20080513

Falando da nave na ría

Horas despois da cacerolada, xa teño máis datos sobre participación. De tres fontes diferentes, 40, 50 e preto de 100 persoas. Fíome das dúas primeiras máis que da última, pero media centea de persoas para algo que non tivo un mínimo de organización homologable non está nada mal. Pola tarde fun á xuntanza co Presidente de Portos no Parador, ás 17 horas. Coido que vou facer unha separación en partes para referirme a diferentes aspectos dela. Poden quedar algo deslavazadas algunhas cousas, pero coido que será mellor así, separando por temas. 1.Crónica do desenvolvemento. O día comezou co envío dunha nota aclaratoria á prensa (algo que xa tentei deixar claro na entrada da mañá), que reproduzo: "Ante a nova de hoxe de que o Presidente de Portos de Galicia ten previsto reunirse esta tarde con representantes da Plataforma e de O Tesón, xunto con outros representantes veciñais, cabe aclarar que non está previsto que a dita xuntanza vaian representantes da asociación, aínda que poidera ir algún directivo a título particular e deixando ben claro este punto. A asociación, ademáis, non foi convocada de xeito formal, senón por unha chamada telefónica indirecta o luns. A postura da asociación é que a nave non se debe construír, non admitindo solucións alternativas para que se poda facer despois dalgunha reforma, polo que calquera interese sobre aclaracións de puntos concretos non leva consigo un cambio de postura sobre o tema. Para dito cambio de posición da asociación sería pois necesario un cambio total na idea básica, orientación, método e transparencia coa que Portos de Galicia está a desenvoltar as súas xestións. " O día do Presidente de Portos estivo axetreado: comezou cos representantes políticos de Ribadeo, pero continuou con outros grupos, para rematar (coido) coa directiva do PSOE ribadense no Parador. Antes, ás 5 da tarde, tamén no Parador, xuntámonos 4 persoas (dous representantes da plataforma, un da AVV de Obe e eu como independente, cousa que especifiquei en principio) co Presidente de Portos, Jacinto Parga, acompañado do Delegado Provincial da COTOP e unha muller (non me quedei co nome) cargo que ten poder sobre o porto ribadense. Entramos tres dos 'a informar' e presentamonos, non tardando en aparecer Balbino Pérez de pasada, que tivo o tempo xusto de pesentar o cuarto asistente antes de marchar. Quedou claro para min que a ascendencia política neste país ten aínda unhas conexións que son derivadas ou asimilables ás que eran comúns hai moito tempo: parece que o PSOE, de quen depende a consellería correspondente a portos, era o organizador, e non Portos ou o concello. Máis aínda cando persoal dunha radio de fóra de Ribadeo me aclarou esta mañá, a pregunta miña, que recibiran un fax especificando a nota de prensa que foi a directora do que apareceu nos xornais hoxe. Non indaguei máis no contido detallado da nota, porque non me pareceu que fora necesario para establecer a clave propagandística de Portos-Xunta-PSOE. O Presidente de Portos foi amable e tamén claro: deixou prístinamente claro que eles (Portos) defendía un tipo de intereses económicos, e que era consciente que outros, como as asociacións ou Medio Ambiente, defendían outros, e que non estaba pola labor de intentar convencer doutros intereses que non foran os seus. É dicir, non hai contraargumentos, senón outro tipo de valores. Eses intereses de Portos pódense concretar en aumentar a actividade sen facer medrar o porto, é dicir, sen fortes inversións da súa parte. Quedou pois claro, por se non o estaba antes, que Portos vai tirar para adiante, tentando beneficiarse dunha inversión privada na nave. Asemade, tamén quedou claro que en certa forma, teñen que quedar ben ante os seus clientes, os grupos que teñen intereses nos portos, establecendo un paralelismo tamén cos políticos que tiñan que quedar ben diante do pobo de Ribadeo. Repetiuse varias veces que se non pelexan pola nave, non sae. Non sei se querendo dar confianza para que non se actúe e nos confiemos ou compaixón ante unha obra que queren que saia adiante. 2.Características A nave prevista en principio ten unha liña de 90 m sobre os 22 pilares (11 dobles) na auga, algo menos en terra. Sobre auga esa prevista unha cubrición de 2007 m2, meténdose na auga uns 24m, e en terra, de 3775 m2, o que fai un total de 5982 m2. Á espera dun debuxo/plano que farei mañá, ten un total de 5 portas usables por transporte, e unha división no medio para separar zona de carga de zona de almacenamento (un pouco menor). O seu lugar, exactamente onde prevera aquí, e aquí, ocupando tamén cousa dun 30% do último recheo, como dixo mesmo o Presidente de Portos. Cousa curiosa: nos planos amosados non aparecen por ningún sitio as alturas, necesarias para facer o deseño da grúa-ponte que alimentaría as naves. O deseño, aínda que coido que dificultaría o uso do resto do porto, non ten inconvenientes de paso para Portos polo motivo de que o seu dominio marítimo abrangue aínda uns 80 m máis lonxe da nave, e sería cousa de dragar a canle un pouco máis aló. Eso facilitaría o poder seguir usando o porto