20240929

EMOJIS MUTANTES. Xosé Carlos Rodríguez Rañón

Composición a partir dunha captura de pantalla de www.emojitranslate.com

 

EMOJIS MUTANTES

Xosé Carlos Rodríguez Rañón

    O día 17 de xullo celébrase o día mundial do emoji, agora que hai días mundiais para todo. A súa orixe é xaponesa e nela “e” significa debuxo e “moji” signo, carácter ou personalidade. O termo emoji foi escolleito palabra do ano no 2019 por facilitar a comunicación non verbal para matizala, completala, suavizala ou enfatizala. Os seus antecesores na década de 1980 foron as emoticonas, creadas a partir dos signos de puntuación. Así, un sorriso representábase :), a tristura :(, unha chiscadela de ollo cómplice ;-) etc. Na década seguinte fixeron a súa aparición os emojis propiamente ditos para definir obxectos cotiáns (en sentido real ou figurado, como é o caso das froitas asociadas a significados sexuais) e sobre todo sensacións e emocións. O máis empregado de todos eles é sen dúbida a cara con bágoas de escachar a rir.

    Houbo varias campañas de usuarios a prol de engadir outros novos e para que os xa existentes foran máis polisémicos, inclusivos e adaptábeis ás características de cada país ou cultura. Ás veces algún deles leva a confusións ou a interpretacións erradas. Para iso mesmo existe unha web de consulta (www.emojitranslate.com), un verdadeiro dicionario de dúbidas desta linguaxe gráfica tan universal como os sinais de tráfico ou os códigos marítimos. A actualidade tamén exerce os seus condicionamentos sobre eles como sobre calquera outro sistema de comunicación. Así, a pandemia da Covid-19 deulle protagonismo ao pictograma da xeringa como símbolo da recén descuberta vacina.

    A auxe dos memes (elementos satíricos estáticos) e dos stickers (elementos satíricos en movemento, é dicir, animados) entre os membros da xeración Z (alcumados tamén centennials) obrigou á actualización dos emojis, dado que xa os ven un chisco anticuados e típicos de xeracións anteriores como a Y (ou milennial) e a X (ou da crise do petróleo de 1973, aproximadamente). A actual xeración, a Alfa, naceu con eles. Tanto é así que, por exemplo, a filla de 5 anos dunha amiga miña xa mos manda por whatsapp perfectamente combinados (como un xeroglífico exipcio) para que eu poida interpretar perfectamente o seu significado.

Ningún comentario: