20240930

Verbas na entrega dos Bíteres de Honra

     Conforme quedei na entrada 'Primeiros bíteres de honra', adxunto os textos que se escoitaron na entrega, por parte de Marta Macho, e o esquema (artellado como redacción por min) correspondente ás verbas de Manuel Rivero para o peche do acto:

-- 





    Verbas de Marta Macho-Stadler:

Moitas grazas, dende o fondo do meu corazón. Grazas por facerme parte da familia de Aurora Sampedro.

Imagino a Aurora fuerte, segura de sí misma, decidida, con las ideas y las metas claras. Supongo que viviría más de un momento de rechazo en esos ambientes tan masculinizados en los que le tocó estudiar y trabajar. Aunque también supongo que nunca lo contó, por orgullo, o por reivindicar sus capacidades y su espacio, o quizás para que el paternalismo de sus cercanos no la frenaran.

La imagino disfrutando con su trabajo, seria, minuciosa, ambiciosa, brillante.

La historiadora Gerda Lerner afirmaba que "La ignorancia de su propia historia de luchas y logros ha sido una de las principales formas de mantener a las mujeres subordinadas". Por ello, la historia de Aurora es nuestra historia, es mi historia. Mujeres como Aurora han abierto camino a las que sin tantas dificultades hemos conseguido estudiar y trabajar en aquello que nos gustaba.

Grazas ao esforzo de Manuel Rivero, Aurora nunca será esquecida. Moitas grazas.

--

    Resume das verbas de Manuel Rivero:

ENTREGA BÍTERES DE HONRA 2024

(Cerre do acto)

Hoxe é un día GRANDE. Cheo de gozo. De inmensa alegría. E motivo de múltiples agradecementos.

Temos tres palabras na nosa lingua, que cumpren esa función: Grazas, obrigado e BEIZÓN, agradecemento tan emotivo e tan emocional que brota do fondo da alma.

Así pois, BEIZÓN para todos vostedes, sempre acoden a chamada de Aurora.

Que privilexio e que orgullo:

Vostedes son os motores que nos dan esa forza, ese salario emocional, ese impulso e ilusión que nos ten en continuo movemento, buscando, innovando e creando.

Son os fan que emprendamos METAS, que semellan imposibles.

Os que proporcionan o impulso polo que somos capaces de converter os MEDOS en RETOS.

Os que fan que optimicemos os recursos e potenciemos o talento

Que creemos sinerxías e FLUAMOS, como corredores de fondo que superamos adversidades e chegamos ás metas en tempo en modo e en forma.

BEIZÓN a directiva do Canteiro, por esta acollida tan entrañable, que se repite en cada acto, traballo silencioso e agradecido. Toda a intendencia está a punto. Pepe e o seu equipo son dos imprescindibles do Universo Aurora. Grazas ao seu traballo desinteresado, o Universo Aurora medra, fortalécese e avanza.

BEIZÓN A Xunta de Galicia: co seu apoio económico, publicamos a primeira e a segunda edición do libro Universo Aurora Sampedro. E sempre fumos acompañados nos actos de Aurora. Beizón Valentín, beizón Manuel.

BEIZÓN a Ana Hermida, alcaldesa de Barreiros por acompañarnos neste acto.

BEIZÓN ás demais autoridades que nos acompañan hoxe

BEIZÓN asemade aos tres Centros Educativos de E. Medias de Ribadeo: Porta da Auga, onde demos unha conferencia o 8 de Abril; IES de Ribadeo Dionisio Gamallo, con conferencia o 19 abril, e o Colexio Sagrado Corazón, onde a conferencia foi o 10 de xuño. Ás súas profesoras. Eva, Ana, Susi e Begoña: Grazas a elas achegamos a figura da nosa científica, aos alumnos/as desta parte tan importante da Mariña.

BEIZÓN aos concellos de Ribadeo, Lobios, Muíños, Bande, Verea, Celanova, A Merca e do San Cibrao, por interesarse por obra da nosa científica, a que demos a coñecer nas conferencias e presentacións á que fomos invitados no segundo semestre do ano pasado.

BEIZÓN Á UNED. Universidade a que tanto quero e a que tanto lle debo. Alí impartín unha conferencia en directo e pola súa canle de internet o día 23 de febreiro.

BEIZÓN a Agrupación Albéniz da Coruña, que con tanto cariño nos acolleu nas súas instalacións en xullo. Que ben combina a música co legado de Aurora!

BEIZÓN ao coro Airiños do Mar. As agradables voces da mariña, a rima, o ritmo e son mariñeiro engadiron brillo e harmonía a este acto tan significativo e entrañable para a nosa terra e a nosa xente.

Todos eles xa forman parte do Universo Aurora

BEIZÓN a Marta, Marcos, Bernardo e Anxo Xosé, por agraciarnos coa súa presenza e recoller con tanta dignidade e grandeza os primeiros “BÍTERES DE HONRA AURORA SAMPEDRO”.

Os méritos dos premiados e premiadas, van incrementar o legado de Aurora, da súa historia de vida, da entrega a investigación e a ciencia. Grazas ao seu traballo, constancia, rigor, base científica e disciplina investigadora, marcaron un fito moi importante no campo das ciencias de materiais.

BEIZÓN, benquerida Aurora. Desde arriba, co sorriso pícaro, ledo e agradecido vas voando libre, segura e alegre para gozar do teu espazo, que por méritos te corresponde no escenario máxico do mundo da ciencia.

Nós desde abaixo en voz alta dicimos: Aurora, por ser como fuches, sempre terás a nosa admiración, gratitude e cariño.

BEIZÓN tamén á periodista María Cuadrado, que coa súa profesionalidade e mestría, conduciu o desenvolvemento do evento.

CUMPRIMOS UN SONO

Desanden comigo o tempo: visualicen os abarrotes do Canteiro. Primeiro, aquel acto inicial do 28 DE OUTUBRO DO 2023.

Deseguida veu o segundo o 12 de Xaneiro do 2024. A presentación da primeira edición do libro UNIVERSO: AURORA SAMPEDRO. Nin o mal tempo nin o partido de Fútbol Real Madrid-Barcelona, restaron asistencia.

O universo Aurora non ten límites, xa TEMOS A NOSA AURORA, nos medios e blogs especializados The Conversation y Mujeres con ciencia; isto grazas a Marta Macho-Stadler, con quen hoxe temos a fortuna de contar. Marta xa forma parte do Universo Aurora Sampedro

Aurora tamén ten o seu espazo, ben merecido, na prensa dixital. Nese mundo sen fronteiras, son tantos..., que xa non controlo. E na prensa en papel: La Voz de Galicia, El Progeso, La Región... En Bibliotecas, Universidades, Centros de investigación... Ata está presente en Bremen, na súa universidade e no Instituto Cervantes.

MIRANDO AO FUTURO

Así, o universo que estemaos desvelando, máis que futuro, é un presente continuo. Esemplos:

NO DÍA DA CIENCIA EN GALICIA

A primeiros do mes que ven, outubro, coñeceremos ao afortunado ou afortunada titular do próximo ano da Ciencia en Galicia. Agardamos ese nomeamento, con sosego e esperanza. Temos moitas posibilidades que sexa unha muller. A lembrar que o 23 de abril de 2008, a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) instituíu o día da científica e do científico galegos. Recoñecemento que se concede anualmente. Dos dezasete premiados, quince son homes e dúas son mulleres. A proporción: 89 % homes, 11 % mulleres. O desequilibrio é alto. Hai mulleres científicas, que debemos de dar a coñecer, que a pesar dos avances e da concienciación, seguen aí silenciadas. Nesa situación estaba Aurora Sampedro Piñero. muller de ciencia, adiantada ao seu tempo, Grazas ás últimas investigacións, Aurora está ocupando o espazo que lle corresponde nos diferentes escenarios científicos.

A historiadora da ciencia Gerda Lerner dixo:

"La ignorancia de su misma historia ha sido una de las principales formas de mantener a las mujeres subordinadas" ¡Cambiemos la historia!

Ese é un traballo de todos, a nosa misión é a de facer certa a expresión “talento e ingenio no tienen género”

A TERCEIRA EDICIÓN DO LIBRO UNIVERSO AURORA

Con nova información engadida, agardamos de novo a axuda da Xunta de Galicia e telo na rúa para o Natal. Haberá mellor agasallo que un novo libro do Universo Aurora?

A PRIMEIRA EDICIÓN DO LIBRO EN CASTELLANO

Está sendo moi demandada, e esperamos ter axuda da fundación Renfe.

A BIBLIOTECA PUBLICA DE BARREIROS

Imos propor o seu nome para a biblioteca. Teremos unha biblioteca personalizada co nome dunha grande entre as grandes, “Aurora Sampedro Piñeiro”. Gran honor para a terra, a ciencia e a nosa xente. 

O Centro Socio-Cultral leva o nome de Manuel Díaz Sampedro, alcalde gratamente lembrado. “Manolín foi o alcalde de todos, especialmente dos pobres, desfavorecidos e necesitados”. A súa tía Aurora é merecente, de tan digna distinción e de compartir ese espazo común.

E máis:

Estamos en contacto coa Universidade de Oviedo. Estamos en contacto. Aurora estivo moi vinculada ás terras asturianas: licenciatura e impartición de aulas. Hai esperanza de que se integre no Universo Aurora. 

En León, o tema vai máis avanzado, haberá boas noticias, tanto do Instituto Leonés de Cultura como do concello de Luyego de Somoza, co seu nomeamento de filla predilecta.

E vaian pensando nos Bíteres de Honra 2025, e facendo propostas.

Como di a escritora Marion Carré: “por cada científica que esquecemos, hai centenares que non nacen”.

QUE MEDRE O TALENTO E SE RECUPERE A MEMORIA DAS NOSAS CIENTÍFICAS!!!

Maragatos en Ribadeo

    Republico 'Maragatos en Ribadeo' despois da variación da páxina orixinal de EGERIA.

Maragatos en Ribadeo?

Maragato, pato,
unha zoca i un zapato.
Maragato, pato,
fillo dunha cincha,
cando o galo canta,
o maragato rincha.
(Ditos recollidos de 'Falan os de Ribadeo')

    Si, maragatos en Ribadeo. Din as indicacións de sistemas modernos que Ribadeo atópase a unhas 44 horas, 200 km, andando, da capital de concello maragato máis próximo, Brazuelo. Non é moito se consideramos que os maragatos tiñan fama de comerciantes que levaban produtos dun a outro lugar, e que ruta máis ou menos inversa facían de xeito anual aqueles que nomeaba Rosalía e que 'cando van, van como rosas, cando vén, vén como negros'. A lomos de animais ou en carros dos que os maragatos eran os arrieiros, veñen a significar seis ou sete longas xornadas de viaxe, se nos fiamos do que parece era normal na época, uns 30 km diarios no transporte de sal e outras moitas mercadorías. E se a maragatería era un centro de dispersión comercial guiada polas súas xentes, Ribadeo era o porto do Cantábrico por excelencia xa no século XVIII, onde as facilidades do transporte por terra tardaron en chegar, aínda coa ilusión do ferrocarril entre Ribadeo e o Bierzo truncada a partir da Pontenova dende hai máis dun século. Existen en Ribadeo as rúas de Vilaoudriz, moderna, pero adicada á outra punta do vello ferrocarril mineiro, unha realidade que dinamizou a cunca baixa do Eo, e de Vilafranca, antiga, pero adicada a unha ilusión: o entronque co ferrocarril á meseta, que nunca chegou e que sería o recambio dos arrieiros maragatos. Os maragatos forxaron a súa lenda neses tempos nos que se comezou a poder viaxar entre a meseta e Galicia con lentitude, pero cunha certa seguridade, e aqueles outros nos que a rapidez mecánica arrombou o poder animal no transporte nesas rutas. E tamén pola súa labor nos comezos desa nova época.

    Cando penso en 'maragatos', ás veces vén á miña cabeza a verba 'inmigrantes'. Cousas da historia, viñeron doutra terra, no seu momento, pero a integración, que en xeral comezou antes de establecerse aquí coas sucesivas viaxes realizadas, continuou, e xeracións despois, fai que hoxe, na zona de Ribadeo, non teña ningún sentido xuntar ambos conceptos, a pesar de seguir usando a cualificación toponímica de 'maragato' como recoñecemento dalgún ancestro nado aproximadamente na Maragatería.

    Os primeiros maragatos que se me veñen á cabeza son a familia Nistal, chegados da zona de San Justo de la Vega. Está ligada coa Empresa Ribadeo de autobuses, no que parece unha continuación lóxica do traballo familiar, e un Nistal é referido por Chemi Lombardero entre os maiores contribuíntes para elección de compromisarios do Senado xa no 1907, indicando en ambos casos unha saudable economía. Mais o mesmo apelido, a poucos quilómetros, en San Miguel de Reinante, atópase ligado a unha taberna e ultramarinos, do mesmo xeito que en Ribadeo tampouco se quedou estático en torno ó transporte, senón que diversifican a súa actividade no mundo do comercio ou a hostalería. Nada moi diferente do que pasou noutros lugares con outros maragatos. Iso si, se a xente que en España leva o apelido Nistal achégase en España as 3000 persoas segundo o INE, e unha cuarta parte está na provincia de León, á que pertence a comarca da Maragatería; en Lugo non chegan ós 50, o 1,5 %, pero de eles, case a metade está relacionada con Ribadeo.

    En 1930 constituíase a empresa Ribadeo de autobuses. Os donos? Tres familias de orixe maragato, os Freire e dúas ramas dos Nistal. Non hai xente de certa idade que non teña coñecido e viaxado coa coñecida en Ribadeo como 'A Empresa' ou coas siglas 'ERSA'. Empresa que aglutinou os transportes previos dos que dispoñían os seus donos e acadou gran pulo no transporte galego. Estableceu entre outras unha liña entre A Coruña e Xixón, colaborando con Automóbiles de Luarca, a actual ALSA, encargándose unha da parte galega e outra da parte asturiana, con trasbordo en Ribadeo. A empresa, segundo Martín Fernández Vizoso, era a principal fonte de emprego en Ribadeo a mediados do século pasado, mais a súa decadencia levouna a ser mercada por Industrial Auto, S.A. (IASA) e desapareceu como nome comercial a finais do século pasado.

    Os maragatos aparecen aquí e aló na zona de Ribadeo. Ás diversas ramas da familia Nistal engádense outros apelidos. Pódese descubrir, por exemplo, na colección de fotos 'Ribadeo na Memoria' a foto coa que ilustro este texto, anónima e de data indeterminada, que amosa a familia diante da Casa Maragato, na parroquia de Covelas, acompañada dunha lenda lembrando a orixe e o carácter comercial dos maragatos. Ou nas citas relacionadas con Jesusa Puentes, dos Maragatos de San Miguel, e dona de Don Ramoncito, parella ineludible da vida daquel entorno a mediados do século XX. Ou Alfredo do Maragato, con casa grande en Abelleira, San Pedro de Benquerencia, a comezos do século pasado.

    En Ribadeo hai un vello caserón almeado, o chamado 'cuartel vello', casa-torre con máis de tres séculos feita polos Sierra Pambley, descendentes fidalgos con orixe na beira da Maragatería, e que foron mecenas nesta terra adicando anos despois a casa a escola, a Obra Pía Sierra Pambley (1713), segundo relata Francisco Lanza no seu 'Ribadeo Antiguo'. Ós seus pés, como nos fai chegar Pancho Campos nun dos seus escritos, unha horta de hoxe con columnas de antano conta a súa historia como corte que servía para os bois dos maragatos chegados a Ribadeo. Os maragatos hai moito tempo que chegaron a Ribadeo.

-

En Maragatos de Lugo.org

 

20240929

Primeiros bíteres de honra

    O venres 27 no Canteiro tivo lugar a entrega da primeira edición dos bíteres de honra, instituídos na estela do recoñecemento de Aurora Sampedro na que tanto leva traballado Manuel Rivero. Un acto ó que asistiron unhas cen persoas, enchendo o local e quedando xente fóra, conducido por María Cuadrado e no que, participando autoridades (pódese ver xa na primeira foto á alcaldesa de Barreiros e un representante da Xunta) foi diverso e emotivo, dende o discurso de Marta Macho (que espero conseguir) á fraternal entrega ó sucesor de Mª Antonia González Abraído, pasando pola recollida institucional do bítere asignado ó IES Lucus Augusti.

    Algunha das fotos tomadas por José Manuel Gómez Puente:








 

EMOJIS MUTANTES. Xosé Carlos Rodríguez Rañón

Composición a partir dunha captura de pantalla de www.emojitranslate.com

 

EMOJIS MUTANTES

Xosé Carlos Rodríguez Rañón

    O día 17 de xullo celébrase o día mundial do emoji, agora que hai días mundiais para todo. A súa orixe é xaponesa e nela “e” significa debuxo e “moji” signo, carácter ou personalidade. O termo emoji foi escolleito palabra do ano no 2019 por facilitar a comunicación non verbal para matizala, completala, suavizala ou enfatizala. Os seus antecesores na década de 1980 foron as emoticonas, creadas a partir dos signos de puntuación. Así, un sorriso representábase :), a tristura :(, unha chiscadela de ollo cómplice ;-) etc. Na década seguinte fixeron a súa aparición os emojis propiamente ditos para definir obxectos cotiáns (en sentido real ou figurado, como é o caso das froitas asociadas a significados sexuais) e sobre todo sensacións e emocións. O máis empregado de todos eles é sen dúbida a cara con bágoas de escachar a rir.