mentras se constrúe a nave, non enturbiando prácticamente o movemento portuario pola obra. Por certo, chamoume a atención que o plano de situación (data de sinatura, 11/4/2008), incluíndo boa parte do núcleo urbano ribadense, esteña mellor trazado que o do PXOM (polo menos, así o estimo eu) 3.Alternativas A xente da plataforma preguntou pola posibilidade de meter a nave na zona sur, falando da zona dos bloques dun xeito sobre o que algún día querería falar con eles. O caso é que o meter a nave na beira sur do peirao para que os navíos teñan que facer manobra de 90º implica un dragado antieconómico, a parte de que posiblemente invadiría a zona que xa non é de portos. Plantexada por min a idea do porto exterior, tendo en conta o custe que iso supoñería, pero tamén que o porto ribadense seguirase a colmatar, a primeira intervención que xurdiu foi precisamente dun membro da plataforma para informar que mantiñamos posicións diferentes. Non podo dicir que o Presidente me contestara máis aló da dificultade económica e de falar algo sobre a vella idea do porto seco na zona da estación de ferrocarril e a bondade que tería a comunicación por tren entre a estación e o porto, algo que o mesmo representante de Portos viu difícil polo desnivel entre estación e ría. Noutra zona do porto, o facer algo como o que se pretende sería inviable por estrangulamento do resto de actividades do porto. 4.Comentarios varios. Chamoume a atención nalgún momento a jerga empregada: é 'unha aposta empresarial privada' Ten como precedentes unha nave en Marín, aínda que físicamente non poden ser iguais (algo xa dito na xuntanza mantida o pasado venres), tendo aquí restriccións que alí non hai. A parte, tentou dicir que sería menor porque os barcos que poden entrar aquí sonmenores que en Marín. Tentou tranquilizar sobre a posibilidade dun novo recheo na zona do actual porto pesqueiro, valorando positivamente a existencia dunha lámina de auga abrigada, fronte a un recheo que di, minusvalora (en relación ó pasado recheo, que agora serviría en parte para a nave e que se lle lembrou que o anterior Presidente de Portos dixo que non tería edificacións, coa contestación de que por moito que se quixera, a palabra dada por unha persoa duraba como moito o que o seu mandato se non había papeis polo medio) O Presidente de Portos estima que algunhas das cousas que máis valoran os seus clientes on a rapidez e a seguridade xurídica. Despois de referirse ós beneficios para o porto en función do movemento de carga e actividade económica inducida (que non aclarou onde podería verse reflexada), referiuse de pasada á Reserva da Biosfera como título honorífico. Sobre as queixas de Asturias, quedou claro asemade que pouco teñen que facer como institución, senón é actuar como unha entidade calquera que se opoña. Sobre os motivos da ampliación, o aumento da producción de ENCE, xunto coa mellora nos prazos de carga (que dixo pasarían de 3 días a un-8 horas- de estiba, podendo descargar un camión dunha soa collida da grúa), a posibilidade de máis fluidez de saída ó ter espazo de almacenamento e o paso de 60/70 barcos ó ano a 120. Nun momento citou como sobradamente coñecido a Camilo Nogueira como socio de Pertejo. Tamén saiu a relocer que o dragado, na actualidade e en Asturias, esixe que se deposite a area a 4 millas mar adentro, mentras que en Galicia esíxense 22 millas. Algo a mirar cando se faga a manobra por parte da draga, e incomprensible, sendo de supoñer que no sentido do dragado, a ría 'pase a ser asturiana' na súa totalidade. O dragado próximo está cifrado en 2 M€. Quedaron moitas cousas por preguntar (estaba esperando a directiva do PSOE), como actuacion sobre as correntes,por exemplo. Deixouse claro asemade que hai motivos de desconfianza da xente en relación ás institucións. 5.Prazos A cronoloxía, segundo Portos, é: xuño-xullo 2007, primeira nova de Portos. Setembro, primeiro contacto co concello sobre o tema. Febreiro 2008, análise sobre a súa posibilidade ou descartabilidade. 5/3/2008, solicitude formal de Ceferino Nogueira, co apoio de Ence. 29/4, trámite de competencia (DOG), que ven a ser algo así como un anuncio por se alguén quere reservar espazo non ver que xa está reservado. Con posterioridade, se non hai competencia, a próxima intervención pública, tras a presentación dun primeiro proxecto, realización de estudo de impacto ambiental (estimado en termos de tempo nuns 3 meses) e conseguir o placet de Cultura/Patrimonio por estar na zona do casco vello (forma, volume, ...), o do concello (licenza), ... sería polo mes de setembro, tendo xa que facerse exposición pública, etc, para conseguir a solicitude de concesión administrativa. De calquera xeito, dada a maraña de prazos e demáis, non me estranaría que tivera collido algunha referencia mal sobre os prazos. 6.Nota/comentario final. Despois desto, coido que non hai máis información real da que había, pero que é abonda para que, por exemplo, os partidos políticos se decidan claramente como les foi pedido. En fin, quedan por poñer planos e algunha cousa máis, pero polo momento quedará así.

Ningún comentario: