Está timbrado cun casco mirando a destra de señor fidalgo, posiblemente con título de barón, pois ten a visera baixada e moi ben terciada con sete grilletas moi aparentes. Si tivera esmaltes, serían: sete grilletas de ouro forradas de gules (cor vermello). O casco está adornado cun penacho de tres plumas, dúas cara destra e unha cara sinistra. Está rodeado de lambrequines sinxelos a modo de molduras e grilandas florais que rematan nuns ben pronunciados soportes laterais. A parte baixa remata nun sostén a modo de grande cartela perfilada con volutas frontais e laterais. O escudo está protexido da choiva torrencial cunha cornixa de cantería formando un arco elíptico rebaixado.
O campo está dividido en catro particións ou cuartelado en cruz, cun escusón situado no abismo ou lugar de honor do centro do escudo. No primeiro cuartel: armas dos Osera, en campo de azur, unha aciñeira frutada (con fruta) de ouro e unha osa parda, pasante, o pé do tronco, coa cabeza levantada.
Segundo cuartel: armas dos Osorio, en campo de ouro dous lobos desollados pasantes, con bordura de gules e oito aspas de ouro. (Nota: segundo os Blasóns e Liñaxes de Galiza do padre J.S. Crespo del Pozo, Tomo XIX da Historia de Galiza, a bordura de aspas, corresponde as armas dos Osera e non as armas dos Osorio. No escudo de armas dos Condes de Maceda do Pazo de Lanzós, tampouco consta bordura con aspas no noveno cuartel dos Osorio, nin no cuarto cuartel do escudo da capela de Animas e da Virxe do Carmen, do patronazgo de D.Pedro Miranda e de Dª Catalina Osorio da igrexa parroquial de Ribadeo. En cambio, Fernando González-Doria no seu Dicionario Heráldico e Nobiliario, relata bordura de oito aspas en ámbolos dous brasóns)
Terceiro cuartel: castelo sobre ondas do mar das armas dos Villaamil.
Cuarto cuartel: en campo de ouro tres faixas de azur, das armas dos Messía. Posiblemente unha rama familiar dos Messia de la Cerda establecidos en Ferrol, mariños de alto rango da Armada en liñaxe cos Marqueses de Acapulco.
No escusón partido central, armas dos Méndez de Vigo: a destra, en campo de ouro unha árbore arrancada de sinople (cor verde) e a sinistra, en campo de gules tres faixas de ouro. Posiblemente fai referencia a un emparentamento entre a familia Méndez Navia Osorio de Ribadeo coa familia Vigo de Tineo (Asturias)
Non sabemos exactamente a que ancestro destas familias pertence este escudo, pero na Chancillería de Valladolid, existen executorias, que fan referencia a algúns destes apelidos como: de 23-Novembro-1613, pleito de Dª Aldonza de Sierra Osorio con D. Juan Alonso de Navia Osorio. En 1614 e 1615, Dª. Aldonza Sierra Osorio, viuda de D. Juan Martínez del Villar, e fillos, veciños de Ribadeo, litiga con Dª Juana González de Miranda, veciña de Castropol.
Para entender un pouco como hai tantos escudos de fidalgos en Ribadeo, debémonos remontar o século XVI, cando no tocante a goberno municipal, este aparece baixo o dominio dos condes, e desde o punto de vista económico a vila está estreitamente ligada a economía do comercio Atlántico e da Carreira das Indias. O tráfico por vía marítima de madeira de castaño e carballo, procedente das Terras de Miranda, en 1506, 1511, 1519 e 1528, cara Sevilla e Lisboa, era moi importante. Realizábase en carabelas portuguesas, que de retorno adoitaban traer sal.
Este tráfico marítimo, fluído e rendible, atrae a moitos fidalgos que se asentan a vivir no núcleo do Ribadeo amurallado ou no seu entorno extramuros. Nunha relación de 1571 hai moitos fidalgos con casa solar nas parroquias rurais e con fortunas en metálico, que inverten en bens raíces. A fidalguía activa é unha das características do pobo, que tanto xenera rendas do comercio marítimo como da agricultura. Os Condes de Ribadeo non aparecen nunca pola vila, e as elites locais, están encantadas de que isto ocorra, pois ninguén lles interfire nin nos negocios, nin nos asuntos cotiáns, polo que Ribadeo, nestes tempos, goza dunha verdadeira oligarquía local, aínda que non se deixara oír esta opinión en voz alta.
A harmonía entre fidalgos e comerciantes era moi grande. Son xente acomodada que escasamente se diferencian, e tanto uns como outros participaban dos mesmos beneficios do tráfico marítimo e da actividade agropecuaria. Nestes tempos abundan as profesións liberais de escribáns, notarios, avogados e administradores de rendas, así como, as asociacións profesionais dos gremios de zapateiros, alfaiates, ferreiros, carpinteiros e mercadores.
Mapa arredor da r/ Bispo Veres (http://www.openstreetmap.org/export#map=17/43.53827/-7.03689&layers=Q) |
A vida municipal ía ben, ata que ocorre unha gran recesión de poboación en 1598, debido a peste. Despois dunha tremenda crises, Ribadeo e o seu entorno volve a coller auxe a partires de 1640 co cultivo de millo. En 1719, sofre a invasión dos piratas ingleses que afunden as fragatas San Francisco e o Galgo de Andalucía, cuxos pécios “aínda” se deben atopar no fondo da Ría de Ribadeo.
Nos séculos XVI e XVII, os fidalgos comerciantes marítimos de madeira, eran os Miranda, Menéndez Navia, Bustos, Sierra, Ribadeneira ou Aguiar, que emparentan cos Osorio, Acevedo, Lanza, Campoamor e os Villaamil. A República de Ribadeo, tal como a nomean os membros do rexemento en 1752, volve reactivarse en 1770 có Permiso de Importación directa de liño e cánabo, téxtiles que antes viñan vía Bilbao encarecidos polas ganancias propias e “impropias” das comisións dos intermediarios.
En 1774 o fidalgo D. Antonio Raimundo Ibáñez Llano e Valdés chega a Ribadeo para practicarse no comercio e terminar os estudios. Con 25 anos está de mordomo na Casa de Guimarán de D. Bernardo Rodríguez Arango e Mon e comeza a facer a súa fortuna persoal nun viaxe a Cádiz co encargo de vender unhas fincas, con cuxo produto comprou unha partida de aceite que trouxo por mar para Ribadeo. En 1788 tanto os Villaamil como Ibáñez, e algúns outros comerciantes da vila, importan viño, augardente, ferro e sobretodo liño fiado do Báltico. O florecemento comercial destas datas é moi grande e a poboación duplícase entre 1750 e 1826, pero non puideron nunca mellorar as condicións do porto de Ribadeo que xa empezaba a presentar problemas para os “grandes barcos” que saían cargados de madeira. Dous séculos despois, seguimos sen resolvelos.