    Houbo varias campañas de usuarios a prol de engadir outros novos e para que os xa existentes foran máis polisémicos, inclusivos e adaptábeis ás características de cada país ou cultura. Ás veces algún deles leva a confusións ou a interpretacións erradas. Para iso mesmo existe unha web de consulta (www.emojitranslate.com), un verdadeiro dicionario de dúbidas desta linguaxe gráfica tan universal como os sinais de tráfico ou os códigos marítimos. A actualidade tamén exerce os seus condicionamentos sobre eles como sobre calquera outro sistema de comunicación. Así, a pandemia da Covid-19 deulle protagonismo ao pictograma da xeringa como símbolo da recén descuberta vacina.

    A auxe dos memes (elementos satíricos estáticos) e dos stickers (elementos satíricos en movemento, é dicir, animados) entre os membros da xeración Z (alcumados tamén centennials) obrigou á actualización dos emojis, dado que xa os ven un chisco anticuados e típicos de xeracións anteriores como a Y (ou milennial) e a X (ou da crise do petróleo de 1973, aproximadamente). A actual xeración, a Alfa, naceu con eles. Tanto é así que, por exemplo, a filla de 5 anos dunha amiga miña xa mos manda por whatsapp perfectamente combinados (como un xeroglífico exipcio) para que eu poida interpretar perfectamente o seu significado.

20240926

Quousque tandem abutere, Netanyahu, patientia nostra?

    Hai longa diferencia de moito tipo entre os tempos de Cicerón e os actuais, mais coido que a expresión do título aplicada a Catilina foi dita do mesmo xeito, con intención semellante, do que hoxe poderíamos dicir 'Chega xa, Netanyahu!'. Pero parece que media humanidade non é hoxe abondo para substituír a Cicerón neste caso na procura de paz. Así que, mentres, seguiremos tentando facernos escoitar os domingos en Ribadeo (ver cartel máis abaixo). E asemade, esta semana, por exemplo:


 

https://sindicatolabrego.gal/novas/o-slg-e-unha-das-organizacions-convocantes-da-folga-en-apoio-ao-pobo-palestino-do-27de-setembro/


    E, para seguir o proceso en Ribadeo, o cartel da convocatoria e unhas foto de Suso da concentración do pasado domingo 22 de setembro.


 






Recuncho da lectura: O xogo de Escher

 


Recuncho da lectura: O xogo de Escher

     O xogo de Escher. Manuel Esteban. ISBN 9788411105392. Ed. Xerais de Galicia. Xerais Narrativa. Vigo 2024. 97 px.

    Entre as figuras imposibles de Escher e as matrioscas rusas, a novela tenta descubrir o mundo e as personaxes dende un fóra de si no que está nebuloso se corresponde a algún 'dentro'. Curiosa na argumentación, nela descansa en si a novela, pasando a un segundo lugar a expresión e descrición, mínima para ter ese necesario desenvolvemento. Pode encadrarse dentro da ciencia ficción, pero non de xeito único, no sentido que procura ó seu xeito unha resposta vital.

20240925

Na procura de equilibrio

    IA, intelixencia artificial: un desafío xa hoxe para o que consideramos 'intelixencia natural', 'a nosa'; para nós que consideramos que somos os donos desa intelixencia natural (aínda que tantas veces sexa suposta ou mitificada).

    En pouco tempo vimos como a chamada IA pasaba dunha posibilidade de ciencia ficción a superar en diversos quefaceres 'intelixentes' ás nosas máis preclaras intelixencias. E hai quen di que está próximo o día no que a IA empequnecerá en intelixencia xeral a calquera humano. A partir de aí, todos seríamos unha especie de subnormais fronte a esa nova intelixencia emerxente.

    Incapaces de imaxinar un só futuro, temos moitos a disposición na nosa imaxinación, aínda que non é seguro que ningún deles acade o respaldo da futura realidade. Chega con ver as ilustracións que, xeradas a comezos do século XX ou mesmo a mediados, tentaban de representar como sería a vida nestes momentos e comparalas coa realidade. Mais, con predicións fallidas incluídas, non se pode dicir que non haxa avisos de posibilidades da IA, tanto das boas (as operacións clínicas autónomas e máis precisas que co manexo humano do bisturí chegan como mostra), como sobre todo das malas (de quitar empregos á xente a expandir a posibilidade de enganos por internet, entre outras moitas posibilidades). E tampouco que non haxa avisos de que o principal perigo próximo no tempo está non tanto no descontrol das máquinas intelixentes, escapando da supervisión humana, senón do control desas máquinas e en xeral, desa tecnoloxía, por só un puñado de xente xa cun gran poder previo, que sería potenciado por elas.

