva do PSOE ribadense no Parador. Antes, ás 5 da tarde, tamén no Parador, xuntámonos 4 persoas (dous representantes da plataforma, un da AVV de Obe e eu como independente, cousa que especifiquei en principio) co Presidente de Portos, Jacinto Parga, acompañado do Delegado Provincial da COTOP e unha muller (non me quedei co nome) cargo que ten poder sobre o porto ribadense. Entramos tres dos 'a informar' e presentamonos, non tardando en aparecer Balbino Pérez de pasada, que tivo o tempo xusto de pesentar o cuarto asistente antes de marchar. Quedou claro para min que a ascendencia política neste país ten aínda unhas conexións que son derivadas ou asimilables ás que eran comúns hai moito tempo: parece que o PSOE, de quen depende a consellería correspondente a portos, era o organizador, e non Portos ou o concello. Máis aínda cando persoal dunha radio de fóra de Ribadeo me aclarou esta mañá, a pregunta miña, que recibiran un fax especificando a nota de prensa que foi a directora do que apareceu nos xornais hoxe. Non indaguei máis no contido detallado da nota, porque non me pareceu que fora necesario para establecer a clave propagandística de Portos-Xunta-PSOE. O Presidente de Portos foi amable e tamén claro: deixou prístinamente claro que eles (Portos) defendía un tipo de intereses económicos, e que era consciente que outros, como as asociacións ou Medio Ambiente, defendían outros, e que non estaba pola labor de intentar convencer doutros intereses que non foran os seus. É dicir, non hai contraargumentos, senón outro tipo de valores. Eses intereses de Portos pódense concretar en aumentar a actividade sen facer medrar o porto, é dicir, sen fortes inversións da súa parte. Quedou pois claro, por se non o estaba antes, que Portos vai tirar para adiante, tentando beneficiarse dunha inversión privada na nave. Asemade, tamén quedou claro que en certa forma, teñen que quedar ben ante os seus clientes, os grupos que teñen intereses nos portos, establecendo un paralelismo tamén cos políticos que tiñan que quedar ben diante do pobo de Ribadeo. Repetiuse varias veces que se non pelexan pola nave, non sae. Non sei se querendo dar confianza para que non se actúe e nos confiemos ou compaixón ante unha obra que queren que saia adiante. 2.Características A nave prevista en principio ten unha liña de 90 m sobre os 22 pilares (11 dobles) na auga, algo menos en terra. Sobre auga esa prevista unha cubrición de 2007 m2, meténdose na auga uns 24m, e en terra, de 3775 m2, o que fai un total de 5982 m2. Á espera dun debuxo/plano que farei mañá, ten un total de 5 portas usables por transporte, e unha división no medio para separar zona de carga de zona de almacenamento (un pouco menor). O seu lugar, exactamente onde prevera aquí, e aquí, ocupando tamén cousa dun 30% do último recheo, como dixo mesmo o Presidente de Portos. Cousa curiosa: nos planos amosados non aparecen por ningún sitio as alturas, necesarias para facer o deseño da grúa-ponte que alimentaría as naves. O deseño, aínda que coido que dificultaría o uso do resto do porto, non ten inconvenientes de paso para Portos polo motivo de que o seu dominio marítimo abrangue aínda uns 80 m máis lonxe da nave, e sería cousa de dragar a canle un pouco máis aló. Eso facilitaría o poder seguir usando o porto mentras se constrúe a nave, non enturbiando prácticamente o movemento portuario pola obra. Por certo, chamoume a atención que o plano de situación (data de sinatura, 11/4/2008), incluíndo boa parte do núcleo urbano ribadense, esteña mellor trazado que o do PXOM (polo menos, así o estimo eu) 3.Alternativas A xente da plataforma preguntou pola posibilidade de meter a nave na zona sur, falando da zona dos bloques dun xeito sobre o que algún día querería falar con eles. O caso é que o meter a nave na beira sur do peirao para que os navíos teñan que facer manobra de 90º implica un dragado antieconómico, a parte de que posiblemente invadiría a zona que xa non é de portos. Plantexada por min a idea do porto exterior, tendo en conta o custe que iso supoñería, pero tamén que o porto ribadense seguirase a colmatar, a primeira intervención que xurdiu foi precisamente dun membro da plataforma para informar que mantiñamos posicións diferentes. Non podo dicir que o Presidente me contestara máis aló da dificultade económica e de falar algo sobre a vella idea do porto seco na zona da estación de ferrocarril e a bondade que tería a comunicación por tren entre a estación e o porto, algo que o mesmo representante de Portos viu difícil polo desnivel entre estación e ría. Noutra zona do porto, o facer algo como o que se pretende sería inviable por estrangulamento do resto de actividades do porto. 4.Comentarios varios. Chamoume a atención nalgún momento a jerga empregada: é 'unha aposta empresarial privada' Ten como precedentes unha nave en Marín, aínda que físicamente non poden ser iguais (algo xa dito na xuntanza mantida o pasado venres), tendo aquí restriccións que alí non hai. A parte, tentou dicir que sería menor porque os barcos que poden entrar aquí sonmenores que en Marín. Tentou tranquilizar sobre a posibilidade dun novo recheo na zona do actual porto pesqueiro, valorando positivamente a existencia dunha lámina de auga abrigada, fronte a un recheo que di, minusvalora (en relación ó pasado recheo, que agora serviría en parte para a nave e que se lle lembrou que o anterior Presidente de Portos dixo que non tería edificacións, coa contestación de que por moito que se quixera, a palabra dada por unha persoa duraba como moito o que o seu mandato se non había papeis polo medio) O Presidente de Portos estima que algunhas das cousas que máis valoran os seus clientes on a rapidez e a seguridade xurídica. Despois de referirse ós beneficios para o porto en función do movemento de carga e actividade económica inducida (que non aclarou onde podería verse reflexada), referiuse de pasada á Reserva da Biosfera como título honorífico. Sobre as queixas de Asturias, quedou claro asemade que pouco teñen que facer como institución, senón é actuar como unha entidade calquera que se opoña. Sobre os motivos da ampliación, o aumento da producción de ENCE, xunto coa mellora nos prazos de carga (que dixo pasarían de 3 días a un-8 horas- de estiba, podendo descargar un camión dunha soa collida da grúa), a posibilidade de máis fluidez de saída ó ter espazo de almacenamento e o paso de 60/70 barcos ó ano a 120. Nun momento citou como sobradamente coñecido a Camilo Nogueira como socio de Pertejo. Tamén saiu a relocer que o dragado, na actualidade e en Asturias, esixe que se deposite a area a 4 millas mar adentro, mentras que en Galicia esíxense 22 millas. Algo a mirar cando se faga a manobra por parte da draga, e incomprensible, sendo de supoñer que no sentido do dragado, a ría 'pase a ser asturiana' na súa totalidade. O dragado próximo está cifrado en 2 M€. Quedaron moitas cousas por preguntar (estaba esperando a directiva do PSOE), como actuacion sobre as correntes,por exemplo. Deixouse claro asemade que hai motivos de desconfianza da xente en relación ás institucións. 5.Prazos A cronoloxía, segundo Portos, é: xuño-xullo 2007, primeira nova de Portos. Setembro, primeiro contacto co concello sobre o tema. Febreiro 2008, análise sobre a súa posibilidade ou descartabilidade. 5/3/2008, solicitude formal de Ceferino Nogueira, co apoio de Ence. 29/4, trámite de competencia (DOG), que ven a ser algo así como un anuncio por se alguén quere reservar espazo non ver que xa está reservado. Con posterioridade, se non hai competencia, a próxima intervención pública, tras a presentación dun primeiro proxecto, realización de estudo de impacto ambiental (estimado en termos de tempo nuns 3 meses) e conseguir o placet de Cultura/Patrimonio por estar na zona do casco vello (forma, volume, ...), o do concello (licenza), ... sería polo mes de setembro, tendo xa que facerse exposición pública, etc, para conseguir a solicitude de concesión administrativa. De calquera xeito, dada a maraña de prazos e demáis, non me estranaría que tivera collido algunha referencia mal sobre os prazos. 6.Nota/comentario final. Despois desto, coido que non hai máis información real da que había, pero que é abonda para que, por exemplo, os partidos políticos se decidan claramente como les foi pedido. En fin, quedan por poñer planos e algunha cousa máis, pero polo momento quedará así.