    Se nos centramos nas posibilidades para o ben, pode experimentalas calquera obtendo en pouco tempo un plan de traballo para un curso, un diagnóstico, un plan de vacacións ou unha tradución. Polo momento, non deixa de ser unha nova ferramenta que hai que saber manexar para que entregue a saída que procuramos, mais o que se chama 'nivel de entrada' a esta tecnoloxía está cada día máis baixo, e cada día é máis doado o seu manexo. Claro que por outra parte chega un momento en que o aproveitamento da IA pola nosa parte hai que comparalo co aproveitamento noso (da nosa intelixencia ós nosos cartos, pero sobre todo dos nosos datos) por parte da IA e quen a controle, a modo desas situacións nas que na relación entre dúas persoas a dependencia cambia dunha á outra de xeito rápido polo uso que se fai da relación...

    Coido que a cuestión está en procurar o equilibrio. Saberemos facelo nun mundo xa previamente desequilibrado? Lograrémolo?

20240924

Recuncho da lectura: La classe de neige

 


Recuncho da lectura: La classe de neige

     La Classe de neige. Emmanuel Carrère. ISBN 9782070394727. Ed. Gallimard. Col. Folio. Barcelona 2004. 148 px. (fr.)

    Ó comezo parece mesmo un libro para pequenos. Ó final queda claro que é un libro sobre pícaros, pero non para eles. Os feitos que contempla están no fondo, e só podemos supoñelos a través da reacción á comprensión tamizada, filtrada, do caracter principal, Nicolás. Sigo sen ver o por que dalgunha solución que aporta o autor, pero entendo que máis que un por que trataríase de deixar o relato con flecos, para que tome unha certa liberdade na cabeza de quen le.

20240914

Guerra e paz

    Un domingo máis, unha xuntanza máis pola paz. Mentres comeza unha nova ofensiva na Ucraína, mentres seguen a masacrar xente en Palestina, mentresmultitude de guerras, do Sahara a Sudán seguen sendo a orixe de penalidades e morte, xuntámonos un domingo máis no cantón de Ribadeo, ás 12:30 para poñer un gran de area e reclamar esa paz que si é posible.

    E dúas fotos de Suso, lembranza do domingo pasado (lembremos, festa en Ribadeo, e, segundo algunha entidade institucional, 'non momento adecuado' para pedir a paz):




No mundo das canouras

     Outros tempos existiron. As canouras pertencen a eles. Mais este fin de semana teñen unha lembranza e podes meterte no seu mundo... e con elas, no mar.





20240912

Bíteres de honra

    O 'Universo Aurora Sampedro' segue adiante. Para o día 27 está convocada a entrega dos Bíteres de Honra, os primeiros que se conceden.

    A nota de prensa: 


O próximo día 27, vernes, ás 17h temos a entrega dos Bíteres de Honra Aurora Sampedro. 

As premiadas son:

Marta Macho-Stadler, Catedrática de Matemáticas da Universidade do País Vasco, autora do Blog "Mujeres Con Ciencia", que estará connosco ese día.

In memoriam: Maria Antonia González Abraído, funcionaria de extensión agraria. Desenvolveu o seu traballo nas comunidades de Guitiriz e Begonte nos anos 70-80 do século XX.

Institución: IES LUCUS AUGUSTI.

Os actos comezan ás 17 h no camposanto de San Pedro de Benquerencia, coa ofrenda floral a Aurora e Maritoni, as dúas enterradas nese cimeterio. Haberá lecturas de textos e de poesía. Está invitada canta persoa quera ir. En particular, a participación nas lecturas de alumnas e alumnos dos centros educativos.

Despois continuaremos coas actividades, coma sempre, no Canteiro.

Será un acto sobrio, entrañable e cálido. 

20240910

Algunha foto e algo arredor dela

Algunha foto e algo arredor dela

    Chegáronme por varias canles entre onte domingo, día grande das patronais de Ribadeo, e hoxe luns, varias fotos e varios memes feitos a partir delas. As fotos son tomas do alcalde de Ribadeo, Daniel Vega, coa vasoira e recolledor en man limpando a parte alta das escaleiras do concello ribadense o día da patroa pola mañá. É dicir, en plenas festas e despois de pagar, dende hai xa tempo, a unha empresa contratada un extra para reforzar o servizo de limpeza e manter impoluto o pobo, ou ao menos a zona máis visible del. Como complemento, outra foto tomada pouco despois, ó frente da corporación, escoitando á Banda 'de Gaitas' de Ourense en formación diante do concello. A esas fotos logo se lle xuntaron memes, con lendas commo 'novo fichaxe de FCC' (a empresa contratada para limpar máis, ou 'o castigado da clase', ou coa foto trucada como se estivera varrendo cartos (querendo supoñer que como comisión do contrato de limpeza).

    Como se pode observar, as fotos son de risa fácil, e iso pode provocar que sexan o que agora se chama 'trending topic' a través das redes. Mais, máis aló dese primeiro impulso a rir, coido que poden ter numerosas outras lecturas, mesmo contraditorias unhas coas outras. Por exemplo:

    - O alcalde de Ribadeo déixase sacar unha foto traballando nun traballo manual para o concello, o que o dignifica de xeito independente a que na súa labor como alcalde o faga ben ou mal. Mesmo diríase que a foto pode ser propaganda pagada polo alcalde!

    - O alcalde déixase ver limpando, como se por outra banda non estivera presumindo a diario dunha controvertida limpeza do pobo. Está visto que non é capaz de que a xente contratada de reforzo limpe nin a propia casa do concello!

    - O alcalde, á primeira de cambio, adícase a outras cousas que non son as propias da alcaldía. Aí están estas fotos para amosalo!

    - Que pouca previsión e que mala programación hai no concello para que o alcalde teña que estar a limpar no último momento para non quedar como un porco!

    As anteriores son só algunhas das moitas posibilidades que se poden pasar pola cabeza, ás que habería que aumentar as cábalas sobre a orixe do lixo que podía haber en tal lugar un festivo pola mañá, ou mesmo a natureza de tal lixo, que non se apreza (devolto dun botellón? Pipas dos pícaros de primeira hora do festivo?). De calquera xeito, de forma natural, a xente máis achegada a simpatizar co alcalde collerá as interpretacións máis favorables, mentres que no outro extremo quedarase cos memes máis punzantes. Moita xente non irá máis aló do 'desfrute' puntual, mentres haberá quen sinxelamente apartará fotos e memes como unha parvada.

    Parvada si, pero aí quedará testemuña dun feito que é posibe que se comente tanto como o custe aumentado do alumeado de Nadal ou a oportunidade, agresión á ría, perigosidade e presencia do novo mirador sobre a ría, por non falar doutros temas.





20240908

Hoxe en Lourenzá por Palestina

    Onte falei da xuntanza pola paz en Ribadeo. Hoxe domingo sumouse Vilanova de Lourenzá. Mandáronme (Enrique Fernández Rivas, de Lourenzá) fotos e o texto lido. Adxunto quedan como testemuña. 

"Condenamos o xenocidio que se está a comenter por parte de Israel contra o pobo de Palestina, sendo Estados Unidos o gran patrocinador desta guerra mentras que a Unión Europea mira para outro lado por intereses propios.

Lembramos que actualmente hai máis de 40 000 civís asasinados, na súa maioria nenos e mulleres. Estes civís son asasinados nos propios campos de refuxiados nos que supostamente deberían estar a salvo.

A limpeza étnica á que se ven sometendo o pobo palestino dende a fundación do estado de Israel ven deixando millóns de desprazados do seu territorio, repartidos por Siria, Líbano e Xordania, vivindo en condicións infrahumanas, a máis dos que se encontran como desprazados dentro do seu propio pais, nos que son bombardeos e asasinados día a día.

Non é abondo con tibias condeas por parte da comunidade internacional, senon que son necesarias medidas efectivas que leven ao cumprimento das resolucions aprobadas por unanimidade polo Consello de Seguridade da ONU con carácter vinculante, entre elas a resolución 242 que pasa pola retirada do exercito Israelí dos territorios ocupados e a necesidade dunha paz Xusta.

Queremos insistir en que isto non é unha guerra, é un xenocidio, onde as mulleres, os nenos e a poboación civil asaninados impunemente non son unha ameaza."




As festas non son iguais para todos

    As festas non son iguais para todos. Por suposto. Nunca o foron nin o serán. É máis, non creo que as festas que se poderían celebrar en Gaza sexan igual nestes tempos que hai só uns anos, aínda estando mal a situación dende hai xa perto dun século, e aínda que a xente sexa case a mesma.

    Pero neste caso non se trata diso, senón de algo máis sinxelo, da xestión dunha festa para que se poda desfrutar dela dun xeito máis ou menos homoxéneo, ou ó menos, para procurar que todo o mundo saia algo beneficiado da festa e ninguén moi perxudicado.

    As fotos que deixo a continuación son de Ribadeo, de hoxe mesmo, día grande das festas patronais, no centro do pobo, a conto dunha queixa que está nos vidros dunha vivenda e que podería ser evitada -non foron unha ou dúas persoas quen mo comentou, senón abondas máis-. O mesmo que as fotos qe deixo, poderían quedar comentarios diversos sobre as festas, e máis aínda, sobre un tema que está relacionado na mente da xente: a xentrificación que se está a sufrir xa en Ribadeo a conto da invasión do pobo sobre todo no verán. Sobre este último tema, houbo quen me comentou que nas típicas relacións de postos entre pobos e comarcas que aparecen nos xornais, Ribadeo aparece como dos pobos de Galicia máis invadidos, pero en cambio non dos que sacan maior beneficio (algo que non puiden comprobar). E tamén houbo quen me comentou que a xente non se queixaba. En relación a isto das queixas, como xa teño experiencia doutros lugares, respondín que non era que a xente non se queixara, senón que as queixas quedaban afogadas ante a propaganda de quen estaba interesado no negocio e polo tanto non vía o tema cos mesmos ollos, ou mesmo ás veces propaganda pagada cos cartos de todos. Son cousas sobre as que coido haberá que voltar e voltar, con máis profundidade e calma que hoxe. Ó fin, lembro que 'o Ribadeo que queremos' non foi atendido en décadas, que non se consultou á xente nin houbo un 'plan de desenvolvemento', e que segue sen habelo, nin tampouco un plan para atenuar os efectos negativos unha vez visto o desenvolvemento habido.

    As fotos que dan testemuña da situación son de Suso as dúas últimas, e o resto, miñas:









ESTILO MONDRA. Xosé Carlos Rodríguez Rañón

 

Captura da ficha de Mondra no seu artigo de Galipedia. Lic. CC BY SA 4.0

ESTILO MONDRA

Xosé Carlos Rodríguez Rañón

    O teense nado co século XXI Martín Mondragón (de alcume artístico Mondra) xa ten un estilo de seu dentro da actual música electrónica, categoría na que gañou non hai moito o premio que casualmente leva o seu nome (e tamén o dun troveiro medieval e o dun viño branco albariño): o Martín Códax. Malia a súa sona, o cantante non se esquece do seu Teo natal, ao que constantemente honra. Declarou que o lugar preferido do seu concello é o Monte da Agrela, espazo para el feiticeiro polo que o escolleu como localización do seu recente videoclip “Punhetas”.

    Define a súa música e as súas composicións como modernas mais artesanais (tanto nas melodías como nas letras), na liña das Tanxugueiras, das Fillas de Cassandra, de Berto (o seu actual produtor) ou do mariñán Ortiga, música de raíz en galego cun aquel de acústica contemporánea nunha mestura que xa iniciou hai uns anos o polifacético Rodrigo Cuevas en lingua asturiana con incursións na galega.

    O seu primeiro disco foi o ano pasado e con el xa puido vivir exclusivamente da música, algo inaudito no panorama musical español cantando nunha lingua que non sexa o castelán. Abofé que ten un futuro artístico do máis prometedor o bo do rapaz!

20240907

Un primeiro sábado de mes en Ribadeo, unha xuntanza de pensionistas máis

     Un primeiro sábado de mes en Ribadeo, unha xuntanza de pensionistas máis. Á beira das festas, pero non cercados por elas. No Cantón dos Moreno, á beira tamén das terrazas e a xente mirando para outro lado (ou para a concentración, entre curiosidade e espectáculo). Hoxe e aquí, 25 persoas que se unen ás moitas outras ó longo de Galicia e do estado. Deixo fotos que tomou Enrique Fernández Rivas (Enrique de Lourenzá) e máis abaixo, dous textos lidos por Evaristo Lombardero, quen tamén se preguntou se, tras a remodelación do hospital asilo de San Sebastián e San lázaro de Ribadeo, pasaría a privatizarse (síntoo, non gravei o audio)...




    Un dos textos lidos por Evaristo, carta para a que piden difusión os familiares dos 7291 falecidos nas residencias da Comunidade de Madrid, dirixida ó fiscal xeral e a xudicatura. Ligazón ás conclusións da comisión cidadá.

    O outro:



Xuntanza de pensionistas en Ribadeo

     Só unha nota curta de embranza: como cada primeiro sábado de mes, nas escaleiras do concello, este sábado haberá xuntanza de pensionistas en Ribadeo.



20240906

Patronais en Ribadeo

     Coas festas a piques de rematar, decátome de que non difundín a carteleira das patronais 2024. Aí vai, comezando polo final:






20240905

Domingo, festa pola paz

    A paz é necesaria. A súa lembranza, o seu desexo, mesmo en festas (sobre todo, nas festas), tamén.


E en Vilanova: